LOIS E VALDEMAR. EMBARCACIÓNS FLUVIAIS TRADICIONAIS EN TRÁS-OS-MONTES: AS BATEIRAS DO RÍO SABOR.

EMBARCACIÓNS FLUVIAIS TRADICIONAIS EN  TRÁS-OS-MONTES: AS BATEIRAS DO RÍO SABOR.

EMBARCACIÓNS FLUVIAIS TRADICIONAIS EN  TRÁS-OS-MONTES: AS BATEIRAS DO RÍO SABOR.

AUTORES:  LOIS LADRA.

ANTROPÓLOGO E ARQUEÓLOGO. LÚNULA — PATRIMONIO CULTURAL. ACE BAIXO SABOR.

VALDEMAR PINHO.

ANTROPÓLOGO. ACE BAIXO SABOR.

Revista de Investigación “ETNOGRAFIA”,  nº3, 2011. I.S.S.N. 1989 – 8541.

        Web, http://mesondoforno.com.

 

     LIMIAR.

     Entre as embarcacións fluviais tradicionais do Noroeste da Península Ibérica, os batuxos lucenses ocupan unha posición destacada, ao constituíren a tipoloxía que abrangue unha maior extensión xeográfica, desde a Terra Chá até perto de Portomarín. Aínda hoxe son moi poucos os que saben que no Nordeste de Portugal existen unhas pequenas barcas estreitamente emparentadas con eles: as bateiras do río Sabor, que ata agora permanecían inéditas e que imos apresentar neste traballo.

     O RIO SABOR

     O rio Sabor desenvolve a maior parte do seu percurso ao longo da provincia portuguesa de Trás-os-Montes, no Nordeste do país. Nace na Serra de Gamoneda, no concello de Hermisende (zona de língua galega na actual provincia de Zamora) e remata o seu percurso na pequena aldea da Foz do Sabor (concello de Moncorvo, distrito de Bragança). Así pois, trátase dun afluente pola marxe dereita do rio Douro.

                            FOTO 1. LOCALIZACIÓN XENÉRICA DA ÁREA DE ESTUDO NO MARCO DO NOROESTE DA PENÍNSULA IBÉRICA.
 

      Desde o ano 2009 estase a construir un encoro no Baixo Sabor, agardándose que entre en funcionamento a pleno rendimento en 2013. Ao abeiro do Plano de Salvaguarda do Património do Aproveitamento Hidroeléctrico do Baixo Sabor, o Agrupamento Complementar de Empresas Baixo Sabor, consorcio que realiza as obras, constituiu unha equipa de especialistas para estudar o patrimonio cultural obxecto de afectación.

     Os autores deste traballo, actualmente integrados como antropólogos na estrutura da dita equipa, son plenamente conscientes do impacto que as obras deste proxecto terán sobre a paisaxe local e sobre as comunidades rurais que habitan o vale desde tempos inmemoriais. Entre o vastísimo patrimonio que se verá afectado polo citado encoro, as bateiras constitúen unha categoría de bens materiais que aínda non foron obxecto de estudo e que por mor da súa fraxilidade e futura obsolescencia tecnolóxica están condenados a unha mais que probábel desaparición a curto prazo.
      Coidamos que este patrimonio flotante merece ser analisado e divulgado tamén en Galiza, xa non só polo seu interese intrínseco, senón polos estreitos paralelos materiais, tecnolóxicos e formais que as bateiras do Baixo Sabor amosan con outras embarcacións fluviais endémicas do Noroeste, especialmente cos denominados batuxos. Todos eles integran a familia que Octávio Lixa Filgueiras (1965: 10) baptizou senlleiramente como caixas.

      BARCAS DE PASAXE E BARCOS DE PESCA NO BAIXO SABOR.

     As comunidades locais, cando se referen ás embarcacións de madeira no rio Sabor, distinguen claramente entre as grandes barcas de pasaxe e os pequenos barcos de pesca.

    A navegación fluvial transversal ou de pasaxe tivo unha enorme importancia nas comunicacións tradicionais. Noutrora houbo numerosas barcas de pasaxe no rio Sabor, sendo as mais coñecidas e lembradas a de Cilhades (Fr. Felgar, Cc. Torre de Moncorvo), a da Quinta dos Barrais (Fr. Cerejais, Cc. Alfândega da Fé) e a de Santo Antão da Barca (Fr. Parada, Cc. Alfândega da Fé). Até os comezos da década dos oitenta do século pasado a primeira delas aínda se mantiña en activo, transladando de unha beira a outra do rio persoas, animais e mesmo tractores.

 

FOTO 2. FOTOGRAFÍA: CÉSAR GOMES. A ANTIGA BARCA DE PASAXE DE CILHADES. FONTE:GOOGLE EARH.

 

 

     No relativo ás embarcacións de pesca, dúas son as tipoloxías que aínda hoxe se poden identificar no Baixo Sabor: os barcos da Foz, moi semellantes en determinados aspectos formais aos do rio Douro, e as bateiras.

 

 

FOTO 3. FOTOGRAFÍA: JOSÉ RODRÍGUES. BARCOS DE PESCA NA FOZ DO SABOR (CABEÇA BOA. TORRE DE MONCORVO).

 

      Os barcos da Foz, unicamente presentes aquí na extrema do curso inferior do rio Sabor, corresponden a embarcacións en madeira de tamaño medio, simétricas, de fondo plano e con proa e popa abicadas, lanzadas e arrufadas. Tipoloxicamente integran a ampla familia dos rabelos (BEAUDOUIN, 1964) e hoxe apenas se usan nesta zona para a pesca con rede nos rios Sabor e Douro. A escasa media ducia de exemplares que aínda perviven nesta pequena aldea moncorvense xa amosan diversas adulteracións materiais que desvirtúan a sua orixinal autenticidade, tendo hoxe unha preocupante presenza a proliferación desmesurada da fibra de vidro.

 

 

FOTO 4. NAVEGACIÓN TRADICIONAL EN BATEIRAS NO RÍO SABOR. FONTE DOCUMENTAL “GENTE DO NORTE”

 

     CARACTERÍSTICAS, ORIXES, DISTRIBUCIÓN, CONSTRUCIÓN E USO DAS BATEIRAS

     En Portugal, a palabra “bateira” designa habitualmente unha pequena embarcación de madeira, sen quilla e de fondo plano. Amais de ser frecuente esta nomenclatura específica nos barcos pequenos do rio Sabor, tamén é utilizada para referirse a pequenas barcas das zonas litorais (CARDOZO, 1960; LIXA, 1965).

     As principais características das bateiras do Baixo Sabor son as seguintes: o seu tamaño é polo xeral pequeno, con uns escasos dous metros de lonxitude ou eslora na maioría dos exemplares rexistrados; a súa base formal é rectangular, coa proa, a popa e as bordas rectas e verticais; o seu calado é reducido; o fondo carece de quilla, pois é plano e atópase conformado por varias táboas de madeira de piñeiro, unidas unhas ás outras na mesma rasante segundo a técnica coñecida como construción a tope. Con frecuencia esta xunción aparece reforzada por recurso ás técnicas de calafataxe, ben sexa a base de tecidos intercalados nas xuntas da madeirame ou por aplicación de breu, cera, resina e, mais recentemente, alcatrán ou silicona de orixe industrial. A propulsión da embarcación obedece a un dobre sistema, por impulso coa vara fincada no leito do río ou con remos, sendo notoriamente predominante o primeiro.

 

FOTO 5. DEBUXO: JOSÉ RODRIGUES. BATEIRA E VARA PARA O SEU GOVERNO.
 

      En algúns casos, as dimensións recollidas para diversos exemplares deste tipo de embarcacións reflicten a existencia de verdadeiros padróns de referencia, a xeito de unidades modulares. Así, unha bateira identificada perto do Cabeço da Pendura amosa unhas medidas de aproximadamente 90 cm. de anchura na proa, 120 cm. de anchura na popa e 210 cm. de lonxitude total. Isto é: a partir dun módulo-base de 30 cm. repetido 3, 4 e 7 veces respectivamente, evidénciase que a soma das dúas anchuras da manga equivale á lonxitude total ou eslora do casco.

     A bibliografía etnoarqueolóxica recolle varias hipóteses para tentar explicar a orixe filoxenética das embarcacións xenericamente denominadas “caixas”, que constitúen unha tipoloxía moi característica dos cursos altos dos rios do Noroeste Ibérico, a Norte do Douro. Os diversos influxos e filiacións que pensamos que poden ser propostos resúmense en tres pontos básicos de referencia: as barcas de coiro pre-históricas, a tecnoloxía naval latina e as formas xermánicas do período suevo.

     Para Octávio Lixa Filgueiras, as “caixas” localizadas ao Norte do Douro serían unha evolución formal e material das antigas embarcacións locais de coiro, datábeis en época pre e proto-histórica (LIXA, 1974: 237). Aínda así, somos da opinión de que nas barcas de coiro habería que ver antes un precedente que propiamente a paternidade filoxenética das “caixas”.

     Pola sua banda, o profesor Fernando Alonso Romero ten defendido de maneira moi coherente e convincente a hipótese de que a mudanza tecnolóxica das embarcacións cosidas aos enxeños de navegación construídos con táboas de madeira unidas por pontas se tería producido no Noroeste a raíz da conquista romana e da conseguinte mellora nas ferramentas de carpintaría introducidas polos conquistadores (ALONSO, 1990: 139).

      Finalmente, o investigador galo François Beaudouin considera que unha grande parte da arquitectura naval fluvial do Noroeste Ibérico é herdeira directa dos pobos xermánicos que invadiron a Gallaecia no século V da nosa era (BEAUDOUIN, 1964). Aínda que os pobos xermánicos estaban en xeral fortemente influenciados polas técnicas propias da construción naval nórdica, os suevos tamén construían en madeira pequenas barcas fluviais de fondo plano e costados rectos. Lixa Filgueiras defende unha herdanza naval suévica, patente nos barcos dos rios do NW (LIXA, 1965: 14).

     Por desgraza, actualmente no Noroeste non coñecemos a existencia de restos arqueolóxicos correspondentes a nengún dos tres supostos que vimos de referir, co cal debemos recoñecer humildemente que apenas nos movemos no inestábel terreno das suposicións hipotéticas, todas elas interesantes, aínda que carentes hoxe por hoxe de referentes materiais contrastábeis. No futuro teremos que esclarecer esta cuestión.

     As bateiras do Baixo Sabor que conseguimos identificar até a data nun treito do rio duns 10,5 km., comprendido aproximadamente entre as localidades de Santo Antão da Barca (Fr. Parada, Cc. Alfândega da Fé) e Cilhades (Fr. Felgar, Cc. Torre de Moncorvo), son un total de nove. Todas elas amosan unha tecnoloxía e unha morfoloxía moi sinxelas, correspondendo ao tipo xa referido das “caixas” ou “caixotes”, aínda que con pequenas variacións individuais. Através de inquéritos orais soubemos que excepcionalmente se construiu unha bateira para a Foz do Sabor, lonxe da súa área típica de distribución. Por outra banda, tamén é posíbel que existan bateiras a norte do lugar de Santo Antão, zona que aínda está a ser prospectada nestes momentos.

 

 

FOTO 6. PORMENOR DA ÁREA OBXECTO DE ESTUDIO NO BAIXO SABOR E LUGARES ONDE FORAN IDENTIFICADAS AS BATEIRAS. OS NÚMEROS CORRESPONDEN AOS SEGUINTES LUGARES: 1. POÇO DO DIABO. 2. PIDO. 3. POÇO DA BARCA. 4. POÇO DA OLA. 5. ZAMBULHAL. 6. CABEÇO DA PENDURA. 7. CABEÇO DO AGUILHÁO. 8. MIRAGAIA. 9. SANTO ANTÁO DA BARCA. CARTOGRAFIA: ANA RITA FERREIRA.

 

 

      O proceso de construción de unha bateira comeza coa encomenda da mesma por parte de algún pescador local. Un dos carpinteiros que aínda fai bateiras na freguesia de Felgar é o Sr. Ernesto Almeida, “O Rebeca”, que tamén é pescador no rio Sabor e xa fixo varios barquitos para satisfacer diversos pedidos. Logo dun inquérito oral pormenorizado, soubemos que o señor Ernesto é fillo de barqueiro, neto de carpinteiro e sobriño de serrador, co cal a madeira e as barcas fan parte das suas mundivivencias xa desde a sua infancia. O Rebeca contounos como se fai hoxe unha bateira típica do Baixo Sabor: non hai duas exactamente iguais, aínda que todas amosan un notábel ar de família. Teñen que ser de feitio rectangular, co fondo plano e coa proa un pouco mais estreita que a popa para ofrecer unha menor resistencia aos desprazamentos. A madeira que se usa é case sempre a de piñeiro, que é cortada mecanicamente en táboas á medida. As tábuas de pinho aturan ben o contacto diario ca auga do rio e supostamente posúen propiedades que lles garanten unha maior vida útil. Mesmo así, hoxe é frecuente levaren algún tipo de tratamento ou impregnación protectora a base de líquidos sintéticos.

      As dimensións máximas das bateiras amosan pequenas variacións dun caso para outro, aínda que polo xeral todas teñen mais ou menos dous metros de lonxitude, pouco mais dun metro de anchura e á volta de 30 centímetros de altura. As táboas son todas cortadas á medida e cravadas unhas ás outras con pontas de aceiro, sempre desde o exterior cara ao interior do casco. A disposición das ripas do fondo e das bordas é sempre lonxitudinal, reforzadas con grosos barrotes transversais no interior. As xuntas do piso adoitan estaren seladas por diversos procedimentos de calafataxe: inserción de tecidos, silicona, alcatrán, breu… Antigamente usábase a técnica de unión por “machihembrado”, hoxe case que totalmente desaparecida. Cando xa está confeccionada a estrutura do casco en seco, lévase a bateira ao rio, onde fica completamente mergullada durante varios días para empertigar ou deixar que a madeira hinche o suficiente, sen chegar a danificar as táboas laterais por exceso de presións mecánicas. Construir unha bateira apenas leva un dia de traballo, sendo hoxe o custo total da materia prima e da man de obra de aproximadamente uns 100 euros.

      Documentamos un caso perto do Cabeço do Aguilhão en que a proa da bateira amosaba unha pequena caixa feita con táboas dispostas transversalmente. Supostamente, este dispositivo tería como función principal a de servir de depósito para gardar as redes, o peixe ou mesmo a roupa do pescador.

      Os complementos básicos das bateiras son unha vara, unha cadea metálica, un cadeado e un achicador. A vara ou panca é de calquer madeira que permita obter un feitío lanzal; ten que ser longa para poder ser fincada nas partes mais profundas do rio, aínda que este raramente supera os 4 metros de calado; antigamente tiña un ferrollo ou espigão no cabo que ía ser metido no rio. Excepcionalmente coñecemos por fotografías e vídeos antigos algún caso de bateira dotada de remos e toletes para o seu apoio, aínda que hoxe xa non as conseguimos identificar nos labores de campo. A cadea e o cadeado serven para amarrar –sempre pola proa– a embarcación a unha árbore da ribeira, se ben que antigamente esta operación se facía con cordas de fibras naturais. O achicador adoita ser actualmente unha garrafa de plástico duns 5 litros de capacidade, cortada horizontalmente polo bordo superior ou diagonalmente desde a boca ata a base, aproveitando a presenza da asa; serve para baleirar de auga o interior da bateira sempre que sexa necesario proceder a esta operación.
      As medidas máximas expresadas en centímetros e as relacións lonxitude/anchura (eslora/manga), lonxitude/altura (eslora/pontal) e anchura/altura (manga/pontal) das bateiras que conseguimos identificar na zona obxecto de estudo pódense comprobar na seguinte táboa:

 

 

     Relativamente aos usos tradicionais das bateiras do Baixo Sabor, éstes pódense resumir en tres funcións principais, coa seguinte orde de importancia: apoio á pesca, pasaxe e lecer. A pesca desde as bateiras é feita con rede dotada de boias e chumbos, largada transversalmente no rio a xeito de barreira. A pasaxe de unha a outra ribeira faise normalmente a título individual, aínda que se coñecen situacións pontuais de pasaxe simultánea de dúas persoas e unha besta de carga. O lecer consiste basicamente na navegación de recreo, sempre masculina e individual. Non se coñecen ata agora mulleres pescadoras no Baixo Sabor, pois normalmente son os homes os que pescan e as mulleres as que venden o excedente. Se a pesca é para autoconsumo doméstico e/ou familiar pode ser tanto o home como a muller quen o cociñe, case sempre fritado en aceite e servido con arroz, ensalada e un mollo especial, de elaboración caseira.

    De seguido amostramos unha serie de fotografias xerais relativas ás bateiras do Baixo Sabor que conseguimos identificar ata hoxe, para que os leitores se fagan unha idea da estreita semellanza que estas barcas portuguesas gardan cos batuxos lucenses, especialmente no referente á forma, dimensións, sistema de navegación e funcionalidades coñecidas. Ao ver estas imaxes resulta mais doado comprender a razón que levou ao investigador lusitano Octávio Lixa Filgueiras a agrupalas nunha única familia de enxeños de navegación e pesca fluvial, que el designou como “caixas”, as embarcacións típicas dos rios mais interiores do Noroeste Ibérico.

 

FOTO 7. BATEIRA DO POÇO DO DIABO NO MOMENTO EN QUE FOI DEPOSITADA NO GABINETEDE RESTAURO DO ACE.

 

 

FOTO 8. BATEIRA DO PIDO AMARRADA NA MARXE ESQUERDA DO RÍO SABOR COA PANCA DISPOSTA PARA REMAR.

 

FOTO 9. RESTOS DE UNHA BATEIRA IDENTIFICADA NO POÇO DA BARCA.

 

 

 

 

FOTO 10. RECONSTRUCIÓN DA BATEIRA DO POÇO DA BARCA A PARTIR DOS RESTOS IDENTIFICADOS. DEBUXO: JOSÉ RODRIGUES,

 

 

 

 

FOTO 11. BATEIRA DO POÇO DA OLA, CONSTRUÍDA ESTE MESMO ANO 2011 POLO SR. ERNESTO ALMEIDA.

 

 

FOTO 12. BATEIRA DO ZAMBULHAL, CON PEGAS LATERAIS PARA FACILITAR O TRANSPORTE FÓRA DA AUGA.

 

 

 

 

FOTO 13. BATEIRA AÍNDA EN USO, LOCALIZADA AO PÉ DO CABEÇO DA PENDURA.
 

 

 

 

FOTO 14. BATEIRA RECUPERADA AO PÉ DO CABEÇO DO AGUILHÁO CON UNHA PEQUENA ARCA NA PROA.

 

 

 

FOTO 15. BATEIRA PINTADA, HOXE GARDADA NO INTERIOR DE UNHA DAS CASAS DE MIRAGAIA.

 

 

 

FOTO 16. FOTOGRAFÍA: ANA RITA TRINDADE. BATEIRA AÍNDA EN USO, LOCALIZADA EN SANTO ANTAO DA BARCA.

 

 

     PERSPECTIVAS DE FUTURO.

     As bateiras do Baixo Sabor teñen moi probabelmente os seus días contados. A sociedade rural, á que serviron durante varios séculos, está hoxe en crise, sometida a un grave proceso de quebra demográfica e acelerado despoboamento. A agonía da pesca fluvial tradicional, a obsolescencia tecnolóxica destas embarcacións, a moderna introdución de novos exemplares elaborados en fibras sintéticas e a construción do encoro, constitúen factores preocupantes de cara a garantir a futura sobrevivencia das bateiras. Porén, grazas ao Plano de Salvaguarda do Património implementado ao tempo que se desenvolven os labores de construción da presa, moitas destas embarcacións que teñen sido abandonadas polos seus donos están a ser rexistradas, estudadas, fotografadas, debuxadas, restauradas e recuperadas por unha ampla equipa de especialistas. Agardamos que nun prazo razoábel de tempo estes obxectos tan senlleiros sexan depositados en museus e institucións que garantan a sua preservación física para coñecimento das xeracións vindeiras. Os traballos de rexistro, documentación e salvaguarda deste patrimonio aínda se están a realizar nestes momentos e agardamos que axiña cheguen a bon porto. Cando menos, esa é o noso principal obxectivo.

     Non queremos rematar este traballo sen render unha sentida e merecida homenaxe ao mestre Octávio Lixa Filgueiras, quen hai mais de medio século expresou un soño de urxencia e xustiza relativo a estas embarcacións e que pensamos se está a cumprir nestes momentos: “Muito há que fazer aínda, quer na recolha sistemática de material, em trabalho de campo, quer no que respeita à pesquisa para a necessária filiação das estirpes. E resta por fazer talvez o mais importante: a salvaguarda dos espécimes representativos.” (LIXA, 1965: 14-15).

 

BIBLIOGRAFÍA.

-ALONSO, Fernando (1990): “Las gamelas de Galicia: teorías sobre sus orígenes”, en Actas do I Congreso Gallaecia (A Guarda, 1988), pp. 137-151. Pontevedra, Ed. Deputación Provincial.

-BEAUDOUIN, François (1964): “Les bateaux du Douro: étude des origines”, Revista de Etnografia, vol. II, tomo 2, n.º 4, pp. 321-408.

-CARDOZO, Mário (1960): “A tradição náutica na mais antiga história da Península Hispânica”, Revista de Guimarães, vol. LXX, n.º 1-2, pp. 491-514 + 20 figs.

-LIXA, Octávio (1965): “Construções navais portuguesas” separata do vol. I das Actas do V Colóquio Internacional de Estudos Luso-Brasileiros. Coimbra, 32 pp.

-LIXA, Octávio (1974): “Remanescentes de formas de navegar pré-romanas em uso no Noroeste peninsular”, Actas do II Congresso Nacional de Arqueologia (Porto, 1973), Vol. I, pp. 223-247. Porto, Ed. Ministério da Educação Nacional.

 

 

 

 

Ir arriba