O MECO E AS PAMPÓNIGAS. SIMBOLOXÍA DE DOUS PERSOEIROS LENDARIOS DE “ A ERMIDA” (QUIROGA).

         

              JOSÉ MANUEL BLANCO PRADO

                     Artigo publicado na Revista Lucensia. Boletín do Seminario Diocesano de Lugo, nº 49, 2014.

 

       Trátase de personaxes antigos da parroquia de Santa María de “A Ermida”, pertencente dende o punto de vista eclesiástico ao arciprestado de Queiroga e á diócese de Lugo e, dende o civil, ao concello de Queiroga e, xa que logo, á provincia de Lugo. O termo dista 2,4 km. da capital municipal coa que se comunica por unha estrada local. Recibe as augas do río Queiroga. A altitude media do seu relevo é de 270 metros.

 

 

O MECO E AS PÁMPONIGAS PRECEDEN Á PROCESIÓN DOS REMEDIOS

 

 

       O Meco, denominación moderna, tivo nomes máis acordes que a do persoeiro actual. E, así, os nomes de Felo e Gracioso sustituían ao de Meco, que sempre foi considerado nalgunhas localidalidades galegas unha personaxe ligada á festividade do Entroido  . Tamén se comenta que o Meco era un crego ou un estudante seminarista da localidade de Meco, xunto a Alcalá de Henares, considerado adúltero, lascivo, violento…Asimesmo, hai a versión da persoa que se apelidaba Meco e que vivía no Grove (Pontevedra), onde as mulleres sufrían os seus ultraxes e violencias ata o punto que un bo día acordan aforcalo nunca figueira, e cando se lles pregunta ¿Quen matou ao Meco? Responde: “Matámolo todas”  . Antonio Fraguas menciona “que en Quiroga (Lugo) se aplica el término Meco a una máscara, que lleva una escoba en la mano, “a basoira do toxo”, que pasa por la espalda o las piernas de las mujeres con el fin de expulsarles las brujas del cuerpo” . 

        Este persoeiro estivo ligado desde sempre a “Casa de Eliseo González” do San Vitorio (A Ermida). Respecto a súa vestimenta, vai provisto dunha careta de madeira, na que se reflicten trazos demoníacos. Na cabeza leva un sombreiro de cor vermello, que se prolonga ata a espalda formando unha especie de “molida” –parte blanda ou cabezal-. Tanto o jersei coma o pantalón son, tamén, de cor vermello; sen embargo, o pantalón leva unhas franxas laterais de cor branco con pequenos resaltes de cor vermello.

 

MÁSCARAS DO MECO: A DA DEREITA É A ANTIGA. A DA ESQUERDA É A ACTUAL.

 

         No ano 1984, José González Rodríguez, nacido na Ermida e vinculado coa “Casa de Eliseo González”   construiu unha nova careta de abidueiro para o Meco, xa que a antiga, de castiñeiro, estaba moi deteriorada; ademais, tamén realizou unha careta pequena para o seu fillo, que daquela tiña oito anos. Isto motivou que, no ano 1984, previo permiso do párroco de “A Ermida”, saísen por primeira vez na procesión dous mecos  , costume que continuou ata o ano 1992. Desde o ano 1993, representa o rol de Meco, Xoán González Cobo de 29 anos.
          
                  ROL DE MECO                                      ANOS

XOÁN GONZÁLEZ.                                 Último tercio do século XIX ata o ano 1923.

ELISEO GONZÁLEZ MACÍA.                   Do ano1924  ó 1954 (No ano 1936, non saiu o Meco ).

XOÁN GONZÁLEZ REI.                           Do ano 1954 ó 1984.

ARTURO PÉREZ GONZÁLEZ.                  Do ano 1984 ó 1993.

(Sobriño de XOÁN GONZÁLEZ REI)- ROL DE MECO    

XOÁN GONZÁLEZ COBO.                        Do ano 1984 ó 1993.

( Fillo de  XOÁN GONZÁLEZ REI – ROL DE MEQUIÑO.       

                                                                   
XOÁN GONZÁLEZ COBO.                        Do ano  1993 ó intre actual.…

       Como podemos apreciar o rol de Meco está ligado dun xeito directo  ou colateral   coa “Casa de Eliseo González”, situada na aldea do San Vitorio, pertencente á parroquia de A Ermida. Este persoeiro aínda é moi recordado polas persoas máis vellas da parroquia da etapa na que facía de Meco, xa que era un gran brincadeiro e, ademaís, facía que lles limpaba os zapatos cun pano aos que lle daban cartos.
       O Meco, para anunciar a súa presencia, leva na man dereita unha castañola, que repiniquea, mentres na esquerda trae  unha “basoira de toxos” ( fachuzo de toxos), coa que vai afastando a xente, que poida interrumpir o cortexo procesional  .

 

O MECO E O MEQUIÑO.

 

     
                               ESTRUCTURA DA PROCESIÓN
                                 
                                      
        1º. O Felo, Gracioso ao Meco, máscara con trazos demoníacos. que anuncia a súa presencia mediante unha castañola, que porta na súa man esquerda, mentres na dereita leva “o fachuzo dos toxos” co que vai afastando a aquelas persoas, que se atopan no percorrido procesional.

        2º  As Pampónigas, dous xigantes, que representan a un home e a unha muller. Van danzando unha peza tradicional da comunidade.

        3º Un grupo de gaiteiros, que vai tocando unha peza tradicional da comunidade .
              
        4º Un fregués da parroquia, levando a cruz parroquial, acompañado a ámbos dous lados por dúas freguesas, vestidas co traxe de galegas, portando nas súas mans os ciriais.

        5º O estandarte parroquial, levado por devotas da parroquia, vestidas co traxe de galegas.

        6º A advocación da Virxe dos Remedios, levada nas súas andas por catro freguesas da parroquia, vestidas co traxe de galegas. A ámbos dous lados van persoas ofrecidas, de xeito normal, ou vestidas coa “mortalla”  . 

        7º Os cregos, que van concelebrar a misa solemne, logo de que a procesión retorne a igrexa parroquia.

        8º Os devotos ofrecidos, colocados sen distinción de idade e sexo.

        Cando a procesión retorna á igrexa, concelébrase a misa solemne. Mentres tanto o Meco fica no adro da igrexa, onde se leva a cabo un ritual profano consistente en que algúns fregueses tanto da parroquia como de fora botanlle moedas ao chan. No intre en que o Meco se dobra para recollelas, algunhas persoas, homes xeralmente, danlle labazadas na molida (cabezal), mentres él tenta defenderse coa “basoira ou fachuzo de toxos”  .  

 

OS MECOS E AS PAMPÓNIGAS

 

 

        Noutrora tanto Eliseo González, como os seus antergos e o seu fillo Xoán González Rei levaban a cabo unha serie de tarefas, que tiñan lugar en diferentes intres da tarde e do serán. Así, nas primeiras horas da tarde participaban na procesión e no ritual profano, que tiña lugar ao carón da igrexa. Logo do xantar familiar, o Meco, acompañado dun gaiteiro e un tamboril, ía por diferentes casas da parroquia, bailando ao compás da música, có propósito de recadar algunhas moedas, que lle daban polo seu labor.  Ó serán, o Meco e os seus acompañantes transladábanse ao campo da festa, onde tiña lugar o mesmo ritual, que se celebrara ao carón da igrexa nas primeiras horas da tarde.

        No intre actual, a práctica ritual do Meco quedou restrinxida só á procesión e ao ritual profano, que se celebra ao mesmo tempo que a misa solemne. No ritual procesional, o Meco está levando a cabo unha relevante tarefa relixiosa, xa que está contribuíndo a purificación e santificación do ámbito espacial, que percorre a procesión, non só dirixindo á mesma  , senón tamén participando dun xeito directo na veneración á Virxe dos Remedios. Este acatamento realízao mediante unha inclinación de cabeza ou de xeonllos no intre en que a advocación mariana retorna á igrexa, onde se vai concelebrar a misa solemne. Sen embargo, ao mesmo tempo o Meco leva a cabo un ritual profano no adro da igrexa , do que xa teño falado, que indica como os actos cotiás  móvense por unha dialéctica continua da que xa os antigos pensadores gregos falaran.

 

O MECO E AS PAMPÓNIGAS PRECEDEN Á PROCESIÓN DOS REMEDIOS

 

        Dende a miña perspectiva, a dimensión hermeneútica sobre este ritual é dual:  así, por unha banda, trátase dunha práctica que contribue a alonxar ás persoas da súa dimensión relixiosa. Mais, por outra, as continuas labazadas, que recibe o Meco, simbolizan dalgún xeito a saída do Mal, e, polo tanto, do deshonesto, do ilícito desta comunidade quiroguesa.

        Noutrora o Felo pola tarefa, que realizaba, recibía do mordomo da confraría da Nosa Señora dos Remedios unha remuneración económica, procedente da esmola, que se recadaba na festividade mariana dos días 8 e 9 de setembro.

         “ Felo y un gigante…………8 rs”  .
         “ Gracioso y pampónigas….12 rs” .

         As Pampónigas son dous xigantes, que simbolizan a un home e a unha muller. As súas cabezas son de madeira e o seu armazón inicialmente de madeira foise apolillando, o que dificultaba o labor dos seus porteadores. Isto motivou que se fixese un novo armazón de aluminio co que o peso das Pampónigas reduciuse. A Pampóniga, que representa a unha muller, vai vestida cun sombreiro e traxe vermello, levando na súa boca un acio de uvas. Pola contra, a Pampóniga que simboliza a un home, vai ataviada cun sombreiro e traxe azul e adoita levar unha pipa na boca. Ambos os dous personaxes van na procesión logo do Meco, danzando unha peza tradicional da comunidade, recuperada por un gaiteiro da zona chamado Colomán. . Os seus porteadores, que son fregueses da comunidade parroquial  , teñen que ter moita destreza, experiencia e resistencia física, xa que a altura das Pampónigas é considerable. Estes personaxes son moi similares aos “Cocos” de Lourenzá e Ribadeo.  Hai anos, os seus porteadores recibían un estipendio pola súa participación na procesión, ao igual que os felos  . Cando a procesión retorna á igrexa, ambos os dous persoeiros, colocados nos flancos da porta do recinto sagrado, inclinan cadansúa cabeza no intre en que a imaxe da Virxe entra no templo. Este ritual de veneración é moderno, xa que comezou a utilizarse hai uns vintecinco anos aproximadamente .

 

AS PAMPÓNIGAS

 

 

         No transcurso dos anos houbo unha serie de persoas da comunidade, que levaron a cabo “o rol” de Pampónigas dun xeito continuo. Así podemos citar, entre outros, aos seguintes porteadores de maior a menor antiguidade:
         Gervasio Vila, Luís Montenegro, Santos González Macía, Vicente Rodríguez, Sergio Delpont, Antonio Ferreiro Puga, Sergio Ferreiro…

 

DETALLE DUNHA DAS PAMPÓNIGAS

 

         Nas mesmas datas, conmemórase na vila ourensán de Castro Caldelas, situada na outra beira do río Sil, a festividade da patroa adicada á mesma advocación que na Ermida (Quiroga). Na procesión sae unha máscara, que recibe o nome de Irrio peliqueiro e que amosa algúns trazos semellantes ao Felo da Ermida. A máscara leva una especie de frac, que presenta grandes botóns no peito. A parte posterior da cabeza vai cuberta cun pano de cor vermello e a cara cunha careta de madeira, que simboliza a un home con barba. Na súa man dereita, leva unha pelica coa que pode golpear as persoas con preudencia. Con respecto aos seus orixes Vicente Risco manifestaba que tiña un fundamento totémico  . Outros, pola contra, pensan que poden existir certas reminiscencias dalgún feiticeiro, que libraba dos malos espíritos.

       A identidade do irrio non pode ser descuberta, e dispón mesmo dun xeito oficial dos seus propios fueros. Así no ano 1951, o alcalde da vila proclama un bando, no que fai saber o seguinte:

      1º. A persoa do Irrio é inviolable e, polo tanto, a ninguén lle será licito acometelo nin maltratalo de obra, quedando todos obrigados a aguantar as súas persecucións e golpes sempre que sexan dados dun xeito moderado có látego.

      2º. Os vendedores de froita, rosquillas etc, aguantaran as apropiacións que o Irrio leve a cabo, sempre e cando se manteñan dentro dos límites da moderación, que as antigas normas consuetudinarias permiten.

       3º.  Consíntense todo tipo de insultos, que se realicen ao Irrio, sempre e cando non constituian un deterioro nin unha ofensa á moral, á tradición e á decencial.

      4º. Se o Irrio se excedese nas súas atribucións só o rexedor do concello será a única autoridade competente para impoñerlle a sanción correspondente.  

 

OS MECOS E AS PAMPÓNIGAS

 

       Pois ben, todos estes mascaróns  , dos que acabo de falar representan dende as súas orixes ao diaño e, polo tanto, ao Mal, que é dominado polo Ben, simbolizado polo Santísimo Sacramento, por San Xurxo, por calquera advocación da Virxe, polos Santos etc. “ Na vila portuguesa de Monçao, situada na outra ribeira do Miño, celebrábase ata hai poucos anos a loita entre a Coca e San Xurxo. O santo era representado por un antigo cabaleiro, que inicialmente loitaba cunha espada e, logo, introducía  pola boca do dragón unha lanza coa que era rematado”   O monstro, como se repite dende hai séculos, remata vencido, de tal xeito que o Ben triunfa sobre o Mal. En definitiva, Deus domina e triunfa sobre o Demo.

 

       OUTRAS ILUSTRACCIÓNS

 

 

O MECO VAISE VESTINDO

 

 

 

 

ÚLTIMOS RETOQUES AO MECO

 

 

 

ÚLTIMOS RETOQUES A UNHA PAMPÓNIGA

 

 

 

O MECO USA O “FACHUCO DOS TOXOS” PARA PROTEXERSE

 

 

 

PECULIARIDADES DO MECO

 

 

 

O MECO USA O FACHUCO DOS TOXOS

 

 

 

O MECO E AS PAMPÓNIGAS. EXPOSICIÓN DÁMBOLOS DOUS PERSOEIROS NO MUSEO PROVINCIAL DE LUGO EN SETEMBRO DO 2014. ORGANIZACIÓN: ASOCIACIÓN “VAL DO SOUTO” DE QUIROGA.

 

 

ILUSTRACCIÓNS ANTIGAS DO MECO

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Ir arriba