I. ANO 2009. O PATRIMONIO DA AUGA NA TERRA CHÁ. (I) AS BARCAS.

BARCA  NA RIBEIRA DO RIO MIÑO (MARTUL) (LUGO).

 

 

 O PATRIMONIO DA AUGA NA TERRA CHÁ. (I) AS BARCAS.

  AUTOR: ORLANDO VIVEIRO VEIGA

   Revista de Investigación “ETNOGRAFIA”,  nº1, 2009. I.S.S.N. 1989 – 8541.

  Web, http://mesondoforno.com.

 

     Na comarca chairega a auga é un elemento abondoso que determina a paisaxe de xeito significativo. A existencia de numerosos regatos, regos, lagoas, fontes, etc, debuxan unha rede complexa na que o río Miño ten o papel de actor principal. Este elemento, en tanto que parte do escenario no que se creou e pervive a cultura propia, ainda que encarada a un futuro incerto, foi asumido polos seus moradores e con el contan tanto á hora de utilizar os recursos que proporciona como mesmo no deseño e na elaboración do imaxinario popular no cal a presenza da auga figura en lugar importante. Diversos foron asimesmo os elementos patrimoniais que foron xurdindo ao redor da auga, que permiten achegarnos á particular forma de concebir a súa presenza na vida dos chairegos e chairegas, moitos deles en grave perigo de desaparición a día de hoxe e dos que tentaremos facer unha breve achega neste traballo.

     Falaremos en primeiro lugar das barcas, que tiveron unha presenza regular por toda a bacía do alto Miño, dende preto do seu nacemento polas terras de Meira e da Pastoriza ata mesmo a cidade de Lugo, e tamén no curso dos seus afluentes principais: Támoga, Ladra-Parga, e curso baixo do Narla. Estas embarcacións, que foron utilizadas para o transporte de persoas, animais, e mercadurías, reproducen modelos que veñen de lonxe no tempo. Presentan planta de forma trapezoidal con tendencia a estreitarse na dianteira, procurando operatividade á hora de navegar por lugares angostos e de pouca fondura. O tamaño ía en función do labor ao que se destinaban, dende as de maior tamaño: os “barcóns” para a extracción de area e coios, ou as grandes barcas con dúas biqueiras nas que entraba o carro coa parella de bois, ata as barcas de paso situadas nos portos, e rematando polos pequenos batuxos moi manexábeis en regos estreitos ou cando o río asulagaba os terreos das ribeiras, durante as grandes cheas do inverno.

O PORTO DAS BARCAS DE PARADA (OUTEIRO DE REI) (LUGO)

 

     A construcción dunha barca comenzaba polas “ladeiras” ou laterais, que son dunha peza e van cortadas as dúas de idéntica forma. A continuación encrávanse nelas as táboas do fondo, emparelladas “a tope” facilitando así a substitución en caso de deterioro, e tamén a “biqueira” ou dianteira, que en ocasións leva un reforzo con cintas de ferro dado que é esta parte a que se desgasta máis frecuentemente ao rozar contra as pedras no proceso de amarre. Na biqueira rematan as ladeiras en pico e por enriba delas vai unha táboa na que se coloca unha argola que serve para efectuar dito amarre. A parte posterior, chamada traseira ou “cueira”, vai cravada nas ladeiras e na primeira peza do fondo contando asimesmo con outra táboa pola parte superior que se utiliza para sentar os pasaxeiros ou transporte de carga.

     O fondo está permanentemente en contacto coa auga mantendo a parte posterior un plano horizontal mentras que do medio para adiante vai volteando cara arriba ata morrer no bico da embarcación. Esta parte volteada é coñecida como “peito”, sendo a que tropeza coas beiras e padece o maior desgaste o que motiva levar as táboas emparelladas a tope mentras as outras van a “cantil”. Algúns modelos levan un reforzo pola parte interior do fondo consistente nunha peza colocada en sentido lonxitudinal, na que se encravan todas e cada unha das táboas que conforman o fondo, esta peza pola zona da Santa Sabela recibe o nome de “lagarto” ou “peixe” e por extensión a barca que a leva é coñecida como “lagarteira”.

     Finalmente outros tipos levaban unha táboa na metade, atravesada enriba das ladeiras, nomeada “travesa” ou traveseira, que fai función de asento ou para subir enriba dela, se o barqueiro domina a arte de remar, logrando un maior empuxe da embarcación na dirección desexada. Tamén hai algunhas que levan unha táboa en sentido lonxitudinal, perpendicular coa travesa, que une a biqueira coa traseira e vai apoiada nun pequeno pé encravado no fondo, denominado “estribo”.

 

 

TRAVESEIRA DUNHA BARCA

 

     As madeiras utilizadas na construcción das barcas, eran a de ameneiro e a de castiñeiro. A primeira, que se pode utilizar recentemente cortada, serve para o fondo dada a resistencia desta árbore á auga, e o castiro curado para o resto da embarcación. A corta procede facela en decembro ou xaneiro, cando están as árbores sen folla, ou ben no menguante de agosto, coa finalidade de que as táboas non se piquen. A feitura era encomendada a carpinteiros da zona, ou aos propios veciños, que por experiencia coñecían os modelos que mellor navegaban.

     Unha vez rematada a construcción, nalgúns lugares asulagábase a barca tres ou catro días, procedendo logo ao secado e posteriormente recibía un baño impermeabilizante de chapapote, o que a deixaba en condicións adecuadas para o seu uso. As fendas que ían aparecendo por mor do uso eran tapadas coa introducción de trapos e chapapote impedindo a entrada de auga por elas.

     Para navegar o barqueiro axudábase da “rema”, unha vara longa de avelaira ou abidueira que en ocasións pode superar os cinco metros, que apoiada no fondo xeraba o impulso suficiente para mover a barca. En ocasións esta vara levaba un reforzo de ferro ou “ferradura” no couce, tal como as “aguilladas de  ferrón”, que tiña como obxectivo evitar o esvaramento polo leito rochoso do río e, por outra banda, golpear no fondo do mesmo axotando a pesca na dirección desexada. A rema quedaba na barca por debaixo da traveseira ou levaba unha argola pola que se encadeaba á mesma para que non se perdera.Outro accesorio necesario para barquear era un cazo ou cupeta que se usaba para achicar a auga que entraba no interior da embarcación. En tempos esta función facíase coa dianteira dunha zoca vella cortada de esguello.

     As barcas permanecían habitualmente amarradas ás árbores das ribeiras ou tamén a unhas pedras chantadas con un burato no seu centro, chamadas “amarradoiros”. O atume facíase utilizando unha cadea que se pechaba con un aparello feito polos ferreiros chamado “cubela”. Cando a barca se quitaba do río, para facilitar o escorregamento polo chan, colocábase enriba da rema o que provocaba o deslizamento da embarcación.

 

AMARRADOIRO

 

     A arte de navegar era adquirido coa práctica, así o desprazamento da embarcación está provocado polo empuxe do corpo do barqueiro actuando como prolongación da rema que, apoiada no fondo do río a xeito de panca, xenera o impulso para que esto suceda. O home vai terciado na barca, procurando un equilibrio que proporcione a máxima rendabilidade á hora de remar. Para esto sítuase na parte da cueira coa vara río abaixo quitando esta sempre por tras da embarcación, que irá bico arriba e de esguello á forza da corrente, evitando situarse de traveso para non provocar un probábel afundimento. A rema ten que apoiar de par da barca evitando quedar debaixo o que levaría á súa perda e quedar sen goberno, cousa que en ocasións se procuraba evitar levando outra rema de reposto. Cando o río vai cheo e non se alcanza o fondo, rémase ás dúas mans ao xeito das barcas de pá. A barca, cando vai cargada, “prende” moito e o paso do río faise dificultoso, daquela compre subir río arriba, arrimado á beira o máis posíbel, e logo xirar en dirección ao centro da corrente ou “madre”do río deixándose arrastrar logo na procura da outra banda.

     Hoxe quedan poucas barcas. A súa funcionalidade vai mermando ao tempo que desaparecen os usos que motivaron a súa aparición. Esta situación vese agravada por posturas administrativas intolerantes adoptadas lonxe da filosofía conservacionista do noso patrimonio e da nosa cultura, tales como obriga de pagar matrículas por elas. Todo esto converte o feito de ter unha barca nun esforzo persoal que cada día conta con menos persoas dispostas a asumir. Nós botamos de menos un proxecto de conservación global do patrimonio fluvial no que a administración desempeñe o papel fundamental, que conte con veciños e veciñas das ribeiras no seu deseño e na súa execución. Se queremos manter viva esta riqueza non queda outra saída.

 

 

BIBLIOGRAFÍA

-Asociación cultural “María Castaña”. “Facéndolle as beiras ó Miño”. Ardentía nº2. Revista galega de cultura marítima e fluvial.

-Flores Rivas Hixinio e Viveiro Veiga Orlando. “O Patrimonio da auga”. Revista Terra Chá, nº 6.

-Vázquez Rodríguez Xosé M. “Os barqueiros na Ribeira Sacra: a desaparición dun modo de vida”. Revista Lvcensia.

-Vázquez Rodríguez Xosé M. “Embarcacións fluviais no país dos encoros”. Revista Lvcensia nº22.

-Vázquez Rodríguez Xosé M. “As embarcacións fluviais: do legado a novos usos en activación”. Ardentía nº2

-Viveiro Veiga Orlando. “Os barqueiros de Cela”. Ardentía nº3.

-Asociación cultural “Barcas do miño”. www.barcas.org

-Federación galega pola cultura marítima e fluvial.

www.culturamaritima.org

 

ILUSTRACCIÓNS

 

BARCA ASOLAGADA POR FALTA DE USO.

 

PORTO DAS BARCAS NO RIO MIÑO AO SEU PASO POR PARADA (OUTEIRO DE REI).

 

BARCA NA RIBEIRA DO MIÑO (MARTUL) (OUTEIRO DE REI).

 

BARCA CON REMA NO RIO MIÑO (PARADA) (OUTEIRO DE REI).

 

BARCA CON TRAVESEIRA..

 

AMARRADOIRO DE BARCA NO RIO MIÑO AO SEU PASO POR PARADA (OUTERIRO DE REI).

 

AMARRADOIRO DE BARCA NA RIBEIRA DO RIO LADRA AO SEU PASO POR CABOI (OUTEIRO DE REI).

 

 

 

Ir arriba