II. 2010. OS CRUCEIROS DA TERRA CHÁ: FUNCIONALIDADE E INSCRICIÓNS

                                              

  OS CRUCEIROS DA TERRA CHÁ: FUNCIONALIDADE E INSCRICIÓNS.

   Publicado en “Actas do I Congreso Galego sobre “Cruceiros e Cruces de Pedra”. Colección Historia e Etnografía Galegas. Vol. L.     

     AUTOR: JOSÉ MANUEL BLANCO PRADO.

       Revista de Investigación “Etnografía”, nº 2, 2010. I.S.S.N. 1989.8541.

      WEB. http://mesondoforno.com.

     O pensador galego Castelao xa nos falaba da plurifuncionalidade do cruceiro galego na súa obra “As Cruces de Pedra na Galiza”  . Pois ben, os cruceiros e cruces chairegos cumpren ao igual que no resto de Galicia diferentes funcións, que poden ir variando en canto aos diferentes ámbitos espaciais.
     Esta diversidade de funcións, que presentan estas obras religiosas e populares, pode aparecer reflectida en inscricións nalgúns elementos do cruceiro e da cruz ou ben hai que buscarlle o seu siñificado recorrindo á tradición oral. As inscricións de máis contido adoitan estar na base por ser o elemento, que amosa unha maior espacialidade para reflectir a súa función. Nestas inscricións encontramos dúas funcións claramente definidas, que nalgúns casos poden estar relacionadas. Referímonos ao carácter devocionario e funerario das mesmas.

CRUCEIRO DAS BARREIRAS (ROUPAR) (XERMADE)
     O carácter devocionario está definido nunha serie de fórmulas como “devoción de…”, “devoción y propiedad de…” , “a devoción de…”, “devoción y en recuerdo de…”. As persoas que interveñen nesta devoción son case sempre o marido e a muller e, ás veces, a nai e o fillo, os irmáns, e os devotos dunha ou máis comunidades parroquiais   Logo das persoas, que interveñen na devoción, aparece o bispo da diócese, neste caso Mondoñedo, concedendo 40 días de indulgencias aos que recen unha serie de oracións, aprobadas pola igrexa, delante destas efixies  .De tódolos xeitos hai casos nos que só aparece a persoa ou persoas, que interveñen no carácter devocionario do cruceiro  .
     Cando nas inscricións aparecen fórmulas como, “por disposición de…”, “ lo puso…”, “ propiedad de…”, temos que recorrir á tradición oral, xa que a inscrición non nos aclara o motivo de colocación do cruceiro   . 
     O carácter funerario destas obras artísticas adoita reflectirse nunha inscrición non só na base senón que, nalgúns casos, aparece tamén no plinto, no capitel e na base da cruz. Na inscrición soe aparecer o nome do finado-a, a data na que tivo lugar o pasamento, ás veces a idade do finado e finalmente os que fan a lembranza  .Os motivos da morte adoitamos coñecelos na maioría dos casos por tradición oral xa que non soen aparecer na inscrición, agás algunhas excepcións  . Refírense a accidentes de índole natural, asesinatos e como consecuencia dalgunha doenza.
CRUCEIRO DE VILAR (POUSADA) (A PASTORIZA)
                                                                          
    En canto a lembranza do pasamento interveñen pais, fillos, irmáns, amigos e mesmo unha comunidade parroquial   .  
     Por outra banda, cando nunha parroquia se celebraba unha misión, esta adoitaba ser planificada pola propia comunidade ou tamén por un devoto ou devotos, pertencentes á mesma. Ao rematar o evento relixioso, a parroquia tiña por costume construir, como recordatorio da mesma, unha cruz latina, que nos seus inicios foi de madeira e logo de mármol. Esta cruz, colocada no interior da igrexa parroquial ou ben nunha das súas fachadas, adoitaba levar a data de celebración da misión así como a Orde relixiosa, que intervira na mesma. Agora ben, no caso de que o evento relixioso fose doado por un fregués, fregueses, ou casa da comunidade parroquial, adoitaba aparecer, ás veces, o seu nome-s ao carón dos outros elementos.

 

CRUZ DE MISIÓN.

Parroquia: Fanoi.  
Lugar: Zurriera.Igrexa.
Concello: Abadín.
Base. Cara W……
DEBOCION DE / MANUEL VIDAL /
AÑO 1908 INDULGEN / CIAS PP
PASIONISTAS / 5 AÑOS A LOS QUE
RECEN / 5 PADRENUESTROS /…
  
              

     Outra funcionalidade do cruceiro, que ás veces queda reflectidada nunha inscrición, colocada na base, é a de proiectar de cara ao exterior a devoción ás ánimas, algo inherente á mentalidade popular galega. Moitos sucesos da vida cotiá adoitaban atribuirse ás ánimas, que estaban no Purgatorio, como lugar de tránsito para o Ceo, logo  de que expiasen os seus erros. Polo tanto, non resulta estraño que as persoas rezasen pola alma dos seus antepasados  .

 

CRUCEIRO DA GRANDA (XERMAR) (COSPEITO)

 

CRUCEIRO DA GRANDA.

Parroquia: Xermar. 
Lugar: A Granda.   
Concello: Cospeito. 
Base. Cara W……
LO PUSO                       
JUAN PUENTE
PARA ALIVIO DE ÁNIMAS.
 

    Tanto os cruceiros como as cruces amosan outras funcións, non reflectidas en inscricións, mais que perviven na tradición oral das respectivas comunidades. 
    Así, algúns aínda revisten un carácter funerario xa que adoitan ser parada obrigada dos enterros para rezarlle ao finado algunhas oracións e responsos  .
    Outros seguen impregnados dese mesmo carácter, xa que noutrora os nenos, que morrían denantes de ser bautizados –neonatos-, non podían recibir sepultura no cemiterio. Isto daba lugar a que fosen soterrados ao pé dalgúns cruceiros, onde quedaban protexidos pola súa sacralidade   . 
    Hai cruceiros, que aínda son receptores de ofrendas a base de esmolas, flores e velóns en calquera día do ano e tamén en determinados días do ano, como a véspera e o día do San Xoán ( 23-24 de Xuño), o día da Santa Cruz ( 3 de Maio), o día de Tódolos Santos e Difuntos ( 1 e 2 de Novembro)    etc. Algún deles, como o Cristo de Afoz  , tenta ser un pequeño santuario ao que os devotos dos arredores acoden a realizar diferentes ofrendas paran sandar preferentemente doenzas ligadas coa pel.        
    Un bo número de cruceiros e cruces serven de centro de referencia para que as procesións, que se levan a cabo o dia da festa parroquial ou o día da festividade nun santuario próximo circunden o seu ámbito espacial, santificando todo o que se atope no seu percorrido, denantes de voltar ao recinto sacro   .        
   Asimesmo, segue existindo a pervivencia dalgún “vía crucis”, que cumpre a súa función preferentemente  na Semán Santa  .

 

CRUCEIRO DE AFOZ (BRETOÑA) (A PASTORIZA)
     Por outra banda, nos camiños, que conducen á igrexa parroquial, hai cruceiros e cruces, cuxa finalidade é santificar eses ámbitos espaciais. Tamén hainos, que se utilizan como instrumentos profilácticos e purificadores de entidades e seres, que causan alteracións e perturbacións ás comunidades parroquiais afectadas, como meigas  , trasnos  , Santa Compaña  …Desde unha perspectiva máis mundana, o cruceiro tamén serve para delimitar espacios parroquiais e municipais  , como lugar de despedidas, de recibimientos colectivos e para tratar todos aqueles asuntos, que poidan redundar en beneficio ou perjuicio da comunidade.
     A segunda parte da comunicación versa sobre as inscricións, que poden aparecen en calquera elemento do cruceiro e da cruz.
    Con anterioridade xa vimos os datos de que consta unha inscrición da base, referidos case sempre ao carácter devocionario e funerario do cruceiro e da cruz. Pola súa banda o fuste, cando presenta algún dato epigráfico, soe reflectir no extremo superior dunha das súas caras o número de construcción do canteiro respectivo e no extremo inferior o ano en que foi construído o cruceiro. Ás veces o ano adoita aparecer tanto na base como no fuste.Nalgúns casos o fuste reflicte o nome  da persoa ou persoas, que mandaron construir o cruceiro, aínda que o máis habitual é que este dato aparezca na base.En canto ao capitel adoita mostrar ás veces nunha das súas caras o número de construcción do cruceiro   e no bordo do ábaco o nome do santo ou santos ligados á comunidade parroquial, na que se atopan os cruceiros .
     Con respecto á cruz soe presentar nalgúns casos o ano de construcción   e baixo unha cartela, situada no anverso, o epígrafe INRI. Asimesmo o plinto dalgunhas cruces adoita amosar un epígrafe de carácter funerario   así como o ano de construcción  .
     Finalmente algúns cruceiros e cruces soen amosar inscricións a base de acrónimos e siglas, nas que se reflicte case sempre o nome que mandou construir estas obras.

 

CRUCEIRO DO VENANCIÑO (VIÁN) (A PASTORIZA)

CRUCEIRO DO VENANCIÑO.

Parroquia: Vián.
Lugar: Bouza. Concello: A Pastoriza.
Base: Cara W.
  Epígrafe.
  VIM Y. SMS   
23-4-1977

 

CRUZ DO CIVIL.

Parroquia: Abeledo. Lugar: As Rigueiras. Concello: Abadín.
Base: Cara S.
Epígrafe.  F.R.M.
 
    Como remate ao presente traballo non podo esquecer aquelas fermosas palabras de Castelao pronunciadas cun fondo sentimento e ao mesmo tempo coa finalidade  de servir de guía para o viaxeiro e o pelegrín. Quedan reflectidas do seguinte xeito:
    “Cada cruceiro é unha oración de pedra que fixo baixar un perdón do Ceo, polo arrepentimento de quen o pagou e polo gran sentimento de quen o fixo”.

 

INSCRICIÓNS.

CRUCEIRO DE CARBALLO

PARROQUIA: SANTIAGO DE REIGOSA.
CONCELLO: A PASTORIZA.
BASE. INSCRICIÓN CARA NORTE:
ES PROPIEDAD
D FRANCISCO NIE
TO LEDO
AÑO D 1907
CARA W:         
YLMO. SR.
OBISPO DE MONDO
ÑEDO CONCE               
DIO 4O DIAS DE YN
DULGENCIAS…

 

CRUCEIRO DE ALGARA (VILAPENE) (COSPEITO)

CRUCEIRO DO PICHEL.

PARROQUIA: MOMÁN.
CONCELLO: XERMADE.
BASE:  INSCRICIÓN CARA SE:
LO PUSO MANUEL
GONZÁLEZ.

CARA NW:
EL ILUS. SR. OBIS
PO DE MONDO
ÑEDO CONCE
DIO 40 DIAS DE
INDULGENCIA A
LOS QUE REZAREN
UN PADRENUESTRO
CREDO O AUTO DE  CON
CARA  SW:
TRICION TRES AVES
MARÍAS O SALBE
DELANTE ESTA
CRUZ.
 

BIBLIOGRAFÍA

ARRIBAS ARIAS, Fernando., CUBA RODRÍGUEZ, Xoán Ramiro, e REIGOSA CARREIRAS, Antonio “Cruces, cruceiros, ermidas e capelas da bisbarra chairega ”, en El Progreso, diario de Lugo, 20-8-1987.
ARRIBAS ARIAS, Fernando e BLANCO PRADO, José Manuel. Catálogo de Cruceiros da Terra Chá. Cruceiros de Castro de Rei e Outeiro de Rei Sada (A Coruña): Cadernos do Seminario de Sargadelos nº 76, Ed. do Castro, 1998.
ARRIBAS ARIAS, Fernando e BLANCO PRADO, José Manuel. Catálogo de Cruceiros da Terra Chá. Cruceiros de Guitiriz., Sada (A Coruña): Cadernos do Seminario de Sargadelos nº 81. Ed. do Castro, 1999.
ARRIBAS ARIAS, Fernando e BLANCO PRADO, José Manuel. Catálogo de Cruceiros da Terra Chá. Cruceiros de Begonte, Cospeito e Rábade., Sada (A Coruña): Cadernos do Seminario de Sargadelos nº 87.Ed. do Castro, 2000.
ARRIBAS ARIAS, Fernando e BLANCO PRADO, José Manuel. “Os Cruceiros da Terra Chá. Algunhas tipoloxías dos cruceiros de Castro de Rei”, en El Legado Cultural de la Iglesia mindoniense. I Congreso do Patrimonio da Diócese de Mondoñedo, 2000, páxs. 497-506.
ARRIBAS ARIAS, Fernando e BLANCO PRADO, José Manuel. “Algunhas tipoloxías dos cruceiros de Guitiriz”, en Os Canteiros. Actas das xornadas celebradas en Parga (Guitiriz), 2000, páxs. 31-41.
ARRIBAS ARIAS, Fernando., BLANCO PRADO, José Manuel e SAAVEDRA PÉREZ, Mario. Catálogo de Cruceiros da Terra Chá. Cruceiros, Cristo e Cruces da Pastoriza., Sada (A Coruña): Cadernos do Seminario de Sargadelos nº 92. Ed. do Castro, 2002.
ARRIBAS ARIAS, Fernando e BLANCO PRADO, José Manuel. “Os Cruceiros da Terra  Chá. Algunhas tipoloxías dos cruceiros de Cospeito”, en Caderno de Estudios Chairegos, nº 1, 2002, páxs. 99-117.
ARRIBAS ARIAS, Fernando., BLANCO PRADO, José Manuel.. Catálogo de Cruceiros da Terra Chá. Cruceiros, Cristo e Cruces de Xermade., Sada (A Coruña): Cadernos do Seminario de Sargadelos nº 94. Ed. do Castro, 2004.
ARRIBAS ARIAS, Fernando , BLANCO PRADO, José Manuel  e  SAAVEDRA PÉREZ, Mario. “ Os Cruceiros da Terra Chá. Algunhas tipoloxías dos cruceiros de A Pastoriza”, en Caderno de Estudios Chairegos, nº 2, 2004, páxs. 123-146.  
ARRIBAS ARIAS, Fernando., BLANCO PRADO, José Manuel.. Catálogo de Cruceiros da Terra Chá. Cruceiros, Cristos, Cruces e Esmoleiros de Abadín., Sada (A Coruña): Cadernos do Seminario de Sargadelos nº 96 . Ed. do Castro, 2007.
ARRIBAS ARIAS, Fernando:”Os cruceiros lucenses, testemuñas de devoción”, en Trasluz, nº 2,  Lugo, primavera de 2009, páxs. 55-62.
ARRIBAS ARIAS, Fernando:”O cruceiro de Lanzán”, peza excepcional”, en  Trasluz,nº 3, Lugo,  verán de 2009, páxs.87-88.  
BLANCO PRADO, José Manuel e RODRÍGUEZ SÁNCHEZ, Manuel. Cruces y Cruceiros del Municipio de Begonte. Lugo: Servicio de Publicaciones de la Diputación Provincial, 1988.
BLANCO PRADO, José Manuel. Religiosidad popular en el Municipio de Begonte. Lugo:Servicio de Publicaciones de la Diputación Provincial, 1990.
PERNAS BERMÚDEZ, Carmen. “ As cruces de pedra no olvido” , en Pena do  Encanto, Boletín Informativo do Instituto de Estudios Chairegos, nº 1, 2001, páxs. 20-37.
BURGOA FERNÁNDEZ, Juán J. “De Mondoñedo a Compostela: Cruceiros e construccións religiosas da arte popular no Camiño do Norte”, en Boletín do Museo Provincial de Lugo nº 13. Servizo de Publicacións da Deputación de Lugo, 2009, páxs. 87-105.
RODRÍGUEZ CASTELAO, A. As cruces de pedra na Galiza. Madrid:Akal, 1975. Ed. facsímil da que se levou a cabo en B. Aires.
TRAPERO PARDO, J. “ Os cruceiros”, en Lucus. Boletín Informativo da Deputación Provincial de Lugo, nº 27, 1974, páxs. 25-40.

 

ILUSTRACCIÓNS.

 

FOTO 1. FERNANDO ARRIBAS ARIAS. CRUCEIRO DAS BARREIRAS (ROUPAR) (XERMADE).

 

 

FOTO 2. FERNANDO ARRIBAS ARIAS. CRUCEIRO DE NICOLÁS (SISOI) (COSPEITO).

 

 

 

FOTO 3. FERNANDO ARRIBAS ARIAS. CRUCEIRO DE ANTONIO PUENTE (MONCELOS) (ABADÍN)

 

 

 FOTO 4. FERNANDO ARRIBAS ARIAS. CRUCEIRO DA ERMIDA DA PASTORA (CAZÁS) (XERMADE)

 

 

FOTO 5. FERNANDO ARRIBAS ARIAS. CRUCEIRO DA GRANDA (XERMAR) (COSPEITO)

 

 

 FOTO 6. FERNANDO ARRIBAS ARIAS. CRUCEIRO DOS PRADOS (FANOI) (ABADÍN)

 

 

FOTO 7. FERNANDO ARRIBAS ARIAS. CRUCEIRO DO VILAR (POUSADA) (A PASTORIZA)

 

 

FOTO 8. FERNANDO ARRIBAS ARIAS. CRUZ DE VICENTA BALSA ( LOUSADA) (XERMADE)

 

 

FOTO 9. FERNANDO ARRIBAS ARIAS. CRUCEIRO DO VENANCIÑO (VIÁN) (A PASTORIZA)

 

FOTO 10. FERNANDO ARRIBAS ARIAS. CRUCEIRO DO REGO (CABREIROS) (XERMADE)

 

 

 FOTO 11. FERNANDO ARRIBAS ARIAS. CRUCEIRO DE ALGARA (VILAPENE) (COSPEITO)

 

 

 

 FOTO 12. FERNANDO ARRIBAS ARIAS. CRUCEIRO DA PENELA (A GRAÑA) (ABADÍN)

 

 

FOTO 13. FERNANDO ARRIBAS ARIAS. CRUCREIRO DA PEDROSA (VILARENTE) (ABADÍN)

 

 

FOTO 14. FERNANDO ARRIBAS ARIAS. CRUCEIRO DE AFOZ (BRETOÑA) (A PASTORIZA)

 

 

FOTO 15. FERNANDO ARRIBAS ARIAS. CRUCEIRO DA EVARISTA (VILARENTE) (ABADÍN) 

 

 

Ir arriba