III.2011. MARIO SAAVEDRA PÉREZ. OS CRISTOS NA PASTORIZA DA TERRA CHÁ (LUGO).

OS CRISTOS NA PASTORIZA DA TERRA CHÁ (LUGO)

  AUTOR:  MARIO SAAVEDRA PÉREZ.

   PUBLICADO EN ACTAS DO IIº CONGRESO GALEGO SOBRE ” CRUCEIROS E CRUCES DE PEDRA”. COLECCIÓN HISTORIA E ETNOGRAFÍA GALEGAS. VOL. LV. PONTEVEDRA.2010. EDITOR: ESTANISLAO FERNÁNDEZ DE LA CIGOÑA.

  Revista de Investigación “ETNOGRAFIA”,  nº3, 2011. I.S.S.N. 1989 – 8541.

  Web, http://mesondoforno.com.

 

     1. INTRODUCCIÓN.

     A Pastoriza  da Terra Cha  pertence a esta bisbarra da provincia de Lugo; sitúase no nordeste  e abrangue uns 176 quilómetros cadrados. Linda con Mondoñedo, Riotorto, Meira, Pol, Castro de Rei, Cospeito e Abadín. A súa poboación distribúese en dezanove parroquias. Neste Concello atopamos una arquitectura popular ben definida e concreta espallada por case todas as aldeas a excepción de tres que son carentes de calquera exemplar  de arquitectura referente a Cristos, Cruceiros e Cruces.

     Este Concello serve de porta á Terra Cha posto que  está situado nun extremo e a maior parte del non se corresponde coa definición de chaira por atoparse situado no Cordal de Neda.  A súa orografía é moi diferente e condiciona  moitos aspectos  de carácter lingüístico, social, económico,…

     Tendo en conta o carácter lingüístico, na zoa norte, atopamos una terminoloxía, referente á arquitectura  popular, que chama a atención aos estudosos desta arte popular. Sen dúbida estoume referindo ao feito de que a maior parte da xente deste Concello identifica toda esta arquitectura co nome de “CRISTOS”. Está moi pouco ornamentada e con sinxelos elementos arquitectónicos que nos chaman a atención pola estrutura e máis por ser únicos e dignos de admiración ao estar xunguidos coa Historia e co berce dos devanceiros pastoricenses. Ninguén ou case ninguén, ao expresarse dubida nesta terminoloxía aplicándoa tanto aos Cruceiros, Cristos e Cruces sen reparar na súa construción, ornamentación, forma,…

 

          CRUZ              

     

    Esta arte de carácter popular, relixiosa  e intimamente ligada ao ser dos residentes e chegados está preto do pensar da cada pastoricense. As diferenzas que os estudosos desta arte  facemos para eles non existen. No falar cotiá está presente  “ o meu cristo “, dándonos a entender que o único que suscita é un espontáneo sentimento de respecto e gratitude a un Xesús  como Redentor.

      Dende nenos, os pastoricenses, foron aprendendo a ser respectuoso con eses “ Cristos “ aos que nós diferenciamos como: “ Cruceiros, Cristos, Cruces, Chitos, Calvarios…” e  fusionando a función do “ Cristo “ co sentimento relixioso das antigas culturas chamadas pagás e co poder de espantar e non  deixar entrar os malos ventres das pestes, das enfermedades, dos dicires,… Porén é bo establecer unha “Catalogación Xenérica e Común” para os estudosos tendo en conta unha serie de características, elementos decorativos, formas,… da arte popular contando coa fala da xente de cada lugar como elemento diferenciador.

           

      Entendemos como cruceiro, Proxecto Carboeira, todo elemento etnográfico caracterizado por unha plataforma, unha base, un fuste ou varal, un capitel e unha cruz. As diferenzas entre os cruceiros está na súa ornamentación :  esceas da paixón, lendas, diferentes capiteis, presenza ou ausencia da imaxe do cristo ou da virxe, tipo de cruz,…

     

CRUCEIRO

 

      En canto aos cristos podemos definilos como unha cruz coa imaxe de cristo nela e que moitas veces está enriba dunha plataforma asentada nunha base. As diferenzas atopámolas na  imaxe do cristo, na  cruz ou na propia base.

    

 

 CRISTO

 

       A  cruz é  o elemento etnográfico máis sinxelo xa que consta dunha plataforma ( a veces non a ten), unha base  e a propia cruz. As diferenzas  estarían na forma da cruz e no material empregado, xa que as máis sinxelas son de madeira.

      Entre os cruceiros e os cristos atopamos na Pastoriza outros elementos etnográficos que os podemos considerar como de transición entre ámbolos dous anteriormente citados. Sen dúbida estamos referindo a unha obra  intermedia como paso entre os cristos e os cruceiros.Deste maneira achamos espallados polo Concello cantidade de lugares con topónimos referentes a esta arquitectura popular entre os que citamos: A Chousa de Cristo, Tras do Cristo, O Alto de Cristo,  A Volta do Cristo, O Cristo de Fiouco, O Cristo da Armada;… Moitos destes lugares, aínda hoxe,  son referentes para os veciños do lugar despois de máis de cincuenta anos de Concentración Parcelaria. Ano 1967.

     
      2. CONSIDERACIÓNS.

      Moitas veces escoitamos que en calquera lugar está agochada a mellor historia. En todos os pobos, A Pastoriza non ía ser menos, hai un referente de arquitectura popular creadora de  paisaxes diferentes e que forma parte do noso patrimonio no que está presente o pensamento, a forma de vida, os atrancos cotiás,… dos nosos devanceiros.

      A xente de A Pastoriza foi a creadora, xunto cos canteiros de Román, de Parga, de Abadín, de Mondoñedo,…, dunha cultura, que aínda hoxe, non está totalmente esquecida. Estos “ Cristos “ creadores de paixases diferentes son parte do patrimonio no que está presente o pensar, a forma de vida, o camiño, a protección nas viaxes e das sementeiras,… de cada devanceiro da  Pastoriza.  Os tempos pasan no reloxio do vento e as personas deixan o seu andar nun  recuncho de cada “ Cristo “. As vivenzas diarias, a vida terrenal, o máis aló, os agradecementos, as promesas, as devocións,… son un anaco de cada elemento singular. Con este pensar, moitos “ Cristos “seguramente foron o roteiro dunha vida de esquecemento para o máis alá; mais cumpriron moitas funcións sociais no mundo do rural.

     Con este pensamento, moitos destes elementos etnográficos, levounos o vento nunha noite de esquecemento e só nos queda a lembranza dun referente como son os topónimos de cada lugar. Algúns destes elementos de arquitectura popular cumpriron ou cumpren diferentes funcións como as de sinalización ( a Concentración das terras cambiou os viarios ), santificación de encrucilladas ( Cristo de Regueiro ), cristianización de lugares ( Cristo da igrexa de Cadavedo ), lembranzas dunha desgraza ( Cristo do Chivadoiro ), devocións  ( Cristo do Romeiro ), misión apostólica ( Cristo das Antigas ), lembranzas familiares ( Cristo de Marquide ), residencia de un crego ( Cristo de Froilán ), promesas ( Cristo de Maneche ),  símbolo de poder familiar   (    Cristos de Andrés, de don Diego, de Currás ), de amizade  ( Cristo do Fiouco  ),… e outros moitos que desapareceron ao caer no esquecemento, abandono, roubo, venda,…

      Os Cristos da Pastoriza podémolos clasificar  en varios grupos ou categorías xa que  son moi diferentes entre eles mesmos e os de outros lugares. Tendo en conta o criterio de construción e a forma establecemos estas categorías.

  

      3. CLASIFICACIÓN.

      1. Cristos que semellan rústicos cruceiros.
      2. Cristos sen fuste nin capitel.
      3. Cristos baixo una capela.
      4. Cristos cun santiño nunha fornela.
      5. Cristos sen cartela.
      6. Cristos con cartela.

     O estudo destes “ CRISTOS “ da Pastoriza  dende o punto de vista histórico non resulta fácil por moitas razóns:  pouca publicación ( só contamos co traballo do Proxecto Carboeira   )  algunha que outra documentación referente a eles, falta de investigación, carencia de datos dos canteiros e datas, traslados, rehabilitacións, agochamento,…

     4. CRISTOS QUE SEMELLAN RÚSTICOS CRUCEIROS.

  
     4.1. CRISTO DE FROILÁN. 
     Está situado na parroquia de Lagoa no lugar de O Barral no valado dunha finca da Casa de Loiso, á beira dun viario. É de propiedade pública. Consérvase en bo estado, pero coa plataforma cuberta de maleza. O relevo de Cristo está moi erosionado.

    

                                

 

   

  
    A plataforma está formada por un chanzo de cachotería e unha lousa. A base é monolítica, cúbica con tendencia a troncopiramidalidade. O fuste é monolítico, de sección cuadrangular nos extremos e coas arestas rebaixadas no resto. O capitel é de forma cúbica, con ábaco. Presenta os bordos inferiores redondeados. A cruz é de sección cuadrangular e coas arestas rebaixadas. Os extremos dos brazos e da cabeceira son do tipo de cruz florenzada. No anverso, baixo unha cartela, relevo de Cristo coa cabeza inclinada ao lado esquerdo; os seus brazos están estendidos case horizontalmente ao longo da cruz e as mans aparecen abertas; o perizoma anóase ao lado esquerdo e as pernas, lixeiramente flexionadas e separadas da cruz, amosan o pé dereito sobre o esquerdo e ámbolos dous sobre un subpedáneo. No reverso, custodia en relevo.

     4.2. CRISTO DAS ANTIGAS.

     Está situado na parroquia de Corbelle no lugar de Lamela nunha finca de Xosé Corral da  casa de Aloxo. É de propiedade privada. Está en bo estado, agás o plinto que está algo deteriorado na parte superior. O relevo de Cristo esta moi erosionado.

    

 

    A plataforma está formada por un chanzo e un plinto de cachotería. A base é monolítica, de forma troncopiramidal. O fuste é monolítico, de pequenas dimensións. De sección cuadrangular nos extremos e coas arestas rebaixadas no resto. Fuste, capitel e cruz son dunha soa peza. Pinxante na cara Norte, baixo o capitel. O capitel é de forma paralelepípeda. A cruz é de sección cuadrangular e coas arestas rebaixadas. Os extremos dos brazos e da cabeceira son do tipo de cruz florenzada. No anverso, baixo unha cartela, relevo de Cristo cunha coroa de espiñas na cabeza, inclinada ó lado dereito; os seus brazos están estendidos, en forma de V pouco acusada, ó longo da cruz e as mans aparecen abertas; o perizoma anóase ó lado dereito e as pernas, lixeiramente flexionadas, amosan o pé dereito sobre o esquerdo.

     4.3  CRISTO DO FOXO.

     Está situado na parroquia de Bretoña no lugar de Xemil no antigo Camiño Real de Lugo a Mondoñedo. É de propiedade pública. O actual estado de conservación  é bo.

   

 

     A plataforma formada por un chanzo de granito de forma cuadrangular. A base é monolítica, nun primeiro e pequeno tramo, ten e forma paralelepípeda e un segundo troncopiramidal, coas caras moi oblicuas. Na cara SE, .relevo dunha cabeza humana. O fuste é monolítico, de pequenas dimensións. De sección cuadrangular nos extremos e coas arestas rebaixadas no resto. Fuste, capitel e cruz son dunha soa peza. Pinxante na cara sureste baixo o capitel. O capitel é de forma paralelepípeda. A cruz é de sección cuadrangular e coas arestas rebaixadas. Os extremos dos brazos e da cabeceira son do tipo de cruz florenzada. No anverso, baixo unha cartela case inapreciable, relevo moi erosionado de Cristo. Inclina a cabeza ao lado dereito; os seus brazos están estendidos ao longo da cruz e as mans aparecen abertas; o perizoma está anoado ao lado dereito e as pernas, lixeiramente flexionadas, amosan  o pé esquerdo sobre o dereito.

     4.4. CRISTO DO CENTRO DE SAÚDE

     Está na parroquia de Bretoña no lugar de Bretoña no xardín do centro de saúde de Bretoña. É de propiedade pública. Conservase en bo estado.

 

 

     A plataforma está formada por un plinto de cachotería. A base é monolítica, de forma troncopiramidal. O fuste é  monolítico, de pequenas dimensións. De sección cuadrangular nos extremos e coas arestas rebaixadas no resto. Fuste, capitel e cruz son dunha soa peza. O capitel é de forma paralelepípeda. A cruz é de sección cuadrangular e coas arestas rebaixadas. Os extremos dos brazos e da cabeceira son do tipo de cruz florenzada. No anverso, baixo unha cartela, relevo de Cristo cunha coroa de espiñas na  cabeza, inclinada ao lado dereito; os seus brazos están estendidos ao longo da cruz e as mans aparecen abertas; as pernas, lixeiramente flexionadas, amosan os pés paralelos.
     

     4.5. O CRISTO DO ARANDAL.    

     O cristo do Arandal está nunha encrucillada de camiños e está sobre un plinto de cachotería cecais para facelo máis visible, xa que está nun lugar baixo con referencia ao camiño que nos levaba a Bretoña, antiga sede episcopal. A base é  monolítica, cun tramo de forma paralelepípedo e outro troncopiramidal. Na cara sureste apréciase unha cabeza humana. O fuste, monolítico, de pequenas dimensións e a súa forma é cuadrangular nos estremos e coas arestas rebaixadas no resto. Baixo o capitel hai un pinxante. O Capitel segue a mesma liña cos de Caveira e Foxo con forma paralelepípeda.

 

      A cruz é de sección cuadrangular e coas arestas rebaixadas. Os estremos dos brazos e da cabeceira son de tipo florenzada. No anverso, baixo unha cartela, está o relevo do Cristo coa cabeza inclinada ao lado dereito; os brazos están etendidos ao longo da cruz e as mans aparecen abertas, perizoma anoado ao lado dereito e as pernas, lixeiramente flexionadas, amosan o pé dereito sobre o esquerdo.

     4.6. CRISTO DE CERVELO.

      Está situado na parroquia de San Vicente de Reigosa ( A Rigueira)  no lugar de Seixos por riba do muro dunha finca da casa de Paulino de Batarelo. Pertence á casa de Paulino de Batarelo e consérvase en bo estado.

     

 

      A Plataforma está formada por un plinto de cachotería, adosado  a un muro. A base é monolítica, cun primeiro e pequeno tramo de forma paralelepípeda e un segundo troncopiramidal coas caras moi oblicuas. O fuste é monolítico, de sección  cuadrangular nos extremos e coas arestas rebaixadas no resto. Fuste, capitel e cruz son dunha soa peza. O capitel é de forma paralelepípeda. A cruz é florenzada, de sección cuadrangular pero coas arestas rebaixadas. No anverso, baixo unha cartela, relevo de Cristo coa cabeza inclinada ao lado dereito; os brazos están estendidos, formando unha V pouco acusada  ao longo da cruz e as mans aparecen abertas; perizoma anoado ao lado dereito e as pernas, lixeiramente flexionadas, amosan os dous pés sobre un subpedáneo.

      4.7. CRISTO DE XAN PAZ.

      Está situado na parroquia de Lagoa no lugar de Gasalla a carón da casa do Lamelo e nunha finca que era de Xan Paz. É de propiedade privada. Na actualidade é dos herdeiros de D. Froilán e Dña. Carmen, esta última sobriña de Xan Paz.

 

      Está en bo estado pero coa plataforma algo deteriorada.A plataforma está formada por un plinto de cachotería. A base é monolítica, cun primeiro e pequeno tramo de forma paralelepípeda e un segundo troncopiramidal coas caras moi oblicuas. Na cara Se. relevo dunha cabeza humana. O fuste é monolítico, de pequenas dimensións. De sección cuadrangular coas arestas rebaixadas. Pinxante na cara Se. Baixo o capitel. Fuste, capitel e cruz son dunha soa peza. O capitel é paralelepípedo. A cruz é de sección cuadrangular pero coas arestas rebaixadas. De tipo florenzada. No anverso, baixo unha cartela, relevo de Cristo coa cabeza inclinada ao lado dereito; os seus brazos están estendidos case horizontalmente ao longo da cruz e as súas mans aparecen abertas; perizoma anoado ao lado dereito e as pernas, lixeiramente flexionadas, amosan o pé dereito sobre o esquerdo.

      4.8. CRISTO DE AMORÁS.

      Está situado na parroquia de Loboso no lugar de Amorás no adro da igrexa parroquial. É de propiedade pública. Atópase en bo estado, agás o relevo de Cristo que está moi erosionado. A base é monolítica, de forma troncopiramidal coas caras moi oblicuas. O fuste é monolítico, de sección cuadrangular nos extremos e coas arestas rebaixadas no resto. A parte superior da súa cara Norte está ornamentada cunha cabeza humana. O fuste,  o capitel e a cruz son dunha soa peza. O capitel é de forma paralelepípeda.

 

       A cruz é de sección cuadrangular e coas arestas rebaixadas. Os extremos dos brazos e da cabeceira parecen ser do tipo de cruz florenzada. No anverso, relevo de Cristo. Presenta os brazos estendidos case horizontalmente ao longo da cruz e as mans aparecen abertas; o perizoma anoado ao lado dereito e as pernas, lixeiramente flexionadas, amosan os pés sobre un subpedáneo.

      4.9. CRISTO DO ALTO DAS FONTELAS.

      Está situado na parroquia de Cadavedo no lugar de Fontelas no interior dunha finca da familia Cabaneiro e  consérvase en bo estado. É de propiedade privada. A base é monolítica, cun primeiro e pequeno tramo de forma paralelepípeda e un segundo trocopiramidal, coas caras moi oblicuas. O fuste é monolítico, de pequenas dimensións. De sección cuadrangular nos extremos e coas arestas rebaixadas no resto. Fuste, capitel e cruz son dunha soa peza. Ornamentado cunha cabeza no extremo superior da cara norte. O capitel é de forma paralelepípeda.

 

      A cruz é de sección cuadrangular e coas arestas rebaixadas. De tipo florenzada. No anverso, baixo unha cartela, relevo de Cristo coa cabeza inclinada ao lado dereito; os seus brazos están estendidos ao longo da cruz formando unha lixeira V e as mans aparecen abertas; o perizoma está anoado ao lado dereito e as pernas, lixeiramente flexionadas, son paralelas.

      5.  CRISTOS SEN FUSTE NIN CAPITEL.

      5.1.  CRISTO DE GÓMEZ.

       Está situado na parroquia de Lagoa no lugar de A Paleira a carón do viario do Campo das Cruces a Vozarrei. É de propiedade privada. O estado de conservación é bo xa que foi recentemente restaurado. O relevo de Cristo está moi erosionado.

 

      A plataforma está formada por un chanzo cachotería. A base é monolítica, cun primeiro e pequeno tramo recto ou paralelepípedo e un segundo troncopiramidal co bordo superior redondeado. A cruz é de sección cuadrangular e as arestas rebaixadas. Os extremos dos brazos e da cabeceira son do tipo de cruz florenzada. No anverso, relevo de Cristo coa cabeza á fronte; os seus brazos están estendidos formando unha V pouco acusada ao longo da cruz; perizoma anoado ao lado dereito e as pernas, lixeiramente flexionadas, amosan o pé dereito sobre o esquerdo.

      6. CRISTOS BAIXO UNHA CAPELA.

       6.1. CRISTO DE AFOZ.

       Está situado na parroquia de Bretoña no lugar de Afoz próximo a un cruzamento de camiños, nunha finca da casa de Carballo de Afoz. É de propiedade pública.  A cuberta que acubilla este cristo, está moi deteriorada.
        A plataforma está formada por un chanzo de granito sobre un plinto de cachotería. A base é monolítica, cun primeiro tramo de forma paralelepípeda e un segundo troncopiramidal. A cruz de sección cuadrangular pero coas arestas rebaixadas. Os extremos dos brazos e da cabeceira son do tipo de cruz florenzada. No anverso, relevo de Cristo coa cabeza inclinada á dereita; os seus brazos están estendidos horizontalmente ao longo da cruz e as mans aparecen abertas; as pernas amosan o pé dereito sobre o esquerdo. Baixo deles, relevo da Virxe, vestida con túnica e manto, coas mans en oración.

 

 

      Este cristo mandouse facer  para lembrar a situación da Capela de San Estevo e San Lorenzo, que estaba neste lugar. Hoxe en día ten os seus devotos, que adoitan traer candeas e flores, ofrecidas por doenzas.

      7. CRISTOS CUN SANTIÑO NUNHA FORNELA.

      7.1.  CRISTO DE ANDRÉS.

      Está situado na parroquia de Santiago de Reigosa no lugar de Tuche por riba do valado de cerramento da casa de Anuncia á beira do viario que vai a Campo de Oso. Pertence á casa de Anuncia. Consérvase en bo estado xa que foi restaurado no ano 2001 por José Miguel Portela Fernández.

 

 

      A base é monolítica de forma troncopiramidal pero algo irregular. A cruz é florenzada, de sección cuadrangular pero coas arestas rebaixadas. No anverso, relevo de Cristo coa cabeza inclinada ao lado dereito; os seus brazos están estendidos en forma de V ao longo da cruz e as mans aparecen abertas; perizoma anoado ao lado dereito e as pernas, lixeiramente flexionadas, amosan os pés sobre un subpedáneo. Baixo os pés, e tallada na propia cruz, fornela con relevo dun santiño ( San Vicente ) no seu interior.

       7.2. CRISTO DE CURRÁS.
       Está situado na parroquia de Lagoa no lugar de O Barral. Actualmente non se atopa no seu lugar orixinal pois está gardado na casa de Currás. É de propiedade privada. Actualmente só se conserva a cruz.

  

 

       A cruz é de sección cuadrangular pero coas arestas rebaixadas. Os extremos dos brazos están ornamentados cun círculo. No anverso, relevo de Cristo coa cabeza inclinada ao lado dereito; os seus brazos están estendidos formando unha V pouco acusada ao longo da cruz e as mans aparecen abertas; as pernas, lixeiramente flexionadas, amosan o pe dereito sobre o esquerdo. Ten un santiño representando a San Xoán.

       7.3. CRISTO DE D. DIEGO.

       Está situado na parroquia de Úbeda no lugar de A Rúa a carón dun viario e próximo á igrexa parroquial. É de propiedade pública. O estado de conservación é ruinoso.

 

 

 

       A construción que acubillaba o Cristo está en ruínas. O Cristo está esnaquizado. A plataforma está formada por un plinto de cachotería de pizarra, material que é o mesmo da construción a dúas augas, que acubillaba este Cristo. A cruz é de tipo florenzada, de sección cuadrangular pero coas arestas rebaixadas. Na cabeceira pode lerse a seguinte inscrición: INRI. Baixo dela, tosco relevo de Cristo coa cabeza á fronte; os brazos están estendidos, formando unha lixeira V, ao longo da cruz e as mans aparecen abertas. O perizoma e a superposición de pés non se aprecia. Data do ano 1872 e na base hai unha inscrición. Foi  mandado facer por D. Diego home con moita facenda. Na fornela aparece unha santiña que representa a virxe do Carme.

       8. CRISTOS SEN CARTELA.

       8.1. CRISTO DE MARQUIDE.

       Está situado na parroquia de San Vicente de Reigosa (A Rigueira) no lugar de Marquide nun cruzamento de camiños de Pacios a Igrexa da Rigueira, antigo Camiño Real.  É de propiedade privada e pertence á casa do Garrido. Actualmente consérvase en bo estado.

 

       A plataforma está formada por un piloto de cachotería rematado nun listel de cemento. A base é monolítica de forma trocopiramidal e coas arestas superiores redondeadas. Na cara leste pode lerse a seguinte inscrición:  PROPIEDAD… DE  PEDRO RIVAS CARBALLO ESPOSO DE JOSEFA.

      A cruz é latina de sección cuadrangular e coas arestas rebaixadas. No anverso, efixie de Cristo cunha coroa de espiñas na cabeza; os brazos están estendidos e as mans abertas; o perizoma anoado ao lado dereito e as pernas  flexionadas, amosando o pé dereito sobre o esquerdo.

      9.  CON CARTELA.

      9.1. CRISTO DE RIGUEIRO DE MANECHE.

       Está situado na parroquia de Santiago de Reigosa no lugar de Tuche diante da casa de Pepe de Maneche e a carón do viario que vai de Castro de Rei ao Campo  do Oso. É de propiedade privada e pertence a José Regueiro. Está en bo estado.

 

     A plataforma está formada por tres chanzos de bloques de pizarra. A base é monolítica, de forma troncopiramidal e coas arestas superiores redondeadas. Sobre ela, reforzamento de cemento, tamén de forma troncopiramidal. A cruz é latina, de sección cuadrangular pero coas arestas rebaixadas. No seu anverso, baixo unha cartela, efixie de Cristo coa cabeza inclinada ao lado dereito; os seus brazos están estendidos formando unha lixeira V ao longo da cruz e as mans aparecen abertas; perizoma anoado ao  lado dereito e as pernas, lixeiramente flexionadas, amosan o pé dereito sobre o esquerdo.

      10. OUTROS CRISTOS SINGULARES.

      10.1. CRISTO DO CHIVADOIRO.

      Está situado na parroquia de Lagoa no lugar de O Barral nunha finca da casa de Loiso e a carón do antigo camiño da Misa dende o barrio de Gasalla e Abelaira á igrexa parroquial. É de propiedade pública. Consérvase en bo estado, pero o Cristo está sen cabeza.

 

      A plataforma é monolítica, formada por un gran bloque paralelepípedo de caliza cos bordos redondeados. A base é monolítica, de forma troncopiramidal pero algo irregular. A cruz é latina, de tipo florenzada, cun pé de gran tamaño. De sección cuadrangular no extremo inferior pero coas arestas rebaixadas no resto. No anverso, relevo de Cristo sen cabaza cos brazos estendidos, formando unha lixeira V, ao longo da cruz e as mans aparecen abertas;  perizoma anoado ao lado dereito e o pé dereito sobre o esquerdo. Ó pé da efixie hai unha inscrición en sentido vertical na que se le: ‘José Curas’ en vez de Currás. Isto pode indicar o nivel cultural do seu autor.

      OBSERVACIÓNS: Este cristo está no lugar do Chivadoiro onde os pastores separaban as ovellas de cada propietario preto da noite.
      10.2.  CRISTO DOS VIAS.
      Está situado na parroquia de Vián no lugar de Os Viás nun cruzamento de viarios, a carón da casa de Moreda e do antigo camiño real a Mondoñedo. É de propiedade pública. Consérvase en bo estado.

 

 

 

      A base é de forma troncopiramidal, coas arestas superiores redondeadas. Na cara este da base pode lerse a seguinte inscrición: D 1830. A cruz é de tipo florenzada. De sección cuadrangular pero coas arestas rebaixadas. No anverso, relevo de Cristo coa cabeza inclinada ao lado esquerdo; os seus brazos están estendidos case horizontalmente ao longo da cruz e as mans aparecen abertas. A anoación do perizoma e a superposición dos pés non se aprecia. Polo San Xoán cóbrese con flores.
      10.3.  CRISTO DO ROMEIRO.
      Está situado na parroquia de Bretoña no lugar de Xemil, está a carón do antigo camiño Real a Bretoña pasando polo Foxo, preto da capela de San Antonio.  É de propiedade pública. Estaba esnaquizado  e foi restaurado por Mario Saavedra Pérez no ano 2003. Data do ano 1810.

 

 

 

      A base é monolítica e algo irregular, cun primeiro tramo recto e un segundo con moldura en  nacela, agás na cara posterior que é máis recta. A cruz é de sección cuadrangular, pero coas arestas rebaixadas de tipo florenzada. No anverso, relevo   de Cristo.
      10.4. CRISTO DA IGREXA DE CADAVEDO.

       Está situado na parroquia de Cadavedo no lugar de Casas Novas nun cruzamento de camiños, preto da igrexa parroquial. É de propiedade pública. Foi malamente restaurado.

 

 

 

 

      A plataforma está formada por un plinto de cachotería rematado nunha peza granítica con moldura en nacela ou caveto. A base é monolítica, de forma octogonal e coas arestas superiores rebaixadas. Nas caras do anverso aparece unha inscrición na que unicamente pode lerse: JOSÉ GARCÍA… A cruz é de sección cuadrangular e coas arestas rebaixadas. Os extremos do brazos e da cabeceira son do tipo de cruz florenzada. No anverso, baixo unha cartela na que pode lerse INRI, efixie de Cristo coa cabeza inclinada á fronte; os brazos están estendidos ao longo da cruz formando unha lixeira V pero separados dela ao igual que a cabeza, costado e parte das pernas e as mans aparecen abertas; o perizoma está anoado ao lado dereito e as pernas, lixeiramente flexionadas, amosan o pé dereito sobre o esquerdo e ámbolos dous sobre un subpedáneo.

       10.5. CRISTO DE MARÍA.

        Está situado na parroquia de Úbeda no lugar de Toucido . Pertence á casa de Sisenando Luaces da antiga casa de Jesús de Mel. Só se conserva a cruz en bo estado. A  base foi recentemente feita.

 

 

       A cruz é latina, de tipo florenzada, de sección cuadrangular nos extremos e coas arestas rebaixadas no resto. No anverso, relevo de Cristo coa cabeza inclinada á dereita; os brazos están estendidos ao longo da cruz formando unha lixeira V e as mans aparecen abertas. O perizoma anóase ao lado dereito e o pé dereito aparece sobre o esquerdo e ámbolos dous sobre un subpedáneo.

 

       11. CONCLUSIÓN.

   
      A modo de conclusión diremos que na Pastoriza hai once cruceiros, vinteoito cristos e dezanove cruces distribuídos en dezaseis parroquias; só tres non teñen. Tamén confirmamos, con tristeza, a desaparición de dezaoito. A conservación é deficiente, posto que moitos foron cambiados por razóns de concentración parcelaria e aínda algúns están sen colocar. O interesante para os amantes desta arquitectura popular é esta tipificación de “ CRISTOS “ propios da Pastoriza como elemento diferenciador no mundo estudoso.

   

       BIBLIOGRAFÍA.

 
ACTAS DO I CONGRESO GALEGO SOBRE CRUCEIROS E CRUCES DE PEDRA. Poio, 11 e 12 de setembro de 2009. Vigo: Asociación Galega para a Cultura e a Ecoloxía, 2009.

ARRIBAS ARIAS, F., CUBA RODRÍGUEZ, X.R. e REIGOSA CARREIRAS, A.
“As cruces e cruceiros da Terra Chá” en El Progreso. Lugo: 20-8-87, páx.7.
 
ARRIBAS ARIAS, F. e BLANCO PRADO, J. M. Catálogo de Cruceiros da Terra Chá. Cruceiros de Castro de Rei e Outeiro de Rei, Sada: Cadernos do Seminario de Sargadelos, nº 76, Ediciós do Castro, 1998.

ARRIBAS ARIAS, F. e BLANCO PRADO, J. M. Catálogo de Cruceiros da Terra Chá. Cruceiros de Guitiriz, Sada: Cadernos do Seminario de Sargadelos, nº 81, Ediciós do Castro, 1999.

ARRIBAS ARIAS, F. e BLANCO PRADO, J. M. “Os cruceiros da Terra Chá. Algunhas tipoloxías dos cruceiros de Castro de Rei (Lugo) (Diócese de Mondoñedo-O Ferrol)”, en el Legado Cultural de la Iglesia Mindoniense, I Congreso do Patrimonio da Diócese de Mondoñedo, Ferrol, 1999, páxs. 497-506.

ARRIBAS ARIAS, F. e BLANCO PRADO, J. M. Catálogo de Cruceiros da Terra Chá. Cruceiros de Begonte, Cospeito e Rábade, Sada: Cadernos do Seminario de Sargadelos nº 87, Ediciós do Castro, 2000.

ARRIBAS ARIAS, F. e BLANCO PRADO, J.M. “Algunhas tipoloxías dos cruceiros de Guitiriz”, Os Canteiros. (Actas das xornadas celebradas en Parga –Lugo). Lugo: Brigadas en Defensa do Patrimonio Chairego, 2000, páxs. 21-41.

ARRIBAS ARIAS, F., BLANCO PRADO, J. M e SAAVEDRA PÉREZ, M. . Catálogo de Cruceiros da Terra Chá. Cruceiros, Cristos e Cruces da Pastoriza,  Sada: Cadernos do Seminario de Sargadelos, nº 92, Ediciós do Castro, 2002.

ARRIBAS ARIAS, Fernando e BLANCO PRADO, José Manuel Catálogo de Cruceiros da Terra Chá. Cruceiros, Cristos e Cruces de Xermade,  Sada: Cadernos do Seminario de Sargadelos, nº 94, Ediciós do Castro, 2004.

ARRIBAS ARIAS, F. e BLANCO PRADO, J.M. “Os Cruceiros da Terra Chá. Algunhas tipoloxías dos Cruceiros de Cospeito” en Cadernos de Estudios Chairegos, nº 1. Vilalba (Lugo): Instituto de Estudios Chairegos, 2002, páxs. 100-117.

ARRIBAS ARIAS, F., BLANCO PRADO, J.M. e SAAVEDRA PÉREZ, M. “Os Cruceiros da Terra Chá. Algunhas tipoloxías dos Cruceiros da Pastoriza” en Cadernos de Estudios Chairegos, nº 2. Vilalba (Lugo): Instituto de Estudios Chairegos, 2004, páxs. 125-146.

ARRIBAS ARIAS, Fernando e BLANCO PRADO, José Manuel. “Os Carboeira, unha saga de canteiros de Román (Vilalba)” en Boletín do Museo Provincial de Lugo, tomo XI, volume 1, 2004. Páxs. 197-219.

ARRIBAS ARIAS, F. e BLANCO PRADO, J.M. “Os Cruceiros da Terra Chá. Algunhas tipoloxías dos Cruceiros, cruces e cristos de Xermade” en Cadernos de Estudios Chairegos, nº 3. Vilalba (Lugo): Instituto de Estudios Chairegos, 2006, páxs. 77-112.

ARRIBAS ARIAS, F., BLANCO PRADO, J. M e SAAVEDRA PÉREZ, M. . Catálogo de Cruceiros da Terra Chá. Cruceiros, cristos, cruces e esmoleiros de Abadín,  Sada: Cadernos do Seminario de Sargadelos, nº 96, Ediciós do Castro, 2007.

ARRIBAS ARIAS, F., BLANCO PRADO, J.M. e SAAVEDRA PÉREZ, M. “Os Cruceiros da Terra Chá. Algunhas tipoloxías dos Cruceiros do concello de Outeiro de Rei” en Cadernos de Estudios Chairegos, nº 4. Vilalba (Lugo): Instituto de Estudios Chairegos, 2008, páxs. 59-74.

ARRIBAS ARIAS, FERNANDO. “Os cruceiros lucenses, testemuñas de devoción”, en Trasluz-Lukus. Lugo, nº 2, primavera de 2009, páxs. 55-62.

ARRIBAS ARIAS, FERNANDO. “Patrimonio lucense: O cruceiro de Lanzán, peza excepcional”, en Trasluz-Lukus. Lugo, nº 3, verán de 2009, páxs. 87-88.

ARRIBAS ARIAS, FERNANDO. “Cruceiro do adro da igrexa de Trobo: Peza singular e única”, en Trasluz-Lukus. Lugo, nº 5, inverno 2009-2010, páxs. 50-51.

ARRIBAS ARIAS, F., BLANCO PRADO, J. M e SAAVEDRA PÉREZ, M. . Cruceiros, cristos e cruces de Muras.  Vilalba: Instituto de Estudios Chairegos, 2009.

BAAMONDE, A. e CASTRO, A. “Cruces, cruceiros, ermidas e capelas da bisbarra chairega”, en El Progreso. Lugo: 22-8-87, páx. 7.

BURGOA FERNÁNDEZ,  Juan José “ De Mondoñedo a Compostela: Cruceiros e construccións religiosas de arte popular no Camiño do Norte” En Boletín Museo Provincial de Lugo nº 13, Servizo de Publicacións da Deputación  de Lugo, 2009.

CENDÁN FRAGA, A.: “Os cruceiros de Vilalba”, en El Progreso. Lugo: 31-8-88, páx. 33.

GARCÍA GARCÍA, Antonio. Historia de Bretoña. Lugo: Servicio de Publicacións Deputación Provincial, 2000.

LAREDO VERDEJO, José M.: Os nosos cruceiros, A Coruña: Ed. Boreal-Xuntanza.  1993.

PERNAS BERMÚDEZ,  Carmen. “O cruceiro dos Catro Camiños de Vilalba (Lugo) (I), Diario El Progreso de Lugo, 30-IV-1998, páx. 16.

PERNAS BERMÚDEZ, Carmen. “ O cruceiro dos Catro Camiños de Vilalba (Lugo) (e II)”, Diario El Progreso de Lugo, 1-V-1998, páx. 16.

RODRÍGUEZ CASTELAO, A. As cruces de pedra na Galiza. Madrid: Akal, 1975 (Ed. Facsímile).

RODRÍGUEZ SÁNCHEZ, M. e  BLANCO PRADO, J.M. Cruces y cruceros del municipio de Begonte. Lugo: Deputación provincial, 1988.

TRAPERO PARDO, José. “Os cruceiros”, en Lucus, nº 27, 1974, páxs. 25-40.

 

 ILUSTRACCIÓNS

 

   

CRISTO DE FROILÁN

 

 

CRISTO DE FROILÁN. DETALLE: CUSTODIA.

 

 

CRISTO DAS ANTIGAS

 

 

 CRISTO DO FOXO

 

 

CRISTO DO CENTRO DE SAÚDE

 

 

 

CRISTO DO ARANDAL

 

 

CRISTO DE CERVELO

 

 

CRISTO DE XAN PAZ

 

 

CRISTO DE AMORÁS

 

 

CRISTO DO ALTO DAS FONTELAS

 

 

CRISTO DE GÓMEZ

 

 

CRISTO DE AFOZ

 

 

CRISTO DE ANDRÉS

 

 

DETALLE DO CRISTO DE ANDRÉS

 

CRISTO DE CURRÁS

 

 

RESTOS DO CRISTO DE D. DIEGO.

 

DETALLE DO CRISTO DE D. DIEGO

 

 

CRISTO DE MARQUIDE

 

CRISTO DE RIGUEIRO DE MANECHE

 

 

CRISTO DO CHIVADOIRO

 

 

CRISTO DOS VIAS

 

 

CRISTO DO ROMEIRO

 

 

DETALLE DO CRISTO DO ROMEIRO

 

CRISTO DA IGREXA DE CADAVEDO

 

 

DETALLE DO CRISTO DA IGREXA DE CADAVEDO

 

 

CRISTO DE MARÍA

 

 

 

Ir arriba