II. 2010. PATRIMONIO ETNOGRÁFICO: CRUCEIROS DA PROVINCIA DE LUGO.

                             

PATRIMONIO ETNOGRÁFICO: CRUCEIROS DA PROVINCIA DE LUGO

      AUTOR: FERNANDO ARRIBAS ARIAS.

        Revista de Investigación “Etnografía”, nº 2, 2010. I.S.S.N. 1989.8541.

                 Web. http://mesondoforno.com.

 

CRUCEIRO ENXOITO (XERMADE)

 

 

 

     O cruceiro é o elemento arquitectónico máis representativo da arte e da relixiosidade popular galega, testemuña da devoción dun pobo e da mestría e capacidade artística dos seus canteiros. 
     Aínda que non son patrimonio exclusivo de Galicia, pois deixando á parte as cruces de pedra da Bretaña e de Irlanda, podemos atopar fermosísimos exemplos en Portugal, País Vasco, Cataluña, Valencia, Baleares, etc. (a título anecdótico diremos que incluso en Ushuaia, doado pola comunidade galega de Arxentina, encontramos o que sería o cruceiro máis austral do mundo) foi en Galicia onde experimentaron un maior desenvolvemento e difusión, sendo o país con maior número de cruceiros e onde presentan unha maior variedade tipolóxica e acadaron un maior arraigo, ata converterse na manifestación máis significativa da nosa arte popular e nunha das imaxes máis típicas e tópicas da nosa paisaxe.
     Algún autor considera que pode haber entre 10 e 15.000 exemplos, cifra que pode ser un pouco esaxerada xa que na Coruña, a única provincia totalmente inventariada grazas ao encomiable traballo de Luis Martín Ruíz, hai censados 1.669 cruceiros, número que, se o extrapolamos, podería darnos unha cantidade aproximada de 7.000, talvez algún máis. De todos os xeitos, e ata que se complete un catálogo de todos estes monumentos, estas cifras hai que tomalas como algo estimativo.

 

1. ORIXE DOS CRUCEIROS.

 

    Xa Murguía se preguntaba se os cruceiros tiñan como función reemprazar os vellos menhires. Outros viron a súa orixe na cristianización dos miliarios romanos, situados á beira dos camiños e das encrucilladas, aos que se lles colocaba unha cruz na parte superior, tal como recolle Castelao ao citar os exemplos da Vila de Bertiandos (Viana) e de San Mamede de Quintela (Redondela). Nós cremos que os cruceiros son o resultado dun proceso evolutivo realizado a partir da cruz ou do crucifixo. Neste proceso interviñeron varios factores, entre os que cómpre destacar: 
    a)A cristianización de antigos lugares de culto ou elementos de orixe pagá.
    b)A influencia do Camiño de Santiago, o que se traduciu na proliferación de cruces no seu contorno como medio de sinalización para os peregrinos.
    c)A influencia franciscana, orde impulsora do culto á cruz, e dominica; estas ordes mendicantes están vinculadas á arte gótica e, en palabras de Castelao, daquel oxival místico desprendéronse os cruceiros galegos.
    d)A influencia de San Vicente Ferrer, que peregrina a Santiago de Compostela no ano 1412. Natural de Valencia, e xa que logo coñecedor das “cruces de termo” da zona do Levante, este santo impulsou, segundo o historiador López Ferreiro, a construción de varios cruceiros, entre os que podemos citar o do Home Santo (que aínda podemos ver ao pé de San Domingos de Bonaval) e o de Meixón frío (desfeito por un lóstrego no ano 1870). 
    Castelao afirma na súa obra “As cruces de pedra na Galiza” que non hai cruceiros románicos, xa que este monumento é unha creación gótica. Na súa opinión, o cruceiro trata de imitar as cruces procesionais e, se ben non naceu en Galicia, foi neste país onde mellor se aclimatou e difundiu polo vello costume de plantar cruces na beira dos camiños.
 

2. OS PRIMEIROS CRUCEIROS E O SEU ESPALLAMENTO.

 

    Xa este autor se preguntaba se os primeiros cruceiros non eran máis que cruces góticas, pois deles non se conservan os pedróns orixinais que lles servían de alicerce, polo que é doado presumir que foron trasladados do seu primitivo soporte ao soporte que naceu máis tarde [no século XV], é dicir, ao cruceiro, composto de gradas, base, fuste, capitel e cruz. De finais da devandita centuria son os cruceiros da Praza do Tapal e do cemiterio de Santa María a Nova de Noia, os únicos que conservan o capitel orixinal.  Máis antigos serían os de Melide, Home Santo e Meixonfrío, aos que lles podemos engadir o situado á entrada de Fisterra, o de Sta. María do Campo da Coruña, etc. 
    Pero foi a raíz do Concilio de Trento (1545-1563) e ao abeiro da Contrarreforma cando se inicia o espallamento dos cruceiros por toda a nosa xeografía. Anteriormente era máis ben un fenómeno urbano, no que os franciscanos tiveron moito que ver, ou vinculado ao Camiño de Santiago, pero os séculos XVI, XVII e XVIII marcan o apoxeo destes monumentos que pasan a popularizarse polo mundo rural. A influencia da Contrarreforma neste aspecto é decisiva, xa que a exaltación do purgatorio e a devoción ás “almiñas” fixo que as manifestacións artísticas relacionadas con eles relacionados (cruceiros e petos) acadasen unha maior popularidade. Ademais, a igrexa fomenta este tipo de construcións, cumprindo así o acordado no concilio que, na súa 25 sesión, lles encargaba aos bispos ensinar e instruír o pobo nos artigos de fe por medio das historias dos misterios da nosa redención, expresados en pintura e noutras imaxes…
    Neste período desempeñaron tamén unha función decisiva os xesuítas a través das misións e, novamente, os dominicos e franciscanos por seren os principais impulsores do purgatorio. Estes últimos converteron o seu fundador no principal intercesor, xa que por medio do seu cordón axudaban a saír das lapas as almas dos penados, representación que podemos ver no cruceiro da Capela da Nosa Señora da Saúde, no concello pontevedrés de Valga. A idea tridentina de que os familiares e amigos podían redimir na terra as penas que as almas deben cumprir no purgatorio antes de acadaren o ceo callou no sentir do pobo galego de tal xeito que, en palabras de Castelao, a mediados do século XVII, Galiza xa deixara de pensar no inferno para entregarse de cheo á idea obsesionante do purgatorio, do que os seus mortos queridos podían salvarse a forza de oracións e boas obras. Por esta razón, os cruceiros e petos acadaron máis popularidade que as doutrinas teolóxicas da Contrarreforma.

 

CRUCEIRO DE CASTILLONS (PANTÓN)
    Os cruceiros van experimentar neste período un cambio iconográfico. Nesta liña apunta González Pérez cando di que os antigos cruceiros representaban a morte no anverso (crucifixión de Cristo) e a vida no reverso (a Virxe co Neno no colo), pero a partir do Concilio de Trento e, sobre todo, no Barroco é a primeira a que adquire todo o protagonismo, pasando a representarse doutro lado da cruz a Dolorosa, Virxe das Angustias ou da Soidade. Tamén o varal comeza a ornamentarse co relevo dos instrumentos da paixón como mostra do sufrimento de Cristo. Baixo o manto deste estilo constrúense moitos cruceiros, algún de tipo monumental como o Cruceiro Bonito (1787) de Abegondo, actividade que decae no período neoclásico. En troques, na segunda metade do século XIX experimenta un novo pulo, sobre todo no mundo rural, que se vai  manter ata ben entrada a nova centuria. As razóns deste rexurdimento, con obras de gran calidade artística, témolas no auxe da devoción popular propiciada por cregos e bispos (ás que tampouco son alleas as misións xesuíticas) e no maior desenvolvemento económico propiciado, en parte, pola chegada de cartos procedentes da emigración. A esta época pertencen cruceiros como o de Hío, un dos máis espectaculares de Galicia, tanto pola súa monumentalidade como pola súa riqueza iconográfica, o de Santiago de Covelo (1899) e o de Pías (Ponteareas), todos eles obra de Xosé Cerviño. Este rexurdimento contrasta coa crítica a estas construcións por parte dalgúns intelectuais galegos, entre os que podemos citar a Emilia Pardo Bazán.
 

3. ESTRUCTURA DOS CRUCEIROS.

  
   Un cruceiro componse, por regra xeral, dunha plataforma ou pedestal formado por un número variable de chanzos ou gradas. Por riba sitúase a base, tamén denominada calvario en documentos do século XVI, que pode estar decorada con relevos que, xeralmente, fan alusión á paixón de Cristo. Tamén é o lugar no que figuran as inscricións, xa que é a parte do cruceiro que ofrece unha maior superficie. 
   
   Encaixado na base está o fuste, coñecido tamén co nome de varal, esteo, mastro, ou columna, coroado polo capitel, elemento que, en Galicia, amosa unha gran variedade tipolóxica. Por riba do capitel está a cruz, que pode ou non ter efixies. Por regra xeral o seu anverso está ocupado pola figura de Cristo, mentres que no reverso a imaxe máis frecuente é a da Virxe, xa sexa como Dolorosa, das Angustias ou da Soidade, ou en calquera outra das súas múltiples advocacións. 
    Moitos cruceiros acostuman ter unha mesa ou pousadoiro, a carón do pedestal ou exento. Empregábase para pousar os cadaleitos ou para realizar algún oficio durante as procesións que se facían antano. 
    Existen outros monumentos, tamén froito da relixiosidade popular, que convén non confundir cos cruceiros. Un deles son as cruces altas, coas que gardan moita similitude (hainas incluso con plataforma e base), pero a ausencia dun varal, capitel e dunha cruz sobre este, permítenos establecer a diferenza. Os cristos, moi abundantes na Pastoriza, son de dous tipos. Un primeiro grupo estaría formado por aqueles que teñen unha aparencia de cruceiros (pero sen a súa esvelteza e monumentalidade) pois o seu tamaño é moito máis reducido, polo que acostuman a levantarse sobre un plinto. Un segundo grupo está constituído por aquelas cruces sobre plinto ou con base que presentan efixies. Por calvario entendemos un conxunto de tres cruceiros ou cruces, tal como o podemos ver en Baamonde (Begonte), Os Vilares e a Graña (Guitiriz)  e Beade (Ourense). Moitos deles son o remate dun viacrucis, sucesión de catorce cruces referidas ás diferentes etapas ou momentos da paixón de Cristo.
 

4. PRÁCTICAS E CRENZAS SOBRE OS CRUCEIROS.

 

    Arredor dos cruceiros foron desenvolvéndose diversas prácticas rituais, moitas delas actualmente perdidas ou esquecidas. Así, xunto a algún cruceiro celebrábanse bautismos prenatais, solicitados por unha muller embarazada á primeira persoa que pasaba polo lugar para asegurar a vida do non nacido. Noutros colgábanse útiles de cociña como ofrenda feminina para poder ter fillos. Tamén, para eliminar o mal de ollo ou para curar a reuma, había determinados ritos arredor dun cruceiro. 
    Ata hai moi pouco tempo, estes monumentos eran lugar obrigado de parada dos enterros e, nos que tiñan pousadoiro, rezábase un responso. Pero, unha das prácticas máis estendidas foi a de enterrar nas súas inmediacións os meniños que morrían sen bautizar. Debido a que non podían sepultarse nos cemiterios, a xente comezou a soterrar estes inocentes no espazo que consideraron máis sagrado, sen contraviren as normas da igrexa: ao pé dos cruceiros, o que contribuíu moito ao respecto do pobo por estes monumentos.
   
    Aínda hoxe algúns cruceiros son centro referencial de procesións e romarías e a presenza en moitos deles de ofrendas florais e candeas pon de manifesto que continúan a ser obxecto de devoción.
 

5. OS CRUCEIROS NA PROVINCIA DE LUGO. ALGÚNS EXEMPLOS SINGULARES.

 

    A falta aínda dun inventario completo, podemos afirmar que a provincia de Lugo (agás a zona leste onde escasea o granito) presenta un elevado número de cruceiros, caracterizados pola súa gran variedade tipolóxica e polo valor artístico de non poucos exemplares. Destaca especialmente a Terra Chá, comarca que conta con preto de cincocentas destas manifestacións da devoción popular, que presentan peculiaridades propias, e que foron froito da man de dinastías de canteiros. Unha das máis activas foi a dos Carboeira, localizada na parroquia vilalbesa de Román, integrada por cinco xeracións e que comeza o seu labor a mediados do século XIX con Andrés Seoane Fernández. Do seu obradoiro saíron numerosas e importantes obras, como pode ser o cruceiro de Lanzán (Tardade-Vilalba), realizado en 1906 probablemente por Andrés e o seu fillo Marcelino. Está profusamente ornamentado e, ademais, presenta na súa base un Ecce Homo sentado e coas mans sobre o peito, motivo certamente escaso nesta comarca. 
     De autor descoñecido, o chamado Cristo Enxoito de Xermade constitúe un caso único en Galicia, pois este cruceiro ten por riba da cruz un círculo pétreo que ten por función protexer as efixies das inclemencias meteorolóxicas. Neste mesmo concello atópase o cruceiro do Xastre ou de Longo, que conserva aínda a policromía orixinal que se lles aplicaba antigamente a estas construcións. 
     En Begonte chama a atención o cruceiro de Trobo, que foi realizado en 1899 polo artista Benito Rifón Corral, segundo reza na inscrición que figura na súa base, decorada tamén con relevos que recollen escenas da paixón como Xesús coa cruz ás costas, caída de Xesús, etc. Neste mesmo concello, pero na parroquia de Baamonde, podemos ver un interesante calvario, dos poucos existentes na nosa provincia. 
     Do ano 1610 é o cruceiro de Castillóns (Pantón), con ampla plataforma de sete chanzos sobre a que se asenta un traballado pousadoiro. Dúas imaxes de bo tamaño ornamentan o seu fuste: unha de San Xoán Bautista e outra de María Magdalena, iconografía única en toda Galicia.

 

CRUCEIRO DE TROBO (BEGONTE)
 
     Un curioso cruceiro, con retablo de ánimas na súa parte inferior, atópase na parroquia de Castelo en Taboada. Na escena aparecen representadas dúas figuras axeonlladas, un home e unha muller que, probablemente, se trate dos doadores desta obra. 
     O claustro da Catedral de Mondoñedo acolle o que quizais sexa o cruceiro máis antigo da nosa provincia, xa que se debeu construír entre 1540 e 1580, lonxe aínda da carga dramática que caracterizará o Barroco.
     O concello de Monterroso posúe un bo número de cruceiros, todos eles moi interesantes e que había que dar a coñecer. Deles destaca especialmente o situado na parroquia de Ligonde, á beira do Camiño de Santiago. Este cruceiro foi realizado en 1674 e presenta unha base ornamentada cos instrumentos da paixón e unha gran caveira, mentres que o reverso da cruz amosa unha curiosa Piedade realizada nunha soa peza.
     En Paradela, a carón da igrexa parroquial de San Miguel de Paradela, podemos ver un dos cruceiros máis interesantes da nosa provincia, con serpe na base e fuste circular profusamente decorado cos instrumentos da paixón e outros motivos, como pode ser un galo sobre unha columna.
     Un dos poucos concellos que conta cun inventario exhaustivo das cruces e dos cruceiros é o de Viveiro, onde existen múltiples exemplos destas manifestacións plásticas, entre as que podemos destacar o cruceiro da Corredoira e o do adro da Igrexa de San Pedro. O primeiro pola súa antigüidade, xa que se trata dunha obra de 1713, e o segundo pola curiosidade de presentar a Virxe do reverso dentro dunha fornela. 
     Situado nos lindeiros de Mondoñedo coa Pastoriza, malia pertencer a este último concello, está o cruceiro do Fiouco, que ten a particularidade de estar resgardado baixo unha construción con cuberta a dúas augas. Obra de 1891, este cruceiro carece de plataforma e, ademais, ten o fuste ornamentado cos relevos de San Pedro, San Pablo e dos instrumentos da paixón, se ben estes últimos están situados nun lateral e no chafrán, e non na cara principal como sería o habitual.
     Tres dos cruceiros máis antigos da Terra Chá atópanse en Abadín: o dos Prados, o do Paxariño e o da Fonte da Nosa Señora, todos eles do século XVIII. Posterior é o da Roxoa, probable obra dun autor foráneo desta comarca, xa que presenta un fuste e unha cruz de sección circular con éntase e acanaladuras, características pouco frecuentes nestas terras chairegas.
 

5.  ESTUDOS SOBRE OS CRUCEIROS.

 

    Deixando á parte algún comentario de Manuel Murguía, o polifacético Bernardo Barreiro Vázquez Varela (1850-1904) foi a primeira persoa que se ocupou seriamente dos cruceiros, nos que vía, ademais do seu valor histórico-artístico, unha gran fonte de información de carácter etnográfico. En 1889 publica Monumentos populares. Las cruces y los cruceros, primeiro estudo e inventario realizado na nosa terra sobre estas construcións. A súa obra inflúe decisivamente en Castelao, quen se declara debedor seu, á hora de escribir As cruces de pedra na Galiza. Esta publicación do polifacético rianxeiro, marca un fito na investigación sobre os cruceiros e constitúe un traballo que aínda hoxe non foi superado. Obra de referencia obrigada, calquera estudo que se faga sobre estas construcións debe ter en conta as ideas do mestre recollidas nela. Logo viñeron Carlos Valle Pérez, Luis Martín Ruiz, Laredo Verdejo, Clodio González Pérez, etc.
    Polo que respecta á provincia de Lugo, en 1984, A. Reigosa e máis eu, equipo ao que posteriormente se uniría X. R. Cuba, publicamos no número 2 do Boletín do Museo Provincial de Lugo a primeira entrega de Cruces, cruceiros e petos de ánimas do municipio de Lugo (serie aínda sen rematar) coa que iniciamos o inventario de todas estas construcións populares existentes nese concello. Con anterioridade a este traballo, tan só Trapero Pardo se ocupará destes monumentos nun artigo aparecido na revista Lucus dez anos antes. Nel, o que fora cronista oficial de Lugo, fai unha reseña xeral dalgúns cruceiros da nosa provincia, centrándose sobre todo nos da Terra Chá. Moi posteriormente, nos anos 1995-1996, o Boletín do Museo Provincial de Lugo dá a coñecer Os cruceiros do municipio de Palas de Rei, estudo exhaustivo realizado por Xerardo Pereiro Pérez. Na mesma liña están o Catálogo de cruceiros e cruces da Terra de Viveiro (1996) e os Esmoleiros, petos e cruceiros de ánimas de Lugo (2002).
    No tocante á Terra Chá, salvo algún artigo periodístico de carácter xeral e o folleto de Blanco Prado e Rodríguez Sánchez Cruces y cruceros del municipio de Begonte, a catalogación sistemática desta comarca, caracterizada por ser a que presenta un maior número de cruceiros de toda a provincia, comeza en 1993 co Proxecto Carboeira, co que J. M. Blanco Prado e F. Arribas Arias, ao que se sumaría máis tarde M. Saavedra Pérez, pretenden levar a cabo un inventario, catalogación e estudo de todos estes símbolos da relixiosidade popular. A publicación dos datos deste proxecto comeza en 1998 con Cruceiros de Castro de Rei e Outeiro de Rei, ao que lle seguirían Cruceiros de Guitiriz (1999), Cruceiros de Begonte, Cospeito e Rábade (2000), Cruceiros, cristos e cruces da Pastoriza (2002), Cruceiros, cruces e cristos de Xermade (2004) e Cruceiros, cristos, cruces e esmoleiros de Abadín (2007), Cruceiros, cristos e cruces de Muras (2009). Queda aínda por ver a luz o correspondente ao concello de Vilalba.

 

ILUSTRACCIÓNS.

 

 

FOTO 1. FERNANDO ARRIBAS ARIAS. CRUCEIRO DE CASTILLONS (PANTÓN).

 

FOTO 2. FERNANDO ARRIBAS ARIAS. CRUCEIRO ENXOITO (XERMADE).

 

FOTO 3. FERNANDO ARRIBAS ARIAS. CRUCEIRO DE LIGONDE (MONTERROSO)

 

FOTO 4. FERNANDO ARRIBAS ARIAS. CRUCEIRO DA CATEDRAL DE MONDOÑEDO.

 

FOTO 5. FERNANDO ARRIBAS ARIAS. CRUCEIRO DE SAN MIGUEL (PARADELA).

 

FOTO 6. FERNANDO ARRIBAS ARIAS. CRUCEIRO DE TARDADE (VILALBA).

 

FOTO 6. FERNANDO ARRIBAS ARIAS. CRUCEIRO DE TROBO (BEGONTE).

 

 

 

                                             

 

Ir arriba