II. 2010. FESTA PADUENSE NA MARIÑA OCCIDENTAL LUCENSE: O SAN ANTONIO VENTUROSO DA RIGUEIRA (XOVE)

                                        

 FESTA PADUENSE NA MARIÑA OCCIDENTAL LUCENSE: O SAN ANTÓN VENTUROSO DA RIGUEIRA (XOVE) (LUGO).

Publicado en “Tempos de Festa en Galicia”. T.II, A Coruña, 2007.

   AUTOR: JOSÉ MANUEL BLANCO PRADO.

     Revista de Investigación “Etnografía”, nº 2, 2010. I.S.S.N. 1989.8541.

    WEB. http://mesondoforno.com.

 

SAN ANTÓN DA RIGUEIRA E OS SEUS EXVOTOS DE CERA

 

 

     A mariña occidental está formada polos concellos de Cervo, Ourol, O Vicedo, Viveiro e Xove. Limita ó leste coa Mariña Central, ó oeste coa provincia de A Coruña e ó sur coa coa comarca de A Terra Chá. 
     Ó longo da costa ábrense praias de gran beleza como ás de Abrela, Cubelas, Portonovo e o Torno,  e pequenos islotes como Os Farallóns ou a isla Coelleira. De cara ó leste, onde a costa vólvese máis abrupta, está a ensenada de San Cibrao , onde se ubica un dos portos industriais de máis importancia para Galicia.
     Esta comarca mostra dende o punto de vista ambiental dúas partes claramente diferenciadas: a zona da costa e a do interior, que abrangue á cunca alta do Landro, o val do Sor e a vertente norte das serras septentrionais de Galicia. Esta diversidade de habitats da lugar ó xurdimento de diferentes ecosistemas, entre os que podemos distinguir o do estuario do río Sor e os islotes costeiros, onde crian un bo número de aves mariñas.

      O S. ANTÓN DA RIGUEIRA (XOVE)

      Xove é un concello lucense que se atopa no centro da Mariña occidental, limitando cos concellos de Viveiro polo leste e Cervo polo oeste. Posúe unha extensión de 88,9 km2 e unha poboación de 3574 habitantes, segundo o padrón municipal do ano 2003. Neste concello hai dous espacios xeográficos diferenciados: un litoral, abrupto, e unha zona interior de media montaña. O primeiro identifícase cunha costa chea de contrastes, que vai da existencia de montes isolados que se proiectan sobre o mar, ata a formación de praias na desembocadura dos ríos e arroios. Pola contra, o interior, onde comezan as primeiras estribacións da serra do Xistral, ofrécenos importantes explotacións gandeiras con amplos pastizais. As súas principias arterias de comunicación son a estrada C-642, que percorre todo o litoral septentrional galego, e o ferrocarril de vía esterita.

      O centro municipal acadou unha actividade comercial e de servicios, motivado polo efecto da instalación do complexo de Alumina-Aluminio, ubicado en terras de Xove e Cervo.
      Desde o punto de vista histórico, as terras de deste concello pertenceron na Idade Media á provincia de Mondoñedo, estando conformadas nas xurisdiccións de Portocelo, Galo e Viveiro. Logo, a principios do século XIX, convertiuse en concello e integrouse na provincia de Lugo coa denominación de Portocelo, ata que no ano 1940 adoptou a actual denominación.

       LOCALIZACIÓN  DO SANTUARIO DO  SAN ANTÓN.

 

     O santuario ó que facemos referencia está situado na parroquia de S. Miguel da Rigueira, pertencente ó arciprestado de Sargadelos e á diócese de Mondoñedo-Ferrol. Posúe dazanove entidades de poboación e dista case dous km., da capital do concello co que se comunica por medio dunha estrada local.

      Dende o punto de vista artístico, o recinto sagrado é unha obra dos séculos XVII e XVIII. Posúe unha nave cuberta con catro tramos de bóveda de lunetos, un cruceiro con brazos tamén con bóveda de lunetos e cúpulas de media laranxa no centro do cruceiro e na capela maior. Ademais , a igrexa ten un pórtico lateral.                                                                                                                                
No altar maior, hai un retábulo barroco no que se lee a seguinte inscrición: “Este retablo se doró y pintó siendo cura Don Antonio Benito Araujo y Paderne, año de 1738”. Posúe dous corpos coas imaxes de S. Miguel, S. Antonio, S. Benito, S. Ramón Nonato, S. José, S. Gregorio Magno e Sta. María Egipciaca.
No brazo dereito do cruceiro, hai un retábulo barroco coas imaxes da Virxe do Carmio e Sto. Domingo de Guzmán. No brazo esquerdo, temos un retábulo rococó, de dous corpos, coas imaxes de S. Antonio, Sta. Lucía, S. Roque e dúas imaxes pequenas de S. Antonio.
Con respecto a nave da igrexa, hai dous retábulos neoclásicos: O do muro dereito presenta un Cristo rexional articulado e o do esquerdo unha imaxe da Dolorosa.

RITUAL PROCESIONAL
 

       LENDA SOBRE A FESTIVIDADE DO SANTO.

 

       Con respecto a orixe da festividade do S. Antonio hai unha fermosa lenda na que se alude “ a un home da Fontecoba que perdeu a súa vaca e andivo varios días buscándoa polos montes do Penedo do Galo, situados entre os concellos de Viveiro e Xove. Na procura do animal veu a dar ó lugar de Ventoselle, pertencente a Rigueira, onde lle comentou a dúas mulleres o seu pesar pola perda do animal. Éstas acollérono na súa casa e dixéronlle que a súa pena podía ser superada, se lle ofrecía unha esmola á imaxe do S. Antonio que elas posuían. O home levou a cabo a ofrenda e fixo noite na casa dámbalas dúas mulleres. Ó día seguinte, pola mañá cedo, dispoñíase a seguir buscando ó animal, mais ¡ cal sería a súa sorpresa¡ ó observar que a súa vaca descansaba placidamente ó caron da casa na que él pasara a noite”
       Este feito foi moi comentado ata o punto de que labregos da parroquia e doutras comunidades comezaron a vir á devandita casa na procura de saúde e benestar para os seus animais.
Deste xeito, foi xurdindo unha romaxe a que acudía unha gran afluencia de devotos. Isto motivou que o crego da parroquia dispuxese o traslado da imaxe do santo á igrexa parroquial.
O santo – segundo Francisco J. Janeiro Rodríguez- foi doado pola  “casa Martís” de Ventoselle entre os séculos XVII e XVIII.

 

       PIEDADE POPULAR.

 

       No ano 2005, a festividade do S. Antón venturoso celébrase os días doce e trece de xuño, o día do S. Xoán e o segundo sábado do mes de xullo, data coñecida como o “S. Antón pequeno”. 
       O día trece de xuño, que é o maís importante da festividade, acoden devotos de toda a mariña lucense e de concellos do interior como Ferreira do Valadouro, Lourenzá, Mondoñedo e Ourol. Tamén Juan Ribeira dínos que veñen da comarca de Ferrolterra, Ortigueira e as Pontes de García Rodríguez. 
       Os pedimentos maís usuais adoitan ser por doenzas humanas e animais. Non embargantes, tamén hai rogativas de carácter precautorio non só de doenzas senón tamén da facenda familiar. Tamén hainas por problemas de índole familiar e social. Polo tanto non é estraño que os devotos do santo fosen chamados dende sempre “os ventureiros”, xa que solicitaban a ventura para as súas familias e gandos e a prosperidades de sus facendas. Agora ben, o pedimento vai vencellado ó cumprimento dunha serie de promesas, que poden realizarse indistintamente denantes ou despois da concesión do mesmo. 
        Por outra banda, como promesas maís habituais neste santuario distinguimos as seguintes:
O trece de xuño, os devotos, logo de acceder ó recinto sagrado, oen unha das cinco misas que se celebran as nove, dez e once e media da mañá, a unha da tarde e as oito do serán. Na véspera, celébranse dúas: a do mediodía e a da unha da tarde. Tamén, o segundo sábado do mes de xullo celébranse dúas: a das once e a do mediodía. 
        Ademais, no interior do santuario realizan outros rituais e ofrendas, como “poñer o santo”. Este ritual lévase a cabo no lado esquerdo do cruceiro, onde dous fregueses da parroquia, con senllas imaxes pequenas do santo, realizan unha cruz por riba da cabeza dos fieis, mentres invocan xaculatorias diferentes:

 

“Deus, noso Señor,                                   
por intercesión de S. Antonio                      
che conceda a saúde do corpo                      ,
e da alma. Amén”.
“ S. Antonio venturoso,
lle quite a enfermedad e todo mal,
lle dea a sanidad e todo ben
polo poder que Dios ten
e a Virxen María. Amén”.

 

RITUAL DE POÑER O SANTO
 
         Tocar cuns panos a imaxe do santo e logo pásalos pola cara cunha finalidade precautoria e curativa. Ofrecer ao santo figuras de cera, que representan tanto ao corpo humano, total e parcialmente, como a diferentes animais: cabalos, cochos, ovellas, terneiros e vacas. Algúns devotos adoitan  pasalos pola imaxe do santo e logo deixanos ó seu caron; estes exvotos proceden, case na súa maioría, dun posto situado no pórtico da igrexa, que é atendido por fregueses da parroquia e está ligado coa administración do santuario. Neste posto, véndense tamén unha serie de obxectos relacionados có santo, como pequenas capelas metálicas, que levan unha oración incluída que dice: “Que San Antonio da Rigueira te conduzca por el camino del bien”; pequenas placas metálicas coa imaxe de S. Antonio, destinadas, como símbolos protectores, para o interior dos coches, que levan tamén unha oración incorporada que dice: “S. Antonio da Rigueira amparanos en el camino”; ademais hai pequenos obxectos para levar pastillas, que levan na súa parte externa a imaxe do santo.
         Aportar esmola en metálico no intre de “poñer o santo” e nas boetas que hai no interior da igrexa.
         Traer crinas de animais e queixos, que soen deixalos ó caron da imaxe do santo. Antano, esta ofrenda, que era máis numerosa, entregábase ó asilo de anciáns de Viveiro.
        Asi mesmo, os devotos tamén levan a cabo, no adro da igrexa, “o ritual de circunvalación”  e participan na procesión e na bendición do gando. 
        O ritual de circunvalación consiste en dar unha ou maís voltas ó redor do santuario, de pé ou descalzos, portando nas súas mans ben figuras de cera, ben unha figura pequena do santo, ou ámbalas dúas cousas á vez.
        Ao rematar a misa solemne, sae a procesión que percorre o perímetro da igrexa. No ano 2005, non puido sair debido ó mal tempo existente naqueles intres mais puido facelo ó finalizar a misa das oito do serán. Os elementos que interveñen na mesma están dispostos do seguinte xeito: unha cruz parroquial, levada por un fregués da parroquia; logo as imaxes do S. Miguel, da Virxe do Carmio e do S. Antonio, levadas nas andas por devotos das respectivas entidades sagradas; como remate, os cregos concelebrantes e os fieis colocados sen distinción de idade e sexo.
Logo de cumpriren os diferentes oficios relixiosos, os devotos e fieis da parroquia participan do feiral laico, emprazado ó caron do santuario, onde hai un posto de polvo e varios de lambetadas e rosquillas.

 

BENDICIÓN DO GANDO
 
        Finalmente os días doce de xuño e o segundo sábado de xullo, celébrase, ao rematar a misa do mediodía, a bendición do gando cabalar. Iníciase coa saída en procesión da cruz parroquial, dos fieis, da imaxe de San Antonio e do crego da comunidade. Ó chegaren á altura do pórtico, os portadores da imaxe do santo deteñense e o crego adiántase uns metros ata colocarse fronte o gando cabalar e ós seus donos. A continuación, cun hisopo bendice ó gando e invoca a seguinte pregaria:

 

“ ¡ Oh Dios, autor y dador de todos los bienes que has hecho.
Que también los animales sirvan de ayuda al hombre en sus necesidades y en
trabajo .
Te pedimos, por intercesión de San Antonio, que utilicemos debidamente
estos seres, necesarios parea nuestra subsistencia.
Por Jesucristo, nuestro Señor. Amén.”
 

       Por outra banda, nas casas da comunidade parroquial e nas dos devotos do santo, cando se perde algún obxecto ou algún animal da facenda, adoita recitarse o “ensalmo de S. Antonio” tres veces, sen equivocarse. (Ensalmo reducido).

 

“Si buscas milagros mira                                   
muerte y error desterrados,                              
miseria y demonio huídos,                               
leprosos y enfermos sanos.                              

El mar sosiega su ira                                         
redímense encarcelados,                                   
miembros y bienes perdidos,
recobran mozos y ancianos.

El peligro se retira,                                            
los pobres van remediados,                               
cuéntenlo los socorridos,                                   
díganlo los paduanos.
El mar sosiega su ira
redímense encarcelados.
miembros y bienes perdidos,
recobran mozos y ancianos.
Gloria al Padre, gloria al Hijo,
gloria al Espíritu Santo.
El mar sosiega su ira,
redímense encarcelados,
cuéntenlo los socorridos,
díganlo los paduanos.
Ruega a Cristo por nosotros
Antonio glorioso y santo,
para que dignos así
de sus promesas seamos. Amén”

 

 

DEVOTA CON EXVOTOS DE CERA

  

       Tamén se recita a seguinte oración, que xurdiu na propia comunidade da Rigueira.

 

“S. Antonio venturoso,                                                        
seguidor de Xesucristo,                             
fuches sempre pobre e humilde                 
e dos máis pequenos amigo.

Axúdanos cada día,                                  
nas labouras do campo.                            
Danos abundantes colleitas,
dende a Rigueira de  Xove”.

Nas dificultades diarias
fortalece os nosos esforzos,
fai medra-la esperanza
e a colaboración entre todos.
Amparo dos máis pobres,
compañeiro dos que sofren,
bendice a toda a xente
e protexe o noso gando.”
 

      SIMBOLISMO IDENTITARIO DO SANTO.

 

     O San Antón da Rigueira aínda que está vinculado a unha parroquia, posúe un importante territorio de graza debido as curacións e solucións de problemas. 
     O santo, elemento esencial da festa, é un importante símbolo local, que serve para manifestar unha identidade comunitaria. Cada festa, segundo Pitt Rivers, é a expresión da identidade da comunidade e tamén da súa unidade. De aí que o santo configure a cohesión interna da comunidade, propiciando un sentido cívico comunitario, que queda reflectido, entre outros aspectos, en momentos de crise e sufrimento.

 

BIBLIOGRAFÍA.

BLANCO PRADO, José Manuel. Religiosidad popular en el municipio de Begonte, Lugo: Deputación provincial, 1993, páxs. 205.
DONAPETRY IRIBARNEGARAY, Juan.: Historia de Vivero y su Concejo, Vivero: Diputación Provincial de Lugo, ed. facsímil, 2ª ed,, 1991, páxs. 382-383.
JANEIRO RODRÍGUEZ, Francisco J.: Romarías e Santuarios da Comarca de Viveiro, Viveiro: Concello de Viveiro e Deputación provincial de Lugo, páxs. 69-73.
LISÓN TOLOSANA, Carmelo.: Antropología social y hermeneútica. Madrid: Fondo de Cultura Económica, 1980.
PITT RIVERS, Julián.:  “L´identité locale vue à travers la fête”, en Culturas Populares: Diferencia. Divergencias, Conflictos. Universidad Complutense, Madrid, 1986.
SANTOS SAN CRISTÓBAL, Sebastián.: “Rigueira, A. Xove”, en Inventario Artístico de Lugo y su provincia, t. V, Madrid, 1983, páxs.391-393.

 

ILUSTRACCIÓNS.

 

 

VISTA XERAL DO SANTUARIO DO SAN ANTÓN DA RIGUEIRA (XOVE) (LUGO).
 
 
DEVOTA PASANDO UN EXVOTO DE CERA POLA IMAXE DO SANTO.
 
 
 POSTO DE VENDA DE DIFERENTES OBXECTOS.
 
 

 

 DEVOTA CON EXVOTOS ASISTINDO A UNHA DAS MISAS QUE SE OFICIAN NO SANTUARIO.

 

 

CRUZ MISIONAL DE MADEIRA, SITUADA NO INTERIOR DO RECINTO SAGRADO.

 

DEVOTA DEIXANDO UN EXVOTO DE CERA DIANTE DA IMAXE  DO SAN ANTÓN VENTUREIRO.

 

DEVOTA PASANDO O SEU PANO POLA IMAXE DO SANTO.

 

  OFRENDA DE VELÓNS.

 

O SAN ANTÓN VENTUREIRO DA RIGUEIRA E OS SEUS EXVOTOS DE CERA.

 

RITUAL DE POÑER O SANTO.

 

 

RITUAL DA BENDICIÓN DOS ANIMAIS.

 

 

DEVOTOS NUNHA DAS MISAS OFICIADAS NO SANTUARIO.

 

 DEVOTOS CIRCUNVALANDO O SANTUARIO.

 

 

 DEVOTA REALIZANDO UNHA OFRENDA DE FLORES AO SAN ANTÓN.

 

SANTUARIO, POSTOS DE VENDA E GAITEIROS.

 

 EXVOTOS DE CERA E ROSQUILLAS.

 

 

  DETALLE DA PROCESIÓN DO SAN ANTÓN DA RIGUEIRA (XOVE).

 

 

BENDICIÓN DOS ANIMAIS.

 

 

Ir arriba