I. ANO 2009. AS CRUCES E OS PENDÓNS PARROQUIAIS NA COMUNIDADE DE “ARANTE” (RIBADEO) (LUGO).

 

AS CRUCES E OS PENDÓNS PARROQUIAIS NA COMUNIDADE DE “ARANTE” (RIBADEO) (LUGO).

AUTOR: JOSÉ MANUEL BLANCO PRADO.

Revista de Investigación “ETNOGRAFIA”,  nº1, 2009. I.S.S.N. 1989 – 8541.  

Web, http://mesondoforno.com. 

Artigo publicado  en “ Tempos de Festa en  Galicia”. T. I,  A Coruña: Fundación Caixa Galicia, 2006, paxs. 355-367.

  

TRAZOS XEOGRÁFICOS.

 

     A comunidade de Arante está situada no extremo sudoeste do concello ribadense. Posúe , segundo o censo do 2003, douscentos setenta e oito habitantes distribuídos en oito entidades de población.  Trátase  dunha comunidade do interior do municipio, montañosa, cunha altitude media de 440 metros, aínda que amosa dous vales: un deles regado polo río Arante e o outro polo río Lexoso, que é onde se agrupa un importante continxente da súa poboación. No lugar da Ponte, importante núcleo de peregrinación no camiño norte que leva a Santiago, houbo no século dazaseis un salientable hospital de peregrinos.

 

BANDEO DUN PENDÓN PARROQUIAL DIANTE DA ADBOCACIÓN DA VIRXE DAS VIRTUDES.

 

SANTUARIO DA NOSA SEÑORA DAS VIRTUDES.

 

DESCRICIÓN ARTÍSTICA.

 

     O exterior do santuario amosa na fachada principal un arco de medio punto, un pequeno óculo e unha espadana composta por un corpo e dous vanos. As portas laterais tamén amosan un arco de medio punto.
     Con respecto ó interior, este recinto presenta unha nave, un arco triunfal apuntado e unha capela mayor. Nesta capela hai un retábulo barroco do século XVIII con dous corpos: no primeiro unha efixie da Virxe; ós lados pequenos S. Miguel e o anxo da garda pintados ó oleo sobre as taboas do mesmo retábulo. No segundo corpo, aparece a imaxe dun Cristo do século XVIII e unha imaxe popular de Santiago dacabalo sobre peanas. A cadansaeu lado do arco triunfal hai pequenos retábulos igoais dun só corpo, con frontón. No dereito, imaxe de Cristo do século XVIII e no esquerdo, imaxes de S. Xoán Bautista e S. Antonio dos séculos XVI e XVIII.
     Na década dos setenta descubríronse no muro sur do presbiterio unha serie de pinturas ó fresco, destacando polos seus contidos a “fuxida a Exipto”, a “matanza dos Inocentes” e tres temas marianos, que fan mención a Asunción, Coronación e Lamentacións sobre Cristo morto. As representacións marianas amósanse nun panel dividido por baquetós, de grande formato. O seu promotor, D. Pedro Pardo de Aguiar, señor do coto de Samarugo, figura na inscrición que aparece na parte inferior do panel.

SITUACIÓN E HISTORIA SOBRE O SANTUARIO.

 

     Este recinto sagrado está situado no extremo leste da freguesía de Arante, no barrio da Ponte, ó caron do camiño norte de peregrinación a Santiago e antigo camiño real que desde Cubelas, pasando pola Ponte, Vilamariz e Arante, se dirixía cara Lourenzá. Ata o século dazanove non recibe o nome propio de santuario, senón o de ermida. Así, é coñecido como ermida da Nosa Sra. da Ponte e como ermida da Nosa Señora das Virtudes da Ponte, que Xosé Mª Fernández Fernández data de finais do século XIV ou principios do XV.
     A ermida da Ponte tiña xa un culto moi arraigado no século dazaseis debido non só á súa situación ó carón do camiño norte de peregrinación a Santiago, senón tamén á influencia que naqueles intres xa adquirira a confraría de devotos da Nosa Sra. das Virtudes. 
     Á parte deste culto, na parroquia celebrábanse outras festas de carácter mariano: a das Candelas, o dous de febreiro; a da Anunciación, o vintecinco de marzo; a da Asunción, o 15 de agosto e a da Natividade, o oito de setembro. Así mesmo, facíanse ó longo do ano dúas procesións a ermida da Nosa Sra. das Virtudes: a do tres de maio, festa da Invención da Sta. Cruz e a de Pascoa de Resurrección. Na primeira, os fregueses da parroquia acompañaban ó crego e ó que portaba a Sta. Cruz ata a ermida, onde se celebraban as rogacións para que houbese boas colleitas. Na segúnda, o crego portaba o Stmo. Sacramento e os seus acompañantes participaban directa ou indirectamente na representación do encontro do Señor coa súa Nai, que tiña lugar no adro da igrexa. Aínda que a procesión foi suprimida polo estado calamitoso que amosaban os camiños, a escenificación da Semán Santa celebrouse ata ben entrado o século vinte.

 

CONSECUENCIAS DA INVASIÓN FRANCESA NO SANTUARIO.

 

     A finais de xaneiro do 1809, o xeral francés Fournier chegou a Ribadeo con cento cincuenta homes, exisindo ás aldeas dos arredores unha importante cantidade de alimentos. Estes pillaxes motivaron que o fidalgo e alcalde de Sante, D. Melchor Díaz de la Rocha, convocase ós veciños das parroquias de Sante, Vidal, Vilaosende, Cedofeita, Balboa e Coxela para que se opuxesen ós atropelos dos invasores, xa que ninguén estaba seguro da súa propiedade e liberdade. Así foi como este fidalgo, elexido caudillo da sublevación, presentouse no lugar da Ponte con douscentos paisanos, armados con escopetas, fouces e outros aperos de labranza para defender o camiño que vai de Mondoñedo a Ribadeo, mentres que outros cento vinte aproximadamente ó mando do señor de Quintalonga, D. Vicente Lamas, defendían o referido lugar, considerado como outro dos enclaves básicos para entrar na vila, formando deste xeito entre ámbolos dous o chamado “Cordón de Ribadeo”.
    Ó principio, os franceses sufriron importantes perdas. Non embargantes, e coa chegada de reforzos procedentes de Lugo e Ferrol, entraron definitivamente en Ribadeo. De tódolos xeitos este feito, ó igoal que outros que ocorrían simultaneamente noutros puntos da xeografía galaica, propiciaron que o exército francés abandonase as terras galegas.
     Este suceso histórico motivou que xurdira a festa das Cruces, que se celebra o luns de Pentecostés no barrrio da Ponte, e ten como finalidade conmemorar a victoria obtida sobre os franceses polos paisanos das parroquias ribadenses de Arante, Cedofeita, Cubelas e Obe, e as trabadenses de Balboa, Sante e Vidal durante a guerra da Independencia.

 

A ROMAXE: CRUCES E PENDÓNS PARROQUIAIS

     A romaxe comeza cando o crego da parroquia de Arante bendice ós campos en Bestilleiros, lugar de onde parten logo as enseñas de Arante e Vidal en dirección a un dos accesos da ponte sobre o río Grande, agardando no lado oposto ás cruces e pendóns das restantes parroquias. As enseñas da parroquia ribadense de Ove teñen o privilexio de pasar en primeiro lugar a ponte e entrar coas de Arante e Vidal no interior do santuario para sacaren as imaxes da Nosa Sra. das Virtudes e Santiago Cabaleiro, que van presidir os rituais dos pendóns e da procesión. Logo, ó carón da capela lévase a cabo “o ritual das cruces e pendóns” en homenaxe á advocación da Virxe das Virtudes. Este ritual consiste en que os portadores das cruces e pendóns das devanditas parroquias póñense uns fronte ós outros e comezan a arriar varias veces, primeiro os pendóns e logo as cruces, mentres dan tres pasos cara adiante e outros tantos cara atrás. A continuación, un veciño destas parroquias bandea varias veces consecutivas o pendón que porta, sen que chegue a rozar o chan. A continuación celébrase a procesión, que percorre tres veces os arredores do santuario, para entrar finalmente no seu interior onde se concelebra unha misa solemne. Unha vez rematada a misa, ten lugar a imposición da Virxe por riba da cabeza dos devotos, que cumprimentan este ritual. O poñente recita a seguinte xaculatoria :

 

“Cristo vive,
Cristo reina,
Cristo te libre de todo mal. Amén.
A Virxen das Virtudes,
che quite a enfermedade,
che dea a sanidade,
polo poder que Dios ten,
e a Virxen María. Amén”
     Case tódolos anos veñen algúns devotos descalzos ou de xeonllos, que dan unha ou maís voltas arredor da capela e mesmo, por ofrenda, poden axudar a levar a imaxe da Virxe na procesión nalgunha das voltas.
As ofrendas que maís se utilizan nestes intres son os cartos e as misas. Hai anos, traíanse exvotos de cera, simbolizando total ou parcialmente corpos humanos, e tamén ofrendas en especie, máis estas foron caendo en desuso aínda non hai moitos anos. No século XVI, pasaban de cen os exvotos de cera que podían ofrendarse nun só ano, referentes a pernas, corpos, brazos, ollos, mans etc. Tamén había xoias, roupas, pan cocido, lino, manteiga, carne de porco e vaca, misas gregorianas etc.
     Así mesmo é mester facermos mención do descubrimento dunha pintura ó fresco, de grandes dimensións, levado a cabo neste santuario, logo da última restauración . Trátase dun exvoto mariño, testimonio do agradecemento dun mariñeiro, que amosa os seguintes trazos: nos extremos da ilustración aparecen dúas vilas fortificadas. Unha delas despide unha carabela con tódolos seus aparellos e unha bandeira desplegada a popa. A outra, que aparece no outro extremo da composición, mostra construccións por riba do acantilado e a un bó número de persoas que están esperando pola chegada dunha nave desarbolada por unha tempestade no mar. Vai ateigada de xente. Na beiramar aparece un crego cun libro e outro obxecto de dificil descrición. Ö seu carón, encóntranse un acólito cunha cruz alzada e unha persoa de xeonllos coas mans dereitas en sinal de súplica. Na parte inferior do exvoto hai unha cartela na que está reflectida a seguinte inscrición.

PINTURA REPRESENTATIVA DUN EXVOTO

“Domingo de Carranza e Aguair, capitán da infantería española (…) estivo nesta igrexa de Nosa  Señora das Virtudes no ano 1594. No mesmo ano embarcou para as Indias nunha nave (…) Catalina   (…) por capitán ó ano seguinte de 1595 en Ca-vo de San Antón (…) e deulle unha tan recia tormenta  de furacán e Norte que partiu as dúas árbores, o maior (…) e (trinou) o (…) a nave coas belas lacias  (…)Caeu ó mar e véndose en tan grande peligro de morte encomendouse á Virxen Santa María nesta Santa Casa e despois milagrosamente estando afundidos ven (bó) tempo eo mar en bonanza e dalí a nove días despois do trebón andivo máis de duascentas sesenta leguas asta (…) estimaba que era cousa imposible de poder (…) catro (…) que se non fose por milagre tan (…) daquela cidade fose manifesto a todos e sairon en procesión co Santísimo Sacramento (…) Don Gonzalo de Amoeiro de Candía, chantre e Coengo (…) de Mondoñedo (…) a nao un vestido de carmesí, unha lámpara de prata e unha arroba de aceite a Nosa Señora (…) en loubanza e groria de deus e da sua Santísima Nai. Santa María das Virtudes. Ano Domini 1606.”
    Ao rematar os oficios relixiosos, os devotos percorren os distintos postos de venta provistos de obxectos diferentes, os das rosquilleiras e, de teren apetito, comen o polvo nunha das tabernas ambulantes, para logo retornar, en coche propio ou alleo, ó punto de orixe. Mentres tanto a festa segue con diferentes actos ata a noitiña, que é cando se celebra a verbena.

BIBLIOGRAFÍA.

 

BLANCO   PRADO, José Manuel. Exvotos e rituais nos santuarios lucenses.Lugo: Deputación Provincial, 1996.
GONZÁLEZ REBOREDO, X. M. Guía de festas populares de Galicia. Vigo:Galaxia, 1997.
FERNÁNDEZ FERNÁNDEZ, José María. “ La ermita-santuario de Ntra. Sra. da Ponte”, en Estudios Mindonienses. Centro de Estudios de la Diócesis de Mondoñedo-Ferrol. Vol. 2. Fundación Caixa Galicia, 1986, paxs. 409-439.
FERNÁNDEZ FERNÁNDEZ, José María. Santuario de Nuestra Señora da Ponte. Lugo: Graficas Bao, 1986.
I..E.S. “Porta da Auga de Ribadeo”. As festas populares no entorno ribadense.Ribadeo: Consellería de E. e O.U. Programa Sócrates-Comenius. Xunta de Galicia.2001, páxs. 101-113.     
GONDAR PORTASANY, Marcial. Crítica da razón galega. Entre o nós-mesmos e  nós-outros. Vigo: Nós os Galegos, 1993.
LAZÚRTEGUI CUERVO, Antonia. 40 Historias de Ribadeo. Lugo: Deputación Provincial, 2000.
LISÓN TOLOSANA, Carmelo. Antropología social y hermeneútica. Madrid:Fondo de Cultura Económica, 1983.
VALIÑA SAMPEDRO, Elías. Inventario Artístico de Lugo y su provincia. Madrid: Ministerio de Cultura. Dirección General de Bellas Artes, Archivos y Bibliotecas. T. IV, 1980.
WILLIAN CRISTHIAN, A.Jr. Religiosidad popular. Estudio antropológico en un valle español.Madrid: Tecnos, 1978.

 

ILUSTRACCIÓNS

 

 

 LUGAR DE ARANTE, TRÁNSITO DE PEREGRINACIÓN DO CAMIÑO NORTE DE SANTIAGO, E LUGAR ONDE SE CONMEMORA A ” FESTA DAS CRUCES”.

 

 

RITUAL DE”POÑER O SANTO”.

 

PINTURA REPRESENTATIVA DUN EXVOTO.

 

RITUAL DE CONTACTO ACTIVO COA ADBOCACIÓN ESTÁTICA.

 

 

CRUCES E ADBOCACIÓNS PARROQUIAIS ACOMPAÑADAS DOS SEUS FREGUESES.
 

CRUCES, PENDÓNS, E ADBOCACIÓNS PARROQUIAIS.

 

INCLINACIÓN DOS PENDÓNS PARROQUIAIS.

 

 

INCLINACIÓN DAS CRUCES PARROQUIAIS.

 

BAIXADA DAS CRUCES PARROQUIAIS.

 

BANDEO DUN PENDÓN PARROQUIAL DIANTE DA ADBOCACIÓN DA VIRXE DAS VIRTUDES.

 

DETALLE DO BANDEO DUN PENDÓN PARROQUIAL DIANTE DA ADBOCACIÓN DA VIRXE DAS VIRTUDES.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Ir arriba