I. ANO 2009. O CASTELO DO PICATO


  O CASTELO DO PICATO

   AUTOR: ANTONIO REIGOSA CARREIRAS.

    Revista de Investigación “ETNOGRAFIA”,  nº1, 2009. I.S.S.N. 1989 – 8541.  

   Web, http://mesondoforno.com. 

     O Castelo do Picato é unha penedía maxestosa que está na parroquia de San Lourenzo de Aguiar, no concello de Outerio de Rei. Desde o curuto, pódese agatuñar ata o bico por uns chanzos irregulares escavados na pena, vese a Terra Chá, moi chá, coma unha alfombra de herba mol a piques de levitar.
     Debaixo deste castelo de pedra hai un pazo  onde viven mouros e mouras aínda que agora, por mor das silvas e das hedras que alí medran, non se atina ben coa porta de entrada.
     En certa ocasión a unha veciña  da aldea máis achegada desapareceulle un porco e foi tras del ata o Castelo do Picato. Chamou e por entre os penedos víu saír o rancho e unha vella. O animal engordara, víase que fora ben tratado, e a vella, unha moura principal, preguntoulle polo prezo. A muller, sabedora de que os mouros soen ser xenerosos, díxolle que lle dese  a vontade.

      Pois toma esta mantela pero non a abras ata que chegues á casa. A muller non fixo caso. Cando ía polo camiño desanoou a mantela e só víu unha presada de carbóns que baleirou no chan. Cando chegou á casa, mentres lle contaba ao marido a burla da vella moura, sacudiu de novo e caeron ao chan dúas pedriñas de ouro. Só dúas; as outras xa se esvaeran para sempre.

     Herba das tres espigas.

     No comezo da primavera de 1998,  cando andabamos coa preparación do Dicionario dos seres míticos galegos (Xerais, 1999), visitamos o Castelo do Picato. Un rapaz duns vinte anos, da casa propietaria daquelas fincas, revelounos unha historia fabulosa. Alí, e só alí, nos arredores dos penedos medra unha herba que dá tres espigas: centeo, millo e trigo. A planta marabillosa coa que os mouros e as mouras poden manter tan ben mantidos os porcos da veciñanza. Mágoa que non fose sazón para vela.

     BIBLIOGRAFÍA

Jesús Rodríguez López, en Gallegadas con alegrías de la tierra en verso y en prosa (Madrid, 1908) recrea con detalle a lenda da vella e o porco, e, ao tempo, amosa un aquel de desprezo pola inxenuidade da xente que acredita nestas historias.
No noso citado Diccionario dos seres míticos galegos hai máis información na entrada “Herba das tres espigas”.

     Templo de Deméter, de Ceres ou da Virxe María?

     Deméter e Ceres, as deusas grega e romana da agricultura represéntanse con espigas como atributos. En Alsacia refírese a aparición marabillosa dunha Virxe María con tres espigas na man. O que non se pode discutir é que a vella moura do Castelo do Picato é a memoria dunha antiga deusa da agricultura.
 

 


Ir arriba