0FICIOS TRADICIONAIS DA TERRA CHÁ.AS TECEDEIRAS.LUÍS HIXINIO FLORES.

OFICIOS TRADICIONAIS DA TERRA CHÁ (LUGO). AS TECEDEIRAS.

     No pobo de Balmonte, concello de Castro de Rei segue a traballar unha das poucas tecedeiras que quedan nesta comarca. Chámase Emérita Rivas Pol, ten oitenta anos e leva dende os catorce, idade en que a mandou a súa nai a aprender o oficio a Liñeiras (A Pontenova), adicándose a facer colchas, alfombras, tapetes e algún que outro encargo como tapices, escudos e cortinas.

 

 

 

EMÉRITA FACENDO A CRUZ PAFRA TRANSPASALA AS CARAVILLAS DA URDIDEIRA

 

 

 TEAR

 

 

 

EMÉRITA ANOANDO OS FÍOS DE TEA PARA PASALOS POLO LIZO

  

     Nace en Xudán no ano 1934. Ós dezaseis anos uns coñecidos ofrecéronlle traballo nunha casa no pobo de San Martiño (Castro de Rei). Esta casa, como tantas outras desta comarca, contaba co tear e co liño que eles mesmos traballaban pero faltáballes unha tecedeira que o puxese a traballar. Despois de pensalo moito decidiu, non moi convencida, virse para esta zona a traballar a pesares de que os cartos que lle ían a pagar non eran moitos, decisión que nunca lle pesou e nunca esquecerá. A acollida foi moi boa, tratáronna como se fose un membro máis da familia e facilitáronlle ó máximo para poder desenrolar o traballo a pesares de que daquela os teares estaban nas palleiras ou en lugares non moi confortables das casas.

      Quitando o liño, os materiais que está a utilizar para a confección das distintas pezas non se diferencia moito dos que se utilizaban nos primeiros tempos: a urdimbre é de algodón. Antes comprábase en madeixas nas feiras e agora cómprase bobinado. A trama, pode ser tamén de algodón, de trapos ou de la de ovella, la que ela mesma lava e fía para conseguir uns resultados do seu agrado, xa que as persoas que facían este traballo son maiores ou xa morreron e as rapazas movas xa non saben o que é fiar.

 

      1. PROCESO DE FABRICACIÓN.

      Podemos establecer tres etapas claramente diferenciables no proceso de confección de colchas, alfombras, etc.
      1. A URDIDURA..
      2. LEVAR A TEA Ó TEAR.
      3. A TECEDURA.

 

      1. A URDIDURA.

      Unha vez que temos os nobelos metidos nos compartimentos que ten o caixón dos nobelos e despregada convenientemente a urdideira, cóllese o costal de cada nobelo e vaise metendo polos buratos que ten a espadana. Pasados tódolos fíos, átanse formando o que se chama o biñón (12 fíos). O biñón lévase á parte superior da urdideira e suxeitase a prolongación do pau que a súa vez se suxeita o travesaño que une pola parte superior os dous vértices da urdideira impedindo así que se cerre coa forza que lle poida imprimir o algodón ó enrolalo. Unha vez que temos o biñón suxeito, cóllese a espadana coa man dereita e cos dedos da man esquerda (fig. 7) faise a primeira cruz que ten que levar a urdimbre. Para que non se desfaga a cruz colócase entre os dous paus que leva por unha esquina o travesaño que, como dixemos antes impide o cerre da da mesma. De seguido, coa man esquerda empúxase a urdideira facéndoa xirar de esquerda a dereita de tal forma que o biñón vaise enrolando arredor da urdideira. As voltas que se teñen que dar dependen das pezas que queira facer a tecelana. Cada volta completa da urdideira, nos tempos de antes que as colchas eran máis curtas, viña equivalendo a unha colcha ou o que era o mesmo a catro varas; agora como se teñen que facer mais largas a correspondencia ven sendo de unha volta e media por colcha. A tecelana xa en antemán sabe as varas de lenzo que quere meter no tear, por iso dependendo da lonxitude deixa intercalados máis o menos dentes na urdideira a hora de ir enrolando. Unha vez que chega enrolando ao fondo da urdideira cómpre facerlle a segunda cruz a urdimbre, para eso no travesaño inferior da urdideira van espetados dous pauciños verticais nos cales vaise enrolando alternativamente o biñón, primeiro dun lado e despois do outro podendo así contar dunha maneira máis doada as voltas completas que leva urdido. Unha volta completa considerábase levar o biñón dende a cruz de arriba ata a cruz de abaixo e viceversa, ou sexa baixan 12 fíos e soben outros doce, o conxunto dos 24 fíos é o que se chama “o cadillo”, tendo en conta que un lenzo dunha colcha soe levar de 25 a 30 cadillos (de 600 a 720 fíos) cómpre repetir a operación de enrolado de 25 a 30 veces para terminar o proceso. Unha vez terminada a urdime temos que sacala da urdideira. O primeiro que ha que facer e atar un cordón as cruces que se fixeron para que non se desfagan, seguidamente cóllese polo extremo superior a tea a vaise facendo unha cadea (fig. 8) para poder levala ó tear sen enredarse.

 

 

 ESPADANA

 

 CADEA

 

      2. LEVAR A TEA O TEAR.

      Unha vez que está a cadea feita cómpre levala ó tear para enrolala no rolo de adiante do tear, para esta operación fan falla polo menos tres persoas, cada unha delas vaia ter unha función determinada que especificaremos máis adiante. 

      O primeiro que hai que facer é meter por un dos ocos da cruz que se fixo na parte inferior da urdideira un listón de madeira que encaixa nos pivotes que ten o rolo do tear colocados lonxitudinalmente. Este listón leva un cordón atado dunha esquina a outra, desátase dun lado e métese o cordón polo outro oco que queda na cruz para volvelo atar de novo na esquina, isto faise coa finalidade de que non se desfaga a cruz e se poida estender ó largo do torno para poder separar os cadillos e meter cada un por cada dente que ten o restelo, de seguido pásase a tea por riba do travesaño posterior que suxeita a tea para que o peine poida petar e comprimir a trama, posteriormente ha que pasala por debaixo do travesaño inferior de adiante que vai a facer de soporte para poder tensala fortemente.

      As tres persoas necesarias para meter a tea van a realizar as seguintes funcións:

      • Unha vai a ser a encargada de facer forza nas chavellas do rolo para que este xire e vaia enrolando a tea.

      • Outra persoa é a a encargada de tensar a tea; ten que tirar dela cara arriba con forza e sen correr as mans para que non se engueten os fíos.

      • A terceira persoa, que xeralmente é sempre a tecelana, é a encargada de controlar mediante o restelo o proceso de enrolado na tea no rolo, tamén se encarga de anudar os fíos no cadillo que lle corresponde que por calquera motivo romperan.

      Unha vez que xa temos toda a tea enrolada no rolo cómpre facer o embeñado. O embeñado consiste en meter os fíos polas liceiras e o pente. Cada lizo como se pode apreciar no debuxo nº 18 ten unha especie de casilla que é por onde se van metendo os nós alternativamente para despois ir meténdoos de dous en dous por cada dente do pente, no caso de facer mandís só se metía un fío por cada dente. Para evitar este proceso que é bastante traballoso e delicado o que se facía era cortar a tea uns 20 ou 30 cm. Por diante do pente e outros tantos por detrás dos lizos para posteriormente ir anudando os cadillos para que os fíos non se soltaran do compostoiro. Desta forma o único que tiña que facer a tecelana era ir anudando fío a fío da tea que acababa de meter cos fíos que tiña xa metidos no compostoiro, de seguido os fío cons seus nós pasábanse con coidado por entre as casillas dos lizos e os dentes do peine. Unha vez pasados tódolos fíos para aproveitar ó máximo a urdimbre soíase anudar os cadillos e metíase un listón de madeira por entre eles, listón que se ataba cun cordel prolongándose ata o rolo dos lenzos, enrodelándose a medida que a tecedeira ía tecendo, a esta operación chámase “encordado”, tamén se facía cando a tea se terminaba no rolo de adiante.

 

LIZO

 

 

      3. A TECEDURA.

      Unha vez montado o tear, operación que leva de catro a seis horas xa está todo disposto para empezar a tecer. A tecedeira métese dentro do tear, de pe, arrimada a táboa posterior, non sentada, calca unha das premedeiras e automaticamente fai subir unha liceira mentres a outra ten que baixar polo que queda un espazo libre entre as dúas seccións da urdimbre que é por onde vai pasar a néciga dun lado para outro. A néciga coa mazorga dentro cóllese coa man esquerda para lanzala cara o outro lado. Ó pasar foise desenrolando a mazorga deixando un fío todo ao largo. Se o que se está a facer e unha colcha con debuxos, cómpre levantar ese fío e ir enrolando nunha variña de ferro para que queden tódolos puntos á mesma altura e así vaian conformando o debuxo que se lle queira dar; para facilitar a labor utilízase o gancho que aparece no debuxo nº 13.
      A continuación crúzase novamente a urdimbre pisando a outra premedeira e coa man dereita ou coas dúas cóllese a manilla do caixal e bátese fortemente o pente contra o fío cruzado para que quede ben apanado, cantos máis golpes se lle de mellor vai a quedar o tecido. A medida que a tecedeira vai avanzando no lenzo cómpre ir desenrolando a urdimbre para ir enrolando o lenzo, isto faise erguendo as chavellas que traban as rodas dentadas que levan os rolos. Unha vez que xa temos os lenzos fóra do tear aínda queda amecelos convenientemente para que os debuxos vaian ben encaixados. Se o que se fixo son colchas hai que poñerlles o fleco, antes tódolos fleco facíanse no tear dos flecos pero agora fanse tamén no propio tear.
En tódolos teares pódense facer colchas de felpa e colchas de repaso, o único requisito imprescindible e de dispoñer de máis ou menos lizos, polo que o embeñado tamén ten que ser distinto.

 

GANCHO

 

 

      2. NOMES E FUNCIÓNS DOS APARELLOS.

      2.1. DEBANADOIRA. (Debuxo nº 1).

      Función: Permitir con facilidade converter as madeixas en nobelos para que se poidan urdir.
      Descrición: Consta de dous brazos encaixados a media madeira dunha lonxitude aproximada de 90 cm. Que xiran en sentido horizontal sobre un pivote que sobresae doutra peza que é a que sustenta todo o artiluxio chamada pé. Cada un dos brazos no seu extremo leva uns buratiños onde se lle espetan uns paus que teñen a finalidade de suxeitar e fixar a madeixa.
      Proceso: Unha vez posta e fixada a madeixa na debanadoira cóllese o costal do fío e empézase a enrolar arredor dunha alma que xeralmente é un papel ou un cartón dobrado. No caso de non dispoñer deste artiluxio, ou ben porque era pouca a cantidade de fío a debanar, o proceso facíase igual con dúas persoas, unha delas suxeitaba a madeixa por dentro cos brazos cos brazos entreabertos sen tensala demasiado para permitirlle o fío desenvolverse con facilidade mentres a outra persoa ía enrolando o fío.

 

DEBANADOIRA

 

 

      2.2. MAZORGUEIRO. (debuxo nº 3).

      Función: Enrolar rapidamente e con facilidade o fío que temos nos nobelos na canela de madeira de bieiteiro formando a mazorga.
      Descrición: Está formado por dúas rodas macizas acanaladas, unha grande e a outra pequeniña, artelladas sobre unha mesa non moi grande. A Roda pequena está provista dun eixe de ferro que se prolonga por un lado diminuíndo de diámetro a medida que se vai alongando da roda para así facilitar a entrada da canela.
      Proceso: O movemento que a tecelana lle imprime a roda grande por medio dunha manivela é transmitido a roda pequena por medio dun cordel que vai encaixado na canle que teñen as dúas rodas. Ó ser dun tamaño desproporcionado unha roda con respecto a outra, os xiros da pequena multiplícanse con respecto á grande facilitando mito o enrolado na canela.

 

MAZORGUEIRO

 

 

      2.3. TEAR DOS FLECOS (debuxo nº 9).

      Función: Elaboración dos flecos que adornan determinadas prendas.
      Descrición:Consta esencialmente de dúas partes ben diferenciadas:
      • Un rolo onde se enrolan os fíos que van a conformar a urdimbre do fleco
      • Unha táboa cunha serie de rañuras paralelas. Na parte media do listón que queda entre rañura e rañura leva un furadiño.
      Proceso: Primeiramente cóllense unha serie de fíos dependendo da anchura que se lle queira dar o fleco e enrólanse no rolo, de seguido vaise collendo o costal de cada un dos fíos para metelos polas rañuras e os furadiños que ten a táboa, unha vez que están todos metidos anúdanse e xa se pode empezar o tecido, soamente hai que levantar todo o conxunto, os fíos que se meteron polas rañuras podes subir e baixar mentres que os aque van polos buratos permanecen fixos, desta forma divídese e entramado en dúas partes, posibilitando con elo meter os outros fíos que van a conformar a trama.

 

 

 

TEAR DOS FLECOS

 

 

      2.4. URDIDEIRA. (debuxo nº 5).

      Función: Preparar os fíos que temos nos nobelos para convertelos nunha tea para poder ser levada ó tear.
      Descrición: Componse de dous grandes rectángulos que cando se despregan encáixanse a media madeira, son atravesados por un eixe que na parte inferior acaba nunha especie de couzón que xira nun oco doutra peza troncopiramidal. Os travesaños verticais teñen unha serie de dentes para suxeitar mellor os biñós que se van enrolando na urdideira, nun dos travesaños horizontais leva espetados uns paus coa finalidade de facer anchas as cruces da urdimbre. A outra cruz faise nos paus que atravesan a peza que une pola parte superior ós dous lados da urdideira.

 

 

 

URDIDEIRA

 

      2.5. ESPADANA. (debuxo nº 6).

      Función: Xuntar os fíos dos doce nobelos que están no caixón para que non se enreden. É unha peza non imprescindible pero non cabe dúbida que facilita moito a labor da tecelana.
      Descrición: Peza de madeira en forma de raqueta rectangular que ten doce furados, seis por cada lado paralelos entre eles.
      Proceso: Unha vez que están os nobelos no caixón cóllese o costal de cada un deles e a continuación átanse formando o que se chama o biñón.

      2.6. CAIXÓN DOS NOBELOS. (debuxo nº 12).

      Función: Separar os nobelos para que a medida que se van desenrolando non se embeleñen os fíos.
      Descrición: Caixón de castaño aberto por arriba de 130 cm. De largo por 43 cm de ancho cunha altura de 15 cm. O seu interior está dividido en doce compartimentos onde se meten os nobelos.

 

 

CAIXÓN DOS NOVELOS

 

      2.7. MAZORGAS. (debuxo nº 4).

      Función: Son as bobinas de fío de algodón ou de la que constitúen a trama do tecido que se fan no mazorgueiro, o fío vaise enrolando nunha canela de madeira de bieiteiro de cal previamente se lle había quitado a mola para poder encaixala no eixe de ferro da roda pequena do mazorgueiro.

 

     2.8. NÉCIGA. (debuxo nº 10 – 11).

      Peza de madeira suave que ben pode ser de buxo ou de cerdeira con forma de lancha, ten a función de aloxar a mazorga no seu interior oco para así poder pasar con máis facilidade entre as dúas tramas da urdimbre.
A mazorga para poder dar voltas necesita dun eixe que xeralmente é de sabugueiro e que encaixa nuns buratiños que ten a néciga en cada un dos lados. A variña de sabugueiro débese coller en minguante para que dure máis e non se rompa.

 

NÉCIGA

 

      2.9. RESTELO. (debuxo nº 16).

      Está formado por un listón de madeira que leva espetados unha serie de dentes paralelos moi semellantes ós dun angazo coa particularidade de que pode ser pechado pola parte de arriba con outra peza de madeira onde encaixan os dentes. A súa función e a de facilitar meter a urdimbre no tear para que os cadillos non se enreden e se poidan enrolar con orde no rolo de atrás do tear.

 

 

RESTELO

 

     2.10. TEMPEREIRO. (debuxo nº 19).

     Ten a función de facilitar que se leve sempre o mesmo ancho no lenzo. Esta formado por dúas pezas de ferro, unha delas ten unha serie de furados onde encaixa o extremo curvado e puntiagudo da outra peza, cambiando de furado a peza alóngase ou acúrtase a distancia que tensa.
As dúas pezas, nos seus extremos teñen uns dentes os cales lles permiten suxeitarse con facilidade o lenzo.

 

TEMPEREIRO

     2.11. GANCHO DE LEVANTAR O FÍO DA TRAMA. (debuxo nº 13).

     Facilita o levantamento do fío para sacar os puntos que van a conformar o debuxo. Non é imprescindible xa que hai teceláns que esta operación fana cos dedos aínda que dunha forma moito máis traballosa.

 

GANCHO DE LEVANTAR O FÍO DA TRAMA

 

     2.12. TEAR. (debuxo nº 21).

     A pesares de que os nomes das distintas pezas do tear fóronse perdendo, vou a tratar de describir este artiluxio atendendo os datos que fun recollendo. O tear de Emérita está formado por un armazón de catro patas unidas por dous trvesaños lonxitudinais por cada un dos lados, pola parte de adiante, as patas van unidas por un travesaño inferior e outro superior, entre estes dous travesaños leva un rolo de forma octogonal cunha roda dentada coa finalidade de que poida ser trabado por unha chavella que vai suxeita o travesa lonxitudinal superior do mesmo lado. Pola parte de a atrás esta estrutura unicamente leva un travesaño na parte inferior que une as dúas patas que son máis baixas cas dianteiras, neste travesaño, na parte central van suxeitas as premedeiras (debuxo nº 22) dunha forma moi sinxela para que non anden esvarando dun lado para outro ó premelas. Na parte superior das patas de atrás vai colocada unha táboa móbil onde a tecedeira pode apoiarse pero non sentarse mentres está tecendo.
     Entre os dous travesaños lonxitudinais inferiores vai colocado outro rolo onde se vai ir enrolando os lenzos que se van facendo; é das mesmas características co rolo de adiante, unicamente se diferencia en que é dun diámetro máis pequeno e os dentes da roda son máis miúdos e están escavados dentro da mesma. Sobre este corpo encaixados sobre os travesaños lonxitudinais superiores vai outra estrutura en T formada por dúas pezas, a peza superior leva cada un dos lados un pequeno rebaixe para poder xirar uns listóns dos cales a súa vez penduran as roldanas que suxeitan os lizos (debuxo nº20) e o caixal co seu pente (debuxo nº 15).
     A pesares da diferencia que podemos atopar ó observar distintos tipos de teares o seu funcionamento é basicamente o mesmo en todos eles, podendo establecer dúas partes claramente diferenciables:

     1. Un armazón ou esqueleto sustentador das pezas móbiles
     2. Un conxunto de pezas que traballan nesa estrutura.
          o Tornos, ou os lizos coas súas roldanas, ou as premedeiras, ou o caixal co !!br0ken!!

 

 

TEAR

 

 

 

 PREMEDEIRAS

 

LIZO

 

 

CAIXAL CO SEU PENTE

 

  

    2.13. OS ROLOS.

    Son unas pezas octogonais cuns espigos que encaixan nas patas que lles permite xirar e que teñen a función de enrolar a urdimbre e o lenzo. Para facilitar o enrolado levan unhas chavellas perpendiculares xunta a roda dentada, tamén levan uns pivotes (debuxo n 4) colocados lonxitudinalmente que serven para suxeitar a vara que ten conta do lenzo e da urdimbre.

     2.14. AS PREMEDEIRAS (debuxo nº 22).

     Son unhas pezas alongadas suxeitas por un lado ó travesaño inferior que une as dúas patas traseiras e polo outro lado van atadas os lizos mediante un cordel, a súa función é a de accionar os lizos a ser premidas pola tecelana cos pés, como mínimo en todo tear ten que haber dúas.

 

 

PREMEDEIRAS

 

     2.15. AS ROLDANAS. (debuxo nº 20).

     Están formadas por un corpo cun burato por onde pasa o travesaño que a suxeita e unha roda cunha canle para que poida correr o cordel que vai atado ós lizos.

     2.16. CAIXAL. (debuxo nº 15).

    A súa función primordial é a de suxeitar fortemente o peine, este vai encaixado dentro do canal das dúas pezas que forman o caixal. O caixal está pendurado por dous brazos fixos suxeitados e a un travesaño que xoga no alto do tear. Está formado por dous listóns, o inferior fixo e o superior móbil. Cada un deles leva unha canle onde encaixa o pente, a peza superior ten unha agarradoira na súa parte central que lle permite á tecedeira agarralo con forza para darlle bos golpes ós fíos que cruzan para que a trama vaia ben apertada.

 

CAIXAL

 

     2.17. PEINE (debuxo nº 17).

     A función é a de apertar fortemente a trama cada vez que se cruzan os fíos, os dentes ou as láminas que teñen están formadas por cana cocida suxeitados polos seus extremos por uns listóns que van atados por medio dun fío de cáñamo. O último peiteiro, que por certo tiña fama de facer uns pentes moi bos, era do pobo de Aldurfe (Riotorto) e xa morreu fai moitos anos.

 

 

PEINE

 

 

     2. 18. LIZOS. (debuxo nº 18).

     Teñen a función de dividir a urdimbre en dous planos de fíos alternos que cambian ou se cruzan ó premer unha ou outra premedeira, arrastran cara arriba e cara abaixo unha sección de cadillos, permitindo así o paso da néciga. Por un lado van colgados das roldanas por un cordón que corre pola roda acanalada e polo outro vai atada a premedeira. Para tecer son necesarias como mínimo dúas liceiras. Están formadas por dúas varas unidas por fíos de cáñamo convenientemente anudados para deixar pasar os nos dos cadillos. No medio dos fíos levan outro nó formando una especie de casilla por onde se van a meter os fíos alternativamente.

 

 

LIZOS

 

     2. 19. PAO GALLADO OU GALLITO (debuxo nº 14).

     Está feito xeralmente de sabugueiro aínda que tamén pode ser de xesta. A súa función é a de separar as cruces para que non se desfagan á hora de meter a tea no tear e así poder estendela para facilitar o embeñado.

 PAO GALLADO

    Por último, xa para rematar vou a lembrar algún dito e algunha adiviña desta comarca que fan referencia ó tear e ó oficio da tecedeira e que veñen a demostrar a grande importancia e relevancia que tiveron estas mulleres na sociedade ata o punto de quedar inmortalizadas polo noso folclore popular.
Digo das mulleres xa que este oficio foi desempeñado exclusivamente por mulleres nesta comarca.

Costureira nona quero,
e tecelana tampouco,
da moi mal durmir na cama,
ergue un pé e baixa o outro.

Tras unha porta
vin facer:
dar de barriga
sacar e meter

(a tecelana no tear)

 

Tecelana, tecelana.
Tecelana de bo lenzo,
que debaixo do teu tear
teño o meu pensamento.

 

A tía Xoana estaba tendida,
o tío Xoán andaba por riba,
A tía Xoana abría e cerraba,
o tío Xoán sacaba e metía.

(a néciga)

 

Costureira non a quero,
tecedeira tanto me dá
a filla dun labrego,
esa para min será.

No monte nace,
no monte se cría
e despois baila,
cos señores ds vila.

(a debanadoira)

 

 

 ILUSTRACCIÓNS

 

 

TEAR CUN LENZO PARA UNHA COLCHA DE FELPA

 

 

 

 

 

EMÉRITA FACENDO A CRUZ PAFRA TRANSPASALA AS CARAVILLAS DA URDIDEIRA

 

 

 

 

EMÉRITA ANOANDO OS FÍOS DE TEA PARA PASALOS POLO LIZO

 

 

 

DETALLE DE COMO EMÉRITA ANOA OS FÍOS DE TEA…

 

 

 

MULLER PREPARANDO A LA PRA LOGO INICIAR A FIA

 

 

 

LUSCINDA FIANDO EN XUDÁN (A PONTENOVA)

 

 

 

 

 

 

Ir arriba