AS CRUCES DE PEDRA DE SAN LOURENZO DE AGUIAR (OUTEIRO DE REI) (LUGO)
AUTOR: ORLANDO VIVEIRO VEIGA
A denominada, polo escritor e poeta Manuel María, “Terra de Aguiar” comprende diversas parroquias situadas na banda oriental do concello de Outeiro de Rei as cales conforman, en palabras do propio escritor chairego, unha “subisbarra moi característica” dentro da Terra Chá. Unha das freguesías referidas é a de San Lourenzo de Aguiar que xunto con San Clodio e Sobrada son as tres que portan este “Aguiar” utilizado para proporcionar nome literario á particular “comarca”.
A parroquia de San Lourenzo conserva, no eido patrimonial, diversos elementos de interés. Seguindo certa orde cronolóxica, faremos mención en primeiro lugar da presenza de túmulos funerarios, coñecidos polo nome de “madorras”, situados de par dalgúns camiños principais. A “madorra grande” no alto da agra de Sobrada, as madorras de “Mingos” e de “Reigosa” na Agra da Lagoa, o grupo de catro túmulos localizados de par do camiño que conduce en dirección á Agra de Fontemaior e os Agüeiros, un posíbel enterramento situado no prado da Porta de Peña, á beira da estrada de Outeiro de Rei a Castro Ribeiras de Lea, e a coñecida como “Madorra dos Coios Blancos” na Agra de Escairos.
CASA DE SAA
No “Castelo do Picato” ou “Castelo Grande”, que fica asentado encol dun espectacular outeiro penedío, poideran ter habitado xentes da cultura castrexa e de época medieval. Neste punto consérvase unha interesante mostra de referencias dentro da tradición oral. Tamén se atoparon restos dun emprazamento situado por riba do lugar do “Curutín”, na anteriormente citada Agra de Sobrada, onde se localizaron monedas de factura romana, restos de enterramentos e cerámica de datación indeterminada. Houbera telleiros que exerceran súa industria en época pretérita, na zona coñecida como As Veigas, os cales deixaron varios fornos que no presente fican desaparecidos. Na contorna deste lugar citado están situadas “As Barreiras”, punto fornecedor de materia prima para os artesáns cacharreiros de Bonxe e outras parroquias da comarca chairega dende tempos inmemoriais.
No conxunto de construcións situadas no circundo parroquial existen interesantes elementos de arquitectura popular. Abondan as vivendas, de dous andares, que reproducen o modelo característico que presenta planta cadrada. O primeiro deles dividido en dúas partes separadas pola liña que marcaban as portas de entrada e saída, situadas nas dúas fachadas principais, deixando a unha man a enorme cociña e outra ocupada polas cortes do gando. No segundo andar ficaba o cuarto que a medio dunha porta vidreira comunica cun competente corredor, que ocupa a totalidade da fronteira do edificio, soportado pola prolongación dos muros laterais e, na parte central, por columnas de cantería que ascenden dende o chan ou ben apoiado pezas do mesmo material encravadas na propia parede dianteira da vivenda.
No eido das construcións adxectivas destacan as palleiras e alboios construídos con pedra, arrincada en pedreiras localizadas dentro da mesma parroquia, madeira e lousa, utilizados para gardar colleitas, leña e mesmo aveños e ferramentas. Fican conservados, así mesmo, algúns exemplares de hórreos que responden a unha tipoloxía na cal, sobre unha base maciza de pedra, se constrúe o elemento propiamente dito con frontais e columnas de cantería mentres os espazos intermedios van ocupados con táboas de madeira que permiten a ventilación. Outro exemplar corresponde ao tipo construído encol de dúas trabes de madeira, asentadas sobre a citada base de pedra, o cal posúe unha pequena entradiña cuberta previa á porta de acceso. Moi interesantes resultan tamén, no eido das construcións, os exemplares de cemiterios labrados por canteiros da “Escola de Román”, construídos e armados a mediados do século pasado por encomenda dalgúns veciños da parroquia.
Unha das casas máis antigas da cal se conserva noticia na memoria colectiva é a chamada “Casa de Saa”. Esta construción posúe elementos particularmente relevantes, que amosan a súa antigüidade, entre eles o extraordinario exemplar de escudo, que fai parte da fachada que encara ao nacente, e as dúas portas da casa enmarcadas en sendos arcos de medio punto elaborados en cantería. Estes aspectos, xunto con algúns outros secundarios, apuntan a importancia que posuíu no seu intre. Por outra banda, tamén son coñecidos diversos documentos nos que se fai referencia á historia e vicisitudes da propia vivenda e das persoas que nela viviron.
Asentada encol dun muro que presta cerrume á chousa doutra propiedade, que gardou relación con esta Casa de Saa, fica unha fermosa cruz labrada en pedra de xisto. Este elemento patrimonial, elaborado todo nunha peza, posúe a particularidade de conservar inscrita na súa base a seguinte lenda: “AÑO 16..6”. O terceiro número presenta certas dificultades de interpretación aínda que consideramos poidera representar un cinco ou un oito. No punto onde cruzan os eixos horizontal e vertical da cruz aparecen reproducidas as letras IHS e por riba delas figura o que semella unha cartela mentres que por debaixo está gravada unha M. Así mesmo, a liña horizontal que forma parte da letra H, claramente combada cara arriba, soporta unha pequena cruz vertical tamén incisa. Por debaixo da data, antes citada, pódese ver unha serie de “eses” deitadas.
A CRUZ DE SAA
DETALLE DA “CRUZ DE SAA”
Na memoria dos habitantes da parroquia foi coñecida de sempre como “a cruz de Saa” sen outra información que poidera aportar datos a respecto da súa funciónalidade. A explicación poidera atoparse na microtoponimia local dado que para os habitantes da “Casa de Reigosa”, a vivenda á cal pertenece agora o muro no que está asentada a cruz, este lugar en particular foi sempre coñecido como “a capela”. Tendo en conta esta información, e dado que este lugar fixo parte do circundo da Casa de Saa, cabe dentro do posíbel que a cruz estivera asociada dalgunha maneira a unha antiga capela, no presente desaparecida, propiedade da citada casa.
DETALLE DA ” CRUZ DE SAA”
Outra das vivendas referenciais na parroquia é a coñecida como “Casa do Picato”. Esta construción, que xa aparece documentada por mediados do século XVIII, representa o tipo de casa labrega arrodeada dun extenso circundo de terra onde se recollían abondosas colleitas, aspecto do cal aínda se garda memoria na parroquia sendo acordadas as grandes medas de centeo e trigo que precisaban a xornada completa para ser malladas encol da competente aira toda ela lastrada e rebordeada por pezas labradas de cantería. Ao pé desta aira fican os restos dunha construción na que houbera capela e que máis tarde fora utilizada para acomodar o rebaño das ovellas.
Mesmo ao carón da vivenda podemos observar unha cruz de cantería, igualmente construída nunha peza, coñecida como a “Cruz do Penedo” por estar chantada nun enorme penedo granítico dos moitos existentes pola zona. A razón de ser deste elemento patrimonial semella posuír súa orixe nun acontecemento relacionado coa morte, hai moitos anos, dun dos moradores da casa tal como se conta na familia. Ademáis de realizar os labores propios da agricultura e gandeiría os seus membros tamén se adicaron a exercer de arrieiros transportando viño para o cal realizaban carretos de grandes bocois encol de carros tirados por bois. Nunha daquelas viaxes o propietario da casa padeceu un percance que lle causou a morte uns días máis tarde. Na súa memoria ergueuse posteriormente esta fermosa cruz que podemos contemplar.
A CRUZ DO PENEDO
CASA DE SAA