MARIO SAAVEDRA PÉREZ. CRUCEIROS, CRUCES, CRISTOS, CHANTAS, VIACRUCIS E ESMOLEIROS DE POL (LUGO)

  

 Artigo publicado nas Actas do IVª Congreso Galego sobre “Cruceiros e Cruces de Pedra”.

 Revista de Investigación “ETNOGRAFIA”,  nº 5, 2013. I.S.S.N. 1989 – 8541. 
 Web: mesondoforno.com.

 

     1. INTRODUCIÓN

     Todo elemento etnográfico ten un asentamento xeográfico, histórico, social e cultural  definido e serve de acicate para o seu estudio, posta en valor, catalogación, divulgación e loita contra o desarraigo do pobo referente, neste caso, aos cruceiros, cruces,cristos, esmoleiros, viacrucis e chantas do concello de Pol.
Os pobos deste Concello, entendendo a Xeografía como camiño do tempo, están cheos de paixases, historia e lecer. As lombas, os montes, as gándaras, os vales, os ríos e regatos dan nome a moitos núcleos rurais, chousas, cortiñas, fontes, pontes e lugares de lecer. Pol ten unha extensión de 125. 9  quilómetros cuadrados.  Linda ao Norte, con Meira e  Pastoriza,  portas da Terrachá; ao Sur, con Castroverde, terra de castelos; ao Leste, con Ribeira de Pequín e Baleira, zona de montaña; e ao Oeste, con Castro de Rei, leito da Chaira.
Ata finais do século pasado, ano 1970, a capitalidade estivo en Pol e hoxe en día está en Mosteiro onde  atopamos a Casa do Concello e outros servicios esenciais. Este Concello está preto de Lugo – 23 quilómetros –  ben comunicado coa estrada 640 de Lugo a Vegadeo. Está formado por 19 parroquias repartidas en 113 entidades pequeñas.
     No eido da Historia achamos  restos arqueolóxicos e paleontolóxicos nalgunhas parroquias.  O parcelamento,sen ter en conta o ben agrogandeiro, fixo moita desfeita, caso da cova de  Chaín, duns 300 metros. Asimesmo achamos a Furada do Couso, coa mesma función cos foxos, para reter animais e darles caza.  As  medorras en Silva  e Mosteiro – hoxe desfeitas –  sinalan un forte golpe para o patrimonio deste Concello. Hoxe soamente podemos achar algúns campos de medorras, escudos, cruceiros,cruces, cristos, viacrucis, chantas, esmoleiros e castros   nalgunhas parroquias e  bastante deteriorados.
     As lendas neste Concello sempre estiveron presentes na fala dos polenses; pois son moitas e ben diferenciadas e, nalgúns eidos, foron o xerme do asentamento dalgunhas cruces que aínda hoxe os lugareños lembran como menciña contra os malos devires. Estas lendas falan de mouros, meigas, cabras, leiros, anduriñas,… e teñen presenza nalgunhas parroquias de Pol como referente popular no mundo rural de Galicia.
     2. TIPOLOXÍAS

     O concello de Pol, en canto a cruceiros, cruces,cristos, esmoleiros, viacrucis e chantas presenta unha gran variedade carente, no mundo dos cruceiros, da imaxe do cristo. As cruces son de pequeño tamaño,  mal estado de conservación e moitas delas desaparecidas. En canto aos  esmoleiros atopamos un ben conservado e con visitas cotiás de xente do Concello e de fóra. Finalmente os viacrucis foron desfeitos co galo da concentración parcelaria e hoxe en día están amontoados oa carón da igrexa de san Martiño de Ferreiros.

     Unha novidade neste Concello son as chantas espalladas por algunhas parroquias con diferentes motivos ornamentais e  tendo como soporte a lousa  de Andión ou de Lourixe existente na zona.

      2.1. Os Cruceiros sen a imaxe de Cristo.

      2.2. Os Cruceiros coa imaxe de Cristo.

      2.3. As Cruces.

      2.4. Os Cristos.

      2.5. As Chantas de lousa.

      2.6. Os Víacrucis.

      2.7. Os Esmoleiros.

      2.8. As Cruces nas igrexas.

      2.9. Os Cruceiros desaparecidos.

      2.10. As Cruces desaparecidas.

      2.11. Os Canteiros.

      2.12. Conclusións.

      2.1.- OS CRUCEIROS SEN A IMAXE DE CRISTO

      2.1.1.- CRUCEIRO DO ADRO DA IGREXA  DE CARAÑO
      X -29T638154
      Y -4776873

 

CRUCEIRO DE CARAÑO

 

      Este  cruceiro está situado ao carón da igrexa vella de Caraño no lugar da Igrexa, é de propiedade pública e está ben conservado. Foi construido diante da igrexa  cunha orientación E/W. O material empregado foi o granito semellante ao do templo parroquial. No capitel ten unha lenda onde se pode ler a data do cruceiro – entendemos 17 38 – coincidindo co remate da torre- espadaña da igrexa.O cruceiro está formado por unha plataforma moi pouco definida e de pouca altura cecais porque en tempos posteriores o viario foi recheo e por iso perdeu altura. Na plataforma apreciamos dous tramos, unha chanta e enriba un plinto de forma hexagonal. A base ten forma paralelépipeda irregular coas arestas rebaixadas e está bastante deteriorada polo paso do tempo.  Este Cruceiro, de finais do século XVIII, foi construido en lembranza dos veciños e na base lemos: “ PAROQUIA”. O varal monolítico, ten forma cuadrangular nos extremos e coas arestas rebaixadas no resto. En canto ao capitel figura troncopiramidal e invertido formado pun un ábaco recto e un equino moldurado en caveto e no que atopamos unha data: 1738 bastante deteriorada.A cruz de pequeñas dimensións  con remates florenzados carece da imaxe de Cristo o mesmo que o resto dos cruceiros deste Concello. Ten moita semellanza co Cruceiro da casa de Carballo en Lea. Consideramos que foi construido polo mesmo canteiro.

      2.1.2.- CRUCEIRO DE ROIS.
      Este cruceiro está situado en Rois na parroquia de Cirio ao carón da estrada de Pol a Castro de Rei e concretamente no camiño da igrexa, preto da casa de Varela; hoxe coñecido como Camiño Interior Norte a Santiago.  Consérvase  a plataforma, a base e un tramo do varal. O resto do cruceiro desapareceu no último tercio do século XX.
A base é cúbica e atópase en bo estado e o varal ten forma cuadrada nos extremos e no resto coas arestas rebaixadas.

 

CRUCEIRO DE ROIS

 

      OBSERVACIÖNS: Este cruceiro fora posto por unha familia de Xerbolés co galo do pasamento dun home que morrera neste lugar cando ía camiño da igrexa. Algúns veciños do lugar comentan que tamén serviu de lugar de enterramento de nenos sen bautizar.
      2.1.3.- CRUCEIRO DE LOURIXE.
      Está situado en Lourixe na parroquia de Hermunde ao carón do Camiño Interior Norte a Santiago sendo de propiedade privada e atópase en bo estado de conservación.
      X – 29T634320
      Y – 4781116
     DESCRICIÓN:
     A plataforma está formada por tres chanzos de cachotería de grandes dimensións e sobre esta unha base cúbica coas arestas rebaixadas dividida en dous tramos.
O varal é rectangualar nos extremos e o resto coas arestas rebaixadas. Na parte superior hai unha cartela coa seguinte lenda: “ NUESTRO PRE/LADO CONCE/DIÓ CIEN DÌAS DE/ INDULGENCIA/ POR CADA VEZ/ QUE REZAREN UN/ PADRENUESTRO/ DELANTE DE ESTE/ CRUCERO “. O capitel consta de un ábaco recto e de un amplo equino moldurado en nacela que remata nun pequeño bocel. Na caras NW   “ JOSE 1939 “, SW “ VAZQUEZ “ e na NE “ POR “. A cruz é de tipo latina, “ cruz de Santiago “ ,  apuntalada e semellando unha espada con forma de flor de lis na empuñadura e nos brazos orixinaria das Cruzadas.

 

CRUCEIRO DE LOURIXE

 

     OBSERVACIÓNS.

     Este cruceiro  feito, como promesa, por José Vázquez Díaz coa axuda do seu fillo José Vázquez Piñeiro ao regresar da guerra civil española. Esta  familia era procedente de Ludrio,  Castro de Rei,  da casa de “ As de Fora “. Os lugareños coñéceno co nome de “ Diñeiros”. Na  igrexa de Hermunde no lateral Norte hai unha placa na memoria deste canteiro.
A finalidade do Cruceiro era o agradecemento do pai ao vir da guerra civil  o seu fillo que nacera o ano 1913.
      2.1.4.- CRUCEIRO DA CASA DE CARBALLO.
      Este cruceiro situado no lugar do Curro en san Bartolomeu de Lea ao pé da estrada de Suegos a Castroverde, concretamente ao carón da igrexa, é un caso especial dentro do mundo de protección dos cruceiros xa que está incrustado na parede dun alboio con dobre mirada: interior e exterior.
      X-29T630992
      Y- 4774194

 

CRUCEIRO DA CASA DE CARBALLO

 

      Este cruceiro incrustado na parede ten unha base  paralelépipeda e varal cuadrangular nos extremos coas arestas rebaixadas no resto. O capitel troncopiramidal invertido formado por un ábaco recto e un equino moldurado en caveto.  A cruz latina é de tipo florenzado e carece de imaxes. No capitel ten a data de 1793.

      2.1.5.- CRUCEIRO DO CHALET DE CORTÓN.
      Este cruceiro de construcción recente é de propiedade privada  e está situado na finca de Cortón de san Bartolomeu de Lea. A conservación é boa aínda que está situado debaixo de árbores e por iso conserva moita humidade.
      Consta dunha base, con referencias a profesión de arquitectos, de forma cúbica sobre unha plataforma de dous chanzos, un varal cuadrado nos extremos e coas arestas rebaixadas no resto. O capitel está formado por un ábaco recto e un equino abuxardado moldurado en cuarto bocel. Por encima do ábaco aparece un corpo prismático, coas arestas en nacela, que serve de base á unha sinxela cruz.

 

CRUCEIRO DO CHALET DE CORTÓN

 

      OBSERVACIÖNS:

      Este cruceiro foi feito por Mallo a finais do século XX.
      2.1.6.- CRUCEIRO DE GALEGOS.
      O cruceiro de Galegos situado neste lugar da parroquia de san Estebo de Pol, hoxe casa de Folgueira é de propiedade privada é foi un referente neste lugar como punto de encontro camiño de Valonga e Meira.
      X- 29T635604
      Y- 4778823

 

CRUCEIRO DE GALEGOS

 

      A  conservación é boa e está orientado SE/NW.  No fuste, parte inferior, figura o ano 1823 e na base lemos: “ CASTRO Y FOLGUEYRA COSTEARON
Segundo os veciños e donos deste cruceiro na base hai unha moeda de prata no interior dun cofre en lembranza da familia Castro e Folgueira.
      Está situado sobre unha plataforma con tres chanzos e sobre esta unha base cúbica moldurada con rebaixe. O varal, cruz e capitel  composto por un ábaco recto e un equino moldurado en caveto  son  semellantes  ao cruceiro da Casa de Carballo en Lea e seguramente foron feitos polo mesmo canteiro.

      2.1.7.- CRUCEIRO DA GRANDA DE SILVA.
      Este cruceiro tamén coñecido co Cruceiro de Ventín ou Cruceiro da Cruz de Ventín está situado neste lugar da parroquia de San Iago de Silva e concretamente na Granda de Silva. Neste lugar había unha encrucillada de camiños  ( Ventín, Barreiro,  Granda, Andión e Igrexa de Silva) despararecidos coa concentración parcelaria.
A conservación é bastante boa aínda que a cruz  e o capitel son recentes e foron feitos de cemento. A súa propiedade non está definida.
      X- 29T633456
      Y- 4778037

 

CRUCEIRO DA GRANDA DE SILVA

 

      Está sobre unha plataforma con tres chanzos e enriba unha base moldurada e recentemente colocaron outra de forma paralelépipeda.  O varal é de sección cuadrangular nos extremos e coas aresta rebaixadas no resto. O capitel de forma troncopiramidal invertida e profusamente ornamentado con diferentes molduras escalonadas. A cruz é  de escaso valor, posto que a anterior desaparecera.

     OBSERVACIÓNS.
     Este cruceiro ten gravado na base os topónimos de “ BENTÍN no lado Este, 1711  no lado Noroeste e BARREIRO na cara Norte como referencia xeográfica
Asimesmo sinalaba os lindes da Granda de Ventín como reparto de terras. Neste lugar foi lugar de expresión da fantasía popular: “ A cabra invisible” e “ as meigas da Granda de Silva”. Contan tamén que neste lugar celebráronse rituais de superstición xa que fai anos aquí morrera un home.
      2.1.8.- CRUCEIRO DE BOUZOÁ.
      Está situado no barrio de Bouzoá na parroquia de san Iago de Silva sendo propiedade da casa de Paulo e atópase en bo estado. Cabe sinalar que a base foi dun antigo cruceiro e o fuste, capitel e a cruz son obra de José Vázquez  Díaz o canteiro DIÑEIROS  de Ludrio, autor do cruceiro de Lourixe en Hermunde.
 Foi mandado poñer por Ramón Castro Veiga. No varal, na parte superior, hai unha estrela de seis puntas en todas as caras (  graduación militar do lembrado ) e nel achamos os instrumentos da paixón de forma rudimentaria: escaleira de oito banzos, martelo, tenaces e tres cravos.
      Neste cruceiro distinguimos unha plataforma circular e sobre esta dous chanzos recubertos. A base de dous tramos está adornada por todas as caras. Nunha das caras hai unha placa coa seguinte lenda: “ EL ILMO. SR. DR. / D. BENJAMIN DE ARRIBA Y CASTRO / OBISPO DE MONDOÑEDO/ CONCEDIO CINCUENTA DIAS / DE INDULGENCIA A TODOS LOS / QUE DEVOTAMENTE REZAREN  UN CREDO / O UN PEDRENUESTRO ANTE ESTE CRUCERO / MONDOÑEDO, 15 DE JUNIO DE 1940. Nas outras caras ollamos unas cruces de diferentes formas. No capitel que está dividido en dous tramos con ábaco recto que dá paso a unha escocia moldurada en bocel na súa parte inferior. Presenta a seguinte inscrición: Tramo superior: “ POR/ RAMON/ CASTRO/ VEIGA”  e na inferior: “EN 2 DE/ MAYO/ AÑO  DE / 1940. No cumio vemos unha cruz de San Iago semellante á do cruceiro de Lourixe.

 

CRUCEIRO DE BOUZOÁ

 

      OBSERVACIÓNS.

      Foi levantado en memoria de Camilo Castro Carballeira, finado na guerra civil 1936-39 en Asturias, fillo de Ramón Castro Veiga. O constructor aproveitou a base de un cruceiro anterior que había no lugar xa que non se corresponde co resto do cruceiro.
      2.1.9.- CRUCEIRO DA IGREXA DE SILVA.
      Está situado no lugar do Outeiro ao carón da igrexa de San Iago de Silva e preto da ponte sobre o río Pol. A coservación é regular sendo de propiedade pública.Este cruceiro está formado por unha base bastante irregualar e carece de plataforma posto que foi cambiado de lugar. O varal ten forma  hexagonal e na cara NE hai gravada unha cruz  con unha lenda ilexible. O capitel e maila cruz desapareceron e na actualidade colocaron enriba unha cruz procedente da entrada ao atrio da igrexa con sinais dun cristo incrustado.

 

CRUCEIRO DA IGREXA DE SILVA

 

     OBSERVACIÓNS.

     Parte deste Cruceiro foron restos dun antigo viacrucis.
     2.1.10.- CRUCEIRO DO CARDAL.
     Está situado en Baille na parroquia de santa Eulalia de Suegos ao carón da estrada de Mosteiro a Castroverde nun camiño antigo a igrexa. Hoxe está totalmente esquecido e abandoado. Este cruceiro, preto dunha fonte, tivo outras cruces ao seu carón, hoxe desaparecidas. Está situada enriba dun valado.
     A plataforma é moi irregular cunha fronte troncopiramidal. O varal é cuadrado nos estremos e o resto coas arestas rebaixadas.  O capitel está formado por un ábaco recto e un equino moldurado en cuarto de bocel cun pequeño listel na súa parte inferior. Está datado no ano 1877. A cruz está rota e no brazos hai unha lenda : “INRI “.

CRUCEIRO DO CARDAL

     OBSERVACIONS.
     As dúas cruces que había ao carón sinalaron o lugar de enterramento de nenos sen bautizar e a finais do século XX quedaron tapadas pola reforma da estrada.
     2.1.11.- CRUCEIRO DE VALONGA.
     O cruceiro de Valonga está ao carón da igrexa sobre un castro orientado N/E. A conservación é bastante boa, aínda que está debaixo do arboredo.
     X- 29T638938
     Y- 4778789
     Está formado por tres chanzos de grandes dimensións, unha base con rebaixe  nas catro caras e dentro un roel,  un varal monolítico cuadrado nos estremos e arestas rebaixadas. O capitel está deteriorado  e formado por un ábaco con dous listeis superpostos e un equino moldurado en cuarto de bocel que dan paso a un tramo recto rematado nun astrágalo composto por tres molduras superpostas. A cruz, de forma circular,  ten unha desproporción con respecto ao resto do cruceiro.

 

 

 CRUCEIRO DE VALONGA

 

       OBSERVACIÓNS.

      Este cruceiro está  ao carón dun púlpito dende o que se predicaba cando había misións. Este púlpito tamén cumpriu outras funcións como soporte para os cadaleitos antes de entrar na igrexa e tarima de grupos musicais.
      2.1.12.- CRUCEIRO DA CASA DE SABINO.

 

CRUCEIRO DA CASA DE SABINO

 

      Está situado en Cirio na estrada de Rois a Igrexa ao carón da casa de Sabino.  Podemos afirmar que este cruceiro foi colocado aquí aproveitando restos de outras cruces.Ten unha plataforma de cachotería e sobre ela unha base cuadrada. O varal consta de dous tramos, un meirande e cuadrado e outro máis pequeño.  O capitel é troncopiramidal invertido en tramos. A cruz octogonal é do tipo florenzada non  tendo nada que ver co resto do cruceiro.

      2.2.- CRUCEIROS COA IMAXE DE CRISTO.

      2.2.1  CRUCEIRO DA CASA DE MARCOS.
      Este cruceiro situado en Rois na parroquia de Cirio, hoxe casa de Huerta, data do ano 2011 e foi feito por un canteiro de Sarria. Este cruceiro recente fai contraste co restos dos cruceiros deste Concello, pois nel atopamos todos os elementos dun cruceiro.
      A plataforma está formada por dous chanzos de granito e ten foma cúbica e coas arestas rebaixadas. Todas as caras teñen o mesmo debuxo. O varal é cuadrangular nos estremos e coas arestas rebaixadas no resto. O capitel delimitado por un ábaco e un astrágalo rectos, se ben o primeiro presenta os vértices achafranados e as caras curvas. Está ornamentado con volutas nos vértices superiores ( unidas entre si ao revés  da forma habitual ), unha flor de gran tamaño en cada cara.A cruz de forma florenzada, no anverso, ten a imaxe de Cristo  e unha cartela e no reverso unha Inmaculada.

 

CRUCEIRO DA CASA DE MARCOS

 

      OBSERVACIÓNS.

      Este cruceiro é de propiedade privada. O dono don Manuel Rielo Huerta foi quen o mandou facer para colocado diante da súa casa por razóns personais.

      2.3.- AS CRUCES.

      As cruces deste Concello chaman a atención polas diversas variantes e asentamentos. Así atopámolas espalladas por todas as parroquias e en lugares insólitos como son enriba das portas das vivendas,  no cumio dos cabazos, ao carón das igresas e nas portas das mesmas . A súa singularidade dan  testemuña dunha  crenza moi arraigada no pobo. Esta simboloxía daba acougo perante o día e a noite para que os polenses se sentiran protexidos dos diaños, das pestes, das alimañas e de todo aquilo que rompera a vida cotiá na familia.
       TIPOLOXÍAS DAS CRUCES.
       2.3.1. Cruces de Misións.
       2.3.2. Cruces en vivendas e pórtigos.
       3. Outras cruces.
       2.3.1.- CRUCES DE MISIÓNS.
       En todas as parroquias deste concello hai Cruces de Misión que lembran momentos no tempo  cando os rezos eran a menciña contra os males nas colleitas, nas relacións, na saúde, na enfermidade, na emigración,…
 Lembran algúns dos veciños deste Concello o fervor, a entrega e a morea de xente que asistía deixando o seu traballo para estar presente nestas misións parroquiais.
       Entre as cruces que aínda hoxe podemos achar sinalamos as seguintes tendo en conta a súa importancia no tempo e o seu valor como testemuña da relixiosidade deste Concello:
       1. Cruz de madeira de Santo André de Ferreiros . “ RECUERDO DE LA SANTA MISIÓN/ PP FRANCISCANOS. JUNIO – 1950 -/ DONANTE/ MANUEL PARAJES.”
       2. Cruz de Madeira de  Santo André de Ferreiros. “ RECUERDO/  DE LA SANTA MISIÓN/ 19-28 DE MAYO DE 1963”.
      Ambas as dúas situadas no pórtico e hoxe protexidas dentro da igrexa. Cabe suliantar o texto seguinte: “ MUERTE/JUICIO/INFIERNO/GLORIA.
       3. Cruces de mármol de Santa María de Luaces. Estas dúas cruces están situadas na fronte da igrexa enriba da porta de entrada. A conservación é boa e lembran  dúas misións.Nelas lemos o seguinte como se pode ver nestas imaxes. Ambas as dúas reflicten a data da misión, o donante e os relixiosos que a dirixiron.

 

      
 4. Cruz da igrexa de San Martiño de Ferreiros. Era unha cruz de madeira en lembranza dunha santa misión que se celebrara o 30 de maio de 1963 pregando polas colleitas  desta parroquia e ánimas benditas do purgatorio.

 5. Cruces de madeira de San Martín de Lúa. Estas cruces  reflicten unha Santa Misión celebrada nesta parroquia no ano 1926. Unha das cruces está na igrexa e outra quedou no barrio da Pena en lembranza do percorrido feito polos asistentes para  santificar o camiño a igrexa pola ponte do río Candedo. Esta cruz foi colocada nunha árbore e hoxe ao medrar está levantada do chan  e acada unha altura de máis de tres metros.

       2.3.2.- CRUCES EN VIVENDAS  E PÓRTICOS.
       Moitas destas cruces, que aínda hoxe se conservan, figuran enriba da porta da entrada á vivenda. En conversa con veciños de Pol recollemos a seguinte testemuña: “ Na miña casa, esta cruz foi mandada incrustar polo meu bisavó  en lembranza dunha peste no gando” . Outras cruces lembran  a casa onde nacera un crego, a relixiosidade dunha famila, … Podemos citar as seguintes:
       • Cruz do pórtico da igrexa de Caraño.
       • Cruz de Fondón en Baille de Suegos.
       • Cruz da casa de Fraialde.
       • Cruz da capela de Crende en Suegos.
       2.3.3.- OUTRAS CRUCES

      No apartado de outras cruces  tratamos de descibir unha tipoloxía de cruces moi variada e espalladas por todo o Concello.

      1. CRUZ DO ADRO DA IGREXA DE LEA.
      Esta cruz está situada enriba do valado de peche do adro no lugar de Curro preto da igrexa de San Bartolomeu de Lea. Está ben conservada. A cruz descansa sobre unha base de dous tramos e está composta por un tramo ancho e unha cruz con un varal cuadrado coas arestas rebaixadas de tipo florenzado.

CRUZ DO ADRO DA IGREXA DE LEA

Comentan os veciños que foi colocada en lembranza dunha misión a comezos do século XX e doada pola parroquia de San Bartolomeu de Lea. O seu emprazamento non é o orixinal polas melloras feitas no adro.
      2.- CRUZ DE FERREIROS.
      A cruz de Ferreiros está situada no lugar de O Cadaval, nun paso de encontro de camiños a Hermunde, Pol, Caraño e Valonga. Foi punto de referencia e agarda dos lugareños cando ían ó Concello, ás feiras e mercados.

CRUZ DE FERREIROS

Está formada por unha base de casi dous metros de alto de forma ovalada no cumio e sobre esta unha cruz de madeira que foi restaurada varias veces.
Segundo os veciños de Pol foi colocada a mediados do Século XIX en lembranza da morte dunha persona. Casi todos os anos o monte da contorna é queimado descoñecéndose as razóns. Informa Esteban Folgueira Pérez de Galegos.
      3.- CRUZ DE VENTÍN.
      Situada nunha ecrucillada de camiños no lugar de Ventín, San Iago de Silva, ao carón do camiño do Barreiro a Ventín e Bouzoá. É de propiedade pública e foi cambiada de lugar polo ensanche dos viarios co galo da concentración parcelaria en Silva.

CRUZ DE VENTÍN

Esta cruz duns oitenta cetímetros de alto estivo situada sobre unha plataforma de chanzos e observamos nela, en todos os lados e cumio, unha cruz gravada. Comentan os veciños do Barreiro que neste lugar foron enterrados nenos sen bautizar.
      4.- CRUZ DO BARREIRO.
      Enriba dun alpendre, no lugar do Barreiro en San Iago de Silva, atopamos esta cruz de granito.  Pertence á casa de Sanxurxo e data de finais do século XIX. Foi restaurada por Silvestre Castro e Manolita Docando. A estructura da cruz é moi rudimentaria e semellante a de Ventín.Foi colocada como protectora das colleitas e ao pé dela era costume este rezo:  “ Adórote cruz de pedra / que estás no teito sereno /  e adorando ao meu Deus / e a Xesús Nazareno “.

 

CRUZ DO BARREIRO

 

      5.- CRUZ DE JOSÉ VALIÑO EN LOURIXE.

      Está situada preto da estrada nun pateón no medio dunha chousa en lembranza dunha morte durante a guerra civil, ano de 1938. Segundo os veciños os donos do panteón quixeron deixar esta lembranza na memoria do pobo.

 

CRUZ DE JOSÉ VALIÑO

 

      6.- CRUZ DO PANTEÓN DE CARBALLO.
      Preto da igrexa de San Martín de Ferreiros, no medio dunha chousa.Hai unha pequeña capela e no seu interior unha cruz de pequeñas dimensións. O estado de conservación é malo.  Foi colocada neste lugar en lembranza e memoria do pasamento dunha persona desta parroquia. Hoxe está aillada dos viarios antigos e a súa localización é difícil perante a colleita do millo.

 

CRUZ DO PANTEÓN DE CARBALLO

 

      7.- CRUZ DE CIRIO.

      Moi preto da igrexa  nunha encrucillada de camiños, atopamos esta cruz. Consta de unha plataforma moi rudimentaria e sobre esta un varal de máis de un metro e no cumio tiña unha cruz de granito que desapareceu no ano 2005. Hoxe, ano 2012, a cruz non existe.  O estado de conservación é moi malo e está cuberta de maleza. Hoxe ao seu carón pasa o Camiño Interior Norte.

 

CRUZ DE CIRIO

 

      8.- CRUZ DE MÁRMOL DO CAMPO DE ANDIÓN.

      Está situada no Campo de Andión semienterrada polo refugallo da canteira. Ë de mármol de pequenas dimensións e foi colocada en lembranza dunha desgraza neste lugar.    
      9.- CRUZ  DA ENCRUCILLADA PRETO DA IGREXA DE HERMUNDE.
      Está situada nunha encrucillada ( Igrexa- Adrado )  preto da igrexa de Hermunde. Ten unha plataforma de tres chanzos, un plinto e unha base.  No cumio hai unha cruz de madeira adornada con figuras de ferro. Os veciños tratan de renovala de vez en cando.

 

CRUZ DA ENCRUCILLADA

 

     OBSERVACIÓNS:

     Esta cruz que foi sustituida moitas veces lembra varias misións e a súa finalidade foi a de santificar este lugar, bendecir os campos  e pola festa do pobo pasaban orredor cos santos na procesión. Ten flores perante moitos días do ano.

     2.4  OS CRISTOS.

     2.4.1 O CRISTO DA IGREXA DE LEA.
     Este  Cristo de ferro está ao carón da igrexa de san Bartolomeu de Lea. Está situado no chan en lembranza dun enterramento segundo os veciños do lugar. Está pintado de cor azul lembrando o ceo e a súa conservación é boa. No concello de Pol é o único Cristo que atopamos.

     2.5.- AS CHANTAS DE LOUSA.

     No Concello de Pol chama a atención a existencia dunhas chantas espalladas polas parroquias de San Iago de Sila e San Estevo de Pol. Estoume referindo a un arte etnográfico de aproveitar unha chanta como soporte para lembrar a un amigo, familiar, neno,.. por diferentes razóns: unha desgraza, unha morte, unha promesa,… que o reloxio do tempo sinalou no eido dos veciños deste Concello.
     Estas chantas situadas en lugares concretos por razóns de vivenzas, viarios, propiedades ou promesas familiares fan deste Concello o xerme dunha arte única nesta bisbarra. Os benefactores, donos destas chantas, fan que estas obras sexan case sempre consideradas dunha propiedade, dando a entender que os autores e devocionarios conservaron unha unión familiar.
     Seguramente estas obras de arte naceron da man dun canteiro, a finais do século XIX e comezos do XX,  non soamente para chamar a atención, senón para deixar no tempo as vivenzas dunhas personas que no seu roteiro perderon a vida por circustancias alleas  e, deste xeito, realizan unha misión nun contexto determinado.
     Podemos estudar o aspecto artístico e cecais nunca chegaremos  a comprender  a finalidade destas chantas. Dada a singularidade que nelas atopamos é convinte facer un estudio detallado de cada unha delas, tanto polo parecido como pola diversidade entre todas. O carácter de lembranza de cada unha destas obras artísticas  adoita reflectirse nunha inscrición ao longo da chanta, tanto no cumio como na base.  Na inscrición aparecen as inicias dos canteiros e dos finados con alusións ao seu pasamento, razóns da morte, causantes, datas,… Todos estes motivos adoitamos coñecelos polo referente na chanta e a información que recollemos neste Concello. En todas elas hai un referente  a accidente natural, morte violenta ou calquera outra consecuencia relacionada con este eido.Na lembranza do pasamento están presentes os pais, amigos e os veciños en xeral. Nos casos de ir a servir ao rei, moitos veciños de Pol, estiveron nas liortas de finais do século XIX ( Guerra de Cuba ) e polo mundo de Deus deixaron as súas vidas, cecais por  non afastarse do deber cumprido.
      O canteiro ou canteiros destas obras de arte empregaron a pedra da canteira de San Iago de Silva para todas as cruces. Esta pedra da canteira de Andión, na man de Evaristo Carballeira Quiroga e do seu irmán José Ramón, representa o alicerce dunha man que os tempos quixeron que chegaran a nós como testemuña  que garda relación máis que probada coa historia do pobo de Pol e dos seus veciños polo mundo adiante.
No que atinxe a súa feitura e ornamentación, coñecemos por información veciñal a relación existente entre os canteiros que elaboraron a obra e o propio  pobo, empregando os materiais autóctonos e dotándoos de símbolos vivenciais referentes a tradición ou a crenza dos finados. Todas estas obras adoitan estar en lugares moi coñecidos e vivenciaias para os lugareños.
      2.5.1.- A CHANTA DO CAMPO DE ANDIÓN.
      Esta chanta atópase no campo de Andión preto da igrexa de San Iago de Silva. Fai anos, estaba nuhna encrucillada de camiños e foi cambiada de asentamento polos traballos realizados na canteira do lugar. Hoxe en día preside o lugar da festa e a súa conservación é boa.
      X- 29T633407
      Y- 4779144

 

A  CHANTA DO CAMPO DE ANDIÓN

 

      DESCRICIÓN:

      Bloque de lousa de máis de un metro de altura de forma moi irregular. Os extremos da cruz son rombos e os brazos moi curtos.  A base da cruz descansa sobre un semicírculo ben definido por unha liña recta. Na cruz hai outras cruces, unha escaleira de oito banzos e un martelo que seguramente representan os malos momentos na vida da persona lembrada. No rombo superior aparece un triángulo  e no inferior  a seguinte lenda: “A/ Ñ/ 1898/ ECQ”  que representa o nome do autor Evaristo Carballeira Quiroga e a data da guerra de Cuba. Debaixo do nome aparecen os ondas do mar camiño do máis alá. No rombo superior e inferior tamén atopamos un tridente en cadanseu en lembranza das armas empregadas na guerra  e a profesionalidade da persona no exército. Asimesmo na parte inferior, cecais nunha barca rudimentaria, hai unha serie de números e letras:  “ 3 N D P I/ C D P II “ de difícil interpretación que podía corresponder coas iniciais dos nomes e apelidos de tres personas finadas nas liortas de finais do século XIX.
      2.5.2.- A CHANTA DA CASA DE PAULO.
      No lugar de Bouzoá, preto do cruceiro, atopamos unha chanta semellante a do Campo de Andión.
      X- 29T632472
      Y- 4778621
      Está orientada SW/NE sendo de propiedade privada da familia da casa de Paulo.

 

     

     A CHANTA DA CASA DE PAULO

 

      DESCRICIÓN:
      Está formada por un bloque de lousa  rectangular e rematada en vértice. Incrustada observamos unha cruz co varal e brazos en triángulo. Nesta cruz hai outra máis pequeña, unha escada de oito banzos, un martelo, un roel e un rombo no triángulo inferior. Asimesmo achamos a data de 1898  ao redor dunhas frechas e unha árbore no interior. O autor desta chanta é  o mesmo ca do Campo de Andión facendo referencia a data de guerra de Cuba. Cabe sinalar que o número nove está feito ao revés seguramente con intención porque o autor mostra un carácter contrario ás liortas e ás guerras segundo testemuñas  dun veciño de San Iago de Silva.
      2.5.3.- A CHANTA DE VENTÍN.
      Nunha encrucillada de camiños a Fonfría, Andión e o Barreiro achamos en Ventín, parroquia de Pol esta chanta. É de propiedade pública e consérvase en bo estado. Ten unha cruz incrustada na lousa e semella unha base en dous tramos. Os brazos e o cumio son puntiagudos con un roel . Ao redor desta cruz hai seis figuras que semellan parénteses, catro na parte inferior e dous na superior, que representan os momentos da vida.

A CHANTA DE VENTÍN

Segundo testemuñas as frechas indican as direccións dos viarios que con esta cruz quedaron libres de bruxería. A data de construcción é de finais do século XIX por un veciño de Ventín. Ao seu carón foron enterrados nenos.
      2.5.4.- CHANTA DE AIRÓN.
      Esta chanta estaba en “ Arriba das Paredes “ na parroquia de Pol. Hoxe está depositada na casa de Xusto, actualmente casa de Feliciana en agarda de voltar a ser recolocada. Foi feita en lembranza dun neno, pastor de ovellas, que morreu a causa dun raio.Ten forma de ataude e no cumio hai unha  cruz e no interior da chanta esta lenda: “ A LA MEMORIA / DEL NIÑO D 10 AÑOS/ ELÍAS LOPEZ OTERO/ QUE FUE MUERTO AQUÍ/ POR UN RAYO / EL 30 DE SEPTIEMBRE/ DE 1937/ D.E.P.. “

A CHANTA DE AIRÓN

Debaixo dun peche en espiral: “RECUERDO DE SUS PA /DRES Y HERMANOS” e incrustación dun pastor e dúas ovellas. Esta obra foi feita polo canteiro Diñeiros de Hermunde segundo testemuñas.
      2.5.5.- CHANTA DO CEMITERIO DE SILVA.
      Ao carón do camiño do cemiterio de Silva, lugar de Outeiro atopamos esta chanta que no día de hoxe ( 20 de xunio de 2012 ) está tapada por obras realizadas no viario. Segundo testemuñas era da familia do Muíño Albeiro. Neste lugar, o tres de maio de cada ano, facíase a rogación  ao cargo de don José Díaz de la Riva e as flores sempre estaban presentes. Tiña unha cruz na parte superior e debaixo o seguinte texto:
HOMBRES ALETARGADOS
OID COMO RETUMBA
EL ECO DE LA TUMBA
DEBAJO DE VUESTROS PIES.
TRISTE ES LA VOZ FUNESTA
QUE DEL SEPULCRO CLAMA
LA MUERTE YA TE LLAMA
PECADOR, ELLA ES.
YA CON FEROZ ASPECTO
AFILANDO SU GUADAÑA
A TI, CON CRUEL SAÑA
SE ACERCA ¿ NO LA VES ?”.

      2.6.- OS  VÍA CRUCIS.

      2.6.1- O VÍA CRUCIS DE SAN MARTIÑO DE FERREIROS.
      Na parroquia de San Martiño de Ferreiros aínda hoxe quedan restos dun antigo vía crucis. Esta obra saía do adro da igrexa cara o Monte do Igresario.  Contan os veciños que o día tres de maio da cada ano o cura e mailos feligreses saían coa intención de bendecir os campos. Era algo moi común, o día de Santa Cruz, rezar para que as colleitas foran boas e Xesucrito as tivera no seu regazo.

O VIA CRUCIS DE SAN MARTIÑO DE FERREIROS

Hai poucos anos, alá polo ano 2009 e seguintes este vía crucis foi trasladado e hoxe está derrubado ao carón da igrexa de San Martiño de Ferreiros. Agardamos que as autoridades  se poñan a traballar e fagan o posible para que este vía crucis teña un lugar axeitado nesta parroquia para que os veciños e a xente amante da cultura e do patrimonio poidamos disfrutar desta memoria histórica- cultural- relixiosa da que xamais se nos  debeu de privar.

      2.7.- OS ESMOLEIROS.

      2.7.1.- O ESMOLEIRO DA SANTIÑA DE XERBOLÉS.
      Está ao carón da estrada de Mosteiro a Castro de Rei e Castroverde no lugar de Xerbolés na parroquia de Cirio no Camiño Interior Norte.
      X- 29T632966
      Y- 4776044

 

     

     O ESOLEIRO DA SANTIÑA DE XERBOLÉS

 

      A orientación é S/N  cara a  Xerbolés onde hai unha fonte e capela. Está adicada a Santa Mariña de las Virtudes e ao seu carón hai flores e candeas todo o ano. A santiña está dentro dunha pequeña capela sobre a que se ergue unha cruz. Ten un esmoleiro no fronte.
Segundo testemuñas do lugar esta Santiña representa a humildade, o amor a Deus e ao próximo, a fe, e esperanza, a caridade, a pobreza, a paciencia,… Algúns autores falan da Santiña  e identifícana coa Nosa Señora  do Carme

 

 

 

      2.8.- CRUCES DE INTERESE DENTRO DAS IGREXAS.

      2.8.1. Cruz de San Iago dentro da igrexa de Silva sobre o cruceiro da nave. É de tipo San Iago en lembranza do patrón do pobo e pintada de vermello.
      2.8.2. Cruz da pía da auga bendita de Valonga. Trátase dunha cruz sobre unha plataforma esférica en relevo na pía da auga bendita.

      2.9.- CRUCEIROS DESAPARECIDOS.

      • Cruceiro de da igrexa de Suegos.
      • Cruceiro de Vigo en Suegos.

      2.10.- CRUCES DESAPARECIDAS

         1. CRUZ DE SAN ROQUE.
         Esta cruz estaba situada no camiño a igrexa de San Iago de Silva dende Andión a Granda. Tiña plataforma de pedras e sobre esta unha bola de granito sobre a que estaba asentada a cruz de ferro. Desapareceu a finais do século XX e comezos do XXI.
         2.  CRUZ DE CUENZAS.
         Estaba preto da estrada de Meira a Baleira na entrada a igrexa de Valonga . Desapareceu coa mellora dos viarios a finais do século XX. Era unha cruz baixa de granito.
         3. CRUZ DE MONTEIRO.
         Atopábase despois do río no lugar de Outeiro en Valonga. Este lugar lémbrase como o “ sitio do fusilamento “ despois da guerra civil.
         4. CRUCES DE BAILLE.
         Estaban ao carón do cruceiro de Baille no antigo camiño da misa preto da fonte do mesmo nome. Desapareceron coa mellora da estrada de Mosteiro a Castroverde. Neste lugar foron enterrados nenos sen bautizar.
         5. CRUZ DA ANTIGA CASA DO CONCELLO  DE POL.
         Estaba ao carón do Concello na parroquia de Pol. Era unha cruz baixa de granito.
         6. CRUZ DE FONFRÍA.
         Estaba ao carón da estrada en Fonfría e desapareceu coa mellora dos viarios. Era de pequenas dimensións e constrida en granito.

         2.11.- OS CANTEIROS.

         Os canteiros dos cruceiros e chantas do concello de Pol foi xente relacionada co pobo e cadanseu tiña un arte ben diferenciado. Uns empregaron o granito e outros materiais do lugar. Podemos clasificalos así:
        1. O canteiro Diñeiros: José Vázquez Díaz.
        2. Os  mestres das chantas: Evaristo Carballeira Quiroga e o seu irmán José Ramón.
        3. O canteiro Mallo.
        4. O canteiro de Ventín. 
        5. Outros canteiros descoñecidos.

        2.12.- CONCLUSIÓN.

        Despois de recorrer o Concello de Pol perante varios días cheguei a conclusión de que estaba nun dos concellos máis ricos en heráldica, pazos, casonas, igrexas,…  da contorna da Terrachá.
Este feito non é testemuña da desfeita de moitos cruceiros, cruces, viacrucis,… Ao longo do tempo  moitas veces co galo da concentración parcelaria  que o esquecemento polos veciños e a propia administración pública foron deixando na lembranza do tempo as inquedanzas, promesas, devocións, crenzas,… de moitos devanceiros polenses.
“ Con agarimo quero agradecer a colaboración de  D. Manuel Labrada Díaz, veciño de Suegos. Esta persona é un gran coñecedor do Concello de Pol e das súas xentes sendo coautor do libro: “ Piedras Heráldicas, Escudos e Inscripciones del Concello de Pol “ polo interese e préstamo de información gráfica e xeral da etnografía deste rincón fermoso ”.

BIBLIOGRAFÍA.

1.-  “ Piedras Heráldicas, Escudos e Inscripciones del Concello de Pol” Autores: José Ramón önega López e Manuel Labrada Díaz. Servicio de Publicacións Deputación  Provincial de Lugo de Lugo. San Marcos, s/n – 27001 Lugo. ISBN: 84-8192-325-7.
2.- Actas do III Congreso galego sobre Cruceiros e Cruces de Pedra. O Piñeiro 133, Sanguiñeda, 36218 Mos ( Pontevedra ) ISBN: 978-84-87904-99-8.2012.
3.-  Cruceiros de Vilalba. F. Arribas, X.M. Blanco e Mario Saavedra. Junor,SL-Vilalba. ISBN: 978-84-936797-9-8. 2012.

 

Ir arriba