PASADO E PRESENTE DA LITERATURA ORAL. A CHAIRA, TERRA DE LENDAS.
AUTOR: XOSÉ M. FELPETO ENRÍQUEZ
Revista de Investigación “ETNOGRAFIA”, nº3, 2011. I.S.S.N. 1989 – 8541.
A XEITO DE INTRODUCIÓN.
Dou por feito que non hai recanto de Galiza onde non se teña oído falar algunha vez de lendas. Cabe mesmo a posibilidade de que moitos teñamos gozado do privilexio de telas escoitado directamente de boca dos nosos avós, ás veces dos nosos pais, sentados arredor da lareira en longas noites de inverno, mentres se limpaban as zocas, se tecía, se fiaba, se esfollaba o millo…, cando a palabra propia tiña peso de seu e non era desprazada coma na actualidade pola da todopoderosa e omnipresente TV.
Sexa como for, cómpre dicir que na actualidade as lendas -narracións de feitos lendarios ou fabulosos- sobreviven grazas á conservación e transmisión, case sempre oral, de que foron obxecto ininterrompidamente ao longo dos séculos por parte dos nosos devanceiros.
As lendas, xunto cos contos, os romances, as cantigas, os refráns, etc., constitúen un dos tesouros etnográficos máis valiosos do pasado e forman por tanto parte esencial do noso patrimonio cultural, sen o cal mesmo podería dicirse que non sería posíbel entender dun xeito completo a propia historia.

ARQUIVO I.E.CH. (INSTITUTO DE ESTUDIOS CHAIREGOS).CHARCA DO ALLIGAL. CODESIDO (VILALBA)
A LENDA, ARTE NARRATIVA
O ourensán Vicente Risco, primeiro autor que constrúe unha teoría sobre as manifestacións literarias populares, consideraba á épica popular constituída polo verso (romance) e a prosa (lenda e conto). Estudos actuais engaden un terceiro xénero narrativo: o mito.
Mais, para non confundilos, cómpre facer unha diferenciación clara entre conto, mito e lenda, aínda que nalgúns casos concretos estes conceptos compartan características que lle son propias xustamente ao outro.
O conto é un tipo de relato enxeñoso que busca o simple entretemento. Destacan polo común a brevidade e a sinxeleza, características que buscan seguramente un maior achegamento á comprensión popular, e narran feitos imaxinarios cunha fin, as máis das veces, moralizadora. A xente máis entrada en anos garda na memoria contos de animais (lobos, raposos, galos…) que a xeito de fábula se comportan coma humanos, contos de costumes (cregos, oficios, crenzas…) e contos marabillosos (fadas, trasnos, feitizos…). Teriamos así, por exemplo, O lobo, o home e máis a xustiza (recollido por alumnado do CEIP “Antonio Insua Bermúdez” e publicado no número 30 da revista escolar “A Pravia”, do mesmo Centro, en maio de 1995), ou As vodas do ceo, O boticario e o parvo, O vello e a nora, A confesión do tolo, etc., onde se reflicten estes parámetros.O termo lenda procede do latín legenda, “o que debe ser lido”. Inicialmente parece que facía referencia a un relato para ler en público nos mosteiros ou nas igrexas, pero co tempo pasou a facer referencia a unha narración oral ou escrita que se presenta como verdadeira ou baseada na realidade, aínda que incluíndo elementos fantásticos ou imaxinarios.
O mito é una narración de fenómenos extraordinarios ou prodixiosos. Xorde nos pobos da Antigüidade coa finalidade de buscar resposta ás interrogantes que o ser humano se formula en relación co mundo e a súa existencia. Os protagonistas veñen ser heroes, reis, deuses ou seres fabulosos.
A lenda, pola contra, supón unha relación de feitos que, aínda con base real, teñen máis de fantásticos e marabillosos ca de históricos ou verdadeiros. É un tipo de narración que, prescindindo da historia ou mesmo deformándoa, fai referencia a persoas que viviron realmente ou a seres imaxinarios ligados a un lugar real concreto e que actuaron nun determinado tempo. Está, polo mesmo, ligada sempre a un elemento preciso (un personaxe, un lugar ou un obxecto) integrado na vida cotiá ou na historia da comunidade na que se enmarca.
Continúa leyendo XOSÉ M. FELPETO ENRÍQUEZ. PASADO E PRESENTE DA LITERATURA ORAL. A CHAIRA, TERRA DE LENDAS.