ANTONIO REIGOSA.

 

 LUGO ENCANTADO.

  ALGÚNS ENCANTAMENTOS DA VILA MINDONIENSE (LUGO)

 

 I. CRIATURAS AVISTADAS NA PENA GRANDE DE ZOÑÁN (OS   REMEDIOS).

 

PENA GRANDE DE ZOÑÁN ( OS REMEDIOS)
     

      A escasos metros da croa do castro de Zoñán, na parroquia dos Remedios, en Mondoñedo, na beira do vello camiño que sobe desde os Cucos e de Pelourín cara o Estelo, hai unha pena (en realidade son tres moi xuntas) xoñecida como a Pena Grande. Aquel é un lugar de medos: ou sexa, unha paraxe propicia para as aparicións e visións de criaturas sobrenaturais, sexan estas demos, encantos ou ánimas.

    Hai noticia de que nesta pena fan vida uns encantos que tocan a gaitas, cantan, bailan e aturuxan, maiormente na noite da véspera do día de San Xoán. Cóntao Lence Santar, e pon por testemuñas de telos visto, e sentido, entre outros, ao Angulo e ao Grilo de Pelourín, a Monterroso de San Cristovo e ao Picos de Tronceda. Angulo de Pelourín viu alí mesmo ao trasgo unha noite de San Xoán cando regresaba desde Zoñán cara á casa. O trasgo seica aganchaba por un castiñeiro ao tempo que fungaba, que ensinaba os dentes e que esgazaba as canas da arboleda de arredor.

     Farruco Otero Doural, Farruco da Costa, xa leva fóra desde mundo desde o 2 de Janeiro do ano 1933, e foi, por certo, o derradeiro home da comarca que gastou monteira (tiña unha de saial para o diario e outra de pano para os días santos). Farruco da Costa tamén viu o demo na Pena Grande. Viuno por tres veces; claro que Farruco, aínda que non sabía ler nin escribir, dominaba a ciencia de ver nacer as herbas e sabía botar as contas dos pelos que podía chegar a ter un xato.

      ENCANTOS, TRASNOS, TRASGOS E DIAÑOS.

      Todos estes seres do noso imaginario son diferentes aínda que a xente xa case non sabe distinguilos. Todos son grandes transformistas (año, vaca, cabalo…) e moi rebuldeiros, o mesmo os podemos ver en figura de animalca de persoa, enredando dentro e fóra das casas. Os encantos emparentan cos mouros e coas mouras, mentres que os trasnos, trasgos e diaños son da familia do Demo.

      REFERENCIA.

      En “ Etnografía mindoniense” (Follas Novas, 2000), magnífica edición de Armando Requeixo dos traballos etnográficos de E. Lence Santar publicados nos xornal “El Compostelano” nos anos 30 e primeiros 40 do século pasado, vén noticia detallada destes avistamentos.

 

II. SEGREDOS DO PAZO DE SAN ISIDRO DE MONDOÑEDO.POMBEIRO DO PAZO DE SAN ISIDRO.

 

 

POMBEIRO DO PAZO DE SAN ISIDRO

 

 

      O Pazo de San Isidro está no Couto, sobre un outeiro, ás aforas de Mondoñedo, non moi lonxe da Ponte de Pasatempo. Naquel lugar houbo unha torre medieval e no S. XVII un convento das monxas concepcionistas que o abandonarían no S. XVIII. A propiedad pasa por varías mans ata que en 1999 é mercada por José de Orozco y Sánchez Aguileira e pola súa dona, Simoneta Dondi, que acometen obras de restauración. Na actualidade, consolidada a conservación das tres plantas do edificio, do patio interior e da capela anexa, dedícase a actividades culturais.

    A SERPE CON ÁS.

     Segundo o cronista e historiador mindoniense E. Lence-Santar, no pombeiro do Pazo de San Isidro hai unha cobra alada. Ás cobras cando embellecen nácenlles ás e disque voan seguindo o curso dos ríos ata o mar, e desde alí poñen rumbo a Babilonia, e van dicindo:

                                  Para Babilonia vou,malia quen me veu de nova e non me matou.

      A cobra alada aínda non é dragón pero aseméllase, é a sombra que deixa cando voa é moi perigosa. As ás semellan de coiro, con cadros verdes e amarelos, moi feitas.

     CAIRO, O GUINEANO QUE MORREU DE FRÍO. 

     O noso amigo Andrés García Doural, discípulo avantaxado da insaciable curiosidade de Lence-Santar, descubriunos hai poucas datas (http://www.blogoteca.com/doural) a identidade dun home negro que morreu no Pazo de San Isidro aló polo S. XVIII. Xa se sabía por tradición que este guineano de raza negra chegara a Mondoñedo, procedente de Ferrol, logo de ser esclavizado polos ingleses. As autoridades, non sabendo que facer con el, mandáronno primeiro bautiza e, logo, ao Pazo de San Isidro. Dise que as monxas o tiveron encadeado, ben nunha mazmorra ou á intemperie, preso ás escaleiras que comunican a hora co patio. Mal alimentado e peor vestido, morrería de fame e frío, non moito despois do 29 de abfril de 1780, data na que pidió el Santo Bautismo na parroquia de Santiago. Dixo chamarse Cairo pero puxéronlle Josef; andaba nos 23 anos.

     A NAO MAI.

     O pazo é unha das sedes estables da Asociación “A Nao Mai”, un espazo cultural que promove a creatividade, unha nao cangada de soños e utopías comandada por Arturo Pérez e Ton Arenas; un bálsamo que alivia as carencias culturais (http://anaomai.blogspot.com).

 

 

Ir arriba