SEGADORES EN CASTELA.

 

      

  SEGADORES EN CASTELA. CONCELLOS DE A PONTENOVA E RIOTORTO (LUGO). XERARQUÍA E ORGANIZACIÓN. ANOS 1940-1950.

   HIXINIO FLORES RIVAS

   Revista de Investigación “ETNOGRAFIA”,  nº3, 2011. I.S.S.N. 1989 – 8541.

   Web, http://mesondoforno.com.

     Basándome na testemuña de Hixinio Rivas Méndez (1909-1991) co que estiven a falar diste tema ao longo de varios días, vou a contar o sistema de organización e xerarquía das cuadrillas de segadores  das zonas de Riotorto e da Pontenova, que ían ano tras ano a Castela en busca dalgún cartiño, que necesitaban para cubrir as necesidades mínimas das súas casas.

     Hixinio Rivas Méndez foi  un home, que tivo moita experiencia como segador en Castela durante 29 anos seguidos, interrompidos unicamente pola Guera Civil. Nesa ampla comunidade estivo traballando e foi ocupando tódolos postos posibles dentro da cuadrilla.
     As cuadrillas xa se formaban aquí denantes de saír cara Castela. O maioral era quen se encargaba de buscar as persoas da cuadrilla, que sempre estaban formadas por seis homes e tres pequenos organizados do seguinte xeito:
   – O MAIORAL.
   – O TRASMAIORAL
   – O DAS TRES
   – O DAS CATRO
   – O DAS CINCO
   – O DAS SEIS
   – OS PEQUENOS

     Cada membro da cuadrilla, denantes de marchar para Castela, coñecía perfectamente as súas  funcións específicas, que tiña a obrigación de cumprilas có máximo esmero posible. As funcións de cada un deles eran as seguintes:

     O MAIORAL.
     Era o máximo responsable da cuadrilla. Tratábase, dun xeito xeral, dun home cunha experiencia acumulada doutras viaxes anteriores. Denantes de saír do pobo encargábase de buscar as persoas, que lle respondesen no traballo e  as que consideraba as máis axeitadas para a cuadrilla.
     En Castela era o que contrataba a sega, tamén a quen o amo se ía a dirixir para calquera cousa.
Ademais, ao maioral ían as queixas do amo e tamén as dos demais membros, que integraban a cuadrilla, cando non estaban conformes ou contentos.
    Outra atribución, que tiña, era a de ser o encargado de cortar o pan no momento da comida e, se alguén da cuadrilla quería repetir, el volvíao a cortar. Tamén era o que ía diante de todos á hora de empezar a segar, marcando máis ou menos o ritmo do traballo.

 

 VECIÑOS DE GALEGOS (RIOTORTO) NA SEGA
DE CASTELA. DÉCADA DOS SESENTA DO SÉCULO PASADO.

 

    O TRASMAIORAL. 

     Era a persoa, que asumía as funcións do maioral, cando este faltaba por calquera circunstancia . Á hora de poñerse a segar formaba “carreira” co maioral polo que era o segundo en poñerse a segar. Cando chegaba a hora de comer correspondíalle cortar a carne.
     O DAS TRES.
     Formaba “carreira” co das catro. Era o terceiro en poñerse a segar e correspondíalle botar o viño á  hora da comida.
     O DAS CATRO.
     Formaba “carreira” co das tres. Era o encargado de arrear o barreño da comida.
     O DAS CINCO.
     Formaba “•carreira” co das seis. Era o encargado de arrear as alforxas.
     O DAS SEIS.
     Formaba “carreira” co das cinco. Este entraba cos pequenos á hora de arrear a auga.
     OS PEQUENOS. 
     Eran tres en cada cuadrilla, aos que lles correspondía atar o que segaban os homes. Tamén tiñan que arrear a auga, que xeralmente estaba lonxe; ir a por ela á fonte, cando se terminaba, e por último ir a buscar o que deixaron os homes, cando empezaron a segar (roupa, pedra de afiar, etc.).
     Isto a simple vista para a xente de aquí  parece sinxelo, pero non o é tanto, xa que hai que ter en conta que as fincas en Castela non se parecen en nada as de aquí,  xa que alí as fincas son moi grandes e, en ocasións, tiñan que andar un quilómetro ou máis para ir a elas.. Pois ben, para facer este traballo,  e para que non lle tocase sempre ao mesmo, tamén se  organizaban da seguinte maneira:

 AFÍANDO EN LORIZADOS (ESPASANDE DE ABAIXO). DÉCADA DE 1980.
“RIOTORTO NO TEMPO”. ASOCIACIÓN ARRINCADEIRA DE RIOTORTO.
DEPUTACIÓN DE LUGO. CULTURA.

 

     Á hora de empezar a segar unha finca a cuadrilla dispoñíase da seguinte forma:

    O primeiro que empezaba era o maioral seguido polo trasmaioral; ía un diante doutro e cada un deles segaba dous sucos de palla, que a deixabaá atravesada por riba dun rego e dous sucos, coa espiga para un lado. A esta operación chamábaselle “tender”; por iso dicíase que o de adiante iba “tendendo”, e o de atrás, que en este caso sería o trasmaioral, facía a mesma operación deixando o trigo coa espiga en sentido contrario a como o deixara o maioral. A esta operación chamábase “cargar”; entón dicíase que o de atrás viña “cargando”. Detrás dos dous homes, que ían segando, viña un pequeno atando o que acababan de segar. A todo este conxunto era ao que se chamaba a “carreira”. Polo tanto, unha carreira estaba formada por dous homes, que segan, máis un pequeno, que vai atando. Entón nunha cuadrilla, que está segando, hai tres carreiras: a de adiante, a do medio e a de máis atrás. Nestas carreiras era onde os pequenos se alternaban. Así, un día, un dos tres pequenos andaba na de adiante, ao outro día na do medio e ao seguinte na de atrás, e como ao que lle correspondía arrear a auga e todo o que deixaran os homes, cando empezaran a segar, era o de a carreira de diante, tocáballe a un deles cada tres días.
     Había pequenos que se axudaban do “gambito” para atar.  Este era un pau curvado que se levaba atado a man dereita, do tamaño mais ou menos dun fouciño, que se metía por debaixo da “gabilla” para atar. Era de moita utilidade nas zonas onde abundaban os “cardios” xa que con eles un non se picaba tanto. Utilizábanse bastante pola zona de Villalba, cerca de Madrid.
     Como xa se dixo antes, o maioral procuraba levar unha cuadrilla que lle respondese. Normalmente non tiña problemas, xa que  había máis persoas, que querían ir  segar, das que podían. Polo tanto, o maioral procuraba coller aos mellores dotados fisicamente e que non fosen lacazáns. Estes, en agradecemento, facíanlle ao maioral favores e agasallos, que consistían no seguinte:
     Se a persoa, que levaba, era do mesmo pobo, este caváballe o monte un  ou dous días.
Se non era do pobo, polo regular, ía a casa do maioral denantes de partir de cara a Castela e dáballe arredor de 100 pts.A todo isto é o que se lle chamaba “o valeo”; por iso dicíase que tal fulano, que comezou a ir de maioral tamén comezou a levar  “o valeo”. Isto, segundo Hixinio, empezou como un costume e rematou por ser un dereito por parte do maioral e unha obrigación dos que querían ir a segar a Castela.
     Despois de levar traballando durante todo o verán e rematada a sega chega un dos momentos máis ledos de toda a tempada. Era cando se procedía a repartir os cartos que con tantos esforzos gañaran. O procedemento era o seguinte:
     Ao maioral por maiordomia correspondíalle tres pesos; tamén lle correspondía outros tres pesos por paso, ou sexa que sacaba do montón 18 pesos ( 15 por pasos máis 3 pesos por maiordomia) e aos restantes membros da cuadrilla, correspondíalles  tres pesos por paso, polo que o reparto quedaba da seguinte maneira:
     Ao maioral  correspondíalle 18 pesos
     Ao trasmaioral ……………… 12 pesos
     Ao das tres……………………  9 pesos
     Ao das catro……………..…..  6 pesos
     Ao das cinco…………….….   3 pesos
     Ao das seis non lle correspondía nada.
     Unha vez retirados os cartos, que lles correspondía a cada un en función do posto desempeñado, o maioral  repartía o diñeiro restante comezando por el mesmo.
     Con esta forma de reparto non cabía ningún tipo de discusións; todos estaban conformes e contentos e só quedaba a viaxe de volta a casa, que normalmente  se facía en tren ata Lugo, e a partir de aquí en coche, se o había, e senón chegaban ao pobo andando. Os cartos, que gañaron durante todo o verán, entregábanos na casa. Estes, case sempre, eran destinados a pagar débedas, trabucos, contribucións ou algunha vaca de seu. Ás veces, unha pequena parte usábase para mercar algún traxe, que se estreaba nun día moi sinalado coincidente case sempre coa festa da comunidade parroquial.

    

      ILUSTRACCIÓNS

 

       

 

 

 

     

      VECIÑOS DE GALEGOS (RIOTORTO) NA SEGA EN CASTELA.
      DÉCADA DE 1960. “RIOTORTO NO TEMPO”. ASOCIACIÓN ARRINCADEIRA
      DE RIOTORTO. DEPUTACIÓN DE LUGO. CULTURA.

 

     

      VECIÑOS DE GALEGOS (RIOTORTO) NA SEGA EN CASTELA.  DÉCADA DE 1960.
      “RIOTORTO NO TEMPO”. ASOCIACIÓN ARRINCADEIRA DE RIOTORTO.
       DEPUTACIÓN DE LUGO. CULTURA.
 

 

  

  ESCEA DUNHA SEGA. DATA DESCOÑECIDA. “RIOTORTO NO TEMPO”.
  ASOCIACIÓN ARRINCADEIRA DE RIOTORTO. DEPUTACIÓN DE LUGO. CULTURA. 
 

 

   

    AFIANDO NA MOA – MOA DO LOURO (FERREIRAVELLA).
    DÉCADA DE 1950.”RIOTORTO NO TEMPO”.
  ASOCIACIÓN ARRINCADEIRA DE RIOTORTO. DEPUTACIÓN DE LUGO. CULTURA. 
 

 

 A SEGA NO CAZCALLAR (RIOTORTO). ” RIOTORTO NO TEMPO”.
ASOCIACIÓN ARRINCADEIRA DE RIOTORTO. DEPUTACIÓN DE LUGO.
CULTURA.

 

 AFÍANDO EN LORIZADOS (ESPASANDE DE ABAIXO). DÉCADA DE 1980.
“RIOTORTO NO TEMPO”. ASOCIACIÓN ARRINCADEIRA DE RIOTORTO.
DEPUTACIÓN DE LUGO. CULTURA.

 

542973.2.jpg. A SEGA EN CASTELA.
ASOCIACIÓN CULTURAL “EL RECONCO” (ZAMORA).

 

 

TRABALLOS DE SEGA E COLLEITA DO CEREAL EN CASTELA.

89778.jpg.

 

 

 

 

 

 

 

Ir arriba