Revista de Investigación “ETNOGRAFIA”, nº1, 2009. I.S.S.N. 1989 – 8541.
Web, http://mesondoforno.com.
O tempo pasa mais os recordos sempre fican na interioridade do ser humano. E as vivencias de cando un era neno e, logo, rapaz, son moi difíciles de esquecer, xa que no fondo seguimos tendo algo de nenos, e iso é o que nos salva.
Os meus pais, nados nesta parroquia tranquila, acolledora e con boas iniciativas de cara ao devenir, influíron dun xeito decisivo na miña ligazón con esta entidade social. Así, desde neno, viña a miúdo a pasar longas tempadas a “Casa da Lamela” en Carballido (Pacios) (Begonte). Alí, tiven aínda a sorte de coñecer a miña aboa materna, e manter relacións agarimosas cos meus tíos e madriña e, logo, cos meus curmáns.
Teño recordos moi ledos do verao, cando ía a sega da herba e axudaba a pisala na palleira. Logo, viña o tempo da sega dos cereais, a colocación dos medeiros nas terras de labor e das medas na aira, prestas para a malla. Os xantares e merendas, que se realizaban nos cómbaros ou nas airas o remataren estas tarefas do estío, eran moi especiais xa que contribuían a reforzar os lazos de vecindad. Nos meus recordos, tamén conservo o modo de facer o pan, a esfolla de maiz, os candís de carburo e palmatorias para alumear as diferentes estancias da casa, a matanza dos cochos, o carreto, o clareo da roupa no regato do Carme, a pesca nos caneiros de Carballido e do Cordal, e, como non, a cantidade de romeiros de a Coruña e Lugo, que viñan ofrecidos, o día da Ascensión, á capela do San Adriano e o San Xiao, sita na campa de Carballido.
XANTAR CAMPESTRE NA ROMARÍA DO SAN ALBERTE (SAN BREIXO) (GUITIRIZ) (LUGO).
A partir dos catorce anos, as miñas vacacións comecei a pasalas na antiga “Casa da Taberna Nova” (Pacios) (Begonte), onde hoxe vive a miña afillada coa súa familia. Daquela época recordo con ledicia os contactos que mantiña cos meus tíos e curmáns de Baamonde: os Blanco e os Lamela.
Pois ben, meus amigos, estes breves recordos e moitos máis foron a esencia inicial da miña identidade como persoa, que aínda segue facéndose, e ó mesmo tempo o fundamento que contribue a consolidar outras un pouco esquecidas.