GULÍAS LAMAS, XESÚS ANTONIO. A FORTALEZA DE RODEIRO (PONTEVEDRA)

 

 

CAPÍTULO I. INTRODUCIÓN Ó PROCESO

      Arredor dos primeiros anos do derradeiro cuarto do século XV, sendo rei de Galicia, León e Castela, D. Henrique IV de Trastámara, coñecido na historia como o Impotente, houbo no reino de Galicia, unhas revoltas populares, coñecidas como a II Guerra Irmandiña. Estas revoltas, foron dirixidas unicamente  en contra da nobreza galega. Dentro da nobreza dese momento temos que contar tamén ós bispos, xa que a maioría deles se comportaban, as máis das veces, coma uns señores feudais máis, pois contaban con xente armada e con fortalezas coas que defender os seus territorios. Pola outra banda, as Irmandades, que xurdiron especialmente nas vilas e cidades, tamén armadas e dirixidas por alcaldes e cuadrilleiros, dedicáronse sobre todo, a derrocar esas fortalezas, tanto da nobreza coma do clero, porque consideraban, que eran coma os símbolos do poder, que sustentaban a aquela nobreza opresora.

      Estes homes armados, pero sobre todo, cheos de fame, “formaban cuadrillas nas vilas e cidades”; “xuntaban moita xente do común” e á “voz de irmandade”, como declararán moitas das testemuñas que teremos oportunidade de  constatar ó longo deste traballo, botáronse polos camiños á procura dos castelos e fortalezas, para derrocalos. Nomeaban “cuadrilleiros e alcaldes de irmandade que traían varas de xustiza”. Estes, “facían xustiza e castigaban ós malfeitores e ían derrocando as fortalezas do reino de Galicia”.

      A causa principal destas guerras ou revoltas, que é como as debemos considerar, témolas que buscar, sobre todo, nas inxustizas que imperaban en todo o reino de Galicia porque “había moitos delitos e mortos, e porque non había xustiza, nin quen a fixera” como declara Xoán Calbiño, veciño de San Vicente de Bama que tamén manifesta máis adiante, que “viu, como na cidade de Santiago se nomearon alcaldes e deputados de irmandade, entre os que había alcaldes maiores, ós que lles obedecía moita xente. Estes traían varas de xustiza e facían xustiza entre a xente que lla pedía aseteando ós malfeitores, pois el mesmo, tiña un preito cun veciño da cidade de Santiago e presentouse diante dos alcaldes da irmandade para pedir xustiza”.

 

      Onde non hai concordancia entre as testemuñas que declaran no preito, é cando se refiren á autoridade que mandaba derrocar as fortalezas, xa que moitos declaran que os ataques “facíanse por mandato do rei D. Henrique” e outros din que “as irmandades non traían nin mandato, nin licenza do rei, porque se a tiveran, houbérano mostrado, como sucedeu cando a irmandade de “cara Santiago” foi derrocar a fortaleza de Rodeiro, e os seus moradores, fóronlle pedir ós da Irmandade que lles mostraran ese mandato, e como non o tiñan, non lle lo mostraron, como declara Guillerme de Tristemill. (páx. 178)

     Cando repasemos as declaracións que fan as testemuñas, veremos que nalgunhas delas,  hai moitas imprecisións e vaguidades. Non é que estes homes non quixeran contar con precisión a verdade do que viran, oíran ou recordaban, xa que estaban declarando baixo xuramento, senón que pasaran máis de cincuenta anos dende aqueles feitos, polo que lles resultaba moi difícil, sinalar con todo rigor cada detalle. Por outra parte, a maioría das testemuñas, eran moi novos, cando aconteceran esas revoltas e moi poucos deles, puideron participar activamente nas desfeitas. Aínda así, é de admirar a memoria que esta xente tiña para recordar nomes, feitos, lugares, edificacións e outros pequenos detalles que cada un deles lle vai aportando á causa, para que na actualidade nos poidamos facer unha idea de como eran esas edificacións que foron destruídas “por xentes do común”, que se constituíron en Irmandades “para facer xustiza” en moitas vilas e cidades de Galicia.

     A primeira descrición documentada que consultei, para saber cómo era a fortaleza e o castelo de Rodeiro, atópase na pregunta 20ª do interrogatorio presentado polo Dr. Pedro de Cisneros, no proceso coñecido como “Testimonio de probanza sobre el estado y reedificación de las fortalezas de la Dignidad Arzobispal. 1526” e “Probanzas, tasas periciales y concordia entre el prelado Sr. Tabera y su antecesor, Sr. Fonseca, sobre reparación de dichas fortalezas 1526” Está contido en dous cartafoles que se corresponden cos números 46 e 47 do Arquivo Diocesano de Santiago. Estes documentos están recollidos en dous tomos e publicados co  título de “Las Fortalezas de la Mitra Compostelana y los Irmandiños” por D. A. Rodríguez González. Tamén se coñecen os referidos documentos como “Pleito Tabera-Fonseca”.

 

      FORTALEZA DE RODEIRO

 

     Os feitos que levaron á celebración deste xuízo aconteceron da seguinte maneira: o 26 de abril de 1524 tomou posesión da sé toledana D. Alonso de Fonseca e Ulloa, coñecido tamén, coma Fonseca III, deixando vacante a de Santiago, que a ocupou o 12 de outubro dese mesmo ano, D. Xoán Tabera.

     Durante esta vacante, o Cabido, o 9 de maio  dese ano, elixiu como vicarios capitulares ao chantre D. Xoán de Melgarejo e ao cóengo D. Xoaquín Auñón. Dous días despois, o Cabido facultou ao bispo de Trípoli, D. Pedro de Soto, para que exercera pontificais en toda a arquidiocese. Por eses mesmos días o Cabido tamén nomeou alcaides das fortalezas e vicarios, aos  que lles tomou xuramento. Así, o 9 de maio, Xoán López de Cangas, que fora alguacil do arcebispo D. Alonso, presentou a vara no Cabido e xurou desempeñar ben e lealmente o seu oficio, polo que se lle asignou un salario de mil cincocentos marabedís mensuais. No mesmo cabido que  nomearon vicarios metropolitanos na audiencia de Salamanca aos licenciados Figueroa e Mohedano tomóuselle xuramento a Arias Pardo, como alcalde da fortaleza da Barreira; a Álvaro Xuarez de Deza, como alcalde do castelo do Castro de Montes; a Gregorio de Valadares, como alcalde da fortaleza de Lobeira; a Fernán Díaz de Ribadeneira, como alcalde de Mesía; a Rodrigo Fernández Noguerol, como alcalde da fortaleza de Rodeiro; a Lope de Montenegro, como meiriño e xustiza maior da vila de Pontevedra; a Gómez Ares Mosquera, como xuíz de Vigo; a Gómez García do Campo, como alcalde da fortaleza de Ribadulla.

    O 26 de decembro do ano 1525 reuníronse ambos prelados e Tabera, reclamoulle a Fonseca que fixese de novo e reparase algunhas das fortalezas e casas chans que tiña a mitra arcebispal en Galicia e Castela, xa que os danos que sufriran estas, aconteceran nos tempos do Patriarca de Alexandría (Fonseca II) e tamén durante o seu pontificado. De ningunha maneira aceptou Fonseca estas reclamacións e negouse en rotundo a “facer algunha reparación, nin como sucesor, … nin de xeito algún estaba obrigado a facelo”, xa que sendo el arcebispo de Santiago non sufriron dano algún tales fortalezas, senón que incluso “las dejé mejor reparadas e adereçadas que estaban al tiempo que yo las reçibí”.

    Na súa demanda, o representante do arcebispo de Santiago foi moi duro e fundamentou a súa argumentación en que “fora nos tempos do señor patriarca de Alexandría, D. Alonso de Fonseca e Acevedo, cando foran derrocadas e destruídas moitas fortalezas e casas da Santa Igrexa de Santiago e do Reino de Galicia. Moitas destas destrucións, foron realizadas por persoas que se declaran probadas neste documento. Por iso, as fortalezas que non se levantaron, e por tal motivo se deterioraron, foi por culpa do señor Patriarca, por non habelas reparado a tempo, xa que el era o seu posuidor e administrador, porque no nome da igrexa, recibía as súas rendas, que eran moi cuantiosas e estas, debéranse  destinar a soster estes bens da igrexa. Ó non facer todo isto, o señor Patriarca, que Deus teña na gloria, cometeu unha manifesta neglixencia. Igualmente, por non pedir a demanda e non perseguir ós que as atacaron e derrubaron as fortalezas, xa que tiña o señor Patriarca, a xustiza nas súas mans. De facelo, a igrexa quedaría sen prexuízos, xa que se castigarían ás persoas culpables e estas terían que haber pagado con penas e custos, todo canto mal fixeran. Por non habelo feito, foi a igrexa quen tivo que correr con todos os gastos. Pero aínda máis, despois de que o señor Patriarca deixara este arcebispado e fora promovido para esa sede no ano 1506, o Rvmo. Señor arcebispo de Toledo, este non lle esixiu ó seu predecesor, danos e perdas, polo que tamén é culpable por neglixencia e omisión, xa que tiña a obriga de facer, propoñer e abrir xuízo para defender os dereitos desta santa igrexa e non deixar indefensos os seus negocios e posesións. Hai que engadir ademais, que durante todos estes anos as fortalezas fóronse deteriorando. Era pois, preciso refacelas e reedificalas para que non se deterioraran máis. Xa que o señor Patriarca e os arcebispo de Toledo tiñan bens e facendas para cobrar todos eses danos, que aconteceron por neglixencia, pido que se condene ó señor arcebispo de Toledo a que pague e satisfaga polos danos e deterioros acaecidos pola súa neglixencia e omisión, nas fortalezas da santa igrexa de Santiago con dez contos de marabedís que con xustiza se lle reclaman polos derrocamentos, danos, menoscabos, culpas e omisións, realizados tanto pola súa reverendísima coma polo seu predecesor. Polo que pido que todos estes cartos lle sexan entregados á santa igrexa de Santiago e ó seu arcebispo, para que con eles se poidan reedificar as fortalezas e casas chans. E se non o fixera, que se lle esixa por vía de constrinximento ou senón, por outras vías que ten o dereito para que satisfaga esta cantidade que se precisa para a realización das obras, polo que imploro o beneplácito das vosas señorías e pido ademais os custes do xuízo”.(Introdución páx. V-VI)

    A resposta de Fonseca, non se fixo esperar e por medio do seu procurador, Francisco Osorio, o día 9 de xaneiro de 1526 respondía que “tal demanda non se debía admitir, xa que consideraba que non estaba obrigado a cousa algunha, porque xa nos tempos do señor Patriarca as fortalezas e casas fortes e todas as demais posesións da igrexa de Santiago, foran moi ben tratadas e amparadas e moitas edificadas, gastando el, máis marabedís dos que estaba obrigado. E se algunha fortaleza, ten algún dano, cousa que nego, este sería feito pola impetuosa alteración do pobo e tanto o señor Patriarca como o arcebispo de Toledo, non puideron facer nada para evitalo polo que non teñen ningunha obriga no contido na demanda, e se fora necesario, nego a dita demanda”. (Interrogatorio páx. VI)

    Aínda así, o 11 de xaneiro dese mesmo ano, Tabera reiteraba a súa petición, de que o arcebispo de Toledo, fora condenado a pagar os danos que recibiran as fortalezas contidas no memorial que acompañaba a demanda.

 

INTERIOR DA FORTALEZA DE RODEIRO 

 

    A segunda pregunta do interrogatorio presentado polo procurador do arcebispo de Santiago contiña un “Memorial  das fortalezas e casas chans do Arcebispado de Santiago que están agora en pé, parte delas caídas e derrocadas e outras mal reparadas. Estas son as principais:
  – O castelo de Lobeira.
  – O castelo de Xallas.
  – O castelo de Grobas
  – O castelo de Pico Sacro ou Monte Sacro.
  – A fortaleza de Outes.
  – A fortaleza da Barreira.
  – A fortaleza de Mesía.
  – O castelo do Castro de Montes.
  – A fortaleza de Rodeiro.
  – O Tapal de Noia.
  – A torre de Caldas.
  – A Igrexa de Santiago, as torres da praza e o cárcere.
  – A torre da vila de Muros.
  – As torres da vila de Pontevedra.
  – As torres da vila de Padrón.
  – A fortaleza de Bilvestre.
  – A casa do lugar de Moas.

    As fortalezas que están completamente derrocadas.

  – O castelo do Este (refírese ao castelo do Oeste, en Catoira)
  – O castelo da Rochaforte.
  – A fortaleza de Melide.
  – A Rocha de Padrón.
  – A casa forte ‘e de plas’.
  – A casa e os pazos Arcebispais de Santiago”.(folio 22-22 v º. páx. 17)

    Sospeitando ambos prelados que a cousa iría para longo, decidiron poñer o caso nas mans de dous xuíces árbitros que recibisen toda clase de informacións e probas e que conxuntamente “determinen e sentencien as diferenzas e debates que hai entre nós”. Sinalouse un prazo de catro meses e acordaron en xuntarse a lo menos dúas veces á semana na catedral ou igrexa principal da vila ou cidade onde residira a corte.

    Foi nomeado xuíz por parte de Tabera o Dr. Bernal e por parte de Fonseca o Lic. Simón Rodríguez. Como terceiro árbitro foi nomeado o Lic. Santiago, que pertencía ao consello do rei. Para a parte técnica e a taxación dos danos nas fortalezas e castelos, Tabera designou ao bacharel Pedro de Muros e ao canteiro Xoán Gil, o Mozo, residente en Salamanca. Pola súa parte Fonseca, designou ao cóengo Xoaquín Auñón e ao canteiro Xoán de Álava, que na actualidade era o mestre de obras do claustro da catedral de Santiago. No caso de que ambos canteiros non chegaran a un acordo nas taxacións, quedaban autorizados para facelo, Pedro de Muros e Auñón.

    Este acordo firmouse diante do escribán de Toledo, Álvaro Pérez de Luaces. Aceptados o nomeamento polo Dr. Bernal e o Licenciado Simón Rodríguez, o 2 de xaneiro de 1526 o bacharel Xoán Rodríguez, procurador de Tabera, pediu a execución do compromiso e os xuíces sinalaron como lugar de xuntas o claustro da catedral de Toledo, os martes e xoves de cada semana, ás catro da tarde, empezando ese mesmo día, xa que cadraba en martes.

    Neste proceso houbo dous interrogatorios. O primeiro foi presentado polo bacharel Xoán Rodríguez, procurador do Arcebispo de Santiago que contaba con 22 preguntas e o segundo interrogatorio, que contaba con 32, foi presentado polo Licenciado e Bacharel Pedro de Muros que representaba ó Arcebispo de Toledo. (páxs. 15-33, 279)

    A fórmula do xuramento das testemuñas consistía en facer o sinal da cruz sobre unha folla dos evanxeos, en calquera lugar onde estivera escrito. As testemuñas, coma bos, fieis cristiáns e temerosos de Deus e dos seus santos, estaban obrigados a dicir a verdade para “gardar as súas ánimas e as súas conciencias”. Deberían dicir todo “sen arte, sen engano, nin cautela. Declararían a verdade do que souberan sobre este caso. E non deixarían de dicir a verdade, nin por odio, nin por xenreira, nin por outra razón que os movese”. Ó final, cada un deles, debía dicir: “Si, xuro. Amén”. 

    Pola súa parte, os xuíces que lle tomaban o xuramento, debían dicir que “se así o fixeran, que Deus Noso Señor lles axude neste mundo ós corpos e no outro ás ánimas, coma bos cristiáns. Pero se dixeran o contrario da verdade por cobiza, temor, amor ou desamor ou outra razón calquera que os movera, o Todopoderoso os destruíra neste mundo e no outro as ánimas, onde (estas) máis han de durar, por haber sido malos cristiáns porque a sabendas, xuraron no santo nome de Deus en van”.

    A esta fórmula, as testemuñas respondían: “Amén”. Tamén os sacerdotes xuraban  pola súa orde e polo seu sacerdocio. Igualmente xurou o señor Don Fernando de Andrade, “sobre o hábito da Orde da Cabalería, que traía unha sinal da cruz”.  (Introdución, páx. IV)

 

CAPÍTULO II. COMO ERA A FORTALEZA DE RODEIRO?

 

     O cardeal D. Xerónimo del Hoyo, visitador do arcebispo D. Maximiliano de Austria, cando se refire á fortaleza de Rodeiro, no seu libro de Memorias del Arzobispado de Santiago, do ano 1607, di o seguinte: “A fortaleza de Camba e Rodeiro está a dez ou doce légoas de Santiago, no bispado de Lugo, cara Chantada; pasa ó pé dela un río” (páx. 12)

     Para saber como era orixinariamente a fortaleza de Rodeiro debemos recorrer, como xa dixemos máis arriba, á pregunta número 20ª do interrogatorio presentado polo Dr. Pedro de Cisneros e de seguido iremos ás respostas de varias testemuñas que nos van dar razóns moi fundamentadas sobre este mesma pregunta, xa que eran veciños da fortaleza, e algún deles, ata viviu dentro dos seus muros, sendo neno.

     A pregunta 20ª do interrogatorio que no seu día presentou o Dr. Pedro de Cisneros, que acabamos de sinalar, na que se describe como era a fortaleza de Rodeiro, di así:

  – “Se saben que a fortaleza e castelo de Rodeiro, antes e nos tempos en que os tivo o Señor Patriarca tiña os edificios seguintes:
   – A vara de casa (torre da homenaxe) tiña de arredor (nos seus muros exteriores), quince fileiras máis de alto das que ten agora.
   – Estaba cuberta cun tellado no medio.
   – Arredor tiña un muro ameado con torres e cubos con grilandas.
   – Tiña tamén unha muralla moi fermosa (o seu muro) tal e como a ten agora, cunha grilanda  e ameas de arredor.
   – De cara a porta da vara de casa (torre da homenaxe) había un apousento, ó que lle chamaban “o Paraíso”; estaba cuberto con tella e tiña as paredes aplanadas, pois era onde vivían as mulleres dos alcaldes.
   – Debaixo deste edificación estaba a despensa e tamén había outras estancias.
   – Esta muralla, tiña a barbacá alta e ben labrada e con griladas arredor.
   – Os muros estaban limpos e as paredes eran de cantería con argamasa.
   – Arredor, había un foxo por onde se podía meter o río cando se quixera.
   – Tiña tamén un curral pechado cun groso muro que ía dende a ponte (que lle chaman) do Espiño e chegaba á porta do Pomar.
   – Nos arredores, onde estaba o Pazo do Arcebispo, había un lugar alto con cuartos de servizo e apousentos  con seis ou sete casas para a servidume. Alí vivían seis ou sete peóns coas súas mulleres e fillos.
   – Había tamén unha estancia para a garda e defensa da fortaleza na que vivía (a xente) do arcebispo.
   – Tamén había unhas cortes para os cabalos do pazo que xa arderan nos tempos do señor Patriarca e nunca máis se levantaron.

     Digan canto saiban para poder facer da mellor maneira posible estas casas e deixalas como estaban (folios 38-39. páx. 29)
   
     Como podemos apreciar, os detalles das construcións que había nesta fortaleza son abundantes e bastante pormenorizados, aínda que en completo desorde. A pregunta parece que vai repasando todos e cada un dos detalles que formaban este conxunto arquitectónico e defensivo. De aquí en diante, iremos vendo o que desta fortaleza e dos elementos dos que constaba, se poden lembras as testemuñas que para este proceso foron requiridas.

 

CAPÍTULO III. TESTEMUÑAS PRESENTADAS POLO DR. PEDRO DE CISNEROS, PROCURADOR DO ARCEBISPO DE SANTIAGO

 

      Esta é a relación de testemuñas presentadas no nome do arcebispo de Santiago, para dar fe dos coñecementos que tiñan sobre a fortaleza de Rodeiro. Imos ver que luces nos poden aportar para un maior coñecemento desta fortaleza.

      O primeiro en aparecer é Gómez de Goyanes, clérigo de San Martiño de Grobas que di que “viu a fortaleza de Rodeiro despois de que pasara a Irmandade e que lle dixeron que non estaba en tan bo estado como era de primeiro”. (folio 82 vº. páx. 44) De xeito moi semellante exprésanse Pedro Fernández de Castroverde, (fol.98. páx. 54), Frei Bartolomeu, freire do mosteiro de Santa María a Nova (fol.104. páx. 57) que din que “nunca estiveron na fortaleza de Rodeiro”  motivo polo que non podían saber como fora anteriormente. Pedro Gómez, cóengo da Igrexa de Santiago, di que “estivo na fortaleza de Rodeiro, sendo neno, pero non se lembra como era” (fol. 114. páx. 63) Hai quen só “ten noticias” desta fortaleza como é o caso de Alonso de Piñor, labrego e veciño de San Pedro de Macenda, ó que se lle tomou declaración na súa casa, por ser un “home vello que estaba enfermo e na cama, motivo polo que non podía levantarse para facer a declaración”. (fol. 261. páx. 125)

     Pero tamén hai testemuñas que “nunca oíran falar da fortaleza de Rodeiro”, (fol. 140. páx. 75) aínda que si tiñan noticias e coñecían outras, como é o caso de Xoán de Albeiros, veciño de Pontevedra e zapateiro de profesión.

     O escudeiro Lope Conde, veciño de Melide, si que coñeceu a fortaleza de Rodeiro e na súa declaración afirma que esta fortaleza está “moito máis desfeita ca fortaleza da Barreira”(fol. 271. páx. 128) Como podemos apreciar, as declaracións destas testemuñas non nos aportan ningunha información que poidamos contrastar coas notas da pregunta número 20 do interrogatorio.

    Pero o día 3 de febreiro de 1527, na fortaleza de Rodeiro, o Dr. Pedro de Cisneros presentou como testemuñas a Xácome de Mariñao, veciño de Santo Estevo de Carboentes e a Estevo Fariña, veciño de Santa Baia de Camba. (fol.63 v. páx. 37). Estas dúas testemuñas, como sucederá con algunha máis do proceso, que veremos a continuación, vanos aportar un número importante de datos e detalles cos que nos poderemos facer unha idea bastante precisa, de como era orixinariamente a fortaleza de Rodeiro

     Como acabamos de ver, Xácome de Mariñao, labrego e veciño de Santo Estevo de Carboentes, xurisdición de Rodeiro, foi presentado como testemuña na fortaleza de Rodeiro o día 3 de febreiro de 1527 e vainos dar unha serie de datos bastante precisos sobre esta fortaleza.

    Dixo que “sabe e ten noticias da fortaleza de Rodeiro porque estivo nela moitas veces e viviu no curral da fortaleza coa súa aboa, oito ou dez anos antes de que a fortaleza fora derrocada.
     Di que esa fortaleza tiña unha vara de casa (torre da homenaxe) que era a mesma que  ten agora , salvo que era alta, ameada e con grilandas. Non se lembra de cantas fileiras máis (de perpiaños) tiña o recinto das que ten agora. Pero do que si se lembra é de que era máis alta do que é agora.
     Non se lembra se estaba cuberta aínda que cree que non, pero estaba moi ben elaborada.
     Di que estaba cercada por unha muralla semellante á que ten agora, salvo que lle parece que a de agora é máis recia e que á beira da vara de casa ,había un apousento que lle chamaban o Paraíso onde durmía o meiriño e alcalde da fortaleza e o Arcebispo cando viña e no baixo había froita e viño (refírese á despensa).
    Non se lembra se a barbacá era doutra maneira distinta da de agora e en canto ó foxo,  esta testemuña sempre o viu tal e como agora está e por  el abaixo botaban canta auga querían do río.
    Tamén había un curral cercado por un muro e neste cercado era onde estaban as portas do Espiño  e do Pumar.
    Dentro do cercado do curral había unha casa onde vivía o xuíz e a outra onde vivía o seu avó que se chamaba García da Pena Herbosa e outra casa onde vivía Gómez Arnarra, e outra onde vivía Lopo da Portela.
    Había tamén unha casa que lle chamaban o Pazo co seu sobrado onde agora está a corte dos cabalos e que todas estaban colmadas con colmo e (estaban) feitas de pedra e barro.
    Di tamén que a cerca era alta e andábase por encima todo arredor coma se fora a muralla dunha vila. 
    E que oíra dicir que o pazo ardera. E cando caeu o cercado, era meiriño Gómez Ares que era quen traballaba as terras e pacía as herdades e montes.
    Tamén se lembra que os labregos que adoitaban vivir nestas casas, deixáronas abandonadas e fóronse, por iso, non se levantaron máis esas casas nin o cercado, que está todo como agora se ve.
    Tamén se lembra de que o Pomar non existía nos tempos desta testemuña e que a torre ou a vara de casa fora derrocada cando pasaron por aquí as Irmandades, nos tempos do señor Patriarca.
    Tamén foi nos tempos do señor Patriarca cando caeron as casas e a muralla do curral, como xa ten dito máis arriba.
   Di tamén, que despois de que a vara de casa da fortaleza fora derrocada polas Irmandades, estas tamén derrocaron e desfixeron a muralla da torre e que o señor Patriarca mandara facer e levantar (de novo) a muralla.
   E todo o que se ve agora que está feito e da mesma maneira que  está, viuno esta testemuña labrar. Polo demais, parécelle que a muralla, está máis ben feita do que estaba de primeiro aínda que a de antes, lle parecía máis fermosa.
   Tamén lle parece, que sería preciso refacer a fortaleza e deixala como estaba, coa cerca do curral, que ben puidera valer mil ducados, coas súas portas, coa súa muralla e a vara de casa feita e aderezada, tal e como estaba ó principio.

   Isto é o que sabe e o que viu, con relación a esta pregunta, e sabe tamén que está baixo xuramento”. (folio359-362. páxs. 171-172)

   Estevo Fariña, labrego e veciño da freguesía de Santa Baia de Camba, tamén foi  presentado como testemuña por parte do arcebispo de Santiago e vainos dar, como nos deu a anterior testemuña, un importante número de datos sobre a fortaleza de Rodeiro.  

    Di Fariña na súa declaración que “sabe e ten noticias da fortaleza de Rodeiro porque a viu e estivo nela moitas veces e dixo que sendo o señor Patriarca arcebispo de Santiago esta fortaleza era súa e ademais consideraba da súa propiedade e viu que por aquelas datas estaba ben aderezada.
    Que a vara de casa da fortaleza era alta e ben feita, pero non se lembra de canto máis alta era que agora. Parece que o que quedou por derrocar era un pouco máis alto do que agora, pero non sabe cantas fileiras foron as que desfixeron. 
    Tiña grilandas e  a muralla da fortaleza estaba ameada como agora. 
    A fortaleza estaba tellada e cuberta. Por aquel tempo, facíanse as vixías na vara de casa arredor das grilandas e das ameas. Era moi fermosa e estaba cercada por unha muralla moi parecida ó que ten agora coas súas grilandas e ameas arredor, como está agora. Estaba todo tan ben feito!
    De cara a porta da vara de casa había un apousento cuberto e tellado que se chamaba o Paraíso, onde vivían as mulleres; por debaixo estaba a despensa.
   Di que a barbacá da fortaleza non estaba como está agora. Tampouco o foxo  estaba coma o de agora, excepto que daba para ó río que ía arredor da fortaleza e saían para el cando querían.
   Tamén tiña un curral cercado cun muro alto e groso, co seu antepeito, que se podía andar pola cima arredor del; que viña dende a porta do Espiño, todo arredor, ata dar coa porta que se chama do Pomar.
   Dentro do cercado había unha casa que lle chamaban o Pazo do Arcebispo, que era igual ca que hai agora. Así estaba no tempo en que esta testemuña a viu.
   Había tamén dentro do curral, seis ou sete casas onde vivían seis ou sete homes. Estas casas, di a testemuña, que estaban colmadas con colmo e eran casas terreas que foron queimadas. Despois foron levantadas de novo e quedaron como estaban antes. Engade a testemuña, que nelas viven uns labregos (nas) que están dentro do curral. As outras están pechadas xa que son cortes onde se garda o gando.
    Tamén di a testemuña que o curral está todo derrocado e xa caeu nos tempos do señor Patriarca.
    Estando así a vara de casa alta e con grilandas, nos tempos do señor Patriarca, pasou a Irmandade e derrocou da vara de casa todo o que agora se ve nela derrocado e desfixeron tamén a muralla de arredor  da vara de casa.
    E despois de desfeita a muralla, o señor Patriarca, fixo levantar e corrixir todo canto aparece que está feito.
    Así mesmo, fixo levantar e corrixir a sala do apousento da casa e tamén a torre que está sobre a porta por onde se entra a fortaleza, pois esta, da metade para riba, fora derrocada polas Irmandades, e quedou como está agora.
    Engade, que a vara de casa, quedou por aderezar e segue a estar tal e como a deixaron as Irmandades. Así quedou e así está na actualidade, coa cerca e co muro do curral. Isto é o que sabe da pregunta que se lle fixo e remítese ó xuramento que ten feito”. (folio 363. páxs. 173-174)

   Na pregunta 29ª do interrogatorio, esta testemuña foi preguntado por Pedro de Muros e dixo que “nos tempos en que as Irmandades derrocaron a fortaleza de Rodeiro, el era un rapazote pequeno e vivía cun tío e viu que a xente da Irmandade e os alcaldes dicían que o rei D. Carlos mandara derrocar esta fortaleza e outras do Reino, porque se dicía que (os señores das fortalezas) facían moitas maldades e roubos” (folio 366 v º. páx. 174) Como podemos apreciar, Fariña confunde o nome do rei don Henrique, que era o IV da casa de Trastámara e o que reinaba, cando sucederon estes feitos, co nome de Carlos.

   Outra das testemuñas presentadas polo arcebispo de Santiago é o labrego Fernan de Santiago, veciño da freguesía de Santiago de Arnego que “sabe e ten noticias da fortaleza de Rodeiro, porque a viu e estivo nela moitas veces.
   Di a testemuña que cando o señor Patriarca era arcebispo de Santiago, tiña por súa, tanto a fortaleza de Rodeiro como as súas terras e foi por ese tempo cando esta testemuña, viu que estaba levantada e en perfecto estado (moi ben corrixida).
   A vara de casa da fortaleza era moi alta e moi ben labrada. Estaba feita con pedra de granito e era moito máis alta do que é agora da parte máis alta que quedou (unha parte) por derrocar no tempo en que foi desfeita que serían unhas  catro fileiras, pouco máis ou menos, ó parecer da testemuña.
   A vara de casa estaba cubertas cun tellado e tiña grilandas e ameas arredor como as que ten agora.  Os muros e o cercado da fortaleza, co seu tellado no medio, eran moi fermosos.
   Tiña unha cerca e unha muralla moi ben aderezada con griladas e ameas coma as que ten agora a muralla, co seu tellado no medio. Era moi fermosa e, como xa dixo, tiña unha cerca e unha muralla moi ben feita con grilandas e ameas como as que ten agora a porta por onde se entra a vara de casa.
   Pola parte onde estaba a porta da vara de casa, había ó tempo, un apousento que se chamaba o Paraíso, onde vivían as mulleres da casa.
   Pola parte debaixo dela, estaba a despensa da casa, que estaba cuberta cun tellado.  
   Había ademais, unha barbacá arredor da fortaleza, alta e labrada e que a testemuña sempre a viu como está agora, excepto nos tempos en que derrocaron a fortaleza, pois algunhas pedras que caeron, quedaron no foxo.
   Tamén di que o foxo estaba ben feito e limpo e entraba nel a auga do río que daba a volta por todo arredor da fortaleza cando se quería botar (a auga). 
   Había tamén un curral cercado cun muro groso que vai todo arredor, dende a porta do Espiño ata a porta do Pomar.
   E dentro do cercado do curral había unha casa que lle chamaban o Pazo do Arcebispo, aínda que non sabe se tiña un sobrado.
   Había ademais seis ou sete casas dentro do cercado do curral. As casas eran boas; estaban feitas, de pedra con barro e colmadas. Nelas vivían os labregos e homes de pro (de proveito, bos) que compraban e vendían nesas terras.
   Tanto o pazo como as casas, arderon por ese tempo e nunca máis se volveron a levantar excepto o pazo, que o cubriron e é onde está agora a corte dos cabalos. Está como esta testemuña o viu por fóra aínda que por dentro, esta testemuña, non sabe como estaba antes, porque vivía lonxe del.
   Agora están levantadas outras dúas casas, onde viven Fernan Calbiño e Ares Cao co seu axudante.
   Di a testemuña, que estando feita a fortaleza, como xa queda dito anteriormente, chegou a Irmandade para derrocar a vara de casa e dende entón, está derrocado o recinto, a cerca coas ameas e grilandas e os canzorros da grilanda. Nalgunhas partes máis e noutras menos, segundo se vexa o novo e o vello.
   Tanto o casteliño como a torre da porta da entrada da fortaleza, onde está a tulla do pan, tamén foran derrocados dende a parte máis alta e vistosa que ten alá enriba.
    E como xa se dixo, o recinto fora derrocado e igualmente o casteliño  e a torre, cando arriba se fai mención do señor Patriarca que foi quen levantou todo o que está feito ata  o de agora.
    A vara de casa quedou así, tal e como a deixaron os que a derrocaron, como tamén xa queda dito, segundo está na actualidade.
    E que a cerca do curral e tres ou catro casas das que adoitaba haber, como xa tamén ten dito máis arriba,  estaban todas caídas e derrocadas, tal como se poden ver agora.
    Caeu todo o que ten dito e foi derrocado nos tempos do señor Patriarca, sendo este, arcebispo de Santiago. É todo o que sabe desta pregunta”. (folio 366v º-370. páxs.174-176)

    Esta mesma testemuña, cando reponde á pregunta 29ª do interrogatorio, que como vimos anteriormente, fíxoa o bacharel Pedro de Muros, di que “nunca viu nin oíu dicir que as Irmandades que derrocaron as fortalezas neste reino, tiveran licenza nin mandato, nin poder nin facultade real nin doutro señor, para derrocar as fortalezas que derrocaron, senón que por propia vontade, se levantaron e fixeron todo o que fixeron, neste reino.
    Di que viu andar xuntos ós da Irmandade pola terras de Camba e Deza e facer xuntas, tendo esta testemuña, unha idade duns vinte anos. E nunca lle oíu dicir a eles nin a outra persoa, que  tiveran  poder, mandato ou licenza para facer o que esta testemuña lles viu realizar, derrocando todas as fortalezas do reino, menos a de Pambre…
   Andando así, derrocaron a fortaleza de Rodeiro. Aínda que a xente que estaba na fortaleza pedíronlle que non a derrocaran, eles (non fixeron caso) si tiveran esa provisión e o mandato real, houbéranllo mostrado. Pero non lles mostraron nada nin esta testemuña oíu cousa algunha sobre iso, como xa ten dito. É todo o que sabe”. (folio 369 v º-371. páx. 176)

   Tamén Guillerme de Tristemill, veciño da freguesía de San Cristovo de Aztro, xurisdición de Rodeiro, vainos dar unha ampla visión desta fortaleza, cando responde á pregunta 20ª do interrogatorio. Dixo “que nos tempos en que o señor Patriarca foi Arcebispo de Santiago, viu a fortaleza de Rodeiro e as terras que esta tiña.
   A vara de casa debía de ser catro ou cinco fileiras de pedra máis alta do que está na actualidade, despois de que a derrocaran.
   Estaba cuberta e tellada e por arriba tiña unha grilanda como a que agora ten a muralla; era moi ben feita e fermosa.
   Estaba cercada por unha muralla e un foxo igual co que ten agora coas súas grilandas e ameas como as que ten agora, ó seu arredor.
   Ó lado da porta da vara de casa había un apousento feito e cuberto onde durmían e moraban as mulleres da casa e debaixo, estaba a despensa, que se chamaba o Paraíso, que agora está caída.
   Tamén tiña unha barbacá como a que ten agora. Esta testemuña non se lembra que fora doutra maneira aínda que lle oíu dicir a seu pai, que o foxo estaba limpo e aderezado e que botaban a auga do río por el cando querían, porque este pasa ó lado foxo da fortaleza.  
   Tamén tiña un curral cercado todo arredor e pechado, coa súa porta e chave que se pechaba cada noite. Esta muralla era grosa e forte, que se podía andar por riba dela e ó parecer da testemuña,  tería uns tres pés de ancho, aínda que a testemuña non os mediu.
   Di tamén, que dentro do recinto había unha casa que se chamaba o Pazo do Arcebispo. 
   Engade a testemuña que non se lembra doutras casas que puidera haber máis cas que hai agora dentro do curral.
   Di tamén, que para volver facer tanto a casa como a fortaleza como viu que estaban feitas, tanto a casa como a fortaleza, coa súa vara de casa e curral cercado, como xa ten dito, pensa que sería preciso un conto de marabedís.
   Tamén dixo, que estando así a casa, como leva dito, oíu dicir, que as Irmandades  derrocaran a vara de casa e deixárona tal e como está agora.
   Derrocaron tamén a muralla e a cerca pola cima de todo, onde están as ameas e grilandas.
   Para facer a fachada da fortaleza e todo canto asemella que foi derrocado e que está feito de novo, como é a torre do casteliño, por onde se entra para a fortaleza, que foi derrocado dende a troneira (seteira) máis alta cara arriba, que é todo o que agora parece que está feito. Porque así se derrocou, como xa ten dito, tanto a cerca como a muralla e o casteliño que despois fixo levantar e acondicionar o señor Patriarca.
   Pero a vara de casa quedou da mesma maneira, tal e como fora derrocada sen corrixir nin aderezar, máis do que agora está. E con relación a esta pregunta, di que isto é todo o que sabe e viu baixo o cargo do xuramento que xa ten feito”.  (folio 371 v º-374. páxs. 177-178)

   Con relación á pregunta 29ª do interrogatorio, a testemuña, Guillerme de Tristemill dixo que “nunca viu nin oíu falar da licenza nin de que tivesen provisión rela, nin mandamento por parte do rei nin doutro señor, os da Irmandade, para levantarse e derrocar as fortalezas que derrocaron.
   O que si oíu dicir nese tempo, foi que os que viñeron para derrocar a fortaleza de Rodeiro eran de cara Santiago.
   E a xente desta terra e os vasalos da fortaleza, armados, foron ó encontro deles para dicirlles, que non debía derrocar a fortaleza, porque non traían, nin tiñan mandamento real, nin licenza, senón que todo aquilo era unha loucura.
   Aínda así, os da Irmandade de cara Santiago, derrocárona, como xa quedou dito. Engade ademais, que se os da Irmandade, tiveran tal mandamento ou licenza, esta testemuña, houbera sabido tal cousa, porque lle oíu dicir a seu pai, que daquela, andaba en contra da Irmandade de Santiago que viña derrocar a fortaleza, houbérase posto, el e a xente desta terra, en contra dela, porque os da Irmandade, dicían que a derribaban, porque eran inimigos do señor Patriarca.
   Esta testemuña só os viu andar formando parte da Irmandade, xa que daquela, tiña unha idade duns dez ou doce anos. Isto é o que sabe e o que oíu que dicían”. (folios 274-275. páx. 178)

   Segundo podemos constatar polas declaracións destas testemuñas, parece ser que foi a torre da homenaxe a que sufriu os máis duros ataques por parte do irmandiños. Todos eles falan da vara de casa pero ningún concreta, como tampouco o fai o redactor da pregunta, canto medía ou cantos sobrados tiña esta torre, para darnos unha idea da súa altura. O único que se di a este respecto na pregunta é que “tiña unhas quince fileiras máis (de perpiaños) das que ten agora”.

   Nesa época, a altura dos perpiaños oscilaba entre os 25 e 30 centímetros, polo que podemos considerar, que os irmandiños, segundo o redactor da pregunta, desfixeron arredor duns catro metros e medio o que viría sendo, un sobrado enteiro e a metade doutro, é dicir: o sobrado superior e a metade do inmediato inferior. Sen embargo Tristemill di que lle debían faltar catro ou cinco fileiras. Se iso fora así, a torre houbera perdido menos de dous metros, que pouco máis sería que os muros dos antepeitos, sobre os que  van colocadas as ameas.

   As cubricións das fortalezas galegas na maior parte dos casos tiñan a cuberta de tella. Esta cubrición estaba colocada case sempre a catro augas entre os muros exteriores sobre os que ían colocadas as ameas. Entre o tellado e o muro das ameas había un corredor pola beira exterior da cuberta, suficientemente ancho, por onde se podía camiñar por todo o seu arredor para facer as vixías e poder agacharse detrás das ameas, que estaban colocadas nese muro exterior, que tamén, na maior parte dos casos, voaba sobre a vertical da torre. No caso que nos ocupa, todos coinciden en que a cuberta era de tella.

   Arredor da fortaleza de Rodeiro, é dicir, por toda a parte exterior, había unha muralla moi fermosa, con ameas, cubos e grilandas que tamén foi destruída en parte polos irmandiños e que mandou reconstruír o Patriarca coas grilandas, os cubos e as ameas. Esta muralla, di Mariñao, que era como a muralla dunha vila, pois podíase andar todo arredor dela e Tristemill, dinos que tiña arredor de tres pés de ancho, que ven sendo case un metro. Todos falan de ameas, cubos e grilandas que era o máis normal neste tipo de construcións, igual que  unha barbacá na que tamén todos fan fincapé.

   Esa muralla tiña dúas portas para acceder ó interior da fortaleza, concretamente ó curral, que tamén estaba rodeado (polo interior) por outro muro que separaba este espazo do resto das edificacións nobres da fortaleza.

   Mirando de cara a porta da torre da homenaxe había unha vivenda, que moitas testemuñas que coñecían ben a fortaleza, recordan que se chamaba o Paraíso, que era onde vivían os familiares do alcalde. Algunhas das testemuñas falan das mulleres, posiblemente porque serían as mulleres as persoas que estas testemuñas vían que vivían alí, xa que os homes, era de supoñer, que a maioría do tempo, estiveran fóra. Esta casa, parece que estaba ben acondicionada, xa que tiña cubrición de tella e as paredes aplanadas.

   Cerca desta vivenda, situada na parte baixa, había outra edificación que era a bodega ou despensa, como lle chama algún, con varias estancias,  na que entre outras cousas, se gardaba o viño.

   Tamén estaba dentro deste recinto, concretamente, nos arredores da torre da homenaxe, o pazo do arcebispo, do que as testemuñas din que tiña polo menos un sobrado cun cuarto de servizo e apousentos.

   Había tamén un foxo que tiña unha entrada para poder meter a auga do río cando se quixera. A canle natural do río bordea a fortaleza pola parte norte e occidental e con toda seguridade o foxo estaba  rodeando a fortaleza pola parte oriental e meridional. Deste xeito, co río e cando se metía a auga deste, polo foxo, os terreos da fortaleza, quedaban completamente illados. O foxo, que recibía a auga do río, estaba limpo e pasando por encima del, podíase acceder ás dúas portas que había para entrar na fortaleza.

    Como acabamos de ver, eran dúas as portas polas que se podía acceder ó interior da fortaleza: a do Espiño e a do Pomar. No interior da fortaleza, entre ambas portas había un muro que era o do curral, que separaba este recinto do resto das edificacións nobres da fortaleza. Este curral estaría na parte oriental que era onde estaban situadas as portas, xa que o río, que ven da parte oriental, como xa dixemos, rodea á fortaleza polo norte e por occidente.

   Dentro do curral, pola parte norte e occidental estarían as seis ou sete casas dos peóns da fortaleza, que eran onde vivían coas súas mulleres e fillos; estas eran casas chans e cubertas don colmo. Foi aquí, segundo el mesmo nos relata, onde viviu Xácomo de Mariñao.

   As cortes dos cabalos, polo que din algunhas testemuñas, debían estar á beira do pazo de Arcebispo ou medio confundidas con el. Con toda seguridade, esta edificación, dada a importancia que tiñan estes animais nese tempo, a nobreza, adoitaba ter para eles, un lugar especial e ben acondicionado. Todos, dun xeito ou doutro, din que arderan xa nos tempos do Patriarca e da a impresión, polos relatos das testemuñas, que non se volveron a restaurar.

   Na actualidade queda en pé un anaco da muralla exterior que vai pola parte norte paralela ó río e xira sobre o lado occidental, onde fenece, á altura da entrada que da acceso á eira. Tamén queda en pé unha pequena parte da muralla que defendía á torre da homenaxe. Está situada no lado meridional, entre a antiga casa consistorial, que era onde estivo a torre da fortaleza e unha nova edificación pertencente ó concello.

   Nada queda das demais edificacións. Tamén cambiou a canle do foxo que rodeaba a muralla pola parte meridional para volver a desembocar no río que  rodeaba a esta polos lados norte e occidente.  Dise que coas pedras da fortaleza se levantaron varias casas de Rodeiro. Por razóns obvias, non fixen este cacheo pero si o fixen, nos arredores onde estivo a fortaleza. No edificio onde está o bar Estralote pódense ver no muro norte varias pedras coas marcas dos canteiros medievais. Tamén hai algunha no edificio vello do concello e na muralla situada no lado sur, onde estaba levantada a “vara de casa”. En total puidemos atopar aquí neste entorno arredor de dúas ducias de marcas dos canteiros, algunhas delas repetidas.

 

DEBUXO APROXIMADO DA FORTALEZA DE RODEIRO (PONTEVEDRA)

 

CAPÍTULO IV. TESTEMUÑAS PRESENTADAS POLA DEFENSA DO ARCEBISPO DE TOLEDO.QUEN REEDIFOCOU A FORTALEZA DE RODEIRO?

    Imos ver a continuación unha serie de testemuñas, das que a gran maioría, non nos aportarán importantes datos para saber como era a fortaleza de Rodeiro, senón que afincarán especialmente en defender os arranxos que nelas fixeron tanto o señor Patriarca como Fonseca III despois de que foran derrocadas polos irmandiños.

    Pero serán algunhas destas testemuñas quen nos aporten o maior número de persoeiros que tomaron parte, tanto na desfeita como na defensa desta fortaleza. Así Xoán Panadero, vainos informar dos problemas que tivo a fortaleza de Rodeiro para desembargarse e quen foi o que entregou os cartos necesarios para pagar o embargo que pesaba sobre ela. Tamén serán estas testemuñas quen nos informen da maioría dos alcaldes da irmandade. Así, Alonso Yañez de Mellid, vanos falar dos alcaldes da irmandade das terras de Camba, que eran Xoán da Granxa, Xoán Ratón e Xoán de Santiago. Pero sobre todo, danos o nome dun dos persoeiro máis importante para a desfeita desta fortaleza, que  é Xoán Ares Chantrero, que asemella que era o que mandaba as Irmandades cando se atacou a fortaleza de Rodeiro, sendo o seu meiriño, Alfonso Crespo. Tamén esta testemuña nos fala doutro meiriño, que foi Rodrigo Fernández Noguerol, nomeado para este posto, polo señor Patriarca. Tamén, grazas a Lopo de Pallares, coñecemos outro dos meiriños importantes da fortaleza de Rodeiro como foi Gómez Ares Mosquera.

   Na toma de declaracións ás testemuñas, por parte do procurador do Arcebispo de Toledo, cando se refire á fortaleza de Rodeiro di o seguinte: “Na fortaleza de Rodeiro, en terras de Camba, o día 3 de febreiro, (foi requirido) Vasco de Marçaas, escudeiro, veciño do Coto e Mosteiro de Chantada, para contestar as preguntas 1ª, 3ª, 4ª, 5ª, 6ª, 7ª e as dúas engadidas”. (Folio 1038) “Na aldea de Melide, freguesía de San Salvador de Camba, xurisdición da fortaleza de Rodeiro, o día 4 de febreiro, Afonso Yáñez de Melide, veciño do citado lugar e freguesía (foi requirido para contestar) a 1ª, 3ª, 4ª e a 1ª engadida”. (páx. 283)

   O chantre da catedral de Santiago, Don Xoán de Melgarejo, declarou na cuarta pregunta do interrogatorio que “ lle oíra dicir ó señor Patriarca e a Francisco Gómez, veciño de Noia, que era o seu tesoureiro, e a Francisco Trebiño e ó tesoureiro, Nicolás de Acevedo, e a Fernán Rodríguez, o rexedor, e a Don Diego de Castilla e a Pedro de Heredia e a outras moitas persoas das que agora non se lembra dos nomes, que viran e dicían que o señor Patriarca levantara de novo… e fixo todo o que agora está feito e outro tanto, na fortaleza da Barreira, e outro tanto no Castelo de Montes, no de Rodeiro e no castelo de Xallas”. (páxs. 287-288)

   O veciño de Santiago, Gonzalo de Ançeu, de 70 anos de idade, que se lembra de sesenta, di que coñeceu ó señor Patriarca, e ó Arcebispo de Santiago, que agora é de Toledo, por habelos visto e falado con eles e porque ademais, viviu co señor Patriarca vinte e cinco anos. Non coñece a Tabera. Sabe e ten noticias dos pazos arcebispais, da torre da praza, da torre de Pontevedra, Caldas, Castelo de Montes, Outes, Xallas, Lobeira, Barreira, Mesía, Grobas, Rodeiro, Montesacro, Bilbestre… Que sabe todo isto porque as viu e estivo nalgunha delas. Así mesmo, tivo noticias da fortaleza da Rocha Forte, da Rocha Branca, do Castelo do Oeste e das torres de Melide, porque esta testemuña viunas levantadas. (fol. 1103. Páx. 307)

   Xoán Prateiro, veciño de Santiago, de 80 anos e lémbrase de setenta, di que “coñeceu ben ó señor Patriarca e ó arcebispo de Toledo, porque esta testemuña viviu co señor Patriarca. Non coñece a Tabera. Ten noticias dos pazos arcebispais, da torre da praza, do Tapal de Noia…, das torres da Barreira, de Lobeira, de Mesía, de Rodeiro, Outes, Monte Sacro, porque as viu e estivo nelas”. Con relación á cuarta pregunta, Prateiro di que “despois de que pasaran as Irmandades e derribaran as referidas fortalezas, viu como o señor Patriarca levantou e reedificou algunhas fortalezas”. Especialmente di que “oíu dicir que publicamente se dicía que reedificara a fortaleza de Rodeiro, porque esta testemuña estivo dentro dela”. (fol. 1136. páx. 322)

   O rexedor de Santiago, Pedro Siso, de 70 anos de idade, di que se lembra de cincuenta e cinco e cando fala da fortaleza de Rodeiro na cuarta pregunta do interrogatorio, di que “despois de que pasa a Irmandade que derrocou as fortalezas e casas fortes deste reino, o señor Patriarca fixo e reedificou algunhas das fortalezas que foran derrocadas… especialmente reedificou a fortaleza de Lobeira e as torres de Padrón… e nunca oíu dicir que outros lle axudaran, xa que as levantou á súa costa, …e oíu dicir que levantara tamén a fortaleza de Rodeiro, a da Barreira, o castelo de Montes e o Xallas…” (folio 1147vº. Páx. 327)

   O canteiro Xoán de Ulla, veciño de Santiago de 80 anos de idade di que coñeceu ó señor Patriarca e ó actual arcebispo de Toledo de “vista, fala e conversación que con cada un deles tivo” (páx. 347) Coñece tamén ademais dos pazos arcebispais da Santa Igrexa de Santiago, as torres de Pontevedra, de Lobeira e Caldas de Reis; a fortaleza da Barreira e os castelos de Montes, Outes e Xallas; as torres de Padrón, o Tapal de Noia e as fortalezas de Monte Sacro e Rodeiro…” ( folio 1194. páx. 348)
   Como poderemos ver, son moi importante as declaracións que fai esta testemuña, xa que ademais de coñecer ás grandes autoridades eclesiásticas de Santiago, coñecía tamén a moitos persoeiros que dirixiron a Santa Irmandade que se levantou contra os condes e meiriños das fortalezas porque “recibían deles moitos agravios” (folio 1197) “motivo polo que derrocaron todas as fortalezas do Reino de Galicia e só deixaron en pé a fortaleza de Pambre dos Andrade”.

   A Irmandade estaba formada por “alcaldes de irmandade e cuadrilleiros e que traían varas de xustiza. Polas terras de Ponte Ulla andaban de alcaldes da Irmandade, Xoán Barranco que era pai desta testemuña e Rui de Sarandón, ambos labregos. Na cidade de Santiago coñeceu como alcaldes da Irmandade a Xoán de Monreal, o Vello e a Xoán de Beiga, ambos falecidos, haberá xa uns cincuenta anos. Tamén di que coñeceu a outros dos que agora non se lembra dos nomes e que todos dicían que derrocaban as fortalezas por mandato do Rei don Henrique, que reinaba naquel tempo”… Finalmente engade que, “nin os cabaleiros, nin o prelado nin os señores do Reino de Galicia, eran capaces de defender as fortalezas para que as Irmandades non as derrocaran porque toda a xente estaba en contra deles e ata os mesmos vasalos”. (folio 1198vº. Páx. 349)

   Tamén Xoán de Montaos e Lopo de Queiçan, veciños da cidade de Santiago, din nas súas declaracións, cando responden a primeira pregunta que “teñen noticias, entre outras das fortalezas de Barreira, de Lobeira, de Rodeiro e Monte Sacro”. (páx. 353 e 358) O mesmo sucede coa testemuña Afonso de Jesu, veciño da vila de Padrón, zapateiro de oficio e vasalo do arcebispo. Di que entre outras fortalezas e castelos “coñece tamén a fortaleza de Rodeiro e o castelo de Monte Sacro…” (folio 1564 vº. páx. 546)

   O cóengo da catedral de Santiago, don Xoán de Mondragón, testemuña presentado polo arcebispo de Toledo, di “que haberá uns cincuenta e un ou cincuenta e dous anos que chegou a cidade de Santiago e declarou que lle oíra dicir a moitas persoas que a xente do común do Reino de Galicia levantáronse á voz do rei contra os cabaleiros e señores deste reino porque lles facían moitas opresións e moitos daqueles cabaleiros fuxiron e se refuxiaron en Portugal, e tamén oíu dicir que despois xuntáronse todos co señor Patriarca para ir contra da Irmandade á que a venceron cerca de Santiago”. (folio 1218. Páx. 362) Tamén declara esta testemuña que “viu derrocada a Fortaleza da Rocha Forte, a Rocha Branca, parte da Torre de Padrón, a fortaleza de Lobeira e as fortalezas da Barreira, Rodeiro e Xallas”.

   Tamén este persoeiro nos da cabo dalgúns dos xefes das Irmandades de Santiago cando di que “a Santa Irmandade derrocara as fortalezas por mandato do rei e por ese tempo que andaba a Irmandade, oíu dicir que Xoán Domínguez de Liñares, rexedor desta cidade, era cuadrilleiro con mando, e tamén Alberto García Chantrero e Fernando de Ferreiros e outros. Tamén dixo que Xoán Domínguez de Liñares habería quince anos que falecera e Fernando de Ferreiros, uns trinta. Di tamén que coñeceu a estes tres homes despois de que pasara a Irmandade e tamén oíu dicir que estes tres homes eran os  principais que mandaban nela e a dirixían”. (folio 1230. páx. 363)

   En canto á fortaleza de Rodeiro di que o señor Patriarca “levantara e edificara entre outras, a fortaleza de Rodeiro, porque el tíñaa visto derrocada e foi o señor Patriarca quen a mandou reedificar e aderezar tal e como está hoxe”. (folio 1231) páx. 363)

   Tamén o cóengo da catedral de Santiago Don Fernando de la Torre, “coñeceu ó señor Patriarca e ó actual arcebispo de Toledo e ten noticias, entre outras da fortaleza de Rodeiro” (folio 1274. páx. 373). O mesmo sucede con Rui D’Ois, labrego e veciño da freguesía de Santa Baia de Curtes, xurisdición de Fisteus, que  na súa declaración di que  “ten noticias das fortalezas de Mesía e Rodeiro porque son as únicas que tiña visto e estado nelas. Das outras fortalezas contidas na pregunta, esta testemuña non sabe nada porque non as coñece a non ser o castelo de Melide, que sempre o viu derrocado tal como está hoxe”. (folio 1365. páxs. 429-430)

   Do mesmo xeito cos anteriores exprésase Alfonso Cao, labrego, veciño e morador de Santa María de Fisteus, que fixo a súa declaración no refectorio de San Francisco de Betanzos durante tres horas e despois, media hora máis, diante do escribán Alonso Rodríguez, habendo xurado de forma devida e por dereito, foi respondendo ás preguntas do interrogatorio e cando se referiu   á primeira dixo que “coñeceu ó señor Patriarca e ó arcebispo de Toledo e ten noticias, das fortalezas de Mesía e de Rodeiro e dos castelos de Montes, Lobeira e Outes, entre outros”. (folio 1379. páx. 437) Son importantes as declaracións que fai esta testemuña, un pouco máis adiante, xa que entre outros apuntes, fálanos dos cuadrilleiros e xefes da Irmandade que había na cidade de Betanzos e nas terras das Mariñas. Así na terceira pregunta di que “era alcalde Gonçalo de Vilasuso e capitán Xoán Blanco” (folio 1380. páx. 438) Máis información deste tipo dánola a testemuña Rodrigo Ares, labrego e viño da freguesía de Vilachán, en terras de Pedro Pardo de Cela que di que “podería haber uns sesenta anos viu que na cidade de Betanzos e nas terras das Mariñas e nesa comarca, xuntáronse os pobos e a xente de común en irmandade para perseguir ós malfeitores, ladróns e raspuñeiros e poder ter a terra en paz e viu como se fixeron cuadrillas, alcaldes e deputados que traían as súas varas de irmandade e que na cidade de Betanzos, puxeron como capitán a Xoán Branco, veciño desta cidade, mentres que Pontedeume eran xefes, Afonso Casal e Gonçalo Pillarte, veciños desa vila” (folios 1376-vº-1377vº páx. 436)

   Álvaro de Cesar, labrego, veciño e morador de San Xoán de Calo, testemuña por parte de Fonseca di que coñeceu “ó Patriarca de Alexandría e coñece ó arcebispo de Toledo e ten noticias entre outras das fortalezas de Rodeiro e Monte Sacro”. (folio 1395. páx. 447) Tamén Afonso do Campo, veciño da cidade de Lugo, na súa declaración di que “coñeceu, ademais dos pazos arcebispais de Santiago, as fortalezas de Rodeiro e Monte Sacro porque estivo nelas algunha vez, ademais ten noticias da de Melide e da Rocha” (folio 1452. páx. 481) Algo moi similar declara Bartolomeu Camacho, veciño da cidade de Betanzos que foi preguntado por Pedro de Muros e dixo que “ten noticias de moitas fortalezas e entre elas…, as torres de Padrón e as fortalezas de Mesía e de Rodeiro…” (folio 1603. páx. 570)

   O escudeiro Xoán de Panadero, veciño da freguesía de San Pedro de Macenda, testemuña presentado por Fonseca, dános un dato moi importante para o noso traballo, xa que nos vai aportar o nome dun persoeiro ó que el coñeceu e que foi alcalde da fortaleza de Rodeiro: Gómez Ares Mosquera.

   A súa declaración di así: “Coñece a Fonseca e a Tabera porque os viu e falou con eles. Non coñeceu ó Patriarca. Tamén coñece a igrexa de Santiago e a fortaleza de Grobas, porque estivo nela moitas veces”.(folio 1425. páx. 465)

   Cando respondeu á pregunta 17ª dixo que “viu como Martín Sánchez das Mariñas tivo e posuíu a fortaleza de Grobas coa súa terra e tíñaas coma se foran súas, porque oíra dicir que Gonzalo Ozores de Ulloa, seu pai, tamén as tivera e posuíra. Téndoa Martín Sánchez e sendo arcebispo de Santiago don Alonso de Fonseca, arcebispo que agora é de Toledo, enviara a negociar con Martín Sánchez para que lle devolvera e desembargara a casa e as terras de Grobas para a igrexa de Santiago… para que despois dos seus días (despois de que morrera) quedase para a igrexa de Santiago. Viu que esta mediación a fixera, Gómez Ares Mosquera, alcalde de Rodeiro, que a fixo no nome do señor Arcebispo con Martín Sánchez, con quen xa se concertara o señor arcebispo para que devolvera e desembargara  a fortaleza e terras de Grobas para que pasaran a igrexa de Santiago por diante de Alonso Gallos, notario, veciño da cidade de Santiago. Engade ademais a testemuña, que viu como Gómez Ares Mosquera, no nome do señor arcebispo, por estas razóns apuntadas, lle entregara a Martín Sánchez, douscentos ducados de ouro que Martín Sánchez  recibira no seu poder en cen dobróns de ouro, e ademais desto, a testemuña engade, que o señor arcebispo, lle entregara a Martín Sánchez das Mariñas a tenencia e casa de Mesía con cincuenta mil marabedís de retención por cada ano e dez máis, que esta testemuña viu que o señor arcebispo lle enviara ó referido Martín Sánchez  un par de zamarras, unha ducia de gorras, bonetes e moitos pares de guantes finos…, todo insto dérallo  e enviárallo o señor arcebispo para que fixera o desembargo da fortaleza e terras de Grobas que Martín Sánchez tiña e posuía , porque antes (destes feitos)  esta testemuña oíra dicir, que a fortaleza e terras de Grobas, pertencían á Igrexa de Santiago. E así, despois de desembargada, deulla a esta testemuña en retención, para que dera fe  e preito de homenaxe por ela e que á morte de Martín Sánchez das Mariñas, pasara a pertencer ó señor arcebispo, esa fortaleza. Despois de alí a tres ou catro anos que Martín Sánchez fixera o desembargo, esta testemuña entregoulla ó señor arcebispo de Santiago que a puxo ó seu nome…, que é quen a ten e posúe”. (folios 1426vº-1427. páxs. 445-446)

   A testemuña Gómez Ballo, o Vello, cóengo da catedral de Santiago, vainos dicir, coma outras que xa temos visto anteriormente, que  “oíra dicir, que foran derrocadas algunhas fortalezas da mitra compostelá  e que o señor Patriarca reedificara as fortalezas de Lobeira, Rodeiro, a Barreira e os castelos  de Montes, Xallas…, e fixera de novo a fortaleza de Monte Sacro”. (folio 1473. páx. 471)

   Afonso de Piñor, labrego e veciño da freguesía de San Pedro de  Macenda que parece  coñecer moi ben as terras de Melide e Monterroso, xa que na súa declaración aporta unha serie de datos importantes e ó referirse  á fortaleza de Rodeiro, di que “despois de que pasara a Irmandade que derrocara as fortalezas do Reino de Galicia, oíra dicir que derrocaran tamén parte da fortaleza de Rodeiro e que tamén oíra dicir  que se lle fixera o encintado dos arredores e a casa de apousento, aínda que non sabe quen fixo esas obras”. (folio 1444vº. Páx. 476)  Nesta mesma liña exprésase Afonso do Campo, que xa vimos máis arriba cando nos dixo que coñecía a fortaleza de Rodeiro, pero agora, ó responder á cuarta pregunta do interrogatorio, di que “despois de que a Irmandade derrocara as fortalezas, o señor Patriarca reparara algunhas das que lle foran derrocadas, porque el mesmo viu a de Rodeiro reparada pero que non sabe o que nela se fixera e que non estaba de todo reparada porque seguía desfeita a vara de casa” (torre da homenaxe). (folio 1454. páx. 482).

   Nesta mesma liña vai declarar o escribán de número da cidade de Lugo, Diego de Santalla que viu “aderezada e levantada a fortaleza de Rodeiro, que dicían que fora derrocada pola Irmandade; tamén dicían que fora o señor Patriarca quen a fixera levantar, excepto a torre da homenaxe, que aínda seguía un pouco desfeita”. (folio 1459. páx. 484-85)

  Vai ser Vasco de Marçaas, escudeiro de profesión e veciño do coto e mosteiro de Chantada, quen nos vai dar unha serie de datos importantes sobre a fortaleza de Rodeiro. Ó responder á primeira pregunta do interrogatorio di que “coñeceu as fortalezas de Rodeiro, Mesía, Grobas, as torres de Pontevedra, o castelo do Castro de Montes, a fortaleza da Barreira e os castelos de Monte Sacro e de Lobeiro, porque os viu e estivo tamén na fortaleza da Rocha e no castelo de Melide” (folio 1487)

   Cando responde a terceira pregunta di que “podería haber uns sesenta anos cando se levantou a Irmandade nas terras de Chantada e de Camba e por ese tempo viu que a Irmandade tiñan alcaldes e cuadrilleiros  que traían varas de xustiza e que aqueles alcaldes mandaban e gobernaban a xente de Chantada e Camba, de onde esta testemuña é natural e viu como os alcaldes e cuadrilleiros coa xente da Irmandade foron derrocar o castelo de Arcos que era do conde de Ribadavia e o de Castro Candaas, que era de Fernando de Camba e de Lopo Taboada e o castelo de Grabullo, que era do conde de Lemos e viu tamén  que esta xente fora derrocar Sarria e Rodeiro. Despois de que os viu derrocados, oíu dicir que todas as cidades e terras do Reino de Galicia se levantaron en Irmandade  e tiñan os seus alcaldes e cuadrilleiros por esas terras e derrocaron moitas fortalezas no Reino de Galicia, tanto dos condes como dos bispos e do arcebispo”. (folios 1488-1489. páx. 502-3)

   Ó responder á cuarta pregunta do interrogatorio danos uns cantos detalles, da fortaleza da Rodeiro, dos que xa falaron outras testemuñas, pero el faino con maior precisión, posiblemente polo coñecemento que dela tiña, por ser dunha comarca próxima a Rodeiro. Di que “despois de que pasaran os ataques irmandiños, oíra falar, que o señor Patriarca, mandara arranxar as fortalezas do arcebispado de Santiago”. No tocante á fortaleza de Rodeiro, “viu que o torre grande, que lle chaman da homenaxe, quedou desfeita, tal e como está agora. En canto á muralla dos arredores da fortaleza e vara de casa (torre da homenaxe) viu que estaban igualmente desfeitos, tal e como os deixaran os irmandiños e que fora o señor Patriarca, quen a mandara arranxar e encintar tal e como está agora e, ó seu parecer, a muralla actual, é mellor que a que había antes, xa que toda a muralla de arredor, foi amañada e corrixida e ameada como está agora. Fixo tamén nesta fortaleza a torre do seu portal que é onde está a tulla de pan. Tamén oíu dicir que o señor Patriarca fixera todo isto á súa costa, porque a testemuña é natural de Camba e ten alí, unha facenda e vive cerca desa fortaleza, tan só a unhas tres leguas e nunca oíu dicir, que ningún vasalo desa fortaleza se queixara”. (folios 1489-1490. páxs. 502-504)

   Alonso Yanes de Mellid, veciño de San Salvador de Camba, xurisdición da fortaleza de Rodeiro, testemuña presentado por Fonseca, que “terá unha idade de máis ou menos cen anos, coñeceu os pazos arcebispais de Santiago e a fortaleza de Rodeiro” e outras moitas da mitra compostelá. Vai ser esta testemuña o que nos dea os datos máis precisos de quen foron os que participaron no derrocamento da fortaleza de Rodeiro. Dixo na súa declaración que “podería haber máis de sesenta anos, que estando na cidade de Ourense, escoitoulle a un home nun pregón, que dicía que viña enviado desde Castela polo rei don Henrique, que era quen mandaba, para que as xentes do reino de Galicia se xuntaran en irmandade e fixeran alcaldes e cuadrilleiros e que os cuadrilleiros, lle deran conta ós alcaldes, para que en cada vila desta terra, houbera un alcalde e que se xuntasen todos en Irmandade e derrocases as fortalezas e castelos do Reino. E se algún non quixera participar, que o expulsaran da irmandade. Despois chagaron a terras de Camba, onde el vivía e viu, como os veciños de alí, se uniron á Irmandade. Había nela tres alcaldes de irmandade que se chamaban Xoán da Granxa, Xoán Ratón e Xoán de Santiago, ambos alcaldes na terra de Camba. Estes alcaldes, mandaba a xente desta terra e a xente obedecíalles e facían o que eles lle mandaban. Oíu dicir tamén, que ó tempo, se levantaron coa Irmandade toda a xente común do Reino de Galicia. Así levantados en Irmandade, viu chegar a un alcalde da irmandade de Santiago, que se chamaba Xoán Ares Chantrero á fortaleza de Rodeiro, que é da santa igrexa de Santiago, sendo alcaide da fortaleza, un tal Afonso Crespo, que lla entregou ó alcalde de Santiago e que este alcalde, á súa vez, lle la entregou ós alcaldes da irmandade da terra de Camba, os cales, á súa vez, lle la entregaron, a Basco López de Cangas, que a recibiu das súas mans e lle fixeron unha homenaxe. Despois os de Santiago, demandaban a referida fortaleza e os alcaldes da terra de Camba, demandáronlla a Basco López para que lla entregara ós alcaldes da terra de Camba, que lla entregaron ós alcaldes da cidade de Santiago, os cales, cos alcaldes das terras de Deza, derrocárona e desfixéronlle a vara de casa e a cerca por todo o alto”. (páx.506)

   “Despois, os alcaldes da Irmandade, foron derrocar o castelo de Candaz que era de Fernán de Camba e de Lopo Taboada. Así mesmo, derrocaron o castelo de Arcos que era do conde de Santa Marta. Tamén oíra dicir que derrocaron outras moitas fortalezas dos señores, cabaleiros e prelados, dos que non quedara ningún a non ser o de Pambre” (folios 1493-1494 vº. Páx. 506)

   Un pouco máis adiante, pero sempre dentro da mesma  pregunta dixo que “sendo meiriño da fortaleza de Rodeiro, Rodrigo Fernández Noguerol, nomeado polo Patriarca, este meiriño, enviou catro ou cinco peóns para que prenderan a uns veciños de Santiago, porque estaban a mal co señor arcebispo, pero estes veciños de Santiago, defendéronse para que non os prenderan; aínda así, os peóns, mataron a dous deles e os outros fuxiron feridos. Foi por este motivo, polo que os susoditos inimigos que tiña o arcebispo na cidade de Santiago, viñeron tomar a fortaleza (de Rodeiro) e derrocárona”. (folio1494vº-1495. páx. 507)

   Cando se refire á cuarta pregunta do proceso di que “despois de que pasara a Irmandade, o señor Patriarca, sendo arcebispo de Santiago, fixera reparar a fortaleza de Rodeiro; que viu como quedara derrocada pola Irmandade e todo o que agora está reparado nela, como é o encintado do alto e a grilanda  que agora aparece e ademais, fixo levantar un anaco do casteliño que está sobre o portón por onde se entra a fortaleza. O que si quedou como estaba é a vara de casa, que segue desfeita e derrocada, tal e como a deixou a Irmandade. Di ademais que o señor Patriarca,  refixo a fortaleza a súa costa pois el mesmo viu, que enviara canteiros e carpinteiros dende Santiago e oíu dicir, que era el quen lles pagaba” (folios1495vº-1496. páx. 507)

   Tamén esta mesma testemuña di que “viu levantar a torre de Arcos, que era do conde de Santa Marta e que a tiña Fernán de Camba; tamén viu levantar a torre de Castro Candaz, que era de Lopo Taboada e oíra dicir que estes señores as levantaran ás súas costas; tamén viu levantar a torre de Monforte de Lemos e oíra dicir que o conde de Lemos, tamén a levantara pola súa conta”. (folio 1496 vº. Páx. 508). Ó final da declaración de Alonso Yanez de Melliz, dise que “todo o declarado é verdade, reafírmase no dito e non firma, por non saber. Asensio Fernández, escribán e Alonso Rodríguez, escribán”.

   Polo que se pode deducir da derradeira nota que hai, cando remata a declaración da testemuña, Alonso Yanes de Mellid, podemos considerar, que ademais de ser de idade moi avanzada, estaba tamén moi imposibilitado para moverse, por iso, as autoridade xudiciais que interviñan neste proceso, tiveron que desprazarse para recoller as testemuñas de este home. Unha vez tomadas as súas declaracións, estas fóronlle presentadas ós escribáns Asensio Fernández e Rodríguez de Silva, como así consta no proceso que di así: “Na fortaleza de Rodeiro, o día 4 de febreiro de 1527, o Bacharel Pedro de Muros e o Licenciado, Simón Rodríguez, recibiron e tomaron declaración e xuramento, a Alonso Yáñez de Mellid, informaron diante de min, Asensio Fernández, escribán, de que era un home moi vello e incapacitado para andar, polo que non se podía presentar diante deles. Foron testemuñas, Francisco Sánches e Pedro de Cisneros. Asensio Fernández, escribán, Alonso Rodríguez de Silva, escribán”. (folio 1497 vº. Páx. 508)

   Tamén o escudeiro Lopo de Pallares, veciño da vila de Pontevedra e testemuña por parte de Fonseca, nos vai dar, a lo menos un dato importante, con relación á fortaleza de Rodeiro. Esta testemuña, posiblemente, polo seu oficio, coñeceu moitas fortalezas da mitra compostelá e ademais, moitos persoeiros da época e declara que “oíu dicir, que o señor Patriarca, fixera levantar e aderezar a fortaleza de Rodeiro, sendo alcalde desa fortaleza, un tal Ynojedo e que despois a tivera Gómez Ares Mosquera. Sabe tamén que traballaron nela (na reconstrución) pero non sabe o que fixeron”. (folio1500vº. páx. 510)  Despois, Lopo de Pallares, pasa a relatar as vicisitudes polas que tiveron que pasar as torres da vila de Pontevedra, que o señor Patriarca, llas tivo que arrebatar pola forza, ó conde de Camiña.

 

FORTALEZA DE RODEIRO. MARCAS DOS CANTEIROS

 

 

CAPÍTULO V. VALORACIÓN DOS DANOS  DA FORTALEZA DE RODEIRO.

   Di así a acta notarial:

   “Na nobre cidade de Salamanca, a once días do mes de outubro do ano de Cristo de mil cincocentos vinte e seis, na miña presenza, Fernando de Briviesca escribán, tomado e nomeado por parte do Rvmo. Señor D. Xoán Tabera, Arcebispo de Santiago e Pedro González, escribán, tomado e nomeado por parte do Rvmo. Señor D. Alonso de Fonseca, Arcebispo de Toledo, pareceron presentes: Xoán de Álava, mestre de cantería, veciño da cidade de Salamanca, xuíz tomado e nomeado por parte do Rvmo. Señor Arcebispo de Toledo, e Xoán Gil, mestre de cantería, veciño da referida cidade, xuíz tomado e nomeado por parte do Rvmo. Señor Arcebispo de Santiago, para ver e taxar os reparos das fortalezas e casas que están en pé, do Arcebispado de Santiago, e dixeron que viran coa vista dos ollos e taxaron tódolos reparos, declarándono-los do xeito e maneira seguintes:” (páx. 575)

   Esta é a valoración dos danos da fortaleza de Rodeiro: “O día nove do mes de setembro do referido ano (mil cincocentos vinte e seis) os mestres canteiros, Xoán de Álava e Xoán Gil, dixeron que viran a fortaleza e taxaron os seus reparos da maneira seguinte:

   Primeiramente, dixeron que atoparan desolado (sen solo) o segundo chan da torre principal e que facían falta dez táboas grandes  para volver a solalo, porque as vigas principais estaban en bo estado; taxaron as ditas táboas grandes nun ducado.

   Así mesmo, dixeron que atoparan o tellado da torre principal algo falto de (…) que non chega a cubrir as paredes e dixeron que se fixera o tellado para que as paredes non se mollasen e caera a auga fóra. Taxárono en dous ducados.

   Así mesmo, dixeron que era preciso que se quitaran as cercas da casa e limparan algunhas cousas. Taxárono nun ducado.

   De xeito que o monto total ascendía a mil cincocentos marabedís, os que lle cargaron ó Rmo. Señor Arcebispo de Toledo, porque foron informados, que todos estes danos se fixeran no seu tempo”. (páx. 578)

   A valoración de danos que desta fortaleza fixeron os peritos, é unha das máis pequenas, en contía de diñeiro, das que se fixeron nas propiedades da mitra compostelá, que quedaran derrocadas, despois do paso dos irmandiños. Ademais, ó contrario do que sucede con outras fortalezas, que se adoitaba cargarlle algo ós tempos de cada un dos arcebispos, neste caso, só se lle cargou ó tempo en que Fonseca III, foi arcebispo de Santiago. Tanto o Patriarca como Tabera, quedaron libres de cargas.

   Non hai constancia de que se fixeran estes arranxos que indicaban no seu informe os peritos, nin cal foi o resultados das arbitraxes. Acabamos de ver que a reparación da fortaleza de Rodeiro ascendía a mil cincocentos marabedís que debía pagar integra e exclusivamente o arcebispo de Toledo. Hai que ter en conta que  todas as fortalezas precisaban de reparacións, unhas máis e outras menos, pero ningunha quedara libre da furia das irmandades.

   Cando remataron os dous peritos de taxar as fortalezas, e presentaron as valoracións diante dos escribáns Fernando de Briviesca e Pedro González, na cidade de Salamanca, o 11 de outubro de 1526, a suma total, ascendía a 265.681 marabedís, dos que 171.322 marabedís, correspondían ós tempos do Patriarca, cando este fora arcebispo de Santiago; 84.149 marabedís, cargáronllos ó tempo en que o actual arcebispo de Toledo, fora arcebispo de Santiago e os restantes 10.210 marabedís, correspondían ó tempo en que Tabera levaba como arcebispo de Santiago de Compostela.

   Tampouco hai constancia de que o arcebispo de Toledo pagara algo do que a el se lle cargou nin tampouco existe constancia de que o fixera Tabera, xa que a el, como vimos máis arriba, en principio, tamén se lle fixeron cargos polo tempo que levaba como mitrado compostelán, aínda que como veremos de seguido, os dous canteiros taxadores, liberárono de facer tales pagos, que no intre de rematar cada taxación, lle impuxeran.

   Esta é a última determinación que tomaron os dous taxadores, Xoán de Álava e Xoán Gil, despois de ver a  derradeira posesión da mitra compostelá que visitaron, que foi a casa de Moas, o día sete de outubro de mil cincocentos vinte e seis. Di así a acta notarial: “Todo vai escrito e asinado polos canteiros Xoán de Álava e Xoán Gil. Dixeron que remataran e remataron, segundo queda dito e escrito, e sempre baixo o xuramento que fixeran na cidade de Santiago, diante dos escribáns Axensio Fernándes e Alonso Rodríguez, para levar a cabo a comisión que se lles encomendara para realizar esta taxación. Nós, os escribáns”.

   Así mesmo dixeron e declararon que lle cargaron nestas taxacións, unha certa cantidade de marabedís ó reverendísimo señor arcebispo de Santiago, porque recibiran unha información de que o señor arcebispo de Santiago, gozara durante dous anos desas fortalezas, antes de que lle puxera demanda ó señor arcebispo de Toledo. Este foi o motivo polo que nesta cousa, cargáranlle certa cantidade de marabedís, aquí contidos, porque parecía, que a petición deses reparos, non lle foran pedidos con dilixencia ó señor arcebispo de Toledo. (Como non foi así) Liberámolo dos marabedís que lle cargamos e deixámolo libre deles e cargámosllelos, ó señor arcebispo de Toledo. Esta é a nosa determinación, porque así o vimos coa vista dos ollos e recibimos as información das testemuñas en todos e cada un dos lugares, onde foi necesario. Declarámolo diante dos escribáns arriba mencionados e firmámolo cos nosos nomes. Xoán de Álava e Xoán Gil de Hontañón”.(Folio 16 v.º. páx. 595)

   Como vemos por esta resolución notarial, tódolos reparos que había que facer nas fortalezas da mitra compostelá, recaían sobre o arcebispo de Toledo. Sen embargo, Fonseca III, no I Concilio de Alcalá, o 28 de xaneira de 1534, oito anos despois do proceso, cando falou sobre este tema, reafirmouse no que sempre mantivo, tanto antes, coma durante o proceso. Dixo no seu discurso que “creemos certamente que tanto o señor Patriarca coma nós, non temos ningunha obriga con relación ós danos das fortalezas, por moitas razóns, xa alegadas no proceso desa causa, polo que temos a conciencia tranquila. Aínda así, polo que tanto a súa señoría coma nós, puideramos ter culpa dos danos e reparos feitos nas fortalezas, mandamos ‘dous contos’ de marabedís á igrexa de Santiago e ó señor arcebispo, no seu nome, para que el os gaste naquelas partes, lugares e fortalezas desa santa igrexa ou onde mellor lle pareza ou conveña. E pedimos que o señor arcebispo os reciba e teña a ben, darse por satisfeito  cos devanditos ‘dous contos’ de marabedís. E se isto non lle parecera suficiente, que quede o seu dereito a salvo e tamén o de cada un das partes”. (Prólogo. Páx. IX)

   Non hai constancia de que eses “dous contos” de marabedís, que o arcebispo de Toledo prometera en Alcalá, chagaran algún día a Santiago, dada a enorme cantidade de cartos que iso supuña e o clarísimo convencemento que tiña de que el non estaba “obrigado a cousa algunha sobre eses danos”, como dixera no seu discurso. Máis ben, asemella que se trata dunha fina ironía, propia dun galego, tan intelixente e sutil como era o cardeal Fonseca. (Conto: cantidade equivalente a un millón)

   O día 4 de febreiro do ano 1534, morría en Toledo, Don Alonso de Fonseca e Ulloa. Foi proposto para ocupar a sé primaria de España, o arcebispo de Santiago, Don Xoán Tabera. Este nomeamento, púxolle fin ás liortas e preitos que puideran existir sobre o tema dos pagamentos e a quen lle correspondía facerse cargo dos danos sufridos nas fortalezas que pertencían á mitra compostelá, despois das revoltas dos irmandiños. Pero grazas a este preito, somos capaces de achegarnos, no día de hoxe, aínda que sexa de xeito conceptual, á fortaleza de Rodeiro e contemplar toda aquela marabilla, dende a que se sentiría todo un señor feudal, coma outros moitos das Terras de Camba e Deza e de todo o Reino de Galicia, o Patriarca de Alexandría, cando viña de visita ou pasar uns días no seu pazo, que estaba a carón da fortaleza.

   A recollida dos datos periciais, pechouse coas firmas dos mesmos escribáns que lle tomaran, o día 5 de outubro de 1526, o xuramento ós mestres canteiros que deberían facer as taxación dos estragos e de todo canto se debería reparar nas fortalezas da mitra compostelá, que eran, como xa temos visto, Xoán Gil e Xoán de Álava: “Eu Fernando de Briviesca, escribán das súas maxestades e un dos de número da cidade de Salamanca, a unha, co escribán Pedro Gonçales, estiveron presentes diante de nos, Xoán Gil e Xoán de Álava e vin como firmaban e rubricaban aquí Xoán de Álava e  Xoán Gil, e outro tanto, quedou no meu poder e escribín. E tamén, Xoán Gil firmou aquí, e outro tanto, quedou no meu poder e escribín. Tamén eu, puxen aquí a miña firma como testemuña da verdade. Fernando de Briviesca. (firma)

   Tamén eu, Pedro Gonçales, escribán público, estiven presente en todo canto acaba de dicir Fernando de Briviesca e puxen aquí a miña firma, que é esta, como testemuña da verdade. Pedro Gonçales. (firma) (folio 17. páx. 595)

 

ILUSTRACCIÓNS.

 

DEBUXO APROXIMADO DA FORTALEZA DE RODEIRO (PONTEVEDRA)

 

 

 

DETALLE DA FORTALEZA DE RODEIRO (PONTEVEDRA)

 

 

      FORTALEZA DE RODEIRO

 

 

INTERIOR DA FORTALEZA DE RODEIRO 

 

 

RESTOS DA MURALLA DA FORTALEZA DE RODEIRO

 

 

FORTALEZA DE RODEIRO. MARCAS DOS CANTEIROS

 

 

FORTALEZA DE RODEIRIO. MARCAS DOS CANTEIROS.

 

 

FORTALEZA DE RODEIRO. MARCAS DOS CANTEIROS.

 

 

MURALLA DA FORTALEZA DE RODEIRO.

 

Ir arriba