I. ANO 2009. ALGUNHAS CONSIDERACIÓNS SOBRE A ANTIGA MOCIDADE RURAL GALEGA

ALGUNHAS CONSIDERACIÓNS SOBRE A ANTIGA MOCIDADE RURAL GALEGA

AUTOR: JOSÉ MANUEL BLANCO PRADO.

Revista de Investigación “ETNOGRAFIA”,  nº1, 2009. I.S.S.N. 1989 – 8541.

WEB: http://mesondoforno.

Dende un punto de vista cronolóxico, a mocidade, no rural galego, comezaba –segundo Vicente Risco – “ entre os catorce e os dazasete anos, cando un rapaz emprincipia a traballar como os homes” [1]. Non embargantes, para Taboada Chivite a idade deste tránsito variaba duns lugares a outros, “nuns sitios, aos 17 ou 18 anos, en que o rapaz comezaba a traballar como home, podía acceder ao ciclo seguinte; noutros non era recibido hasta que non chegaba a quinto[2] ; ou hasta que non iba ás segas a Castela…” [3]. Por outra banda, o antropólogo francés Van Gennep dicía que o paso da adolescencia á mocidade rexíase por un conxunto de normas e cerimonias de gran transcendencia ritual no seu comezo, aínda que nos intres actuais perdesen o seu primixenio simbolismo de morte e resurrección [4].

Antano o adolescente chegaba a ser mozo dende un punto de vista cronolóxico; non embargantes, dende un punto de vista social, tiña que superar algunhas probas para ser acollido na compaña dos outros mozos para disfrutar con eles dos mesmos dereitos e deberes. O neófito tiña a obriga de pagar unha merenda , que nalgúns lugares recibía o nome de “conrobla ou patente”, e o viño que se consumira con motivo da súa entrada nunha taberna da parroquia. Aínda por riba, tiña que debía superar algunhas probas acreditativas da súa suposta valentía como, p. ex. ir ó cemiterio á noite, ir por un carro o unha cancela a un lugar difícil, etc.

En xeral, os mozos dunha parroquia organizábanse para levaren adiante a cabo accións determinadas. Isto daba lugar a que se reuniran , un día ou maís á semán, ou cando as circunstancias o requerían, case sempre á noite, logo do traballo. O sitio de xuntanza podía ser a praza da aldea, o forno comunal ou o muiño, onde trataban diversos asuntos que lles afectaban e tomaban acordos sobre os mesmos. Estes asuntos eran do tipo seguinte: bromas que pensaban realizar, relacións cos mozos doutras comunidades veciñas, preparar festas etc.

Asimesmo estes rapaces tiñan unha serie de dereitos, tanto de xeito individual como corporativo. Entre os primeiros, Vicente Risco citaba os seguintes: “o de fumar diante da xente; o de andar cos outros mozos nas festas, merendas, fiadeiros; o de saír de noite, o de bailar coas mozas nas festas; o de de cortexar e ter noiva …” [5] . Polo que respecta ós dereitos corporativos compre facermos mención ó de organizaren festas; roubar froita no tempo; gastar bromas no Entroido, na noite do S. Xoán ou noutros días segundo o costume de cada lugar etc. Un dereito moi específico da mocidade como “corpus colectivo”, era o de vixiar ás mozas da parroquia para que non tivesen noivo doutra procedencia. Daquela, considerábase, cun criterio endogámico, que as mozas dunha parroquia pertencían ós mozos da mesma, de tal xeito que se alguén doutra comunidade viña cortexar á propia a ela, poñíanselle tódolos atrancos posibles para facelo e, se aínda así non se conseguía impedílo, facíaselle pagar un convite, que nalgúns lugares recibía o nome de “pagar o piso”. Esta especie de tributo consistía normalmente no pago dunha merenda a tódolos todos os solteiros da parroquia, como imposto á cesión da noiva e consentimento ás súas relacións. Este costume, segundo Lisón Tolosana, recibe o nome de “o piso”, “o viño” e “os dreitos” polas aldeas galegas. Por Zamora e León chámanlle “o piso”; “patente” por Cuenca e a Mancha; “el pijardo” por Sierra de Béjar e “a ronda” por Cáceres e algunhas comunidades da provincia de Toledo [6]. O trato funcionaba como unha compensación a pagar pola súa intromisión nun grupo alleo. A orixe de tal costume viña sen dúbida dun forte sociocentrismo cunha tendencia endogámica, e a unidade social manifestábase nunha serie de antagonismos, que tiñan unha proiección operativa nas festas, onde se celebraban loitas entre comunidades diferentes [7].

Os deberes de cada mozo consistían en cumprir os acordos da mocidade como “corporación” e o de axudar ós demais, ou a calquera deles no caso de que outros o atacasen, como sucedía nas festas. Asimesmo a mocidade tiña certos deberes coa parroquia na organización das festas. Na actualidade, aínda é moi común que sexan os xoves os que se encarguen das festas da parroquia, integrando as correspondentes Comisións de Festas.

Por outra banda, a mocidade canalizaba o lecer por medio dunha serie de rituais festivos, entre os que imos distinguir, entre outros, os seguintes: As esfollas, os fiadeiros, os magostos, as muiñeiras, a noite do San Xoán, as ruadas e as tascas do liño [8].

Ir de ruada ou de ronda consistía en marchar de noite un grupo de mozos cantando “cantigas de enamorar” ás mozas que lles gustaban. Algúns exemplos deste tipo de cantigas podían ser os seguintes:

“Debaixo da túa casa, “Moza que estás na ventana,

sepultura debe haber, ca punta do pano fora,

para enterrar os deseos a cara inda non cha vexo

que eu teño de te ver”. e o pano xa me namora” [9].

Os fiadeiros facíanse ás noites na corte da fachenda ou na cociña. As mozas, levaban un pandeiro, castañolas, un banco, a roca e o fuso para fiar lá ou liño. Os mozos ían chegando un a un, ou viñan en “ronda”, anunciándose neste último caso con “cantigas de desafío”, ás que respondían as mozas do fiadeiro dende o interior da casa. As cantigas de desafío eran diálogos en verso, inxeniosos, satíricos e descarados case sempre entre mozos e mozas. Comezaba polo regular cun reto:
ELES……………… “Ahí vos vai o desafío,
pola punta do coitelo,
ahí vos vai o desafío,
nenas no refaixo marelo”.
ELAS………………“ Si querelo desafío
pola punta da navalla,
si querelo desafío
vinde acá, caras lavadas” [10].
Estás reuníons atraían ó sexo masculino dun xeito especial xa que tiñan un carácter de liberdade pre-nupcial , e servían como medio para poderen establecer unhas relacións amorosas [11] . De tódolos xeitos, mentres os mozos e mozas bailaban, as vellas fiaban, vixiaban e falaban das súas cousas e das alleas. Isto quedou reflectido na seguinte cantiga:

“ Quen queira sabel-as cousas
vaia a forxa do ferreiro,
díe a volta polo forno,
veña polo fiadeiro” [12].
Ao remataren o fiadeiro, cara a medianoite, os asistentes íanse en grupos emitindo aturuxos, como dí a seguinte cantiga:

“ Cando sán do fiadeiro,

os mociños desta terra

botan moitos aturuxos,

como é costume galega” [13] .

As esfollas tiñan lugar nas noites de outono e novembro, tempo no que se xuntaban veciños da parroquia para quitar as follas ás mazarocas do millo. Ó remataren a tarefa, cantaban, bailaban e adoitaban contar contos e lendas baseados na tradición parroquial. Con respecto a este labor, facemos referencia a unha serie de cantigas:

“Ahora chegou o tempo, “ As esfollas do millo

tempo das esfolladas, non dan proveito a ninguén

pra comer cos rapaces mandei a muller a ela

catro castañas asadas” quedou dormida e non ven “ [14]

As tascas do liño tiñan por obxecto bater ben a madeixa de liño para separala de todos os restos de casca. Esta tarefa facíana as mulleres que se sentaban no banco ás carranchas e ían rascando a estriga de liño á dereita e á esquerda contra a afita para sacarlle toda a casca . Nalgúns lugares a tasca non se facía coa afita senón coa espadela, que se collía coa man e batíase o liño [15] Ó acabar o labor celebrábase un baile amenizado case sempre por un gaiteiro ou acordeonista ó que lle pagaba o dono da casa onde se celebraba a tasca. Ésta celebrábase normalmente na palleira ou na corte. Os mozos acudían non só para bailaren senón tamén para importunar ás tascadoras no seu traballo. Relacionada con esta tarefa facíase referencia ó seguinte dito:

“ Todos os bos mozos nos leva o goberno,

tristes e orfas as tascas de inverno,

e os que quedaron ruís como a frebe,

nin si quera hai quen o banco nos leve” [16].

Tamén hai unha cantiga moi popular na que aparece reflectida esta actividade:

“ Estamos no tempo de troupele, troupele,

estamos no tempo de estroupelear,

estamos no tempo de tasca-lo liño,

estamos no tempo do liño tascar “ [17].

As muiñadas eran reunións nocturnas, que os mozos adoitaban improvisar no muiño mentres agardaban o seu turno de moenda. Nesta espera soían contar contos, cantar, bailar etc. A importancia destas reunións quedou plasmada en ditos, refráns e cantigas.

“ Unha noite no muiño,

unha noite non é nada,

unha semaniña enteira,

esa si que é muiñada”

Finalmente cómpre dicir con respecto a estas tarefas e actividades, que os vocábulos solidariedade, ecoloxía, axuda mutua, diversión, oposición, agresión, complementariedade de sexos, comensalidade e outros, constitúen un síndrome. Cada un destes elementos está canalizado, suxeito a controis, normas, espacios, tempos, pola característica común que os aglutina: é dicir, están ritualizados [18].


[1] RISCO, Vicente.: “ Etnografía. Cultura Espiritual”, en Historia de Galiza dirixida por RamónOtero Pedrayo. Ed. Akal, Madrid, 1979, páx. 531.

[2] Persoa que ía facer o servicio militar.

[3] TABOADA CHIVITE, Xesús.: Etnografía Galega, Vigo: Galaxia, 1972, páx. 28.

[4] VAN GENNEP, Arnold.: The Rites of Passage, Chicago: University, 1960.

[5] RISCO, Vicente.: Ob. cit., páx. 534.

[6] LISÓN TOLOSANA, Carmelo.: Invitación a la antropología cultural de España. Madrid:Akal, 1980.

[7] LISÓN TOLOSANA, Carmelo.: Antropología cultura de Galicia. Madrid: S. XXI, 1971.

[8] O entroido, as festas patronais e as mallas constituían outros modos de lecer.

[9] RISCO, Vicente.: Ob. cit.., páx. 538.

[10] RISCO, Vicente.: Ob. cit., páxs. 539-540.

[11] BLANCO PRADO, José Manuel.: Ciclo Agrícola-Etnográfico en el municipio de Villalba (Lugo). Tesina de Licenciatura, 1974, páx. 82. Traballo inédito.

[12] LORENZO FERNÁNDEZ, Xaquín.: Os Oficios. Vigo: Galaxia, 1983, páx. 246.

[13] LORENZO FERNÁNDEZ, Xaquín.: Ob. cit., páx. 246.

[14] BLANCO PRADO, José Manuel.: Ob. cit., páx. 87.

[15] BELEN LÓPEZ PÉREZ, Ana.: O liño e as foliadas no concello de Vilalba, Lugo: Deputación, 1993,

páx. 18.

[16] BLANCO PRADO, José Manuel.: Ob. cit., páx. 86.

[17] FRAGUAS Y FRAGUAS, A.: El traje gallego, La Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza, 1985.

[18] LISÓN TOLOSANA, Carmelo.: Ob. cit., 1971, páx. 138.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Ir arriba