II. 2010. OS CONTOS DO MEU AMIGO PEPE.

 

 

       OS CONTOS DO MEU AMIGO PEPE

           IVÁN GONZÁLEZ REI.

               Revista de Investigación “Etnografía”, nº 2, 2010. I.S.S.N. 1989.8541.

                    Web, http://mesondoforno.com.

    Neste conto, o autor, que levou un premio o día das Letras Galegas do ano 2008, fai alusión a diferentes aspectos do Entroido na comunidade chantadina de Santiago de Arriba na década dos cincuenta do século vinte.
                                        PEPE. ENTROIDANO DE SANTIAGO DE ARRIBA.
  

                   IVÁN, VOLANTE DE SANTIAGO DE ARRIBA, E AUTOR DO CONTO.

                                     

     A todos nós, cando somos pequenos, gústanos que alguén nos conte un conto. Eu, que aínda son algo neno, son un deles. Máis teño que recoñecer que só unha persoa contaos como a mín me gustan, e sobre todo do que eu prefiro. Ese tal non é outro que “O Pepe da Proba”.

 

     Así, cada vez co meu pai dí que teño que ir canda él, estou ledo, xa que sei que despois de facer as cousas, imos facerlle unha visita ao meu amigo . Baixamos polo “Moredo”, e ao pasar polo campo da festa e mirar para a casa escola, éntrame un formigueo polo corpo, só de pensar no que me vai contar. Chegamos “A Proba”, e alí está él, sentado nun banco, apoíando as súas mans nun caxato, á espera de que alguén pase por alí e poder contar un conto.
     Sempre é o mesmo, chama pola muller, para que traiga dous vasos, nos que ámbos os dous toman un viño, e póñense a falar das súas cousas. Mais eu non podo evitalo, e teño que facerlle a miña petición habitual: ” Pepe, cóntame algo do entroido”.
     E xa está, él comeza a falar, a verdade é que parece un libro. Lémbrome do conto, que me contou a semana pasada. .Estaban os dous falando do tempo que facía, de cousas para mín sen importancia. Nun momento de silencio non aguantei máis, e pidínlle :”Pepe, cóntame como era ó entroido cando tí eras novo” . A súa resposta foi: ” Xa sabía eu , que eras un mocete que vive o carnaval”, mais a mín iso gústame, que os novos preguntedes e queirades saber. Entón escoita que vela aí vaí: Cando eu era neno , así como tí, máis ou menos, o carnaval vivíase doutro xeito, que agora os da vosa xeración non podedes imaxinar, e digo carnaval , xa que antano chamábaselle así e case ninguén dicía entroido, igual que hoxe.

       

             O VOLANTE DALLE BOA SORTE ÁS TERRAS DA COMUNIDADE.
     Vouche contar o carnaval que vivín tendo algún ano máis dos que agora tes tí. Tería, non quero mentir, uns dazanove ou vinte anos. Pois ben, naquel tempo, as carautas fixéronse unhas na casa da Nina e do Santiago, e outras na casa do Pedro do Artilleiro. A verdade é que se levaron a cabo en varios fogares mais sempre ás escondidas das mulleres, xa que facia falta liño para realizalas, e nós, non perdíamos a oportunidade de coller un pouco ás agachadas .
    Como eramos moitos, e quedamos ata moi tarde, cada veciño trouxo algo para comer e beber, tanto chourizos, como touciño -para facermos o torrisco -ou viño. Mentres, falamos do carnaval, dos oficios que se ían facer ou, mesmo, contamos un conto sen máis .
     As flores do pucho foron un mundo aparte xa que empezamos na tenda, onde os mozos, e non tan mozos, rizamos o papel para facelas. Mais como a tenda servía tamén de cantina, podes imaxinar, querido amigo, en que pasamos a meirande parte do tempo.
     Sen embargo, como naqueles días non facía moito frio, puidemos xuntarnos algunhas noites diante da casa do Diego, onde levamos a cabo moita tarefa malia que os contos non faltaron, como tampouco o viño e os chourizos.
     O papel rizado puxémolo durante tres ou catro días nunha caixa, para que non se estropeara. Logo, levouselle a Nina e a María do Diego, xa que elas foron as encargadas de realizar as flores. Iso sí, sempre pasaba o mesmo, pois creíamos ter realizado moito traballo rizando papel e só tiñan para media hora.

     MÁSCARAS, CAMPAÍÑAS E PUCHO.
     Naquelas datas, xuntámonos todas as noites ,ben para falar e argallar algo, ou simplemente polo feito de pasar uns momentos todos xuntos, xa que ante todo, era unha festa complet desde o seu inicio ata o final.
Uns días antes de que dera comezo o carnaval, preparamos as correaxes das campaíñas. Estas colocáronse polo son, segundo fosen machos ou femias, tarefa que fixen eu, pois a colocacción delas era cousa dos Patacos .
     Durante os días previos á festa do carnaval, as campaíñas soaron todas as noites pola parroquia adiante, xa que tiñan que coller sitio no cinto, para produciren un bo son os días dos festexos . Era un cinto feito de pel de marrao, que aínda hoxe conservo, máis está feito un papel de liar, de tan desfeito como quedou. Se puidese falar, contaría moitas cousas.
     O carnaval durou igoal que dura agora: tres domingos e un martes, de nomes Corredoiro, Lambedoiro e Carnaval. Foron catro días nos que veu tanta xente que non había camiño, carreiro e campo en todo o lugar de Arriba, desde o que se puidera ver O Moredo, que non houbera xentío. Os festeiros chegaron de todas partes: Mourelos , San Pedro, Escairón, Chantada , Diamondi. Tamén viñeron de o Castro nun camión de cargar madeira provisto dunhas cordas para se poder agarrar.
     O festexo comezou, coma sempre, na estrada. Logo, subíu por un camiño, que ía ata O Pedroso, onde os volantes baixaron por un carreiro para cruzar as hortas, acompañados polos maragatos. O resto da comitiva foi por outro camiño ata o Moredo, onde nada máis chegar, o Camilo da Pedresa, o Arturo, e non me lembro agora de quen era o outro, vestidos de volantes, comezaron a danzar por todo o campo, mentres o Emilio e o Benido disfrazados de maragatos metíanse co público.

DANZA DOS VOLANTES DIANTE DA DEPUTACIÓN DE LUGO
     Aquel ano os oficios chamaron moito a atención, aínda que máis dun levou un bo susto. No primeiro, levamos unha muller preñada, que se puxo de parto entre moitos berros. A muller foi Antonio o Marolo, xa que non houbo ningún persoeiro coma él para vestirse de señorita; o médico foi o Viadilla e un servidor o practicante. A ninguén se lle pasou pola mente o que alí ía pasar, pois na barriga da preñada púxemos duas bolsas. Unha con sangue, que eu mesmo fora buscar a unha carnicería de Chantada, situada no Cantón e ao lado do concello .E na outra metimos un gato vivo. Pois ben, chegado o momento do parto, abrimos paseniño as dúas bolsas. Podes imaxinarte a imaxe. O gato, manchado de sangue e miañando, foi correndo polo medio do xentío, no que se mesturaban os berros de susto coas risas.
     Tras rematar o primeiro oficio, soaron deseguida as campaíñas dos volantes. Mentres, no corral do Quintana xa estaba todo argallado para saíren co segundo oficio. Éste marchou para o Moredo, cando os volantes e gaiteiros viñeron buscalo, xa que eran os encargados de levar aos mecos –integrantes do oficio- desde a “Casa do Quintana” ata o campo. .¡Moito me divertín con ese oficio! . Nun carro ían dúas parellas de bailaríns: unha formada por Manuel do Viutos e a Nina, e a outra por Santiago e a María. O gaiteiro non podía ser outro que o Pedro do Artilleiro. Logo de chegar tocando e bailando unha peza moi alegre, todo cambiou no intre de baixar do carro, xa que comezaron a tropezar, caer e rifar, o que deu lugar a que houbese que sacar a persoas do público para bailar. Sen embargo, mentres isto acontecía poñían a todos os asistentes emporcallados de cinza e fariña.
     Tamén fixemos outro oficio cun burriño que tiñan na casa do Marcos. Puxémoslle unha funda para que non estivera espido. As mangas da funda servíronnos para meterlle as patas de adiante, mentres que as pernas usámolas para introducir as de atrás. Asi mesmo, colocámoslle un gorro na cabeza e unha caraúta na faciana, que a verdade sexa dita non aguantou moito tempo. Neste oficio participou o Larán levando unha máquina do sulfato agochada baixo o disfraz , máis foi recoñecido por todos xa que era zurdo. Fixemos máis oficios, mais  algún paréceme un pouco forte para contarche. 
                                                      
     Por outra banda, os gaiteiros foron de Vilar do Mato, e tocaron unhas pezas do carnaval propias desta zona e pouco coñecidas de cara ao exterior.
     Pero ben, penso que por esta vez xa chegou. Outro día cóntoche máis, xa que está chegando a hora de cear e non me estrañaría que a miña Muller tivera preparada a cea, e tí meu amigo convén que fagas o mesmo, xa que mañá tes colexio, e hai que madrugar, pero xa sabes que podes vir pola miña casa cando queiras. Eu sempre estou disposto a contarche o que queiras, tanto a ti como a quen sexa”.
     E así foi. Nunca esquecerei ese relato tan abraiante que xa estou desexando que chegue o xoves, cando meu pai non traballa, e poder ir con él xunto o meu amigo Pepe , para que me relate outra vivenza do entroido, bueno do carnaval como él dí.
     !Ah!, se alguén quere escoitar os seus contos, non ten máis que ir a Santiago de Arriba, ao lugar da Proba, e alí sentado nun banco seguro que atopa o meu amigo, sempre disposto a relatar o que sexa .

ILUSTRACCIÓNS.

FOTO 1. JOSÉ M. BLANCO PRADO.  IVÁN, AUTOR DO CONTO, É UN VOLANTE IMPORTANTE
               NESTA COMUNIDADE COMO  O SEU PAI JUAN CARLOS.

FOTO 2. JOSÉ M. BLANCO PRADO.  VOLANTE DE SANTIAGO DE ARRIBA PASANDO POLAS HORTAS
               DA COMUNIDADE.

FOTO 3. JOSÉ M. BLANCO PRADO.  MÁSCARAS. CAMPAÍÑAS E PUCHO.

FOTO 4. JOSÉ M. BLANCO PRADO.  MOMENTO DUN OFICIO. 2010.

FOTO 5. JOSÉ M. BLANCO PRADO. OFICIO. ¿ É O MORITO?.

FOTO 6. JOSÉ M. BLANCO PRADO.  IVÁN, COMO VOLANTE, NO CAMPO DA FESTA ENTROIDANA DE ARRIBA.

FOTO 7. JOSÉ M BLANCO PRADO.  RECOÑECEMENTO A UN VOLANTE POLO SEU LABOR 
                NO ENTROIDO DE AR3RIBA. (CHANTADA).

 

      

FOTO 8. JOSÉ M. BLANCO PRADO.  VOLANTES DE SANTIAGO DE ARRIBA (CHANTADA) NA PRAZA MAIOR DE LUGO.

 

FOTO 9. JOSÉ M. BLANCO PRADO. VOLANTES DE SANTIAGO DE ARRIBA. PRESENTE Y FUTURO.

 

FOTO 10. JOSÉ M. BLANCO PRADO. VOLANTES DE SANTIAGO DE ARRIBA (CHANTADA), DE TODALAS IDADES,
                 DANZANDO DIANTE DA DEPUTACIÓN DE LUGO.

 

FOTO 11. JOSÉ M. BLANCO PRADO. VOLANTES DE SANTIAGO DE ARRIBA (CHANTADA) E CHARANGA
                 DE SALCEDO ( POBRA DE BROLLÓN).

 

 

FOTO 12. JOSÉ M. BLANCO PRADO.  PEPE, GRAN ENTROIDANO DE SANTIAGO DE ARRIBA, E AMIGO DE IVÁN.
                 TAMÉN DE JUAN CARLOS, MEU E PENSO QUE DE TODO O MUNDO. ¡ QUE MAGNIFICA PERSOA !

 

FOTO 13. JOSÉ M. BLANCO PRADO.  VOLANTE DE ARRIBA E A CANTINA DO MOREDO NUN SEGUNDO PLANO.

 

 

 

FOTO 14. JOSÉ M. BLANCO PRADO.   A DESPEDIDA DO ENTROIDO EN SANTIAGO DE ARRIBA (CHANTADA).

 

FOTO 15. JOSÉ M. BLANCO PRADO.  AS PLAÑIDEIRAS DO ENTROIDO DE ARRIBA (CHANTADA).

 

 

FOTO 16. JOSÉ M. BLANCO PRADO.  O ENTROIDO TAMÉN É GASTRONOMÍA.
Ir arriba