ACHEGAS HISTÓRICAS Á FEIRA DE PACIOS (BEGONTE)
AUTOR: JOSÉ MANUEL BLANCO PRADO.
Revista de Investigación “ETNOGRAFIA”, nº1, 2009. I.S.S.N. 1989 – 8541.
Web, http://mesondoforno.com.
O FERREIRO
Hai anos celebrábanse neste municipio begontino duas feiras: a de Barrazoso, situada na parroquia de Gaibor e a de Pacios. A primeira era máis antiga pois xa aparecía mencionada no Catastro da Ensenada do século XVIII. Pola contra, a de Pacios era de data máis curta que a de Gaibor, da que aínda se conservan algúns restos reflectidos en diferentes postos de mercadorías.
A feira de Pacios levábase a cabo os días 1 e 15 de cada mes. De tódolos xeitos no recordo dos integrantes desta comunidade parroquial figura, como máis relevante, a data do día 15. O lugar onde se realizaba o acontecemento posuía dous cobertizos divididos nunha serie de compartimentos nos que algúns comerciantes da zona como Concha do Reboredo e as súas fillas Leonor do Pérez e Remedios das Picharegas vendían os seus productos ligados coa alimentación e os tecidos. Ademais acudían doutros municipios algúns comerciantes como Florentino de Roca, a Flaquera de Rábade, Tornillo de Rábade etc. Tamén viñan labregos das parroquias limítrofes, algúns para mercar aqueles productos que necesitaban e outros para vender aqueles que traían e deste xeito poder comprar co producto da venda aquilo que lles era mester.
Por outra banda, no recinto feiral vendíase todo tipo de productos desde os alimenticios, como era o caso dos chourizos, ovos, queixos. touciño etc, ata utensilios de cociña. aperos de labranza, e ferramentas de toda índole. Tamén, había labregos que traían para vender gando caprino, mular, porcino e vacún, o que motivou a chegada de novos tratantes, como foi o caso dos Canedo de Rábade, que se dedicaban a mercar dun xeito preferente gando vacún para envialo en transporte aos mercados de Barcelona e Madrid.
Co paso dos anos a feira foi decaendo por diversas causas como o aumento do imposto que tiñan que pagar os comerciantes polas súas mercadorías. Ademais o gran prestixio que estaban adquirindo novas feiras de lugares cercanos, como as de Parga e Rábade, axudaron a súa decadencia e conseguinte desaparición na década dos corenta.
Sen embargo da feira paciega sempre houbo cinzas dispersas polo seu contorno, o que motivou que un bo día do ano 2006, a Asociación Cultural “Castiñeiro Milenario”, presidida por Xosé Anxo Corral Novo, tivera a ben axuntar as cinzas e deste xeito recuperar a feira desta comunidade que constituira un dos elementos identitarios máis importantes da mesma.
O colectivo devandito preocupouse por levar a cabo unha interacción entre os dous elementos básicos de toda feira, como eran o lúdico e o mercantil. Por tal motivo, membros da asociación construíron algúns compartimentos de madeira coa finalidade de que diferentes artesáns adicados á cerámica, á cestería, ao ferro, aos tecidos etc., poidesen vender os seus productos e ao mesmo tempo dar a coñecer o seu proceso de elaboración. Asimesmo impulsouse o mercado das mulleres, adicado a venda de productos alimenticios, calzado, roupa etc. Esta vertente mercantilista da feira foi complementada con unha serie de actividades de lecer como a presencia de grupos folclóricos, xogos populares, cetería, doma de cabalos, e un posto de polvo coa súa carpa correspondente para poder xantar no espazo feiral.
O POLBO.
As actividades do primeiro ano proiectáronse para o seguinte e o resultado do evento foi igoalmente moi positivo non só pola participación acadada senón tamén pola calidade das diferentes actividades realizadas.
Neste último ano –2008- a feira de Pacios volveu a celebrarse gracias a Asociación Milenarista, presidida desde o mes de Nadal do 2007, por Eva María Corral Fernández, filla do insigne escultor da vila de Baamonde, Victor Corral. Pois ben, esta persoa con afán, enerxía, tesón e contando coa axuda dos integrantes do colectivo, conseguiu levar a bo porto e con éxito unha serie de actividades. Así, como en anos anteriores, puiden asistir a presencia dunha serie de obradoiros artesáns dedicados a elaboración dunha serie de productos, como diferentes obxectos de cerámica, cestos de distintas formas e tamaños, chaveiros e colgantes de ferro, tecidos populares, tallas de esmalte, tellas decoradas etc. Tamén puiden ver de novo o mercado das mulleres, no que incluio ao “mercado xusto”. A estes labores teño que engadir como tempo lúdico os dous grupos folcloricos que amenizaron a feira ao longo do día; os xogos populares da asociación “O Cadaval” (Castro de Rei), coordinada polo profesor de A Pastoriza Mario Saavedra Pérez. Houbo, ademais, catro novas actividades con respecto aos anos anteriores:.
Unha delas consistiu na entrega dun ramo de flores e unha placa de prata á persoa de máis idade da parroquia.. Outra foi a exhibición de aeromodelismo levada a cabo polo club “Os Diablos”. Finalmente as outras dúas recaeron nunha demostración canina levada a cabo por once cans da asociación “Acade”, que tiñan que superar unha serie de atrancos dun circuito; e un partido de baloncesto a cabalo por parte da asociación “Pura Raza Cabalo Galego”.
Este evento, que está a rematar por terceira vez cun éxito importante tanto cuantitativa como cualitativamente, está provisto dunhas claves simbólicas, que tentan explicar este fenómeno social ao igoal que calquera outro.
Eu vexo, neste renacer da feira, un triunfo da luz sobre as tebras; da razón sobre a iñorancia; da apertura sobre o oscurantismo; do ben común ao ben privado e caciquil.
Mais, cando quero seguir coas miñas claves hermeneúticas sobre a feira, vexo sair, como tódolos anos, do recinto feiral a un cabaleiro nun fermoso corcel que lle vai dar as boas novas do evento ao gran xiarco – rexistrador político- do antigo reino de Atlantis, constituido no intre actual polas tres cuartas partes da Chaira. E o xiarco, logo de escoitar ao seu emisario, voltou a súa mirada lánguida e triste de cara ao horizonte quizais agardando que as novas da feira do ano vindeiro sexan mellores para o seu ser xa algo fatigado co paso dos anos e polo peso da conciencia.
Os grandes e pequenos xiarcos eran ao mesmo tempo bós e malos, xa que segundo nos dí Hegel, e anteriormente Heráclito a dialéctica entre o positivo (tesis) e o negativo (antítesis) e o que posibilita os cambios nos diferentes ámbitos vitais. Por iso, amigos milenaristas, tede moito cuidado xa que puidera acontecer que persoas do voso mesmo signo – neste caso “xiarquiños”- tenten co tempo aproveitarse dos vosos logros, para deste xeito poder acceder a “xiarquias” de máis relevancia. O curioso é que aínda sen saber quen foi Maquiavelo leven a cabo a súa política.
Un saúdo milenaristas.
ILUSTRACCIÓNS
O FERREIRO