II.2010. ACHEGAS HISTÓRICAS AO ENTROIDO DO “VAL DO FRANCO” (CASTRO DE REI) NO SÉCULO XXI.

ACHEGAS HISTÓRICAS AO ANTROIDO DO VAL DE FRANCOS (CASTRO DE REI) NO SÉCULO XXI

AUTORES: JOSÉ MANUEL BLANCO PRADO.

CARME PERNAS BERMÚDEZ.

Revista de Investigación, “ETNOGRAFÍA”, Nº 2, 2010, I.S.S.N. 1989-8541.
“O carnaval é a segunda vida do pobo, baseada no principio da risa”. Mijail Bajtin.

1. INTRODUCIÓN E CONTEXTUALIZACIÓN SOBRE A FESTA DO ANTROIDO

FOTO BERNARDINO BARREIRO. “A CORRIDA DO GALO EN ANSEMAR”.

Se falamos dun tempo de festa ao que moitos esperamos con grandes ansias e ao que de mil maneiras nos podemos referir, creo que todos nos damos conta de cal se trata. Non é nin máis nin menos que o chamado Antroido, Carnaval, Entrado, Introito, Entrudio, Carnestolendas, Carnal… que todos coñecemos, que ven de vello e hoxe mantense reinventado, como a maioría das festas.
Da igual empregar uns termos ou outros, iso vai depender da época ou do lugar no que se faga 1 , pois o importante é o que nos queren transmitir: por un lado, tempo de excesos e dos praceres da “carne” e, polo outro, tempo de “entrada” á Coresma, é dicir, de disfrute daquelo que está prohibido durante eses corenta días de abstinencia e penitencia cristiá. Trátase dun tempo de diversión, no que “sempre se comía a carne que non había todo o ano”2.
A orixe desta festa remóntase nos tempos. Son diversas as teses sobre a súa orixe, pois os investigadores non se poñen dacordo neste punto. Por un lado, están as teorías prehistoricistas ou evolucionistas de finais do século XIX, que interpretan o Carnaval como unha versión moderna dos ritos ancestrais de pobos prehistóricos relacionados coa fertilidade das terras, das mulleres e do gando na primavera. Entre os seus seguidores destacan Frazer e Mannhardt, e no ámbito galego Bouza Brey. Por outro lado, están as teorías medievalistas que xorden nos anos 40 do século XX, partidarias de encadrar o Carnaval na tradición cristiá e de entendelo sempre en relación á Coresma. A maioría dos estudosos defenden esta tese, destacando Bajtin, Van Gennep, Heers, Burke… e no noso ámbito, Caro Baroja, Vicente Risco, González Reboredo, Mariño Ferro e Fidalgo Santamariña, entre outros.
Outras teorías son as que defenden puntos de encontro entre ambas teses: recoñecer a orixe pagá dalgúns ritos do Carnaval sen negar a súa consolidación como festa no ámbito da Idade Media. Neste contrapunto sitúanse cada vez máis estudiosos na actualidade, como Federico Cocho, que afirma:

“…podemos dicir que a festa do Carnaval propiamente dito, co sentido burlesco e parodístico que ten hoxe, é propia do estilo de celebracións lúdicas da Idade Media, etapa histórica na que se configura como contrapeso festivo aos rigores que introduce a Coresma cristiá. Risa, burla, parodia, igualación social, alcohol, enchentas e toda sorte de bromas e excesos nutren os Carnavais. Pero non se pode negar que determinados ritos pagáns, propios do comezo da primavera e encamiñados a estimular a fecundidade, están incluídos nos Carnavais rurais máis antigos xunto a outros moitos costumes de intencionalidade distinta. No Carnaval pódense atopar restos destes ritos, pero o Carnaval non é un simple rito de fecundidade agraria e animal.
Non obstante, tampouco se pode negar que en certas mascaradas, como é o caso dalgunhas da Galicia tradicional, estes restos pagáns caracterizaron ou caracterizan, conferíndolles singularidade, a propia mascarada, por máis que a evolución das mentalidades e o cambio do contexto político, sociolóxico e relixioso os desposuíra do seu sentido orixinario”3.
Hai quen remonta o Antroido ás antigas celebracións das Dionisias gregas ou das Saturnais e Lupercais romanas nas que se celebraban danzas e representacións dramáticas con máscaras, no caso das primeiras, e unha serie de xogos e intercambio de papeis entre servos e amos, no caso das segundas. Outros póñeno en relación coas Festas dos Tolos medievais, celebradas no marco da Igrexa e na que o clero baixo e os nenos do coro remedaban á xerarquía eclesiástica dando as misas, facendo burla e provocando a risa.
En definitiva, parece que non está moi clara a orixe desta festa, que se perde na memoria da historia e dos tempos, pero sí está máis clara a súa fala e o seu significado. De feito, todos estamos dacordo en afirmar que o Antroido significa exceso e divertimento, pero tamén rexurdimento. Reparemos na bonita definición que del fan Mini e Mero:

A CHEGADA DO ANTROIDO AO VAL DE FRANCO NO ANO 1998.

“…é un tempo ou ciclo anual que forma parte importante e destacada da nosa personalidade e que está fondamente arraigada na nosa Cultura Tradicional. Realmente é a “entrada” nun novo ciclo solar chamado por unha “nova luz” que rompe os vellos e cansos esquemas do inverno e das grandes noites xa pasadas, e ofrece unha esperanza de vida e un rexurdir vizoso. Rexurdir non só da vexetación que agroma con forza (primavera), senón tamén nas anovadas enerxías que, a través de múltiples símbolos naturais, dan unha máis grande consistencia, relación e orde á comunidade –principalmente á rural”4.

O tempo do Antroido desenvólvese no inverno, nunha época de transición estacional cara a primavera, que sempre se vincula ao renacer de todo elemento vivo: plantas, hortas, árbores, flores… e tamén persoas e animais. Pero isto non só acontece con esta festa, senón con outras moitas que marcan os ritmos estacionais ao longo do ano. Por exemplo: o San Xoán, Santos… Estudiosos como González Reboredo defínenas como “festas universais do ciclo anual”. Universais, porque se celebran en todas partes, e do ciclo anual, porque seguen o ciclo solar e das estacións do ano, celebrándose todos os anos pola mesma época. Fálase de festas de inverno e de festas de verán. De entre as primeiras, Santos, Magosto, Nadal ou Antroido, e de entre as segundas, Semana Santa, Corpus, Maios e San Xoán. Por suposto, no verán non podemos esquecer a infinidade de festas laicas e festas do patrón ou romarías que proliferan entre os meses de xuño e setembro. Máxime nun país coma o noso que conta cunha ampla cultura festiva, ampliada nos últimos anos co impulso de festas de tipo laico: festas históricas, gastronómicas, feiras de artesanía, feiras medievais, etc…, chegándose a producir o que algúns investigadores deron en chamar “fenómeno de proliferación e atomización das festas”5.
O calendario festivo do Antroido soe variar en función de cómo caia a Semana Santa, e sempre se celebra 40 días antes da Pascua. Do mesmo xeito, 40 días despois do Nadal sitúase a Candeloria, o 2 de febreiro, que soe marcar o comezo do Carnaval. Os calendarios locais son moi variables. Antano xa comezaba coas mascaradas de Reises, que aínda se celebran nalgunhas localidades da Europa occidental, e fóronse perdendo no noso país. O mes carnavaleiro é o de febreiro, no que dependendo da zona se celebra case todo o mes ou só os días grandes, entendendo como tales o domingo de Antroido e o martes de Antroido. Normalmente celébrase por esta orde: domingo Fareleiro ou Lambedoiro, xoves de Compadres, domingo Corredoiro, xoves de Comadres, domingo de Antroido e martes de Antroido. A maiores, nalgúns lugares celébrase o luns de Antroido, o mércores de Cinza e o domingo de Piñata. O Antroido galego máis longo é o da vila ourensá de Xinzo de Limia, e o lucense máis longo é o Ribeirao de Chantada. Na Terra Chá celébranse os días grandes: o domingo e o martes de Antroido, que segundo a zona poden recibir unha ou outra denominación. Por exemplo: domingo Grande, domingo Gordo, domingo Lardeiro…
Como toda festa, é innegable afirmar que no tempo do Antroido ábrense mecanismos de unión e solidariedade entre as xentes que nel participan, ben como actores ou ben como espectadores. Créase un universo de colaboración entre todos, afirmándose como colectividade e como pobo. Únense os vínculos e os lazos entre os veciños e tamén entre os familiares, e reafírmanse fronte a outros. Isto evidénciase en calquera festa emanada do pobo, que sempre quere organizala mellor ca do veciño, pero no tempo de festa esas rivalidades sempre patentes sobre o “fondo” do cadro, disípanse, minguan. É interesante a reflexión que fai o antropólogo Marcial Gondar cando di:

FOTO: BERNARDINO BARREIRO. MÁSCARAS E XINETES NO ANTROIDO DE ANSEMAR

NAS DÉCADAS DOS CINCUENTA E SESENTA DO SÉCULO VINTE.

“(…) O mesmo que vimos que pasaba no campo da festa cando se vai de romaría, o tempo do carnaval é tamén un destes espacios para o fomento da solidariedade e o esquecemento das diferencias que, sobre todo, as sociedades montadas ao vello estilo necesitan para que a afirmación dos intereses egocéntricos dos seus membros non terminen por facer desaparecer o cemento social indispensábel en toda convivencia 6“.

Esta é a función societaria que cumpren todas as festas, pero o Antroido como festa garda moitas outras connotacións que de seguido imos analizar, pois pódese definir como un “festa total”, onde entran en xogo moitas cuestións. Reparemos nelas. As máis salientables son as que enumeramos a continuación, que non estudiaremos a fondo pois non é esta a pretensión deste artigo centrado no Antroido de Val de Francos.
Os aspectos máis destacables desta festa, aparte dos xa citados, son dunha forma moi esquemática, os seguintes:
1. O Antroido como momento festivo celebrado nunha época de transición estacional cara a primavera.
2. O Antroido como tempo de exceso, no comer e no beber, e como tempo de folganza, no que non se traballa, e sobre todo os homes na sociedade tradicional. As miras están todas postas na procura de roupa para “ir de máscara”, na ansia por meterse cos veciños, roubando carne ou viño ou facendo trasnadas tales como cambiar o gando de sitio, cambiar os aparellos de labranza de casa, trancar camiños, esconder apeiros de labranza (grades, arados…), subilos enriba dos lousados, etc… Estas prácticas eran moi comúns antano na comarca chairega. Hoxe perdéronse case na súa totalidade, exceptuando parroquias puntuais nas que hai xente moza e non tan moza con gañas de facer estas falcatruadas.
3. O Antroido como rito, onde a máscara e o disfraz acadan forte protagonismo. O ritual do enmascaramento colle forza e calquera roupa vella vale para ocultarse tras dela e facer rir aos demais. “Ir de máscara” convértese nun rito imprescindible que fai sentir ben ao que a leva. “As máscaras preséntanse como obxectos culturais por excelencia, por onde o home se fai sentir e falar”7 . Neste apartado teríamos moito que falar sobre o cambio producido neste ritual, pois antes calquera cousa valía para disfrazarse, hoxe xa non é tanto así e mércanse máscaras e roupas nas tendas especializadas. Neste senso, o enmascaramento chegou a ser unha forma de distinción da clase social a principios do século XX e ata moi entrada a década dos oitenta, xa que “o señorito e a señorita disfrazábanse, vestíanse “de algo”, mentres que o que non tiña cartos ía de “choqueiro”, de “vello”, de roupa vella e tosca careta, sen representar nada específico” 8. Hoxe estas diferenciacións foron minguando, pero as formas e as roupas do vello Antroido están practicamente desaparecidas, se non é pola labor exercida por xentes entusiastas que traballan arreo na recuperación desta festa tan entrañable.
4. O Antroido como festa do mal e do demo, que responde ao “modelo binario” do universo, do home e da vida 9, no que todo xira arredor do ben ou do mal, de Deus ou do Demo, da vida e da morte, do día e da noite, do verán e do inverno, da mente e do corpo, da cultura e da natureza…
Ese mal é representado a través dun boneco, mal vestido, farrapento, feo, vello e gordo, no que destaca o órgano sexual. A ese demo pónselle fin coa queima do boneco, que simboliza a queima do Antroido. Isto acontece no Val de Francos, e nelo repararemos máis abaixo. Pero aparte da queima, na comarca chairega e tamén noutras partes de Galicia, había a costume de colocar o boneco diante das portas das casas como forma de burla entre os veciños, e como ninguén o quería rulaba entre as distintas casas 10 .
5. O Antroido como reino da risa, provocada pola burla, a sátira, a retranca, a crítica… de certos elementos do poder aos que se ridiculiza, e provocada pola inversión de papeis e “o mundo ao revés” que se establece. A xente disfrázase de crego, de garda civil, de político, de médico, de señorito ou señorita, de vello ou vella, de vagabundo, de home ou muller…, en fin, de todo o que se lles ocorrera, e sempre con roupas vellas da casa ou de prestado.
6. O Antroido como dominio da dimensión pública fronte á privada. As casas abren as súas portas a tódolos veciños, e todos colaboran na festa, de forma directa ou indirecta, uns participando activamente e os outros observando e ríndose das falcatruadas das máscaras, ou mesmo convidándoas a carne, filloas, orellas, torradas e doces típicos destas datas ou prestándolles roupas.
7. O Antroido como símbolo de vida e fertilidade fronte á morte, e como tempo de rexurdimento e de renacemento da primavera. Nel provócase o ruído mediante chocas e campaíñas que simbolizan a vida, e nel enzóufase á xente con fariña, cinza, formigas, auga sucia… que provoca -segundo parece- fertilidade e boa sorte.

A CHARANGA MUSICAL “OS VALUROS” E ” O ANTROIDO-2008″

8. O Antroido como tempo de diversión, de relaxación e do xogo entre os sexos. Neste tempo reláxanse as costumes do resto do ano, e excédese na comida e na bebida. O elemento sexual aparece con recorrencia en xogos e prácticas coma o xogo das olas, o xogo do pucheiro, o xogo do nabo, a costume de que as máscaras lles levanten as saias ás mulleres e se metan con elas a cotío, etc… O xogo que tiña lugar os Xoves de Compadres e Comadres tamén da boa mostra delo. Do mesmo xeito, as Corridas do Galo tamén gardan connotacións sexuais, pois o galo é o animal simbólico da luxuria e do apetito sexual por excelencia. Nas Corridas o galo era colgado ou enterrado para ser decapitado. Era un xogo infantil ou de adultos que deixou de facerse e que pervive hoxe en zonas ailladas de Galicia. Para a zona que nos interesa, o Val de Francos, temos constancia de que hai moitos anos se celebraban e consérvanse fotografías que o mostran, autoría de D. Bernardino Barreiro.
9. O Antroido como escenario da burla e da crítica social e política. Bo exemplo desto son as escenificacións, os testamentos de animais, os sermóns do Antroido… a través dos que se comentaban e ridiculizaban as accións e peripecias dos veciños, dos políticos locais ou non tan locais, dos cregos, de determinados oficios (labregos, carpinteiros, muiñeiros, médicos…), e incluso se daban consellos e recomendacións. Normalmente eran improvisados ou escritos por “poetas” locais e xentes con grande agudeza e inventiva, aos que non se lles escapaba nada. Proba delo son as seguintes estrofas do Sermón de Fao na zona de Touro recollido por Mini e Mero:

“(…) A malicia, meus filliños,
évos filla de mal pai
donde hai moita malicia
nunca a cousa ben vos vai.
Facédeo sin malicia
e facédeo leghal,
pra que outro ano non poidamos
poñervos no Carnaval” 11.
Máis abaixo, analizaremos polo miúdo o significado dos sermóns, pois acadan especial importancia no Antroido de Val de Francos, como veremos.
10. O Antroido como inversión da normalidade da vida cotiá, como escenario daquelo que non se pode facer o resto do ano, en antítese coa ríxida Coresma, ese 40 días de penitencia e abstinencia da carne seguindo a tradición cristiá. Evidentemente, as prácticas de abstinencia fóronse perdendo co tempo e hoxe esa diferenciación entre “Don Carnal” e “Dona Coresma” non é a que era, debido ao proceso de laicización da sociedade nos últimos anos.
11. O Antroido como lección pedagóxica, en relación co punto anterior. Neste punto teñen incidido antropólogos como Antón Fidalgo ou Marcial Gondar. Para eles, o tempo do Carnaval é tempo de excesos que subliminalmente educan ao pobo, facéndolle ver e comprender que unha vida como a do Antroido non se pode levar a cabo o resto do ano se queremos evolucionar como seres humanos civilizados. Neste senso, Fidalgo define o Carnaval como unha “festa eminentemente católica orientada a combater o desenfreo e a desorde mediante o convencemento de que unha maneira de vivir centrada no exceso, a desorde, a gula e a luxuria, resultaría inviable e absurda. (…) todos estes diferentes actos e situacións do popular Carnaval non fan outra cousa que educar a poboación xeral, é dicir, socializar os cidadáns para a convivencia no tempo ordinario do ciclo anual e un bo procedemento é este de apercibilos, nestes días de festa, de que a orde ten orixe na desorde, o goberno no desgoberno e ensinarlles que un mundo así, posto patas arriba non é bo” 12.
Despois de todas as dimensións que vemos ten o Antroido como festa tan singular, non é de estrañar que os poderes eclesiásticos, civís e militares teñan prohibido en momentos “negros” da nosa historia esta manifestación tan propia do pobo.
O Antroido foi fortemente censurado e prohibido dende a guerra civil do 36 e durante a dictadura franquista ata chegados os anos sesenta, anos de maior tolerancia nos que se vai recuperando paseniñamente nas zonas onde tiña máis longa tradición. Este é un apartado da historia do Antroido moi interesante, que revela o poder do pobo fronte ao poder político e eclesiástico, que non conseguiu acabar con esta festa. O pobo seguía a celebrala aínda que sabía que corría grave risco de ser multado ou requisado, pois era unha forma de diversión moi arraigada. A represión chegou incluso ás casas cando os pais prohibían disfrazarse aos seus fillos, influídos polos duros sermóns dos cregos contrarios ao Carnaval e pola presión exercida polos Gobernadores Civís, os Alcaldes e as forzas garantes da orde: a Garda Civil, pois consideraban o Carnaval unha festa escandalosa na que se alteraba a orde pública, non só a través das mascaradas e escenificacións senón tamén a través dos sermóns e dos escritos. Estas pezas eran menosprezadas polos poderes civís e eclesiásticos e foron tamén censuradas e requisadas.
O sociólogo Bernardo García Cendán fai unha interesante reflexión neste senso:

FOTO. BERNARDINO BARREIRO. A CORRIDA DO GALO EN ANSEMAR (CASTRO DE REI) NAS DÉCADAS DOS CINCUENTA E SESENTA DO SÉCULO XX.

“(…) Nunca puiden entender, cando era neno, por que tiñan prohibida aquela festa que a min me gustaba tanto. Buscaba calquera farrapo para disfrazarme, agora é todo moito máis sofisticado e comercializado, o que é unha mágoa, porque ate a xente máis rica aproveita para diferenciarse mercando as cousas máis caras e segue sen saber rir debaixo da máscara. Eu corría tras dos mozos que, desafiando as leis, facían con moito detalle o enterro da sardiña na miña vila de Vilalba. Inda me recordo do que nos divertía adiviñar mesmo o intre en que ían aparecer os gardas para desface-la procesión. Procesión na que participaban os mesmos que despois tamén acudían, piadosamente á seriedade dos “caladiños” na Semana Santa” 13.

Hai constancia na historia de numerosos Bandos de Alcaldías, Ordes, Ordenanzas e Decretos restrictivos dictados polas autoridades políticas conservadoras e eclesiásticas coa desculpa de manter a orde pública. Non teñen desperdicio algunhas como as que a continuación mencionamos, das que ten investigado o xa citado Federico Cocho no seu maxistral libro “O Carnaval en Galicia”.
Así dicía unha circular enviada polo arcebispo de Santiago a tódolos párrocos de Galicia aló polo ano 1933: *** (a circular do arcebispo supoño que sería só para a diocese de Santiago, non para toda Galicia, porque cada bispo ou arcebispo non ten jurisdicción nas outras. Xa no texto se di: “su diócesis”)

“El señor arzobispo excita el celo del clero de su diócesis para que durante los días de carnaval haya en todos los templos dependientes de su jurisdicción actos de desagravio y, sobre todo, primeras comuniones”.

Nos anos da guerra, emitiuse unha Circular en Valladolid que se distribuíu por todos os Gobernos Civís e extendeu a prohibición do Antroido en todo o Estado español poñendo como excusa os tempos de guerra en que se vivía. Rematada a guerra, séguense emitindo Circulares nesta dirección. Así o podemos comprobar na que emite o gobernador civil da Coruña en xaneiro de 1940:

“El Excmo. Sr. Ministro de la Gobernación, por orden del 12 del actual ha resuelto mantener la prohibición absoluta de la celebración de las fiestas de Carnaval. Y para su debido cumplimiento de cuanto anteriormente queda ordenado acuerdo prohibir no sólo los actos en la vía pública sino también todas las fiestas de sociedad o de empresas que acostumbraban a celebrarse en dichos días, entrando en esta prohibición terminantemente toda clase de bailes los días 4, 5 y 6 del mes próximo. Por tanto, encargo a la Guardia Civil, alcaldes y demás agentes dependientes de mi autoridad, vigilen el debido cumplimiento de lo anteriormente transcrito”.

O mesmo facía a Dirección Xeral de Seguridade Franquista en 1951, declarando abertamente a guerra contra o Antroido:

“Próxima la semana de quincuagésima y continuando en vigor la prohibición de toda manifestación callejera de Carnaval, aunque tolerados en privado los bailes de sociedad con trajes de época que no constituyan disfraz, y sin velar el rostro en ningún caso, o momentánea aparición en las calles de personas que con uno de dichos atuendos autorizados en su inevitable desplazamiento de ida y regreso, puedan servir de pretexto para presentarse en público arbitrariamente disfrazados con ropas astrosas unos e incurriendo otros en la poco original y recusable extravagancia de vestir prendas de su sexo contrario, la cara tiznada y dando muestras en chabacanas pandillas de una ruidosa euforia a la que no suele ser ajena la ingesta alcohólica, que les ayuda a vencer el pudor de su ridícula situación, para evitar excesos se recuerda la prohibición existente y se hace público que los agentes de la autoridad procederán a la detención de estos tozudos de mal gusto, que serán severamente sancionados”.

REALIZADOR.ANXO VIZCAÍNO. “OS DO XULGADO”.

Por suposto, tamén temos exemplos máis cercanos como un Bando do Alcalde de Vilalba nos anos 50 do pásado século onde se desautorizaban toda clase de máscaras en lúgares públicos e se toleraban os bailes privados de sociedades e círculos recreativos con traxes de época ou rexionais sen que chegaran a constituir disfraz, sen tapar a cara e, por suposto, coa oportuna autorización 14 .
A esta “Cruzada anti-Carnaval”, como ben ten acuñado Federico Cocho, seguíu unha lenta recuperación dos Antroidos e antroidadas máis enraizadas, en aldeas, pobos e vilas de toda Galicia, moitas veces grazas á labor dos Colexios, asociacións de veciños, colectivos culturais, grupos musicais, Concellos e institucións a partires de finais dos anos setenta e principios dos oitenta, en que a democracia xermola pouco a pouco tras unha longa noite de pedra, de escuridade e de represión.
E con isto chegamos aos días do presente nos que son moitos e moitas as persoas implicadas na recuperación e revitalización do vello Antroido. Pero, por moito que queiramos o Antroido xa non é o que era, porque os tempos mudan, e mudaron moito nas últimas décadas. As persoas notamos este cambio, e sobre todos os maiores, pero tamén o notan as festas, porque se transforman. Cando falamos cos nosos vellos non se cansan de repetir que o Antroido de agora “non vale nada” e non se asemella para nada ao Antroido de antes, no que eles participaAntroido era unha festa que implicaba a participación de moita xente. As nosas aldeas estaban poboadas e as nosas familias eran numerosas, e había moita xente nova. Hoxe as aldeas están cada vez máis baleiras de xente, porque obedecemos a un triste cambio social propiciado por unhas politicas sempre contrarias ao mundo rural, e sempre favorecedoras dun capitalismo e urbanismo feroces, no que os valores son outros e pesa o materialismo por enriba de todo.
O cambio social refléxase tamén nas festas e, neste caso, no Antroido, onde as vellas formas e as antigas mascaradas rurais están perdendo protagonismo en favor dun Antroido máis urbanita, comercial e burgués que se centraliza nas vilas e cidades con desfiles de comparsas e charangas, premios e bailes de disfraces, onde a xente vai lucirse e vai gañar o premio máis que facer burla como antano e facer mascaradas con roupas vellas que había nas casas. Aproveitábase calquera prenda para taparse e ir de máscara, cousa que agora non acontece, pois precisamos mercalo todo. O novo Antroido entra na lóxica do mercado e do capitalismo.
Ademais, convértese nunha festa na que prima máis o espectáculo pensando en fins turísticos que a participación e a implicación nela. Agora somos máis espectadores que participantes, antes era case ao revés. Isto acontece en calquera festa de interese para o patrimonio inmaterial do noso pobo, pensemos nas festas das mallas, das rozas ou das fías, que se converten en recreacións artificiais do que antes era real. Aínda así non se lles pode negar o seu carácter didáctico cara as novas xeracións descoñecedoras dese pasado dos avós.
Como ben afirma Sabela Figueira “o Antroido era un teatro no que todos participaban en calidade de actores. Na actualidade (…), a implicación na festa é, en moitos casos, substituída pola simple contemplación” 15.
Este proceso de modernización faise cada vez máis notorio e é debido a moitos factores, como teñen estudiado numerosos investigadores galegos e de fóra de Galicia: a introdución de novas modas máis refinadas e burguesas a partir de mediados do século XIX, a forte emigración, o envellecemento da poboación rural, o abandono do campo propiciado por políticas desfavorecedoras e que fomentan escasas expectativas para a vida no rural, a importación do modelo americano e a globalización e mercantilización da nosa sociedade, os novos gustos dos emigrantes retornados que desprezan todo o que cheira a enxebre e galego, a chegada de novas formas de diversión e de entretemento (a televisión, internet, a discoteca…), etc… Sobre esto último inciden moito os nosos maiores cando, falando da desaparición do vello Antroido, bótanlle a culpa directamente a estas novas formas de diversión. Agora entendemos a afirmación de Cocho cando dicía que “a socioloxía, e non a represión, acabou co ANTROIDO rural” 16.
Actualmente en Galicia subsisten por manter a pureza contra os ataques da modernidade, Antroidos coma os de Viana do Bolo, Xinzo de Limia, Laza, Verín e Manzaneda en terras de Ourense, os da comarca do Ulla en Pontevedra e Coruña, e os de Chantada e Salcedo en Lugo. Pero a Terra Chá tamén ten o Antroido de Val de Francos en terras de Castro de Rei, que conserva importantes ingredientes da vella festa da que estábamos a falar.
O mantemento destes Antroidos non é casual, e obedece ao desinteresado traballo dinamizador de moita xente en aras de recuperar o vello Antroido. Nesto xogan un papel importante os apoios e axudas económicas por parte de institucións, como Concellos, Deputacións e Xunta de Galicia, que participan nese proceso de recuperación e reinvención do Antroido. Para algúns estudiosos, como Marcial Gondar, o apoio institucional convértese nun perigo para a propia festa porque as cousas subvencionadas polo poder nunca son boas, pois son manipuladas e controladas. Institucionalízanse e organízanse de forma forzada e automática, e con elo pérdese “o encanto” da festa. Gondar refírese a este potencial perigo con estas verbas:

FOTO: BERNARDINO BARREIRO. XINETE PREPARADO PARA “A CORRIDA DO GALO” E AFLUENCIA DE PÚBLICO.

“(…) Estamos nun momento en que os políticos, co engado das subvencións e das axudas, están comezando a manipular o Carnaval como antes o fixo a Igrexa. Aprender das trampas do pasado pode ser un bo camiño para que o potencial creador que se xera nun ANTROIDO reverta no pobo que o crea e non volva a servir para a reproducción ampliada da dominación” 17.

De tódolos xeitos, por sorte ou por desgraza, en moitas ocasións ben deita destas axudas institucionais para “tirar pola corda” e intentar afianzar a festa do Antroido, que como todo ou morre ou se renova. Non queda outra, os tempos mudaron e as festas tamén.
E se miramos para a nosa benquerida comarca da Terra Chá, moito habería que contar sobre as vellas formas de celebrar o Antroido, porque non todo se reduce ao famoso “trío Verín-Laza-Xinzo”: as falcatruadas, as corridas do galo, o enmascaramento e o percorrido polas casas dos veciños, os sermóns, os enterros da sardiña, a queima do Meco ou Antroido, as xuntanzas para comer e beber, para divertirse, e para comunicarse…
Lembranzas e historias agardan por nós en tódolos Concellos que compoñen a Chaira, vilas e parroquias, lugares e aldeas, dende Castro de Rei, Duarría, Castro Ribeiras de Lea, Val de Francos, Guitiriz… a Abadín, Xermade, Vilalba… Noutra ocasión. Agora toca centrarnos na historia dun dos Antroidos chairegos máis singulares: o de Val de Francos.

2. ALGUNHAS REFERENCIAS HISTÓRICAS SOBRE ESTA FESTA PROFANA NO DEVANDITO VAL.

O “Val de Francos” abrange ás comunidades de Ansemar, Balmonte, Goberno e Viladonga. Trátase dun val que – segundo Xosé Manuel Carballo – aínda que non teña un río, que lle dea nome, tenos soterrados o que deu lugar ao xurdimento dun val esplendoroso cheo de árbores, páxaros e de variopintas bolvoretas 18 . Neste fermoso val celebrouse desde hai bastantes anos a tradición festiva do Antroido, na que cómpre distinguir dúas étapas:
A primeira, correspondente á parroquia de Ansemar, tivo lugar desde principios do século vinte ata o ano 1992. Neste amplo tempo o Antroido , símbolo de tódolos males de Ansemar e do seu concello Castro de Rei, era un boneco de palla vestido no seu contorno con roupa vella e algúns adobíos, que o resalzaban. Algúns cooperantes do festexo traíano ao lugar da festa, situada no campo de Carril, nun carro de dúas ou dunha vaca . Ás veces accedía ao devandito lugar en procesión, levado nas andas por catro veciños da parroquia. Logo, un home pronunciaba o “Sermón do Antroido” composto por un número indeterminado de estrofas de catro versos, nas que non só se levaba a cabo unha crítica dos diferentes eventos e situacións acaecidos na comunidade parroquial e no seu ámbito municipal, senón que tamén aparecían reflectidos certos consellos e recomendacións ligados coas tarefas agrícolas e coa vida cotiá. Ao remataren o Sermón, o Meco era queimado no mesmo campo de Carril, mais nun lugar afastado do público asistente, que contemplaba a vistosidade da queima.
Os sermóns do Antroido, tanto nesta primeira etapa como a posterior, foron realizados ás máis das veces por persoas con poucos estudios, ás que a experiencia lles concedera un importante don para usar as palabras axeitadas coa finalidade de analizar diferentes ámbitos vitais. Neste primeiro periodo podemos distinguir a algúns sermoneiros de sona, como Laxe de Loentia, Elías de Concha de Ansemar, Salvador de Aguiar de Samartiño de Goberno, Eleuto e Hipólito de Ansemar, Edelmiro de Samartiño de Goberno, Serafín de Tito de Quintela … 19.

OS FARELEIROS

Este primeiro periodo do Antroido quedou reflectido no libro “Máis de media ducia de escritores e o Antroido” . No devandito libro participaron, cos seus escritos, pensadores chairegos como Xosé Manuel Carballo, Xosé Trapero Pardo, Xosé Chao Rego, Margarita Ledo Andión, Xulio Xiz Ramil, Marica Campo, Darío Xohán Cabana, Bernardo García Cendán e Manuel María. O libro amosa ademais na súa portada unha ilustración de Xosé Vizoso, e outras dúas no seu interior. Tamén mostra doce fotografias de D. Bernardino Barreiro.
Asi mesmo cómpre mencionar que o Antroido tamén se celebrou algún ano en Balmonte e un en Goberno.
A segunda etapa do Antroido xorde a partir do ano 1992 cando as parroquias de Ansemar, Balmonte e Goberno deciden celebrar conxuntamente esta festividade profana no “Campo de Carril” de Ansemar. Os membros da comisión destas comunidades parroquiais foron: Xosé Luís García Cupeiro, de Goberno; Xoán Carlos Rodríguez Folgueira de Balmonte; e Xoán Xosé Pita Iravedra de Ansemar. Nesta nova planificación tamén intervíu o crego Xosé Manuel Carballo cando soubo por boca de Xosé Luís García Cupeiro – representante de Goberno – a posibilidade de realizar conxuntamente o Antroido as tres parroquias susoditas. Entón, Xosé Manuel respondeulle: “ En calquera cousa que poidan facer tres parroquias xuntas vale a pena meterse ata as orellas…Eu, aínda que non fose polo Antroido en sí, senón polo feito de que era un elemento, que podía aglutinar ás tres parroquias, para que fixesen algo conxuntamente, pareceume que valía moito a pena. Entón tratei de colaborar e de axudarlles para que isto fose adiante” 20 .
A comisión organizadora do Antroido foi variando algúns anos agás o representante de Goberno – Xosé Luis García Cupeiro –, que permanece na mesma, xuntamente coa súa familia, debido ao beneplácito da parroquia por ser un home sinxelo e ademais estar provisto dunha importante capacidade para organizar e planificar diferentes eventos sociais.
No ano 2000 esta tradición festiva foi planificada por tres mulleres, pertencentes a cada unha das parroquias organizadoras do evento 21 .
Esta nova etapa do Antroido está reflectida nunha serie de estrofas populares ou relacionadas con sermóns da época.

“ Xa que tres pobos se uniron,
con unha grande ilusión,
nunha tarde de harmonía
fan esta celebración” 22 .

“ Balmonte, Goberno e Ansemar,
xuntas o Antroido van festexar
¡ é tan fermosa esta unión
que mesmo agranda o corazón”23 .

O novo Antroido foi desde un principio un gran evento, que contou coa asistencia de centos de persoas procedentes non só das parroquias organizadoras, senón tamén doutros lugares da Chaira e mesmo de Lugo capital 24 . O festexo celébrase o sábado e o martes, día do Santo Antroido, e caracterízase polas actuacións de orquestas, xogos de maxia, interpretacións humorísticas e concursos de disfraces tanto a nivel individual como colectivo.
Con respecto ao día principal, o martes de Antroido, segue celebrándose o Sermón, acto que desde sempre resultou vistoso a persoas de tódalas idades. Este ségueno elaborando veciños da comarca, que xa o fixeran na anterior etapa, como Salvador Aguiar e Edelmiro García de Goberno, Laxe de Loentia etc. Estes xa se distinguiran polo inxenio mostrado na realización das diferentes rimas, que presentaban os sermóns da primeira etapa do Antroido.
Ao remataren o sermón, introduciuse un novo acto consistente en realizarlle ao Antroido un xuizo, que desde os seus inicios é planificado polo crego Xosé Manuel Carballo. Nesta acción interveñen catro personaxes: un alguacil, un avogado defensor, un fiscal e un xuiz. Agás o avogado defensor, os demais desexan que o Antroido sexa condenado ao lume, logo de que o fiscal faga alusión aos numerosos males acaecidos en tódolos ámbitos sociais por culpa deste persoeiro ficticio mais ao mesmo tempo real. Nos últimos anos só se levou a cabo unha sentencia condenatoria do Antroido, que foi lida polo secretario do xulgado, logo de oír no Sermón as numerosas falcatruadas executadas polo Antroido.
Finalmente celébrase a queima do Antroido preto do espazo, onde teñen lugar os diferentes actos da festa. A queima resulta máis espectacular que na primeira etapa xa que o boneco, que simboliza ao Antroido, vai provisto no seu interior de máis pólvora, petardos e fogos de artificio.
Polo tanto, neste novo Antroido percibimos non só como a tradición, sustentanda polos máis vellos, é algo que continua e segue a súa dinámica, senón que ademais hai un proceso de reinvención desta mesma tradición desde a perspectiva destas tres parroquias recuperadoras do evento25 .
Paralelamente a esta festividade de “Val de Francos”, os cativos e cativas dos cursos superiores do C.E.I.P. “Ramón Falcón” de Castro de Rei levan a cabo tamén o seu propio Antroido. Por tal motivo, axudados polo seu profesor de Relixión Xosé Manuel Carballo 26 e outros mestres preocupados pola conservación das tradiciós , elaboran un corto xuizo composto de varias estrofas, nas que se reflicten diferentes actos funestos cuxa autoría recae no Antroido, que é condenado ao lume no patio do colexio.

3. CERTAS CONSIDERACIÓNS SOBRE OS SERMÓNS E XUIZOS.

Ao desglosar un sermón, apreciamos inicialmente a existencia dun conxunto de rimas elaboradas con moito inxenio por parte dalgúns veciños da Chaira, que non posuían importantes estudios, mais adquiriran unha relevante experiencia vital no transcurso dos anos grazas a súa adicación constante por oír, saber e actuar. Estes ademais dispoñían dun importante don de interacción social tanto no interior como fora da súa comunidade, debido ao seu afán por transmitir coñecementos do seu entorno e ser receptores doutros novos procedentes de áreas máis extensivas.
Isto ía influir dun xeito importante en que as estrofas realizadas por estes persoeiros para o Sermón do Antroido, sexan na súa maior parte unha profunda crítica de diferentes eventos da vida social da parroquia, do concello, e doutras comunidades de máis extensión como o Estado e as sociedades de índole internacional. E así, nas rimas dos diferentes sermóns adoitan realizar cun sentido crítico un repaso ao modo de actuar do clero; á actitude que amosan os mozos, e aos adultos de diferente xénero; ao comportamento dos políticos; ao xeito de levar a cabo diferentes oficios, etc. Ademais hai estrofas nas que se dan consellos axeitados sobre o modo de actuar e canalizar diferentes aspectos vitais.

OS SERMONEIROS. ANO 2008.

3.1. DISTINTOS ELEMENTOS DE CRÍTICA.

3.1.1. A CERTAS ACTITUDES XUVENÍS.

“ Os rapaciños de agora
sonvos moi mala calaña.
Se os manda o pai ós toxos,
á leña ou á cavada,
pensando nas rapaciñas,
leve o demo se fan nada…”
“ E logo pasa o día
e chega o pai co carro,
maldito toxo apañou
¿que faría o condenado? ”.
“ Aí tedes os chavales,
que non os vexo moi ben.
Marchan o venres da casa
hastra a semana que vén” 28 .

3.1.2. CRÍTICA AOS POLÍTICOS MUNICIPAIS .

“ Temos o Axuntamento,
gobernado por letrados.
De tan listismos que eles son
estamos todos admirados.”
“ Agora cos contos deles
hai uns cuantos contentos.
Van darnos a luz e a auga,
e máis o aparcelamento”
“ Iso é o que eles dicen.
Andan con esas maniobras.
Aínda hemos morrer ben deles
sin acordar tales obras” 29 .

“ Tedes un Axuntamento,
composto de homes formales,
que se esquencen das promesas
ó saliren concellales” 30 .
“ Dicen que nos tran a auga
aló do Muiño Albeiro.
O que nos trán é a merda
do Colexio de Mosteiro”.
“ Temos un axuntamento,
que non nos sale barato,
pero para contar mentiras
pode ir a un campeonato” 31 .
“ (…) Pois, polo visto, ós do Concello
tampouco os podemos chufar.
¡Que sallan ás carreteras
e empecen a bachear! 32 .

3.1.3. CRÍTICA AOS POLÍTICOS PROVINCIAIS.

“ Temos na Diputación
unha xente moi honrada.
Carretan para casa o que poden.
Prós outros non queda nada” 33 .
“ Anque señan os da Xunta,
andan en revolución.
Queren botar a Cacharro
da súa Diputación.”
“ Xa é tarde para botalo,
dígocho de corazón.
Co que chupou ese home,
mantiña media nación” 34 .

3.1.4. CRÍTICA AOS CREGOS DAS PARROQUIAS.

“ Aló pola zona nosa
hai curas moi preparados.
Todo recollen pra eles.
Son coma os vermes dos prados.”
“ Vostedes teñen uns curas
e máis un señor alcalde
que para facer estas festas
nadie sabe o que nos valen”.
“ Que non se corra este conto,
teñano moito en secreto,
a ver se para esta xente
de meter tanto pró peto” 35 .

3.1.5. CRISE FAMILIAR.

“ Hoxe fanse matrimoños,
e fanse de calquer maneira.
Ata os casa o alcalde
tras de calquera silveira”.
“ E o cabo de poucos días
xa está todo alborotado
e, cando nos damos conta,
cada un vai pró seu lado” 36 .

3.1.6. CRÍTICA A ALGÚNS HOMES CASADOS.

“ Algún sale pola mañá,
e vén cando lle dá a gana,
e desde que fixo a súa,
vén con muita filigrana”.
“ E outros aínda é peor,
gastan ben máis que gañaron
e logo, ó chegar a casa,
fan o que lles enseñaron”37 .

3.1.7. CRÍTICA A ALGUNHAS MULLERES CASADAS.

“ Contaronme estoutro día
dunhas que na súa casa,
collérano de rutina
e tiñan guerra sin tasa”.
“ Os maridos polo visto
para elas non contaban.
Estaban millor por afóra,
¡ ai! Alí si que limpaban” 38.

3.1.8. CRÍTICA CONTRA ALGÚNS OFICIOS.

A. CRÍTICA SOBRE OS LABREGOS.

“ Para cobraren máis de leite
tamén lles hai moitos quites.
O caso é encher o tanque
anque esteñan coa mamites”.
“ E tratándose de higiene,
eso parece unha broma,
mándase merda a montós
e que o coma quen o coma” 39 .

B. CRÍTICA LIGADA AOS MADEREIROS.

“ Aí tedes ós maderistas,
que tamén é xente boa,
pero acaban con nosoutros
se non veñen os de fora” 40 .

C. CRÍTICA DIRIXIDA AOS ALBANEIS.

“ Anque seña os albañiles,
ándanche moi elegantes,
non botan a man a nada
senón que seña con guantes.”
“ Hai algún na nosa zona,
que me parece moi pillo,
e non pón nas oito horas
medio cento de ladrillo” 41 .

D. CRÍTICA SOBRE OS ZOQUEIROS.

“ Aí me tedes ós zoqueiros
¡ que familia moi honrada!
todas as zocas son boas
con tal que vaian ferradas.”
“ Estaladas pola boca,
outras rotas polo fondo;
pero para cobrar xornal,
nunca dicen: é abondo”.
“ É mellor non os chamar,
dígollelo ben de veras
e empezar a gastar zocos
como fan en Pontevedra”42 .

E. CRÍTICA RELACIONADA COS CARPINTEIROS.

“ Ós carpinteiros tamén
favoréceos moito a moda,
que se os espigos salen rotos,
todo se pega con cola”43 .

F. CRÍTICA LIGADA AOS FERREIROS.

“ Os ferreiros, meus amigos,
é raza de maldición,
queren vender por aceiro
material de fundición”44 .

G. CRÍTICA DIRIXIDA ÁS TECEDORAS.

“ Aí me tés ás tecedoras,
non che tecen vara a peso
e botan pouquiña lá
para quedarse cun novelo” 45 .

H. CRÍTICA SOBRE OS ZAPATEIROS.

“ Quedábanme os zapateiros,
¡ que familia de gran fama!
Non lle poñen pez ó fío,
pra que se pudra a puntada” 46 .

3.1.9. CRÍTICA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO.

OS PREDICADORES DO ANTROIDO. FINAIS DO SÉCULO XX.

“ Hoxe os homes, meus amigos,
están medio barrenaos.
Cando menos o esperas,
matan ás mulleres a paus” 47 .

3.2. DIFERENTES CONSELLOS E RECOMENDACIÓNS.

3.2.1. CONSELLOS DADOS AOS LABREGOS.

“ (…) Labradores, labradores,
moito vos teño avisado.
Se habedes vivir ó día,
tedes que modernizarvos.”
“ Non esteñais engañados,
nin teñais tanto egoísmo,
se queredes vivir ben
ide polo cooperativismo (…)” 48 .

“ Homes destas parroquias,
agora teñen boa ocasión
de acordaren entre todos
facer ben a concentración.”
“ A concentración impónse
prás parcelas ben labrar.
Sin ela non haberá futuro
prós que queiran traballar” 49 .

3.2.2. CONSELLOS REFERENTES A DIVERSOS OFICIOS.

“ Xóvenes, especializaivos
aproveitade a ocasión,
que logo non haberá traballo
pra quen non teña profesión”.
“ Calefactores e mecánicos,
albañiles e carpinteiros,
electricistas e pintores,
sempre serán os primeiros”50 .

3.2.3. RECOÑECEMENTO DUNHA TAREFA AGRÍCOLA.

“ Da concentración parcelaria
na parroquia de Ansemar,
como está todo tan perfecto
nada teño que falar”.
“En Balmonte e en Goberno
quedou a xente encantada.
Queríanlles regalar ós palistas
pero ningún colleu nada” 51 .

3.2.4. RECOMENDACIÓNS POLÍTICAS.

“ Vouvos dicir unha cousa
que non debedes olvidar.
A ver se pró día doce, vades todos votar 52.

3.2.5. RECOMENDACIÓNS DEMOGRÁFICAS CUN SUBSTRATO NACIONALISTA.

“ Pois tal e como vai a cousa
para conservar a población,
ou se trae xente de fóra
ou se acaba esta nación(…)” 53 .

Os sermóns nestas comunidades parroquiais constituían un importante evento social, no que non só había burla, ironía, sátira, crítica social e política dunha serie de acontecementos durante o ano anterior e o que estaba en curso, senón que tamén eran un instrumento moi válido para aportar unha serie de consellos de diferente índole ás respectivas comunidades, así como recoñecer os labores positivos levados a cabo nas mesmas. O sermón – segundo Federico Cocho- “tiña un sentido e unha forza particulares no marco dunha vida parroquial rixidamente marcada pola tradición e cun profundo sentido de unidade colectiva entre os propios veciños”54 .
Ao remataren o Sermón, levábase a cabo o xuizo, peza literaria popular, na que debemos distinguir dúas modalidades:
1ª. Denantes da celebración do Antroido no “Val de Francos”, o Colexio “Ramón Falcón” de Castro de Rei, realiza o seu propio xuizo ao Meco – coordinado polo seu profesor de Relixión, Xosé Manuel Carballo-, e logo levan a cabo no patio do Colexio a queima do Meco.
Inicialmente no xuizo participaban os seguintes personaxes:

OS DO XULGADO. 2008.

A. Un pregoeiro, encargado de anunciar a festividade do Antroido.
B. Un alguacil, que fai alusión a que o Antroido vai a ser xulgado con respecto ás trasnadas que varios relatores irán comentando.
C. Un xuiz, cuxa función é dar comezo ao xuizo.
D. Varios relatores 55 ,que fan referencia ás múltiples antroidadas do Meco (Antroido).
E. Segunda intervención do xuiz para saber a opinión dos asistentes ao evento, que sempre é condenatoria.
F. Nova intervención do xuiz para que se leve a cabo a súa execución.
G. Finalmente, o alguacil, encargado de levar a efecto a orde.
XUIZO DO ANTROIDO
COLEXIO RAMÓN FALCÓN.
ANO 2000.
PREGOEIRO.
O Antroido xa chegou
para podermos disfrutar
e así xa todos nós
podemos troular e troular.(…)
ALGUACIL.
Nenos e máis maiores
o Antroido imos xulgar.
Escoitemos as súas fazañas
por se o hai que condenar (…)
Serán varios os relatores
que nos irán recordando
as trasnadas que polo mundo
el andivo sementando (…)
XUIZ.
Comece xa o relato
e a expoñerse a relación
dalgunhas das malas obras
que andivo facendo este lambón.
RELATOR 1.
O Antroido quíxonos facer
unha broma moi pesada
asustándonos co efecto dous mil
e a fin non pasou nada. (…).
Ó longo deste ano
moitos sitios visitou,
un deles foi Venezuela,
onde todo destragou (…).
RELATOR 2.
Por culpa deste señorito
ETA volveu a saír,
por máis voltas que lle dean,
eles só queren destruír.
Este señorito Antroido
non quería ír a votar
por iso seguro que Aznar
tamén o quere queimar.
RELATOR 3.
Nesta nosa comarca
desde que o Antroido chegou
a chamada cota do leite
ben axiña se acabou. (…)
A valla do colexio
témola toda rota
seguro que a rompeu el
querendo xogar á pelota (…).
RELATOR 4.
Á conserxe, Isabel
tanto lle fai viciar
que ha de ter coidado
porque se pode herniar. (…).
Chus, a nosa entrenadora
tenme algo cabreado,
pois corremos e corremos,
pero o balón nin tocalo.
RELATOR 5.
O Antroido veuna armar
e a Aigor fastidiou,
porque lle abriu a cabeza
e unha man lle esginzou.
Os pequenos de sexto
presumen de que están cachas
pero en realidade
son coma carrachas.
XUIZ.
(…) Oído todo o relato
e escoitada a acusación
haberá que decidir
se o queimamos ou non.
Digan logo todos
e con claridade,
¿Polo seu gusto,
absolvémolo, ou arde?
TODOS.
¡Arde! ¡Arde!
XUIZ.
Tendo ben en conta
a unánime opinión,
procédase en xustiza
a súa execución.
ALGUACIL.
Enseguida virá Isabel
con alcohol para botar.
Xa se sabe que é
para o Antroido queimar.

Nos últimos anos, o devandito Colexio segue realizando o xuizo, no que interveñen menos personaxes, que hai anos. Así, podemos facer mención do secretario cuxa función é dar a coñecer, antes de ler a sentencia, as numerosas marrullerías e falcatruadas atribuídas ao Sr. Antroido. Por tal motivo, dous relatores fan referencia aos múltiples males levados a cabo polo Antroido. O xuizo remata cando o secretario do xulgado le a sentencia condenatoria dictada polo xuiz.

SENTENCIA DO ANTROIDO 2008
(Colexio “Ramón Falcón” de Castro de Rei)
SECRETARIO:
Vistos polo Sr. Xuiz os graves cargos presentados contra o Sr. Antroido, e analizada a infinidade de marrullerías, mamarrachadas e trangalladas, que se lle atribúen e de que foi acusado, procédese antes de ler a sentencia, á enumeración das principias culpas, que se lle botan e das que resulta probado, que foi autor ou inductor. A saber:
RELATOR 1:
Catástrofes coma: terremotos, furacáns, inundacións e desprendementos de terras.
Epidemias, guerras, terrorismos, fames.
Contaminacións.
Cambio climático.
RELATOR 2:
Mal trato de nenos, mulleres e dalgúns homes.
Tráfico de órganos humanos.
Roubos de todo tipo.
Bandas de delincuencia organizadas. (…).
SECRETARIO:
Por todo o dito e moito máis, que se podería dicir, condénase a este reo, o Antroido, a morrer queimado e esturruxado.
Trasládese ó lugar axeitado e alí póñaselle lume públicamente para escarmento de cantos se comporten coma el.
No Colexio “Ramón Falcón” de Castro de Rei.
A 1 de febreiro de 2008.

FOTO BERNARDINO BARREIRO. A CHEGADA DO ANTROIDO A ANSEMAR NA DÉCADA DOS SESENTA.

2ª. A segunda modalidade é a propia do “Val de Francos”. Nos seus comezos interviñan na actividade xudicial un alguacil, un xuiz, un avogado defensor e un fiscal. Cada un deles tiña a súa función propia de culpar, defender e xulgar.

ANTROIDO DO VAL DE FRANCOS.
XUIZO 1998.

ALGUACIL.
Procedamos ó xuizo
seguindo co noso costume
por ver se este ano tamén
o Antroido vai parar ó lume.
XUIZ.
Pido ós señores letrados
que argumenten en conciencia
e tamén con brevidade
para non acabarnos coa paciencia.
E a toda esta concurrencia
tamén lle pido atención
por respecto ós que falamos
e para enterarse da función.
ALGUACIL.
Partimos da presunción
de que o Antroido tén merecido
un castigo ben severo
polo mal que leva urdido.
DEFENSOR.
Que ninguén o dea por condenado.
o xuizo debe ser imparcial,
pois tamén tén dereito a defensa
anque fose un criminal.
FISCAL.
Que non se adiante a defensa
supoñendo parcialidades
que ningún ano se queimou
sen aclara-las responsabilidades.
DEFENSOR.
Xa sabemos, señor Fiscal,
cales son as súas mañas.
Vostede con tal de acusar
enreda máis cás arañás.
FISCAL.
O señor defensor ben quixera
que nin houbese acusación,
para así asirse coa súa
e librar a este lambón.
XUIZ.
Para introducción xa chega.
Céntrense no proceso.
Non se enguedellen entre ambos,
que non viñemos para eso.
FISCAL.
Non teño que esforzarme moito
para acusar a este mal nacido,
pois que é pai de moitas maldades
por todos é ben sabido.
DEFENSOR.
Acuse de cousas concretas
e déixese de ambigüidades,
senón vannos pillar aquí
as vindeiras navidades.
FISCAL.
(…) Explíqueme,logo,se sabe,
quen puido ser o autor
de que en Moncelos chovesen peixes
ata cargar un tractor.
DEFENSOR.
Iso non llo sei dicir,
serían os extraterrestres
que dos seus pratiños voantes
botaron esas sementes.
FISCAL.
(…) No mundo seguen as fames,
as guerras e marxinacións
e á explotación dos nenos
non se lle ven solución.
Os homes serán executores
pero o Antroido é quen induce,
pois está ben comprobado
que polo mal camiño conduce.
DEFENSOR.
Se me fala de inducións
a cousa ponse máis negra,
pois o que é inducir,
pode inducir calquera.
FISCAL.
Si, pero neste caso,
temos un reo presente
e non hai que andar buscando
a outros por entre a xente.
XUIZ.
Non se precisan máis probas.
O Fiscal falou con acerto.
Acabemos de unha vez
e deámoslle un escarmento.
DEFENSOR.
Protesto, señor Xuíz.
A súa decisión é precipitada
e pode pensar a xente
que esto é unha amañada.
XUIZ.
Non hai lugar á protesta.
O caso está cerrado.
Compare con outras sentencias
e non se dea por agraviado.
ALGUACIL
Pronunciouse o Xuiz
e o proceso está rematado.
Vese que este ano tamén
o Antroido foi condenado.

Nos últimos anos aparece de novo, como no “Colexio Ramón Falcón” de Castro de Rei, a figura do segredario do xulgado quen, como delegado do xuiz, expón os motivos polos que non se puido realizar un xuizo do ANTROIDO acorde co estado de dereito en que se dí que vivimos. Sen embargo menciona que o Antroido, como presunto autor ou inductor das numerosas falcatruadas reflectidas no Sermón, sexa condenado ao lume debido a presión exercida por diferentes élites sociais, ata que se poida dirimir se é culpable ou inocente.

SENTENCIA DO ANTROIDO
VAL DE FRANCOS. 2009.

SECRETARIO:
En calidade de Secretario do Xulgado creado ex profesor para xulgar ó Antroido, como froito inmediato da folga de xuíces do día 18 deste mes fago saber:
1º. Que o Xuíz recentemente nomeado para este novo xulgado atopouse con tal morea de expendientes atrasados e sen resolver, que necesitará uns quince anos antes de poder analizar a fondo o expediente do Antroido deste ano 2009.
2º. Que todo o máis que puido facer o Sr. Xuíz foi ler detidamente o Sermón, que acaban de escoitar os que os escoitaron, que sempre son moitos, pero nunca son todos.
3º. Que o Sr. Xuíz atopou indicidos de que o acusado, o Antroido, poder ser o presunto autor ou indutor da ringueira de falcatruadas, que no Sermón se relatan.
4º. Que a día de hoxe non se puido celebrar, por falta de tempo e dos medios necesarios, un xuízo acorde co estado de dereito no que se di que vivimos.
5º. Que, a pesares de todo iso, o Sr. Xuíz vese forzado a tomar unha determinación, por
presións políticas dun lado e doutro, polos medios de comunicación dunha ou doutra tendencia, moi afeitos a facer

xuizos paralelos, pola sociedade en xeral, que esixe respostas inmediatas, aínda que non sempre sexan sensatas.
Por todo isto o Sr. Xuíz.
ACORDA: Ditar orde de que de momento se queime o Antroido coma sempre, pero con carácter provisional e, cando che chegue o turno, dentro de quince anos pouco máis ou menos, verase se realmente era culpable ou inocente.
O Sr. Xuíz non ignora que ben poden caerlle uns catrocentos euros de multa, se para daquela o Antroido deste ano resultase inocente.
Quede constancia de que non hai ningunha relación entre a dimisión do Sr. Bermejo e estes autos.
Que leven, logo, ó Antroido para o lume, e que “salga el sol por Antequera y sálvese quién pueda”.
Lido públicamente no Val de Francos a 24 de Febreiro do 2009.
Como en moitas comunidades galegas, o Antroido ou Meco represéntase nun boneco de palla, vestido con roupa humana e cuberta a súa cara cunha careta, que amosa trazos sinistros.
Os membros da comisión do “Val de Francos” achégano tódolos anos ao campo de Carril –onde se celebra a festa- nun vehículo, nunha cabalería, nunha barca enriba dun tractor, etc. Alí, dase lectura ao “Sermón do Antroido” e logo lévase a cabo o seu “Xuizo”.
No primeiro caso, como puidemos apreciar, realízase unha crítica social e política de diferentes eventos intraparroquiais e extraparroquiais. Tamén adoitan darse consellos e recomendacións axeitadas sobre diferentes ámbitos vitais, comezando polo rural ata chegaren a outros que, aínda que nun comezo poden resultar novidosos, co paso do tempo convertense en habituais. De tódolos xeitos, a burla, a sátira, a ironía, a crítica social e política, son elementos constituíntes do Antroido en xeral.

A QUEIMA DO ANTROIDO. ANO 2000.

Neste Antroido, apreciamos unha inversión de roles, que está reflectida nos diferentes disfraces e máscaras que se atopan no campo da festa, sobresaíndo desde sempre as “ dos fareleiros” 56 , que levan a cabo unha representación teatral, espontánea e improvisada ao actuar, co seu rol característico, entre a xente asistente ao evento. Os fareleiros teñen tamén o cometido de velar polo orde no campo da festa, de abrir paso á comitiva do Antroido e de evitar que os espectadores se acheguen de máis á queima)
Ademais, este Antroido ao igual que sucede noutras comunidades do ámbito galego é un importante elemento identitario para os lugareños, que integran este val, agarimoso e fermoso, de Francos. Este carácter identitario non ven dado pola homoxeneación de ideas e xeitos de actuar dun sistema, que impón uns criterios uniformes, senón pola creatividade e espontaneidade dos membros desa comunidade, na que se celebra o evento. Asimesmo, o baile e a música, constituen os elementos cume onde a liberación da sensibilidade é máis notoria facéndose patente na ruptura das normas, que presionan a conducta dos integrantes dunha comunidade. Polo tanto, toda festa, posibilita un tránsito do cotiá a situacións onde a espontaneidade, a diversión e o relaxamento dos costumes poden ter lugar.
Finalmente esta festividade conleva en si mesmo a risa polo que está acaecendo, producto da teatralidade, da inversión de situacións e da parodia de diferentes feitos da vida real. Polo tanto, non resulta estrano pensar que os que mandaban hai anos tivesen inquedanzas coa risa do pobo, xa que ía dirixida de cara a unha legalidade vixente imposta ríxidamente 57 .

AGRADECEMENTOS

Queremos rematar este traballo agradecendo de xeito especial a colaboración das seguintes persoas:
Bernardino Barreiro, que nos proporcionou as fotos antigas.
José Cancio Fernández, autor do mapa de localización.
Xosé Manuel Carballo, que nos suministrou datos moi relevantes sobre este Antroido.
Anxo Vízcaíno Vázquez, que elaborou os dous debuxos sobre o Antroido.

NOTAS BIBLIOGRÁFICAS.

1.: Dixo xa se encargou Julio Caro Baroja, na súa densa e completa obra: El Carnaval (Análisis histórico-cultural). : Madrid, 1979.

2.: Referencia dunha informante veciña de Lanzós (Vilalba). En: FIGUEIRA TENREIRO, Sabela. O Antroido, onte e hoxe. Achegas ao estudio desta festividade na Terra Chá. Revista dixital de “Galicia Encantada”. Web.: http:// www.galiciaencantada.com, páx.8.

3. COCHO, Federico.: O Carnaval en Galicia. Vigo: Xerais, 2007, páx. 43.

4. RIVAS CRUZ, Xosé Luís e IGLESIAS DOBARRIO, Baldomero.: Cantos, coplas e romances de cego (II). Recopilación de Mini e Mero. Lugo: Ophiusa Ensino, 1999, páx. 303.

5. GONZÁLEZ REBOREDO, Xosé Manuel.: Guía de festas populares de Galicia. Vigo: Galaxia, 1997, páx. 14.

6. GONDAR PORTASANY, Marcial.: Crítica da razón galega. Entre o nós-mesmos e o nós-outros. Vigo: A Nosa Terra, 1993, páx. 173.

7. FIDALGO SANTAMARIÑA, A., GONZÁLEZ REBOREDO, X.M. e MARTINS MACIEL, S.A. ” As caras do Carnaval na periferia da provincia ourensá”. En: V V. A A. As caras do Entroido ourensán. Ourense: Deputación Provincial e Fundación Caixa Galicia, 2009, páxs. 301-302.

8. COCHO, Federico.: O Carnaval en Galicia. Vigo: Xerais, 2007, páx. 174.

9. VV.AA. As caras do Entroido ourensán. Ourense: Deputación Provincial e Fundación Caixa Galicia, 2009, páxs. 26-27.

10. Sobre esta custión a profesora Sabela Figueira Tenreiro fai unha análise no artigo: “O Antroido onte e hoxe. Achegas ao estudio desta festividade na Terra Chá. Revista Dixital de “Galicia Encantada”. Web.: www. galiciaencantada.com.

11, RIVAS CRUZ, Xosé Luís e IGLESIAS DOBARRIO, Baldomero.: Cantos, coplas e romances de cego (I). Recopilación de Mini e Mero. Lugo: Ophiusa Ensino, 1999, páx. 28.

12. FIDALGO SANTAMARIÑA, A.: ” Cara a unha busca de sentido do Carnaval ourensán”, en VV.AA. As caras do Entroido ourensán. Ourense: Deputación Provincial e Fundación Caixa Galicia, 2009, páxs. 326-336.

13. GARCIA CENDÁN, Bernardo.: “O desacougo da risa”, en Máis de media ducia de escritores chairegos e o Antroido. Coord. por “Asociación do Val de Francos. Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Dirección Xeral de Política Lingüística, 1993, páx. 51.

14. Podémolo consultar nun libriño moi interesante editado hai xa anos en Vilalba grazas ao traballo do profesorado e alumnado do Colexio Público “Antonio Insua Bermúdez”, baixo o título de O noso Antroido. Vilalba, 1986, páx. 20.

15. FIGUEIRA TENREIRO, Sabela.: “O Antroido onte e hoxe. Achegas ao estudio desta festividade na Terra Chá”, en Revista Dixital de “Galicia Encantada”. Web.: www. galiciaencantada.com, páx. 19.

16. COCHO, Federico.: O Carnaval en Galicia, Vigo: Xerais, 2007, páx. 245.

17. GONDAR PORTASANY, Marcial.: Ob. cit., páxs. 173-174.

18. CARBALLO, Xosé Manuel.: “Memoria, presentación e prólogo”, en Máis de media ducia de escritores chairegos e o Antroido. Coord. por “Asociación do Val de Francos”. Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Direccion Xeral de Política Lingüística, 1993, páx. 3.

19. CARBALLO, Xosé Manuel.: Ob. cit., páx. 6.

20. CARBALLO, Xosé Manuel.: ” Antroidos e Antroido do Val de Francos”, realizado o 7 de Xaneiro do ano 2006, e publicado na revista Terra Chá. Tamén, entrevista de audio levada a cabo polo profesor José Manuel Blanco Prado en febreiro do ano 1998.

21. As mulleres en cuestión foron as seguintes: Ana María Canto Rodríguez, de Goberno. María Luísa Alonso, de Balmonte; e Montserrat Flores Fernández, de Ansemar.

22. O sermón do Antroido do ano 1992 foi realizado por Serafín de Tito de Quintela (Castro de Rei).

23. Estrofa popular, anónima.

24. No ano de celebración do novo Entroido – 1992- din que, no Campo de Carril (Ansemar), habia preto de dúas mil persoas.

25. FIGUEIRA TENREIRO, Sabela.: Ob. cit. Revista dixital de “Galicia Encantada”.

26. Estamos a falar do párroco de Castro de Rei, D. Xose Manuel Carballo.

27. Asociación “Val de Francos”. Máis de media ducia de escritores chairegos e o Antroido. Lugo: Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Dirección Xeral de Política Lingüística, 1993, páx. 23. Sermón do ano 1902.

28. Sermón do ano 1995, realizado por Salvador e Edelmiro de Goberno.

29. Ibidem.

30. Sermón do Antroido do ano 1993, levado a cabo por Xosé Ramón de Laxe de Loentia (Castro de Rei).

31. Sermón do Antroido do ano 1996, executado por Salvador e Edelmiro, ambos os dous de Goberno.

32. Sermón do Antroido do ano 2009, realizado por Edelmiro García e outros.

33. Sermón do ano 1995, feito por Edelmiro e Salvador de Goberno (Castro de Rei).

34. Sermón do ano 2000, levado a cabo por Edelmiro e Salvador de Goberno (Castro de Rei).

35. Sermón do ano 1995, realizado por Edelmiro e Salvador de Goberno (Castro de Rei).

36. Sermón do ano 2000, elaborado por Salvador Aguiar e Edelmiro García, ambos os dous de Goberno. (Castro de Rei).

37.Sermón do ano 1996, confeccionado por Edelmiro e Salvador de Goberno (Castro de Rei).

38. Sermón do Antroido do ano 1996, feito por Salvador e Edelmiro de Goberno.

39. Sermón do Antroido do ano 1995, realizado por Edelmiro e Salvador de Goberno.

40. Sermón do Antroido do ano 2000, elaborado por Salvador Aguiar e Edelmiro García, ambos os dous de Goberno (Castro de Rei).

41. Sermón do Antroido do ano 2000.

42. Asociación “Val de Francos”. Ob. cit., Sermón do Antroido do ano 1950. Autor: Eleuto de Ansemar, páxs. 62-64.

43. Ibidem.

44. Sermón do ano 1950. Referencia citada.

45. Ibidem.

46. Ibidem.

47. Sermón do Antroido do ano 2009, elaborado por Edelmiro García e outros.

48. Sermón do ano 1965, feito por Eleuto de Ansemar.

49. Sermón do Antroido do ano 1993, confeccionado por Xosé Ramón de Laxe, Loentia (Castro de Rei).

50. Ibidem.

51. Sermón do Antroido do ano 2004, executado por Edelmiro García de Goberno.

52. Sermón do Antroido do ano 2000, levado a cabo por Salvador Aguiar e Edelmiro García de Goberno.

53. Sermón do Antroido do ano 2004, realizado por Edelmiro García de Goberno.

54. COCHO, Federico. Ob. cit., páx. 282.

55. No ano 2000 houbo cinco relatores.

56. O fareleiro constitúe un importante disfrace para o “Val de Franco”. Vai provisto dunha careta, e vestido con roupas vellas e algunha que outra pel.

57. GARCÍA CENDÁN, Bernardo. Ob. cit., páx. 52.

BIBLIOGRAFÍA.

BLANCO PRADO, J.M.: “Exposición sobre o Antroido na provincia de Lugo”, Boletín do Museo Provincial de Lugo, 2005, XII, vol. 1. Pp. 203-222.
BLANCO PRADO, J.M. e GONZÁLEZ REBOREDO, X.M.: “ O Entroido na Ribeira Sacra e en Salcedo. O volante, o peliqueiro e o oso”, en Tempos de Festa en Galicia. Fundación Caixa Galicia. A Coruña, 2006, páxs. 127-137.
BLANCO PRADO, J.M. e PERNAS BERMÚDEZ, Mª Carme.: “ Achegas Históricas ao Entroido de Val de Francos (Castro de Rei) no século XXI”. Rev. Croa, nº 16. Xunta de Galicia, 2009, páxs. 58-83.
CARBALLO, Xosé Manuel.: “Antroidos e Antroido do “Val de Francos”, revista Terra Chá, 7-1-06.
CARO BAROJA, Julio.: El Carnaval (Análisis histórico-cultural). Taurus: Madrid, 1979.
COCHO, Federico.: O Carnaval en Galicia. Vigo: Xerais, 2007.
DASAIRAS, X.: O ANTROIDO en Terras de Monterrei. Vigo: Edicións do Cumio, 1990.
El ANTROIDO en Galicia. Exposición Casa de Galicia en Madrid. Santiago de Compostela: Museo do Pobo Galego, 1995.
DÍAZ, M.M.: Do ANTROIDO ao Nadal. Romerías, ferias y fiestas patronales en Galicia. Ea editorial, 2006.
FIDALGO SANTAMARIÑA, X.A.: “Identidade e festa popular”. En: O Feito diferencial galego na Antropoloxía. Vol. II. Santiago de Compostela: Museo do Pobo Galego, 1998. (Coord. Marcial Gondar Portasany)
FIGUEIRA TENREIRO, Sabela.: “O Antroido onte e hoxe. Achegas ao estudio desta festividade na Terra Chá”. Revista Dixital de “Galicia Encantada”. Web.: www.galiciaencantada.com
FLORES ARROYUELO, F.J.: Fiestas de ayer y de hoy en España. Madrid: Alianza, 2001.
FRAGUAS FRAGUAS, A.: A Festa Popular en Galicia. A Coruña: Edicións do Castro, 1996.
FRAGUAS FRAGUAS, A.: Do ANTROIDO. Santiago de Compostela: Museo do Pobo Galego, 1994. Serie Alicerces, nº 6.
GONDAR PORTASANY, M.: Crítica da razón galega. Entre o nós-mesmos e o nós outros. Vigo: A Nosa Terra, 1993.
GONZÁLEZ REBOREDO, X.M.: Guía de festas populares de Galicia. Vigo: Galaxia, 1997.
GONZÁLEZ REBOREDO, X.M.: “Fiestas cíclicas”. En: VV.AA. Galicia. Antropoloxía. Tomo XXVII. Hércules Edicións, 1997.
GONZÁLEZ REBOREDO, X.M. e MARIÑO FERRO, X.R.: ANTROIDO en Galicia. A Coruña: Deputación Provincial, 1987.
LISÓN TOLOSANA, C.: Antropología cultural de Galicia. Madrid: Editorial Siglo XXI, 1971.
LISÓN TOLOSANA, C.: Perfiles simbólico-morales de la cultura gallega. Madrid: Akal, 1974.
LORENZO, X.: Cantigueiro popular. Vigo: Galaxia, 1973.
MARIÑO FERRO, X.R.: O ANTROIDO ou os praceres da carne. A Coruña: Edicións do Castro, 2000.
OTERO FERNÁNDEZ, X.M.: “A dimensión lúdica da vida humana. O ANTROIDO, unha antiga celebración”. En: Exemplificacións didácticas. Educación Secundaria Obrigatoria. Tomo II. Xunta de Galicia.
RISCO, V.: “Etnografía: Cultura espiritual”. En: OTERO PEDRAYO, R. Historia de Galiza. Madrid: Akal, 1979.
RIVAS CRUZ, X.L. e IGLESIAS DOBARRIO, B.: Cantos, Coplas e Romances de Cego. (I) e (II)). Recopilación de Mini e Mero. Lugo: Ophiusa Ensino, 1999.
RIVAS, P.: Fiestas de Galicia. Propostas didácticas. Lugo: Deputación Provincial, 1996.
TABOADA CHIVITE, X.: Ritos y creencias gallegas. A Coruña: Edicións Sálvora, 1980.
TENORIO, N.: La aldea gallega. Cádiz, 1914.
VVAA.: As caras do ANTROIDO ourensán. Ourense: Deputación Provincial e Fundación Caixa Galicia, 2009.
VV.AA.: Máis de media ducia de escritores chairegos e o Antroido. Consellería de Educación e Ordenación Universitaria-Dirección Xeral de Política Lingüística, 1993. (Coord. “Asociación do Val do Franco”)
VV.AA.: Galicia. Antropoloxía. Tomos XXVII, XXVIII e XXIX. Hércules Edicións, 1997.
VV.AA.: O noso Antroido. Villalba 1986. Colexio Público “Antonio Insua Bermúdez” de Vilalba, 1986. (Patrocinado por Concello de Vilalba)
VV.AA.: Tempos de festa. Tomo I. “Entre os Reis e o mes de maio”. Fundación Caixa Galicia, 2006.

ILUSTRACCIÓNS.

FOTO: BERNARDINO BARREIRO. XINETES PREPARADOS PARA A “CORRIDA DO GALO”.SÉCULO XX (DÉCADA DOS CINCUENTA Á FINAIS DOS SESENTA).

FOTO: BERNARDINO BARREIRO. MÁSCARAS ANTIGAS NA CELEBRACIÓN DO ANTROIDO. SÉCULO XX ( DÉCADAS DOS CINCUENTA E SESENTA).

FOTO: BERNARDINO BARREIRO. MÁSCARAS DO ANTROIDO E XINETES PREPARADOS PARA “A CORRIDA DO GALO”. ANSEMAR (CASTRO DE REI). DÉCADAS DOS CINCUENTA E SESENTA DO SÉCULO XX.

FOTO: BERNARDINO BARREIRO. A CORRIDA DO GALO. ANSEMAR (CASTRO DE REI). DÉCADAS DOS CINCUENTA E SESENTA DO SÉCULO XX.

FOTO: BERNARDINO BARREIRO. MÁSCARAS DO ANTROIDO E XINETES PREPARADOS PARA “A CORRIDA DO GALO” DE ANSEMAR (CASTRO DE REI). DÉCADAS DOS CINCUENTA E SESENTA DO SÉCULO XX.

FOTO.BERNARDINO BARREIRO. A CORRIDA DO GALO EN ANSEMAR (CASTRO DE REI). DÉCADAS DOS CINCUENTA E SESENTA DO SÉCULO XX.

FOTO: BERNARDINO BARREINO. AFLUENCIA DE PÚBLICO ” A CORRIDA DO GALO” EN ANSEMAR (CASTRO DE REI). DÉCADAS DOS CINCUENTA E SESENTA DO SÉCULO XX.

FOTO: BERNARDINO BARREIRO. CHEGADA DO ANTROIDO Á COMUNIDADADE DE ANSEMAR (CASTRO DE REI). DÉCADAS DOS CINCUENTA E SESENTA DO SÉCULO XX.

FOTO: JOSÉ M. BLANCO PRADO. A CHEGADA DO ANTROIDO AO “VAL DE FRANCO” NO ANO 1998.

FOTO: JOSÉ M. BLANCO PRADO. A CARAVANA DO ANTROIDO EN VAL DO FRANCO NO ANO 2000.

FOTO: JOSÉ M. BLANCO PRADO. “OS VALUROS”, CHARANGA MUSICAL DE CASTRO DE REI.

FOTO: JOSÉ M. BLANCO PRADO. AFLUENCIA DE PÚBLICO NO ANTROIDO DO ANO 2008.

FOTO: JOSÉ M. BLANCO PRADO. OS SERMONEIROS DO ANO 2008.

FOTO: JOSÉ M. BLANCO PRADO. OS FARELEIROS, MÁSCARA TÍPICA DO VAL DO FRANCO. ANO 2008.

FOTO: JOSÉ M. BLANCO PRADO. OS FARELEIROS DE VAL DE FRANCO NO ANO 1998.

FOTO: JOSÉ M. BLANCO PRADO. A QUEIMA DO ANTROIDO EN VAL DO FRANCO NO ANO 2000.

FOTO: JOSÉ M. BLANCO PRADO. O SERMONEIRO DE VAL DE FRANCOS NO ANO 2000-

FOTO: JOSÉ M. BLANCO PRADO. OS SERMONEIROS DE VAL DE FRANCO A FINAIS DA ÚLTIMA DÉCADA DO SÉCULO XX.

FOTO: JOSÉ M.BLANCO PRADO. XOSÉ MANUEL CARBALLO COS DO XULGADO.

FOTO: JOSÉ M. BLANCO PRADO. O ANTROIDO DE VAL DE FRANCOS NO ANO 2008.

FOTO: JOSÉ M. BLANCO PRADO. A QUEIMA DO ANTROIDO EN VAL DO FRANCOS NO ANO 2008.

DEBUXO REALIZADO POLO DESEÑADOR GRÁFICO ANXO VIZCAÍNO LÓPEZ SOBRE “OS FARELEIROS”-

DEBUXO REALIZADO POLO DESEÑADOR GRÁFICO ANXO VIZCAÍNO LÓPEZ SOBRE “OS QUE XULGAL AO ANTROIDO”.

Ir arriba