I. ANO 2009. A FESTA DA FABA EN LOURENZÁ (LUGO).

 A FESTA DA FABA EN LOURENZÁ (LUGO).

  AUTOR: JOSÉ MANUEL BLANCO PRADO.

   Revista de Investigación “ETNOGRAFIA”,  nº1, 2009. I.S.S.N. 1989 – 8541.  

  Web, http://mesondoforno.com. 

   Artigo publicado en  Tempos de Festa. T. II, Fundación Caixa Galicia, 2008,  páxs. 462-466,

 

A FESTA DA FABA NA LOCALIDADE DE LOURENZÁ (LUGO). 

 

1. ALGÚNS DATOS HISTÓRICOS E XEOGRÁFICOS SOBRE O CONCELLO  DE LOURENZÁ.

      O concello de Lourenzá se localiza nun bonito val ó Norte da provincia lucense e forma parte da Mariña Central de Lugo. Ocupa unha extensión de case 63 km2 e ten como límite unha serie de concellos lucenses, como son Foz ó Norte; Riotorto ó Sur; Barreiros, Foz e Trabada ó leste e Mondoñedo ó oeste. No seu interior, hai un fermoso val que abrangue dende as estribacións do Padornelo ata as de Cadeira e dende as de Cornería e Curros ata as de Pena do Porco e a Fraga.
     Por outra banda, este concello posúe tres zonas claramente delimitadas: unha de suaves pendentes; a segunda de pendentes máis pronunciadas, entre os 200 e 300 metros de desnivel; e a terceira, oscilando entre os 300 e 400 metros.O clima é de tipo oceánico húmedo, con abundantes precipitacións pero cunhas temperaturas suaves.
     Demograficamente, a poboación do municipio diminuiu dende os comezos do século XX, cando posuía uns 5000 habitantes. Este descenso debeuse, en gran medida, ós movementos migratorios de cara ó exterior, nun primeiro momento á América; logo, a Europa, e, tamén, ás comunidades españolas de máis industria. No ano 2004, o concello tiña unha poboación de 2699 habitantes, distribuidos en catro parroquias, do seguinte xeito: Sta. María, con 1297; San Xurxo, 349; Santo Tomé, 488; e San Adriano, 565.
     Dende o punto de vista histórico, as orixes do poboamento están ligados ós castros existentes no concello; así, nas parroquias de Santa María, Santo Tomé e San Xurxo, hai lugares que reciben o nome de “Castro”. De tódolos xeitos,  este concello, a partir do século X, está ligado a D. Osorio Gutiérrez, máis coñecido como o Conde Santo.
    Por outra banda, a economía do municipio baséase en actividades de índole agropecuaria, destacando en tres subsectores: a agricultura, a gandería e a explotación forestal. Con respecto á agricultura, hai que distinguir un policultivo intensivo, debido á fertilidade da terra e á concentración parcelaria, que permitiu unha intensificación na producción. A gandería é outro factor relevante do desenvolvemento económico, sobre todo o gando vacún e o porcino. Así mesmo, a riqueza forestal xerou unha potente industria derivada de transformación, que proporcionou unha importante materia prima para o seu posterior aproveitamento en aserradeiros e fábricas de mobles. En canto ó sector secundario, a poboación activa (12%) aglutínase na transformación madereira e láctea, nas industrias extractivas, etc. Finalmente, o sector de servicios localízase na capital do concello, onde se emprazan os servicios administrativos, sanitarios e comerciais. Estes últimos, están claramente reflectidos nos mercados e feiras da capital do municipio, que se realizan os días 9 e 28 de cada mes.

 2. A FESTA DA FABA.

 

 2.1.   O PRODUCTO.
 

     A faba é unha planta herbácea da familia das leguminosas. Produce sementes comestibles que maduran dentro do bagullo que as protexe. As flores da planta posúen unha estructura que pecha o órgano sexual feminino, que, logo, se converte en legume. A máis coñecida en Galicia recibe o nome de “faba ou feixón”.

    Asi mesmo, as leguminosas producidas na Mariña lucense presentan unha calidade relevante, xa que as condicións edafolóxicas da zona son axeitadas para o seu cultivo, o mesmo que as abundantes chuvias e as temperaturas suaves.
    A faba de Lourenzá chega ata os consumidores logo dun riguroso proceso de selección, almacenamento e conservación. Despois da colleita a leguminosa é sometida a unha importante limpeza, excluíndo calquera posible corpo inusual xuntado ó gran. Posteriormente, rexeitanse os grans con imperfeccións e distribuense as fabas en canto o seu tamaño. Para eludir o xurdimento do gurgullo e o estrago da leguminosa, a faba é introducida, durante 48 horas como mínimo, nunha cámara frigorífica a unha temperatura inferior aos – 20º C . Unha vez superado este proceso, o producto é almancenado a unha temperatura ambente en locais axeitados, onde persisten ata o momento do envasado.

 

 2.2.  OS COMEZOS DA FESTA.
     O concello iniciou un proxecto de explotación e comercialización das fabas do Val de Lourenzá con cursos impartidos por expertos sobre os coidados que a faba debe de ter para obter os mellores resultados. Unha das impulsoras deste producto foi  Dª Fe Rodríguez Rocha, alcaldesa do concello, quen comprobou persoalmente a productividade das fabas por medio dunha plantación propia, que adoitaba amosar ós seus veciños para que apreciasen a rendibilidade do producto.
     A festa da faba naceu en 1990 debido, polo tanto, a unha iniciativa do Concello de Lourenzá para promocionar e incrementar o seu consumo . Inicialmente a Festa, declarada de Intérese Turístico Galego pola Xunta de Galicia, celebrábase o primeiro domingo de outono. Non embargantes, a partir do ano 2003, a festa comeza a celebrarse todo o fin de semana o que motiva planificar máis actividades. Nestas datas acoden compradores, productores e tratantes deste producto, que vai adquirindo un maior pulo de cara ó exterior, a medida que transcorren os  anos.
    No ano 2005, había 10 postos de fabeiros na praza do Conde Santo. A maioría deles eran das parroquias de Santa María e Santo Tomé de Lourenzá; logo había un posto de Vilalba e outro do Valadouro.  A súa finalidad esencial era vender fabas do val de Lourenzá. Segundo Teresa Recalde, de Sto. Tomé (Lourenzá), os prezos das diferentes calidades de fabas por kg.  foron os seguintes: Faba blanca de Lourenzá, curada, envasada en saquetos de 1 kg.= 8 euros; faba verde de Lourenzá = 5 euros; faba pequena, blanca, propia do caldo= 3 euros; faba verdina, axeitada para acompañar ó marisco= 7,50 euros; faba blanca de Lourenzá, curada, mais sen envasar = 7,50 euros. Non embargantes, algunha vendedora, como “Fabas Maruxa” de Sto. Tomé, puso a venda, ademais das citadas, outras que ela colleita pola súa conta, como, Faba de Tolosa = 6 euros; faba amarela para potaxe = 5 euros; faba mandelín, tamén, para potaxe = 6 euros; e faba as negritas, de orixe cubano, axeitada para estofados = 6 euros. Ademais da venda deste producto, os diferentes postos de fabeiros teñen interése de que os asistentes á festa degusten a proba das fabas, ó mediodia, condimentadas de diferentes xeitos.
    Por outra banda, esta celebración non se limita, dun xeito exclusivo, á exaltación e comercialización da faba, senón que se utiliza, tamén, para promocionar outros productos, situados no claustro do mosteiro, onde encontramos postos de coiro, madeira, xabóns naturais de A Coruña, encaixes de Camariñas (A Coruña), cestería de Lourenzá (Lugo), cerámica de Pontevedra e de Barcelos (Portugal), ferreiros de Riotorto (Lugo), encaixes de Valdoviño (Ferrol), artesanía de madeira (Mondoñedo), porcelana (Betanzos), bisutería (Moaña-Pontevedra), artesanía en tela (Ferrol), Pastelería (Mondoñedo) etc.
    Ademais, neste fin de semana, adicado á faba, hai outras actividades como son, o pregón, no que se louva ó producto; os pasarrúas, realizados por charangas e grupos de gaiteiros; unha festa infantil, con toro mecánico e inchables; algunha actuación musical e, dende hai algúns anos, un concurso fotográfico e unha exposición cerámica de Sargadelos.
    No ano 2004, o Centro de Interpretación da Faba, promovido polo Concello, e  materializado o seu proxecto grazas o Plan Leader Plus Terras de Miranda. Foi dado a coñecer a tódolos visitantes da feira-exposición daquel ano. O Centro naceu coa finalidade de espallar os trazos da leguminosa e as súas técnicas de cultivos tradicionais que dende hai séculoS se utilizan na Mariña lucense.
O Centro consta de cinco zonas, cada unha delas adicada a un fin concreto no marco xeral de desenvolvemento desta leguminosa.

 

LOGOTIPO DO CENTRO DE INTERPRETACIÓN DA FABA

 

     A zona unha, versa sobre a orixe e evolución da especie arredor do mundo.A dúas, sobre as condicións edafolóxicas e climáticas que posúe o “val de Lourenzá”, para cultivar este legume.A terceira, refírese a “ sala túnel”, que é un espazo que mide 18 metros de lonxitude, onde, baixo unha plataforma de vidro, poden verse os distintos instrumentos usados, dende sempre, no cultivo, recolección e procesado da faba de Lourenzá:
     O fouciño. Era unha ferramenta formada por un mango de madeira ó que vai suxeita unha folla de ferro curva, que se usa para segar e rozar.
     A grade. Trátase dun aveño de labranza que consiste nun bastidor de madeira formado por traveseiros nas que se atopan os dentes que efectúan o labor de esterroar a terra despois da labra.
     A galleta. É unha ferramenta agrícola formada por unhas gallas de ferro e un mango de madeira longo.
     A hucha. Arcón de madeira con tapadeira no que se gardan diferentes alimentos.
     Os malles ou mallos. Son aparellos agrícolas, compostos de dúas pezas de madeira, a mangueira e a pértega, unidas por unha correa, usada para malla-los cereais ou os legumes.  
     O arado. Instrumento agrícola para abril regos ou sucos na terra.
     O ferrado. Medida de capacidade para grans, legumes e outros froitos secos. O seu valor é distinto nos diferentes lugares de Galicia. 
     O cribo. Utensilio para limpar de corpos estraños os grans e as sementes.
     A cesta. Recipente de vimbios ou de corizas de madeira con asa para levar diferentes productos.
     A cuarta, ubicada no primeiro piso do Centro, consta de varios equipos informáticos disponibles sobre o tema e dunha pequena biblioteca ligada ó mesmo.Finalmente, o Centro posue unha sala na que se proxectan diferentes contidos, de índole divulgativa, ligados coa faba.  

     A festa da faba, de recente creación para exaltar un producto gastronómico, posúe unha área de influencia maior que a do “Conde Santo”, xa que abrangue máis espazo do interior da provincia lucense e da mariña. Ademais, as persoas que concorren a este evento veñen só co propósito de mercar algúns productos e pasar algunhas horas de lecer.
    De tódolos xeitos, entrambalas dúas festividades hai uns elementos comúns vinculados coas dimensións identitaria e profana. Así, tanto o “Conde Santo” como o producto gastronómico da faba constituen  actualmente relevantes símbolos locais, que serven para expresar unha identidade comunitaria. 
     Segundo Lisón Tolosana, ámbalas dúas festividades actúan como paradigmas da virtude e da moral, propiciando un sentido cívico comunitario, que queda reflectido en momentos de crise da comunidade como doenzas, defuncións e todo tipo de problemas, que poidan afectar á comunidade parroquial no seu conxunto.

 

 REFERENCIAS BIBLIOGRÁFICAS.

 

BLANCO, Jesús; DÍAZ, Mª del Mar e SALDAÑA, Tania. Fiestas gastronómicas. Galicia en guías, nº 5:  La Voz de Galicia, 2004, páxs. 74-75.
CASALDERREY, Fina e GARCÍA, Mariano. Festas gastronómicas de Galicia, Vigo: Ed. Xerais, 2ª ed., 1995, páxs. 336-337.   
GONZÁLEZ REBOREDO, X.M. Guía de festas populares de Galicia, Vigo: Ed. Galaxia, 1997, páxs. 207-212.        
LÓPEZ NOCEDAL, María José. Aportacións á cultura popular de Lourenzá. Traballlo inédito.
OTERO GARCÍA, Concha. “Lourenzá”, en Galicia, pueblo a pueblo. La Voz de Galicia, 1993, páxs. 662-666.

 

ILUSTRACCIÓNS.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

                        POSTO DE FABAS DE SANTO TOMÉ (LOURENZÁ). FABAS CRISTINA.

 

 

POSTO DE FABAS DE RAMONA MONTEAVARO. SAN MIGUEL DE REINANTE (LUGO).

 

POSTO DE FABAS DE MARINA VILLAPOL. SAN XURXO (LOURENZÁ)

 

CENTRO DE INTERPRETACIÓN DA FABA (LOURENZÁ).SIMBOLOXÍA.

 

PANEL SOBRE A FABA.

 

A VERDINA E A FABA DE LOURENZÁ (LUGO).

 

 

EXPOSICIÓN DE APARELLOS AGRÍCOLAS NECESARIOS PARA LABOURAR AS FABAS (I)

 

  EXPOSICIÓN DE APARELLOS AGRÍCOLAS NECESARIOS PARA LABOURAR AS FABAS(II).

 

INFORMACIÓN DO PRODUCTO DA FABA EN VARIOS PANEIS.

 

DIFERENTES TIPOS DE FABAS CULTIVADOS NO VAL DE LOURENZÁ.

 

O DIA DA FESTA DA FABA APROVEITASE TAMÉN PARA VENDER OUTROS PRODUCTOS NO CLAUSTRO DO MOSTEIRO BENEDICTINO E EN ESPAZOS PRÓXIMOS.

 

DEGUSTACIÓN DAS FABAS DE LOURENZÁ.

 

 

 

Ir arriba