Revista de Investigación “ETNOGRAFIA”, nº 5, 2013. I.S.S.N. 1989 – 8541.
Web: mesondoforno.com
1. INTRODUCIÓN
Non é O Corgo un concello que poida presumir de ter un elevado número de cruceiros, xa que das trinta e oito parroquias que integran este municipio só en tres atopamos exemplos destas “oracións en pedra” como define Castelao estas mostras da nosa arte popular. Chama a atención o feito de que tres destas parroquias, concretamente as de Santa María de Queizán, Santo André de Chamoso e San Xoán de Segovia, concentren todos os cruceiros existentes neste municipio, aos que hai que sumarlles unha cruz de granito situada no lugar de Vilapene (Chamoso). Seguindo coas cruces, convén destacar tamén unha pedra calada incrustada no muro testeiro da igrexa parroquial de Anseán, de cronoloxía incerta, aínda que ben puidera tratarse dun elemento prerrománico, que presenta unha seteira en forma de cruz, símbolo que tamén aparece gravado na parte superior desta placa.
Tres cruces de pedra podémolas ver sobre o muro que delimita o muro do adro da igrexa parroquial de Cela, templo que conserva aínda algún elemento románico, probablemente restos dun antigo Vía crucis hoxe desaparecido. Pola súa parte, a cruz colocada na tapia do cemiterio de Marei, flanqueada por dous pináculos, procede do lintel da vella portada de entrada a este camposanto, do que tamén formaban parte as dúas fornelas con huchas de ferro para as esmolas que aínda se conservan.
Quizais procedente do cemiterio de Quinte é a cruz de pedra que, actualmente, está colocada sobre un lintel de formigón que serve de acceso a unha leira particular inmediata á igrexa desta parroquia.
Outra cruz existente no Corgo é a que se atopa á entrada do camiño que leva á igrexa de Cerceda; trátase dunha gran cruz relativamente nova sobre unha gran base circular carente de calquera mérito artístico.
CRUCEIRO DA IGREXA (SANTO ANDRÉ)
2. OS CRUCEIROS
Polo que respecta aos cruceiros, en Santa María de Queizán podemos ver dous moi interesantes:
O primeiro está dentro do adro da igrexa parroquial e trátase dun cruceiro liso, é dicir, sen efixies e case carente de ornamentación, xa que se limita ás molduras do capitel e a unha superposición de rebaixes cuadrangulares en cada unha das caras do imoscapo. Levántase sobre unha plataforma dun só chanzo de granito, de planta cuadrangular, sobre o que se asenta unha base monolítica de forma paralelepípeda coas arestas superiores achafranadas que, no seu lado leste, ofrece unha inscrición moi borrosa que, na nosa opinión, di:
HIZOLA JUAN
ANTONIO AÑO
D(E) I D CC L (1750?)
CRUCEIRO DO INTERIOR DO ADRO (QUEIZÁN)
O seu fuste, monolítico e de sección cuadrangular no extremo inferior e coas arestas rebaixadas no resto, remata nun capitel moldurado cun listel, unha escocia e un bocel que dá paso a un pequeno tramo recto. A cruz, sen efixies, ten unha sección cuadrangular nos extremos xa que as súas arestas están rebaixadas.
A particularidade deste cruceiro é que presenta dous pousadoiros de diferente tamaño, un no lado leste e outro no norte.
Iguais características ten o cruceiro situado fóra do adro e próximo a un sartego antropomorfo diferenciándose, soamente, ademais da ausencia de pousadoiros, no capitel e na plataforma, formada neste último caso por dous chanzos. No lado SE da súa base, aparece o epígrafe:
HIZOLA FRANC
ISCO DIAZ AÑ
O DE 02
CRUCEIRO DE FORA DO ADRO (QUEIZÁN)
Na parroquia de Segovia localizamos un cruceiro que ten a particularidade de ter a cruz de ferro. O seu capitel, composto por diversas molduras, descansa sobre un fuste de sección cuadrangular nos extremos e octogonal no tramo central, que arrinca dunha base consistente nunha gran pedra de forma irregular. A súa cruz, latina e lanceolada, é de ferro e está ornamentada con volutas forxadas que se concentran na intersección dos brazos e no pé.
En Santo André de Chamoso hai outros dous cruceiros:
O primeiro atópase nunha encrucillada próxima á igrexa parroquial . Dous chanzos de cachotería conforman unha plataforma cuadrangular sobre a que se sitúa unha base monolítica e de forma paralelepípeda. O seu fuste, oitavado na parte central, presenta no extremo superior un astrágalo de bocel, mentres que o capitel moldurado ten como motivo ornamental unhas pequenas volutas nos vértices superiores. A cruz, latina e de sección cuadrangular pero coas arestas rebaixadas, leva no seu anverso un relevo de Cristo baixo unha cartela na que pode lerse INRI. Esta figura do Redentor, con coroa de espiñas na cabeza que inclina ao lado dereito, estende os brazos ao longo da cruz e as súas mans aparecen abertas. O perizoma anóase ao lado dereito e as pernas, lixeiramente flexionadas, amosan o pé dereito por encima do esquerdo. No reverso aparece a Virxe coas mans cruzadas sobre o ventre en actitude orante.
CRUCEIRO DO HOSPITAL
O segundo cruceiro de Santo André de Chamoso localízase no lugar do Hospital, concretamente nunha encrucillada de pistas. Trátase dun cruceiro que presenta unhas características particulares e que o converten nun dos máis singulares dos que levamos visto neste concello. Levántase sobre unha plataforma de planta circular (forma nada frecuente na provincia de Lugo) de granito, tendo o banzo inferior, coas xuntas encintadas, unha considerable altura. A súa base, monolítica e tamén circular, dá paso a un groso fuste coas arestas lixeiramente rebaixadas que, na parte inferior da súa cara W, amosa unha inscrición na que pode lerse: 1913, data que nos fai dubidar se corresponde á da construción do cruceiro ou se alude a unha reforma ou cambio de emprazamento.
Ao carecer de capitel, a cruz está asentada directamente sobre o fuste. De tipo grego e de grosas proporcións, presenta no seu anverso un relevo de Cristo de ruda labra (apreciable sobre todo nas mans e nos pés) coa cabeza inclinada ao lado dereito. Os brazos están estendidos horizontalmente e as mans aparecen abertas, mentres que o perizoma anóase á esquerda e o pé dereito aparece sobre o esquerdo. No reverso pode verse un rudo relevo da Virxe, vestida con túnica e manto, e nos brazos da cruz o sol e a lúa.
3. UN PETO DEDICADO A SAN MARCOS.
Por último, cómpre dicir que na parroquia de San Cristóbal de Chamoso, á beira da antiga N-VI e concretamente á altura do quilómetro 489, atópase un peto que, segundo a inscrición, é para LIMOSNA A S. MARCOS, santo que conta cunha capela próxima que data do ano 1870. Este peto exento levántase sobre un plinto de cachotería que remata nun corpo voado de granito moldurado na súa parte frontal, na que se abre unha gran fornela con arco escarzano ou rebaixado, protexida por un enreixado de ferro, hoxe carente de imaxe. No piñón é onde figura a inscrición citada, que aparece protexida pola sima dun frontón que lle dá paso a unha cuberta a dúas augas.
PETO DE SAN MARCOS
4. CONCLUSIÓNS.
Queremos rematar este artigo de aproximación aos cruceiros e cruces do Corgo facendo un chamamento para a posta en valor deste patrimonio etnográfico que, se ben non é moi numeroso, non deixa de ser interesante. Unha sinalización simple, como a existente na parroquia de Santa María de Queizán, pode contribuír a esta posta en valor que pode completarse cunha ruta que permita, entre outras cousas, darlles a coñecer estes cruceiros aos propios habitantes do Corgo e ao público en xeral.
5. BIBLIOGRAFIA.
GONZÁLEZ PÉREZ, Clodio. Os cruceiros. Santiago: Cadernos Museo do Pobo Galego, 12, Fundación Caixa Galicia, 2003.
LAREDO VERDEJO, José M.: Os nosos cruceiros, A Coruña: Ed. Boreal-Xuntanza. 1993.
RODRÍGUEZ CASTELAO, A. As cruces de pedra na Galiza. Madrid: Akal, 1975 (Ed. Facsímile).
VALIÑA SAMPEDRO, E. e outros. Inventario artístico de Lugo y su provincia (VI volumes). Madrid: Servicio de Publicaciones del Ministerio de Educación y Ciencia, 1975.
6. ILUSTRACCIÓNS.
CRUZ DE VILAPENE (CHAMOSO)
CRUZ DA IGREXA (ANSEÁN)
CRUCES DA IGREXA DE CELA
CRUZ DO CEMITERIO (MAREI)
CRUZ DE QUINTE
CRUZ DE CERCEDA
CRUCEIRO DO INTERIOR DO ADRO (QUEIZÁN)
CRUCEIRO DE FORA DO ADRO (QUEIZÁN)
CRUCEIRO DE FORA DO ADRO (QUEIZÁN)
CRUCEIRO.SEGOVIA
CRUCEIRO DA IGREXA (SANTO ANDRÉ)
CRUCEIRO DO HOSPITAL
PETO DE SAN MARCOS