XESÚS ANTONIO GULÍAS LAMAS.OS MUÍÑOS NO BAIXO MIÑO:UN RÍO E MIL REGATOS

 

 Revista de Investigación “ETNOGRAFIA”,  nº 5, 2013. I.S.S.N. 1989 – 8541. 

 Web: mesondoforno.com.

 

   As terras do Baixo Miño están regadas por centos de pequenos regatos que van verter as súas augas ó Miño que baixa impoñente e portentoso buscando o Atlántico, dende a Serra de Meira, alá por Fontemiña para encher de verdor e de riqueza este longo val que se estende dende a episcopal Tui ata a céltica Guarda.

 

    CATEDRAL DE SANTA MARÍA DE TUI (PONTEVEDRA)

 

   Cando chega a cidade de Tui ve dende o fondo do seu camiño como se ergue a súa catedral coma se fora unha plataforma sobre a que colocar unhas escaleiras para chegar ó ceo. Pero o Miño segue e faise máis  viñateiro, se cabe, porque xa ven borracho dende o Ribeiro, cando chega as terras de Tomiño. De alí para diante, empeza a descansar como un vello cabaleiro medieval, para fartarse do albariño do Rosal. Logo na Guarda, xa se deixa abrazar, polo Atlántico, rendido de tanto esforzo e vendo alá no alto, como soben e baixan nos días de marusía, cal se foran pantallas perdidas nas encrucilladas, as brétemas arredor do monte de Santa Tegra.

 

PANORÁMICA DESDE SANTA TEGRA. A GUARDA (PONTEVEDRA)

 

 

   Alí, na cima do monte do Facho, coma se fora unha pequena lancha de cerco, tallada sobre unha rocha viva, aínda se conserva á intemperie un dos muíños de man máis antigos desta terra. Son os muíños naviculares, chamados así por ter a forma dunha pequena lancha nos que a moenda se facía friccionando cunha pedra, unha e outra vez, ata que o gran se convertera en fariña. E no outro lado, na parte meridional, nun pequeno rechán que fai de museo etnográfico, coma se fora un milagre do tempo, dormen ó abrigo dos vendavais, os vellos muíños circulares de man que usaron os segundos poboadores do Castro de Santa Tegra. 

   Estes muíños teñen o encanto de dar voltas e máis voltas aloumiñados por centos, por miles de mans que os fixeron xirar ó tempo que lles vertían polo ollal os grans de trigo ou de centeo para ir vendo como o chan se enchía de nevaradas de fariña. Son os muíños dos castros; os muíños dos esforzos humanos; os muíños das mulleres incansables que facían fariña para despois amasala e cocer de seguido o pan de cada día.

 

           MUIÑO NAVICULAR

 

 

 

MUIÑO NAVICULAR

 

   Os muíños naviculares foron os primeiros capaces de producir fariña sen usar a forza da auga razón pola que non debera haber problemas de reparto da auga dos ríos que era utilizada ata ese intre para o regadío.

   Parece ser que a primeira noticia escrita que hai sobre os muíños hidráulicos nas terras do Rosal, atópase recollida por María do Carme Pallares e Ermelindo Portela na páxina 27, nota 13 do libro que leva por título “El Bajo Valle del Miño en los siglos XII y XII (Santiago, 1971) onde se cita unha carta de doazón de Dona Urraca do ano 1123 na que lle doa a Pelayo Veloso a Vila de Lordelo (Couselo, para Martínez Tamuxe) cum totus suos directurus, terras vineas, ortus, molinos, fontes…” (1)

 

 

MUIÑO DE MAN DE SANTA TEGRA .A GUARDA (PONTEVEDRA)

 

 

   Entre os cento cincuenta muíños que hai catalogados no concello do Rosal, sen dúbida,  os máis coñecidos son os do Folón, onde hai trinta e seis e no Picón, trinta e un (2) o que converte a este espazo nun complexo de enxeñería único en Galicia en canto o número e a disposición dos muíños.

   Estes muíños, que participan das augas de varias fontes e regatos están colocados sobre o desnivel de dúas montañas moi empinadas que converxen no fondo dun profundo funil e despois se prolongan polos laterais das montañas. Ó inicio, as augas saen do rodicio dun para entrar case de seguido na canle do seguinte. A medida que o desnivel empeza a diminuír, a separación entre eles vaise facendo maior ata chegar ó val.

 

 

MUIÑOS DO FOLÓN E DO PICÓN COAS FONTES E REGATOS. O ROSAL (PONTEVEDRA)

 

    Os muíños do Folón empezan sobre a ladeira oriental do monte por debaixo do regato de San Martiño e a un lado e a outro do regato Folón. Os do Picón está situados máis ó medio día, ó outro lado do regato San Martiño que paso no fondo dun profundo canón entre rochas de granito.

   Na parte alta do monte, por medio dunha presa conseguiron xuntar as augas do Riobó ou San Martiño, coas do Espiño, as da fonte Arcela e as dos regatiños Aloque e Agudelo no alto do Nivel, onde se reparten. Ata o Nivel, a auga chega canalizada  a traveso da Enxubrigada, que trae tamén as augas do regato da Cal. É esta unha obra de enxeñería digna dun estudo profundo por parte de técnicos neste tipo de transvases. 

 

 

 OS MUÍÑOS DO FOLÓN .O ROSAL (PONTEVEDRA)

 

 

    A antiguedade destes muíños non é fácil sabela aínda que algúns teñen a data no lintel da porta ou en algunha pedra da súa construción, pero parece ser que a documentación máis vella está contida nunha escritura de foro da Granxa de Martín, (barrio da vila do Rosal), pertencente ó mosteiro cisterciense de Santa María de Oia de 1712, pero cando se refire ó muíño de Gregorio do Outeiro, na Pateira de Padín, sinal o ano 1616 (3).

 

 

DATA DE CONSTRUCCIÓN DUN MUÍÑOS
 

 

   As construcións do muíños son moi sinxelas. Constan de catro paredes con cuberta a unha soa auga con tella redonda. Os muros están feitos con cachotería de granito procedente do mesmo monte polo que a abundancia deste material, fixo moito máis doado o traballo da súa fábrica. De non ser así, sería case imposible poder construír os quince ou vinte primeiros muíños, como xa temos indicado, dado o enorme desnivel das montañas.

   A auga chega a cada muíño por medio dunha presa que vai desembocar case  ó centro da edificación e descende ata o rodicio por unha cal que ten na entrada da diagonal un enreixado, ó xeito de grella, para evitar que o lixo que poida recoller no traxecto, chegue ó rodicio, evitando así que o poida danar ou atrancar.  Case no centro do muro por onde se fai o desaugue, xusto enfronte da moa, normalmente abre un pequeno bufardo que lle dá luz ó interior do muíño. A entrada está situada por unha lateral e sempre do mesmo lado.

   En canto ós tipos de elementos que se empregan para facer a moenda: pé, moa, moega, rodicio, cruceiro, etc., son moi similares ós de calquera muíño hidráulico de Galicia. Pero unha das cousas que chama a atención nestes muíños son a cantidade de gravados que hai sobre todo, nas xambas e nos linteis das portas, e ata en algunha moa, cousa que tamén é moi común nos muíños da bisbarra do Barbanza. Trátase sobre todo de cruces de moi diversa feitura que recolleu nun minucioso traballo Ruth Mª. Martínez Barbosa e pódese ver publicado no libro “Os muíños do Folón e do Picón na Vila do Rosl”, na páxina 119. Tamén en algúns muíños podemos ver letras que posiblemente poidan pertencer as iniciais dos donos e en varios a data, supoñemos que da construción.

 

 

SUBIDA AO FOLÓN. O ROSAL (PONTEVEDRA)

 

 

   Nos meus recorridos per estes muíños teño recollido varias ducias de cruces. Trátase de cruces de diverso tipo, a maioría gravadas de xeito rudo e ás veces, en varios lugares, ata repetidas. Posiblemente son cruces destinadas a bendicir e ó mesmo tempo protexer dalgún xeito, co signo máis poderoso do cristianismo, ese espazo destinado a unha das labores máis importantes na vida da familia, como é a fabricación da fariña que vai servir para a amasar o pan de cada día co que poder levar adiante ás criaturas que viven debaixo do mesmo teito. A cruz é o poder taumatúrxico capaz de arredar o mal; de liberar ó que a leva do maligno e de poñerlle coto ó seu poderío, ó seu dominio e ó seu afán de expansión. De aí, que en moitas xambas e linteis se repita varias veces. Con isto, parece que cantas máis cruces haxa, máis difícil lle será ó maligno, que se reflexa no mal, introducirse dentro dun espazo defendido pola cruz.
 
   Pola proximidade ó mar, os ríos que nacen nesta bisbarra son moitos pero de escaso caudal, polo que a auga que se pode recoller durante o ano non da para poder mover os rodicios de tantos muíños, polo que só podían moer tres ou catro meses ó ano, como xa se recolle no Castro de Ensenada, que no Rosal se realizou no ano 1753 e a mesma experiencia dos derradeiros anos de moenda non certifica.

   A maioría destes muíños son de herdeiros, na actualidade con participación por horas, xa que parece que tódolos veciños dos lugares do Rosal, próximos a estes montes, fixeron un muíño para non ter que depender de ninguén, nin ter que pagar maquía. Son muíños de pedra negra, dato este do que nos dá información xa o Catastro. Isto quere dicir que a maior parte destes muíños se deberon facer despois de que o millo xa fora introducido en Galicia. “Aínda que non temos documentación da súa introdución, como tal, si sabemos documentalmente, que no ano 1610, este cereal estaba introducido en varias parroquias, xa que se pagaban foros con “mijo maiz”, como nos relata o Cardeal del Hoyo, visitador do Arcebispo de Compostela, Don Maximiliano de Austria” (4) Nas terras do Rosal parece que foi introducido despois do ano 1630. (5)

 

OS MUÍÑOS DO FOLÓN .O ROSAL (PONTEVEDRA)

 

 

 

OS MUÍÑOS DO FOLÓN .O ROSAL (PONTEVEDRA)

 

     O muíño máis antigo dos que ten a súa data, ben no lintel da porta ou en calquera pedra da súa edificación, correspóndese co número 16 dos muíños do Folón. Coñécese como o Muíño das Ferminas ou das Amarelas. Ten varias cruces de distinto tipo e medidas, marcadas en ambas xambas e sobre o lintel da porta pódese ler, ocupando todo o espazo central: AÑO D 1715 (coa letra E inscrita dentro da letra D). Tamén no interior do muíño podemos ver algunhas cruces máis marcadas no chan e tamén nas moas que na actualidade xa non serve para moer.

 

OS MUÍÑOS DO PICÓN. O ROSAL (PONTEFVEDRA)

 

 

OS MUÍÑOS DO PICÓN .O ROSAL (PONTEVEDRA)

 

   As pedras coas que moen estes muíños do Folón, a excepción do primeiro empezando por abaixo, que era de dúas moas albeiras, tódolos demais son dunha soa moa de pedra negra. (6) O Catastro de Ensenada cando fala dos muíños sinala tanto o número de moas que posuía o muíño, como o que moía, sinalando se era de pedra negra ou albeira. Dise de pedra albeira cando o muíño só moía trigo e cando di que é de pedra negra, ese muíño podía moer, ademais do trigo, centeo, cebada ou millo. Na época do Catastro, a maioría dos muíños eran de pedra de negra, xa que o millo estaba perfectamente introducido en Galicia.

    A Consellería de Cultura Comunicación Social e Turismo da Xunta de Galicia, mediante o decreto 27/98 do 22 de xaneiro de 1998, declarou ós muíños do Folón e do Picón, Bens de Interese Cultural (BIC), na categoría de Interese Etnográfico e a dita Consellería comunicóullelo ó alcalde do Rosal por medio dun escrito, o día 27 de marzo de 1998.
  
    Anos máis tarde, concretamente o día 25 de setembro de 2003 a Consellería  de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural da Xunta de Galicia concedeulle o PREMIO AGADER 2003, ó Conxunto Etnográfico dos muíños do Folón e do Picón, concello do Rosal. Pontevedra, tendo en conta os méritos valorados polo xurado.  Este premio está notificado por medio dun diploma expedido en Santiago de Compostela o día 11 de febreiro de 2004 e asignado polo Conselleiro de Política  Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural e Presidente de Agader. José M. Diz Guedes.

   Os muíños de Paredes están no concello de Tui. Trátase de sete muíños de cubo en diagonal que moen con auga procedente do pequeno río Deique que baixa do monte Aloia. Están situados a ambos lados do río e auga chega a eles por medio de présas individuais que unha vez, realizado o seu traballo, volven ó río para, case de seguido ser canalizadas de novo de cara outro muíño. Están todos feito de cachotería de granito propio da zona e teñen nas xambas cruces de diversa feitura e letras, a maioría maiúsculas, de trazados moi anchos e pouco profundos. As letras posiblemente sexan as iniciais de algúns dos seus donos e as cruces, como sucede noutros que xa temos visto, como símbolos de cristianización e para o afastamento do mal.

 

MUIÑO DE PAREDES .TUI  (PONTEVEDRA)

 

 

MUÍÑO DE PAREDES .TUI (PONTEVEDRA)

 

   Tamén no concello de Tui, pero na parroquia de Baldráns hai dous muíños seguidos á beira das casas do lugar, xa que ó fondo, pasa un pequeno regato chamado río do Regueiro Vello. O primeiro está sen tellado pero non así o segundo, que foi completamente restaurado e acondicionado pola escola obradoiro do Concello de Tui e en disposición de moer cando faga falta. Este muíño é coñecido como o “Muíño do Fuchaco de Baixo”. Ten cuberta a unha soa vertente e move o rodicio mediante a auga que lle chega por unha presa de cachotería e chantas de granito para entrar nun cubo colocado en diagonal de importante caída que leva a auga ó rodicio, feito totalmente de ferro. A auga, tanto para este muíño como para o do “Fuchaco de Riba” ven pola lateral occidental do camiño dende un pequeno encoro chamado a Poza do Real, distante a uns trescentos metros.

 

PÉ, MOA E CAIXÓN DO MUÍÑO DO FUCHACO DE BAIXO. TUI (PONTEVEDRA)

 

   Este muíño ten no seu interior tódolos elementos precisos para a moenda e de feito, moe para algún veciño cando este o precisa, xa que se trata dun muíño de herdeiros, onde a maioría, ten nel determinadas horas de moenda.

   Coma case tódolos muíños desta bisbarra este muíño  ten no interior da xamba esquerda da porta unha cruz latina e  tamén unha L ó revés formando dúas cruces moi deterioradas, pero estas no exterior da xamba esquerda.

 

MUÍÑO DO FUCHACO DE BAIXO. RESTAURADO. TUI (PONTEVEDRA)

 

 

MUÍÑO DO FUCHACO DE BAIXO. RESTAURADO. TUI (PONTEVEDRA)

 

  O muíño do Fuchaco de Riba conserva a paredes en perfecto estado así como o seu cubo, que neste caso, está en vertical e ten forma cilíndrica. Chega a auga dende a Poza do Real e ó facer a súa labor vai parar directamente ó Regueiro Vello. No interior, conserva tanto a moa como o pé en perfecto estado. A entrada está moi decorada con varios signo cruciformes e algúns signos en vertical rematados en punto. No interior da xamba esquerda hai unha cruz  sobre dúas pernas, facéndolle de base; no exterior da xamba  dereita hai tres cruces moi rudas e profundas e varios signos máis de difícil interpretación e no centro do lintel, leva tamén unha cruz latina moi deteriorada.

   En Forcadela, no lugar de Pontepedregal, concello de Tomiño, hai na actualidade un muíño entre os moitos que se poden atopar neste concello, que está en condicións de moer. Levántase a escasos cen metros da casa do muiñeiro e chágase a el por un camiño atestado de nopales e agaves  mexicanos e tanto pode moer millo coma trigo ou centeo, polo que podemos dicir, que se trata dunha moa polivalente. É un muíño de cal que lle chega a auga por medio dunha presa feita con grandes cachotes de granito, procedente do pequeno regato Pedregal que lle dá nome á ponte e ó lugar e vai desembocar ó Miño que descorre moi cerca de alí.

MUIÑO DE PONTEPEDREGAL. FORCADELA. TOMIÑO (PONTEVEDRA)

 

   Ten a cuberta a dúas augas e a súa construción, como a maioría dos muíños da bisbarra, está feita de cachotería de granito e este leva os muros aplanados. Ten dous rodicios aínda que na actualidade só funciona un. No interior, o pé xa vai moi gastado debido ó seu longo traballo pero non así a moa, que é relativamente nova. O feito de que estea preparado para a moenda, leva consigo un constante mantemento, polo que tódolos seus aparellos, funcionan á perfección, dende o corte de auga que se fai dende o interior por medio dun longo varal que ó empuxalo cara ó exterior, cae no centro da cal unha pa que leva na punta, impedindo así que pase a auga, sen necesidade de ter que mover as cuñas do cruceiro que erguen ou baixan a moa, motivo polo que non é doado que se destempere. A fariña recóllese dentro dun caixón colocado arredor do pé, o que impide que os ratos poidan acceder a ela.

   Tamén no concello de Tomiño, na parroquia de Goián, á mesma beira da estrada que comunica Tui coa Guarda hai un muíño coñecido como o “muíño do Regatiño” que trataron de restaurar hai uns cantos anos e si que conseguiron adecentar as paredes da edificación, que é moi pequena e limpar e acondicionar o interior pero non foron capaces de botalo a andar xa que lle falta a moa. Trátase dun muíño datado no ano 1842 segundo se pode ler no lintel da súa porta que leva no centro unha cruz latina sobre base triangular, tallada en alto relevo, á que lle falta o brazo dereito. 

   Hai que destacar un dato importante  na maioría dos muíños do Baixo Miño que é o feito de que non poden moer todo o ano, porque a auga dos regatos que se usa para movelos escasea moito de verán e só poden moer nos tempos de auga, xa que durante finais da primavera e durante todo o verán, a auga precísase para o regadío das fincas, onde hai unhas normas moi estritas a este respecto. Ademais, en algúns ríos ou regatos a auga, ó chegar o tempo de calor, escasea moito por ser ríos de moi corta traxectoria.

   Posiblemente, por ser a auga tan escasa, os habitantes destas terras souberon aproveitar tan ben este recurso, canalizando as augas de fontes e regatos, levándoas por preseas, ás veces únicas, onde a mesma caída da auga era capaz de mover toda unha batería de muíños colocados en ringleira e aproveitando as pendentes e os grandes desniveis do terreo, que cun mínimo caudal, eran capaces de lle sacar o máximo de rendemento ós seus rodicios.

   Así os muíños do Folón e do Picón son todo un portento de enxeñería hidráulica onde se demostrou que a habilidade humana foi capaz de producir o milagre de poder mover sesenta e sete muíños coa simple auga duns cantos regatos  e outras cantas fontes, que durante o verán, moitas delas, chegan a estiñar.

 

 

 

 

OS MUÍÑOS DO FOLÓN. O ROSAL (PONTEVEDRA)

 

 

OS MUÍÑOS DO FOLÓN E DO PICÓN. O ROSAL (PONTEVEDRA)

 

   Facer unha camiñada polos camiños e carreiros que van a todos e a cada un destes muíños é unha experiencia inesquecible porque é coma atoparse coas mesmas raíces dos esforzos dos nosos antepasados. É volver a vivir moitos anos despois, a lucidez dunhas mentes esforzadas que nos souberon legar a vontade inquebrantable da boa convivencia entre os veciños; que souberon aproveitar o que a natureza lles ofrecía e poñela á disposición de todo un pobo. Toda unha conferencia viva e maxistral de fraternidade!.

   Os muíños, os muiñeiros e os traballos nos muíños foron fontes de inspiración para poetas e músicos populares que encheron infinidade de noites cos seus cantares e aturuxos. Velaí unha pequena seitura desas cantigas. Ata o verbos dos canteiros tivo para os muíños (escainos) uns versos picarescos no seu latín. 

 

 

CANTIGAS POPULARES
 DE MUÍÑOS E MUIÑEIROS

Non podo cantar, non podo,
non podo, porque estou rouca
que fun durmir ó muíño
esta noite e maila outra.

Eu ó muíño de Retorta
non vos vou por pasear;
vouvos por facela voda
e máis por parrafear.

 Ó muíño do meu sogro
eu ben lle sei o tempero:
bótolle o gran por enriba
e o muíño moe lixeiro.

Ó muíño do meu sogro,
eu ben lle sei o tempero:
cando está alto, baixalo
e cando está baixo, erguelo.

Unha noite no muíño,
unha noite non é nada;
unha semaniña enteira
esa si que é muiñada.

Esta noite no muíño
ha de haber o que ha de haber:
as lousas do seu lousado
han de ir ó río beber.

Non te fíes rapariga
do canteiro cando canta
que é a fariña da pedra
que se lle pon na garganta.

Eu non sei que pasou no muíño,
eu non sei que debeu de pasar.
Dende entón, Maruxiña está triste,
dende entón non fai máis ca chorar.

Non sei que ten o muíño,
non sei que ten que non moe;
o muíño está encaiado
e o muiñeiro ¡quen sabe onde!

-Heime meter taberneiro
e non hei volver ó muíño
e as nais das mozas solteiras
pódenlle ter unha festa
a un santo que hai no Corpiño.
-Se te metes taberneiro,
Nosa Señora do Carme!,
vas ter que por de cuartillo
a nosa campana grande.

Casa Maruxiña casa,
casa Maruxiña, casa,
cásate cun muiñeiro
que trae fariña pra casa.
Tamén a folla do millo
amosa ter picardía:
colle o orballo pola noite
pra bebelo polo día.

Deus cho pague muiñeira,
teño que cho agradecer:
cando vou ó teu muíño
sempre me deixas moer.

Maruxa se vas ó muíño
non te arrimes ó muiñeiro
que anda cheo de fariña
e éche medio angarilleiro.

Bota viño, taberneiro,
bota viño do Ribeiro
que os de Beariz para cantar,
temos que beber primeiro.
Temos que beber primeiro
e comer un bolo quente
coa fariña da muiñeira
que xa no forno arrecende.

Esta roula no escaino
ha parar o verbo xido:
patanachas con jumetes
e máis o verbo do quilo.

Esta roula no escaino
hase jarlar do quilorio
e baidó que eu che cubico
quen ha jandír ese brodio.

 

 

 

(1) Martínez Tamuxe e Martínez Barbosa. Os muíños do Folón e do Picón na vila do Rosal. Páx. 37.
(2) Martínez Tamuxe e Gustavo J. M. Barbosa. O Rosal. Inventario e estudo dos muíños do Concello.
(3) Martínez Tamuxe e Martínez Barbosa. O. C. páx. 38
(4) Gulías Lamas, Xesús. O Hórreo en Galicia. Ed. Ir Indo. Páx. 73
(5) Martínez Tamuxe e M. Barbosa. O.C. páx. 40.
(6) Martínez Tamuxe e M. Barbosa. O. C. páx. 52.  

Ir arriba