I. ANO 2009. O FOLIÓN DOS CARROS E MAILA FEIRA DO VIÑO DE CHANTADA (LUGO)

  O FOLIÓN DOS CARROS E MAILA FEIRA DO VIÑO DE CHANTADA (LUGO)

    AUTOR: JOSÉ MANUEL BLANCO PRADO.

     Revista de Investigación “ETNOGRAFIA”,  nº1, 2009. I.S.S.N. 1989 – 8541.  

    Web, http://mesondoforno.com.  

 Artigo publicado en “Tempos de Festas en Galicia “, t.II, Fundación Caixa Galicia, 2008,páxs.467-481.

    

     O concello de Chantada está situado no suroeste da provincia de Lugo, dende a Serra do Faro ata o encaixado cauce do río Miño. Na súa paisaxe é patente a diferenciación morfolóxica, reflectida en tres importantes unidade: a Serra do Faro ó oeste; a ribeira do Miño ó leste e no centro a chaira, pertencente á penillanura básica de Galicia.A comarca posúe un clima húmedo e continental. Os invernos son suaves e os veraos calurosos con tendencia á sequidade. Con respecto á vexetación, ademais dos pinares de repoboación, aínda son frecuentes os soutos e as carballeiras así como as matogueiras nas áreas máis elevadas.
     As principais arterias de comunicación son a N-540 Ourense-Lugo e a C-533 A Gudiña-Lalín. As súas trinta e seis parroquias ocupan unha superficie de 178 km2  e posuen unha poboación que, no ano 2004, era de 9463 habitantes. De tódolos xeitos, dende os inicios do século pasado ata o intre actual produciuse un declive demográfico causado tanto pola forte emigración a partir do ano 1940 como polo envellecemento poboacional.
     Dende o punto de vista histórico, os primeiros datos están vinculados coa cultura castrexa, reflectida nunha serie de castros, como poden ser os de Líncora, Centulle, San Fiz etc. Por outra banda, o primitivo nome desta vila derívase, segundo algúns investigadores, do tipo de defensa usado contra os invasores normandos nos séculos IX e X; trátase da “plantada” un tipo de fortificación construída con estacas. Pola contra, outros historiadores vinculano coa reedificación da vila, logo da batalla de Camporramiro.Posteriormente, a instalación monacal foi fundamental neste municipio denantes que os señores feudales, caso dos Altamira, os Doanes e outros, mantiveran o seu influxo sobre ela, que ía rematar coa revolta irmandiña.A partir do século XVI, a vila chantadina foi cabeza de xurisdicción do señorío laical do que formaron parte vintenove freguesías e sete cotos. Finalmente, tras as cortes de Cádiz, a vila convertiuse en concello e partido xudicial.

 

OFICIO NUNHA CARROZA

     Dende o punto de vista económico, este municipio baséase no sector primario, cunha agricultura ligada coa gandería. Malia explotacións vacunas, hai granxas de gando porcino e unha importante cabana caprina e ovina. Asi mesmo, a producción vitícola céntrase na ribeira do Miño, aproveitando o microclima e os socalcos.O sector secundario fundamentase nunha variada industria: hidroeléctricas – Belesar, Vilela-, aserraderos, fábricas de lácteos, talleres mecánicos e artesanais.
    Tanto este sector como o subsector constructivo experimentaron un forte pulo por mor do retorno de emigrantes e a consecuente urbanización da vila.

     O FOLIÓN DOS CARROS

      A SÚA ORIXE E EVOLUCIÓN.

     As súas orixes están ligados ós gremios, que eran asociacións artesanais xurdidas na Idade Media para a defensa e control dos seus productos.Os gremios da vila interviñan un día ó ano nun acontecemento colectivo, que tiña como finalidade escenificar os labores de seu de cara ó exterior.
    Cada representación gremial facíase nun carro, ornamentado con farois, frores e xestas, conducido por un paisano e levado por unha xugada de bois ou vacas do país. Así –segundo Gómez Montero- os carpinteiros, con banco e todo tipo de ferramentas, arrincaban coas súas garlopas unhas labras que botaban ó público que enchía as beirarrúas. As panadeiras que peneiraban  e amasaban o pan, deixaban caer entre os espectadores unhas presas de fariña…O derradeiro carro do folión sempre estaba constituido por unha gran carroza chea de espigas de centeo ou trigo que ían mallando algúns “oficiantes” cos antigos mallos. Cando a carroza paraba, os que ían mallando cesaban na súa tareda, intre que aproveitaban as mulleres que lles acompañaban para retirar os graos das espigas malladas.Estas representacións gozaron, dende sempre, dunha gran consideración e simpatía por parte dos chantadinos, e así aparece reflectido nun programa de festas do ano 1839, onde xa se fala do famoso “ Folión dos Carros”.

PREPARACIÓN DAS CARROZAS

 
     Antano, o desfile dos carros abríao un grupo de mozos, que portaban unhas pertegas con farois alumeados, simbolizando a diferentes persoeiros políticos; logo, viña un grupo de gaiteiros e os diferentes carros coas súas parodias, e, como remate do marcha a banda de música.O folión, na súa evolución, pasou por diversas fases. Ata o ano 1935, –segundo Vázquez Rodríguez- os artesáns de cada gremio foron os encargados de decorar os carros do país, representando neles os labores que realizaban dun xeito cotiá, aínda que nalgún carro –un ou dous cando moito – levábase a cabo unha crítica contra as autoridades do concello.Logo, a guerra civil abreu un paréntese ata o ano 1947, en que de novo se celebra o folión, aínda que xa, dende o ano 1941, a vila honraba a advocación da Virxe con diferentes actividades de índole relixiosa e profana.
     Na recuperación deste evento, posiblemente tivese moito que dicir o alcalde da localidade D. Luís Campo Fernández, mais non podemos deixar esquecidos a moitos chantadinos que interviron dun xeito directo na recuperación do folión. Nesta segunda fase, ás veces xuntáronse dous carros coa finalidade de dispor dun maior espacio para representar nas súas plataformas os traballos do agro e dos artesáns da vila. Non embargantes, estas representacións xa nos as realizaban artesáns, como ocorrira no periodo anterior, senón mozos da localidade. Isto vai motivar que se inicie, en certa medida, unha regresión do folión, que se fai máis notoria nas décadas dos setenta e oitenta, intre no que toman parte poucos carros, algúns deles mesmo movidos por tracción mecánica.
     Mais no remate da década dos oitenta creouse a “Asociación de amigos do folión” que comezou a planificar “o desfile dos carros”, introducindo algunhas novidades, como, prohibir todo tipo de tracción que non fose a animal; construír unhas plataformas de madeira de catorce metros de longo, tres de ancho e cunha altura máxima de catro metros, e seguir co percorrido polas rúas máis modernas da vila, que presentan unha maior amplitude que as antigas.

     O FOLIÓN NESTE SÉCULO.

     A edición do 2005, estivo patrocinada pola Deputación de Lugo e mailo concello de Chantada. Ademais, colaboraron outras institucións como, as concellerías de Cultura e Agricultura, a Asociación de empresarios de Chantada e a comisión de festas.
     Gozou dun presuposto de 18000 euros, que foi destiñado para planificar o evento e para que un xurado, representativo da localidade, concedese dez premios dunha cuantía de 1400, 1200, 1100, 850, 650, 600, 575, 550, 525 e 500 euros. Ademais, tamén se concedeu un agasallo á mellor xugada de bois ou vacas, e outro á carroza máis representativa que fose asentada sobre un carro.
     Na actualidade, a organización deste evento corre a cargo da “ Asociación de Amigos do folión”, que se encarga, ademais, de preservar e promocionar este acontecemento. Consta duns 200 socios, que tentan recuperar antigas tradicións do agro chantadino e da vila.

     O DESFILE DOS CARROS.

     A participación é libre. Tódolos grupos  participantes, denantes do desfile, deben levar a cabo a inscrición previa e adecuarse ó regulamento fixado pola  asociación de “Amigos do Folión”, reflectido na valoración positiva ou negativa das súas propostas temáticas; na aceptación só da tracción animal nas diferentes carrozas; na revisión das diferentes plataformas, etc.
     A presente edición, contou con dez carrozas que desfilaron polas rúas máis modernas da vila perante un numeroso público, que agardaba espectante as diversas representacións. Ó final do percorrido había un xurado, que se encargaba de xulgar diferentes aspectos das carrozas, como a escenificación que levan a cabo os distintos oficiantes de cada unha delas e a súa vistosidade. De tódolos xeitos, un bo número de integrantes das carrozas, consultados denantes de encetar o desfile, afirmaron que o factor máis decisivo para o xurado, era o “efecto espectacular” que podían amosar os diversos carros e plataformas.
     Nesta edición, cuarta na que o folión se celebra como festa de intérese turístico, –categoría outorgada por un acordo do Consello da Xunta de Galicia de 10 de marzo do 2002-, a escenificación e temática dos diferentes carros e plataformas foi a seguinte:

     Carro nº 1. “¿ A PELÍCULA?…POÑÉMOLA NOS.”

     Trátase dunha carroza asentada sobre dous carros unidos para disponer de máis espazo e para seguer cos fundamentos da tradición.Os seus oficiantes fixeron unha representación resumida do desenvolvemento do cine na vila durante o século pasado. O cine chegou a Chantada no ano 1912 grazas á Liga de Amigos. Logo, sería a lexendaria  Dª Aurorita a primeira persoa que adquiriu un proxector. Posteriormente, no 1931, xurdiu a primeira sala de cine, denominada a Terraza e, logo, foron aparecendo o cinema Iris, o Cervantes, o Capitol (1941), o Yeca (1958) e o López Otero (1990).
     Por outra banda, os oficiantes, ademais de dar a coñecer as salas de cine, existentes nesta localidade no século XX, puxeron en escena unha serie de efectos ligados con este arte como, a censura, por medio da Oficina Nacional Calificadora de Espectáculos e a Comisión Episcopal para a doctrina da fe; a figura do acomodador; os rapaces, faltos de cartos, e tentando “colarse”; o cine, como lugar axeitado para as parellas para poder vivir un pouco de intimidade; e, finalmente o destape, fenómeno ó que aínda deron chegado algunhas persoas de idade, que viron na pantalla o que non viran na realidade.

      

      DEBULLANDO O CEREAL.

 

     Carro nº 2. “O PAN CENTEO”.

     Logo dun mes de ensaios, os oficiantes desta plataforma –12 homes e 6 mulleres- escenificaron tódalas actividades ligadas con este cereal, dende que se sementa ata que se pode comer. En primeiro termo, este cereal fundamento da alimentación galega ó longo da historia, sementábase nos campos nos meses de Outono e Novembro. Ó comezo do verao os paisanos segaban con fouciños o cereal; as mulleres facían os mollos; e, logo, mesturados todos levaban a cabo a feitura “dos medeiros” na propia terra de labor. Días despois transportaban os mollos en carros, tirados por xugadas de vacas, ás eiras das casas, onde se realizaban “as medas”. Ó caron delas, levábase a cabo “a malla”, na que os participantes tiñan unha tarefa específica: mallar cos mallos, aventoar, construír os palleiros,  almacenar o grao nas huchas, etc. Posteriormente, o grao levábase a moer a algúns dos muíños que hai ó longo dos ríos e regatos da comarca. Finalmente, serán as mulleres as que amasen  a fariña nas artesas e a cozan en pezas nos fornos das casas.
    Compre sinalar que, nesta carroza, os oficiantes amosan unha serie de elementos ligados ó desenvolvemento da tarefa, a saber, o medeiro, os mallos (“mallar”), o palleiro, o ferrado (“aventoar”), a artesa e o forno.

     Carro nº 3. “ A FESTA DA EMPANADA”.

     Os oficiantes desta plataforma, logo de ensaiar unha semana, representaron un dos eventos, que xunto co “folión” constituen os eixos fundamentais das festas patronais da localidade. O derradeiro día das festas, moitos chantadinos acoden á carballeira da Sobreira, situada a poucos km. da vila, para degustar este producto, aínda que, tamén, adoita acompañarse doutros, como tortilla, churrasco, polvo etc.

     Carro nº 4. “ O FOLIÓN DE CARROS”.

     Nesta plataforma, os seus oficiantes, por medio da imitación de tres carros coas súas respectivas representacións, reivindicaron o antigo carro do país, como medio de escenificación básico para “o folión”, e non as plataformas actuais que non se adecuan ó sentir dos nosos devanceiros.

     Carro nº 5. “ A FEIRA DAS CABRAS”.

     Nesta carroza, os seus integrantes, parodiaron “a feira das cabras de Merlán”, que é das poucas deste xénero que se seguen celebrando en Galicia. Trátase dunha feira na que o elemento esencial son os pastores de cabras, que acoden a vender estes animais, aínda que, tamén, veñen mulleres de diferentes parroquias non só do concello, senón tamén doutros limítrofes para vender diversidade de productos, como, coellos, pitas, verduras etc. Os oficiantes desta plataforma prepararon a escenificación durante dous meses.

     Carro nº 6. “ O FIADEIRO DA AVOA SERVANDA”.

     A plataforma estivo integrada por 18 oficiantes –10 mulleres e 8 homes-, que escenificaron os diferentes labores que conleva o liño dende que se sementa ata que se tece no tear. Así, puidemos apreciar, como algúns oficiantes usaban o ripo, a espadela, o restrelo, o fuso e a roca, o sarillo e o tear. Da mesma maneira, unhas mulleres fiaban e outras cantaban parodiando ó fiadeiro.
     O ripo, era un instrumento idóneo para quitar a bagaña ó liño.
     A espadela era un aparello co que se mazaba o liño e formaba as estrigas (“pequena porción de liño atada”)
     O restrelo era unha táboa con dentes ou púas de ferro para separar a estopa do liño. A estopa está formada polas borras do liño, que é a parte exterior da planta, e vai quedando nos cravos do aparello. Pola contra, o liño bo ou cerro queda na man e trátase da parte inferior da planta. Das dúas clases de liño sairán dúas clases de fío e, xa que logo, dúas clases de tecido, un máis forte e groso e outro máis fino.

AS TECEDEIRAS.

     O fuso era un pau que tiña forma de cono. Na parte máis ancha levaba unha especie de rodas para facer peso e permitir deste xeito que xirase. Na punta tiña unha boliña e na súa parte máis fina unha fendedura por onde se introducía o fío. Para a fía era mester, tamén, unha roca, na que se enroscaba o liño para fialo. Trátabase a roca dun aparello dun pau con tres boliñas de tres tamaños nun dos extremos; a máis grosa estaba abaixo e a máis pequena arriba. Remataba cun chuzo na punta e tiña un mango longo que permitía suxeitala no xustillo, mentres coa outra man se collía o fuso. Desta maneira íase fiando lento ou rápido dependendo da destreza da fiadeira.
     O sarillo era un aparello que constaba de dúas aspas que viraban con rapidez para realizar madeixas de fío.
     O tear era un instrumento para facer teas ou tecidos entrelazando fíos.
     Finalmente, o fiadeiro era unha xuntanza de mozos, que se celebraba á noite nunca casa da aldea para fiar, cantar, parolar, contar chistes. Normalmente, xa entrada a noite, adoitábase interrumpir o labor para realizar xogos e mesmo bailar.

Esta carroza levou o terceiro premio do folión, consistente en 1100 euros.

     Carro nº 7. “ OS QUEIXEIROS”.

     Os oficiantes desta carroza levaban ensaiando mes e medio unha representación que tiña como tema esencial a elaboración do queixo, que abrangue os seguintes pasos:
     O quentamento da leite e o seu salado. O callado, que se consegue engadindo ó leite quente tres ou catro gotas de cuajo. Logo, ten lugar o moldeado, e, finalmente, o oreo e a maduración. As pezas elaboradas poñense a orear, na campá da cheminea, no hórreo ou sobre palla de centeo.
      Esta plataforma conseguiu o segundo premio do folión, dotado con 1200 euros.

     Carro nº 8. “AQUELES MARAVILLOSOS ANOS…A PRAZUELA”.

     Segundo Roberto Iglesias, un dos oficiantes desta carroza, só pudieron ensaiar unha semana a representación da praza de Sta. Ana nos anos 60, do século pasado. Malia isto acadaron o primeiro premio do folión, consistente en 1400 euros.
     A devandita praza, naqueles tempos, era un dos centros de xuntanza para as persoas da vila. Unha praza que marcaba o acontecer da localidade por medio das cafeterías e tabernas que había naquela época, a saber, o café Pizarro, o café los Angeles, a fonda América, o bar Manolito e o bar Centulle.
Neste lugar dábanse cita persoaxes significados da vila, como, “O Chus da Pepa”, presente na praza cando saían os primeiros coches de línea. “O Panchiño”, picabilletes da Directa e habitual ás copas de licor café no Reixas. “O Xullo de Abral”, inquedo, que sempre botaba unha parrafada con calquera persoa. “O Pepe-Lolo”, barrendeiro municipal, agarrando a súa vasoira. “A Margarida dos periódicos”, no seu kiosko. D. José, crego de Chantada, con aparencia de estar ben mantido e cunha voz solemne. Tamén, os taxistas, agardando polos clientes, o heladeiro e mailo limpiabotas, na percura de negocio…
En fin, por esta praza paseaba a xente da vila e ademais era un importante lugar de cita para amigos.

     Carro nº 9. “OS OUTROS FEIRANTES”.

    Os oficiantes desta plataforma escenificaron unha feira-mercado na vila. Este lugar era un importante punto de encontro para falar, pasear, mirar os diferentes postos do feirón; non embargantes, tamén, era un lugar idóneo no que actuaban os carteristas e timadores; e, como non, o espacio, que se convertía para moitos en cita obrigada para probar o polvo coas amizades.

     Carro nº 10. “ O FORNO. A TAFONA”.

     Nesta carroza, os seus oficiantes parodiaron as tarefas que se levaban a cabo nos fornos das casas do medio rural aínda non hai moitos anos.
     Antano, neste medio do habitat, cada familia cocía o seu pan dúas ou tres veces ó mes. Algúns dos seus integrantes quentaban o forno, normalmente, con leña de xestas, ata que blanqueaban as pedras de entrada, intre no que sabían que se acadara a temperatura necesaria. Logo, limpiábano da cinsa e boralla, e introducían no seu interior as pezas de masa

 

AS PANADEIRAS

     Na actualidade, na comarca chantadina xa non se sementa trigo nin centeo. O pan realízase a cotío nas panaderías; non embargantes, mentres que unhas quéntano con electricidade, outras, pola contra, fano con leña. Finalmente, ímos buscar o pan ós fornos ou agardamos que nolo sirvan nas nosas casas cada día.
     Ó remate do desfile, interviu un pregoeiro, que louvou as escenificacións amosadas polos diferentes carros, así como a súa vistosidade. A continuación, déronse os premios ás carrozas gañadoras.
 

    Por outra banda, nas festas do Carme, ademais “do folión”, houbo outra serie de actos. Así, o venres, día 26, o grupo de folk “Leilia” deu un concerto na praza da Lama das Quendas. O domingo, os nenos disfrutaron da súa festa, e dun tren que fixo continuas viaxes pola vila adiante o domingo e lúns. Este último día tivo lugar o XIV Festival de Bandas de Música na praza do Cantón, a partir das cinco e media da tarde; participaron os grupos de Betanzos, Celanova, Zamora e Chantada. O martes, moitos chantadinos acodiron á carballeira da Sombreira para participar na festa da empanada. Esta festa gastronómica comezou a celebrarse, sempre ligada ás festas patronais de Chantada, a finais do século XIX, aínda que daquela recibía o nome de “festa da carballeira”. O seu nome actual provén de mediados dos cincuenta do século pasado. Neste acontecemento, ademais da empanada, como producto específico, degustáronse, tamén, outros productos, como churrasco, polvo, tortilla etc. Asi mesmo, este acto festivo de índole gastronómica estivo amenizado por dous grupos de charangas e un de gaiteiros. Asi mesmo, durante os días da festa, grupos de charangas e gaitas percorreron as diferentes rúas da vila, amenizando a festa. Á noite, dúas orquestras encargáronse tódolos días de deleitar ó publico ata altas horas da madrugada.

     A FEIRA DO VIÑO DE CHANTADA.

    

     A Ribeira Sacra comprende unha importante extensión , nas beiras do Miño e do Sil, con pendentes que andan entre o 40 e o 100%, alturas entre 300 e 800 m., e os socalcos, bocarribeiras e pataos aterrazados ás veces con anchos inferiores a un metro. Posúe un microclima idóneo para a producción dos seus afamados viños.
     No ano 1993, a Ribeira Sacra acadou a nominación de orixe provisional. Pola súa banda, esta zona inclue cinco núcleos que comprenden a catorce concellos das provincias de Lugo e Ourense.
1º. Núcleo de Amandi, comprendido polos concellos de Monforte e Sober.
2º. Núcleo de Chantada, que abrangue ó concello propio así como ós de Carballedo e Taboada.
3º. Núcleo de Quiroga, formado polo concello de seu, e os da Pobra de Brollón e Ribas de Sil.
4º. Núcleo das Ribeiras do Miño, comprendido polos municipios Pantón, O Saviñao e unha parte de Sober.
5º. Núcleo da Ribeira do Sil, que abrangue ós concellos ourensáns de A Teixeira, Castro Caldelas, Nogueira de Ramuín e Parada do Sil.

 

POSTO DE VENDA NA FEIRA DO VIÑO DE CHANTADA

 

     Os caldos desta zona, ó igoal que outros, deben cumprir unha serie de normas reguladas polo Consello Regulador da Denominación de Orixe, que teñen como finalidade asegurar unha calidade permanente e uns trazos propios. Polo tanto, os brancos producidos, dun xeito preferente, coas variedades albariño, godello e treixadura son uns viños frescos, afrutados e cun toque de acidez. Os tintos, pola contra, son elaborados coas variedades mencía, brancellao ou merenzao e distínguense polo seu aroma intenso e polo seu cor cereixa brillante.

     Chantada é un concello que colleita excelente viño en terrazas artificiais (bancais) formadas por socalcos, dende onde hai que levar as uvas nuns cestos especiais, que reciben o nome de “culeiros”. A súa feira ten a súa orixe no ano 1983. Lévase a cabo o segundo sábado e domingo do mes de marzo no recinto feiral, situado ó carón do río Asma. Serve para dar a coñecer, comercializar e mellorar por medio da competencia e dos anceios dos productores a calidade destes caldos, elaborados coas uvas colleitadas nos bancais das ribeiras dos ríos Miño e Sil, na zona da súa confluencia.
     Nos seus comezos, a feira foi organizada polos colleiteiros da zona co obxectivo de dar a coñecer o seu producto e comercializalo. Non embargantes, a partir do ano 1990, o concello, que viña colaborando como institución no acontecimento, decidiu institucionalizar a festa e deste xeito darlle un maior realce. Xa que logo, unha das primeiras cousas que acordou foi fixar unha data concreta de celebración, xa que ata o de entón, ese momento era variable.No ano 2005, os organizadores do certame, agrupados na Asociación Feira do Viño de Chantada, acadaron que dazasete bodegas viñesen a promocionar os seus productos a esta feira.
    Por outra banda, diversas festas de localidades situadas nas beiras destes ríos teñen unha finalidade semellante, que é a promoción do viño de seu. Xunto a de Chantada, están as de Amandi, Quiroga, Ribeiro e otras tantas. Non embargantes, e con independencia do lugar, todas elas teñen unha serie de trazos comúns: en primeiro termo, “a cata do viño”, momento básico das feiras, onde as mellores colleitas resultan premiadas. Logo un pregoeiro, de renome, louva as excelencias do producto, para darlle máis carácter á feira e posibilitar deste xeito unha maior comercialización. Tamén, aproveita para promocionar outros productos da zona así como para colocar diferentes “stands” referentes a maquinaria agrícola e industrial.
     Estes caldos da Ribeira Sacra – segundo Xulio Valcarcel- foron xa ensalzados por unha serie de escritores como Castroviejo, Cunqueiro, Costa Clavell, Rodríguez Porto… Pola súa banda, o escritor chairego Manuel María reflectía nuns versos certos trazos dos viños da ribeira chantadina.

           “ Viños de Chantada, Chianti noso,
              pois sodes vós un canto antergo,
              un doce, delicadísimo alalá,
              que no corazón nos pon un merlo novo”.

    Finalmente o evento vai, tamén, ligado a actuacións folklóricas, charangas, orquestras e demais atraccións, que constituen un importante reclamo para un público de calquera idade, que é o que se quere chamar.

    

    OUTRAS FESTAS DA VILA DE CHANTADA.    

     Dende antano, esta vila disfrutou dunha serie de festas, algunhas desaparecidas no intre actual e outras aínda vixentes. Destas últimas, convén distinguir a festividade do Corpus só dende o ámbito relixioso. Consta de dous actos: a misa solemne e, logo, a procesión do Santísimo que pasa por riba dunha alfombra floral, construída nos accesos á igrexa parroquial por algúns fregueses da vila. A modo de referencia, facemos mención á alfombra floral que se realizou no ano 1998 e que constaba dos seguintes elementos: unha custodia, unha hostia, unha pomba e unha diversidade de grecas; os materiais utilizados foron serraduras e pétalos de rosas de cores branca, rosa e vermella.
     O domingo de Pascua conmemórase a procesión do encontro da Virxe con Xesús resucitado. Nesta data, tamén, sae o Santísimo, por dispensa especial, como ocorre nalgúns outros lugares, caso da parroquia de S. Pedro Fiz de Robra, pertencente ó concello de Outeiro de Rei e diócese de Lugo.
Entre as festas desaparecidas, compre citar, en primeiro termo, a festa relixiosa, coñecida como “A Historia e o Misterio”, na que tanto nenos como adultos da vila, escenificaban os temas máis relevantes da Biblia. Esta festa foi iniciada nos comezos do século XIX, polo párroco D. Anastasio Moreno. Tiña unha área de influencia moi importante, xa que acodían fregueses das diferentes parroquias de Chantada e dos concellos limítrofes, como Carballledo, Monterroso, Taboada etc.
      En tempos, tamén, se celebrou a festa da Sta. Mariña, que era a patroa da vila. Segundo, Gómez Montero, na misa solemne da festividade, o párroco, no intre do ofertorio, volvíase ós fregueses cun ramo de loureiro e flores, e pedía algúns voluntarios para que a festa da santa poidese seguir celebrándose no ano seguinte. Os autonomeados quedaban obrigados á asistir á procesión do presente ano polas rúas principais da vila, colocados detrás dos cregos concelebrantes e diante da banda de música.
      Finalmente, durante tres días realizábanse os festexos adicados ó S. Antonio de Padua. O espazo utilizado era a praza de España, onde tiñan lugar diferentes actos de índole profana, que adquiriron moita relevancia, ata o punto que estas festas chegaron a rivalizar coas do Carme.

 

CONSIDERACIÓNS SOBRE “O FOLIÓN DOS CARROS” E “A FESTA DO VIÑO DE CHANTADA.

      As festas do Carme de Chantada, celébranse tódolos anos a finais de agosto, tomando como referencia o último domingo. Entre os actos que se levan a cabo, distinguimos, dun xeito preferente, o folión dos carros e a festa da empanada, que constituen, en gran medida, un referente importante destes festexos.
      O folión dos carros reflicte diferentes actividades e situacións da vida cotiá, que tiñan lugar noutrora, tanto no medio rural da comarca chantadina como na propia vila. Xa Vázquez Rodríguez poñía de relevo o carácter mimético, tanto das labores agrícolas como dos oficios da vila, que ten o folión. Por outra banda, as persoas pertencentes á antigos ámbitos sociais imitaron as tarefas máis comúns da vida nas súas festas. Este calco, suxeito a regras e variacións, foise transmitindo no decurso dos anos a novos marcos sociais.
      Esta volta ó pasado suscitaba un efecto nostálxico naqueles espectadores, que viviron dun xeito directo ou indirecto calquera labor ou situación cotiá. Neste caso, un importante número de habitantes da vila vese simbolizado nas diferentes actividades agora representadas nos carros. Segundo, Xulio Valcarcel, a posta en escena de actividades recoñecibles converten ós protagonistas en actores, que comunican có publico un traballo e unha representación na que todos se recoñecen, acadando un efecto divertido, irónico, nostálxico e de autocomprensión.
      Non embargantes, o folión ten, tamén, un efecto didáctico para outras persoas , que pola súa idade non puideron vivir, dun xeito ou doutro, estes labores e situacións, e que lles vai permitir agora coñecer “in situ” unha boa parte do acervo cultural da zona.
      Na actualidade hai algúns elementos que poden inducir a pensar que o folión comeza a estar ameazado na súa continuidade. Un deles é a escaseza de xugadas de vacas, así como o prezo por alugar estes animais, cando se encontran. No municipio de Chantada, xa non é doado encontrar animais cos trazos axeitados para tirar carrozas de moito peso. Outra cuestión importante, segundo algúns oficiantes das plataformas, está relacionada coa perda paseniña do carácter espontáneo, que tiña o folión do pasado, e co exceso de valoración que se fai actualmente da espectacularidade das carrozas. Ademais, para Manoel Mosteiro, participante no folión dende os 18 anos, hai outro problema que está ligado a que o relevo dos oficiantes dos carros e plataformas pode complicarse, debido a que a participación na construcción dunha carroza, así como os ensaios da parodia correspondente supón bastante traballo e un gasto importante, que, no intre actual, non é compensado satisfactoriamente polos premios que entrega a Asociación de amigos do Folión.
      Por outra banda, no intre actual a Feira do Viño de Chantada está considerada como unha feira-festa, que naceu hai vintedous anos para dar a coñecer un producto da zona e, deste xeito, poder comercializalo nunhas condicións óptimas.
      Entrámbalas dúas festas hai elementos diferenciadores ligados co ámbito relixioso e profano. Con respecto ó ámbito relixioso, mentres que na feira do viño non é patente esta dimensión, pola contra nas festas patronais este aspecto está reflectido na misa solemne que se celebra o domingo en honor da Virxe do Carme e na procesión, que percorre as principais rúas do centro da vila. En canto ó ámbito profano, as festas de agosto gozan dunha maior relevancia, non só polo número de días adicados, senón tamén pola diversidade de actos celebrados. Non embargantes, námbalas dúas hai actividades lúdico-festivas comúns, como son, os pasarrúas de bandas, charangas e grupos de gaitas; na pronunciación dun pregón, no que se adoita louvar o evento; na feira-exposición dunha variada gama de productos, na sesión de fogos e, finalmente, na verbena ou verbenas –caso das festas patronais- que se celebran á noite.
      De tódolos xeitos, o elemento común máis característico é que ámbalas dúas constituen importantes símbolos locais, que serven para expresar unha identidade comunitaria. Configuran eixos fundamentais sobre os que se expresa a cohesión interna da comunidade, propiciando desta manera un pulo cívico comunitario plasmado en momentos de crise ou mesmo nun compartido lecer.
Este carácter identitario da festa proiectase ó exterior por medio do producto ensalzado e, tamén, mediante unha serie de actos, como “o folión”, “os fogos de artificio” e as mesmas “verbenas”.

SUXERENCIAS BIBLIOGRÁFICAS.

 

CASALDERREY, Fina e GARCÍA, Mariano. Festas gastronómicas de Galicia, Vigo: Ed. Xerais, 2ª ed, 1995, páxs. 92-97.
COSTA GÓMEZ, A. Voz “Folión de Chantada”, en G. Enciclopedia Gallega, t. XIII, Silverio Cañada, Santiago-Gijón, 1974, páx. 124.
GÓMEZ MONTERO, Ángel. Chantada. Corazón de Galicia, León: Ed. Everest, S.A., 1991, páxs. 106-114.
GONZÁLEZ REBOREDO, Xósé M. Guía de Festas Populares de Galicia, Vigo: Galaxia, 1997, páxs. 207- 212.
QUINTANA GARCÍA, Antonio. “Chantada”, en GALICIA pueblo a pueblo. La Voz de Galicia S.A, 1993, páxs. 473-476.
VALCÁRCEL, Xulio. No corazón de Galicia. Viaxe polas terras de Chantada e a Ulloa. As Viaxes, 4, Vigo: A Nosa Terra, 2001, páxs. 116-122.
VÁZQUEZ RODRÍGUEZ, Xosé Manuel. “ Cerimonias de Véspera. Os Folións na Ribeira Sacra”, en Boletín do Museo Provincial de Lugo. V. 1. T. VIII, Deputación Provincial de Lugo, 1997/98, páxs. 273-290.

 

ILUSTRACCIÓNS

 

                   PREPARACIÓN DE PLATAFORMAS PARA O FOLIÓN.

 

                        DEBULLANDO O CEREAL COS MALLOS.

 

  CRIBANDO O CEREAL.

 

 

                                                    FIGURANTE NUN TEAR.

 

          FIGURANTES FACENDO DE PANADEIRAS.

 

 

                        REPRESENTACIÓN DO INTERIOR DUNHA CASA RURAL.

 

                      FIGURANTES FACENDO QUEIXO.

 

 

                                  PARELLA DE VACAS TIRANDO DUNHA PLATAFORMA.

 

                                FIGURANTES DA EMPRESA DIRECTA E DO CAPITOL.

 

                                     FIGURANTES NUNHA CARPINTERÍA.

 

 

UN POSTO DE VENDA NA FEIRA DO VIÑO DE CHANTADA.

 

 

                         OUTRO POSTO DE VENDA NA FEIRA DO VIÑO DE CHANTADA.

 

 

                          O POLBO É UN PRODUCTO TÍPICO EN CALQUERA FEIRA E FESTA.

 

 

 

 

Ir arriba