JOSÉ MANUEL BLANCO PRADO. OS XOVES DE COMPADRES E COMADRES NAS “TERRAS DE LEMOS” (LUGO)

 

 Artigo publicado na Rev. Lucensia (Biblioteca Seminario Diocesano), nº 45 (Vol XXII).Lugo.

 Revista de Investigación “ETNOGRAFIA”,  nº 5, 2013. I.S.S.N. 1989 – 8541. 

 Web: mesondoforno.com.

 

       O Entroido baséase na inversión das regras sociais, dos valores, da condición humana, da clase, da idade, do sexo. É o mundo ao revés; a transgresión mediante a sátira, a burla, a ironía; a consolidación da colectividade, a visión cómica do mundo, o desafogo psicológico etc. (Federico Cocho. O Entroido Galego,1998, páxs. 14-15). Ademais nesta festividade prodúcese un exceso de índole gastronómica previo ás privacións coresmais. Así, asociado ao entroido hai unha culinaria característica na  que o porco constitúe o eixo básico desta festa. Isto queda reflectido no consumo de diferentes partes deste animal como o lacón, o rabo, a cachucha, os chourizos, a soa  o botelo , as androllas  , e as filloas  (Xosé Manuel González Reboredo, 1996 ).
       Noutrora, a dimensión festiva do Entroido abranguía dúas semáns e media. Neste tempo había uns días nos que os enredos e as algarabías populares tiñan unha maior incidencia. Estámonos a referir ao Domingo Fareleiro, ao Xoves de Compadres, ao Domingo Corredoiro, ao Xoves de Comadres, ao Domingo de Entroido, ao Lúns e Martes de Entroido e ao Mércores de Cinza ( Vicente Risco,1979, páx. 612). Agora ben, o Entroido, polo que respecta á provincia de Lugo, prolóngase na coresma non só ata o mércores de cinza, día no que adoitan celebrarse os “enterros da sardiña”, senón tamén ao sábado  e ao domingo de piñata . Pois ben, en función deste calendario o Xoves de Compadres conmemórase dez días denantes do Domingo de Entroido e o Xoves de Comadres celébrase tres días antes do devandito domingo.
     

1. ALGUNHAS REFERENCIAS SOBRE O XOVES DE COMPADRES E COMADRES EN GALICIA.    

 
       Sobre ámbos dous días de festividade posuímos datos referenciais con respecto a algunhas comunidades galegas como Viana do Bolo, Castro Caldelas, Verin, Monforte, etc. 
       Así, o xuíz  Nicolás Tenorio aportounos as mencións máis antigas sobre os Xoves de Compadres e Comadres da comunidade de Viana do Bolo (Ourense), onde exerceu o seu labor durante varios anos. “No Xoves de Compadres as mulleres da comunidade elaboran con pallas de centeo un boneco, ao que lle dan o nome de “compadre”, e ao que visten con roupas de home -previamente roubadas polas mozas aos mozos máis amigos- levando un cigarro na boca e naipes nas súas mans. Logo poñen ao monicreque nunha balconada e os mozos tentan apoderarse del utilizando todo tipo de mañas e argucias. Mentres tanto, as mulleres deféndeno ata o punto que loitan corpo a corpo cos mozos para poder queimar “ao compadre”. No caso de que os homes acaden roubar o boneco espídeno e prendenlle lume as pallas no medio da rúa con gran alborozo. Días despois, na tarde do mércores ao Xoves de Comadres, tanto os casados como os solteiros da localidade reúnense e van ao monte a cortar unha árbore –concedida por un veciño da comunidade– que logo traen para a vila, acompañados dun gaiteiro e uns tamborileiros. Chegados á praza deixan o pao central, xa desgaxado das súas ramas, no chan ata que veñen cunha boneca, realizada con pallas de centeo e vestida con roupas de muller, –tamén roubadas a algunha rapaza da vila– que suxetan ao extremo máis delgado do madeiro. Logo, entre todos, ízano nun foxo cavado no chan, mentres soa a gaita e os tambores, e prodúcese un gran alborozo e un gran griterío na praza. A “comadre” permanece exposta ata o martes de Antroido e durante ese tempo e, moi especialmente durante a noite, hai unha garda permanente en torno ao madeiro, na que os mozos da localidade se turnan. Aínda que a garda ten como finalidade evitar que as mulleres se acerquen a roubar “a comadre”, ás veces as máis decididas tentan tirar o madeiro, producíndose nese intre unha loita entre ámbos os dous xeneros”.
 ( Nicolas Tenorio, 1982, páxs. 126-127).

 

 

 

XOVES DE COMADRES. BABELA (DISTRIZ) (MONFORTE). O FIANDÓN

 

 

 

      Na localidade ourensán de Castro Caldelas, as mozas realizan o primeiro xoves uns bonecos con palla e farrapos, chamados os compadres. Paséanos na punta dun pau e, logo, procuran queimalos. Sen embargo contan coa oposición dos mozos, que queren quitarllos para que non os queimen. Deste xeito, iníciase unha grande pelexa entre ámbos os dous sexos… O xoves de comadres invírtese a situación e son os mozos os que realizan e queiman ás comadres. ( Vicente Risco, 1979, páx. 615).

       Noutras comunidades ourensáns, como Bande, Verín, Xinzo etc., as mozas realizan un moneco de palla, que visten con roupa roubada a un mozo. Este moneco recibe o nome de reco, coresma (Bande), lardeiro…As rapazas corren ao pelele polas rúas, mentres os mozos pretenden arrincarllo das mans para impedir que o queimen. Pola contra, o Xoves de Comadres son os mozos os que fan a lardeira co mesmo ritual de loita de sexos… ( Xesús Taboada Chivite, 1972, páx. 57).

 

2. OS XOVES DE COMPADRES E DE COMADRES NAS TERRAS DE LEMOS.

      O Val de Lemos aglutina aos concellos de Bóveda, Monforte, Pantón, A Pobra de Brollón, O Saviñao e Sober. Námbolos dous días dábanse en caseque tódos os barrios de Monforte –Carude, San Antonio, Ramberde, os Abeledos, os Chaos e nalgures do da Estación– tremendas loitas entre mozos e mozas, por mor de liberar un moneco que -asegún que o día fora de comadres ou compadres– iles ou elas facían con palla, e vestían de home ou de muller, tamén asegún os casos. O tal moneco, era colocado no máis outo dunha balconada, ou no tellado da casa. E había que sacalo de onde o puxeran. Pra conseguilo, compría agatuñar deica o ponto onde estaba posto, ou chegar a íl polos casales veciños. Os que habían defendelo, miraban cara íl, desafiantes, ríndose a todo rir. Na súa defensa valían tódas as artimañas, comezando por ter as maos ben untadas de chapapote, xiringuillas con auga e outras armas polo estilo, que eran tamén as dos atacantes e liberadores. Pódese supoñer cómo se porían todos íles, deica que o simbólico home ou muller era arrancado do sitio en que estaba pendurado. Despois era queimado entre as risas i a troula de todos (VÁZQUEZ, Germán,  1969, páx. 286).

 

 

 

XOVES DE COMPADRES. BABELA (DISTRIZ) (MONDORTE). A EMPANADA DE PAPUCHAS

 
 
      Co paso dos anos en Monforte xa se foron realizando námbolos dous xoves varios bonecos de palla, ben comprimidos e vestidos con roupas de homes e mulleres, previamente roubados aos seus conxuxes ou coñecidos, segundo se tratase do Xoves de Compadres ou do de Comadres. Estes bonecos colocábanos, tanto mulleres como homes, en lugares de difícil acceso como balconadas, tellados, árbores etc., e logo vixiábanos toda a noite. A finalidade era recuperar os bonecos –os homes aos compadres, e as mulleres ás comadres- para impedir que fosen queimados o que daba lugar a unha loita simbólica entrámbolos dous sexos. Había lugares como en Santa Mariña, parroquia cercana á vila, onde tanto os homes como as mulleres tisnábanse a cara con cinsa e sarrio das cociñas cando se producían os forcexeos típicos destas datas.

      En Anllo (Sober) hai xa bastantes anos as mulleres durante a semán de compadres andaban de casa en casa pedíndolle a roupa aos homes de bon modo. Se non a conseguían de broma, roubábana. Á noite do miércoles, as mulleres do lugar reúníanse nun local e realizaban os compadres con palla e, logo, vestíanos coa roupa dos seus conxuxes, e coñecidos. O xoves, pola maña cedo, colgaban aos compadres nas árbores, e nos balcóns, e os homes querían quitarllos o que daba lugar a certos forcexeos coas mulleres, que eran moi celebrados. Pola noite queimabanse todos xuntos e despois bailábase ó redor deles coa música dun acordeón. O xoves seguinte facíase o ritual ao revés.  ( Informante: Josefa Álvarez Sobreira. Veciña de Anllo).

 

 

XOVES DE COMADRES. BABELA (DISTRIZ) (MONFORTE). A CANTINA DE DISTRIZ.

 

 

      Na actualidade os xoves de compadres e de comadres foron institucionalizados por tódolos Concellos do Val de Lemos. Asi, o concello monfortino establece námbolos dous xoves tres modalidades por concurso: Centros de ensino. Parroquias, Barrios e rúas do Concello. Individuais. Cada modalidade, terá acceso a un primeiro premio, a un segundo, e a un máximo de tres accesits. Ademais o xurado poderá conceder se así o estima un premio especial á Etnografía.

       Neste século participaron ata o intre actual os seguintes centros escolares e  garderías: Colexio Ferroviario, Colexio Escolapios, Colexio Novo,Colexio Divina Pastora, Centro de Estudios “A Gandara”, Instituto “A Pinguela”, Instituto “Río Cabe”, Colexio Torre de Lemos, Gardería Infanta Elena e Caixa Galicia. Con respecto ás asociacións colectivas, bares, barrios, comercios, rúas etc. cómpre facer mención aos barrios de Babela (Distriz), de Piñeira, dos Chaos,de Carude, de Ribasaltas, de Santa Mariña, da Estación, do Casar. Ás asociacións de Auxilia, de Prodeme, do Fabeiro, de Rioseco, das Viviendas sociais do Val  de Lemos, de Agora, do Centro social de Caixa Galicia, ao Xeriátrico Asimédica.  Ás rúas de A Florida, do Cardenal, do Malecón, de Huertas, da Coruña, do Comercio, do Escultor Francisco Moure, de Ricardo Quiroga. Finalmente a nivel comercial, ao Supermercado Familia, ao Bar “A Palloza”, a Panadería Luna etc. 

      No intre actual a maioría dos homes e mulleres colaboran na elaboración dos bonecos do Xoves de Compadres e de Comadres. Estes adoitan ser caricaturas de persoas do barrio, da rúa, da entida pública, ou de persoeiros públicos tanto locais como non. Colócanos nos campos; nas beirarrúas; nas prazas; e ao carón de entidades comerciais e sociais, formando grupos de varias figuras mesmo de vinte e máis, que soen escenificar diferentes tarefas tradicionais e modernas, e ser un poderoso instrumento de crítica, burla e sátira de diferentes eventos sociais.

 

 

XOVES DE COMPADRES. BABELA (DISTRIZ) (MONFORTE). A PODA DAS VIDES.

 

 

       Ao atardecer dámbolos dous xoves, os estudiantes dos colexios participantes e un bó número de adultos da vila acoden á praza de España, onde o xurado notifica quen foi agraciado en cada unha das tres modalidades. Logo, na explanada da Compañía, quéimanse os diferentes bonecos que participaron no Concurso. “ Tras el desfile de comadres, que acabaron en la hoguera de la explanada de la Compañía, como manda la tradición, la Concejalía de Cultura hizo públicos los ganadores del concurso municipal” (Diario: “La Voz de Galicia. 27-2-2003). Algúns barrios, e entidades comerciais e sociais, realizan a queima dos seus monicreques no lugar onde están situados. Para tal efecto quitanlles os aramios, que constitúen o soporte básico da figura, así como as roupas que visten. Logo da queima dos monecos hai barrios que seguen coa xornada festiva. Así, no ano 2000 os veciños dos barrios de Carude e os Chaos asaron sardiñas, touciño e elaboraron empanadas de zorza, que ofrecían ás persoas asistentes (Diario: “El Progreso”. 25-2-2000).
       Este nivel de participación, tanto de colexios como de entidades de índole comercial, social e veciñal, motivou que no ano 2001 a concelleira de Cultura Aida Menéndez fixese referencia a que a xente de Monforte implícase máis no Entroido que nas festas patronais. Esta afirmación non resulta estraña se temos en conta que nese ano houbo preto de dúas mil persoas ligadas a organización do Entroido .Anos despois –2010– a tamen edil de Cultura, Alicia Cadarso Palau fixo alusión ao importante nivel de participación námbolos dous xoves, recoñecendo ademais o labor que levan a cabo os profesores, os alumnos e os pais nos diferentes centros educativos da vila para darlle un maior realce ao Entroido monfortino. ( Diario: El Progreso. Febreiro. Anos 2001 e 2010.) 

2.1. ESCENIFICACIÓN DOS BONECOS.

      A nivel individual e colectivo os bonecos representan ás máis das veces dunha maneira burlesca diferentes eventos sociais de índole local, autonómica e estatal. Tamén adoitan ser un relevante instrumento para coñecer diferentes labores e oficios tradicionais.
      Pois ben, algunhas representacións levadas a cabo no presente século están reflectidas do seguinte xeito:
      Ano 2001. Na praza de Carude e no Malecón hai unha escenificación das “vacas locas”.
      Ano 2004. Neste ano a boda entre o principe D. Felipe e Dª Letizia vaise representar en varias asociacións, barrios e colexios monfortinos da seguinte maneira:
      No Chao de Fabeiro, hai unha parodia, que leva por título, “A jet-set do Fabeiro vaise de voda real”.
      En Prodeme, o título da representación  é “Voda Real”. En Carude, “ Despedida de solteira de Letizia”. No colexio da Gandara, “Unha real noiva”.
      Ano 2005. No barrio da Florida escenifícanse dous eventos festivos de carácter local.
      O Xoves de Compadres: “O San Mateo na Florida”. O Xoves de Comadres: “As roscas do San Brais”.
      Neste mesmo ano conmemórase o cuarto centenario do Quijote de Cervantes. Este evento vaise representar cos seguintes títulos: Na escola Caixa Galicia: “La segunda parte de D. Quijote”. No colexio Ferroviario: “En un lugar de la Mancha”. No colexio Novo: “O Quixote. Os cabaleiros da Mancha”.No instituto Río Cabe: “O Quijote”. Na Apa dos Escolapios: “O Quijote.
     Ano 2009. A crise económica impacta de tal xeito no Val de Lemos, que vai ser un acontecemento do que vai haber varias representacións nas vilas de Monforte e Sober coas seguintes denominacións:
     Panadería Luna: Xoves de Compadres: “Ere que Ere” (Andalucía). Xoves de Comadres: “Pócima Anticrisis”. Na rúa de San Pedro, a panadería “la Luna” representou a un grupo de bruxas cociñando unha pócima coa finalidade de conxurar a crise. (Suplemento: Ribeira Sacra (El Progreso). 20-26-Febreiro-2009). No bar da  Palloza: “Remedios contra a crise”. No barrio de Ribasaltas: “A crise das mulleres, cousa de trapos”. Barrio de Carude: “Crisis”. Colexio Ferroviario: “Paseando a dona crise”. Colexio Novo: “Dona crise”. Colexio Infanta Elena: “Dona crise”.
      En Anllo (Sober): “Non sobrevivín a crise”. En Matamá (Sober): “A crise fai aproveitalas rebaixas”.
      Ano 2010. As peregrinacións a Santiago de Compostela e a idade de jubilación son dous acontecementos, que aparecen reflectidos nalgunhas escenificacións realizadas no presente ano. Así, na rúa de San Pedro, levouse a cabo unha representación relacionada cunha peregrinación a Santiago. Xa, no ano 2004, no lugar de Vilamelle (Pantón) unha ringleira de  monicreques con vieiras e bordóns parodiaba á beira da estrada unha peculiar peregrinación xacobea.  
     Asi mesmo no centro social de Caixa Galicia e na residencia Asimédica realizaronse dúas escenificacións, que aludían ao alongamento da idade de xubilación por parte do goberno central.

 

 

XOVES DE COMPADRES. CAPELA DE SAN LÁZARO (MONFORTE). CRITICA MUNICIPAL.

 

 

2.2. O COLECTIVO VECIÑAL DE “BABELA” (DISTRIZ) (MONFORTE).

      Dende hai uns doce anos aproximadamente este grupo de veciños dedícanse a representar tanto o Xoves de Compadres como o de Comadres, un material etnográfico de vital importancia de cara aos novos. Así, este colectivo coordinado por un gran home como é Xusto Prieto Campos está levando a cabo unha tarefa pedagóxica e didáctica, xa que dende finais do século pasado están dando a coñecer como se vivía denantes nunha casa rural do “Val de Lemos”. Isto conlevaba proxectar ao exterior unha serie de traballos familiares e colectivos, como eran a malla, a sega da herba, a seitura do trigo, a roza dos toxos, a colleita das patacas, a fornada do pan, a poda das vides, a elaboración de doces, a caza das papuxas  . Este grupo ensinaba p.ex. como era o labor de construír as esparrelas de uz, de colocalas entre as silveiras e as zarzas co babullo do fruto, e finalmente a tarefa de preparar as empanadas de papuxas, que tiñan moita sona nas Terras de Lemos, e así facían con outros labores. ( www.jrcasan.com/2008/Carnaval/ xoves comadres/ 2011/ Carnaval). Tamén amosaban unha serie de oficios necesarios para a súa subsistencia, como eran o dos zoqueiros, o dos ferreiros, o dos carpinteiros, o das leiteiras, o dos cesteiros. Finalmente, tamén mostraban como era o tempo de lecer, reflectido nunha taberna, nunha debulla e esfolla de millo, nun fiandón, nunha seca de castañas, nunha pesca furtiva etc. Na esfolla do millo, daban a coñecer todo o proceso, que ía desde a esfolla, enrastrado, secado e mesmo o uso da palla das mazorcas para encher chergóns, que logo se utilizaban a xeito de colchóns, e así sucesivamente con outros intres de ocio.

 

 

XOVES DE COMPADRES. SANTA MARIÑA (MONFORTE). PROCESO DO VIÑO

 

      Nestes últimos anos, a asociación de veciños a Xuntanza de Santa Mariña (Monforte) tamén se adicou a temas de carácter rural, como os da feira, a matanza do porco, e a elaboración do pan e do viño. A representación da elaboración do pan permitiu a esta asociación obter o premio especial de Etnografía no concurso do Xoves de Comadres do ano 2012. Ata ese intre este premio sempre foi gañado polo colectivo de veciños de Babela (Distriz).
     Outro concello importante polos seus compadres e comadres é Sober, como xa poidemos apreciar por algunhas das súas escenificacións, xa mencionadas. De tódolos xeitos, a nivel de labores e oficios, cómpre distinguir varias.
     Así en Anllo, no ano 2010, escenificáronse varias escenas rurais ligadas ao traballo do campo e ao tempo de lecer, como eran os diferentes momentos do traballo nos muíños, onde intervía un grupo de compadres e varias caricaturas de burros, que levaban o trigo a moer. O momento de lecer estaba reflectido por un compadre pescando e outros xogando ás cartas.
     As escenas características da vida rural tamén foron representadas na aldea soberina de Matamá, con vintecinco compadres dedicados a carretar uvas, sacar viño dunha cuba, destilar augardente, e xogar ás cartas (Diario: La Voz de Galicia, 12-2-2004).
     Por outra banda o humor, a ironía, o sarcasmo e a louvanza son trazos que todos os anos podemos percibir nas coplas de compadres e comadres da capital municipal referidas a veciños e veciñas da localidade.

 

   -“ Moitos anos concellal / e solo catro de alcalde /saiunos a bon precio/
    casi  saiu de balde/.”                                 
   – “ Gástase moito gasoil / seica hai que aforrar / traede as mantas da casa /        
    se vos queredes quentar/.”                                   
   – “Temos novos concelleiros / hai que poñelos a andar¡/ seica traen pilas novas/
    pronto as van a gastar/.”                                                       .
   – “ No concello de Sober, / contratan moitas mulleres./ Están pa tomar café,/
    e pa falar coas paredes /.”
   – “ Nesta vila de Sober / hai viudas a montós;/ din que envenenan aos homes /
    para cobrar as pensiós /.”
   – “ Non se fan con mala fe / as coplas do carnaval. /Fanse para divertirse, /
    que a ninguén lle senten mal /.”

 

        Polo que respecta aos concellos de Ferreira de Pantón e a Pobra de Brollón a dinámica festiva dámbolos dous xoves é escasa. Unicamente as dúas capitais municipais e a localidade de Salcedo, pertencente a Pobra, seguen realizando algúns compadres e comadres, que escenifican diferentes eventos sociais, así situacións cotiás. En Bóveda e no Saviñao segue habendo algúns talleres de carnaval dirixidos aos máis pequenos.

                                                                                                            
3. CONCLUSIÓNS.

     Noutrora a festividade do Entroido constituía un tempo de lecer, que era aproveitado por todos os integrantes dunha comunidade. Nos concellos das Terras de Lemos o máximo nivel de participación tiña lugar nos Xoves de Compadres e de Comadres, tempo no que se permitía unha inversión da normalidade da vida cotiá reflectida nunha confrontación amistosa mais tamén real entre homes e mulleres con motivo da queima ou non dos diferentes bonecos realizados por algún dos colectivos. Esta loita simbólica entrámbolos dous xéneros propiaciba unha relaxación e un desafogo psicológico.  

 

 

XOVES DE COMADRES. BABELA (DISTRIZ). OS DOCE CASEIROS.

 

     
      No intre actual unha serie de factores como a emigración, o envellecemento da poboación rural, os cambios de mentalidade da nosa sociedade propiciados polos efectos da globalización e por unha maior mercantilización, os novos xeitos de lecer debido a televisión, Internet, discotecas etc., motivaron o declive de moitos rituais non só do Entroido senón tamén doutras festividades.      
      Neste val grazas ao traballo desinteresado de moitas persoas e aos apoios institucionais séguense celebrando ámbos os dous xoves mais xa con cambios importantes:
     – Perdeuse a confrontación directa entre xéneros.
     – Prodúcese unha oficialización do Entroido en xeral e dámbolos dous xoves en particular. Así o concello comeza a convocar concursos dirixidos a colexios barrios e diferentes entidades coa finalidade de conceder premios aos que realicen os mellores bonecos de compadres e de comadres. Isto pode dar lugar a certa manipulación e control por parte das institucións e por conseguinte a perda do potencial creador dos que participan na festa en calidade de actores. (Marcial Gondar, 1993, páxs. 173-174).
       Con todo, estes xoves seguen cumprindo no intre actual unha relevante función pedagóxica e didáctica. E isto é debido a que os diferentes grupos de bonecos tanto de compadres como de comadres representan diferentes eventos sociais, moitos obxecto de burla e crítica, algúns de louvanza. Ademais nalgunhas comunidades rurais os bonecos adoitan escenificar vellos oficios e tarefas cotiás  . De tódolos xeitos, cada vez máis estáse tendendo a intervir no entroido dun xeito indirecto mediante a contemplación, que dunha maneira directa a través da intervención.

4. BIBLIOGRAFÍA.

BLANCO PRADO, José Manuel.: “ 1ª Exposición sobre o Entroido na provincia de Lugo”, en Boletín do Museo Provincial de Lugo. Servicio de Publicacións da Deputación Provincial, 2005, paxs. 203-222.

BLANCO PRADO, X.M.: “O Entroido na Diócese de Lugo. Achegas históricas ao Entroido na freguesía del Salcedo”, en Lucensia (Biblioteca Seminario Diocesano), nº 40, Lugo, 2010, páxs. 163-172.

BLANCO PRADO, X.M.: “2ª Exposición sobre o Entroido na provincia de Lugo”, en Boletín do Museo Provincial de Lugo. Servicio de Publicacións da Deputación Provincial, 2012. No prelo.

CARO BAROJA, J.: El Carnaval, Madrid: Taurus, 1983.

COCHO, Federico.: O Carnaval en Galicia, 2ª ed, Vigo: Xerais, 1992.

GONDAR PORTASANY, Marcial.: “ As máscaras do Poder. A linguaxe do  carnaval”, en  Crítica da Razón Galega. Entre o nós-mesmos e nós-outros. A  Nosa Terra, Vigo,  1993, páxs. 161-166.

GONZÁLEZ REBOREDO, X.M. e MARIÑO FERRO, X.R.: Entroido en Galicia. A Coruña: Deputación, 1985.

GONZÁLEZ REBOREDO, X.M.: Guía de festas populares de Galicia, Vigo:Galaxia, 1997.

MARIÑO FERRO, X.R.: O Entroido ou os praceres da carne, 2ª ed., Sada (A Coruña): Ed. do Castro, 2003.

RISCO, Vicente.: “Etnografía: Cultura espiritual”, en Historia de Galicia. T. I,      Madrid, Akal, 1979, pp. 225-763.

TABOADA CHIVITE, Xesús.: Etnografía Galega. Cultura Espritual. Vigo:Galaxia, 1972

 

ILUSTRACCIÓNS

 

 

XOVES DE COMADRES. PARROQUIA DE SANTA MARIÑA (MONFORTE). MATANZA DO PORCO

 

 

 

XOVES DE COMPADRES. BABELA (DISTRIZ) (MONFORTE). FURTIVISMO.

 

 

 

 

XOVES DE COMADRES.BABELA (DISTRIZ) (MONFORTE). A ESFOLLA.

 

 

 

XOVES DE COMPADRES. BABELA (DISTRIZ). OS FERREIROS.

 

 

 

XOVES DE COMADRES. BABELA (DISTRIZ) (MONFORTE). A CANTINA DE DISTRIZ

 

 

 

XOVES DE COMPADRES. SANTA MARIÑA (MONFORTE). O PROCESO DO VIÑO.

 

 

XOVES DE COMPADRES. CONCELLO DE BÓVEDA. CRÍTICA MUNICIPAL.

 

 

XOVES DE COMPADRES. RIBASALTAS (MONFORTE). CRIÍTICA AOS POLÍTICOS.

 

 

 

XOVES DE COMPADRES. BABELA (DISTRIZ). OS ZAPATEIROS. 

 

 

 

XOVES DE COMPADRES. SANTA MARIÑA (MONFORTE). A FRAGUA.

 

 

XOVES DE COMADRES. SANTA MARIÑA (MONFORTE). AS LAVANDEIRAS.

 

 

 

XOVES DE COMPADRES. RIBASALTAS (MONFORTE). OS CONTROLADORES AÉREOS.

 

 

 

XOVES DE COMPADRES. BABELA (DISTRIZ) (MONFORTE). A ROZA DOS TOXOS.

 

 

 

XOVES DE COMPADRES. RIBASALTAS (MONFORTE). OS DEMOS.

 

 

 

XOVES DE COMADRES. PIÑEIRA (MONFORTE). NOIVAS NA PROCURA DUN MILLONARIO.

 

 

 

  XOVES DE COMADRES. SANTA MARIÑA (MONFORTE). ELABORANDO O PAN.

 

 

XOVES DE COMPADRES. SOBER. A CARREIRA CICLISTA.

 

 

 

 

Ir arriba