CLODIO GONZÁLEZ PÉREZ. OS MUÍÑOS DE MAN

 

 

     Revista de Investigación “ETNOGRAFIA”,  nº4, 2012. I.S.S.N. 1989 – 8541.

     Web: mesondoforno.com.

      Cando en Galicia se fala de muíños xa se pensa, sen máis, nos hidráulicos, nos que a forza da auga fai xirar o rodicio e, ao mesmo tempo, a moa ou capa asentada sobre o pé. Malia que cada vez é máis difícil dar con exemplares que traballen como antano, ao longo do curso dos nosos ríos quedan os esqueletos pétreos de centos destas pequenas construcións, vitais  para os nosos devanceiros noutros tempos non tan afastados, de non máis de 40 anos.

               DESEÑO ANTIGO DUN MUÍÑO DE MAN

 

      Pero, aínda sendo sen comparanza os máis numerosos, tamén había muíños de vento e de marés sobre todo nas costas, e ata non hai moitas décadas, quedaban os derradeiros exemplares de muíños de man, os máis antigos de todos estes enxeños de moer os cereais, imprescindibles onde non había auga ou escaseaba no verán ata que empezaron a chegar os primeiros eléctricos.

 

      OS MUÍÑOS DE MAN.

      O home precisou dende sempre trebellos para converter o gran en fariña, tanto de cereais, como das landras dos carballos e das aciñeiras que, segundo Strabon (Xeografía, III, 3,7), era un alimento que se conservaba moito tempo.

      Os achados arqueolóxicos amosan como os primeiros muíños foron os chairos ou “barquiformes”, formados por dúas pedras, a de abaixo grande e curva sobre a que se poñía o gran, e a de arriba pequena, de xeito que se puidese mover coas mans. A fariña acadábase a base de refregar unha contra a outra.

 

MUÍÑO DO CASTELO DE SOBROSO (MONDARIZ).

 

 

                                             MUÍÑO DE CAMPAÑO. 1974 (PONTEVEDRA)

 

 

      Coa chegada dos romanos (ou quizais xa antes, pero, segundo parece pola súa influencia), empezaron a estenderse os muíños manuais xiratorios, consistentes en dúas pedras circulares: catillus (mó, moa ou capa) e meta (pé). J. Maluquer de Montes (El poblado hallstático de Cortes de Navarra, Pamplona, 1954), afirma que se espallou o seu uso no val do Ebro entre os anos 450 e 350 a. C. Xa máis preto de Galicia, J. L. Maya e M.A. de Blas (“El molino del Castro de la Picona…”, Boletín del Instituto de Estudios Asturianos, IX-XII, 1973), chegan á conclusión que se coñecen en Asturias dende mediados século IV a.C.

      Axiña se xeneralizou o seu uso, de tal xeito que raro é o xacemento arqueolóxico, castrexo como posterior, onde non aparezan algunhas destas pedras, enteiras ou anacos.
      A difusión tamén por parte dos romanos da machinaria molae aquariae, os muíños hidráulicos, contra o século I a.C., sinala o comezo da fin dos muíños de man. Así como estes se estenden van desaparecendo os manuais, agás naqueles sitios sen auga, ou en casos en que non se puidese saír, como nos asedios dos castelos e das poboacións, aínda así chegaron case aos nosos días, os derradeiros desapareceron hai uns 40 anos, mesmo onde había hidráulicos, destinándose entón só para moer ou picar o gran para os animais.
Actualmente son pezas de museo, totalmente obsoletas dende que se difundiron os muíños eléctricos domésticos.

 

RESTOS DUN MUÍÑO DE MAN (ILLA DE ONS). ANO 2011.

 

        NOMENCLATURA E APROXIMACIÓN TIPOLÓXICA.

       Os muíños manuais sufriron importantes innovacións ao longo dos séculos. Estruturalmente os derradeiros que aínda vimos funcionar semellábanse máis aos hidráulicos que aos primitivos de man, agás que recibían a forza por arriba, na moa e non no rodicio.  Poden ser de tres clases:

       a) A moa ou capa aséntase directamente sobre o pé. Na primeira vai espetado un pau ou ferro que é onde se fai forza coa man ou cun “tarabelo” para que xire. Son os máis sinxelos e tamén os que se atopan de cote nas escavacións arqueolóxicas, castrexas e romanas.

 

 

           MUÍÑO DE MAN. TIPO A. 1. TARABELO. 2. PAU ou FERRO. 3. MOA OU CAPA.

           4. PÉ   5. PEDRA.

 

       b) É igual que anterior, pero a moa non baila directamente sobre o pé, senón sobre a segorella, soborella… (lat. securicula) e esta na ran, que adoitaba ser un seixo pequeno que non desgasta o ferro. Malia que non é doado dar aproximacións cronolóxicas, coidamos que cando se deberon usar máis foi entre a dominación romana e a Idade Media.

 

 

          MUÍÑO DE MAN. TIPO B.   1. TARABELO.   2. PAU OU FERRO

         3. MOA OU CAPA    4. SEGORELLA.   5. PÉ   6. PEDRA.  7. RAN

 

       c) Foron os últimos en deixar de traballar, por exemplo en 1974 había varios na parroquia de Campañó (Pontevedra), pero non se utilizaban máis que para moer para os animais, aínda que as persoas maiores dicían que antes, cando escaseaba a auga, tamén se facía fariña para o pan. A disposición estrutural deste enxeño é moi semellante á dos hidráulicos, contando ademais coas mesmas pezas e denominacións, unicamente máis pequenas. A segorella terma da moa e xira sostida polo arrieiro ou eixo, que á vez vai sobre a ran, e esta enriba do pau da porca ou ponte. Nos hidráulicos, o rodicio queda pola parte de arriba da ran.

              MUÍÑO DE MAN. TIPO C.    1. TARABELO.   2. PAU OU FERRO    3. MOA OU CAPA

             4. SEGORELLA.    5. PÉ.   6. BASE OU TREMIÑADO.   7. ARRIEIRO OU EIXO.  8. PÉS

             9. RAN.   10. PAU DA PORCA OU PONTE.    11. FORRA.

 

 
       Non se ten en conta os demais elementos, como o tremiñado ou base sexa de pedra ou madeira, ou que teña ou non táboas arredor para recoller a fariña, como algúns dos hidráulicos.

 

 

  

       O TARABELO

 

 

 

                                          MOENDO EN CAMPAÑO (PONTEVEDRA). ANO 1974

 

        Semellantes a estes eran os muíños dos oleiros (agora tamén desaparecidos), para moer o vidrado, dos que dixo Fritz Krüger (El léxico rural del Noroeste Ibérico, Madrid, 1947, p. 73), que se trataba dunha reliquia cultural que se conservou durante séculos no Oeste da península Ibérica.

       OS DERRADEIROS MUÍÑOS DE MAN.

       Seguiron existindo en particular onde escaseaba a auga ou nas fortalezas e poboacións que tiñan que estar sempre preparadas para longos asedios, xa que era o único xeito de dispoñer de fariña, malia que nestas últimas en case todas había algunha tafona (muíño movido por un animal). Entre as ruínas do castelo de Sobroso (Mondariz) apareceu un completo que, de seguro, moeu gran (centeo, trigo e millo miúdo) no sitio que sufriu por parte de Pedro Álvarez de Soutomaior (Pedro Madruga), no século XV. Estivo exposto durante moitos anos a carón da porta da torre da homenaxe, ata que uns “vándalos” botaron as pedras a rolos monte abaixo.
 Nas escavacións levadas a termo na península da praia da Lanzada, de par da capela,  onde houbo un castelo en tempos pasados, tamén apareceron pedras destes muíños medievais, e nas illas de Ons aínda se poden ver restos dalgúns, testemuños que amosan que a utilización destes enxeños foi normal cando escaseaba a auga ou non había posibilidade de ir aos hidráulicos.

       No ano 1984 publiquei un artigo sobre eles, “Os muíños de man”, no tomo I de Pontevedra Arqueológica, centrado case exclusivamente nos que daquela existían na parroquia pontevedresa de Campañó, lindeira coa capital da provincia. Dez anos antes, 1974, data en que foran recolleitos os datos de campo, funcionaban oito, cando menos, habendo ademais  restos doutros varios. Podían moen indistintamente millo ou centeo para o gando, pero en cinco casos tamén dixeron que, ás veces, facían neles fariña panificable para o consumo humano.

       Pedras enteiras ou anacos, témolos visto en diferentes concellos, moi distantes entre eles xeograficamente, o que amosa que eran comúns en toda Galicia: Bueu (illas Ons), Campolameiro (Couso), Mondariz (Gargamala e Vilasobroso), Moraña (Lamas), Muxía (Ozón), Narón (Trasancos), Ponteceso (deste concello procede o do Museo “Liste” de Oseira), Pontevedra (Alba, Campañó e Xeve), Santiago de Compostela (O Castiñeiriño), Sanxenxo (A Lanzada), Vilagarcía de Arousa, etc.

 

MUÍÑO DE CAMPAÑO (PONTEVEDREA). ANO 1974.

 

        Tamén os había no norte de Portugal, pero cómpre advertir que non se trata de enxeños exclusivos do noroeste da Península, senón que eran correntes onde escaseaba a auga, como ocorre sobre todo no Mediterráneo. No museo diocesano de Palma de Mallorca pódese admirar un bo exemplar, moi antigo, con todos os elementos.

       Os poucos muíños de man que aínda quedaban acabaron con eles os eléctricos, de dimensións semellantes, que viñeron a ocupar o seu lugar dentro da casa, pero que non precisan da forza humana para traballar. O mesmo se pode dicir dos hidráulicos, pero estes tendo en conta tamén que agora xa son moi poucas as familias que cocen o pan no forno da casa.

       Hoxe en día os muíños de man non quedan máis que na lembranza das persoas maiores que moeron neles de novas, e as moas e os pés, en moitos casos trabucados como se fosen castrexos ou romanos. Como outros enxeños antigos (mazos, batáns, noras, etc.), prestaron inestimable servizo á humanidade durante séculos, pero a industria e a técnica modernas convertéronos nas últimas décadas en pezas de museo.

 

 
BIBLIOGRAFÍA

AGUIRRE SORONDO, A.: Tratado de molinología (Los molinos de Guipúzcoa), San Sebastián, 1988
BAS LÓPEZ, B.: As construccións populares: Un tema de etnografía en Galicia, Ed. do Castro, Sada, 1983.
BAS LÓPEZ, B: Muíños de marés e de vento en Galicia, Fundación P. Barrié de la Maza, 1991.
GALHANO, F.: Moinhos e azenhas de Portugal, Associação Portuguesa de Amigos dos Moinhos, Lisboa, 1978
GONZÁLEZ PÉREZ, C.: “Os muíños de man”, Pontevedra Arqueológica, Publicación del Grupo de Arqueología “Alfredo García Alén”, I, Pontevedra, 1984.
GONZÁLEZ PÉREZ, C.: “Os muíños de man. Un enxeño xa castrexo que chegou ata os nosos días”, Cacarexo. Revista informativa sobre os muíños, Coiro – Cangas, s.d. (1993).

 

Ir arriba