LOIS LADRA. ARTES TRADICIONAIS DA PESCA FLUVIAL.

Artigo publicado na Rev. Ardentia, nº5, Cambados (Pontevedra).

 Revista de Investigación “ETNOGRAFIA”,  nº 5, 2013. I.S.S.N. 1989 – 8541. 

 Web: mesondoforno.com.
    A pesca fluvial sempre tivo unha certa importancia en Galiza, aínda que hoxe por hoxe seguen a ser relativamente poucos e moi puntuais os estudos centrados na explotación piscícola artesanal do país dos mil ríos. Os tempos mudan e o certo é que actualmente xa é moi pouco o que resta do labor dos vellos pescantíns de antano. Porén, a nosa rica tradición oral atesoura unha chea de ditos, refráns, cantigas, contos, historias e lendas vencelladas coa pesca fluvial.

     Ao longo deste traballo iremos vendo diferentes aspectos do aproveitamento piscícola fluvial tradicional, desde a Prehistoria até o presente e desde o Navia até o Miño, tomando como principais fíos discursivos as vellas artes de pesca e os coñecementos etnoictiolóxicos dos pescantíns.

 

CULTURA DA AUGA

    Baixo un punto de vista antropolóxico, en Galiza non podemos falar con propiedade da existencia de comunidades pesqueiras especializadas economicamente no aproveitamento da riqueza ictiolóxica dos nosos ríos, pois, aínda que os pescantíns desenvolveron unha actividade moi específica, sempre o fixeron desde a auto-percepción de si mesmos como individuos pertencentes a comunidades campesiñas. Dito con outras palabras: a pesca fluvial constituíu, polo xeral, unha actividade económica complementaria da produción agropecuaria e non un sector especificamente diferenciado da economía labrega, cando menos ao nível de agrupamentos comunitarios: o pescantín sempre foi, ante todo, un campesiño plenamente integrado no sistema económico agropecuario rural, por moi específicos que fosen os seus coñecementos verbo das técnicas e dos aparellos propios da actividade pesqueira

.    As evidencias arqueolóxicas máis antigas que posuímos actualmente para poder constatar a práctica da pesca fluvial en Galiza recúan no tempo uns dous mil anos, sendo os primeiros restos de anzós e de pesos de rede hoxe por hoxe coñecidos os diversos exemplares recuperados nas escavacións dos castros galaicos, moitos deles localizados nas comarcas do interior e por iso orientados necesariamente á pesca continental. Isto, como é obvio, non quer dicir que non se pescase nos ríos con anterioridade á existencia dos castros. O que acontece é que, de momento, carecemos de probas arqueolóxicas que poidan confi rmar o que até agora non deixan de ser hipóteses máis ou menos razoábeis.

     Será ao longo da Idade Media (séculos V-XV) cando as mencións documentais á existencia de diversas instalacións piscícolas fluviais en Galiza proliferarán, especialmente no que se refire aos arquivos vencellados ás comunidades monásticas. O sistema de pesca-colleita será aplicado principalmente polos monxes bieitos e cistercienses grazas á implantación nos ríos e lagoas de numerosas piscarias (pesqueiras), nassarios (naseiros) e cannaros (caneiros). Non debemos esquecer que as prescricións cristiás relativas á prohibición do consumo de carne en certas datas do ano favoreceron o desenvolvemento da pesca como actividade fornecedora dun alimento substitutivo daquela e cun aporte proteico considerábel para a dieta humana.

     Entramos así na Idade Moderna (séculos XVI-XVIII), cando o Antigo Réxime acada o seu esplendor e a posesión de pesqueiras muda paseniñamente de propietarios, pasando aos poucos das institucións eclesiásticas aos particulares laicos, nun proceso lento que se verá culminado primeiro coa desamortización de Mendizábal no século XIX e logo coa Lei de redención foral promulgada en tempos de Primo de Rivera. Finalmente, nesta moi sintética viaxe pola nosa historia, chegamos aos últimos tres cuartos de século, nos que unha serie de bruscas mudanzas virían a prexudicar a pesca fl uvial dun xeito case que dramático: a construción de encoros nos ríos, a polución nos cauces, a introdución de novas especies, as novas disposicións legais de carácter restritivo verbo da pesca artesanal …

 

 

DETALLE DUNHA FISGA EMPREGADA NA PESCA A XEITO DE ARPÓN

 

 

     Actualmente o aproveitamento económico tradicional da riqueza piscícola dos nosos ríos está mergullado nunha grave crise e as expectativas de futuro non resultan nada prometedoras: cada vez hai menos peixe, moitas das antigas técnicas pesqueiras están prohibidas por lei, a cualidade medioambiental dos nosos ríos é preocupante, os vellos pescantíns están a morrer sen ter asegurado o necesario relevo xeracional… En fin, sexa como for o certo é que, por ventura, en certos lugares do noso país e durante determinados períodos do ano aínda podemos contemplar a lenta agonía das vellas artes de pesca tradicional, fronte ao crecente pulo da moderna pesca deportiva.

     En relación coas técnicas artesanais de aproveitamento piscícola dos nosos ríos poderíamos efectuar unha primeira clasificación que incluíse as artes de liña, as artes naseiras, as artes de arrebolado e as artes redeiras. Non incluímos entre as artes de pesca certos procedementos claramente ilegais e pouco éticos, como poden ser as secas e os desvíos artificiais dos cauces, así coma o uso de velenos ou explosivos. Como é obvio, resulta frecuente a existencia dunha clara relación entre o tipo de arte empregada, a especie capturada e o rendemento económico da actividade.

     Entre as artes de liña estaría a pesca con cana, practicada de xeito individual, cunhas capturas moi limitadas e até certo punto considerada como unha actividade de lecer semellante á actual pesca deportiva, sen maior trascendencia para a economía doméstica e comunitaria. Este tipode pesca pódese considerar coma un fenómeno universal, practicado ocasionalmente na maioría dos nosos ríos e destinado principalmente á captura de troitas e salmóns.Para o noso refraneiro, o “pescador de cana, máis perde que gana”, pois “pescador e troiteiro, nin tulla nin diñeiro”.

     Outra técnica pesqueira de uso cotián nos ríos galegos era a que tiña por base o emprego de artes de arrebolado: fisgas, francados, arpóns, garfos… Todas elas eran de uso individual e marcadamente estacional, sendo frecuente a formación de grupos de pescantíns que acudían ao río cos seus aparellos para a captura ocasional de certos peixes migratorios, tal e como aínda se fai coa lamprea no val do río Tea.

     Os diferentes tipos de nasas que coñecemos elaborábanse tradicionalmente con vergas, vimbios, corres ou láminas de madeira, conformando pequenos receptáculos vexetais que variaban de tamaño e feitío, aínda que todos eles adoitaban ser colocados individualmente nos leitos dos ríos á espera de recibiren a chegada de peixes que, como a anguía, podían ser así doadamente capturados. Teñen diversos feitíos en función dos que reciben variados nomes:nasas, nasóns, cestóns…

 

NASAS EMPREGADAS PARA A PESCA DA ANGUÍA

 

     As redes que se usaban na pesca artesanal tiñan diferentes tamaños, panos e feitíos. Podían ser fixas, coma o viturón, a cangalla ou o arco –normalmente colocadas nas bocas das pesqueiras– ou móbiles, sendo neste caso moi frecuente a participación simultánea de varios individuos nos labores de largado e recolla das mesmas. Fornecían un maior número de capturas que as nasas e que as artes de liña e en determinadas ocasións era necesario recorrer ao uso de embarcacións fluviais de apoio para colocar e retirar os aparellos (trasmallos, miños, barredeiras…). Algunhas destas redes teñen nomes moi claros sobre o tipo de capturas ás que se destinaban: salmoeira, solleira, sabaleira… Xa se sabe que “non hai mellor rede que a que colle o peixe”, aínda que sempre haxa que ter en conta que “non todo o que cai na rede é peixe”.

     As instalacións pesqueiras supoñen a culminación da complexidade técnica e construtiva nos labores da pesca fluvial tradicional. Coñecidas cos nomes de pescos, caneiros, canais, estacadas ou pesqueiras, son arquitecturas inicialmente construídas con materiais perecedoiros que co paso dos séculos manifestaron unha clara vontade de permanencia no tempo cando pasaron a seren construídas en pedra, normalmente xisto ou granito, consonte as zonas xeográficas.
Úsanse como instalacións de pesca comunitaria nas que adoitan participar propietarios, usufructuarios, familiares ou amigos, sendo frecuente o seu emprego nos meses en que se producen os desprazamentos estacionais de peixes migratorios como a lamprea ou a anguía. En moitos casos o recurso a embarcacións de apoio manifestábase como unha necesidade imprescritíbel para acceder a estas instalacións e desarmar os aparellos, coa axuda das barcas no Ulla, dos batuxos en Lugo ou das batelas no Miño.

     Pódese dicir sen temor a equivocación que a inmensa maioría dos ríos galegos foron sometidos tradicionalmente a un aproveitamento ecolóxico e racional da súa riqueza piscícola, sempre en función de diversos parámetros: proximidade física ou xeográfica aos núcleos de poboamento, maior ou menor presenza de peixe, capacidade técnica das comunidades ribeiregas, existencia de maior ou menor tradición piscatoria…
Sexa como for, o certo é que a maior complexidade da actividade pesqueira e o maior peso económico destas operacións extractivas na base económica produtiva das comunidades ribeirás atópase directamente relacionada co tamaño dos cauces fluviais susceptíbeis de explotación racional.

     Por dicilo con outras palabras: a pesca fluvial artesanal tivo unha maior importancia económica e tradición histórica naquelas zonas polas que discorren os grandes ríos galegos, nomeadamente o Miño, Sil, Ulla e Tambre, nos seus diversos treitos e ao longo dos seus principias tributarios.

 

  

BARCA FLUVIAL

 

 

     O que máis nos sorprende á hora de encetar o estudo da pesca fluvial artesanal é a existencia dunha moi rica e variada tradición na que teñen cabida diversas manifestacións culturais de grande interese, desde os aparellos e as artes até as embarcacións e a organización dos procesos extractivos, pasando por uns profundos coñecementos do medio e das especies obxecto de captura. Toda esta cultura etnoictiolóxica atópase actualmente en crise como consecuencia directa das enormes mudanzas que se están a producir nas economías de tradición precapitalista, baseadas en sistemas de aproveitamento que seguen pautas eminentemente artesanais. Porén, aínda é moito o que podemos aprender deste “know-how” ou sabedoría popular.

     Os materiais cos que se elaboraban as instalacións, artes, aparellos e barcas eran principalmente a pedra, a madeira e as fibras vexetais, sen esquecer os metais, nomeadamente o ferro e o chumbo. A escolla de cada un deles era totalmente consciente e respostaba ás demandas funcionais propias da actividade pesqueira en augas doces.

     Á hora de construír unha instalación piscatoria de carácter arquitectónico, como podía ser un caneiro ou un pesco, empregábase como materia prima o granito ou o xisto, consonte o substrato xeolóxico local. Nesta altura poñíanse en práctica unha serie de técnicas edilicias tradicionais moi concretas: cachotaría en seco, coroamentos con chapacuña, orientación e canteado dos muros en función da obtención dunha maior hidrodinamicidade que reducise os previsíbeis estragos das cheas outonais…

     Coa escolla das madeiras acontecía algo semellante: unhas eran máis lixeiras, flexíbeis e duradeiras que outras. Así, por exemplo, practicábase unha selección consciente de determinadas especies forestais, variedades, formas e tamaños de cara á elaboración de certas artes e aparellos.

     Vexamos con algo de detalle o exemplo dos caneiros de Portomarín.

     A cadea é un dos elementos fundamentais destas instalacións pesqueiras. Na boca dos caneiros ármase en posición vertical o arco da rede, apoiando a súa base contra a cadea, que permanece mergullada baixo as augas do río durante todo o tempo e que ten como principal función exercer de tope para o arco, evitando así que este sexa arrastrado pola forza da corrente río abaixo. A cadea terá que ser necesariamente un elemento resistente e duradeiro, polo cal adoita elaborarse en madeira de piñeiro bravo (Pinus pinaster) ou de ameneiro verde (Alnus glutinosa), debido ás súas especiais características en contextos de humidade extrema. Do mesmo xeito, o arco da red –coma o seu propio nome indica– consistía nunha soa peza de madeira que describía unha marcada curvatura en forma de U. Facíase con madeira de loureiro (Laurus nobilis) pola súa consabida flexibilidade e maior facilidade para ser domeada ao lume ou por tensionamento progresivo en frío.
As fibras vexetais obtíñanse de diversas plantas e árbores coma o liño (Linum usitatissimum), o cánabo (Cannabis sativa), o vimbio (Salix viminalis), o salgueiro (Salix alba) ou a xesta (Sarothamnus scoparius), fornecendo a materia prima necesaria para a confección de redes e nasas a base de fíos, cordas, vimes, corres, varas e vergas.

     No que respecta ás barcas de armar os caneiros, convén destacar que se adoitaban facer de madeira de castiñeiro (Castanea sativa), moi resistente á humidade, duradeira e cun elevado coefi ciente de dilatación. Os remos, esguíos como longas pértegas coas que os barqueiros facían avanzar os batuxos á vara, tiñan que ser feitos cun piñeiro lanzal, novo e verde (Pinus pinaster), aínda que no século XX tamén se comezaron a facer de madeira de eucalipto (Eucaliptus globulus).

     E así poderíamos seguir a citar unha manchea de exemplos, referindo o uso de cortiza de sobreira (Quercus suber) para a elaboración de boureis, o recurso a candullos e seixos para conformar poutadas e pesos de rede, etc. etc.

     A experiencia adquirida ao longo de varias xeracións de artesáns e pescantíns poñíase moitas veces a proba, sempre sobre a base certeira que ofrecía o aval das tradicións locais longamente experimentadas.

     Actualmente xa resulta moi difícil atopar artes e aparellos elaborados en materiais naturais. O máis frecuente é constatar a case que total substitución do binomio madeirafibras vexetais pola tríada metal-plástico-fibras sintéticas.

     Este proceso témolo observado directamente en artes coma os vituróns no Baixo Miño, as cangallas no Baixo Ulla, os arcos en Portomarín e os diversos panos das redes en caseque todas partes. Os pescantíns adoitan xustificar estas mudanzas en función da maior durabilidade, resistencia e lixeireza dos materiais industriais fronte aos naturais.

     Estes cambios tamén afectaron ás instalacións pesqueiras, dándose casos nos que os paramentos esborrallados polas cheas foron reparados con bloque ou tixolo, ao tempo que facía acto de presenza o recurso a morteiros de cal, hormigón ou cemento para unir os elementos que conforman a cachotaría e dotala así de maior cohesión.

     Como reflexión final deste traballo salientaremos o feito de que as artes da pesca tradicional representan un “saber facer” propio de sociedades campesiñas nas que o profundo coñecemento do medio e das materias primas naturais que este é capaz de fornecer levaron ao desenvolvemento dunha tecnoloxía pesqueira artesanal e respectuosa coa Natureza, documentada ao longo dos últimos dous mil anos. Porén, esta cultura material atópase actualmente nun proceso de forte crise identitaria que, de non ser atallada a tempo, provocará irremediabelmente a desaparición total das artes da pesca fl uvial artesanal no prazo dunha ou dúas xeracións. Cómpre tomar medidas urxentes e proceder ao seu inventariado e recolla selectiva, antes de que sexa demasiado tarde e de que só as poidamos contemplar fóra do seu contexto orixinal, inmóbeis e inermes, no interior das frías vitrinas ou nos almacéns dos museos.

Ir arriba