ESTAMOS PRETO DA “NOITE DO LUME”
AUTOR: JOSÉ MANUEL BLANCO PRADO.
Revista de Investigación “ETNOGRAFIA”, nº1, 2009. I.S.S.N. 1989 – 8541.
Web, http://mesondoforno.com.
ARQUIVO DO AUTOR. LUMINARIA NA NOITE DO SAN XOÁN. LUGO.
Á noite do 23 de Xuño celébranse nos países, que posúen unha cultura de base cristián, os famosos “lumes do San Xoán”. Polo que respecta á cidade de Lugo, esta data ten como protagonistas aos barrios periféricos de Albeiros, Casás, a Chanca, a Cheda, Galegos, Montirón, a Piringalla, a Ponte, a Residencia, San Antonio etc.. Os seus integrantes preparan as “ cacharelas” con restos de madeira de toda índole, que serán acesas ao anoitecer dese día para ledicia non só dos que viven neses barrios, senón tamén para os numerosos lucenses, que acoden a presencialas.
Algúns destes barrios, por medio das súas asociacións, organizan ademais verbenas e unha boa degustación popular a base de churrasco e sardiñas preferentemente, dando lugar a que o evento festivo se prolongue ata ben entrado o día do San Xoán. Resulta curioso, como o barrio lucense de “A Piringalla” celebra, ao igoal que noutros anos, a novena edición da degustación do “Becerro ao espeto” na noite máxica do 23 de Xuño.
Estas ceremonias ritualistas, reflectidas no lume e na comensalia, tentan ser non só elementos identificadores da cohesión social do barrio, senón tamén signos de apertura ao exterior.