XESÚS ANTONIO GULÍAS LAMAS. O CASTELO DO PICO SAGRO.

   

         O CASTELO DO PICO SAGRO (BOQUEIXÓN) (A CORUÑA).

         As pedras perdidas dunha fortaleza da Mitra Compostelá.

                 XESÚS ANTONIO GULÍAS LAMAS.

            Revista de Investigación “ETNOGRAFIA”,  nº3, 2011. I.S.S.N. 1989 – 8541.

            Web, http://mesondoforno.com.

 

   INTRODUCIÓN

   Despois da segunda desfeita dos Irmandiños, sendo Arcebispo de Santiago D. Alonso II de Fonseca e Acevedo, Patriarca de Alexandría, todas as fortalezas pertencentes á Mitra compostelá, quedaron seriamente destruídas. Nesta desfeita e ataque contra estas fortalezas, non tiveron parte só os Irmandiños. Nalgunha ocasión, e por outros motivos ben distintos, como foi o caso do castelo de Castrizán, participaron exclusivamente as tropas da nobleza, concretamente, no que nos acabamos de referir, as de D. Pedro Álvarez Soutomaior.

 

A CAPELA DO SAN SEBASTIÁN NO PICO SAGRO (BOQUEIXÓN) (A CORUÑA).

 

   Unha vez apaciaguados os ánimos, tanto a nobleza por unha parte, como a igrexa de Santiago pola súa, tentaron de reconstruir a maioría das fortalezas derruidas. Posiblemente por falta de medios económicos, as reconstrucións das fortalezas da Mitra fixéronse, na maior parte dos casos, moi mal. Non sucedeu o mesmos coas da nobleza, xa que os señores feudais, obrigaron, na maior parte dos casos, a reconstruir os seus castelos, ós mesmos que os desfixeran, unha vez derrotados e sometidos.

   Ata o ano 1524, ninguién lle puxera reparos a este tipo de reconstrucións que se fixeran nas fortalezas da Mitra compostelá, nin ás que se fixeran de novo, como é o caso da do Pico Sacro, como teremos oportunidade de constatar, á luz do que nos irán dicindo as testemuñas ó longo das actas do proceso. Nese ano, concretamente, o 26 de abril, tomaba posisión da sé toledá D. Alonso de Fonseca e Ulloa, fillo de Dona María de Ulloa e de D. Alonso de Fonseca II, que fora tamén, Patriarca de Alexandría, deixando vacante a mitra de Santiago que foi ocupada por D. Xoán Tabera, o 12 de outubro de ese mesmo ano. Dous meses máis tarde, concretamente o 26 de decembro, tibo lugar unha reunión entre ambos prelados, onde Tabera lle reclamou a Fonseca que reedificase  as fortalezas que foran destruídas nos tempos do Patricarca de Alexandría e que pertencían á Mitra compostelá. Fonseca negouse a esta esixencia, xa que dicía que as referidas fortalezas non sufriran ningún deterioro durante o seu pontificado “incluso las dejé mejor reparadas e adereçadas que estaban al tiempo que yo la reçibí”. Como non foron capaces de poñerse de acordo, ambos pensaron que sería mellor poñer o caso  nas mans de dous “xuices árbitros”, que recibiran toda clase de inforacións e probas para que ó final, determinaran a quen lle correspondía facer todo este tipo de arranxos. Déronse un plazo de catro meses e acordaron xuntarse, dous días por semana, na  catedral onde residira a corte.

   Fonseca, nomeou xuiz árbitro ó Licenciado D. Simón Rodríguez e Tabera, ó Dr. Bernal. Nomeouse tamén, ó Lic. Santiago, pertencente ó Consello do Reino, como terceiro xuiz árbitro en discordia. Para a parte técnica e para o axame de todos os danos acaecidos nas fortalezas, Tabera designou ó Bacharel Pedro de Muros e a Xoán Gil, o Mozo, canteiro, residente na cidade de Salamanca. Pola súa parte, o arcebispo de Toledo, nomeou para este finalidade a D. Xoaquín Auñón e a Xoán de Álava, canteiro e mestre da obra que se estaba a facer no claustro da catedral de Compostela. O acordo entre ambos arcebispos, levouse a cabo, diante do escribán de Toledo, D. Álvaro Pérez de Luaces.

   Postos todos os preábulos e aceptados os nomeamentos, o día 2 de xaneiro de 1526, o Lic. Simón Rodríguez, procurador de Tabera, pediu a execución do compromiso e os xuices, sinalaron como lugar de reunión, como xa se tiña acordado, o claustro da catedral de Toledo, os martes e xoves de cada semana, de tres a catro da tarde, empezando ese mesmo día da petición, por cadrar en martes.

   Na súa demanda, o representante de Tabera dixo que fora nos tempos do Patriarca de Alexandría, cando este fora Arcebispo de Santiago, “se caieran  e deterioraran muchas fortalezas e casas fuertes de la dicha Santa Iglesia de Santiago, así en el reyno de Galicia como en Castilla e otras fueran derribadas y deterioradas por ciertas personas hespecialmente se caieron  e deterioraron e fueron derribadas e aportilladas por las dichas personas las casas y fortalezas que se declaran en la prosecución y probanza desta causa y las que se caieron e empeoraron fue por causa e culpa del dicho Señor Patriarca…, por no haberlas reparado a tiempo, pues era poseedor dellas  y administrador de la Iglesia, y hera a ello obligado de las rentas de dicha Iglesia que bastaban para mucho…; de no facerlo, fue culpable por  negligencia manifiesta, asi mismo, por no pedir e demandar e perseguir a los que las derribaron… y por omitir e dejar de fazer  lo uno y lo otro, fuese obligado a pagar a la dicha Iglesia todo el daño que en causa fecho e olvido e negligencia vino a la Iglesia…” tamén se culpou de seguido ó actual Arcebispo de Toledo “que desde el año mil quinientos y seis fue promovido a la sede de Compostela, en el qual tiempo  no solamente no pidió al dicho señor Arzobispo, su predecesor,  el daño que por su culpa y negligencia e omisión recibió la Iglesia, lo qual era obligado a fazer y a proponer e a proseguir en juicio los derechos e acciones competentes  a la dicha Santa Iglesia y a no dejar sus negocios e derechos indefensos e asi contra el dicho señor arzobispo, su predecesor en su vida, como después contra las otras personas tenedoras de sus bienes”. Por todo o dito, o representante de Tabera rematou o seu discurso pedindo para o señor Arcebispo de Toledo, polos danos e deterioros que recibira a Igrexa de Santiago que “pague e satisfaga diez mil quentos de maravedis, que a justa moderación… se deben por los derrocamientos, daños e menoscabos e culpas e omisiones fechas por su señoría reverendísima e por su predecesor, que lo uno e lo otro, es a su cargo”. (1)

   A resposta de Fonseca por medio do seu procurador  Francisco Osorio foi contundente. Así, o día 9 afirmaba que non podía admirse a demanda “pues su parte no estaba obligada a cosa alguna porque  en tiempos del Rmo. Sr. Patriarca las fortalezas e casas fuertes e todas las otras cosas e posesiones de la dicha Iglesia de Santiago fueron muy bien tratadas e amparadas y muchas de ellas hedificadas, gastando en algunas dellas muchas cuantía de maravedís mas de los que el Rmo. Sr. Patriarca e el dicho mi parte pudieran ser obligados e otras se hicieron nuevas sin tener para ello obligación… por manera que el dicho señor Arzobispo no fue ni es tenido ni obligado a cosa aguna de lo contenido en dicha demanda e si es necesario, niego la dicha demanda según que en ella se contiene con animo de la contestar”. (2)

   O 11 de xaneira, Tabera de novo, voltaba á carga e pedía que o Arcebispo de Toledo fora condenado a pagar os danos que recibiran as fortalezas, presentando un memorial de todas as fortalezas que pudieran aparecer durante o proceso. Este é o “Memorial de las fortalezas y casas llanas del arzobispado de Santiago que hestan agora en pie e parte dellas caidas e destroçadas  e otras mal reparadas. El castillo de Lobera. El castillo de Jallas. El castillo de Grobas. El castillo de Pico Sagro o Monte Sagro. La fortaleza de Otes. La fortaleza de Barrera. La fortaleza de Mesía. El castillo de Castro de Montes. La fortaleza de Rodero. El Tapal de Noya. La torre de Caldas. La Iglesia de Santiago e las torres de la plaça e carçel. La torre de la villa de Muros. Las torres de la villa de Pontevedra. Las torres de la villa de Padrón. La fortaleza de Bilbestre. La casa del lugar de Muelas. Las fortalezas que están de todo punto derrocadas: El castillo do Este. El castillo de Rocafuerte. El castillo de Melliz. La Rocha de Padrón. Casa fuerte e de plas. La casa o palacios arzobispales de Santiago”. (3)

(1) Rodríguez González, A. Las Fortalezas de la Mitra Compostelana y los Irmandiños. Introducción. páxs. I-VI.
(2) O. C. Introducción. páx. VI
(3) Barreiro de V. V. Bernardo. Pleito de 1526, entre los arzobispos de Santiago y Toledo D. Juan Tabera y D. Alonso de Fonseca sobre la ruina de los castillos y casas fuertes del señorío Compostelano. pax. 343.

   AS DECALARACIÓNS DAS TESTEMUÑAS SOBRE O CASTELO DO PICO SAGRO

   Para este pequeno traballo empregaremos case exclusivamente os documentos que nos deixou o proceso coñecido como  “PleitoTabera-Fonseca”. Esta obra está contida nos legados 46 e 47 que se poden consultar no Arquivo Diocesán de Santiago e figuran no Fondo Xeral con esta lenda: “Testimonio de Probanzas sobre el estado y reedifiación de las fortalezas de la Dignidad Arzobispal, 1526” e “Probanzas, tasas periciales y concordia entre el prelado Sr. Tabera y su anterior, Sr. Fonseca, sobre la reparación de dichas fortalezas. 1526”. Toda esta documentación foi transcrita por D. Angeles Rodríguez González, editada pola fundación Pedro Barrié de la Maza e preparada polo Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos  e leva por título: “Las fortalezas de la Mitra Compostelana y los Irmandiños”, I e II tomo.

 

ROCHAS DO PICO SAGRO (BOQUEIXÓN) (A CORUÑA)

 

   O Procuarador do Arcebispo de Santiago preparou 22 preguntas que formaron a primeira parte do corpo do interrogatorio. Concretamente na segunda pregunta do seu interrogatorio, facíaselle a todos e a cada unha das testemuñas a seguinte pregunta: “se sabían ou tiñan coñecemento das fortalezas e casas chans do arcebispo de Santiago, especialmente das seguintes: o castelo de Lobeira, o castelo de Xallas, o de Grobas, o de Monte Sacro, a fortaleza de Rodeiro, o Tapal de Noia, a torre de Caldas, as igrexas de Santiago, a torre da cárcere pública na praza da igrexa, a torre da vila de Muros, as torres da vila de Pontevedra, as torres da vila de Padrón, a fortaleza de Bilvestre, a casa do lugar de Muelas. Digan e declaren as testemuñas de qué fortalezas e casas teñen noticias e (fol 22 vº) como a teñen e qué edificio e de que calidade é o das devanditas fortalezas. (pax. 17)

   Pola súa parte, o Dr. Pedro de Cisneros, procurador do arcebispo de Toledo, na vila de Pontevedra, diante dos Licenciados Xoán de Mohedano  e Simón Rodríguez, presentou o seu interrogatorio que contiña 32 pregunta. Este interrogatorio fíxose diante dos escribáns Asençio Fernández e Alonso Rodríguez de Silva. A pregunta 14 do seu interrogatorio é a que fai alusión á fortaleza do Pico Sacro no seguintes términos:  “Se saben que a fortaleza de Pico Sacro é e foi feita coa pedra da Rocha Forte (fol 33 vº) que trouxeron e carrexaron os vasalos e veciños da comarca á súa costa e misión e con moito traballo e dificultade por estar o Pico Sacro e ser o máis agreste monte e pena máis grande deste reino, a onde non poden subir nin carros nin bestas e que a referida torre non pode servir nin se aproveita máis que para atalaia porque nela non pode estar ningunha xente de a cabalo nin caber máis de dez ou doce homes de a pé e non poden vivir nin residir nela, polos moitos perigros que corren e polos continuos raios que caen nela  polo que hai moito tempo que non adoita vivir alí nin alcalde nin meiriño nin outra persoa nesa torre. Por outra parte non poden vivir alí peóns que a defendan nin servan de proveito para os que traen provisións ata a cidade de Santiago polas pontes e camiños  que hai á beira e a par do Pico Sacro, nin atacar ós inimigos da igrexa porque ó baixar dese monte tan alto (fol. 34)  serían vistos e atacados polos mesmos contrarios ó intentar defender ós camiñantes  e pasaxeiros que por alí pasan. Porque sempre foi a Fortaleza da Barreira quen adoitaba asegurar e defender as pontes e camiños, e xulgar e castigar ós malfeitores. Asi mesmo, todo o mundo sabe, que a torre do Pico Sacro e o edificio que hai alí, non vale máis de  douscentos ou trescentos ducados porque a pedra, tróuxose da referida Rocha Forte. Digan e declaren todo o que saiban dela”. (paxs. 25-26). Dá a impresión que, con esta pregunta, o Dr. Pedro de Cisneros, tenta de algún xeito, dirixir ás testemuñas cara ós interes do Arcebispo de Toledo.

   COMO ERA O CASTELO DO PICO SAGRO OU MONTE SAGRO ?

   Tratarei neste traballo, sempre de man das testemuñas que se presentan no proceso, de coñecer co maior luxo de detalles de como era a fortaleza do Pico Sacro; quen a mandou construir e por que se foi deteriorando. Para este traballo seguirei ó pé da letra as declaracións que fagan as testemuñas, tanto dunha parte coma da outra, xa que todos os detalles que elas digan, poden e deben sar válidos para a realización das conclusións deste pequeno traballo.

   A primeira testemuña que fala do Pico Sacro é o clérigo de San Martiño de Grobes, de 85 anos que se lembra de 70 anos a esta parte e que di que “viu como o señor Patriarca fixo a casa e fortaleza de Monte Sacro de novo, de pedra que se levou da fortaleza da Rocha Forte”. (pax. 45)

   Tamén Pedro Vázquez, veciño de Melide, “oiu falar da fortaleza de Pico Sacro, pero non sabe se a pedra desta fortaleza de Monte Sagro procedía da Rocha ou non, nin que proveito puidera ter agora esta fortaleza”. (páx. 133)

   Xoán de Silva, labrego, veciño da freguesía de San Mamede de Ribadulla, di que “viu levar a pedra da Rocha Forte para facer o castelo do Pico Sagro, e que lla fixera levar o señor Patriarca ós veciños da comarca da Rocha e doutros lugares, ó seu pesar e viu como morreran algúns bois cando levaban as pedras da Rocha ó Pico Sagro pola gran altura e costa e penas que ten e por non ter ningunha entrada nin subida para os carros nin para as bestas e nin siquera agora, as ten. E que a torre do Pico Sagro non é boa, senón que sirve unicamente como atalaia e nunca tivo ningún proveito nin o ten agora para a igrexa de Santiago nin para os seus vasalos, porque nela non pode vivir ningunha persoa por culpa dos raios e tronos que caen nela. Ademais, non hai onde ter un cabalo nin cabe nela ningún home de a cabalo, xa que non cabían nela, máis de dez peóns de a pé. E se alguén quixera facer algúnha maldade nos arredores do Pico Sagro, antes de que pudiera ser socorrido polos do Pico Sagro e pola xente que nel houbera, podían os de abaixo, tirarlles a eles, antes de que aqueles baixaran. E que os de baixo, querendo, matarían a vinte de arriba, antes de que baixaran. Ademais, nos camiños que hai arredor do Pico Sagro, non se adoita roubar nin hai malfeitores, porque a xente estaba máis segura pola fortaleza da Barreira, da Rocha Forte e de Cira, que está tamén alí cerca. Esta testemuña viu, cos seus propios ollos, como a un peón e a un cabalo que estaban dentro do Pico Sagro, os mataran cunha “pedra de acha”. (refírese á forza do raio, que é capaz de rachar unha árbore) Esta testemuña viunos mortos e ademais sabe, que moitas veces caen raios e “pedras de acha” sobre a torre que a rachan e fenden e as veces, saltan pedras por moitas partes por culpa dos raios. Por iso, nunca viu que houbese alí máis de un cabalo despois de que o Pico Sagro se refixera porque non caben máis. Esta testemuña di que xura que todo isto é verdade porque estivo nel moitas veces e vive ó pé do Pico Sagro, a media legua, costa arriba, porque polo chan, non chega nin a ela”. (refírese á distancia) (pax. 180)

   O clérigo Gonzalo García de Baamonde, veciño de Santa Baia de Codeso di “que a torre do Pico Sagro se fixo con pedra da Rocha Forte e que lla viu levar en carretos ós vasalos do arcebispo e ós veciños da comarca dos arredores de Santiago, e que lla facían levar ‘a su pesar e a sus costas e misiones’ porque a testemuña via, que eles se quixaban, porque se mataban os seus bois ó subir a pedra ó Monte Sagro por ser un monte moi alto e non ter ningunha entrada para o carro nin para as bestas, porque onde está a torre, é todo un penedo…, e que a torre sirve de pouco proveito e que é ó seu parecer, un lugar de pouco proveito para as granxa porque nela, non pode estar xente de a cabalo nin pode caber dentro máis de dez ou doce homes de a pé e que non pode residir nela un alcalde por causa dos raios que nela caen…, porque esta testemuña viu que nesta torre, estaba un peón queimado que era un peón do meiriño da torre e que o matara un raio que caera na torre. Tamén di a testemuña, que no tempo do señor Patriarca, fixo a torreo de Pico Sagro e fíxoa pola enemistade que tiña con Lope Sánchez de Moscoso, conde de Altamira e por guerrear alí con el. Isto é o que sabe e dío baixo xuramento”. (páx. 185)

   Xoán Colmeiro, labrego e veciño da parroquia de Santa Baia de Pardemarín, testemuña presentada polo arcebispo de Santiago, dixo que “oiu decir que a torre de Monte Sagro se fixo con pedras da Rocha Forte de Santiago. Tamén oiu dicir que cando facían os carretos, morrían moitos bois cando chegabann coa pedra ó Monte Sagro porque este monte ten as piores entradas para os carretos por ser moi empinado e alto. Asi mesmo oiu dicir que os cabaleiros quixeron levantar o Pico Sagro para pelexar dende alí co señor Patriarca, antes de que o señor Patriarca o pudiera levantar e o levantara. Dixo ademais, que non pode caber dentro del xente de a cabalo, nin de a pé, máis de dez ou doce homes. Di tamén a testemuña que viu vivir no Pico Sagro a un tal Diego de Castro Meira, que o posuía por mandato do rei nos tempos de don Fernando de Acuña, gobernador que foi deste Reino, cando tomou as fortalezas do Reino, por orde do Rei. Dende aquela, non viu nesta fortaleza ningún alcaide nin meiriño, porque nela caen raios que petan contra ela e que nos tempos en que se fixo o Pico Sagro, que era nos tempos das guerras, o señorío do Pico Sagro comprendía dende Maçarelas ata as mesmas portas da vila e ata a Ponte Sarandón, pois mandaba en todo iso. Despois chegou a xustiza  e o Gobernador deste Reino e despois cada un, quedouse co que tiña. Finalmente oiu dicir que de meiriño da torre estaba un peón que pechaba as súas portas, pero non sabe se dormía nela ou non”. (páx. 190)

   Pedro Brión, veciño de San Vicente do Grove e testemuña do Arcebispo de Santiago, declara que “viu como levaban a pedra para facer a fortaleza e a torre de Monte Sagro e que esa pedra saira da fortaleza da Rocha Forte de Santiago. Levábana carreteiros e dicían que eran do “Girio” de Santiago. O que non sabe e se a levaban a súa costa, aínda que a testemuña, oíulle dicir a algúns veciños da comarca dos arredores da torre do Monte Sagro, que non podían vivir dentro dela os meiriños porque era unha casa cativa, e que vivían os meiriños por debaixo da referida torre porque caían moitos raios na torre”. (páx. 213)

   Xoán de Betanzo, crego e veciño do Morrazo di “que o Señor Patriarca, mandou e fixo de novo, entre outras, a fortaleza de Monte Sagro, con pedra da Rocha Forte como a fortaleza máis necesaria e convinte para a defensa e ‘conservación’ dos veciños e do estado da Santa Igrexa … que a referida Rocha Forte, por estar como está a Fortaleza do Monte Sagro entre as pontes do Ulla, de Ledesma, de Sarandón e Vea, por onde pasan e veñen a cidade de Santiago e a outras moitas vilas e lugares e terras do arcebispado  e a moior parte dos veciños e moradores, romeiros e peregrinos da cidade, dos lugares e terras, que se non fora a fortaleza do Pico Sagro, que lle da seguridade a estas pontes e lugares de paso e os que traen as provisións e alimentos especialmente (os libra) do roubo deles e doutros moitos, contrarios da Santa Igrexa de Santiago, especialmente do señor da fortaleza de Çira que se porían facilmente a quitar e a impoñer como é públio”. (pax. 267)

   Un dos personaxes que máis sabe deste tema é o chantre da catedral Compostela, Don Xoán de Melgarejo que “ten noticias e coñece as fortalezas da mitra, entre elas a fortaleza do Pico Sagro”. (pax. 286….) Fai unha descripción do que pasou nos tempos dos Irmandiños e saca a colación ós principias persoeiros da época, dando razóns de por que houbo tanta destrucción. Cando se refire a fortaleza do Picosacro di que “oiu dicir que a mandara facer porque lle parecía que era una cousa moi convinte para o seu arcebispado e para o seu estado máis ca ningunha das outras fortalezas que hai nel e que lle oira moitas veces xurar ó señor Patriarca, que a causa das guerra que tievera cos cabaleiros e que nunca fora arcebispo de Santiago “sino desde que fiziera aquella torre de Montesagro”. (pax. 288) Cando responde á pregunta 22ª di que “gastou por mandato do señor Arcebispo de Toledo na torre do Montesagro e tellar a torre, arranxar algunhas ameas que estaban caídas e ensolar os sobrados da casa e en facer cámaras e facer as escaleiras da torre e outras miudanzas das que agora non se lembra, máis de trinta e cinco mil marabedís”. (pax. 293)

 

     A FENDA DO PICO SAGRO (BOQUEIXÓN) (A CORUÑA)

 

   O coengo da catedral de Santiago don Xoaquín Auñón, coñece tamén as fortalezas da mitra de Compostela e di que” haberá coma cincuenta anos máis ou menso viu como o señor Patriarca fixera facer de novo o castelo de Montesagro e que se edificara con pedra procedente da fortaleza da Rocha Forte de Santiago e esta testemuña axudou a levar moitos carretos de pedra para ela e había outros moitos labregos que a levaban e que eran vasalos do señor Arcebispo e levaban os carretos sen recibir ningunha cousa e fixeron o castelo do Montesagro tal e como está agora… di tamén, que o castelo de Montesagro está entre os camiños que veñen das pontes do Ulla, de Ledesma, Sarandón e Vea, que son pontes e lugares por onde veñen e pasan moitas provisións e alimentos  para a cidade de Santiago. Di ademais a testemuña, que esta fortaleza de Montesagro é necesaria para os tempos de guerra para asegurar estes camiños e e as provisións da cidade de Santiago, pero nos tempos de paz, ó seu parecer, non ten proveito ningún”. (pax. 298)

     O ferreiro, Pedro de Vigo, veciño de Santiago di que a “torre e castelo do Montesagro, podería haber cuarenta anos máis ou menos que se mandara facer con pedra que estaba e que quedou da Rocha Forte de Santiago; e sabe esta testemuña que esta torre e castelo do Montesagro é moi proveitosa para a igrexa e o arcebispado de Santiago.  Está entre as pontes de Ledesma e da Ulla e Sarandón, que son camiños, lugares e pontes por onde pasan  e veñen para a cidade e arcebispado de Santiago moito viño e  as provisións necesarias; e ó ter, como sempre tivo, o arcebispo de Santiago por inimigo,  ó conde de Altamira, que é dono da fortaleza de Cira, deste xeito, o castelo de Monte Sagro e as fortaleza da Barreira xuntábanse a unha contra el, e así, aseguraban os camiños para deixar pasar as provisións e impuñan respeto sobre as terras do conde”. (pax. 302)

   O tamén veciño de Santiago, Gonzalo de Arçeu di que “o señor Patriarca fixo de novo a torre e castelo de Montesagro, tal e como está agora. Toda ela está labrada de cal e canto e cre que se fixo con pedra que foi da Rocha Forte de Santiago, e pensa esta testemuña que esta fortaleza de Montesagro, por estar onde está, entre os camiños das pontes de Ledesma e da Ulla, Sarandón e Vea, por onde pasan e veñen a cidade de Santiago e a outros lugares e terras do arcebispado, moito viño e outras provisións para os veciños e moradores da cidade, vilas e lugares do arcebispado e para os peregrinos do señor Santiago, sérvelle de moito máis proveito para o arcebispado de Santiago, que a fortaleza da Rocha Forte, onde se facían moitos males e non defendía  máis que o camiño de Padrón. Pero a fortaleza de Montesagro defende os camiños e pasos que veñen para esta cidade. Estes pasos e camiños podíanse quitar e os mandados que por eles veñen polos señores da fortaleza de Çira que está cerca das referidas pontas”. Paxa. 308-309)

   Rui Fernández o Vello dixo que “o señor Patriarca  fixera levantar de novo a fortaleza e castelo do Montesagro con pedra da Rocha Forte de Santiago, e di esta testemuña que ó seu parecer, a fortaleza do Montesagro está moi ben feita por ser a máis  necesaria e a mellor defensa para a cidade de Santiago”. (páx. 313)

   Xoán Pérez do Casal, veciño de San Xoán de Reasende di que “o señor Patriarca mandara facer a fortaleza e castelo do Montesagro coa pedra, ou polo menos, a maior parte dela, da Rocha Forte, porque esta testemuña, víuna sacar de alí , haberá arredor de cuarenta e cinco anos. Pensa tamén, que o mellor foi levantar e facer esta fortaleza e castelo de Montesagro, que non a da Rocha Forte porque está na fronteira de Cira que é do conde de Altamira e en tempos de guerra, para asegurar as terras do arcebispado de Santiago que están de cara aquel castelo e as terras que están cerca de Santiago. Ademais, o castelo de Montesagro está entre os camiños das pontes que van cara a cidade de Santiago, e por esas pontes chegan á cidade moito viño e  outras provisións polo que están seguros con este castelo” (páx. 318) Tamén Xoán Prateiro, veciño de Santiago, sabe que o castelo de Montesagro “levantouno de novo o señor Patriarca con pedra da fortaleza da Rocha Forte, e que levantara aquela fortaleza porque era necesaria para a defensa de Santiago” (pax. 322)

   O rexedor de Santiago, Pedro Siso viu como o señor Patriarca fixera levantar de novo a fortaleza de Montesagro con pedra da Rocha Forte e pensa que era máis convinte para a igrexa da Santiago e para o estado, a fortaleza de Montesagro que a da Rocha Forte por estar, como está,  en mellor comarca para a defensa do estado da igrexa de Santiago e desta cidade e comarca e por estar entre os camiños de Ponte Ulla e de Ledesma e Sarandón e Vea por onde entran os viños e outros moitos alimentos  e provisións necesarios para a cidade de Santiago e ó seu arcebispado; ademais por estar na fronteira coa casa e fortaleza de Cira que é do conde de Altamira, do que esta cidade e arcebispado,  tiña recibido algúns agravios en tempos de guerra. Por estes motivos, pensa a testemuña, que o señor Patriarca fixo a fortaleza de Montesagro para asegurar as pontes e o abastecemento que por elas chegan a cidade e ó arcebispado…Por iso, é moito máis  proveitosa a fortaleza de Montesagro que a da Rocha Forte”. (páx. 327)

   O labrego Xoán de Coria, veciño de Santa María de Laraño di que “habrá coma uns cincuenta e cinco anos máis ou menos, viu como a cidade de Santiago e as comarcas dos arredores se levantaran a voz da Irmandade… no nome de Don Enrique, que entón reinabanaba e por mandamento del…, e nomearan  alcaldes e cuadrilleiros…, estas xentes andaban en contra do arcebispo de Santiago, que daquela era o Patriarca, e contra outros cabaleiros e persoas principais e dicían que o rei mandaba derrocar as súas fortalezas porque nelas acollían a moitos ladróns e malfeitores, e porque a xente recibía deles moitas maldades e agravios…,  e di que atacaron a Rocha Forte de Santiago… e derracaron todas as fortalezas do Reino e non deixaron ningunha… e despois de que a Irmandade as derrocara, o señor Patriarca, fixera levantar de novo a fortaleza de Monte Sagro e que a fixera con pedra da Rocha Forte de Santiago…, e ó seu parecer, foi ben feita a fortaleza de Monte Sagro onde está, porque para os tempos de guerra, está entre os camiños que veñen das pontes, por onde chega moito viño e outros alimentos para a cidade de Santiago”. (páxs. 337-338)

   Alonso de Piñeiro, veciño de San Miguel de Cora, en terras de Vea, fai unha ampla exposición da Irmandade e di que “haberá arredor de cincuenta anos esta testemuña viu andar xente do común da cidade de Santiago, das terras dos arredores de Pontevedra e da ría de Arousa e de cara a Coruña e Betanzos…, serían coma dez ou doce mil homes, andaban armados e así xuntos, traían consigo alcaldes de irmandade e varas de xustiza e cuadrilleiros…, e dicían que se xuntaban contra os cabaleiros e as fortalezas e contra o arcebispo de Santiago e viunos ir contra as fortalezas…; e derrocaron todas as fortalezas que había en todo o reino de Galicia, dos prelados e dos cabaleiros, e non quedara ningunha, só a Pambre… Segue dicindo a testemuña, que eran alcaldes e cuadrilleiros da Irmandade, Fernan de Romai, Pedro Domínguez, Xoán Domínguez de Liñares e Xoán de Vinagre, que eran veciños da cidade de Santiago… Despois de que todo pasara, esta testemuña viu como o señor Patriarca levantara de novo a fortaleza e castelo de Montesagro e que a reedificara con pedra da Rocha Forte de Santiago e da torre de Gimonde que está á beira de Ponte Sarandón…., e por as pontes de Sarandón, Vea, Ponte Ulla e Ledesma chegan a esta cidade (Santiago) viño e outras cousas. Pensa tamén, que a fortaleza de Montesagro é de moito proveito para a defensa das terras de Ribadulla, porque a fortaleza de Cira e o seu señor,  trataban de someter todas estas terras…” (páxs. 341-342)

 

ROCHAS DO PICO SAGRO (BOQUEIXÓN) (A CORUÑA)

 

 Xoán de Ulla, veciño de Santiago, di que sendo novo “viu levantar ós cuadrilleiros e alcaldes que levaban varas de xustiza…, e polas terras chans de Ponte Ulla viu a Xoán Branco, pai desta testemuña, que era alcalda da Irmandade e a Rui de Sarandón, veciño de Sarandón, que eran labregos…; e na cidade de Santiago coñeceu a Xoán de Monreal, o Bello e a Xoán Da Beiga… e viunos cando derrocaban as fortalezas que era por voz e mandato do rei don Enrique…Tamén viu como o señor Patriarca levantaba de novo o castelo e fortaleza de Monte Sagro con pedras da Rocha Forte de Santiago e da torre de San Simón. Esta testemuña, como oficial de canteiro, labrou nela (no Picosacro) e engade a testemuña, que esta fortalza de Monte Sagro, está ben posta onde está, mellor que a fortaleza da Rocha Forte, porque a fortaleza de Monte Sagro está entre Santiago e a terra do conde de Altamira, a dúas leguas da cidade por onde pasa viño e outros alimentos coma pan e froita, que chegan a cidade de Santiago e a outras terras do arcebispado” (páxs. 349-350) Cando esta testemuña foi preguntado polo Licenciado Simón Rodríguez, que como oficial que era de cantería “axudou a desfacer os cimentos de algunhas torres para (edificar) Monte Sagro e para o fincapé da torre da igrexa” (refírese a de Santiago) (páx. 352)

   Tamén Xoán de Montaos, veciño da cidade de Santiago, declara que o señor Patriarca “mandou facer de novo a fortaleza de Montesagro con pedra da Rocha Forte…, ó parecer desta testemuña, e tamén sempre oiu dicir que a fortaleza de Monte Sagro era máis proveitosa e necesaria para a Santa Igrexa de Santiago, que a fortaleza da Rocha Forte, por estar entre as pontes e camiños indicados na pregunta, e por estar cerca da fortaleza de Cira que era inimiga da igrexa de Santiago, e se non fora por ela,  querería e tomaría as provisións de viño que chegaban por eses camiños…, e a fortaleza de Monte Sagro, aseguraba esta terra e non osaban recorrela nin asaltala os da fortaleza de Cira”. (páx. 355)

   Lopo de Queiçán, xastre e veciño de Santiago tamén se reafirma no proveitosa que era para a cidade de Santiago a fortaleza do Pico Saco porque “está situada entre os camiños que chegan a cidade de Santiago, dende as pontes de Ledesma, Ulla, Sanrandón e Vea, polas que chegan, tanto a esta cidade coma a outras partes do arcebispado, o viño e outros abastecementos…; e esta fortaleza, asegura os referidos abastecementos que chegan por eses camiños… porque antes, os inimigos da igrexa de Santiago e o señor de Cira, que está cerca deses camiños e os collían” (o viño e os abastecementos). (páx. 359-360)

   O coengo da catedral de Santiago Xoán de Mondragón fálanos de varios cuadrilleiros da Irmandade de Santiago e di que oiu falar de “Xoán Domínguez de Liñares, rexedor da cidade, que faleceu haberá uns doce ou quince anos, que era un cuadrilleiro que tiña mando; Albaro García Chantrero e Fernando de Ferreiros e outros, que esta testemuña coñeceu despois de que rematara a Irmandade e oiu decir que estes eran dos principais”. Engade, ademais que “o señor Patriarca fixo levantar a fortaleza de Montesagro e que todos os seus criados e servidores lle deron o consello de que a levantase, porque era cenesaria por culpa da foraleza de Cira que ten o conde de Altamira que non deixa pasar para esta cidade ningunha provisión, especialmente o viño que ven de Ourense e Ribadavia nin o pan de Monterroso e Deza, sen que os rescatasen os da fortaleza porque eran inimigos da Santa Igrexa de Santiago… E a fortaleza de Montesagro, en tempos de guerra é máis proveitosa para a cidade de Santiago que a fortaleza da Rocha Forte”. (páx. 364)

   O escudeiro Gonzalo de Cardeleiro, coñeceu moitas fortalezas, entre elas a de Monte Sagro, porque estivo alí moitas veces. Na súa decalración di que “viu feito o castelo de Monte Sagro, e que o mandara facer de novo o señor Patriarca, porque nunca alí houbera outra fortaleza e puxera nela por alcalde a un tal Fernan Rodríguez, rexedor da cidade de Santiago, e di a a testemuña que o castelo de Monte Sagro se fixo nos tempos en que tiñan guerras o señor Patriarca co conde don Lope Sanchez de Moscoso. Dicían que por esta cousa o señor Patriarca o levantara alí, porque antes, García Pérez, alcalde da fortaleza de Cira, do conde don Lope Sánchez, cando estaban en guerras, dende esa fortaleza quitábanlles todos os abituallamentos e provisións que viñan para a cidade de Santiago polas pontes do Ulla e Ledesma e tamén lle tomaban o viño e canto lles daba a gaña; prendían ós veciños da cidade de Santiago e ós vasalos do arcebispo, pero despois de que se fixo o castelo de Monte Sagro, di a testemuña que todas esas cousas estaban seguradas, porque o señor Patriarca, ó tempo, tiña alcalde, peóns e xente de arredor coa que aseguraban a pasaxe por eses camiños e as pontes do Ulla e Ledesma… Este castelo enfadaba moito a García Pérez, meiriño de Cira porque non tiña maneira de tomar e roubar, como o fixera unha noite o conde de Altamira… por iso esta fortaleza é máis necesaria que a da Rocha Forte de Santiago, porque este castelo está na fronteira coas terras de Cira e de Deza”. Finalmente engade que” na fortaleza de Monte Sagro caberan ata trinta homes e que a encherán moi ben.  E que non poede estar ningún home de a cabalo”. (páxs. 378-379)

   Xoán Robalino, o Vello, veciño da vila de Pontevedra, oiu falar da fortaleza de Monte Sagro e di que “viu como o señor Patriarca de novo fixo levantar a fortaleza e castelo de Monte Sagro, aínda que non sabe con que pedra, pero cre que é moito máis proveitoso  para a Igrexa de Santiago que a da Rocha Forte, porque está cara Ponte Ulla que é por onde chegan a Santiago os viños que veñen de Ourense e Ribadavia…” (páx. 390)

   Tamén Rui da Fontaíña, se reafirma en que o señor Patriaca “mandara levantar de novo a fortaleza de Monte Sagro e que a fixeron con pedra da Rocha Forte coa que fixeron tamén a cimentación da torre da igrexa de Santiago…; e ó seu parecer, a fortaleza de Monte Sagro, é moi proveitosa para a cidade de Santiago por estar entre os camiños das pontes da Ulla, de Sarandón e de Vea, camiños polos que chegan  moitos alimentos á cidade” (pax. 395-396)  Na mesma liña declara Alonso García de Raxó, veciño da vila de Pontevedra, que viu como o señor Patrarca fixera de novo a fortaleza do Monte Sagro, con “pedra que sobrara do castelo da Rocha Forte”. (páx. 400) Igualmente Alonso Fructuoso, di que o señor Patriarca, “levantou e novo o castelo de Monte Sagro, que está a dúas leguas da cidade de Santiago e carca dos camiños por onde chegan os viños e provisións para a cidade de Santiago…, polo que esta fortaleza é máis proveitosa que a da Rocha Forte…” (páx. 405) Lope de Montenegro tamén fala de que o señor Patriarca “fixo edificar de novo a fortaleza de Monte Sagro con Pedra da Rocha Forte e considera que non se precisaba a Rocha Forte”. (páx. 413) Nuño Vázquez de Loureiro da unha razón porque o Patriarca non voulveu a reedifiacra a fortaleza da Rocha Forte: “para non enoxar á cidade de Santiago” e por iso fixo “facer de novo a fortaleza de Monte Sagro” e na actualidade, parécelle mellor arranxar a de Monte Sagro que non a da Rocha”. (páx. 422)  Albaro de Cesar, veciño de San Xoán de Calo, di que o señor Patriarca “tornou a reedificar a torre da plaza e fixo de novoa a fortaleza de Monte Sagro á súa costa e misión porque non lle escoitou nin os veciños nin ós vasalos da terra,  que fixesen nin pagasen, senon fora cando ían cos seus carretos algunhas veces; di que tamén reedificou outras fortalezas”. (páx. 448)

  Tanto Rui do Aido como Pedro Ramil din que o Patriarca “mandou facer de novo a fortaleza de Montesagro coa pedra que estaba caída da Rocha Forte e que aquela fortaleza éralle máis proveitosa a Santiago que a da Rocha Forte, porque está na fronteira de Cira, entre os camiños contidos na pregunta” (páxs. 452 e 458)

   Martín de Tarrío, veciño de Santa María de Cruces sabe que “nos tempos do señor Patriarca se fixo o castelo de Monte Sagro e a testemuña viu levar para el a pedra que estaba caída  na Rocha Forte e oiu dicir que o señor Patriarca o levantara á súa costa e misión, e ó parecer da testemuña, a fortaleza de Monte Sagro foi ben feita no lugar onde está, para a defensa dos vasalos e terras do arcebispado de Santiago e é mellor que a fortaleza da Rocha de Santiago, porque a de Monte Sagro, está na fronteira das terras do conde de Altamira e de Don Pedro de Guzmán, entre os camiños que veñen para as pontes por onde pasan moitas cargas de viño e outras cousas que chegan a cidade de Santiago”. (páx. 464)

   Gómez Ballo, o Vello, coengo da catedral de Santiago, ó referirse á fortaleza de Monte Sagro di que “o señor Patriarca a fixera de novo, e viu que levaran pedra da fortaleza da Rocha Forte” (páx. 471). Máis detalles dánolos Xoán de Melliz, escudeiro e veciño da vila de Melide pois di tamén que “o señor Patriarca levantara de novo o castelo de Monte Sagro que está entre os camiños de Ponte Ulla, Ponte Vea e a ponte de Sarandón, por onde pasan moitas cargas de viño para a cidade de Santiago e para Muros e Noia…, di ademais, que este castelo, facíalle a guerra ó conde de Altamira, producíndolle moito enfado, porque vivindo alí como escudeiro, co conde de Altamira, viu como o conde tantaba de  roubar e tomar polo que mandara a Garçía Pérez de Costenla e Gómez de Bentosa e a esta testemuña e a outros escudeiros e peóns do referido conde, que a roubasen…; aqueles, e esta testemuña con eles, roubárona e tomárona, sendo daquela, alcalde e meiriño dela, Fernan Rodríguez, rexedor de Santiago…, e asi estiveron ata que chegaron a un acordo co señor Patriarca. Por aquela, a Rocha estaba desfeita… e no castelo de Monte Sagro  poderían caber corenta ou cincuenta de a pé e cinco ou seis de a cabalo, dentro do circuito do referido castelo”. (páx. 479)

   O tamén escudeiro, Alonso do Campo, veciño da cidade de Lugo, dixo que o señor Patriarca “recibira danos do conde de Altamira e por este motivo fixera o castelo do Pico Sagro para defender as provisións que viñan para Santiago e así protexerse, tanto do referido conde, coma de outros cabaleiros, polo que é máis proveitosa para Santiago que a fortaleza da Rocha Forte…”(páx. 482) O escribán de Lugo, Diego de Santalla tamén dixo que “o señor Patriarca fixera de novo o castelo de Monte Sagro, e oira dicir que o fixera para asegurar os camiños que van para a cidade de Santiago e ós pasaxeiros que veñen dende Ourense para ela. Por este motivo, é moi proveitosa esta fortaleza, máis que a da Rocha Forte”. (páx. 486)

 

 

 

     ROCHAS DO PICO SAGRO (BOQUEIXÓN) (A CORUÑA)

 

   O escudeiro Vasco de Marçaas, veciño do coto de Chantada “viu facer a fortaleza de Monte Sagro cando estaba nela de alcalde, Fernan Rodríguez de Ynojedo e sabe que a levantara de novo o señor Patriarca e fíxoa porque dicía que era proveitosa para a Igrexa de Santiago porque asegura moitos camiños de Ponte Ulla, Ledesma, e Sarandóns e que nela, un bo meiriño, podería facer moito polos que pasan por eles, como pasan moitos tratantes e romeiros”. (páx. 504) Pola súa parte Alonso Yanes de Melliz, veciño de San Salvador de Camba “viu feito o castelo de Monte Sagro que o mandou facer o señor Patriarca e oiulle dicir a moitas persoas, que o fixera para a seguridade do camiño de Ponte Ledesma a Santiago, porque había ladróns e tamén para defenderse dos das terras de Cira que eran inimigos do señor Patriarca”. (páx. 507) O escudeiro, Lopo de Pallarés, veciño da vila de Pontevedra di que “o señor Pariarca fixera de novo o castelo de Monte Sagro con pedras da Rocha Forte…, ó seu parecer, este catelo era necesario para a defensa de Santiago e para someter ós viláns de Ribadulla, que non lle querían obedecer e unhas veces, estaban a favor de Suero Gómez e outras a favor do conde de Altamira, e non querían servir ó señor Patriarca; …cando ía de Santiago a xente do señor Patriarca  defendíanse deles, con lanzas e saetas…; tamén dixo, que o castelo de Monte Sagro,  está a un lado das terras de Insta que eran de Suero Gómez e por outra parte, das terras do conde de Altamira, que ambos era inimigos e competían co señor Patriarca”. (páx. 510)

   Lope d’ Outeiro, labrego e veciño de Santa Comba de Louro dixo que “sendo arcebispo de Santiago o señor Patriarca mandou facer o castelo de Monte Sagro, e cando o estaban facendo, viu que levaban pedras da Rocha Forte, ó lado de Santiago… Di ademais que o castelo de Montesagro e moi bo e necesario para a defensa das pontes porque dentro do castelo, caben trinta peóns…, pero os de a cabalo teñen que estar arredor, nunha ermida que está á beira, onde poden caber sete ou oito cabalos…” (páx. 543). É esta testemuña o primeiro e único que fai referencia á capela que hai nas abas meridionais do Pico Sacro, onde se venera a San Sebastián. Trátese dunha pequena capela de orixe medieval, que foi bastante reformada, sobre todo, no tocante á fachada occidental. Está fabricada a súa maior parte en cachotería de granito e na actualidade, ten os muros  case completamente aplanados con cemento.

   Tamén Miguel de Barcala, veciño da vila de Padrón sabe que o señor Patriarca “fixo o castelo de Monte Sagro con pedras da Rocha Forte porque o castelo está entre os camiños da ponte Ulla,  polos que van e veñen para a cidade de Santiago…, ademais o señor da fortaleza de Montesagro, que é da igrexa de Santiago e do seu prelado, despois de rematadas as guerras, deixou de facer a fortaleza da Rocha Forte”. (páx. 545)

   Alfonso de Jesu, zapateiro e veciño da vila de Padrón di que “o señor Patriarca fixo de novo o castelo de Monte Sagro e para facelo, fixera levar moitas pedras da Rocha Forte que estaba desfeita…, ese castelo, é moi bo para defender o paso das pontes, porque está nos lindes das terras do conde de Altamira…, e parécelle que está alto e ventado e que o meiriño que esta alí, precisará moita leña, porque fará moito frío por estar tan alto…” (páx. 548)

   O comerciante da vila de Noia, Pedro Campixo dixo que o “señor Pariarca mandara facer o Castelo de Monte Sacro con pedra da Rocha Forte porque era necesaria esta fortaleza  para a defensa dos viños e outras clases de bens que chegan de Ourense, Monterroso e Borraxeiros ata Santiago e ás vilas de Muros e Noia, polas pontes e camiños que están a par do Monte Sagro…, e dende alí, tamén se podían defender mellor do señor da fortaleza de Cira”. (páxs. 552-553) O labrego Xoán Besteiro, veciño de San Vicente de Berres di que “a fortaleza de Monte Sagro e moi necesaria para para a defensa da igrexa de Santiago, máis que a fortaleza da Rocha Forte”. (páx. 336)

   Bartolomeu de Sigueiro, mercader e veciño da vila de Pontevedra, oiulle dicir a Fernán Rodríguez, rexedor de Santiago, que fora alcaide de Monte Sagro, que fora o señor Patriarca quen a mandara levantar e enfeitizar moi ben. (páx. 385) E o tamén veciño de Padrón, Alfonso de Barreiro, di que “vira levantado de novo o castelo de Monte Sagro” (páx. 550) Non se sabe moi ben se a testemuña se refire a que o fixo de novo ou o mandara erguer de novo, coma se estivera caído, pero máis adiante dí que “o castelo de Monte Sagro está alí ben feito (ben posto) porque está na fronteira de Sarandón”. (páxs. 550-551)
  
   O escudeiro Lope Conde, veciño de Melide, di que “non sabe quen fixo a fortaleza do Pico Sagro, nin de que pedra, pero que esta edificación ten un alto risco e ó seu parecer… e non cre que lle sirva de moito proveito a cidade de Santiago, porque non ten aparellos para que poida estar un piquete de homes armados e con cabalos” (páx.129)

   Xoán Calbiño, veciño de San Vicente de Bama, ten unha opinión baste igual que as que temos visto ata o de agora. Di que “viu facer e levantar de novo o castelo de Pico Sacro. Cando o estaban facendo viu que traían pedra de granito da Rocha Forte… e cando se estaba facendo o Monte Sagro oiu que dicían que o señor Patriarca mandabao facer para asegurar os camiños contidos na preunta (que se refire) a fortaleza de Cira, que era do conde de Altamira, o que peor se levaba co señor Patriarca…, porque a fortaleza de Cira  tomaba as cargas de viño que viñan para Santiago e o pan, e levaban todo para esa fortaleza e todo isto, antes de que se fixera a fortaleza de Monte Sagro e tamén antes de que pasara a Irmandade. Despois de que se fixo o castelo, nunca se oiu dicir que roubasen (as provisións), polo que considera, que o castelo de Monte Sagro asegura os camiños e as provisións que veñen para a cidade máis que o castelo da Rocha Forte, que está á beira de Santiago…, aínda que lle parece que este castelo é bo para os tempos de guerra e non para os tempos de agora, que hai paz e non fai falta que viva ninguén nel”. (páx. 557)

   O escudeiro, Pedro Díaz de Luaces, rexedor da vila de Noia “di que o señor Patriarca fixera facer de novo a fortaleza de Montesagro, e para facela, levara pedra que estaba na Rocha Forte…, e que lle parece que esta fortaleza é moi necesaria para a cidade de Santiago, e para as revoltas que houbo nos tempos en que se edificou, porque o conde de Altamira, das terras de Cira (roubaba) as mercancías que chegaban á cidade e a outros lugares do arcebispado…, porque os da fortaleza de Cira tomaban as cousas que viñan polas pontes de Ledesma, Sarandón e Vea…, despois de que se fixo esta fortaleza, nunca máis, oira decir que os da fortaleza de Cira, tomaran cousas que viñan por eses camiños…, por iso, este castelo de Monte Sagro, era necesrio e proveitoso para a igrexa de Santiago, moito máis que o da Rocha Forte, xa que está, na fronteira de Cira, e o da Rocha Forte, está á beira de Santiago”. (páx. 560)

 

 

    

       ESCALEIRAS DO PICO SAGRO (BOQUEIXÓN ) (A CORUÑA)

 

   O tamén escudeiro, Diego Ortiz, veciño de Santiago, ten unha opinión moi semellante ó anterior e “di que nos tempos en que se facía o castelo de Monte Sagro, que o mandara facer o señor Patriarca, oiulle dicir a el, e a outros moitos escudeiros, cabaleiros e persoas de guerra, que este castelo, era da Santa Igrexa de Santiago e do seu prelado, que o levantou en tempos de guerra…; e tendo como ten, o arcebispo de Santiago, pazos arcebispais, torres e plazas…, o castelo de Monte Sagro é máis proveitoso que o da Rocha Forte, (sobre todo) en tempos de guerra, porque garda os camiños e as fronteiras das terras e (deféndeas) da  fortaleza de Altamira”. (páx. 568)

   Bartolomeu Camacho veciño da cidade de Betanzos di que o “señor Patriarca, mandou facer e fixo de novo a fortaleza de Monte Sagro para a defensa e conservación da Igrexa porque este castelo de Monte Sagro, está entre as pontes de Sarandón e Vea, por onde pasan e entran á cidade, moitos alimentos e que asegura esta fortalza de Monte Sagro e asegura tamén, ás pontes e á xente e ós alimentos e tamén por estar cerca da fortaleza de Cira, que é do conde de Altamira e para que non lle produza danos ós vasalos da Igrexa de Santiago, a fortaleza de Cira”. (páx. 571-572)

   Dentro do proceso tamén nos atopamos con testemuñas que só oiran falar, ou pouco máis, da fortaleza do Pico Sacro. Entre eles, podemos destacar ó  prateiro Rui Fernández de Lugo, “sabe e ten noticias, porque oíu falar, entre outras, da fortaleza de Monte Sagro, pero non da ningunha explicación máis sobre ela. (Pax. 50.) Nesta mesma liña expresésanse Antonio González, notario da vila de Pontevedra (Páx. 72). Pedro de Toutón, veciño da vila de Pontevedra, de 80 anos (pax. 77) Tamén Xoán de Bonbeta, labrego e veciño de San Salvador de Coira, de 80 anos, oíu fair do castelo de Pico Sagro (pax. 85) Pedro do Moiño, tamén oiu falar da fortaleza de Pico Sagro (pax. 92) Alonso de Morete, veciño de Pardemarín, ten gran coñecemento do castelo de Outes, di que só oiu fair do castelo do Montesagro (pax.111) O mesmo lle sucede a Pedro de Costela, veciño da freguesía de Santa María de Ribeira, que a pesar de ser tan próximo ó Pico Sacro, di que só ten noticias do castelo de Monte Sagro.(pax.113). O mercader Fernan Rodero, veciño de Padrón di que tamén ten noticias e coñece algo entre outros, Monte Sagro (pax.115), o mesmo que Antonio Tarrio (pax. 116), Fernan de Roan, (pax. 117)  Xoán Goldrino, veciño de vilanova de Arousa, testemuña do Arcebispo de Santiago, só coñecen a fortaleza de Monte Sagro porque a viron dende fóra. (pax. 204-205) Pedro Brión, veciño de San Vicente do Grove, presentado polo Arcebispo de Santiago, coñece a Fortaleza de Pico Sagro, de oidas e tamén algunha outra. (pax. 208)  O Crego Xoán de Betanzo, veciño do Morrazo, di que oiu falar da fortaleza do Monte Sagro (pax. 265) Finalmente o labrego, Fernan de Ruán, veciño de San Xoán de Fecha, ten noticias da fortaleza de Monte Sagro e oiu decir que se fixera con pedra da Rocha Forte de Santiago. (páx. 372-373)

    Atopámonos tamén cunhas testemuñas que nos dan algún que outro detalle moi importante sobre esta fortaleza. Un deles é o cardeal da igrexa de Santiago, Pedro Fernández de Castroverde, de 75 anos, que se lembra de 60 anos para atrás. Di o cardeal que dixo que “hebería coma uns vinte anos, pouco máis ou menos, que entrara na fortaleza de Monte Sagro, sendo alcalde dela Pedro Mixia, que ó tempo vivía nela, e di que era unha torre coma a que hai agora co seu sótano e o seu sobrado” (pax. 54)

     Por outra parte Alonso de Piñor, veciño de San Pedro de Maceada, cando lle preguntan pola fortaleza do Pico Sacro di que “que el nunca a tivo por fortaleza, senón por unha “hestornineira”, porque según o perímetro que ten, parécelle que non debe ter capacidade para máis de dez homes, pero que nunca estivera dentro dela para saber se cabían máis homes de a cabalo, e que lle parece que niguén poidiera ter cobiza por morar nela. (paxs. 125-126) Esta opinión contrasta con algunhas que vimos anteriormente, xa que ninguén mostrou un xuizo tan desfavorable sobre a fortaleza, que non debía de ser tan grande, pero posiblemente nin tan cativa, como a considera Alonso de Piñor.

     VALORACIÓN DE DANOS NAS FORTALEZAS.

     Os dous peritos, Xoán de Álava e Xoán Gil, visitaron o Castelo do Pico Sacro, para facer a valoración dos danos que tiña este, e das reparacións que lle había que facer, por encomenda dos prelados de Santiago e Toledo respectivamente,  o día 15 de setembro do ano 1526, é dicir, vinteseis días antes da data na que os referidos mestres canteiros presentaran as súas resolucións diante dos escribáns Fernando de Briviesca e Pedro González, para dar contas e facer constancia de que inspeccionaran a fortaleza de Monte Sacro e valoraran os reparos que había que facer nela, coa axuda das testemuñas que os acompañaron in situ.

   Di así a acta notarial:  “Na nobre cidade de Salamanca, a once días do mes de outubro do ano do nacemento do noso Señor Xesucristo, de mil cincocentos vinte e seis, na miña presenza, Fernando de Briviesca, escribán,  tomado e nomeado por parte do Rvmo. Señor D. Xoán Tabera, Arcebispo de Santiago e Pedro González, escribán, tomado e nomeado por parte do Rvmo. Señor D. Alonso de Fonseca, Arcebispo de Toledo, pareceron presentes: Xoán de Álava, mestre de cantería, veciño da referida cidade de Salamanca, xuíz tomado e nomeado por parte do Rvmo. Señor Arcebispo de Toledo e Xoán Gil, mestre de cantería, veciño da referida cidade, xuíz tomado e nomeado polo Rvmo. Señor Arcebispo de Santiago, para ver e taxar os reparos das fortalezas e casas que están en pé, do arcebispado de Santiago, os cales dixeron que viran coa vista dos ollos, e taxados tódolos reparos delas, declarárono-los do xeito e da maneira seguintes”.

    VALORACIÓN DE DANOS DA FORTALEZA DE MONTE SAGRO.

   “A cinco días do mes de setembro do ano mil cincocentos vinteseis dixeron que viran o castelo de Monte Sagro e tasaron os reparos da maneira seguinte:

   Primeiramente viron que na segunda escaleira faltaban sete pasos para subir ó sobrado alto que é de madeira e estimáronos en tres reis.

   Así mesmo dixeron que faltaban nas dúas esquinas da torre, unha amea en cada esquina e na outra esquina da obra dúas tapias de parede que estaba desfeita, que a desfixera un raio e tasárona en catro mil maravedís a amea que está na esquina por onde se entra a torre e os outros mil maravedíes pola outra amea.

   Tamén dixeron que era preciso retellar a torre e arranxar a madeira do tellado, que o tasaron en dous mil reais.

   Así mesmo viron que están saídos uns perpiaños na entrada da porta, por culpa de outro raio que caeu polo medio da parede, que fan un total de nove perpiaños. Tasáronos en catro ducados.

   Así mesmo viron que se precisa limpar e repasar as xuntas do alxibe. Tasárono en dous mil maravedís.

   De maneira que a suma destes reparos ascende a nove mil seiscentos dezanove maravedís dos que lle cargaron e fixeron cargo ós tempos do Rvdmo. señor Arcebispo de Toledo, cinco mil seiscentos dezanove maravedís, porque foi nos seus tempos, cando se fixeron estes danos e ó tempo da sé (compostelá) un canon de tres mil maravedis; ó tempo do Rvdmo. señor don Xoán Tavera, arcebispo de Santiago, porque no seu tempo  se fixo outro dano, mil maravedís, según parece, pola información que para isto oíron”. (1) 

(1) Pleito Tabera Fonseca. Páxs. 575-576.

   Tanto polas declaracións que foron facendo as testemuñas a través do interrogatorio e tamén pola valoración de danos da fortaleza, podémonos dar unha idea de cómo era ese monumento que con toda seguridade mandou levanta o señor Patriarca, Don Alonso II de Fonseca, que máis ca un arcebispo celoso e entregado ós seus fieies, foi un guerreiro, ó máis puro estilo feudal, que defendeu coas súas armas e coa súa  familia, os bens que a Igrexa de Santiago, fora conseguindo ó longo da súa dilatada historia.

   Esta torre, mandara levantar o Patriarca Fonseca neste lugar tan estrátexico, por dúas razóns moi importantes para el. A primeira era a defensa dos camiños que procedían das pontes do Ulla, polas que tiñan entrada o viño, o pan e outros alimentos necesarios para o sustento da cidade de Santiago. A segunda era para vixiar de cerca a un dos inimigos máis grandes que tiña: o conde de Altamira.

   Este castelo do Pico Sacro, levantado cerca da fortaleza de Cira, pódese considerar case xemelgo, no tocante á finalidade, -como elemento case exclusivo de vixía-, ó de Castrizán, levantado á beira doutro castelo: ¡o do seu outro inimigo da alma, como foi, Don Pedro de Soutomaior, conde de Camiña! Ambos castelos, levantados nos curatos máis altos e escabrosos das comarcas, tiveron pouca duración. O de Castrizán atacouno don Pedro e desfixoo. Do de Pico Sacro, pouco sabemos del a este respecto, pero é moi rechamante que desapareceran daquel lugar todas as pedras procedentes da Rocha Forte, que os veciños desta fortaleza, e das comarcas do Ulla, levaron ata o cumio do Pico Sacro ¡con tantos traballos e perdas!, como nos narran moitas testemuñas no interrogario do proceso.

    Guiándonos polos datos que fomos recibindo a través das declaración, podemos concluir, que o  castelo do Pico Sacro tiña planta cadrada ou rectangular, pois fálase das “esquinas”;  contaba cun soto na parte baixa e un sobrado (páx 54). Na valoración de danos, dá a impresión de que pudiera ter dous, cando se di, que “faltaban sete pasos de escaleira para ascender ó sobrado alto”. Tiña cubrición de tella sobre madeira; as ameas estaban arredor dos muros exteriores que eran de perpiaños, pois procedían da fortaleza da Rocha, polo que debemos pensar tamén, que con toda seguridade, moitas desas pedras, irían marcadas coas marcas dos canteiros medievais. Nunha das pilastras que sustenta o porche occidental da capela, consérvase unha pedra cunha marca dos canteiros do medievo. Esta pedra, con toda seguridade, non procede das pedras do Pico Sacro, se é que usaraon algunhas para esta construcción, xa que ten un tono rosado e o gran, de tipo medio, moi lonxe do gran excesivamente groso das pedras que hai neste lugar.

   O soto é a única parte do castelo que se conserva, xa que foi escavado na rocha viva e só está aberto pola parte norte. Para descender a el, polo exterior, hai unhas escaleiras, tamén escavadas na rocha por ambas beiras, que van dende o cume ata o mesmo rechán do soto. Tiñan razón as testemuñas cando dicían que “non podían estar nel homes de a cabalo”, xa que o lugar onde estaba situado, só é acesible ás persoas. A liña da cimentación sobre a que ía colocada a torre que sobresaía dende o rechán do come, tamén se conserva na parte meridional, xa que está igualmente escavada sobre a mesma rocha que coroa o Pico Sacro. Na actualidade, no mesmo cume, mesturados con coios e terra, aínda se atopan pequenos anacos de tella que pertenceron á cuberta.

   Finalmente, para rematar, podemos concluír, que despois de menos de medio século de haberse feito, este castelo xa tiña varias partes deterioradas, o que nos dá a entender, e así se constata nas declaracións das testemuñas, que había moito tempo que ninguén vivía nin se preocupaba del. Fálase no proceso, de que as desfeitas que houbera nos seus muros, foran provocadas, sobre todo polos raios. Puidera que foran os elementos naturais, e máis o abandono, os que deran coas súas pedras no chan. Pero aquelas pedras, teño a lixeira impresión, de que na súa inmensa mayoría, deben estar aínda espalladas, durmindo o sono dos xustos, sobre  as abas da parte norte do monte, ¡sempre cos ollos postos en Compostela!; ou poida que estean tamén, nas casas de algúns veciños da bisbarra, como sucedeu con outras moitas pedras de varias fortalezas, que pertenceron tamén á mitra  de Compostela.

 

   ILUSTRACCIÓNS 

 

    

     CAPELA DO SAN SEBASTIÁN (PICO SAGRO) (BOQUEIXÓN) (A CORUÑA)

 

 

   

     CANZORROS DA CAPELA DO SAN SEBASTIÁN (PICO SAGRO) (BOQUEIXÓN)
    (A CORUÑA).

 

 

    

       ESCALEIRAS DO PICO SAGRO (BOQUEIXÓN ) (A CORUÑA)

 

    

    

     MARCA DUN CANTEIRO (PICO SAGRO) (BOQUEIXÓN) (A CORUÑA)

 

 

    

         ROCHAS DO PICO SAGRO (BOQUEIXÓN) (A CORUÑA)

 

 

    

     SOTO DO PICO SAGRO (BOQUEIXÓN) (A CORUÑA)

 

 

     

     A FENDA DO PICO SAGRO (BOQUEIXÓN) (A CORUÑA)

 

 

     

       ROCHAS DO PICO SAGRO (BOQUEIXÓN) (A CORUÑA)

 

 

      

     ROCHAS DO PICO SAGRO (BOQUEIXÓN) (A CORUÑA)

 

 

    

Ir arriba