O CRUCEIRO DE MASIDE.

 C

U     E

R            I

C                  R

O                       O

Erguida

sobre

a base

dun

calvario

álzase a vara, longa e vertical

sustentando un florido capitel

e sobre

este,

cos

brazos estendidos

para darlle

unha aperta á

humanidade,

vai un

Cristo

cravado

nunha

cruz,

revestido

co pano

de pureza;

a cabeza

inclinada

para a

dereita

e o pé

destro

montado

sobre o

esquerdo.

Así son os cruceiros

desta terra:

pedras bendicidas

para rezarlle a Deus

e un facho de luz

e de esperanza

nas noites siderais de Galicia.

XESÚS ANTONIO GULÍAS LAMAS

O CRUCEIRO DE MASIDE

AUTOR: XESÚS ANTONIO GULÍAS LAMAS.

Este fantástico cruceiro está na actualidade nunha pequena praza que se abre a carón da igrexa parroquial de Santo Tomé de Maside. Orixinariamente estaba situado cerca da fonte que foi o lugar onde parece que se tallou esta obra. Non hai data da súa edificación nin documentación sobre os seus detalles, polo que non sabemos quen foi ou foron os seus autores. Contoume Dolores Álvares, unha veciña da parroquia de Santa María de Amarante que lle dicía seu avó Eusebio Rodríguez, fillo de Xoana e Pedro, que o fixeran dous homes e unha muller. Levantaron un pequeno pendello moi cerca da fonte e eles traballaban debaixo daquel cuberto. O avó Eusebio era daquelas un neno duns oito ou dez anos, polo que a feitura do cruceiro, andaría arredor do ano 1890. Disque ía con outros rapaces de Maside, asexar como traballaban os canteiros e contaba tamén que el, ata o daquela, nunca vira traballar a unha muller na pedra.

CRUCEIRO DE MASIDE

É este cruceiro todo un compendio catequético da devoción máis popular e un resumo de gran parte da simboloxía relixiosa máis xenuína, pois parte do primeiro pecado e o castigo que este levou consigo ata a chegar á salvación que nos trae Cristo por medio de María sen esquecerse dos pasos que ten que dar o home antes de verse na presenza de Deus.

Nesta obra, vista con detalle, penso que podemos apreciar tres mans, todas de grande calidade, pero distintas: a base, a vara e o capitel coa cruz.

 

A base está composta por un cubo coas arestas biseladas e asentada sobre unha moldura formada por unha escocia e un cuarto de cana no remate. Cada unha das caras leva un entrepano no que van tallados diversos motivos que de seguido detallaremos. Na cara frontal, situada no lado norte, podemos ver un peto de ánimas que vai no interior da base coa súa porta de ferro; sobre o bisel superior di: benditas ánimas. Por debaixo da porta das esmolas leva unha cabeira tallada en alto relevo sobre un par de tibias cruzadas. Tanto as tibias como a caveira denotan certo descoñecemento da anatomía por parte do autor. Na cara oriental, tamén no seu interior, leva un peto de esmolas tapado cunha pequena porta de ferro dedicado a San Antonio que vai na parte baixa da porta das esmolas axeonllado, dando a man dereita ó Neno Xesús que está nun plano elevado sobre o que asemella ser unha nube. Estas figuras, ben proporcionadas están moi deterioradas, sobre todo nos rostros, posiblemente debido ós pequenos golpes que foi recibindo a traveso do tempo. No entrepano da cara occidental leva tallados, tamén en alto relevo, varios elementos relacionados coa Paixón de Cristo: unha man que nos lembra a labazada que lle deu a Cristo un garda do Sumo Sacerdote cando Xesús lle dixo a este: Por que me preguntas a min? Pregúntalle ós que me oíron falar que eles saben o que lles teño dito”(Xn. 18, 21); a cana co hisopo na punto, cruzada coa columna e finalmente o látego. Para rematar, no entrepano da cara meridional, igualmente en alto releva, leva tallados as tenaces, un corazón decorado na parte superior con tres cravos e finalmente, un martelo.

DETALLE DA BASE

A vara, de gran alzado, ten arranque cadrado que se converte en octogonal despois das figuras de Adán e Eva coa serpe subindo por ela polo lado da muller e remata en diminución cun anel tamén de oito caras. No primeiro plano da parte frontal leva tallada a figura posiblemente de San Antonio tratando de sacar coas dúas mans unha ánima das lapas  do purgatorio. Sobre esta figura, ocupando case a matade frontal da vara, van Adán e Eva espidos, tratando de taparse cunha folla e unha enorme serpe reptando de cara ó alto. A figura de Adán, volteado case para o oriente, está dándolle as costas e Eva e asemella avergoñado. Eva, coa mirada perdida e a cabeza lixeiramente ladeada á esquerda, loce unha longa melena mentres trata de tapar o seu corpo coas mans; á esquerda da muller vai a serpe que, como xa se dixo, sube enroscada pola vara arriba dende a parte baixa da peaña e asemella que lle está a falar ó oído á nai de tódolos mortais. Un pouco máis arriba, sobre unha peaña ruda situada no centro da vara, vai un querubín cunha espada de fogo na súa man dereita mentres marca o chan co seu dedo índice, reflectindo así o pasaxe da Biblia que di “despois de haber expulsado ó home, Iavé puxo diante do xardín de Edén  uns querubíns cunha chama de espada vibrante, para gardar o camiño da árbore da vida” (Gn. 3, 24).

DETALLE DO FUSTE

Tamén no centro da vara sobre peaña, pero colocada enriba do querubín bíblico, vai outra imaxe que case con toda seguridade se trata de San Francisco, o amigo dos animais, pois viste o saial co cordón desta orde mendicante e lava sobre os seus brazos o que asemella ser un año aínda que está moi deteriorado pola erosión, xa que esta peza é dunha pedra de gran lixeiramente groso e temos que ter tamén en conta que este cruceiro ten sufridos un bo número de lavadas, algunhas delas, bastante agresivas.

DETALLE DO FUSTE

O capitel, tallado ó máis puro estilo xónico está decorado na parte baixa da cesta con flores de acanto que se abren ó exterior. Leva volutas nos vértices superiores e un rostro de anxo no centro de cada unha das caras, excepto na frontal que leva unha imaxe da Virxe sedente e tocada cun manto que lle cubre a cabeza.

A cruz é de sección cilíndrica con nodosidades e leva a cartela do INRI no máis alto do mastro. Trátase dunha das obras mestras da nosa cultura popular relixiosa sobre todo pola destreza do canteiro e o dominio que este ten das formas e das proporcións.  Está realizada nunha soa peza e presenta pola parte frontal, orientada de cara o norte, a figura de Cristo e polo reverso vai a imaxe da Virxe María no misterio da súa coroación coma Raíña da creación e vencedora do pecado representado pola figura monstruosa do demo que está encadeado e vencido ós seus pés.

DETALLE DO CAPITEL E DO REVERSO DA CRUZ

A figura de Cristo co corpo dobrado e debruzado sobre si mesmo está cos brazos moi caídos e separados do traveseiro; o corpo totalmente afastado do mastro o que denota a valentía e o bo facer do autor. Leva a cabeza moi inclinada para o seu lado dereito e loce unha longa cabeleira que lle cae por ambos lados dos ombreiros e vai tocada cunha coroa trenzada de espiñas. Presenta os músculos do peito moi marcados o mesmo que os das pernas que lle dobran á altura dos xeonllos; o pé dereito vai cravado sobre o esquerdo e o pano de pureza, colgado por varios sitios, está anoada sobre a súa parte esquerda. No seu lado dereito, a altura do costado, leva un anxo ó voo coas alas en alto, longa vestimenta e unha copa na súa man dereita coa que lle recolle o sangue que verte do seu costado.

DETALLE DO CAPITEL E DO ANVERSO DA CRUZ

Polo reverso, como xa indicamos máis arriba leva a imaxe da Virxe María na súa advocación de Raíña do Universos, coroada por dous anxo ó voo apoiados no traveseiro de cruz e cunha coroa nas mans que tratan de poñer sobre a cabeza da Virxe. A figura de María, coa cabeza descuberta e o manto colgado dos ombreiros e enrolado sobre o ventre, leva o Neno Xesús no colo, que sostén co seu brazo esquerdo mentres que coa súa man dereita agarra unha cadea coa que ten amarrada unha efixie monstruosa cun rostro moi parecido ó dun humano, boca desmesurada, dentes descomunais, cornos de cabra e rabo de fera rematado en arpón, que representa a figura do demo. O feito de que a Virxe o estea  pisando e o leva amarrado cunha unha cadea ven a significar o dominio que María ten sobre o mal e sobre o pecado. É ademais un refuxio ó que un se pode agarrar para salvarse, xa que se ve a un neno collido do seu manto que trata de subir para que non lle faga dano o demo que está ós pés da Virxe.

Ten por tanto esta imaxe todo un cúmulo de simbolismos da relixiosidade máis profunda e xenuína do pobo galego polo que podemos considerar este cruceiro coma un pequeno resumo da catequese máis populares que vive enraizada na nosa cultura relixiosa e lle dá un profundo sentido á nosa fe.

 

ILUSTRACCIÓNS.

 

DETALLE DA BASE.

 

 

DETALLE DO FUSTE

DETALLE DO FUSTE

DRETALLE DO REVERSO DA CRUZ

 

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *