|
Revista de Investigación "Etnografía", nº 2, 2010. I.S.S.N. 1989.8541.
Web, http://mesondoforno.com.
OS MITOS GALEGOS.
XOSÉ MIRANDA.
En prosa, na narrativa oral, distínguense tres xéneros: o conto, a lenda e o mito.
Brevemente, o conto nárrase sabendo que é ficticio (é unha “patraña”, unha “fábula”) e podemos clasificalo, seguindo a Aarne en varios grupos, que direi a voa pluma: de animais (que son como a fábula clásica), chistes e anécdotas (moi realistas e mesmo naturalistas), contos de fórmula e contos “folclóricos ordinarios”, entre os que están os “marabillosos” nos que intervén a maxia, hai contrincantes sobrenaturais e probas que superar, etc. Como tal, os contos de Brancaflor, do Príncipe Lagarto, o cabalo Buligán, os tres pelos do demo, a princesa e o xigante, o olláparo, etc. Moitos dos seres míticos galegos aparecen precisamente neste último tipo de contos. Óllese que estes “contos de fadas” suceden nun mundo e nun tempo míticos por definición.

DOLMEN DE AXEITOS (RIBEIRA) (A CORUÑA)
A lenda é unha narración que se pretende certa. O narrador cóntaa como un sucedido real, verdadeiro: eis o seu carácter máis definitorio. A lenda é un sucedido e para amosalo, para autentificalo, dáse o nome do protagonista ou da testemuña: isto pasoulle ao meu avó, á miña tía, a un amigo, a un amigo dun amigo, a min mesmo que o vin con estes ollos, e dáse tamén o tempo no que pasou e o lugar preciso. Poño un exemplo:
"Conta o Félix que había unha muller en Marce que lle chamaban a Generosa do Pólvora, que era irmá da Monfortina, e que cando lle morreu seu pai ela estaba alí por debaixo da casa e que ladraba igual ca un can. E dicían que pouco antes de morrer pedíalle a man dereita á súa irmá e que esta non lla deu. En vez deso, deulle o rabo dunha vasoira. E Generosa morreu e a vasoira marchou voando".
Iste carácter de “verdadeiro” que ten a lenda opona rotundamente á fábula e fai que un se interrogue sobre o título “imaxinario”, pois precisamente a lenda pretende non ser “imaxinaria”, senón verídica. A lenda fainos dubidar, embolecar: está a cabalo entre dous mundos. O outro mundo, de súpeto, maniféstase neste. Ben sei que moitos diredes que esas non son as lendas habituais, que as habituais son as de castelos, cabaleiros, santos, virxes, etc. Pero errades. As arqueolendas, como as denominan os especialistas, son estas e son as de auténticas raigame popular, oral. Nas arqueolendas (que son as que se contan como recentes en canto ao tempo da narración) os personaxes son meigas e meigos, bruxos, nubeiros, lobishomes, mal de ollo, meigallos, demos, trasnos, demachiños, pantasmas, a Compaña, a Sociedade do Oso, cans, a Zarrulada, lobos, porvisos, etc. Pola súa banda, a neolenda ten en común coa lenda a súa pretensión de verosemellanza, mais non se localiza nun mundo e nun tempo inmediato (sucede na antigüidade, nos tempos de cabaleiros e castelos, no dos santos ambulantes, nos do Camiño de Santiago), aínda que si nun tempo e nun mundo recoñecibles, e por iso non pode presentar testemuñas do sucedido. Suspeitamos seriamente da orixe escrita de moitas destas lendas. Hai un terceiro tipo de lenda, en fin, que é moi coñecida hoxe: a denominada lenda urbana. Nela non aparecen seres sobrenaturais normalmente, pero mantén exactamente o carácter de autenticidade, de ser un sucedido, e danos testemuñas: un amigo dun amigo. Enche os xornais e o internet. Constitúe un novo tipo de folclore, o xeroxlore. E aínda que é universal e transversal, nin é tan moderna como se pretende nin unicamente urbana nin deixa de terse localizado repetidamente.
Un exemplo: "Na Coruña un neno foi cos pais á feira e montou nos cabaliños. Era pequeno, pobre, seica non pasaba dos tres anos. Montou nun cabalo e de repente púxose a chorar. Colleuno a nai e el choraba e choraba. Tiveron que levalo para a casa. Dixo que o mordera o cabalo. E, claro, non lle fixeron caso. Pensaron que era cousa de nenos. Pero pola noite púxose moi malo, vomitando, inchoulle o brazo, púxose negro. Chamaron o médico, pero xa chegou tarde. Morreu o neno. E o caso é que no brazo tiña dúas picaduras. Non o mordera o cabalo, mordérao unha víbora. A policía foi mirar o tiovivo, e atoparon unha víbora que fixera o niño no cabalo".
Pero fáltanos falar do mito. Esa peza narrativa tan difícil de apreciar, pois semella estar a cabalo entre o conto e a lenda: Comparte co conto marabilloso que sucede en tempos “imaxinarios”, en tempos que non se poden medir cos métodos habituais, pois son alternativos, son os tempos primixenios, os tempos “de María Castaña” que non suceden nun percorrido lineal, os tempos “fóra do tempo”, e comparte coa lenda a súa pretensión de autenticidade. Iso autenticamente “sucedeu”. Non hai testemuñas, mais sucedeu e é evidente. Non se trata dunha neolenda pois non se trata agora, en realidade, dos seres humanos, senón dos deuses que están nas orixes do mundo e a neolenda, ademais, é realmente o inverso do mito, pois sucede sempre en tempo histórico.

O CASTRO DE BAROÑA
O mito fala das orixes das cousas, trata das crenzas máis fondas dunha comunidade e por iso cando estas se perden pasa a percibirse como un conto. E como o tempo ahistórico debe renovarse sempre por medio de ritos, como o tempo “do soño” é presente continuo, o contacto dos humanos actuais co mito dá lugar á lenda. Un exemplo: as mouras, no mito, posúen tesouros inmensos e son a orixe dos castros, as mámoas e os castelos. Están baixo terra, pois como Perséfona, foron condeadas a pasar “unha temporada nos infernos”. Pero na lenda falan cos humanos, prométenlles riquezas, poñen tendas, gárdanlles os porcos. E isto foi o que sucedeu en Galicia: ata agora os folcloristas nunca falaron dos mitos galegos, que os hai e son moi abundantes. Clasificáronos como lendas ou como contos etiolóxicos ou mesmo, desconcertados, como puro chiste ou anécdota. Engadamos que o personaxe orixinal pode estar oculto ou ter cambiado de forma para adaptarse á relixión dominante e xa está. E vexamos exemplos:
"O río Eume nace no Xistral, na Fonte do Xistral, e despois baixa e pasa onde o lugar do Real. Alí houbo unha vila que un día quedou asolagada. Un día que veu un trobón, un diluvio e non parou de chover ata que Veiga do Real quedou asolagada. Fíxose un pozo fondísimo, o Pozo do Real. E din que os habitantes quedaron alí, e que viven debaixo das augas. O caso é que alí aparecen unhas señoras peiteándose, uns encantos que a bo seguro eran desa vila. E tiñan un cadelo, un cerrulo pequeno que pillaba as ovellas dos que ían por alí e mándabaas ao fondo do Pozo, sería para alimentar aos habitantes, que sei eu.
"Unha bruxa, ou moura, e a súa filla, residentes no castro cruzaban a pé o Monte Pedrido. A mai ía fiando e levaba na cabeza unha grande rocha; a nena levaba na cabeza unha ola con leite. Ó chegar á Pena, a bruxa, ou moura, esvarou sobre unha laxe, caeulle a rocha que levaba na cabeza e esmagou a filla. A mai, vendo a desgracia, alporizouse e dixo: Pena Castrela, rompíchesme a ola, matáchesme a nena; o demo te fenda de rabo a orella. E para castigala colleu a outra pedra (dun medio metro de longo) e tiroulla enriba. E alí está a pena, fendida en dúas".
As mouras, como se ve, son xigantes, que levan laxas na cabeza, fian cunha man e, aínda que aquí non se diga, ó mesmo temo, baten leite ou fan manteiga coa outra. Co tempo, confundíronse coas bruxas, que, como se ve, non son as bruxas normais, senón bruxas sobrenaturais xigantescas, idénticas ás das Illas Británicas. En realidade, trasuntos da deusa Mari, Moura, Morgana, Morrigan. Esa deusa responsable das antas, mámoas, castelos e castros, e ás veces de pontes e igrexas, e desde logo habitante de covas, montañas, castros, lagoas e fontes, capaz de cambiar de forma a vontade, que ás veces é cobra e ás veces é pita e ás veces é egua, vella e nova, e amante dos porcos, das vacas, do leite e dos queixos, do viño, do pan e dos cereais, das rapaciñas ás que leva para que a sustitúan e dos mozos, e gobernadora tamén do tempo, do inverno (é ela quen fai a xeada: peneirou a vella canto quixo; a vella peneira de noite; quen produce a calor: forneou a vella canto quixo, din nun día de fogaxe; está en Fole), responsable do arco da vella e dos vagalumes (vella facendo as papas) e das maruxiñas. Esa vella fixo as montañas e dáselle culto nas montañas: no Faro, no Cebreiro, cos nomes de Ana, María, Mariña, que son o seu último avatar. Pero ás veces é o mesmo Deus.
"Cando Deus rematou de facer o mundo o último que fixo, e o que mellor lle saíu, foi Galicia. Estaba canso, e pousou o cu no mesmo cume do monte Santa Tegra, pero non asentou ben e para non caer e quedar en ridículo, apoiou a man. Co seu peso quedaron marcados os dedos e o mar entrou por aquelas marcas terra adentro. Os cinco dedos formaron as cinco Rías Baixas: a de Vigo, a de Pontevedra, a de Arousa, a de Muros e Noia, e a de Corcubión e Cee. Ah, pero cando Deus ergueu a man lixada de lama, sacudiuna, e así, segundo os montóns que foron caer no mar fosen grandes ou pequenos naceron as illas Cíes, as Sisargas, Ons e Oncela, Sálvora, Arousa e as outras illas galegas".
ILUSTRACCIÓNS.

FOTO 1. JOSÉ M. BLANCO PRADO. O CASTRO DE BAROÑA ( PORTO DO SON) (A CORUÑA).

FOTO 2. JOSÉ M. BLANCO PRADO.O DOLMEN DE AXEITOS (OLEIROS) (RIBEIRA) (A CORUÑA).

FOTO 3. JOSÉ M. BLANCO PRADO. SAN PEDRO DE ROCAS (ESGOS) (OURENSE).

FOTO 4. JOSÉ M. BLANCO PRADO. SAN PEDRO DE ROCAS (ESGOS) (OURENSE).
|