JUAN JOSÉ BURGOA. OS CRUCEIROS DO CAMIÑO INGLES. OS CAMIÑOS HISTÓRICOS DE FERROL, EUME E ORTEGAL.

 

OS CRUCEIROS DO CAMIÑO INGLÉS. OS CAMIÑOS HISTÓRICOS DE FERROL, EUME E ORTEGAL.

AUTOR: JUAN JOSÉ BURGOA.

 

No territorio das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal insírense tres antigos camiños ou rutas históricas: o Camiño de Teixido ou de San Andrés de Lonxe, a Ruta dos Arrieiros, e o Camiño Inglés a Santiago, último co seu inicio circulando polas comarcas de Ferrol e Eume, para logo seguir polas comarcas de Betanzos e Ordes cara a Compostela.Desta rolda faise un percorrido polos cruceiros e cruces de pedra que se levantan nas comarcas de Ferrol e Eume, dentro do ramal de Ferrol a Compostela do Camiño Inglés

O CAMIÑO INGLÉS

Forman parte das Rutas Atlánticas os camiños terrestres a Santiago que se inician desde unha das zonas de desembarco máis habituais dos peregrinos en Galicia: o Golfo Ártabro. Grazas a súa  notable situación estratéxica desde época medieval, as rías de A Coruña e Ferrol foron os máis importantes puntos de chegada dos peregrinos das Illas Británicas e do Norte de Europa, dando orixe aos dous ramais de coñecido como Camiño Inglés.

Un dos ramais iniciábase nos portos da ría de Ferrol (o propio Ferrol, Neda, O Seixo e Mugardos), continuando logo polos concellos de Narón, Fene, Cabanas e Pontedeume no seu itinerario en dirección a Betanzos. O Camiño segue cara a a Santiago uníndose ao ramal da Coruña no lugar do Hospital de Bruma, para seguir a continuación o itinerario  a Compostela, percorrendo un total de 118 quilómetros.

AS SINAIS DO CAMIÑO. OS CRUCEIROS.

 

A cruz ábrese aos catro ventos;

é a sinal do camiño para os camiñantes libres

Gilbert K. Chesterton. Ortodoxia

 

O paso do tempo dotou aos vellos camiños galegos dun sentido e intencionalidade que quedaron gravados de forma material, en especial nas pedras, e de xeito intanxible en forma de tradicións e lendas. A cristianización producida a partires do século VI non foi quen de desterrar o sentido máxico e o significado de medo e incerteza, que de algún xeito crearon as sucesivas culturas que se manifestaron en Galicia ao longo do tempo, persistindo unha serie de crenzas e ritos nos camiños e as encrucilladas.

 

 

FOTO 6. CRUCEIRO DAS VIRTUDES (PONTEDEUME)

 

 

Dúas mostras da arte relixiosa popular relacionadas co mundo máxico dos camiños son os cruceiros e os petos de ánimas, cristianizando antigos cultos e protexendo ao camiñante dos males que lle esperan na ruta, e que, no caso dos cruceiros, engaden a súa utilidade como sinais indicadoras da ruta a de fornecemento nos seus banzos dun lugar de descanso e meditación ao viaxeiro, atraendo cara á altura os pensamentos devotos dos peregrinos.

 

Na súa expansión, o cristianismo usou a cruz para sacralizar os lugares de antigos cultos, colocándoa nas encrucilladas dos camiños, coroando as cumes dos outeiros, sobre os menhires prehistóricos, na croa de antigos castros, encima dos miliarios romanos ou rematando pedras de termo. Pódese considerar un nacemento do cruceiro no ámbito rural, como cruces altas do camiño e fito santificador destes lugares. Esta presenza da cruz servía para invocar a presenza divina, guiar e protexer ao camiñante na súa ruta ou incluso para sinalar a proximidade dalgún templo.

 

Coa aparición das ordes mendicantes, o cruceiro se vencella ao seu pensamento místico, cun maior protagonismo da iconografía da cruz, coa presenza de Cristo, a Virxe e os personaxes da Paixón. Os cruceiros aparecen no mundo urbano ou en lugares próximos, ligados aos templos que lle serven de referente artístico. Coa auxe das peregrinacións e a extensión do estilo barroco en Galicia, o cruceiro volve ao mundo rural, sen deixar as vilas e cidades. A expansión foi apoiada polo labor dos canteiros, que lle deron a súa pegada de arte popular e que encheron destas obras os camiños e ámbitos sacros do territorio galego.

Ademais das sinais xurisdicionais ou de termo, os escasos rolos e as picotas que aínda quedan, e dos amilladoiros o montóns de pedras que van deixando os peregrinos na ruta, están os petos de ánimas dentro dos camiños, en especial nas incertas encrucilladas. Estas obras populares presentan elementos comúns coas cruces de pedra, dando orixe a obras que combinan ámbalas construcións. Sen estar ligados ao camiño xacobeo como os cruceiros, aparecen na ruta como secular testemuña e manifestación de culto popular.

 

OS CRUCEIROS DO CAMIÑO INGLÉS

 

Na zona alta da cidade se atopa o antigo barrio de Canido, onde se levanta un cruceiro de Canido. Trátase dun exemplar de mediados do pasado século, situado nunha histórica praza ferrolá, onde lle precederon outros exemplares desde o primeiro que segundo a tradición foi erixido no século XIV. Na ilustración aparece adobiado durante as Festas da Cruz de Maio.

 

FOTO 1. O CRUCEIRO DE CANIDO (FERROL)

 

Trátase dunha obra ben traballada e de boa cantería, que se ergue sobre catro graos e un amplo pedestal, todo iso de sección octogonal. Unha alta e esvelta columna, tamén de sección octogonal e rematada dun colariño cilíndrico, coróase dun artístico capitel de formas clásicas decorado con volutas esquinais, flores de catro pétalos nas caras e un ábaco curvilíneo.

A cruz de remate oitavada amosa os seus extremos potenzados e acolle dúas imaxes de detallada labra. Ao fronte un Cristo baixo letreiro de INRI, coroado de espiñas, de boas proporcionado e marcada anatomía, coas mans abertas, sino da misericordia de Deus, e o pé dereito cravado sobre o esquerdo. No reverso una Virxe da Piedade vestida de axustado velo e amplo manto, sostendo ao Fillo no seu colo, nunha movida composición romboidal de acusado escorzo.

O cruceiro de San Nicolás de Neda é un exemplar de formas góticas e de gran interese iconográfico. Atópase colocado no pequeno adro da igrexa parroquial desde o ano 1975, traído desde o próximo barrio de O Paraíso dentro do camiño dos peregrinos, onde fora derrubado nos anos previos á Guerra Civil. Tan só conserva de orixe a sólida e antiga cruz que amosa unha imaxe do Crucificado en cada lado do madeiro, feito singular nos cruceiros galegos. Aos seus pes atópanse catro desgastadas figuras máis pequenas, de manifesta verticalidade e situadas case aos catro ventos, efixies que puideran representar á Virxe e San Xoán Evanxelista nunha alegoría do Calvario.

 

FOTO 2. O CRUCEIRO DE SAN NICOLÁS DE NEDA

 

As dúas imaxes de Cristo, de factura arcada, cabeza caída a dereita, postura de pernas cruzadas, os pes cravados en rotación, o pano de pureza atado ao medio e a presenza dunha umbela ou dosel indican que pode ser unha obra de finais do século XIV ou principios do XV, tratándose dun dos exemplares máis antigos de Galicia. O resto dos elementos da obra, a plataforma de tres chanzos, o pedestal de forma prismática e de baixa altura, a curta columna oitavada con biseis de landra e o sólido capitel cuadrangular, teñen menor interese e colocáronse con posterioridade, substituíndo as pezas orixinais do cruceiro.

No interior do visible adro da igrexa parroquial de San Salvador de Fene, construción do século XVIII,  dedicada ao Divino Salvador, pódese ver un adobiado exemplar. O cruceiro de San Salvador de Fene é unha obra chamativa e antiga, resaltada polos seus abondosos liques, colocada nun lugar salientado e visible. Tres gradas cuadrangulares soportan un pedestal monolítico de forma cúbica, rematado na parte alta cun amplo disco toroidal decorado con catro caveiras, motivo simbólico da morte, talladas nas súas esquinas.

O rexo varal octogonal e o amplo capitel de orden xónico, adobiado con querubíns orlados y volutas esquinais, serven de soporte a unha cruz alta de paus biselados. No anverso leva unha estilizada imaxe de Cristo, de labra detallada, colocado despegado da cruz, a cabeza coroada de espiñas, torso de marcada anatomía marcada e crucificado cos tres cravos habituais. A imaxe da Virxe do Carmo leva coroa sobre su cabeza e o Neno Xesús de pequeno tamaño no brazo esquerdo, vestida de hábito e portando un escapulario, mentres semella que lle falta o cetro da man dereita, colocada sobre unha peaña de anxiño.

 

 

FOTO 3. O CRUCEIRO DE SAN SALVADOR DE FENE

 

Na encrucillada anterior á igrexa de Santiago de Barallobre, que amosa a imaxe do Apóstolo nun fornelo da fachada, un tradicional cruceiro sinala o templo, protexido por un sebe de herba de forma ovalada. Sobre unha plataforma de tres banzos levántase un pedestal de traballado remate de molduras de forma toroidal, adobiado con relevos de caveiras. O varal do cruceiro comeza e finaliza de sección cadrada, coa parte central octogonal de arestas rematadas en punta de frecha.

O seu capitel cuadrangular ten as súas caras decoradas con cabezas que se arrodean dunhas fermosas e singulares orlas, as súas esquinas levan volutas e remátase dun ábaco curvilíneo. A cruz é alta e de finos paus cilíndricos con ños imitando as ramas dun árbore. Leva dúas efixies de corte popular; no anverso unha imaxe de Cristo de curta estatura e pendurado do madeiro, vestido de pano de bucle amplo y colgado; no reverso unha Virxe das Dores de formas ríxida, nunha actitude recollida de mans xuntas sobre o peito, vestida cun amplo manto e colocada sobre peaña de cabeza de querubín.

 

FOTO 4. CRUCEIRO DE SANTIAGO DE BARALLOBRE

 

Nunha encrucillada da estrada de Ferrol a Pontedeume, que leva ao lugar de Feira do Oito de Cabanas, atópase un senlleiro cruceiro de finais do século XVI levantado de orixe na antiga ponte sobre o río Eume e hoxe cambiado de lugar. A obra se remata dnha maciza cruz cuadrangular de remates en roseta de oito pétalos amosa dúas imaxes apegadas ao madeiro, moi desgastadas polo paso dos anos.

O Cristo frontal é unha labra de boa feitura, de formas esveltas con brazos longos e horizontais, que mostra o seu perizoma atado á dereita. A Virxe Gloriosa do reverso é una efixie de canon clásico, coroada nunha hierática actitude orante e colocada sobre unha peaña de anxiño. O resto dos elementos do cruceiro son de feitura moi sinxela: un capitel con curtas molduras, un varal traballado con amplos biseis e unha pequena plataforma.

 

FOTO 5. CRUCEIRO DE CABANAS

 

 

Na saída de Pontedeume cara a Miño atópase o santuario da Virxe das Virtudes, cun elevado adro adobiado cun cruceiro. Trátase un exemplar de interese, posiblemente da mesma época que o santuario. Sobre catro robustos chanzos octogonais, o último facendo de pedestal, leva un fuste oitavado de amplos biseis en punta de frecha e un sinxelo capitel de doble moldura recta.

Unha sólida cruz practicamente grega, de paus cadrados e remates florais leva ao fronte una imaxe de Cristo baixo cartela de INRI, cun halo de santidade tras a testa, e cos pes cravados e no reverso a Virxe Gloriosa vestida de longa túnica pregada, pregando coas más xuntas, colocada sobre unha peaña de anxiño, as dúas imaxes de formas enxebres.

 

FOTO 6. CRUCEIRO DAS VIRTUDES (PONTEDEUME)

 

O derradeiro exemplar da ruta e unha antiga cruz de pedra ergueita na encrucillada do Alto de Campolongo, no antigo Camiño Vello de Vilar. O cruceiro de Campolongo, de vellas pedras luídas polo tempo, é unha obra tradicional erixido como guía e sinal do camiño nun típico emprazamento de encrucillada, hoxe colocado nun lugar pouco axeitado e mal protexido. Catro desgastados banzos de bos perpiaños soportan un varal groso de sección octogonal adelgazado cara ao alto, enfeitado na súa parte baixa cun dobre toro e escocia a modo de base ática.

A obra carece de capitel, levando directamente sobre a columna unha voluminosa cruz de forma grega con paus cuadrangulares e expresivas imaxes de estilo primitivo. Un Cristo de canon curto, formas expresivas e longa melena coroada de espiñas, baixo un amplo pergameo de INRI,  pano co nó á esquerda e os pes apoiados na cruz. Unha Virxe da Piedade de ampla composición, formas xeométricas e marcada presentación frontal por razóns de culto, co Fillo colocado nunha postura forzada de posición horizontal.

 

FOTO 7. CRUCEIRO DE “O ALTO DE CAMPOLONGO”

 

 

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *