ORLANDO VIVEIRO VEIGA. O PATRIMONIO DA AUGA DA TERRA CHÁ (V)

 

O PASO DOS RÍOS: BARCAS, CANEIROS, PONTES, PASOS E PONTELLOS

 Revista de Investigación “ETNOGRAFIA”,  nº 5, 2013. I.S.S.N. 1989 – 8541. 
 Web: mesondoforno.com.

 

      OS CAMIÑOS E O PASO DOS RÍOS.

     O aproveitamento dos recursos, na sociedade tradicional, transformou os ríos e regatos en espazos sometidos á “humanización do territorio” do mesmo xeito cas outras partes do mesmo, mais con súas propias particularidades determinadas pola especificidade do medio que se trata. Un dos aspectos relevantes neste sentido é o relacionado coas “técnicas” ou “modos de paso” que permitían ás persoas viaxeiras “salvar” estas correntes de auga, operación que en moitas ocasións presentaba serias dificultades ás cales se lles procuraba solución de diversas maneiras según as circunstancias presentes en cada caso concreto.

 

PASOS NO RÍO NARLA (SAN XOÁN DE PARADA)(OUTEIRO DE REI ) (LUGO)

 

      Moito tiña que ver a importancia da vía en cuestión e a morfoloxía do río ou corrente que se pretendía cruzar. No primeiro dos supostos, apuntar que foi motivo constante de preocupación ao longo da historia a “solución” do grave atranco que supuxera o paso de correntes de auga que interrumpían o trazado dos “camiños reais”. Este tipo de vías, que comunicaban territorios alonxados entre sí, adoptaron tal nome na procura de certo “status” á hora de procurar seguridade para as persoas viaxeiras, en época tardía, ainda que a existencia dos mesmos probabelmente teña orixe máis antiga chegando até o presente en boa parte gracias á planificación e deseño executadas durante a dominación romana, o cal non quere decir que anteriormente non existiran camiños, mesmo importantes, no noso país. No relativo ás correntes de auga a superar contaban, á súa vez, diversos factores tales como caudal, anchura, fondura, e mesmo accesibilidade dende a ribeira, entre outras.

     AS BARCAS.

    As barcas constituíron un modo de transporte acaído para que persoas e mercadurías cruzaran e se desprazaran polos ríos da comarca chairega. A súa presenza foi abondosa até hai poucos anos, concretamente os derradeiros do século pasado, intre no que foron perdendo funcionalidade, tanto a respecto do traslado de viaxeiros como noutras funcións para as que se contaban como apropiadas, nomeadamente a pesca, o que provocou a súa desaparición gradual resultando a día de hoxe dificultoso atoparmos á vista un exemplar destes elementos patrimoniais. Con respecto á primeira función apuntada, atopamos documentada a presenza de embarcacións en puntos nos que o trazado de camiños importantes se vía interrumpido por unha corrente de auga que impedía a normal circulación. Estas embarcacións estaban habitualmente a cargo dunha persoa que atendía o seu funcionamento, según fora demandado o servizo de transporte, comunicando unha e outra banda do río e percibindo como pago unha cantidade en metálico estipulada con anterioridade. En canto á presenza, atopamos documentadas embarcacións nos ríos, epecialmente na parte dos mesmos que presentaba as condicións axeitadas para navegar. Deste xeito houbo barcas no Ladra, Parga, Támoga, Narla, e por suposto no Miño, no cal existiron practicamente ao longo de todo o seu curso.

 

BARCA NO CANEIRO DE SAN XILLAO. SEIVANE (OUTEIRO DE REI). RÍO MIÑO.

 

     A tipoloxía destas barcas era esencialmente única presentando, nos diferentes lugares, características diferenciais de escasa relevancia que non permiten concluír unha clasificación en modelos distintos. As embarcacións construídas en madeira presentaban unha figura trapezoidal, con fondo plano, e tan só na súa parte frontal se observaba un deseño redondeado na procura de axeitarse á forza da corrente cando navegaba. O desprazamento era producido xeralmente a partir do impulso xerado mediante o apoio dunha vara no fondo do río e da súa morfoloxía e particularidades xa nos ocupamos noutro artigo publicado nesta revista.

     OS CANEIROS.

     Estudiados tamén nunha colaboración anterior, a principal función destes elementos patrimoniais estaba estreitamente vinculada coa pesca da anguía mais cumpriron así mesmo o papel de facilitar o desprazamento e paso dos ríos, en tanto a auga non sobrepasaba o nível dos seus guiares, circunstancia que se producía tan só en determinados meses de inverno cando as grandes crecentes deixaban illadas as ribeiras impedindo a comunicación habitual entre os seus habitantes.

 

   

    O CANEIRO DE SANTO ANDRÉ. RÍO LADRA.

 

     A escaseza de pontes levou a que moitas vías de comunicación contaran no seu traxecto con caneiros, situación que se viu modificada sustancialmente a partir de mediados do século pasado polo aumento na construcción das citadas infraestructuras, coincidente co declive na conservación dos caneiros, moi afectados pola implantación traumática e indiscriminada de encoros que provocaron a desaparición total deste recurso. Moi coñecidos foron, no concello de Outeiro de Rei, os camiños de andar a pé que ían dende Cela até a vila de Rábade cruzando as ínsuas e os guiares do caneiro de Caxado e mesmo a vía que unía a propia vila de Outeiro con Caboi, por enriba dos guiares do caneiro da Barreira.

     OS PORTOS.

     O modo máis natural de superar unha corrente de auga era utilizando puntos nos que o cauce contaba con escasa fondura. O inconvinte que presentaba este método era que a dificultade medraba a medida que aumentaba a cantidade de auga que baixaba polo río ou regato que se pretendía cruzar. Os lugares con estas características recibían o nome de “portos” e por eles era habitual a circulación de gando ceibe ou mesmo de xugadas cos seus carros respectivos e a situación dos mesmos cadraba en moitas ocasións asociada co asentamento de caneiros, dándose daquela a circunstancia adecuada para que os animais pasaran polo porto mentres as persoas ían por enriba do caneiro situado ao carón. Un aspecto relevante, á hora de estudiar os portos, é o da toponimia, donde se pode rastrexar a súa presenza, a cal aporta interesantes referencias destes elementos que a día de hoxe se atopan en situación crítica pola perda de funcionalidade. Por unha banda atopamos o propio nome que os define: “portos”, “portelos”, etc., facendo referencia a un punto que permite a comunicación entre dous lugares distintos, neste caso con unha corrente de auga polo medio. Por outra, o propio chamadeiro de cada un deles normalmente asociado ao lugar no que se atopa situado ou ben á súa función: “agra do porto vello” en Taboi, “porto de riba” e “porto de san Roque” en Cela, “porto de Surribeira” en Santa Mariña, “porto dos carros” en Caboi, “porto do barco” en Seivane, e mesmo “porto do Vao” en San Fiz, son algús dos exemplos que falamos dentro do anteriormente citado concello de Outeiro de Rei.

 

PORTADA E PONTELLA DA INSUA DO MAIORDOMO. TABOI (O. DE REI).RÍO MIÑO.

 

      Na actualidade é ainda posíbel a visualización dos portos, a pesar da dificultade que presenta en moitos casos atopar os accesos e saídas que permitían cruzar a corrente de auga, mais a perda de funcionalidade e a desaparición das xentes habitantes das ribeiras, que coñeceron e utilizaron estes emprazamentos, agoiran a curto prazo a perda definitiva da valiosa información referida a estes elementos estratéxicos noutrora e tan importantes para a nosa cultura e patrimonio. 

      OS PASOS.

      O inconvinte que supuxo o paso das correntes de auga foi, como se apuntou ao principio, abordado de diversos modos mais sempre utilizando os recursos, capacidade e materiais que houber a disposición das comunidades veciñais, no intre de abordar tal empresa. En tal sentido, unha das maneiras ao alcance foi a de asentar no propio leito do río grandes pezas de cantería, xisto, ou coios, que a modo de pasos facilitaban durante grande parte do ano a circulación que se buscaba entre ambas bandas. Este sistema permitía o paso da auga por entremedias delas facilitando, por outra parte, o desprazamento dos viaxeiros por enriba, salvando a citada corrente. Este modo presentaba así mesmo a particularidade de ser relativamente accesíbel ás economías dos ribeiregos e moi axeitado para pequenas comunidades donde a construcción de outros elementos non era viábel. Un sistema semellante consistía na colocación de vigas ou trabes de madeira por enriba da corrente de auga, a modo de pontella, con idéntica finalidade o cal permitía superar o atranco que aquela significaba. Ambos sistemas deixaron pegada no imaxinario colectivo, dentro da microtoponimia, da súa presenza no territorio de forma que, tempo despois de ter desaparecido, conservan as referencias na memoria das persoas veciñas dos lugares donde estaban asentadas. Dous exemplos do que falamos poden atoparse no lugar de Parada, concello de Outeiro: o primeiro referido aos “pasos” que atravesan o cauce do río Narla comunicando os lugares de os Trollos e San Paio e o segundo, a propósito da coñecida como “pasadela da viga”: un sistema de paso situado no mesmo río no lugar da ponte actual, construída anos despois, que facilita o paso da estrada que leva até o propio lugar de Parada e outros que se atopan na marxe dereita do citado río.

 

PASOS NO RÍO NARLA. FRIOL.

 

      Un modo particular era o que se daba no caso frecuente das corredoiras polas que baixaba a auga e que as deixaba de mui mal andar, problema ao que se lle facía fronte colocando ao longo do treito asulagado unha rea de coios, ou mesmo chantas de traveso, que permitían ir pasando de un en un até a fin do mesmo ou ben, cando existía un muro de cerrume de par do camiño, pasando por enriba do mesmo, habilitado para tal fin no intre da súa construcción. Este tipo de solucíóns “domésticas” era mui variado e particular para cada caso, dándose tamén a solución de erguer valados de terra que contaban no seu traxecto con canles, que permitían o paso da auga, por enriba dos cales se colocaban chantas asentadas en outras chantas, muros de pizarra, ou coios, facilitando así o paso ás persoas que o precisaran.  

     AS PONTES E AS PONTELLAS.

     O sistema máis “sofisticado” para superar o problema que presenta unha corrente fluvial é mediante a construcción dunha ponte. A execución dun proxecto deste tipo presentaba, non obstante, diversos problemas nos eidos técnico, económico, e mesmo social. No primeiro deles era importante procurar un lugar axeitado que permitira abordar tal empresa cos materiais dispoñíbeis, en cada intre concreto, polas comunidades que acordaran levar a cabo este proxecto. Así mesmo, tamén influía, como se dixo ao principio, a importancia da vía ou camiño na que cadraba o elemento de paso que se pretendía construír. De tal forma que nas vías principais a construcción destes elementos era abordada, dende a época romana, utilizando materiais de máxima calidade, tales como a cantería, e contando na execución dos mesmos con tecnoloxía punteira, mentres que en vías secundarias contábase con materiais menos custosos e solucións técnicas ao alcance das xentes do común, tales como pedra pizarra e a madeira. No primeiro caso podemos observar, como solución técnica, a utilización do arco adoptando diferentes formas partindo dunhas bases asentadas no leito do río. No segundo aparecen diversas formas sempre partindo de puntos de apoio tal que muros de pedra erguidos no propio leito e logo unidos por vigas de madeira cubertas por táboas, ou mesmo chantas, que facilitaban o paso por enriba delas.

 

PONTE NO RÍO DE CONSTANTE. SILVARREI (OUTEIRO DE REI) (LUGO)

 

     A medida que o regato se facía menos caudaloso e o camiño menos transitado a solución era máis sinxela chegando así até a construcción de pontellas, con ou sen apoio central, que a menudo se vían derrubadas pola forza das enchentes invernizas cando estas facían acto de presenza, obrigando de novo á súa reconstrucción e provocando non poucos problemas ás persoas afectadas. Dende esto até as máis humildes conformadas por unha única chanta que facilitaba o paso, propias para os carreiros de andar a pé por outra banda tan comúns até hai escasos anos e hoxe totalmente fóra de uso.

 

PONTELLA PRETO DE MIRAZ (FRIOL).

 

 

 

 

 

 

Ir arriba