I. ANO 2009. O SAN ESTEVO DE VILAPEDRE (VILALBA). SANTO DAS GRAVATAS.

 O SAN ESTEVO DE VILAPEDRE (VILALBA). SANTO DAS GRAVATAS.

  AUTOR: JOSÉ MANUEL BLANCO PRADO. 

   Revista de Investigación “ETNOGRAFIA”,  nº1, 2009. I.S.S.N. 1989 – 8541.

  Web, http://mesondoforno.com.

   Artigo publicado en “Pena do Encanto” ( Boletín Informativo do Instituto de Estudios Chairegos), Vilalba, 2007, páxs. 37-40.

 

    O San Estevo, coñecido popularmente como “ O Santo das gravatas”, atópase dende antano nunca capela, situada preto do río Eume, pertencente dende o punto de vista eclesiástico ó arciprestado de Vilalba e a diócese de Mondoñedo – O Ferrol, e dende o civil á parroquia de Vilapedre, ó concello de Vilalba e á provincia de Lugo.
    A devandita parroquia constitue un importante ámbito territorial de índole montañosa que chega a acadar os 900 metros de altitude na Carba, ocupando os seus montes a marxe esquerda do río Eume. De tódolos xeitos, nas súas entidades de Fraguas e Porto de Bois comeza a planicie característica da Terra Chá. Esta parroquia é unha das maís importantes do concello como o reflicte o feito de que a súa poboación está distribuída en 37 entidades cunha densidade media de poboación de 6,1 hab / km2.

    A DEVOCIÓN POPULAR.

 
    A festividade do santo celébrase un sábado da primeira quincena de outono. Así, no ano 2005, conmemorouse o oito de outono, e ao ano seguinte o catorce do mesmo mes. Neste día acuden ao recinto sagrado devotos procedentes de A Balsa (Muras), Irixoa (Muras), Vilapedre (Vilalba), S. Simón da Costa (Vilalba), Lanzós (Vilalba), Vilalba pobo, Muras pobo, e doutras comunidades parroquiais pertencentes dun xeito preferente aos concellos de Muras e Vilalba.
    Os devotos ofrecense normalmente por si mesmos, máis hai algúns casos nos que veñen en nome doutros fieis, que polas súas doenzas non poden acudir ao santuario. O número de asistentes mantense constante nos últimos anos, podendo establecer a cifra de devotos nuns douscento cincoenta  no ano 2006.
     En canto ás peticións, as máis usuaisis están relacionadas coas doenzas das persoas mais tamén coas enfermidades dos animais e a protección da facenda familiar.

     RITUAIS ROMEIROS

      As peticións dos fieis supoñen unha actitude de sumisión ao santo, que é considerado como un importante mediador diante de Deus. Para manifestar este sometemento ao poder sacro, os ofrecidos en xeral cumpren aquí, ao igoal que noutros santuarios, cunha serie de ritos que teñen como función impetrar a axuda do S. Estevo ou agradecerlle o don xa conseguido. Parte deles son os propios da liturxia oficial. E o caso da oir a misa solemne que celebra o párroco da freguesía as trece horas, e participar na procesión que segue a misa solemne.

RITUAL PROCESIONAL
    Esta procesión que percorre o perímetro da capela, levaba no ano 2006, os seguintes elementos: a. A cruz parroquial portada por un fregués da parroquia.
b. A imaxe da Virxe dos Remedios, levada nas andas por catro devotas da freguesía. Esta imaxe foi restaurada no ano 1985. c. A imaxe do San Estevo, portada nas andas polos dous ramistas do presente ano – Miguel e Santiago Seixas- e dous devotos da parroquia. d. Como remate, o crego concelebrante e algúns fieis colocados sen distinción de idade e sexo.
    Ademais da participación na liturxia oficial, os devotos realizan diferentes rituais populares. No transcurso da mañá bastantes fieis levan a cabo no interior da capela dous rituais básicos:o de “poñer o santo” e o de “contacto coa imaxe por medio da gravata”.

RITUAL DE POÑER O SANTO

     O de “poñer o santo” consiste en que unha freguesa da parroquia, chamada Josefa Orosa Prieto, realiza unha cruz por riba da cabeza dos devotos cunha imaxe pequena do San Estevo. Ó remate, os devotos bican a imaxe e deixan unha esmola nun peto. Durante a imposición a poñente recita a seguinte xaculatoria:

 

“ En el nombre del Padre,
del Hijo y del E. Santo. Amén.
San Esteban que che deu a enfermedad,
che dea a sanidad,
polo poder que Dios ten,
e da Virxen María. Amén”.
     O ritual de “contacto activo coa imaxe estática” consiste en que algúns devotos colocan unha gravata na gorxa do Santo. Segundo a tradición hai varias razóns desta imposición:
1ª. Antano, os xoves da parroquia, cando ían a guerra civil, poñíanlle ó santo unha gravata sen nó. Ó volver, facíanlle o nó e deixabanllo posto.
2ª. Cando se perdía un animal, colocábanlle unha gravata cun nó ao santo. Se o animal non aparecía, entón acudíase de novo á capela e anoábase un pouco máis, e así sucesivamente.
3ª. Segundo Josefa Orosa, os homes ofrecían este don – unha gravata-  ao santo coa finalidade de casarse no ano que ía a pasar ata a próxima romaría. Pola contra, María Roca, dínos que esta prenda poñíanlla ao santo aquelas xoves que querían casarse denantes da próxima romaría( Diario “O Progreso de Lugo-9-X-05. )
Por outra banda, no adro da igrexa, os romeiros efectuan “ o ritual de circunvalación”.

RITUAL DE CIRCUNVALACIÓN

    Consiste en dar unha ou máis voltas ó redor do santuario, de pé e calzados, portando nas súas mans figuras de cera, unha imaxe pequena do santo, ou ámbalas dous cousas á vez. Os exvotos de cera cóllense dun lugar da capela disposto para este fin, e ao remataren a práctica ritual volvense a colocar no seu espazo.

   OFRENDAS PROPICIATORIAS E DE ACCIÓN DE GRACIAS.

    A relixiosidade popular ten, ademais dunha dimensión práctica, un compoñente de pacto baseado na reciprocidade, que esixe do devoto a entrega dalgún ben para propiciar ao ente sagrado ou para compensalo polo favor recibido. Por tal motivo, os devotos ofrecen ao santo velóns e figuras de cera. Estas representan tanto ó corpo humano, total e parcialmente, como a diferentes animais: cochos, xatos e vacas.

 

DEVOTA CON EXVOTOS DE CERA

    Tamén achegan esmolas en metálico no intre de “poñer o santo”, cando se recolle a cera ao carón do altar, e no intre da misa solemne.
    Ademais,  algúns fieis seguen traendo ofrenda en especie, a base de orellas,  unllas de cocho, queixos, e algo de touciño. Esta ofrenda póxana, ao remataren os oficios relixiosos, os dous ramistas da festa dende o palco da música. A tal efecto establecen lotes de productos, e escomenzan a poxa.
Algúns dos lotes poxados no ano 2006 foron:
a. Lote de dúas unllas. Comezou a poxa con cinco euros; logo seis, chegando ata os dez euros.
b. Lote de cinco unllas. Encetou a subasta en dez euros e chegou ata os quince.
c. Lote de tres queixos, dúas orellas, algo de panceta e cinco unllas. Comezou con cinco euros, logo dez, doce, quince ata chegaren aos vinte euros.
 

POXA DUN QUEIXO DE SAN SIMÓN

    Como remate da festa, tivo lugar unha comida campestre baixo unha carpa na que interviron veciños, familiares e visitantes doutras parroquias. A romaría, que se prolongou durante toda a xornada, estivo amenizada polo duo musical, Amistad; polo grupo Stilo 5 e o grupo de gaitas “Os Valuros”.

BIBLIOGRAFÍA.

Traballo de campo do autor.
Varios. Tempos de Festa en Galicia. A Coruña: Fundación Caixa Galicia. T.I. “Dende Reis ata o mes de maio”,2006.

 

ILUSTRACCIÓNS.

 

A CAPELA DO SAN ESTEVO ( VILAPEDRE) (VILALBA).

 

O SANTO DAS GRAVATAS.

 

O SANCRISTÁN POÑENDO AS GRAVATAS AO SANTO.

 

EXVOTOS DE CERA.

 

RITUAL DE “POÑER O SANTO”.

 

DEVOTA CO SANTO.

 

DEVOTAS CON EXVOTOS DE CERA E CO SANTO.

 

 

RITUAL DE CIRCUNVALACIÓN AO REDOR DA CAPELA DO SAN ESTEVO.

 

 

DEVOTA PASANDO A IMAXE DO SANTO PARA QUE OUTRA PERSOA SIGA CO RITUAL DE CIRCUN-

VALACIÓN.

 

OS DEVOTOS BOTAN ESMOLAS NO PETITORIO.

 

 

RITUAL PROCESIONAL.

 

 

O QUEIXO É UNHA OFRENDA QUE SE VA A “POXAR” AO REMATAR OS OFICIOS RELIXIOSOS.

 

OS RAMISTAS DA FESTA POXAN UNHAS UNLLAS.

 

TAMEN POXAN QUEIXOS DE SAN SIMÓN.

 

CONXUNTO FOLCLÓRICO “OS VALUROS” DE CASTRO DE REI.

 

 

 

 

 

 

 

 

Ir arriba