XOTRAMU (ASOCIACIÓN DE XOGOS TRADICIONAIS DE MUIMENTA). A VELLA ESCOLA DE MUIMENTA (COSPEITO) (LUGO

 

                                A VELLA ESCOLA DE MUIMENTA

       Está vostede ante unha pequena construcción levada a cabo no ano 1904, grazas ao traballo e ao esforzo dos veciños e veciñas de Muimenta dirixidos polo seu crego D. Ramón Teijeiro Ferreiro e do señor da casa grande da Cernada, D. Xosé Barja Alonso. Unha construcción de 50 m2 , que no seu tempo deu acubillo a 80 alumnos, que desde o 1965 pasou por anos de abandono e de ruina, e que moi recentemente foi rehabilitada por empeño e paixón da Asociación de Veciños de Muimenta, que soubo moverse, interesar os organismos públicos correspondentes e implicarse ela mesmo de forma admirable, para levar a cabo unha transformación da vella escola e da súa contorna, e facer así deste espazo un leito de memorias, un relanzo de pracer e un niño de soños para a veciñanza propia e allea que queira regalarse coa súa contemplación.

 

 

INTERIOR DA ESCOLA VELLA DE MUIMENTA

 

       Non estamos, polo tanto, ante un montón de pedras caladas, por moito que estean ben aliñaedas e reparadas. As pedras que ves teñen o don da fala, como teñen tamén o don da palabra culta, sabida, todos e cada un dos obxectos que esta vella escola popular nos amosa con satisfacción coma pequeño museo etnográfico-escolar.

       Entra e observa cada un dos obxectos que tés diante dos ollos; quizabes ti mesmo, nos teus anos nenos ou mozos, gozaches e sufriches con eles no empeño maior de acceder ao mundo da cultura escrita e lida, da cultura que pretende poñernos intelixentemente en relación con que cada día vivimos, coitamos, penamos, gozamos. Quizabes es máis novo e non te imaginas o que tiveron que loitar os nosos maiores, para que o saber deixase de ser privilexio de clases poderosas e se estallase coma auga de bendición polas terras dos nosos antepasados, os homes e mulleres que intuíron primeiro e experimentaron despois que na cultura, na boa cultura, hai sempre liberdade, hai porvir, hai a posibilidade de andar pola vida co corpo erguido e coa mente en rebeldía creadora.

       Se ollas e escoitas ben, esta escola e o que nela se garda falarache da mesma constitución do 1812, a Pepa, que moi inocentemente anunciaba que todos os pobos da monarquía deberían ter unha escola onde aprender a ler, escribir, contar, e o catecismo. Coas lexislacións sucesivas pretendeuse que isto fose unha realidade, pero as cousas foron moi lentas, porque os intereses cruzados de diferentes sectores sociais (labregos /as, alcaldes e concellos, notables do lugar, Estado) non acababan de coordinarse nunha intención común. Máis de 100 anos se tardaría en que a escola pública tivese un asentamento normalizado.

 

 A MESA DO PROFESOR/A

 

       Na masa de area e barro que están xuntando as pedras, se te fixas ben, poderás ler a lei do ministro de fomento Claudio Moyano Samaniego obrigando a que en cada Concello de menos de 20.000 habitantes se crease unha escola pública para nenos co seu correspondente mestre ou mestra. Era no ano 1857. Pero o mestre ou mestra había ter, agora si, titulación axeitada, e habia de ser pagado polo Concello, o que facía pouco realizable o proxecto. Ademais, nunha poboación tan espallada como a galega, que farían os pícaros e pícaras, que vivían a 5, 10, 15 Kms. da cabeceira do Concello?.

      Ah! claro, dirás, por iso apareceron as que se chamaron “escolas de ferrado”, porque en ferrados se medía normalmente a paga ao mestre ou escolante, que había cumprir os obxectivos, que as escolas públicas pretendían, pero non eran quen de conseguir. Pois si, por iso apareceron as escolas de ferrado, que foron xa unha realidade en Galicia durante o século XVIII, pero que viron enormemente incrementada a súa presenza nas nosas aldeas ao longo do século XIX e mesmo ata mediados do século XX. Polo dicionario de Madoz (1845) sabemos que en Muimenta xa naquelas datas había unha escola privada, de ferrado, sostida polos pais, e ningunha pública.

      Esta pequena escola, que estás visitando, sería un luxo ao pé dos lugares onde os mestres das escolas de ferrado impartían a súa ensinanza. En case calquera espazo, con moi pouquiños medios, con materiais pedagógicos elementais e aínda orixinais, en tempos e horarios que puidesen salvagardar a presenza de nenos, nenas, mozos e mozas nas actividades agrarias, o “escolante” destas escolas conseguíu con abundancia, moi especialmente nas aldeas da provincia de Lugo, polo tanto tamén Muimenta, o que en definitiva se pretendía: alfabetizar á xente nova, para que tivese mellores recursos cos que afrontar o reto nada lineal de facerse un camiño na vida con dignidade; cousa que daquela era un soño tan enorme coma os carballos e o freixo xigantes, que lle dan sombra e abrigo á escoliña que visitas.

 

 

VELLOS LIBROS DE ESCOLA: O CATÓN

 

      Temos información acreditada de que no ano 1888 había en Muimenta dúas escolas de ferrado e unha pública, a situada nalgún lugar de aluguer, hoxe descoñecido, e rexentada polo mestre Francisco Vilariño, que en carta dirixida ao medio de comunicación “El Magisterio Gallego” se queixa do mal funcionamento das escolas de ferrado, atendidas por un picapedreiro enfermo e un xastre remendón, que por escritorio empregaban o chedeiro dun carro; ante a súa admiración e desagrado os pais preferían estas escolas e non a ben dotada e gratuíta que el atendía.

       Houbo enfrontamento entre o mestre das escolas públicas e os escolantes das escolas de ferrado? Si que o houbo, máis dos primeiros contra os segundos ca destes contra aqueles. Pero  non era só un enfrontamento entre mestres, era un debate de fondo, político, social, no que cada parte defendía os seus intereses como mellor podía e sabía.

       O Estado, desde convencementos máis ou menos sólidos, ía caendo na conta de que Estado de cidadáns demandaba xente minimamente formada. Iso si, pasándolle a pelota do custe aos Concellos, ata que no ano 1902, por decisión do Conde de Romanones, asume a paga dos mestres, que, desde entón, pasarán a se chamaren “mestres nacionais”. Os Concellos, fuxindo do investimento en cultura, argumentaban que había boas e abondas escolas de ferrado para acadar o que se pretendía. Aos nobres do lugar, os mandamáis de parroquias e comarcas, sobráballes con frecuencia a cultura dos seus súbditos, como argumentaba aquel caciquiño de Negreira, que lles dicía aos seus veciños e veciñas: “Para que queredes aprender a ler e a escribir, se xa sabemos facelo meus irmáns, meus fillos e mais eu?. Se algunha dificultade tenden, vinde a xunta nós”.

 

 

INTERIOR DA ESCOLA VELLA DE MUIMENTA

 

       E no medio desta refrega estaban os labregos e labregas, levadas de acó para aló polos intereses duns e doutros, claro que si, pero pouco a pouco madurando na decisión de que os seus aprendesen o que lles valese para facer vida. Invítovos a que leades nos escritos da memoria que voan polo vello recinto escolar os razoamentos sopesados que os labregos tiñan para preferir a limitadísima escola de ferrado á escola pública. As escolas públicas están normalmente máis distantes que as de ferrado; os escolantes a soldo, por necesidade, son máis solícitos do que os mestres funcionarios; os tempos e os horarios das escolas de ferrado adáptanse mellor ás nosas necesidades, pois non podemos prescindir do apoio laboral de nenos e mozos; podemos controlar os contidos desta escola; o escolante da escola de ferrado pode ensinar para dar resposta a necesidades moi reais que a vida lle presenta aos seus alumnos.

      Comprendedes cómo as pedras falan e nos din cousas substanciais. Canto vos poderían dicir do empeño dos mesmos mozos/as pola súa formación, redondeando o traballo do día co esforzo da noite para ir á escola, remitindo para a paga da escola o que ben podería empregarse en ocio, roupa, mantenza ou saúde, persistindo aos 15,20,30 anos en entrar no misterio engaiolante das letras e dos números!.

 

PIZARRA A CADROS DA ESCOLA

 

      Xa o sabes, desde o ano 1970 as vellas escolas públicas ou privadas pecháronse para acolleren os novos grupos escolares. Normalizáronse moitas cousas. Ler, escribir, contar, e algo de catecismo está asegurado, pero a cultura dun pobo é moito máis ca iso. Por iso ábrete agora á conversa cos veciños e veciñas de Muimenta, que teñen fresco e vizoso o gusto polo comunitario, que son capaces de abrir novos espazos do saber para mellor vivir, que recompuxeron coas propias mans esta escola, este entorno no que te moves feliz, abrindo posibilidades económicas para o pobo e soñando, como soñaba Aquilino Iglesia Albariño que “nas veigas de Moimenta os poltros novos / correrán entre a i-erba e o restroballo / das flores, que lles chegan ó fuciño”. Sono de liberdade, de abundancia, de vitalidade, de fermosura, no que están empeñados os homes e mulleres que te rodean.
       Que goces con toda! E, se queres súmate aos soños!

 

     ILUSTRACCIÓNS.

 

 

O MESTRE MANOLO VILA QUE INTERVIU NA RESTAURACIÓN DESTA VELLA ESCOLA

 

 

 

ALGÚNS MAPAS DA VELLA ESCOLA

 

 

 

VISTA INTERIOR DA VELA ESCOLA DE MUIMENTA

 

 

 

VERSOS DE DARÍO XOHÁN CABANA, ANTIGO ALUMNO DESTA ESCOLA

 

 

 

PLACA DE INAUGURACIÓN DESTE LOCAL SOCIAL, ANTIGA ESCOLA DE MUIMENTA

 

Ir arriba