AS CIDADES ASOLAGADAS DE GALICIA
AUTOR: JUAN JOSÉ BURGOA.
Asociación de Estudios Históricos de Galicia
Revista de Investigación “ETNOGRAFIA”, nº2, 2010. I.S.S.N. 1989 – 8541.
WEB: https://mesondoforno.com.
Foron moitos os escritores, historiadores e etnógrafos que nos seus traballos deron noticias particulares ou que recolleron lendas específicas sobre as cidades asolagadas ou afundidas en Galicia, caso do Licenciado Molina, Lucas Labrada, os Pais Martín Sarmiento e Felipe Gándara, Pascual Madoz, José Verea, Villaamil y Castro, Benito Vicetto, Leandro de Saralegui, Federico Maciñeira ou Manuel Murguía.
Unha das cidades máis citadas é a lendaria de Beria ou Veria, afundida baixo a lagoa de Cospeito (coñecida tamén cos nomes de Santa Cristina e Lamas de Goa), pertencente ao territorio habitado polos míticos baluros na Terra Chá lucense. A desaparición baixo as augas desta cidade foi recollida por Amor Meilán (1), interpretando que se tratou dunha poboación lacustre, xa que en tempo de seca se poden ver no fondo do lago, pedras, ladrillos, trabes e obxectos de ferro. A devandita lagoa, hoxe desecada, foi pescudada por Villaamil y Castro e Luis Monteagudo, sendo citada o ano 1550 polo Licenciado Molina (2) como lugar de asentamento dun antigo poboado lacustre do que aínda quedaban restos e no que se oían con frecuencia fortes bruídos dun animal e o tanguer de campás.
Máis tarde, Manuel Murguía (3) escribiría que a penas se atopa en Galicia un lago ou lagoa importante que non teña a tradición dunha cidade sepultada, normalmente co nome de Valverde ou Villaverde. A máis de reproducir a devandita información sobre Cospeito, cita as cidades asolagadas de Reirís, Antela, Doniños, O Roxal en Neda, A Riega, Duio, Trava en Laxe, Brandomil en Zas, Estebañón en Viveiro, San Xoán de Ferreiros e Carregal en Riveira.
Outras cidades asolagadas que mencionan autores posteriores son as da Lagoa Sacra en Forcarei, Pozo del Piago en Viveiro, Portocelo en Xove, lagoa de Alcaián en Coristanco, praia do Orzán na Coruña, Carracedo en As Pontes, Os Curbeiros en Friol, Montouto en Mondoñedo, O Carballiño, Pozo de Lago en Maside e Louro en Muros, a última delas co pozo chamado Profundo de Louro, xermolo de abondosas lendas que recolle Ramón de Artaza (4).
Mención especial merece a chamada Lagoa Sacra, sita no concello pontevedrés de Forcarei, hoxe desecada. Segundo a tradición, que recolleu Bouza Brey (5), preto dela tivo lugar unha feroz batalla, sendo amurallado o recinto guerreiro e logo asolagado polas augas para evitar a profanación dos cadáveres alí soterrados.
(1) Manuel AMOR MEILÁN. Provincia de Lugo. En: Geografía General del Reino de Galicia. Editorial Alberto Martín. Barcelona, 1928.
(2) Licenciado MOLINA. Descrición del Reyno de Galicia y de las cosas notables de Mondoñedo, 1550.
(3) Manuel MURGUÍA. Galicia. Editorial Daniel Cortezo. Barcelona, 1888.
(4) Ramón de ARTAZA MALVÁREZ. La villa de Muros y su distrito. Pontevedra, 1959.
(5) Fermín BOUZA BREY. Etnología y Folklore de Galicia. Tomo I. Edicións Xerais. Vigo, 1982.
FOTO: MANUEL GONZÁLEZ TABOADA. A LAGOA DE COSPEITO
Máis de setenta cidades sumidas recóllense en traballos de escritores como Filgueira Valverde, Vicente Risco, Bouza Brey, Carré Aldao, Álvaro Cunqueiro, Santiago Lorenzo ou Vítor Vaqueiro. Nas Rías Baixas cítase a presenza de cidades míticas en Baiona, Noia, Donón en Cangas, o areal de Panxón e as marismas de Canido en Vigo, e na comarca da Terra Cha aparecen, ademais da citada Beria en Cospeito, as de Buriz en Vilalba, Trasparga e Boedo en Guitiriz.
Na Costa da Morte existen numerosas lendas sobre estas cidades, como Duio en Fisterra; Gomorra, na ría de Corcubión, que desapareceu mentres os seus habitantes celebraban unha gran comellada; Vilaverde, fronte á praia dese nome en Moraime de Muxía; a Fonte de Ricamonde en Carnota, onde din que se agacha nunha cidade romana, ou as vilas de Valverde, na praia de Corme e na lagoa de Traba en Laxe.
Entre as cidades lendarias á beira do mar, Duio é máis coñecida. Trátase da antiga Dugium, mítica capital da tribo dos Nerios, sita entre os cabos da Nave e Fisterra e arrasada por un golpe de mar segundo a tradición citada polo Pai Sarmiento no ano 1754 e Lucas Labrada no 1804. Arredor dela concorren varias lendas populares, relativas ao traslado do Apóstolo Santiago. Ademais de López Cuevillas e Esmorís Recamán, Carré Aldao (6) afirma a existencia de vestixios dunha cidade lacustre palafítica con construcións circulares, os chamados fornos.
Para Luis Monteagudo (7) a cidade de Dugium foi o mítico porto dos Ártabros, citado por Estrabón e Ptolomeo, lugar de embarque dos minerais de ouro e estaño, perdurando hoxe nos topónimos das freguesías de San Vicente e San Martiño de Duio. Para Alonso Romero (8), Duio caeu nun progresivo desleixo desde o século V, refuxiándose os seus habitantes en lugares seguros, mentres as súas rúas e vivendas foron desaparecendo baixo as augas do mar.
Entre as lagoas costeiras coruñesas, a de Carregal, no complexo dunar de Corrubedo en Ribeira, é unha das máis coñecidas. Notable espazo natural aberto ao mar, foi visitada polo pai Sarmiento e citada por Murguía e Monteagudo, tendo abondosas lendas sobre unha cidade afundida no fondo da lagoa. Neste lugar, segundo López Cuevillas e Bouza Brey (9), erguíase a cidade de Malverde ou Valverde, habitada polos mouros que foron atacados por Carlomagno e os Doce Pares de Francia. Na batalla, chegando a noite, Roldán pediulle a Deus unha hora máis de visibilidade para derrotar aos seus inimigos, graza que lle foi concedida. Desde entón, no lugar hai unha hora máis de luz despois do solpor.
(6) Eugenio CARRÉ ALDAO. Provincia de La Coruña. En: Geografía General del Reino de Galicia. Dirigida por F. Carreras y Candi. Editorial Alberto Martín. Barcelona, 1928.
(7) Luis MONTEAGUDO. Ob.cit.
(8) Fernando ALONSO ROMERO. Historia, leyendas y creencias de Finisterre. Briga Edicións. Betanzos, 2002.
(9) Florentino LÓPEZ CUEVILLAS-Fermín BOUZA BREY. Prehistoria e Folklore da Barbanza. En: Revista Nós, número 46. Outubro 1927.
Outra cidade asolagada é a situada na desecada lagoa de Antela, situada na ampla planicie ourensán da Limia, citada por Cornide, Guillermo Schulz, o Pai Flórez, Pascual Madoz, Barro Silvela e Villaamil e Castro. Máis tarde Francisco Conde-Valvís informou de asentamentos palafíticos no lugar (10), sendo pescudada por Taboada Chivite o ano 1969 (11). Alí foi sepultada a mítica cidade de Antioquía, fundada polo rei Antíoco e, segundo a tradición, os edificios máis altos albiscábanse nos estiaxes e oíanse as badaladas das campás nas noites de San Xoán, Nadal e Reis.
Outra lagoa costeira galega é a de Doniños, nunha depresión do val do río Anido preto do mar, a seis quilómetros de Ferrol. Trátase dun exemplo da interacción entre mar e terra, resultando un singular ecosistema causado pola erosión onde as rochas brandas (xistos) orixinan o val onde se asenta a lagoa e as duras e resistentes (pedra de gra) causan os montes que lle serven de límite (12). A lagoa ten unha figura case oval e unha superficie duns 2 km2, tendo a cota de maior profundidade uns de 11 metros.
A lagoa de Doniños non dispón de comunicación directa co mar e a barra areosa que a pecha amosa unha boa cantidade de dunas colonizadas por un especial anel de vexetación palustre. As súas augas son especialmente ricas en vida, constituíndo unha verdadeira reserva vexetal e animal. Nas zonas que arrodean a lagoa crecen numerosos canaveirais, xunqueiras e carrizais, e na beira da mesma consérvanse os restos dun bosquete caducifolio onde predominan os salgueiros e ameneiros.
O Pai Martín Sarmiento, na viaxe que fixo a Galicia no ano 1745 (13), visitou este lugar escribindo: “San Román de Doniños. Aquí hai un lago dun cuarto de legua de circunferencia, e tradición que alí hai vestixios dunha cidade chamada Valverde”. Máis tarde, na seguinte viaxe que realizou os anos 1754 e 1755 (14) volveu a visitalo lago de Doniños, do que escribe nesta ocasión: “Dízese que aquí hubo una ciudad y que se anegó. No es increible que allí hubiese un buen lugar. Oí que el lago era dulce, y que tenía fondo”.
Manuel Murguía (15) escribe sobre Doniños que a cidade de Valverde foi sepultada baixo as augas da lagoa. Pola súa parte, o historiador Montero Aróstegui na Historia de Ferrol (16), alude a cidade asolagada de Valverde, afundida na lagoa, segundo unha tradición que considera confusa e de pouco fundamento. Non obstante, Montero Aróstegui publicaría anos máis tarde un artigo na Revista Galaica (17) sobre a devandita lagoa, no que se estende na descrición da lagoa, na abundancia da pesca de anguía e percas e nas tradicións do lugar, que considera dinas da maior atención.
(10) Francisco CONDE-VALVÍS. La laguna Antela y sus vicisitudes histórico-arqueológicas. En: Boletín Auriense, número 5. Ourense, 1975.
(11) Xesús TABOADA CHIVITE. Ob. cit.
(12) Sociedade Galega de Historia Natural. Lagoa e praia de Doniños. En: Dez sitios de interese natural na comarca ferrolá. Ferrol, 1984.
(13) Fray MARTÍN SARMIENTO. Viaxe a Galicia (1745). Ediciòn de José L. Pensado. Editorial Toxosoutos. Noia, 2001.
(14) Viaje a Galicia de Fray Martín Sarmiento (1754-1755). Edición de Cuadernos de Estudios Gallegos. Santiago de Compostela, 1950.
(15) Manuel MURGUÍA. Ob. cit.
(16) José MONTERO ARÓSTEGUI. Historia de la ciudad y departamento naval del Ferrol. Madrid, 1858.
(17) José MONTERO ARÓSTEGUI. Galicia pintoresca. El lago de Doniños. En: Revista Galaica, número 2. Ferrol, 30 de Mayo de 1874
O compostelán Santiago de la Iglesia, afincado en Ferrol, fixo o ano 1901 (18) un traballo sobre a poboación lacustre de Doniños, citando os restos carbonizados por un incendio duns pivotes verticais, posible sostén ás palafitas, aínda que indica que a subida de nivel que experimentou o fondo do lago por mor dos importantes aluvións sufridos no tempo, farían infrutuosa calquera investigación emprendida na procura de restos de interese.
De novo Santiago de la Iglesia, nun posterior traballo do ano 1908 (19), informou do achado na lagoa dunha punta de frecha de sílex tallado – gardada no Museo da Facultade de Xeografía e Historia de Santiago – , datada no período paleolítico. Insiste que Doniños foi unha estación lacustre, lembrando os citados chantóns carbonizados, sobresaíndo case 75 centímetros do lamazal durante a estiaxe e mergullados na invernada. Nembargante, Víctor Alonso (20) rexeita esta hipótese, plantexando a probabilidade de que os chantóns fosen dun embarcadoiro da pesca da anguía; asemade desbota a apuntada posibilidade de que os devanditos postes foran o soporte de hórreos colocados á beira do lago.
AS LENDAS DE CIDADES ASOLAGADAS
A maioría das publicacións que estudan as lendas galegas, fan algunha referencia ao mito das cidades asolagadas. O ano 1961, o Centro de Estudios Fingoy de Lugo (21) publicou un libro de contos populares, prologado polo escritor Carballo Calero, que inclúe unha versión da lenda da Virxe do Monte e da lagoa de Cospeito. Segundo a lenda, na aba do monte onde está a capela da Virxe do Monte e no sitio ocupado hoxe pola lagoa, atopábase a vila de Valverde, anegada pola falla de socorro a unha pobre que era a Virxe disfrazada. A mendiga tan só foi atendida por unha familia pobre á que a Virxe ao día seguinte mando saír da casa mentres a cidade era asolagada polas augas.
No ano 1969 publicouse un interesante traballo do polígrafo coruñés Leandro Carré Alvarellos (22), que incluía as lendas dedicadas á cidade de Beria en Cospeito (a mesma que xa se citou), convertida na lagoa de Lamas de Goá pola idolatría dos seus poboadores, e á lagoa ferrolá de Doniños (un lugar recorrente nas lendas populares), anegada por mor de que Noso Señor non atopase aloxamento no pobo. No ano 1980 Pedro de Frutos (23) fai un percorrido polas lendas galegas de maior interese e no apartado de lendas fantásticas cita os casos das cidades sumidas nas lagoas de Antela, Cospeito e Doniños.
(18) Santiago de la IGLESIA. Ferrol arqueológico. En: Anuario Ferrolano para el año 1902. Ferrol, 1901.
(19) Catálogo de la sección de protohistoria gallega de la colección de Santiago de la Iglesia. En: Almanaque de Ferrol para el año 1908. Ferrol, 1907.
(20) Víctor ALONSO TRONCOSO. Ob.cit.
(21) Centro de Estudios Fingoy. Contos populares da provincia de Lugo. Editorial Galaxia. Vigo, 1961.
(22) Leandro CARRÉ ALVARELLOS. As lendas galegas tradizonaes. En: Revista de Etnografía. Museo de Etnografía e Historia. Porto, 1969.
(23) Pedro de FRUTOS GARCÍA. Leyendas gallegas. De Breogán al fin del mundo. Colección Opifex. Madrid, 1980.
O ano 1981 o escritor de Viveiro, Enrique Chao Espina (24), cita practicamente os mesmos lugares que os autores anteriores. Con respecto á lagoa de Estabañón ou Lebañón, preto de Viveiro, narra a chegada de Santiago nun barco de vela tras unha forte treboada, suplicándolle amparo a un zapateiro da poboación que, segundo a tradición, enfurecido botoulle un zapato ao rostro. O Apóstolo retirouse ao monte Faro encima da vila, desde onde lle botou a súa maldición:
“Arrevírate vila, co debaixo pra riba”.
Cando a mar oíu a imprecación, as augas sepultaron a vila maldita, oíndose desde entón o melancólico tanxido das campás, procedente da cidade anegada.
Tamén Chao Espina da unha versión similar sobre a orixe do lago ourensán de Maside, sendo neste caso a Virxe co Neno desprezada polas xentes da rica vila. Tamén Nosa Señora sube a unha altura próxima e desde alí botoulle unha maldición ao pobo con estas verbas:
” Lago, te sulago lo de enriba para embajo”.
E tamén neste caso as augas obedeceron e a cidade quedou anegada cos seus habitantes dentro, coa excepción dunha rapaza que andaba a coidar as ovellas e que deulle á Virxe un anaquiño de pan cando pedía esmola.
Un último caso que cita Chao Espina é o da praia da vila mariñeira de Corme, onde existiu a cidade de Valverde, asolagada tamén pola maldición da Virxe. Neste caso quedou no lugar do suceso unha pequena illa, chamada da Estrela, onde os seus antigos habitantes ergueron na honra da Virxe unha capela, da que quedan as ruínas. Gran parte das lendas referidas as cidades cubertas polas augas, repiten os tradicionais nomes de Valverde e Lucerna que, segundo Manuel Murguía (25), proceden dun pasaxe da Vida de Carlomagno, na Crónica de Turpín, onde se conta a destrución da cidade de Lucerna, situada no Valle Verde (Valverde). Máis tarde, por mor da difusión desta Crónica ou pola propagación dos romances, a lenda espallouse por numerosos lugares de Galicia.
Outros autores posteriores recompilaron diversas lendas galegas sobre as poboacións afundidas en diferentes publicacións. O ano 1991 Santiago Lorenzo (26) salienta o tema recorrente das cidades asolagadas dentro das tradicións galega, engadindo aos casos anteriores a chamada vila de Troia en Donón onde aínda se lembra a tradicional lenda da Curuxaina. Outro escritor, Caudet Yarza (27) inclúe no seu traballo do ano 1995 a lagoa de Maside e, de novo, a de Doniños.
(24) Enrique CHAO ESPINA. Leyendas de Galicia y otros temas narrativos. Imprenta Fojo. Ortigueira, 1981.
(25) Manuel MURGUÍA. Obra citada.
(26) Santiago LORENZO SACCO. Galicia mágica. La herencia olvidada. Ediciones Martínez Roca. Barcelona, 1991.
(27) Francisco CAUDET Y ARZA. Leyendas de Galicia y Asturias. M.E. Editores. Madrid, 1995.
Nun completo traballo do ano 1997 sobre as cidades asolagadas Alonso Troncoso (28) fai un percorrido histórico sobre o tema, incluíndo o estado da cuestión das poboacións lacustres, estendido a toda Galicia pero cunha especial incidencia nas cidades situadas no litoral galego, a carón do Camiño Inglés a Compostela. No traballo desenvolve tamén un salientable estudio sobre os variados estratos ou compoñentes inmateriais e etnográficos que acompañan a estas lendas tradicionais.
Dentro destes estratos, Víctor Alonso sinala unha fundamental compoñente de catequese relixiosa que acompaña estes contos ou lendas; o inmediato castigo de Deus ás cidades que non auxiliaron ao seu Fillo, á Virxe, Santiago, San Pedro ou outro santo, ao tempo que procura a salvación das persoas caritativas. Trátase dun tema mítico, cristianizado no medievo, orixe dunha morea de similares lendas por todo o mundo cristián: un pobo é asolagado por mor dos pecados dos seus moradores, aínda que en algún caso pódense salvar os inocentes e compasivos.
Convén subliñar que as lendas e mitos das cidades asolagadas pertencen ao acervo tradicional dun gran número de pobos que teñen numerosas influencias culturais ao longo de moitas civilizacións. Segundo un dos máis sobranceiros estudosos da relixión e os seus mitos, Mircea Eliade (29), dentro da sacralidade das augas, tema de especial significación nas costumes e na mentalidade dos galegos, os ritos de asolagamento e inmersión posúen tamén unha función de purificación e teñen unha compoñente de rexeneración.
Seguindo co traballo de Víctor Alonso, estuda outras compoñentes destas lendas, caso do contraste entre os lugares altos, que son os seguros, e os situados en terreos baixos, sempre a piques de quedar anegados; a existencia de pozos inesgotables de auga, tan presentes no folclore galego; a proximidade dalgún resto castrexo ou romano á beira ou por enriba da cidade asolagada, incluso con achados materiais daquela época, que se unen as lendas dos mouros e do folclore local; incluso a presenza dunha ermida ou capela preto do lugar.
A todo iso pódese engadir unha serie de manifestacións exteriores: a presenza de antigos poboadores, caso dos lendarios mouros, tan presentes no imaxinario popular, os sons das badaladas, o bruar das bestas e o canto de galo, así como a visión de cruceiros, cataventos, torres e cúpulas de igrexas, vigas e chemineas de edificios, sinais unhas intanxibles e outras materiais, perceptibles en certas datas máxicas, no período solsticial do ano ou cando concorren determinadas condicións atmosféricas.
Rematando o estudo dos factores que interveñen nestes contos e lendas populares, cumpre citar como feito diferencial a existencia nas diferentes narracións dun zapateiro como a persoa que nega a axuda ou socorro ao personaxe sagrado, e incluso o agride. Este feito pode ter a lectura sociolóxica de seren un prexuízo contra os zapateiros, como representantes dos oficios artesáns, en oposición a boa consideración popular mantida polos labregos e traballadores da terra.
(28) Víctor ALONSO TRONCOSO. As lendas das cidades asolagadas a carón do camiño. En: O Camiño Inglés e as Rutas Atlánticas. Aulas no Camiño. Universidade da Coruña, 1997.
(29) Mircea ELIADE. Lo sagrado y lo profano. Editorial Paidos. Barcelona, 1988
Desde o punto do cancioneiro popular, que sempre reflicte o sentir do pobo, pechamos este traballo cun romance de cego publicado por Álvaro de las Casas (30) no ano 1939, poñendo en relación a cidade de Valverde coas súas torres e rúas anegadas polas augas e cos lendarios mouros sempre presentes na memoria popular:
Na lagoa de Valverde
hai baixo as augas salgadas
dende fai trescentos séculos
unha cidá asulagada.
Cidá povoada de mouros,
alá nas edás pasadas,
cun Rei de branco turbante,
branca barba e capa branca.
Cidá con corenta torres
e vinte rúas fidalgas,
con bosques de sombra espesa
e xardíns de rousas brancas.
Todas as noites de lúa,
no fío das alboradas,
un feitizo envolto en ouro
xurde das augas salgadas.
(30) Álvaro de las CASAS. Cancioneiro popular galego. Editorial Más. Santiago de Chile, 1939.
ILUSTRACCIÓNS.
FOTO: MANUEL GONZÁLEZ TABOADA.A LAGOA DE COSPEITO.
DESEMBOCADURA DO LAGO DE CARREGAL NAS DUNAS DE CORRUBEDO (A CORUÑA)
http://www.panoramio.com/photo/37985931/
O POZO DA LAGOA DE MASIDE (OURENSE)
http://www.absolutourense.com//
A LAGOA DE FORCAREI (PONTEVEDRA)
http:// www.wikipedia.org/Galería de imaxes de Forcarei//
O POZO DO OLLO (RIOCALDO) (BEGONTE) (LUGO).
www.conocebegonte.blogspot.com/2009/06/tesouros-ambientais.html.