ORLANDO VIVEIRO VEIGA. O PATRIMONIO DA AUGA NA TERRA CHÁ (6). LAGOAS, POZAS, REGOS E REGATOS.

 

 

       O PATRIMONIO DA AUGA NA TERRA CHÁ (6).LAGOAS, POZAS, REGOS E REGATOS.

        A configuración xeomorfolóxica da Terra Chá contribúe á conformación de humedais os cales fican incorporados ao imaxinario colectivo, tal que espazos peculiares, con súas funcións e personalidade propia. Os lindeiros da grande chaira, arrodeada por suaves cordais, son lugar acaído para o discorrer de múltiples regatos que van emparzando con outros máis importantes até confluír no pai Miño o río, por antonomasia, dentro do universo chairego. Por outra banda o escaso desnivel que posúen as veigas aquí existentes favorece acumulacións importantes de auga en forma de pozas e mesmo lagoas que, especialmente en temporada de chuvias, proporcionan unha presenza particular a estes enclaves onde se conforman ecosistemas diversos dende os cales esvara camiño dos cauces anteriormente citados.

 

 

                  RIO DE CONSTANTE. SILVARREI ( OUTEIRO DE REI)

 

          A Lagoa de Matela fica asentada entre a parroquia que lle empresta seu nome e as de Santiago deVilela e San Mamede de Bonxe. Este espazo, aproveitado tradicionalmente nos outonos como lugar de pastoreo, fai parte, a pesar do importante deterioro medioambiental que padece, dun rico complexo de humidais nos cales asenta unha relevante variedade de especies avícolas que fan dos mesmos súa base de operacións especialmente durante as primaveras. As súas augas discorren facendo liña divisoria entre as dúas parroquias mencionadas derradeiramente até xuntar coas que chegan dende a chamada Lagoa de Cavadas, unha pequena acumulación acuífera localizada no barrio de idéntico nome que pertenece á parroquia de Vilela. Estas dúas lagoas mencionadas actuan como elementos referenciais na paisaxe física e simbólica das comunidades veciñas. Unha vez xuntas as augas de ambas dan lugar ao Rego dos fornos, que corre de par do Curro do Muíño, onde moveran en tempos a pedra dun pequeno roulón asentado encol deste regueiro, par ir parar xustamente ao inicio das Veigas de Bonxe, lugar de referencia á hora de falarmos dos humidais situados pola comarca.

       As Veigas de Aguiar cadran situadas dentro do territorio da parroquia de San Lourenzo e as augas recollidas na superficie destes humidais, de subsolo rico en arxila, reparten o destino por mor da caída que presenta o terreo polo cal discorren. As da parte oriental marchan camiño dos Trollos e, logo de cruzar baixo a Pontella do Novito, continúan en dirección á parroquia de Arcos para verquer máis adiante no río Lea, un afluente que deixa súas augas no Miño á altura da Pontenova por enriba de San Xulián de Mos. As da banda occidental corren de par das Barreiras na procura das mencionadas Veigas de Bonxe, onde chegan despois de pasar por Regueiro de Miño, deixando seu caudal no punto coñecido polo chamadeiro da Poza Redonda. Os cordais que circundan o territorio desta parroquia de San Lourenzo, contra a banda sur-leste, fan divisoria entre esta freguesía e o lugar de Vilar, pertencente a San Fiz de Paz, prolongando despois en dirección a San Clodio de Aguiar e San Salvador de Mosteiro. Nas abas nor-orientais dunha destas elevacións coñecida como Monte Grande, que fica coroada polo asentamento castrexo chamado Alto da Croa ou do Castelo, agroma o Rego das Chancelas que baixa despois polo Granxo en dirección as anteriormente mencionadas Veigas de Bonxe.
       No circundo da parroquia de San Clodio fica localizada a Fonte de Augacal onde ten a súa orixe ou nacemento o Regato da Acea, chamadeiro tomado do lugar de idéntico nome polo que pasa máis tarde logo de mover o rodicio do Muíño Vello do Celeiro situado naquela parroquia. Neste sitio da Acea houbera tamén funcionando un muíño, como seu propio nome indica, e máis abaixo, xa na de Mosteiro, existiran outros tres: dous do Dositeo de Maceda e o do Alcalde. Todos cinco andiveran no seu tempo movidos pola corrente deste pequeno regato que continuaba seu curso pasando de par da vella igrexa da parroquia, á vista do castro asentado no lugar de Carballido, até chegar preto dos Ramos onde unía co camiño seguido polas augas que alí chegaban, dende as Veigas de Bonxe, para conformar todas xuntas o regato de Silvarrei que pasando por esta parroquia e pola de Robra vai desembocar no Miño, un bocadiño máis abaixo da carballeira e da ermida de Santa Isabel.

 

                AS VEIGAS. BONXE (OUTEIRO DE REI)

 

       Na parte leste de Bonxe atopamos os humidais dos cales se ten feito referencia varias veces neste escrito: As Veigas. Este espazo fai lindeiro coas Rozas de Saa, pertencentes á parroquia de San Lourenzo, e até aquí chegaban dende o norte, como apuntamos, as augas das lagoas de Matela e de Cavadas. Este terreo comunitario é propiedade dos veciños asentados nos lugares da Subida e das Casas Novas que aproveitaban tradicionalmente os recursos producidos encol da súa superficie. Polas Veigas cruzaba o Camiño do Barro que conducía en dirección ás Barreiras de Aguiar a onde ían os cacharreiros de Bonxe na procura do material preciso para a fabricación das pezas cerámicas que dende épocas ancestrais elaboraron nos seus obradoiros. Na superficie destes humedais está así mesmo localizada a Poza Redonda, un manancial do cal agromaba auga todo o ano que xunto coa que chegaba dende a banda de San  Lourenzo, e das lagoas antes citadas, conformaba un curso fluvial de certa entidade o cal incorpora posteriormente os regos das Chancelas e da Acea para marchar camiño dos Ramos e do Hedrado, en Mosteiro, transportando as augas da bacía que tentamos descreber neste breve traballo.
       En atravesado o monte de Silvarrei, deixado á dereita o lugar de Cabanas, chegan súas augas a Constante, onde xuntan co regato procedente de Pías e Tirimol, para dirixirse á Pontenova, chamadeiro acuñado seguramente en contraposición á “ponte vella” por enriba da cal pasaba o camiño vello ou real que dende a capital lucense levaba en dirección á Coruña, o cal cruzaba seu leito uns pasos adiante deste lugar que falamos. O curso fluvial continúa polo fondo da Costa de Ramil para mover seguidamente as ródas do Muíño do Canteiro asentado, antes de chegar ao Castro, dentro xa da freguesía de San Martiño de Guilllar. Neste lugar aínda se poden observar os valados deteriorados do Castro Tourón arrodeados polo leito fluvial, a modo de defensa natural, que lle presta protección ao asentamento contra a caída do sur-oeste. Máis adiante esvara de par da fermosa igrexa románica de Robra para chegar até o lugar da Barciela onde emparza co Regato do Cepelo, un dos catro ríos que posúe a tribo literaria e persoal do poeta nacional Manuel María.

 

                   REGO DAS CHANCELAS. MOSTEIRO ( OUTEIRO DE REI)

 

      Neste punto da Barciela houbera así mesmo muíño roulón e máis abaixo unha pontella que facilitaba o paso ás persoas viaxeiras, que utilizaban aquela vía mencionada, as cales ascendían a continuación a encostiña que conduce en dirección ao Cantón e á propia Vila de Outeiro de Rei. Mentres tanto o río, aquí chamado de Robra, gasta as derradeiras forzas en trasladar súas augas até o pai Miño que daquela baixa xa asociado co Ladra para continuar ambos súa andaina camiño do Piago e da milenaria cidade de Lugo.  

 

                ILUSTRACCIÓNS

 

     

REGATO DA ACEA E CASTRO DE CARBALLIDO. MOSTEIRO       

 

 

                   

 A BARCIELA. ROBRA (OUTEIRO DE REI)

 

Ir arriba