II. ANO 2010. OS XOGOS POPULARES: ALGUNHAS LEMBRANZAS, SONOS E HISTORIAS.

 

               OS XOGOS POPULARES: ALGUNHAS LEMBRANZAS,

               SONOS E HISTORIAS

               AUTOR: MARIO SAAVEDRA PÉREZ.

                       Revista de Investigación “ETNOGRAFIA”,  nº2, 2010. I.S.S.N. 1989 – 8541.

                   Web, http://mesondoforno.com.

 

      INTRODUCCIÓN

 

      O feito de falar dos xogos populares é un  risco. Un sempre ten a dúbida de dicir a verdade ou a mentira dentro do que foron, son  e serán  “ per século seculorum “. A definición de xogo vai  xunguida á mente ou a actividade física do ser humano  para divertirse, entreterse,…e ten que ter unhas regras, onde a maneira de xogar  e de actuar  de cada xogador son un mundo irreal que non se corresponde en nada coa súa actividade cotiá. Ninguén arrisca nada para favorecer os interese do contrario. A aposta forma parte do xogador: “ se eu gaño ti perdes “; e por iso son populares. Un xogador cando gaña lémbrallo ó perdedor dicíndolle: – mañá no mesmo sitio e á mesma hora- coa finalidade de que os demais se decaten da súa fazaña. El é o gañador.
      A Asociación de “XOGOS POPULARES O CADAVAL DE PACIOS” en Castro de Rei desde fai uns dez anos traballa arreo na recolleita  de xogos e termos populares dos nosos devanceiros. As actividades, ó longo do ano,  na procura dunha maior popularización son moitas por toda Galicia ( Mosteiro, Fonsagrada, Narón, Nigrán, …) A asociación ten neste intre unha oferta diferenciada de xogos por enriba dos cincuenta. Así podemos falar de: Os bolos, a ra, a chave, a estrela, o trinco, a fuxa, o chino, os matinas, os zancos, a billarda, o tres en raia, o chanto, os cristos, a corda, a porca, o zambombazo, o tres pasmóns, o ceo, …e moitos máis. Falaremos dalgún deles, sobre todo daqueles menos coñecidos.

 

 

          O AUTOR DO ARTIGO CUNHA BILLARDA  E NUNHA PARTIDA DE BOLOS

 

      Os bolos de lastra son unha modalidade do deporte tradicional e son parte do patrimonio de Galicia. Os bolos como elemento lúdico teñen unha extensión ben definida e mundial xa que formaron parte da cultura de moitos pobos errantes, ben como divertimento ou como expresión cultural, relixiosa, social,… diferenciada das raíces dunha comunidade.
      Os bolos en sentido xeral tiveron e teñen, dentro das súas modalidades, algo en común como son as voces, termos e expresións lexicais que se atopan ó longo do espacio mundial. Dentro dos termos podemos considerar os inventados e os patrimoniais, é dicir, os que os propios participantes no xogo de bolos foron introducindo, por necesidade, ó facer variantes ou  todos aqueles que gardan unha relación máis común.Dentro das diversas modalidades de bolos atopamos unha serie de regras e formas distintas de xogar. Así temos que asociar o xogo de bolos a un sistema en varias dimensións:
       Dimensión sociocultural.
       Dimensión regrada.
       Dimensión motriz.

      A dimensión sociocultural corresponde cun feito social e cultural, reflectindo a maneira de ser da xente; xa que os protagonista establecen unha relación entre eles poñendo de relevo unha estrutura profunda e complexa, chea de trazos do universo social e cultural ó que pertencen. Ninguén pode romper as regras, nin tratar de impoñelas. Cando unha persoa trata de facelo é expulsado da comunidade de xogadores. Son os tramposos.
      A dimensión regrada estaría establecida pon un conxunto de normas, dimensións do campo e termos que teñen unha dimensión contextual no lugar xeográfico, no tempo e na época histórica; facendo deles unha manifestación peculiar e circunstancial  en cada época ou espazo temporal e xeográfico. A regra forma parte dun espazo físico e coñecido polo xogador. É o campo dos bolos.
      A dimensión motriz ven dada pola forza e a destreza  que o xogador  lle dá a bola no momento de lanzala. O xogador pasa por tres momentos: A  preparación,  a colocación no fito e o  lanzamento da bola. As pernas, os brazos e o corpo fan tres movementos ben diferenciados: Posición de repouso, de ataque e de recuperación. Cando un xogador non cumpre isto, o seu tiro é malo de feito; aínda que  acerte na tirada. É un ovello.

 

       FONTES DOS BOLOS: INSPIRACIÓN E ORIXE.

 

       As fontes dos xogos, tanto de inspiración como de orixe, veñen dadas polos costumes, condicións locais e outras diversidades culturais retrocedendo no tempo para intuír as primeiras formas lúdicas  do xogo dos bolos.
       Dentro das fontes de inspiración, como manifestación do xogo, temos que considerar que o propio pracer de xogar por xogar e a condición lúdica do ser humano lévao a crear unhas formas exploratorias de divertimento: Lanzar un pao como impulso espontáneo coa finalidade de recrearse, divertirse e relacionarse con outras persoas.
       Outra forma ou fonte de inspiración débese ó emprego de determinados obxectos como defensa, tanto de pedra como de madeira, como familiarización de diversas actividades laborais e cotiáns. Tamén dentro das fontes de inspiración dos xogos hai elementos mitolóxicos “Mañana de san Xan en Asturias e os seus encantos”. Lequeux entende que o xogo de bolos é o trono no ceo ó chocar uns contra os outros.  
       Desde un aspecto relixioso dise que era unha modalidade de xogo de bolos empregada por unha comunidade de frades alemáns,  nos espazos temporais entre ritos, para simbolizar as liortas constantes do home o mal e o demo. Tamén se fala dunha especie de rito dos monxes xogando ós bolos para representar a destrución do inferno.
       Dentro do compoñente erótico e como rito da fertilidade humana, as doncelas empregaban unha modalidade de xogo de bolos onde cada unha das pezas tiña unha simboloxía referente ós galáns ou ben ós anos de tardanza en casarse . Os mellores compañeiros, os bos bebedores e os mellores xogadores estarían representados nas pezas ( bolos ) que quedaban de pé.
       Finalmente na antiga Roma e Grecia o xogo dos bolos era algo cotián como exercicio san ( Hipócrates ). No país vasco ( bola con agarradoira ) na cultura persa ( danzas con bolos ou mazas ), Francia, Exipto, Malasia e noutras civilizacións os bolos son entendidos como un complemento militar en busca de destrezas.

 

 

O XOGO DA RÁ

 

      CRONOLOXÍA EVOLUTIVA DO XOGO DOS BOLOS.

 

        Lanzamento de obxectos como algo instintivo: Xogo de bolos, como creación de cultura.
        Manifestación básica de loita e supervivencia: Pedras, madeiras, instrumentos de defensa na caza e na pesca. Preparación bélica e militar.
        Crenzas máxico- relixiosas: Bolos con contido mitolóxico, emprego relixioso – eclesiástico, fertilidade humana con certo erotismo.

   

    ETIMOLOXÍA DOS BOLOS.

  
      Temos que ter en conta o percorrido etimolóxico que seguiron as principais expresións lexicais para comprender as interaccións entre as culturas en cada momento da Historia das nosas terras de España despois das invasións procedentes de Europa: Alemaña, celta, provenzal con interaccións concorrentes no seo da cultura.
        A palabra bolo tivo unha evolución ó longo do tempo. Na cultura alemana tiña estas entradas: “Bikkil ( dado, taba,oso ), bickel e quille no século XV. Na cultura celta nomeábase: Bilia ( tronco ), kille, quilla, bille (madeira sen labrar ) e bola de onde ven o nome de “ birlo “ bolo na actualidade. Finalmente na cultura provenzal fálase de : Bilha, bila, bille ( bola e.n francés ) e birla.   Hoxe, tendo en conta estas entradas, podemos falar de bolo,billa,billón,billarda, brila, xirla, mirla, mirlo, brilla, bitlar, birlar, birlot, birler,…
 

        DIMENSIÓN CULTURAL DAS PALABRAS LIGADAS Ó XOGO DOS BOLOS.

 

        O xogo de bolos pódese entender como unha constante comunicación en forma de diálogo entre as persoas, ou ben, entre os medios dando como resultado unha atmosfera distendida, lúdica e pracenteira; vinculando o xogo co entorno bolístico e sen termos moi rebuscados. Todo isto remítenos a unha cultura sinxela e simple dos seus actores.
        Os protagonistas falan e xogan, identifican xogadas e pezas e , ó mesmo tempo, dan nome a todo o que é merecerte de ser nomeado no xogo dos bolos. Estes nomes son a expresión máis poética e simbólica da cultura dos bolos.

 

        PROTAGONIZACIÓN DOS BOLOS.

 

        LOCALIZACIÓN ESPACIAL:  Rúa, esquina, cantón,carrexo,  cociña, curral, …
        EMPRAZAMENTO TEMPORAL: Mao ( gañar  a vez ). 
        PROTAGONISTAS: Sempre eran xentes coñecidas e cotiáns da vida diaria:

 

A). Familia: Birla avoa, bolo pai.
B). Personaxes concretos: Home bo, miquis, mudo,bolero, 
C). Personaxes por actividade laboral: Bolo amo, bolo, macho,  plantador
pinador, peón,  baratero, …
D). Personaxes relixiosos:  Bolo cura, bolo pai.
E).  Personaxes políticos:  Birla raíña,  bolo peón, bolos  arrestados.
F).  Relación co corpo:  Cara, cu, manganeta,  orelleta, bolo, palma.
MATERIAL: Pedra ( lousa ), óso ( bolo ), madeira ( bara, pau, bastón, garrote, …)
APOSTAS:  Xuntar diñeiro ( armar ), pagar diñeiro (bitlar ), cantidade de diñeiro
( barato ou  cinco ), perdoar diñeiro (escuse).

 

 

OS BOLOS. CAÍDA E DERRIBO

 

      MORFOLOXÍA DOS BOLOS. MOMENTOS.

 

       Os bolos ou birlos teñen unha forma ben diferenciada segundo os lugares, as costumes e o material empregado. Tendo en conta isto podemos falar de bolos de lastra  (Pacios de Castro de Rei ), de canteiro ( Riotorto ) e de achego ( A Fonsagrada ) entre outras morfoloxías.
      No xogo dos bolos observamos tres momentos ben diferenciados:

 

O derribo.
A marca.
A secuencia de tiro.

 

       O derribo consiste en tirar a maior cantidade de bolos dun total de oito, nove  ou máis ( hasta 17 ) bolos elixidos ó chou por cada xogador. O número de bolos será igual para tódolos participantes.
       A marca consiste no marcador acadado: tres, seis, doce, vintecatro e trinta e seis puntos por cada bolo, segundo a distancia acadada no campo. Estes puntos son acumulativos durante a partida. Cada xogador terá dereito a unha xogada de retorno sempre que a bola pase a liña de seis no campo de tiro. Isto  ven dado de forma alterna polo tiro de base e o tiro de retorno ou escucha.
 

      O SISTEMA DE  BOLOS. TERMINOLOXÍA.

 

1. Espazo. 
2. Material.
3. Xogadores.
4. Anotadores.
5. Xuíz de mesa e campo.
6. Portadores de bolos e bolas.

 

       Dentro do espazo do campo ( Campo de bolos ) hai unha serie de subespazos como son as zonas de marcador, a zona de escucha ( punto de birle ), o punto de tiro (o fite ) e a pedra onde se colocan os bolos ( Lastra ).
       O material consiste en oito ou máis bolos de madeira do tamaño dunha lámpada ou con forma de tonel e cun peso aproximado de uns trescentos gramos cada un, unha bola de madeira de maceira, carballo, loureiro,…de uns dez centímetros de diámetro.
       Os xogadores poden participar no campionato de forma individual gardando un  orde de tiro:   Cinco de Base e outros tantos de escucha, sempre e cando se cumpran certas condicións no tiro. No xugo por parellas as normas son as mesmas. A diferenza está en que se acorda un marcador e a parella que antes o acade é a gañadora.
       Os anotadores levarán o control do marcador nas distintas xogadas de forma acumulada.
       O xuíz de mesa é o responsable de certificar a validez do tiro e do marcador. A súa decisión dise que vai a misa.
       Os portadores de bolos e bolas son todos e cada un dos xogadores de forma alternativa. Xogar, recoller e descansar.

 

        ORIXE E FORMA DE XOGAR.

 

        1. OS ZANCOS.

 

        Os zancos son uns medeiros que se colocan ó carón do corpo e póñense os pes neles coa finalidade de aparentar ser máis grande, pasar un charco, impresionar ós cativos,… e outras artimañas.  Este enxeño , nun comezo, facíase das pólas das árbores, especialmente do carballo ou do loureiro por seren máis duradeiras e con mellor resistencia. Hoxe  témolos de feitura máis moderna e xa se comercializan. O xogo consistía en facer carreiras neles para saber quen era o gañador. Outras veces o gañador era a persoa que máis tempo se tiña neles sen caer ó chan.

 

 

O XOGO DOS ZANCOS

 

   

   2. OS MATINES.

 

      Este xogo ten unha orixe de convento e tamén de cárcere. Os  primeiros compoñentes deste xogo foron a campaíña, paos pequenos duns trinta centímetros cadanseu, unha pedra, bola de papel,… A campá eran os ferros do cárcere nas celas ou unha campaíña nos conventos. O xogo consistía en lanzar un pao ou algo similar e facer soar a campá e que o obxecto lanzado quedase nunha determinada posición. Cando a persoa que lanzaba conseguía o seu obxectivo, deixaba de lanzar.  Este forma de xogo era a linguaxe calada dos participantes para poder entenderse entre eles. Nos conventos dalgunhas comunidades de frades servían de reconto dos frades cando se dirixían ós matines pola noite, pasando por diante da porta do abade. O  nome de matines ven do cando pola noite nos conventos e da súa repetición musical no canto. Hoxe en día ten outras variantes e as regras son ben distintas; aínda que coincidentes nun cincuenta por cento.
      O xogo consiste en lanzar os tres obxectos, hoxe paos, e ten que soar a campaíña e o pao quedar nunha determinada posición. As persoas que puntúan seguen xogando ata quedar un gañador.

 

 

 

XOGO DOS MATINES

 

 

     3. O CHINO.

 

      Este xogo , hoxe coñecido polo nome do Chino, ten unha orixe  non soamente aquí en Galicia senón en todo o mundo con moitas variantes. Na nosa bisbarra da Térracha fai anos consistía encestar nunha media cabaza baleira e posta no chan e a unha distancia determinada ( variada en cada quenda de xogo ) lanzar a caguña dun zoroño, dunha ameixa,…e tratar de encestala na cabaza. Neste xogo cada xogador dispón do mesmo número de froitas e o gañador era o que máis encestaba na cabaza. Hoxe xa ten outras variantes, tanto no recipiente como nos obxectos lanzados, lembremos o xogo do óso da oliva en Andalucía.  O nome de Chino venlle de que nalgún momento tivo moitas variantes e era case imposible ter unhas regras determinadas.

 

 

O XOGO DO CHINO

 

 

       4. O CHANTO.

 

       O chanto ten a súa orixe nas liortas entre as persoas como forma de arranxo das maneiras de ver a vida. Cando dúas persoas tiñan que arranxar as diferenzas o máis normal era coller un pao a desafiar ó inimigo chantándoo no chan  e logo dicían: – se queres algo de min , ven e colle isto -. Case sempre a resposta era a mesma e o retado collía outro pao e chantábao ó carón co mesmo desafío. O arranxo, dando a razón, era cando uns dos combatentes derrubaba o pao do outro ou o partía; sempre e cando o seu quedara cravado no chan. Esta forma de resolver liortas ou formas diverxentes de opinión  ten moitas variantes. Este xogo, hoxe en día, ten a súa forma peculiar. Os xogadores fan un burato no chan sacando a terra e logo, despois de enchelo de auga, volven a poñela nel. O combate empeza por sorte, sendo o primeiro xogador o que sitúa o seo pao no burato ben cravado. O sorteo faise seguindo este ritual: Un dos xogadores colle un anaco dun pao e escóndeo na man  mentres di: – pao na man non fai pan, pan nin pao di can, can en cal di pao -. O xogador que acerta é o derradeiro en cravar o seu pao.

 

        5. O TRINCO.

       Como case tódolos xogos o trinco, a fuxa, as bonetas,..teñen a súa orixe nas colleitas do millo, das patacas, das fabas, dos nabos,… onde a imaxinación dos nosos devanceiros era o divertimento nas horas de traballo, tratando de levar os atrancos da vida con máis alegría. O trinco tiña moitas variantes, aínda que case sempre eran coincidentes na maneira de xogar. O xefe da roga ou o amo da casa no traballo marcaba no chan un cadrado e un círculo a uns tres metros nas horas de lecer ou despois de dar fin ó labor programado. Cada xogador collía unha mazaroca de millo ou unha pataca ( todos a mesma froita ) e o xefe do grupo colocaba unha mazá no medio do circo. O tiro, coa finalidade de desprazar a mazá fora do círculo seguía unha rotación, sempre  comezaba o de maior idade, por respecto, e o gañador era o que primeiro sacaba a mazá do círculo dúas veces. O nome de trinco venlle de acertar. Hoxe este xogo ten unhas regras moi parecidas; aínda que no fondo ven sendo o mesmo. O número de xogadores é de tres.

 

       6. OS TRES PASMÓNS.

 

       O nome dos tres pasmóns venlle de moitas fontes. Unha delas di que non hai dous sen tres. Outras opinións afirman que cando dous pescan tres xa comeron e polo tanto agora están de pasmóns. A orixe deste xogo ven de cando unha persoa non tiña que facer e  poríase a tocar cunha vara una pedra tratando de metela nun burato ou ben cando nun rego, poza, río…, -despois de facer unha cana ,a persoa,  nas horas de lecer trataba de pescar  algo. Hoxe este xogo ten unhas regras determinadas. Os compoñentes do xogo son tres canas e unhas pozas (táboas ) con tres, catro e cinco obxectos. O xogo empeza cando o garda dá a orde de pescar dicindo: – pasmóns a pasmar -. Cando un xogador xa pescou todo na súa poza despraza ó seguinte; aínda que el non acabara a pesca, e así ata terminar. O primeiro  é o mellor pasmón.

 

 

O XOGO DOS PASMÓNS

 

 

       7. O ZAMBOMBAZO.

 

      O  zambombazo  é un xogo que tivo unha evolución  bastante variante. As primeiras  manifestacións, lembranzas dos veciños de Abadín,…, datan das mallas, segas, apaña da estrume,.. e de outras labores do campo. O xogo ou desafío consistía en facer dous fachos  de herba , trigo, millo,.. e os desafiantes, aclamados pola xente da roga, subían a un valado, un cara ó outro, e mirando en sentido oposto, zurrábanse no traseiro ata derrubar ó contrario. O xogo tiña unhas regras ben definidas. Ningún loitador podía zumbarlle ó contrario por debaixo dos xeonllos, nin por encima das axilas. O gañador tiña dereito a descansar ou durmir a sesta mentres o perdedor tiña que facer o seu traballo. O feito de subir á un valado era para que os “ miróns “puideran ver a legalidade do desafío. Hoxe este xogo faise sobre unha táboa enriba de dous cepos. As normas son as mesmas: o facho é unha saca chea de herba . O gañador  recibe o nome de mellor zambón. As parellas participantes vanse eliminando entre elas e, ó final,  só queda un gañador.
 

 

O XOGO DO ZAMBOMBAZO

 

 

 

OUTRA VARIANTE DO XOGO DO ZAMBOMBAZO.

 

 

       8. A ESTRELA.

 

       A estrela como xogo era bastante popular pola bisbarra da Terra Cha e concretamente polas parroquias de Abadín, Muras,… Esta manifestación lúdica era máis ben familiar, xa que sobre o chan, a persoa de maior idade, debuxábase unha estrela na cal os vértices representaban a un membro da unidade familiar: O avó, a avoa, o pai, a nai e o fillo ( podían ser outros membros familiares ). A estrela tiñan catro puntas sobre as que se cravaba un pao de uns corenta centímetros e un máis alto no centro sobre os que se lanzaba: o sombreiro, a boina,… coa finalidade de que quedara colgado no pao ( cada membro tiña un fito ).O membro familiar máis novo comezaba a xogar e así ata o de maior idade. O gañador era a persoa que acadaba poñer máis sombreiros nos paos. Hoxe este xogo ten a mesma finalidade, aínda que se lle agregou uns aros para lanzar. A universalidade deste xogo di que os fitos da estrela e o do centro representaban as provincias de Galicia ou tamén os continentes durante a emigración. Xogar fora da unidade familiar tiña un prezo: “ Ser un cagallo “.
 

 

INFORMACIÓN:

 

1. A xente da bisbarra da Terra Cha.
2. Pere Lavega  Burgués.
3. Ortega y Gasset.
4. Trem.
5. Apuntes do autor polos Concellos de Galicia.

 

ILUSTRACIÓNS.       Tódalas fotos foros realizadas por Mario Saavedra Pérez.

 TRATASE DO AUTOR QUE ESTÁ  NA SITUACIÓN DO DESQUITE NOS BOLOS E NUNHA POSICIÓN DE CONCENTRACIÓN.

 

 XOGO DOS  BOLOS EN PACIOS (CASTRO DE REI). DEMOSTRACIÓN DE LANZAMENTO.

  

OS BOLOS. CAÍDA E DERRIBO.

 

BOLOS EN LIÑA. TIRADA. CAMPIONATO LOCAL DE PACIOS CASTRO DE REI) (LUGO). ANO 2004.

 

 O XOGO DO BOTE. LOURENZÁ (LUGO).

 

 O XOGO DA RÁ. MOMENTO DO LANZAMENTO.

 

 O TRES EN RAIA. LOURENZÁ (LUGO).

 

BOLOS EN PACIOS (CASTRO DE REI) (LUGO). COLOCACIÓN DOS BOLOS.

 

 O ZAMBOMBAZO. LOURENZÁ (LUGO).

 

 O XOGO DAS BOTELLAS. CEIP DE LOURENZÁ.

 

 O XOGO DOS TRES FURADOS. MUSEO DE VILADONGA (CASTRO DE REI) (LUGO). 2008.

 

O XOGO DO BOLO CAÍDO.  CASTRO RIBERAS DE LEA (LUGO).

 

O XOGO DO BOTE E DA ZOCA. CASTRO RIBERAS DE LEA (LUGO).

 

 O RUXE-RUXE. CASTRO RIBERAS DE LEA (LUGO).

 

 O XOGO DA CHAVE. LOURENZÁ (LUGO).

 

 O XOGO DO BOLO CELTA. MUIMENTA (COSPEITO). 2009.

 

 O XOGO DOS BOLOS EN CARBALLIDO (FONSAGRADA). 2005.

 

XOGOS DOS ZANCOS. MONDOÑEDO (LUGO).

 

O XOGO DOS NABOS. DITO POPULAR: ” NABO NABEIRO AO CALDEIRO”.

 

 

 XOGOS DOS MAITINES. MOSTEIRO (POL). 2004.

 

XOGO DOS BOLOS. RIOTORTO (LUGO). 2008.
 

 XOGO DO ZAMBOMBAZO. MONDOÑEDO. 2004.

 

XOGO DOS TRES FURADOS. VIVEIRO (LUGO). 2004.

 

 

 XOGO DA PETANCA.

 

XOGO DOS PASMÓNS.

 

 XOGO DO CHINO.

 

  

 

 

 

 

 

 

 

Ir arriba