II. ANO 2010. O PATRIMONIO DA AUGA NA TERRA CHÁ. OS CANEIROS E A PESCA DA ANGUÍA (II).

O PATRIMONIO DA AUGA NA TERRA CHÁ (LUGO).

        OS CANEIROS E A PESCA DA ANGUÍA(2).

              ORLANDO VIVEIRO VEIGA.

               Revista de Investigación “ETNOGRAFIA”,  nº2, 2010. I.S.S.N. 1989 – 8541.

                Web, http://mesondoforno.com.

     Un dos aspectos patrimoniais máis relevantes a propósito da auga, na comarca chairega,  é o relacionado coa explotación dos recursos pesqueiros, nomeadamente o da pesca da anguía que, se ben no presente non pasa de ser un asunto anecdótico, en tempos non moi alonxados significou un aporte importante para as economías dos habitantes das ribeiras e mesmamente un factor a ter en conta na súa alimentación. Neste contexto o uso dos caneiros tivo consideración de ben patrimonial acorde con tal importancia e na evolución histórica do réxime de propiedade podemos observar como esta foi pasando dende un momento no que aparece concentrada en mans dos grandes mosteiros e señoríos, que os aproveitaban directamente, ata os derradeiros tempos da súa explotación en que practicamente están na súa totalidade en mans dos veciños das ribeiras. Entre estes dous momentos producíronse diversas relacións entre uns e outros, fundamentalmente reguladas polo sistema de foros e arrendamentos, operacións que pemitían aos propietarios obter un beneficio, cobrado xeralmente en anguías, sen asumir directamente a súa explotación.

FOTO: ORLANDO VIVEIRO VEIGA. “CANEIRO DE SANTO ANDRÉ”. SAN ESTEBAN DE URIZ. RIO LADRA.
CHANTAS DE AMARRAR O APARELLO AO PÉ DAS BOCAS.

 

      A estructura dun caneiro está conformada por uns muros de pedra, cimentados no leito do río, que partindo das marxes avanzan de esguello no sentido da corrente ata xuntar nun punto situado xeralmente na proximidade  dunha das beiras. Estes muros, chamados guiares, desvían a auga ata ese lugar no que unen formando unha plataforma pétrea donde hai unhas canles ou bocas, que facilitan a saída da mesma, nas que se coloca o aparello para a pesca da anguía. Tal plataforma recibe o nome de “pías” e a ela pode accederse ben por enriba dos propios guiares ou mesmo utilizando unha pontella situada augas abaixo dun deles. O conxunto completa en ocasións coa existencia dun caseto, utilizado para gardar aparellos ou mesmo proporcionar abrigo cando fose preciso, que pode estar construído encol das propias pías ou nunha das beiras do río.
      Na construcción dos guiar procúrase asento no fondo rochoso erguendo seguidamente o muro ata unha altura que permita deter e desviar a auga en dirección ás pías. Na parte inferior da construcción as pedras van colocadas en reas horizontais mentras que na parte superior van colocadas de canto, perpendiculares á corrente e atestadas en forma de cuña, na procura de ofrecer resitencia á forza da auga evitando a súa desfeita. Pola cara interior levan emparelladas unhas grandes chantas apoiadas no propio guiar que teñen a función de impedir que a auga fuxa polos ocos entre as pedras provocando o seu desvío ata as bocas.
      O proceso de construcción das pías é similar, asentando os cimentos na pena e rematando a parte superior con chantas horizontais procurando funcionalidade á hora de desprazase por enriba no intre de armar. Pola parte do interior, donde se recibe o impacto enorme da forza da auga, levan as pedras asimesmo colocadas de xeito vertical e a planta da estructura vai en forma de tallamar buscando romper a forza que trae e desviar a auga en dirección ás bocas. O número destas canles varía e na súa feitura dáselles máis anchura na saída ca na entrada, facilitando a circulación rápida da auga por elas, asimesmo o fondo nalgúns casos vai lastrado de chantas polo mesmo motivo. Fondo este donde vai atravesado un pao, entelado nas caras laterais, que tén a función de reter as puntas dos gallos do forcado á hora de armar, xunto con outro situado na parte superior, que sobresae do lateral ata o medio do oco da boca, e serve para reter o mango do dito forcado impedindo que sexa arrastrado pola forza da auga. Na parte superior da boca vai unha chanta vertical ou no seu caso un pao, ao que se amarra o aparello con unha cadea antes de comenzar a operación de pesca, por se ceibara nalgunha ocasión, impedindo con esto a súa perda.
     Os caneiros precisan un traballo continuado de conservación dado que o deterioro que padecen, causado tanto por mor da propia forza das crecentes como polo arrastre de grandes árbores e carrochas que atrancan a saída da auga, é importante, o que produce desfeitas significativas nos mesmos. Neste sentido a reparación das “golfas” ou derrubamentos causados nos guiares e nas pías, realízase durante periodos de seca cando o acceso con materiais axeitados se fai posíbel. Existen caneiros con guiares de menor altura, denominados “de augas baixas”  aos que en ocasións se procura aumentar o nível construíndo “sebes” feitas con pólas de salgueiro entretecidas, na procura de gañar uns centímetros que permitan algunhas horas máis de pesca, durante o proceso de armar.

 

“FORCADO”. SANTIAGO DE GAIOSO. RÍO LADRA.
       O aparello en si consta dunha rede de forma alongada, chamada “de manga”, e dun forcado de madeira na que aquela vai atada ou “entrallada”. Esta rede era confeccionada polas xentes das ribeiras utilizando fío de cáñamo, de distintos grosores, cargado en “agullas” feitas de salgueiro, buxo, e mesmo cerna de carballo. O seu tamaño podía chegar ás vinte cuartas de longo e constaba de tres partes: o “raro” ou a parte da boca da rede por donde ía atada no forcado e que levaba o diámetro das mallas de maior tamaño, a “pesqueira” ou parte central, e para rematar, a “maza” ou punta conformada por mallas de tamaño máis reducido, sendo a parte pola que se comenzaba a elaboración da mesma. As mallas ían unidas por nós que se mantiñan firmes, a semellanza dos efectuados nas redes mariñeiras, e na operación de atume dos mesmos usábanse como medida para marcar o diámetro uns paos de forma redondeada coñecidos polo nome de “formas”. O forcado de madeira constaba dun mango na parte superior que gallaba en dous na inferior, nos cales ían acuñados tres paus chamados “traveseiros”, o primeiro situado preto da galla era chamado “de agarrar”, en alusión á súa función, e os dous inferiores chamados “de augas” eran utilizados como soporte para atar a propia rede.
       Cando acontecen as primeiras choivas outonizas, motivando grandes enchentes nos ríos, prodúcese a “baixada” das anguías. Daquela é cando o pescantín situado no caneiro, coa rede entrallada, se prepara para a armar o aparello. Con unha cadea ata o forcado á chanta situada na parte superior das pías, como prevención da súa perda en caso de ser arrastrado pola forza da auga. A continuación “molla a rede” buscando que esta enchoupe e adquira máis peso á hora de metela na auga, para que non encerelle no forcado. Unha vez feito esto introduce o aparello na auga procurando entelar as puntas dos gallos contra a agulla do fondo da boca, deixando que a forza da auga ateste o mango contra o traveseiro colocado horizontalmente na parte superior, co cal xa temos “armado”. A primeira vez convén “erguer” para comprobar a cantidade de materia arrastrada pola auga, o “bullo, que de ser moita pode atoar a rede e non permite a entrada das anguías, logo continúase coa pesca erguendo cada vez que se estime suficiente a cantidade de anguías.
        Para erguer ou desarmar procédese a tirar do mango procurando que perda o apoio no traveseiro de riba e dun dos gallos no de baixo, xirando encol do outro que continúa apoiado no fondo da boca. Logo tírase pola rede chea ata a cima das pías, operación que en ocasións fai precisa a axuda de varias persoas tanto para erguer como para alumear con un farol de carburo ou de gas, e procédese a valeirar o seu contido nun goxo ou caixón para transportala dende alí ata o caseto ou ata a casa e deixala preparada para a venda en feiras e mercados. Esta operación de pesca prolongábase durante boa parte da noite, ou mesmo ata que o río enchía e a auga saltaba por enriba dos guiares, que habitualmente tiñan unha altura inferior á das pías. Decíase daquela que “lavaban” cando a corrente superaba o seu nível, feito que facía impracticable seguir co labor dando por rematado o proceso.

 

“CANEIRO DO BARQUEIRO”. SEIVANE. RÍO MIÑO. PONTELLA DE ACCESO AS PÍAS.

 

        As anguías vendíanse por peso, utilizando como unidade de medida a libra que tiña unha equivalencia de medio kilo. As grandes ían por unidade e as outras presentánbanse atadas con un fío ou amarradas cunhas variñas de salgueiro, que se lles introducían por detrás da queixada saíndolles pola boca. Tamén podían ir “engambitadas” duns “chambricos”ou variñas cortadas polo nó formando un gallito que evitaba que se ceibasen. Os peixes e troitas, pola súa banda, vendíanse por “cambadas”que estaban conformadas por dez unidades. O proceso da pesca da anguía era coma un ritual no que participaban moitos membros das familias. O destino deste recurso era incrementar o patrimonio económico coa venda directa, pagar rendas ou deudas doutro tipo, ou ben eran utilizadas como alimento. Neste derradeiro aspecto o seu consumo podía ser en fresco ou ben procedendo á súa salgadura para consumilas durante o ano. O consumo  inmediato era nos días da pesca e cociñábanse, entre outras maneiras, fritidas ou guisadas con cebola. Para a salga, procedíase en primeiro lugar á seca das mesmas, unha vez abertas e limpas, e posteriormente metíanse en sal durante un tempo, ao xeito da carne dos porcos, proceso que permitía a súa conservación durante meses.    
       Como apuntabamos ao comenzo, o mundo dos caneiros e da pesca da anguía, esbozado neste escrito, fica na memoria das xentes das ribeiras tal como unha lembranza nostálxica. A construcción dos grandes encoros cortou radicalmente o desenvolvemento do ciclo vital das anguías impedindo a subida polos cauces dos ríos. Asimesmo significou o asulagamento das mellores áreas productivas de ribeira do noso país provocando un desprazamento masivo dos seus habitantes que ficaron irremisibelmente condenados á emigración. Con esta actuación certificouse, por unha banda, a liquidación dun importante proceso xerador de riqueza complementar para as economías labregas, e por outra banda, e como consecuecia lóxica do anterior, o esborrallamento e desaparición do importante patrimonio material e inmaterial relacionado con este mundo. Daquela a día de hoxe, na comarca do alto Miño, unicamente quedan os restos dos vellos caneiros loitando teimudamente contra a forza das cheas invernais e contra do propio tempo, agardando ese evento azaroso que propicie a súa conservación e con ela a dos recordos das escasas xentes que ainda se conservan.

 

BIBLIOGRAFÍA.

DE ABEL VILELA, Adolfo. “As pesqueiras no alto Miño e afluentes no S. XVIII”, en  Boletín do Museo Provincial de Lugo nº VIII, 1997-1998,  páxs 159-177.
FLORES RIVAS, Hixinio e VIVEIRO VEIGA, Orlando. “Caneiros do río Ladra”, en “Terra Chá”, Revista da asociación cultural “Brigadas en defensa do patrimonio chairego”, nº 5. Terra Chá,  2000, páxinas 3-9).

HORTAS VILANOVA, Manuel. “Elexía polos caneiros”, en “Andando a terra, 1977-1987”. Ed. A Nosa Terra, Vigo,1977, páxinas 11-12.

LADRA LOIS, S. “Artes tradicionais da pesca fluvial”, en “ Ardentía”. Revista  FGCMF
(Revista da Federación galega pola cultura marítima e fluvial), nº 5,
Cambados (Pontevedra), 2009,  páxinas 62-67.  . 

LADRA, Lois. A pesca tradicional nos ríos de Galiza. Santiago de Compostela: Ed. Sotelo Blanco, 2008.

MARIÑO VEIRAS, Dolores. Libro. Señorío de Santa María de Meira. S. XII-XVI. A Coruña:  Ed. Nós., 1983.
SABATÉ, Onofre. “O novenario. A anguía comunitaria do lago de Carrucedo. O Bierzo”, en “Ardentía”. Revista da FGCMF (Revista da Federación galega pola cultura marítima e fluvial), nº 3. Cambados (Pontevedra), 2006, páxinas  74-75.
VIVEIRO VEIGA, Orlando. “Entre os penedos do Narla”, en “Ardentía”. Revista FGCMF (Revista da Federación galega pola cultura marítima e fluvial), nº 4, Cambados (Pontevedra), 2007, páxinas 51-52.
VIVEIRO VEIGA,Orlando. “De redes, caneiros, e outras historias, en “Ardentía”. Revista FGCMF, nº 5, Cambados (Pontevedra), 2009, páxinas 68-70.
PÁXINAS  “WEB”.
www.barcas.org. En  Asociación cultural “Barcas do Minho”.
www.culturamaritima.org. Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial.

 

ILUSTRACCIÓNS.

 

 

 

FOTO 1: ORLANDO VIVEIRO VEIGA. CANEIRO DO SANTO ESTEVO. SAN ESTEBAN DE URIZ (BEGONTE) (LUGO). RÍO LADRA. EN PRIMEIRO PLANO, CHANTAS DE AMARRAR O APARELLO AO PÉ DAS BOCAS, E GUIAR.
 

FOTO 2. ORLANDO VIVEIRO VEIGA.” FORCADO”. SANTIAGO DE GAIOSO. RÍO LADRA (OUTEIRO DE REI) (LUGO)  TRAVESEIROS  E RESTOS DA REDE.
 

FOTO 3. ORLANDO VIVEIRO VEIGA. “CANEIRO DE SANXILLAO”. SEIVANE. RÍO MIÑO. GUIAR CON UNHA ENORME “GOLFA” OU DESFEITA PRODUCIDA POLA FORZA DA AUGA. NO FONDO CASETO ENRIBA DAS PÍAS.

 

FOTO 4. ORLANDO VIVEIRO VEIGA. “CANEIRO DE SEIXAS”. SAN MARTIÑO DE OMBREIRO.
RÍO NARLA (LUGO). CASETO E BOCA.

 

 

FOTO 5. ORLANDO VIVEIRO VEIGA. “CANEIRO DE NEIRA”. SEIVANE. RÍO MIÑO (OUTEIRO DE REI). RESTOS DE GUIARES E CASETO DESFEITO.

 

FOTO 6. ORLANDO VIVEIRO VEIGA. “CANEIRO DO BARQUEIRO”. SEIVANE. RÍO MIÑO. PONTELLA DE ACCESO ÁS PÍAS.

 

 

Ir arriba