FERNANDO ARRIBAS ARIAS. OS CRUCEIROS GALEGOS. ESTADO DA CUESTIÓN.

 

    Revista de Investigación “ETNOGRAFIA”,  nº4, 2012. I.S.S.N. 1989 – 8541.

     Web: mesondoforno.com.

 

     En 1950 sae á luz As cruces de pedra na Galiza, a obra de Castelao que marca o comezo e tamén o cume da investigación sobre os cruceiros galegos. Dicimos o comezo porque antes dela só podemos referirnos aos estudos de Bernardo Barreiro Vázquez Varela, a primeira persoa que se deu de conta da importancia artística, histórica e antropolóxica dos cruceiros e a quen deberiamos nalgún momento homenaxear. Barreiro foi tamén o autor do primeiro inventario destas mostras da arte popular “Monumentos populares. Las cruces y los cruceros”, publicado en Galicia Diplomática no ano 1889, así como tamén un activista na defensa das cruces de pedra, xa que conseguiu recuperar o cruceiro do Home Santo. O propio Castelao declárase debedor de Barreiro e recoñece que o entusiasmo deste polifacético erudito foi o único alento que tivo para facer As cruces de pedra na Galiza, afirmando tamén que “ninguén máis ca el soubo fitar a importancia dos cruceiros cando (á parte de Murguía) os nosos investigadores ollaban todo con criterio emprestado e nin tan sequera sabían andar polo seu pé nos vieiros nativos.”

 

     Tamén é un autor dun inventario de cruceiros Atanasio López, autor en 1914 dun traballo titulado Una excursión por los alrededores de Noya. Cruces y cruceros. Sendo xustos non debemos esquecernos tampouco de Rosalía de Castro e doutros poetas e escritores que atoparon nas nosas cruces de pedra un tema de inspiración para as súas obras.

     Ademais dos investigadores xa citados, convén tamén lembrar a Murguía e Risco, pero ninguén como Alfonso R. Castelao que lle dedicou gran parte da súa vida ao estudo dos cruceiros galegos e da Bretaña, ata escribir a obra de referencia máis monumental. Quizais algunha das súas teses poida ser hoxe revisada, pero en conxunto o valor desta obra segue sen ser superada. Con posterioridade ao gran mestre rianxeiro, viñeron Carlos Valle Pérez, Begoña Bas, Laredo Verdejo, Fernández de la Cigoña, Burgoa Fernández, etc., así como Clodio González Pérez, autor de Os cruceiros, obra de carácter divulgativo co valor de ser unha síntese ben elaborada.
Seguindo esta liña, coido que cumpriría facer unha historia dos estudos dos cruceiros nos últimos tempos que nos permita, ademais de recuperar traballos e autores quizais esquecidos, saber o que está feito. Así por exemplo, polo que respecta á provincia de Lugo, hai que dicir que en 1984, A. Reigosa e F. Arribas, equipo ao que posteriormente se uniría X. R. Cuba publicou, no número 2 do Boletín do Museo Provincial de Lugo a primeira entrega de “Cruces, cruceiros e petos de ánimas do municipio de Lugo” (serie aínda sen rematar) coa que iniciamos o inventario de todas estas construcións populares existentes nese concello. Con anterioridade a este traballo, tan só Trapero Pardo se ocupará destes monumentos nun artigo aparecido na revista Lucus dez anos antes; nel, o que fora cronista oficial de Lugo fai unha recensión xeral dalgúns cruceiros da nosa provincia, centrándose sobre todo nos da Terra Chá. Moi posteriormente, nos anos 1995-1996, o Boletín do Museo Provincial de Lugo dá a coñecer “Os cruceiros do municipio de Palas de Rei”, estudo exhaustivo realizado por Xerardo Pereiro Pérez. Na mesma liña están o Catálogo de cruceiros e cruces da Terra de Viveiro (1996), realizado polo Seminario de Estudos Terra de Viveiro e os Esmoleiros, petos e cruceiros de ánimas de Lugo (2002), este último de Estanislao Fernández de la Cigoña.

     No tocante á Terra Chá, salvo algún artigo periodístico de carácter xeral e o folleto de Blanco Prado e Rodríguez Sánchez,  Cruces y cruceros del municipio de Begonte, a catalogación sistemática desta comarca, caracterizada por ser a que presenta un maior número de cruceiros de toda a provincia, comeza en 1993 co Proxecto Carboeira, co que J. M. Blanco Prado e F. Arribas Arias, ao que se sumaría máis tarde M. Saavedra Pérez, pretenden levar a cabo un inventario, catalogación e estudo de todos estes símbolos da relixiosidade popular. A publicación dos datos deste proxecto comeza en 1998 con Cruceiros de Castro de Rei e Outeiro de Rei, ao que lle seguirían Cruceiros de Guitiriz (1999), Cruceiros de Begonte, Cospeito e Rábade (2000), Cruceiros, cristos e cruces da Pastoriza (2002), Cruceiros, cruces e cristos de Xermade (2004) , Cruceiros, cristos, cruces e esmoleiros de Abadín (2007) e Cruceiros, cristos e cruces de Muras (2009). Queda aínda por ver a luz o correspondente ao concello de Vilalba, cousa que agardamos aconteza a primeiros do ano 2012.

 

NECESIDADE DUN INVENTARIO DE CRUCEIROS

 

     É urxente a realización dun inventario exhaustivo de cruceiros, cruces de pedra e esmoleiros de Galicia que nos permita, entre outras cousas, coñecer o número exacto deste tipo de mostras da devoción popular. Existe un inventario elaborado pola Xunta de Galicia que foi publicado no Diario Oficial de Galicia ,  pero é moi incompleto e presenta problemas tanto na denominación dos cruceiros coma na súa localización. Pola súa banda, o Departamento de Proxectos Arquitectónicos da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña, en colaboración coa Consellería da Xunta de Galicia, está a levar a cabo un meritorio traballo de inventario de cruceiros, pero cun resultado desigual nas fichas que, lamentablemente, permanecen sen publicar.

     Cómpre dicir que a única provincia galega da que temos unha relación case completa é a da Coruña, grazas a un importante traballo realizado por Luís Martín Ruíz no ano 1999. Tamén queremos deixar constancia de innumerables traballos que levaron a cabo diversos autores, Estanislao Fernández de la Cigoña, Clodio González Pérez, Equipo Carboeira, Lois Ladra, etc., centrados no estudo dos cruceiros dalgún concello ou comarca e que constitúen a pedra angular para o comezo de calquera investigación que se faga sobre os nosos cruceiros.

     Un dos problemas que vemos en todos os traballos de inventario é a variedade tipolóxica de fichas, o que se traduce que dalgún cruceiro non se recollan datos que ao noso xuízo serían interesantes. Neste aspecto propoñemos a realización dun modelo de ficha único baseada en criterios obxectivos.

     Nesta mesma liña coido que debemos empezar por definir primeiramente o que entendemos por cruceiro, co obxecto de non incluír nesta categoría outro tipo de construcións semellantes. Así pensamos que hai que distinguir entre cruceiro, cruz alta, cruz baixa, desencravo, “humilladero”, etc., terminoloxía que lle afecta directamente ao inventario de cruceiros do que falabamos anteriormente, xa que en moitos casos se inclúen baixo esta denominación outros exemplos de devoción popular.

     Unha boa parte dos traballos que hai sobre os cruceiros, cruces e esmoleiros están publicados en revistas ou libros cunha escasa difusión, de xeito que a información que conteñen non chega a todos os que nos dedicamos á investigación deste tema por moi atentos que pretendamos estar a este tipo de achegas. Para evitar esta situación, propoñemos a elaboración dun corpus bibliográfico, é dicir, unha bibliografía exhaustiva na que se vaian incorporando toda publicación monográfica, cun mínimo de valor científico, sobre os cruceiros galegos. Este corpus bibliográfico único estaría a disposición de todos os investigadores co obxecto de que a bibliografía que se cite en cada obra sexa o máis rigorosa e homoxénea posible.

     Como reflexión persoal que me gustaría compartir con todos vós, coido que, ademais do traballo de inventario e catalogación que vimos realizando, cumpriría orientar tamén as investigacións sobre os cruceiros ao estudo da súa orixe ou a aspectos históricos que influíron no seu espallamento. Neste senso paréceme unha estupenda achega a teoría de Frutos Fernández González presentada ao II Congreso de Cruceiros e titulada  “Algunhas reflexións sobre o espallamento dos cruceiros en Galicia”. Tamén quero destacar o artigo de María Dolores Barral Rivadulla e Marta Cendón Fernández  “Devociones en piedra en la Galicia gótica rural” sobre o cruceiro de Cheis en Vimianzo, exemplo dun estudo analítico rigoroso sobre un dos nosos cruceiros máis enigmáticos.

     Cómpre tamén afondar na autoría dos cruceiros, indo máis alá do que di a inscrición. A pesar de que estas mostras da arte popular se caracterizan por ser xeralmente anónimas, é posible rastrexar en moitos casos o nome do seu artífice afondando na documentación parroquial. Convén, xa que logo, que o traballo de campo non nos faga esquecer o traballo de investigación en arquivos.

     Gustaríame tamén insistir sobre un papel que temos asignado como asociación e que nos afecta a todos nós. Estoume a referir ao fomento da divulgación e difusión dos cruceiros, fomentando o seu coñecemento como medio da súa posta en valor e asunción por parte da sociedade como un elemento importante do seu patrimonio histórico e artístico. Nesta liña debemos procurar desenvolver todas as actividades posibles para dar a coñecer a importancia dos nosos cruceiros, empezando pola escola e acabando pola universidade. As rutas patrimoniais, ensaiadas por nós, Equipo Carboeira, hai varios anos no concello de Castro de Rei (Lugo) e por Xosé Álvarez Castro no de Pontevedra poden ser un exemplo a ter en conta.

     Un caso á parte constitúeo o tema da investigación. Aínda que nos pareza o contrario, desgraciadamente somos poucos os que nos dedicamos a este mester e, por se fora pouco, todos temos xa unha certa idade, polo que deberiamos fomentar o relevo xeracional para que a investigación sobre os nosos cruceiros continúe viva e non se perda. Cómpre chamar a atención sobre o feito de que en Galicia a investigación sobre as cruces de pedra realízana fundamentalmente etnógrafos e non arqueólogos nin historiadores da arte, aínda que hai algunha honrosa excepción, como ocorre noutras latitudes.

     Nos últimos tempos os cruceiros galegos están sendo vítimas de actos vandálicos (lembremos o caso do cruceiro do adro da igrexa de Tardade e do cruceiro do Paseo Fluvial, os dous no Concello de Vilalba), de roubos (cruceiros de Laxe e Cabana en Carballo, feito sucedido no ano 1999), de vendas e traslados ilegais (cruceiro de Teixeiro en Lugo), de accidentes de tráfico (cruceiro do Carrizo en Santaballa-Vilalba),  causas que xunto ao paso inexorable do tempo están poñendo en perigo a integridade destas mostras do noso patrimonio etnográfico e artístico. Ao mesmo tempo, o estado de abandono que caracteriza a situación de moitos deles (afogados polos colectores do lixo, rodeados de postes de luz, farois ou sinais de tráfico ou cubertos de vexetación) fai que os cruceiros galegos estean seriamente ameazados e corran o risco de desaparecer. Neste aspecto é urxente a elaboración dun plan de consolidación e restauración, adoptando unha serie de medidas que aseguren a súa integridade e conservación así coma a súa posta en valor, plan que debe realizarse despois da elaboración dun libro branco no que se aborden todo este tipo de cuestións.

     Tamén convén chamar a atención sobre a protección legal dos cruceiros galegos, xa que a Nosa Terra, que é o país do mundo con maior número e variedade tipolóxica deste tipo de monumentos, non ten ningún declarado Ben de Interese Cultural, a pesar de que existen un bo número de exemplares merecentes de tal consideración.  Nesta liña queremos expresar o noso apoio á solicitude de declaración realizada no ano 2008 polo Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte para o cruceiro dos Santos en  Cheis (Vimianzo-A Coruña), enigmática obra de grande interese e sobradamente merecedora desta distinción.

     Por último cómpre chamar a atención sobre tres aspectos relacionados cos cruceiros na Nosa Terra, xa que somos a única comunidade do Estado Español que, recentemente , celebrou tres congresos sobre esta cuestión, nos que se abordaron e se deron a coñecer importantes achegas. Estes congresos, organizados por Juan J. Burgoa e Estanislao Fernández de la Cigoña, contaron coa presenza e participación da meirande parte dos investigadores de Galicia que nos dedicamos a este tema, investigadores que me gustaría destacar constitúen un grupo estable e historicamente formado con moitos anos de traballo e publicacións ás súas costas. Ademais, a rápida publicación das correspondentes actas contribúe a darlle a coñecer ao público as achegas de notable interese e tamén a incrementar o corpus bibliográfico sobre os nosos cruceiros.

     Como evolución lóxica dos dous primeiros congresos, en outubro do ano 2010 creouse a primeira Asociación de amigos dos cruceiros, cruces de pedra e petos de ánimas do Estado español, entidade que ademais de aglutinar e dar cohesión, estabilidade e facilitar o traballo dos investigadores que nos dedicamos a este tema e de asegurar a continuidade dos congresos, pretende, segundo se di no artigo 5 dos seus estatutos:

     – Promover a conservación, restauración e recuperación dos cruceiros, cruces, cristos, petos de ánimas, esmoleiros e demais construcións deste tipo existentes en Galicia, así como os doutros lugares que garden relación cos galegos. 
    – Fomentar o estudo, investigación, coñecemento e divulgación de todas estas manifestacións da arte popular, tanto no seu aspecto material como inmaterial.
    – Velar pola integridade destas construcións, apoiando todas aquelas iniciativas encamiñadas á súa revitalización e posta en valor.
    – Promover e colaborar en todas as actividades que estean en consonancia con estes fins, tales como congresos, seminarios, xornadas e xuntanzas de estudo, así como exposicións e rutas para o seu coñecemento e divulgación.
    – Editar publicacións sobre diversos aspectos dos cruceiros, cruces, cristos, petos de ánimas, esmoleiros e demais construcións deste tipo. 

    A curto prazo esta asociación ten grandes retos, coma a declaración de Ben de Interese Cultural para, ademais do cruceiro de Cheis, de todos aqueles cruceiros singulares merecentes desta distinción. Tamén se conseguimos manter viva a investigación sobre estas mostras da devoción popular, así como o fomento da súa difusión, teremos realizado xa un bo traballo.

  
    BIBLIOGRAFÍA

ACTAS DO I CONGRESO GALEGO SOBRE CRUCEIROS E CRUCES DE PEDRA. Poio, 11 e 12 de setembro de 2009. Vigo: Asociación Galega para a Cultura e a Ecoloxía, 2009.

ACTAS DO II CONGRESO GALEGO SOBRE CRUCEIROS E CRUCES DE PEDRA. Ponteareas, 24 e 25 de setembro de 2010. Vigo: Asociación Galega para a Cultura e a Ecoloxía, 2010.

ARRIBAS ARIAS, F., CUBA RODRÍGUEZ, X.R. e REIGOSA CARREIRAS, A. “As cruces e cruceiros da Terra Chá” en El Progreso. Lugo: 20-8-87, páx.7.

ARRIBAS ARIAS, F., CUBA RODRÍGUEZ, X.R. e REIGOSA CARREIRAS, A. “Cruces, cruceiros e petos de ánimas do municipio de Lugo (I)”,  en Boletín do Museo Provincial de Lugo, Tomo II, 1984, páxs. 195-204.  

ARRIBAS ARIAS, F., CUBA RODRÍGUEZ, X.R. e REIGOSA CARREIRAS, A. “Cruces, cruceiros e petos de ánimas do municipio de Lugo (II)”,  en Boletín do Museo Provincial de Lugo, Tomo III, 1987, páxs. 133-150.  

ARRIBAS ARIAS, F. e BLANCO PRADO, J. M. Catálogo de Cruceiros da Terra Chá. Cruceiros de Castro de Rei e Outeiro de Rei, Sada: Cadernos do Seminario de Sargadelos, nº 76, Ediciós do Castro, 1998.

ARRIBAS ARIAS, F. e BLANCO PRADO, J. M. Catálogo de Cruceiros da Terra Chá. Cruceiros de Guitiriz, Sada: Cadernos do Seminario de Sargadelos, nº 81, Ediciós do Castro, 1999.

ARRIBAS ARIAS, F. e BLANCO PRADO, J. M. Catálogo de Cruceiros da Terra Chá. Cruceiros de Begonte, Cospeito e Rábade, Sada: Cadernos do Seminario de Sargadelos nº 87, Ediciós do Castro, 2000.

ARRIBAS ARIAS, F., BLANCO PRADO, J. M e SAAVEDRA PÉREZ, M. . Catálogo de Cruceiros da Terra Chá. Cruceiros, Cristos e Cruces da Pastoriza,  Sada: Cadernos do Seminario de Sargadelos, nº 92, Ediciós do Castro, 2002.

ARRIBAS ARIAS, Fernando e BLANCO PRADO, José Manuel. Catálogo de Cruceiros da Terra Chá. Cruceiros, Cristos e Cruces de Xermade,  Sada: Cadernos do Seminario de Sargadelos, nº 94, Ediciós do Castro, 2004.

ARRIBAS ARIAS, F., BLANCO PRADO, J. M e SAAVEDRA PÉREZ, M. . Catálogo de Cruceiros da Terra Chá. Cruceiros, Cristos, Cruces e Esmoleiros de Abadín,  Sada: Cadernos do Seminario de Sargadelos, nº 96, Ediciós do Castro, 2007.

ARRIBAS ARIAS, F., BLANCO PRADO, J. M e SAAVEDRA PÉREZ, M. . Cruceiros, Cristos e Cruces de Muras.  Vilalba: Instituto de Estudios Chairegos, 2009.

BARRAL RIVADULLA, Mª Dolores e CENDÓN FERNÁNDEZ, Marta. “ Devociones en piedra en la Galicia gótica rural “, en Semata, volume 9, 1997, páx. 405-423.

BARREIRO. B. “Monumentos populares. Las cruces y los cruceros”, Galicia Diplomática. Tomo IV, nº 12, 1889, páxs. 91-93.

BARREIRO. B. “Monumentos populares. Las cruces y los cruceros”, Galicia Diplomática. Tomo IV, nº 19, 1889, páxs. 151-152.

BARREIRO. B. “Monumentos populares. Las cruces y los cruceros”, Galicia Diplomática. Tomo IV, nº 20, 1889, páxs. 157-158.

BARREIRO. B. “Monumentos populares. Las cruces y los cruceros”, Galicia Diplomática. Tomo IV, nº 21, 1889, páxs. 163-166.

BAS LÓPEZ, Begoña. As construccións populares. Un tema de etnografía en Galicia. A Coruña: Ediciós do Castro, 1983.

FERNÁNDEZ DE LA CIGOÑA NÚÑEZ, E.. Esmoleiros, petos e cruceiros de ánimas de Lugo. Vigo: Asociación Galega para a Cultura e a Ecoloxía, 2002.

GONZÁLEZ PÉREZ, Clodio. Os cruceiros. Santiago: Cadernos Museo do Pobo Galego, 12, Fundación Caixa Galicia, 2003.

LAREDO VERDEJO, José M.: Os nosos cruceiros, A Coruña: Ed. Boreal-Xuntanza.  1993.

LÓPEZ, A. “Una excursión por los alrededores de Noya (Cruces y cruceros), Diario de Galicia, Compostela, 1914.

MARTÍN RUIZ, Luis: Cruceiros na provincia da Coruña ( Tomos I-IV). A Coruña: Deputación Provincial, 1999.

PEREIRO PÉREZ, Xerardo (Equipo de investigación “Pallatium Regis Witiza”). “Os cruceiros do municipio de Palas de Rei”, en Boletín do Museo Provincial de Lugo, Tomo VII (2),1995-96, páxs. 201-247.

RODRÍGUEZ CASTELAO, A. As cruces de pedra na Galiza. Madrid: Akal, 1975 (Ed. Facsímile).

RODRÍGUEZ CASTELAO, A. As cruces de pedra na Bretaña. Vigo: Edicións Castrelos, 1974.

RODRÍGUEZ SÁNCHEZ, M. e  BLANCO PRADO, J.M. Cruces y cruceros del municipio de Begonte. Lugo: Deputación provincial, 1988.

SEMINARIO DE ESTUDOS “TERRA DE VIVEIRO”. Catálogo dos cruceiros e cruces da terra de Viveiro. Viveiro: Publilar. S.L. (Gráficas Lar), 1996.

TRAPERO PARDO, José. “Os cruceiros”, en Lucus, nº 27, 1974, páxs. 25-40.

VALLE PÉREZ, J.C. “Cruceiros”, en G. E. Gallega, Tomo VIII, 1974, páxs. 49-59.

 

ILUSTRACCIÓNS

 

CRUCEIRO DO FIOUCO( CADAVEDO) (A PASTORIZA)

 

 

CRUCEIRO DA GRANDA (XERMAR) (COSPEITO)

 

 

 

CRUCEIRO ENXOITO (XERMADE)

 

 

CRUCEIRO DE LANZÁN (TARDADE) (VILALBA)

 

 

 

CRUCEIRO DE VILAR (POUSADA) (A PASTORIZA).

INSCRICIÓN NA BASE DO CRUCEIRO.

 

 

CRUCEIRO DE TROBO (BEGONTE)

RELEVOS DA  BASE

 

 

CRUCEIRO DAS BARREIRAS (ROUPAR) (XERMADE)

 

 

CRUCEIRO DA PENELA (A GRAÑA) (ABADÍN)

 

 

 

Ir arriba