SABELA FIGUEIRA TENREIRO. MUÍÑOS DE LANZÓS (VILALBA) (LUGO)

 

    Revista de Investigación “ETNOGRAFIA”,  nº4, 2012. I.S.S.N. 1989 – 8541.

     Web: mesondoforno.com.

     Dende que se sementa ata que o pan sae do forno, asistimos a un proceso de transformación  que ten lugar ao longo de todo o ano e que pasa  por seiturar, mallar, moer ou cocer centeo, trigo ou  millo, entre outros moitos traballos. A súa semente, recolleita e transformación xeraron un importante mundo simbólico que deixaría unha senlleira pegada na cultura agraria galega e que vemos reflectido tamén na construción dos espazos. Unha boa mostra témola nestas arquitecturas tradicionais que son os muíños, aínda que tamén as airas, hórreos ou fornos son construcións que responden ás necesidades creadas por estes traballos. Cada un deles tiña asignado o seu espazo no mundo agrario tradicional, que sería construído especificamente para esa función. Nos muíños, o gran é transformado en fariña, para así adaptalo mellor ao consumo, tanto humano como do gando.

 

                                            MUÍÑO DE BRAINLLE. O SEU INTERIOR.

 

 

     As parroquias vilalbesas de Lanzós, San Martiño e San Salvador, contan cun fermoso patrimonio arquitectónico de muíños de pedra. Estas construcións, testemuñas do paso de tantas e tantas xeracións, perderon a súa utilidade orixinaria para convertérense, na actualidade, en vestixios mudos dun mundo e dunha forma de vida que aínda sobrevive en recantos dalgunhas memorias.

     Son dos regos de Vilapedre, de Lavapés, da Veiga e do Pedrón dos que beben estes muíños. Todos eles pequenos regatos nacidos da serra da Carba, axudan coas súas augas a conformar o río Madalena. Contabilízanse neste traballo tres muíños no rego de Lavapés -os dous de Ladrela e o de Vilagondriz-, 13 no rego de Vilapedre -os muíños do Horacio, de Ferreira, do Queimado, do Freijo, de Caldas, do Pazo Vello, o Muíño Novo, o do Sixto, o de Penelas, o do Caneiro, o de Santa Eufemia e o de Braínlle- dous no Rego da Veiga -os muíños do Nasete e do Pedrouzo-. Por último, o muíño de Porto Río bebe dun pequeno regato próximo.

      Segundo consta no catastro do Marqués da Ensenada, aló polo 1753, había censados na parroquia de San Martiño de Lanzós 14 muíños, 4 menos dos constatados na actualidade. Posiblemente, algún deses catro muíños, que non aparecen no catastro, pero dos que si temos constancia na actualidade, xa se construíran por aquelas datas; de ser así, os motivos polos que non se citan no catastro poden ser diversos. Algúns deles, como é o caso  do muíño do Caneiro ou mesmo o do Nasete, atopábanse en lugares bastante illados e de complicado acceso, mais é difícil pensar que os veciños informantes non soubesen da súa existencia. Unha hipótese máis probable sería a de pensar que non sempre se declaraba a facenda todo o que existía, para así poder superar mellor as innumerábeis cargas económicas que por aquelas épocas sufrían os labregos.

      Contaba a parroquia, no 1753, cos muíños de Fernan da Reis, Braínlle, Penelas, Porto Río, Muíño Novo, Caldas, Freijo, Queimado, Ponte Moíño, Villa Gundriz, dous muíños en Ladrela, o do Pedrouzo e o do Muíño Vello. Por estas datas eran todos dunha soa roda, excepto o de Braínlle que xa daquela tiña dúas. Trátase, na súa totalidade, de muíños de canle que aproveitaban a corrente da auga para mover o rodicio. Puidera ser este o motivo polo que, segundo se recolle neste documento, só moían uns meses ao ano, dependendo polo tanto do caudal das augas. Por norma xeral, cabe supoñer que estes muíños funcionaban xa por aquel entón máis meses dos que declaraban os veciños para este censo. Os muíños pertencían por estas datas a particulares, réxime que cambiaría posteriormente para convertérense en muíños de parceiros.

      Hoxe en día consérvanse aínda os restos de moitos deles. Atopámonos ante pequenas construcións con estruturas moi elementais na súa meirande parte, en cachotería granítica de baixa calidade e co teito a dúas augas en lousa do país. Son todos eles muíños de cal exceptuando os de Porto Río e Penelas, que presentan unha pequena balsa para represar a auga. Algúns deles beben ao dereito do río e outros fano de canles de desvío feitas xa  para ese cometido. Son na súa totalidade muíños hidráulicos co rodicio en ferro, aínda que cabe supoñer que a madeira foi o material utilizado noutro tempo. As pezas e os mecanismos de funcionamento, non difiren de calquera outro muíño hidráulico: moega, quenlla, traque, as pedras que conforman o pé e a capa do muíño, que tanto poden ser albeiras coma do país, tamén a trabe ou ou burro, etc.

      Os muíños do Horacio e de Braínlle, ao adicárense a fins comerciais, presentan dimensións maiores, moendo con dúas rodas a diferenza do resto que só moían con unha e incluíndo, na mesma edificación, a vivenda onde se aloxaban o muiñeiro e a súa familia. Estes muíños coñécense tamén como “muíños de maquía”, en referencia á porcentaxe de fariña moída coa que se quedaba o muiñeiro como cobro dos servizos de moenda, nome que lle vén, así mesmo, das pezas en madeira empregadas para medir dita porción.

      Os muíños de parceiros funcionaban mediante un sistema de roldas. Os veciños distribuían o servizo da moenda de tal forma que algúns beneficiábanse de media rolda -equivalente a medio día- e outros dunha rolda enteira -día e noite-.

      Practicamente todos os muíños presentan gravadas, nas pedras derredor da porta de acceso,  iniciais que facían referencia aos nomes dos propietarios ou aos canteiros que traballaran na súa construción. Tamén aparecen, en moitos casos, cruces ou símbolos que a igrexa católica utilizou durante séculos para combater aquelas crenzas precristiás arraigadas no entorno, moitas delas asociadas a cultos aos elementos da natureza. Os muíños era lugares que pola súa situación estaban moi vinculados á auga e, ao igual que ocorre nas fontes ou charcas, existen multitude de lendas populares que lles atribúen certo sentido máxico. En moitas ocasións, son lugares escollidos  para morada de seres mitolóxicos como son as meigas.

      Ademais, pola súa situación en espazos a miúdo afastados dos núcleos habitados e non sempre de doado acceso, e polo sistema de roldas que levaba a ter que moer de noite coa única luz que daba a lúa, algunha candea, ou o lume que dentro deles ás veces se prendía, son lugares propicios para a aparición de seres presentes no subconsciente colectivo da comunidade veciñal. A miúdo, implicaban referencias ao concepto do mal, do pecado, sexa en forma de bruxas, demos, malos espíritos, visións, ou almas do purgatorio que vagan agardando redimirse.

      A esta idea de pecado, implícita na moral católica e tan arraigada na cultura popular, ían tamén asociadas todas aquelas actividades de lecer que  xurdían espontáneas derredor do traballo de moer e que implicaban sociabilidade, como tamén todos aqueles momentos nos que se pasaba o tempo agardando a rolda ou a moenda, e na que os veciños que compartían o muíño aproveitaban para establecer diferentes tipos de relacións sociais. Así o recollen infinidade de cantigas populares, as que seguen a continuación constitúen un bo exemplo:

“(…)O muiño non é muiño/que é a capela dos ratos,
donde se daban os bicos/e mail’os moitos abrazos.(…)”

“(…)Unha noite no muiño,/unha noite non é nada.
Unha semaniña enteira/iso si que é muiñada.(…)”

“(…)Unha noite no muíño/outra na pedra do lar
esta vida queridiño/eu non cha podo levar.(…)”

“(…)Fun á taberna do meu compadre,/fun polo vento e vin polo aire:
e como é cousa de encantamento/fun polo aire e vin polo vento.(…)”

MUÍÑOS EXISTENTES XA NO ANO 1753.

      O muíño de Penelas, propiedade por aquel entón na súa maior parte de Domingo de Resttevada, veciño da parroquia, moía cunha roda e auga corrente dous meses ao ano e tiña o seu produto regulado en 20 reales de vellón, actualmente consérvase pero con transformacións significativas. A canle foi substituída por unha balsa de almacenaxe da auga, o que permite un maior aproveitamento da súa forza e cantidade. A última actuación sobre del levouse a cabo na posguerra e ata fai poucos anos aínda moía para o gando, pese a que eran poucos os veciños que facían uso del.

      O muíño de Braínlle, hoxe coñecido como do “muíño do Polo” en referencia á familia que o habita, é outro dos que aínda moe na actualidade coas dúas rodas que xa posuía por aquel entón. Correspondía no 1753 a don Pedro Pardo de Viveiro e o produto que cada pedra transformaba regulábase en 220 reales de vellón, sendo así o máis caro dos muíños da parroquia. Conta cunha presa de grandes dimensións, que recorda a outras existentes no mesmo río de semellantes características como é a do muíño do Rañego, situado noutra das parroquias do concello de Vilalba. O muíño de Braínlle hoxe atópase en proceso de restauración.

 

 

MUÍÑO DE BRAINLLE. O GRAO CAENDO DA MOEGA NAS MOAS DE MOER. 

 

      O muíño de Porto Río pertencente por aquel entón a Vicente de Outeiro, veciño da parroquia, aínda existe na actualidade; mesmo en estado de abandono, segue a ser un muíño de canle dunha soa roda. A auga canalizada acumúlase nunha balsa existente ao carón da construción, nun alto do terreo, para logo baixar con maior forza cara o rodicio. No 1753 moía dous meses ao ano e o produto que del saía regulábase en 20 reales de vellón. Hoxe en día é un muíño pequeno que segue a tónica estética dominante nos muíños da zona: muros de cachotería granítica e tellado a dúas augas en lousa do país.

      O Muíño Novo, hoxe “muíño do Pazo”, pertencía en tempos do Marqués da Ensenada a don Francisco Suares, veciño de Cabanas, moía seis meses ao ano por 100 reales de vellón; era un muíño de canle dunha soa roda. Hoxe en día, aínda que xa non moe, segue a manter a mesma estrutura.

      No actualmente chamado lugar das Cañotas, érguese en cachotería de granito e con lousado a dúas augas o muíño de Caldas, que por aquel entón moía seis meses ao ano por 33 reales de vellón; pertencía a don Juan Saavedra de San Andrés de Bendía. Na actualidade, aínda que ruinoso, mantense en pé; unha brecha nun dos muros laterais evidencia o seu estado.

      O Muíño do Queimado era propiedade naquel tempo de Lucas de Orosa, da parroquia de San Andrés de Lousada; coas mesmas características que os anteriores moía catro meses ao ano e establecíase o prezo do seu produto en 60 reales de vellón. Hai xa oito anos aproximadamente que non se moe nel e o seu estado ruinoso faise cada vez máis patente. Conta a lenda como un mozo do lugar atopou a súa compañeira neste muíño con outro rapaz nunha noite de muiñada. Tantos celos sentiu que decidiu plantarlles lume quedándolle así o nome de Muíño do Queimado.

      Seguindo río arriba, o muíño que atopamos é coñecido hoxe en día como “muíño de Ferreira”, Ponte Moiño no catastro do Marqués da Ensenada. De similares características formais respecto ao muíño do Queimado, presenta lareira interior nunha das paredes laterais. Pertencía en 1750 a don Diego da Raña, habitante da veciña parroquia de Santiago de Goiriz; tiña o prezo do seu produto regulado en 40 reales de vellón.

 

 

MUÍÑO DE PORTO RÍO. VISTA EXTERIOR.

 

      Aparecen constatados tamén, nos anos cincuenta dese século XVIII, dous muíños en Ladrela, dos que aínda temos constancia hoxe en día a pesar do seu avanzado estado de ruína. Moían durante dous meses ao ano e regulaban cadanseu produto en 20 reales de vellón. Un deles correspondía a don Franzisco Rouco, crego da parroquia de Vilapedre, e o segundo pertencía a Don Carlos Montenegro de San Pedro de Vegonte.

      O muíño do Pedrouzo foi no século XVIII propiedade de Luís da Balsa, veciño de Lanzós, e moía dous meses ao ano por 20 reales de vellón. Hoxe atópase en estado de avanzada ruína. As características construtivas son semellantes ás dos resto de muíños de canle da parroquia, dunha soa roda e co lousado a dúas augas.

      O Muíño Vello era propiedade no 1750 de don Joseph Serantes, veciño de Santa Eulalia de Fanoi e, ao igual que os anteriores, moía dous meses ao ano, establecendo o seu produto en 20 reales de vellón; supoñemos que se tráta do muíño actualmente coñecido como do “Pazo Vello” que presenta un estado completamente ruinoso.

MUÍÑOS EXISTENTES NO 1753 HOXE DESAPARECIDOS.

      Neste catastro do 1753 fálase da existencia de tres muíños máis, dos que na actualidade non temos constancia debido, nalgún caso, ao infalible paso do tempo e, noutros, á acción destrutiva do home. Trátase dos muíños de Fernan da Reis, do Freijo e de Villagundriz.

      O primeiro deles xa non moía no 1753, constatándose xa naqueles anos o seu estado ruinoso; pertencía a Juan Tenreiro e moía  dous meses no ano por vinte reais. Na actualidade non queda rastro algún da súa presenza e nin sequera os veciños máis vellos acordan falar del.

      O muíño do Freijo pertencía no 1753 a Lois do Pico, veciño de Vilapedre, e o prezo do seu produto estaba en cen reais. Tratábase, segundo as testemuñas dalgúns veciños que o acordan,  dun pequeno muíño construído en cachotería de granito cun lousado a dúas augas. Interiormente presentaba a pedra de moer ao aire, sen hucha para a fariña. Ao estilo dos muíños máis vellos, o gran xa moído caía directamente no chan e varríase cunha xesta para logo metelo no saco. Na actualidade non queda nin a base da edificación, só podemos decatarnos da súa existencia ao observar no terreo a canle que desviaba a auga do río cara o muíño, para o que foi preciso facer un gran traballo de limpeza de toda a maleza alí existente. A súa desaparición coincide coa data de construción da estrada que cruza o río pola  ponte que recibe o mesmo nome, a Ponte do Freixo. Só os veciños máis vellos acordan este muíño e, polo tanto, tamén a construción da estrada. Anteriormente a esta data existía unha pontella que permitía cruzar o río. Grazas á testemuña dunha das poucas veciñas do lugar que o recordan, sabemos que as súas pedras atópanse debaixo da ponte, ao seren utilizadas como firme para facer a base da estrada. Lamentablemente non é este un caso illado.

      O muíño de Vilagondriz moía no 1753 dous meses no ano por 20 reais e pertencía a Don Carlos Montenegro, veciño de Begonte. Presenta unha traxectoria similar ao do Freijo, pois aproveitouse tamén como firme para construír a base da pista que une os barrios de Ferreira e Moreda. O único que queda del é a canle de pedra que levaba a auga do rairo cara o rodicio; esta peza podíase contemplar fai uns anos, tirada nunha camposa, xusto ao carón da pista, a bastante distancia do lugar onde se atopaba o muíño. 

MUÍÑOS ACTUAIS DOS QUE NON TEMOS CONSTANCIA NO 1753.

      Por último, cabe facer referencia a aqueles muíños dos que, aínda que non constan neste catastro de 1753, si podemos constatar a súa existencia na actualidade, mesmo se todos eles están ameazados por un avanzado estado de abandono ou ruína

      Os muíños do “Horacio”, nome polo que se coñecen no lugar e que lle ven dado por un antigo propietario que precisamente morreu afogado no mesmo rairo do muíño, é o segundo caso de muíño-vivenda que aparece na parroquia. Contrariamente ao que o seu nome indica, trátase dun só muíño de canle, sinxelo, mais con dúas rodas, motivo este polo que se coñece como “Ós Muíños”. Érguese xusto ao carón da casa onde vivía o muiñeiro.

      Os muíños do Caneiro, do Sixto, do Nasete e da Santa Eufemia, presentan unhas dimensións e conformación parecida, ao estilo dos muíños da zona. Son os cinco muíños de canle, dunha soa roda, de reducidas dimensións e coa tradicional estética exterior de muros de cachotería de granito e teito en lousa do país a dúas augas. Os muíños do Sixto e da Santa Eufemia reciben o nome do lugar no que se asentan, o do Caneiro posiblemente puidera facer referencia á canle dalgunha presa próxima, na que se colocaban redes para pescar.

      Dado que descoñecemos a situación exacta do muíño de Fernanda Reis, identificado con este nome no Catastro da Ensenada, puidera tratarse de calquera destes catro últimos muíños aos que vimos de referirnos. Mais este feito non está constatado.

PRESENTE E FUTURO DOS MUÍÑOS.

      De todos os muíños existentes na parroquia ningún deles ten na actualidade usos diferentes aos de antano e tampouco manteñen aqueles usos para os que foron concibidos. Xa non moen, nin sequera para o gando e, na súa meirande parte, o seu estado é ruinoso. Só os “muíños do Polo” e “do Horacio” seguen a manter unha conservación aceptable, dado que son os dous únicos muíños vivenda existentes na parroquia e seguen a estar habitados, circunstancia clave, esta última, á hora de atender á súa conservación. Ademais, ao carón do “muíño do Polo”, de Braínlle no Catastro da Ensenada, discorre o paseo fluvial que se está a amañar ás beiras do río Magdalena, o que contribuíu a facilitar o coñecemento do mesmo. No entorno do muíño existe un caneiro, que fai do lugar un espazo fluvial amplo onde amainan as augas do río. Os “muíños do Horacio” foron rehabilitados polo seu novo propietario e, na actualidade, tamén funcionan como vivenda.

 

 

CRUZ NA PEDRA

 

     Alén destes dous casos excepcionais, que coinciden cos dous únicos muíños-vivenda existentes na parroquia, o resto  vanse arruinando co paso do tempo e non parece que existan plans de recuperación para eles, dado que perderon tamén a súa razón de ser orixinal. Ou se recuperan para novos usos ou estas edificacións tradicionais non parece que teñan, a curto prazo, un futuro moi esperanzador. O rural perde habitantes e os poucos que quedan xa non precisan destes vellos muíños, polo que as  súas estruturas pétreas morren con ese mundo tradicional que as veu nacer.

      Muíños hainos a centos espallados pola xeografía e, exceptuando algunha minoría que  se restaura para novos usos, conxuntos etnográficos, rutas, usos turísticos ou encamiñados a proxectos de interpretación do patrimonio, a meirande parte pérdese no esquecemento. Existen algunhas comunidades que aínda seguen a empregar o vello muíño para moer para o gando, axudando así á súa conservación, máis na actualidade non é o caso de Lanzós, así como tampouco coñecemos a existencia de batáns nin das pequenas plantas de luz existentes nalgunhas parroquias veciñas, outros xeitos de empregar a enerxía que proporcionaba a forza da auga e que tamén requirían edificacións similares. 

      Como ben di o refrán: “auga pasada non move muíño”, e os muíños quedaron calados, contemplando pasar a auga e os tempos con ela; mais seguimos coa esperanza de que veña a auga nova e fresca que os faga revivir, cando menos a algún deles, mesmo con outros usos, para que así as xeracións vindeiras poidan ter constancia da súa existencia.

BIBLIOGRAFÍA

-Catastro da Ensenada. Arquivo da Deputación Provincial de Lugo.

-Bas, B.: As construcións populares: un tema de etnografía de Galicia. Cadernos do Seminario de Sargadelos, 44, 1983.

-Mariño Ferro, X.R.: Antropoloxía de Galicia. Edicións Xerais de Galicia, 2000.

    

ILUSTRACCIÓNS. 

 

 

                     CADRO DOS MUÍÑOS DE LANZÓS SEGUNDO O CATASTRO DA ENSENADA

 

 

 

MUÍÑO DE BRAINLLE. O GRAO CAENDO DA MOEGA NAS MOAS DE MOER. 

 

 

                                                  MUÍÑO DE BRAINLLE. O SEU INTERIOR.

 

 

     

      MUÍÑO DE BRAINLLE. O RODICIO

 

 

MUÍÑO DE BRAINLLE. PEDRAS DE MOER.

 

 

 

MUÍÑO DO CANEIRO. VISTA EXTERIOR

 

 

MUÍÑO DO CANEIRO. CRUZ NA PEDRA.

 

 

MUÍÑO DE PORTO RÍO. VISTA EXTERIOR.

 

 

 

MUÍÑO PORTO RÍO. VISTA INTERIOR.

 

 

 

MÍÑO DE PORTO RÍO. LUGAR ONDE SE ATOPA O RODICIO.

 

 

 

MUÍÑO DOPAZO

 

 

 

 

 

 

Ir arriba