CRUCEIROS, CRISTOS, CRUCES, VIACRUCIS E ESMOLEIROS NO CONCELLO DO VALADOURO.

CRUCEIROS, CRISTOS, CRUCES, VIACRUCIS E ESMOLEIROS NO CONCELLO DO VALADOURO, 2014.

AUTOR: MARIO SAAVEDRA PÉREZ.

PUBLICADO NAS ACTAS DO VI CONGRESO GALEGO DE CRUCEIROS. ASOCIACIÓN DE AMIGOS DOS CRUCEIROS, CRUCES DE PEDREA E PETOS DE ÁNIMAS. PAZO DE TOR (MONFORTE DE LEMOS). 2014. PÁXS. 91-113.

1.- O PENSAMENTO DO AUTOR POLO VALADOURO

Sempre tiven devoción por Rodríguez Castelao e a seguirei  tendo; pois foi e será o meu mestre percorrendo os camiños de Galicia e neste intre polo concello de O Valadouro. Neste val cheo de chairas e montes altos, aínda hoxe  o bruído do vento  é o berce das andainas dunha das persoas que, con sentido artístico e cultural, soubo iniciar o estímulo nos estudos dos Cruceiros, Cristos e Cruces da Galicia. Os camiños e carreiros, hoxe esquecidos, foron testemuña das devocións, promesas, cultos, soterramentos, fito de morte ou linde,… dos nosos devanceiros perante longas noites de tristura. A fe no máis aló tivo unha morea de obras de arte espalladas por este concello  e que, aínda hoxe, podemos contemplar con agarimo, sempre e cando unha noite de lúa, a man do alleo, deixe estar naquel lugar o que para sempre quixemos achar alí.
Ramón Cabanillas, mestre de mestres, veu a nos dicir, para que o lembremos, que os cruceiros veñen de moi fondo e teñen as raíces moi debaixo da tona da terra. Non como as plantas que nacen, crecen e morren e por  iso duran pouco tempo. Este Galego de sona, que sempre falou do que sabía falar deixounos a seguinte “escrita”:
“Cando a pedra, durmida e agochada / da terra nai no agarimoso seo, / esperta do seu sono milenario / e quer  ser oración e pensamento / frorece nun varal, estende os brazos / e póndese  de pé faise cruceiro”.
No concello de O Valadouro, despois de facer andainas o ano pasado polo concello de Alfoz, achei, ben informado por personalidades de señoría e sabedoría, unha morea de Cruceiros, Cristo, Cruces, Viacrucis,… que os amantes desta arte queremos deixar como legado escrito na prensa, libro, congreso, rúa,… poñendo como testemuña aos nosos fillos, netos, bisnetos e a todos os amantes da meirande obra de arte dos nosos pedreiros. Aquelas persoas, coñecidas como canteiros, que viron a luz neste Concello,  transmitiron ás xeracións vindeiras as súas crenzas, amor no traballo e, que sen ir á escola ou á universidade, foron creadores dunha arte que fai o encanto das corredoiras.
O PETO DE ÁNIMAS DE SANTO TOMÉ
O PETO DE ÁNIMAS DE SANTO TOMÉ

Non quero deixar no esquecemento a estes canteiros; pois é moi difícil entender algunhas Cruces, Cristos ou Cruceiros onde a expresión do Redentor reflicte unha mirada de paixón, de dozura, de amor,… coa finalidade de entender o sufrimento de cada un de nós.

Prometín falar e falarei destas persoas, chamando a cada unha polo seu nome, para deixar impreso no devir do tempo o fermoso e dadivoso traballo que nos deixaron. Estoume referindo a o señor Abel de Esqueira,  aínda coxo, soubo deixar  o  seu pensamento reflectido no Viacrucis de Santo Tomé e outras moitas cruces. Do mesmo xeito podemos falar de Xosé María “O Torno” de Santa Cruz que nos legou obras de arte no Cadramón (Cristo de A Laxe) e o Cruceiro da Torre (Santa Cruz); os canteiros de Román, “ Os Carboeiras”, que sen deixar esquecida a Terra Chá levaron o seu traballo ao adro da igrexa do Cadramón (Cruceiro de Fonte da Vila) , a Santa Cruz ( Cruceiro de Cendemil) e a Vilacampa, onde traballaron a pedra con moito saber (Cruceiro do Chao). Do mesmo xeito podemos falar de Nicanor de Santa Cruz, de Mario de Galdo de Viveiro, de Angelito de Navallos e de outros moitos que, sen lembrar, non quedan no esquecemento.

2.- LOCALIZACIÓN DE CRUCEIROS, CRISTOS, CRUCES, VIACRUCIS E PETOS DE ÁNIMAS NO CONCELLO DO VALADOURO

 TIPOLOXÍAS.                 PARROQUIAS

CATEGORÍAS     A LAXE    BUDIÁN    CADRAMÓN

CRUCEIROS     1              2               2

CRISTOS           0              0               4

CRUCES           3              2                5

2 DESP.  1 DESP      1 DESP)

VIACRUCIS        0             0                0

PETO                  0             0                 0

FERREIRA      FREXULFE     MOUCIDE

CRUCEIROS     1                    2                     0

CRISTOS           0                    0                     1

CRUCES           1                     3                     1

1 DESP.                                 1 DESP.

VIACRUCIS       0                     0                     0

PETO                 0                     0                     0

RECARÉ        SANTO TOMÉ    SANTA CRUZ

CRUCEIROS    1                    0                         5

CRISTOS          1                    0                         0

CRUCES           2                   5                         2

1 DESP.        2 DESP.              2 DESP.

VIACRUCIS       0                   1                         0

PETOS               0                   1                        0

VILACAMPA

CRUCEIROS    1

CRISTOS          1

CRUCES          3, 5 DESP.

VIACRUCIS      1

PETO                0

Quixen que este traballo que perante trinta días por este Concello faga berce no vindeiro Congreso da Asociación de Amigos dos Cruceiros, Cruces de Pedra e Petos de Ánimas que presentamos no Pazo de Tor, en Monforte, perante os días 15 e 16 do mes de Novembro.

Do mesmo xeito quero deixar lembranza de moita xente do concello de O Valadouro que, coa súa axuda, fun quen de chegar aos lugares máis fermosos da Mariña Central. Estou a falar da Serra do Buio, alí onde se xuntan os concellos de Xove, Viveiro, Cervo e O Valadouro. Contan as lendas, que alí mesmo  onde estivo Castelao e despois eu mesmo, ao carón da Cruz do Pau da Vella, xantaban unha vez ao ano os alcaldes destes catro concellos e nalgunha ocasión os cregos tamén.

3.- TEMPORALIZACIÓN DOS CRUCEIROS, CRISTOS E CRUCES NO CONCELLO DO VALADOURO

Cruceiros actuais (século XXI)
Cruceiros (séculos,XVIII, XIX e XX)
Cristos (século XIX)
Cristos tardogóticos (século XVIII)
Cruces Prerromanas (século VII a.c.)
Cruces sen datar
Viacrucis (século XIX – XX)
Peto de Ánimas (século XX)

4.- CRUCEIROS ACTUAIS DO SÉCULO XXI NO CONCELLO DE O VALADOURO

Dentro deste grupo achamos dous cruceiros feitos por Mario de Galdo (Viveiro) e un polo canteiro de Trasparga do concello de Guitiriz. Os tres son do século XXI e como se pode comprobar reflicten copias doutros cruceiros espallados pola contorna de O Valadouro e da Terra Chá. As diferenzas están na efixie do Cristo (pé esquerdo sobre o dereito, a posición da cabeza, a mirada e outras que se poden apreciar en cada un deles).

4.1.-  CRUCEIRO DE EMILIO NAS LAMAS EN SANTA CRUZ

Trátase dun cruceiro doado por un crego a Emilio do lugar de Lamas. Foi feito por Mario de Galdo de Viveiro no ano 2002. É un cruceiro moi sinxelo e soamente imos a sinalar o seguinte: O Cristo está mirando ao chan e o seu rostro reflicte o sufrimento, pois un dos ollos está totalmente inflamado. Un detalle a sinalar é a innovación aprendida como diferencial ao amosar o pé esquerdo enriba do dereito. Consta de plataforma cuadrangular, base paralelepípedo, fuste cuadrangular e arestas rebaixadas menos nos extremos, capitel en dous tramos con molduras e un espazo intermedio, a cruz con cartela mostra no anverso a efixie de Cristo descrita anteriormente.

FOTO 1. CRUCEIRO DE EMILIO

4.2.- CRUCEIRO DAS PENAS EN XOÁN DE A LAXE

Este cruceiro dá testemuña dun Cristo que había neste lugar e co paso do tempo desapareceu. O dono do actual comentou que o puxo por devoción sen reparar en gastos. Comenta – Eu tiña ganas dun cruceiro e agora está aí – Deste xeito, despois de visitar outros, tomou a decisión de falar cun canteiro para dar testemuña  do seu pensamento. Foi feito polo canteiro de Galdo coñecido polo nome de Mario. Nel reflíctese o sinalado no Cruceiro de Lamas en Santa Cruz. As diferenzas son non ten cartela e no capitel entre dúas molduras aparece a efixie dun anxo.

FOTO 2. CRUCEIRO DAS PENAS

4.3.- CRUCEIRO DE XOSÉ LUÍS EN SANTA CRUZ

Este cruceiro ten como canteiro a escola de Trasparga en Guitiriz. Foi colocado preto do Rego do Muíño por Xosé Luís de Recaré. Convén sinalar a expresión do Cristo onde achamos o sinal do sufrimento. Está datado no ano 2000. Consta dunha plataforma cuadrangular, por base a moa dun muíño, fuste sinxelo, capitel en dous tramos cunha escocia e un tramo cuadrangular e un Cristo propia da escola de Trasparga.

FOTO 3. CRUCEIRO DE XOSÉ LUÍS

5.- CRUCEIROS DATADOS NOS SÉCULOS XVIII, XIX, XX NO CONCELLO DO VALADOURO

5.1.- CRUCEIRO DO ESCOURIDO  EN SANTA EULALIA DE BUDIÁN

Está situado no lugar do Escourido dentro dunha propiedade privada. Foi feito en dúas etapas. Unha no ano 1892 e outra no 1968. O canteiro da última etapa foi Manuel García veciño do lugar que foi quen colocou a cruz.

FOTO 4. CRUCEIRO DO ESCOURIDO

5.2.- CRUCEIRO DE PEDRO SOUTO EN SANTA EULALIA DE  BUDIÁN

Localizamos este cruceiro ao carón da estrada á igrexa de Budián. Foi colocado por unha familia desta parroquia por razóns de devoción segundo informa a dona de Pedro Souto que foi quen pagou o cruceiro aos canteiros de Vilacampa. Está datado no ano 1924 segundo consta na base. A plataforma é semellante a dos cruceiros de Alfoz formando un círculo en tres gradas.

 

 

FOTO 5. CRUCEIRO DE PEDRO SOUTO

 

5.3.- CRUCEIRO DO ADRO EN FONTE DA VILA EN SANXURXO DO CADRAMÓN

Trátase dun cruceiro obra dos canteiros de Román de Vilalba, coñecidos co nome dos Carboeiras. Na base está datado no ano 1898. Cruceiro sobre tres gradas con lenda en tres lados. Nunha delas lemos a data e na do anverso figura o nome do donante: “ DR JOSE ROMEU “. No anverso: “ EL ILMO SEÑOR OBIS/PO DE MONDOÑEDO CO/NCEDIO 80 DIAS DE YN/DULGENCIAS POR REZAR” e na cara suroeste “ PADRENUESTRO/SALVE ACTO DE CONTRICION/… No  capitel achamos, cara frontal, a lúa (símbolo da morte, a noite) e no reverso o sol (símbolo da vida, día). Capitel da escola dos Carboeiras con anxos e volutas. No anverso da cruz hai unha efixie de Cristo, exenta da cruz. Na sancristía consérvase a imaxe da Virxe en actitude orante.

FOTO 6. CRUCEIRO DO ADRO EN FONTE DA VILA

5.4.- CRUCEIRO DA PRAZA  DE SANTA MARÍA DE  FERREIRA

Trátase dun cruceiro de recente construción situado na praza de Santa María de Ferreira, figurando no Inventario do Patrimonio Cultural da provincia de Lugo Histórico Artístico. Etnografía: Cruceiros e petos de ánimas. Está asentado enriba dunha plataforma circular moi propia dos cruceiros de Alfoz e do Valadouro. Fuste cos instrumentos da Paixón e un capitel propia dos canteiros de Román (Vilalba) onde aparecen anxos alados e volutas. No anverso da cruz, Cristo exento e brazos estendidos. Este cruceiro foi colocado neste lugar en lembranza dunha capela coñecida como “Capela de Santa María”.

FOTO 7. CRUCEIRO DA PRAZA

5.5.- CRUCEIRO DO CHAÍÑO EN SANTA EULALIA DE  FREXULFE

O cruceiro foi cambiado de lugar coa mellora da estrada dende o Cadramón a Ferreira, na pista que vai a Fraga das Leiras. Este cruceiro é típico desta zona e presenta copias doutros no referente ao varal, capitel e cruz. A efixie de Cristo cos brazos estendidos ao longo da cruz  descansa sobe un supedáneo coa Virxe en actitude orante. Comentan os veciños que este cruceiro foi limpo co area e dende entón perdeuse a lenda da base. Datado no século XIX, quizais, ano 1880.

FOTO 8. CRUCEIRO DO CHAIÑO

5.6.- CRUCEIRO DE ANIDO  EN SANTA EULALIA DE FREXULFE

Na eira dos Anidos e moi preto da estrada achamos este cruceiro moi semellante ao cruceiro do Chaíño. Está formado por unha base cúbica, un varal octogonal, capitel con diferente estrutura e unha cruz moi sinxela na que hai un Cristo cos brazos estendidos ao longo da cruz. Na base hai unha lenda en lembranza da morte dunha persoa: /RECUERDO DE/SANTIAGO AVILLEIRA/Y SOBRINO FRANCISCO RUBAL/Y SU ESPOSA/DOLORES MARTINEZ/.
Neste cruceiro figura o nome da esposa de Francisco Rubal, dato a ter en conta, pois nos cruceiros desta zona non se dá este feito. Está datado no ano 1960 e os canteiros procedían do Valadouro.

FOTO 9. CRUCEIRO DE ANIDO

5.7.- CRUCEIRO DE GATOI  EN SANTA CRUZ

Está situado en Gatoi, moi preto da pista de A Veiga a Suaigrexa. Formadp por unha base cuadrangular en dous tramos, un varal cuadrangular nos extremos e coas arestas rebaixadas no resto, capitel en varios tramos e unha cruz renacente, tipo florenzada. Está datado no século XX, 1930, e o canteiro era do Valadouro segundo testemuña dos veciños. No anverso hai unha unha efixie de Cristo cos brazos estendidos ao longo da cruz mirando ao fronte e un supedáneo no que aparece unha virxe en actitude orante. Coméntase que foi doado por unha familia á igrexa de Santa Cruz.

FOTO 10. CRUCEIRO DE GATOI

5.8.-  CRUCEIRO DE CENDEMIL  EN SANTA CRUZ

Nunha encrucillada, preto dun regato, está este cruceiro, hoxe en estado de esquecemento. O lugar onde se atopa foi vieiro de comunicación coa torre que hai ao seu carón. A xente comenta, lenda popular, que o lugar de Cendemil procede dunha liorta onde de mil soldados só quedaron cen. Nun caso ou noutro o cruceiro está ali e podemos sinalar que está formado por unha base en dous tramos, un varal nos extremos cuadrangular e o resto coas arestas rebaixadas, un capitel modulado, cruz octogonal coa efixie de Cristo no anverso e brazos estendidos. Ten un supedáneo coa efixie da Virxe en actitude orante semellante a outros cruceros deste concello. Conserva policromía. Segundo comentan os da casa de Cendemil, Milagros Canoura López da casa de Lobeira en documento de 1868 di que Miguel do Eijo e a súa muller Juana López pediron ao vispo de Mondoñedo a bendición deste cruceiro.

FOTO 11. CRUCEIRO DE CENDEMIL

5.9.- CRUCEIRO DO CHAO OU DOS BURGUEIROS EN SANTA MARÍA DE VILACAMPA

Atópase este cruceiro á man dereita a estrada de Viveiro a Ferreira do Valadouro no lugar do Chao e moi preto da igrexa de Vilacampa. Está formado por unha plataforma de cachotería, unha base tronco piramidal con lenda nun rebaixe: D. ANDRES…./INDULXENCIAS…./ TODOS LOS QUE RECEN…/ AVE MARIA…/…/ ANO 1894/. O varal ten forma octogonal e nel achamos un pousadoiro formado por unha efixie dunha persoa cunha peaña enriba da cabeza onde tivo unha santiña (Virxe María), comentan os veciños. O capitel, tipo Carboeiras con volutas e anxos alados. A efixie de Cristo, exento da cruz, ten os ollos pechados. Este cruceiro foi froito dunha doazón dun veciño desta parroquia.

FOTO 12. CRUCEIRO DO CHAO OU DOS BURGUEIROS

6.- CRUCEIRO NOS CEMITERIOS DE O CONCELLO DE O VALADOURO

6.1.- CRUCEIRO NO CEMITERIO  DE SAN XURXO DO CADRAMÓN

Está en fronte da porta de entrada ao cemiterio presidindo tres sepulturas con relación familiar. O murado do cemiterio serve de plataforma e ao seu carón hai dúas cruces de ferro propias de cemiterio. Trátase dun cruceiro con base cuadrangular, varal octogonal e capitel modulado de forma cadrada. A cruz é moi sinxela de estilo florenzada. No anverso efixie de Cristo cos brazos estendidos ao longo da cruz e mirada ao chan. Foi colocado coa función de presidir as tres sepulturas. No sepulcro do centro hai unha lenda relacionada  con este cruceiro: /AQUI YACEN LAS CENIZAS DE/ D. JUAN PARDO Y GOMEZ/PARROCO DESTA PARROQUIA/QUE FALLECIO EN 18 DE/DICIEMBRE DE 1920/D. E. P./

FOTO 13. CRUCEIRO DO CEMITERIO

6.2.- CRUCEIRO DE CEMITERIO DE SAN XIAO DE RECARÉ

Presidindo o viario principal deste cemiterio achamos este cruceiro datado en 1930. Trátase dunha obra feita polos canteiros do Valadouro onde o valor está no que representa, na  intención dos donantes ou pola lembranza de familiares dun crego. Consta dunha plataforma de dúas gradas cadradas, unha base e varal moi sinxelos, capitel típico dos cemiterios de forma cúbica e unha cruz do tipo florenzada. Diante, nunha mesa, hai unha lenda: /D. EULUGIO CERDEIRAS/GONZALEZ/ARCIPRESTE DE VALLE DE ORO/E PARROCO DE/SAN VICENTE DE LAGOA/EL TRES DE NOVIEMBRE DE 1930/A LOS SESENTA Y OCHO AÑOS DE EDAD/ Y SU HERMANO/DON JOSE MARIA/ EL VEINTIDOS DE DICIEMBRE/ DEL MISMO AÑO/ A LOS SETENTA AÑOS/D.E.P./

FOTO 14. CRUCEIRO DO CEMITERIO

7.- CRUCEIROS ESNAQUIZADOS NO CONCELLO DE O VALADOURO

7.1.- CRUCEIRO DA TORRE EN SANTA CRUZ

Está á beira da estrada dende a igrexa Á cruz da Lapa e Rebuxento. Foi feita por un canteiro de Santa Cruz coñecido polo nome de Nicanor Fernández. Este canteiro, bo coñecedor de cruceiros, seguramente é o autor de outras moitas obras no concello de O Valadouro. Hoxe está totalmente esnaquizado quedando no lugar unha base e un fuste cuadrangular e coas arestas rebaixadas, capitel modulado. A cruz está desaparecida e no anverso había unha efixie de Cristo, comentan os veciños, – parecía que estaba vivo-. Deste xeito e seguindo a información da xente de Santa Cruz foi derrubado por razóns de herdanza entre familiares. A data de colocación estaría situada no ano 1967 aproximadamente.

FOTO 15. RESTOS DO CRUCEIRO DA TORRE

8.- CRISTOS DO SÉCULO XIX E XX NO CONCELLO DE OVALADOURO

8.1.- CRISTO DO PRADO DA PONTE OU PARDIÑAS EN SAN XURXO DO CADRAMÓN

Preto da estrada dende o Cadramón, á man esquerda, está esta cruz que se comenta que foi feito polos canteiros de Santo Tomé, sendo un aprendiz, por aquel tempo Abel da Esqueira. Estes pedreiros, como aquí no Valadouro son coñecidos, fixeron moitas obras de cruces,.. Está levantado sobre un montículo de terra, preparada para tal feito, dende o ano 1903. A plataforma en forma de plinto está formada por tres tramos tronco piramidais, sendo o último o que serve de base. En tres lados da base pódese ler: / ESTAS CRUCES …/SE HICO POR /MAUEL ROMEU/…AÑO DE 1903/. A cruz é de sección octogonal con restos de policromía. No anverso hai unha efixie de Cristo, exento da cruz, cos brazos en ángulo recto con relación á cruz, enriba dunha peaña  onde se atopa un santiño, quizais San Pedro ou San Xosé en lembranza da persoa que a mandou facer: JOSE ROMEU. No reverso ten unha imaxe da Virxe en actitude orante.

FOTO 16. CRISTO DO PRADO DA PONTE OU PARDIÑAS

8.2.- CRISTO DO CAMPO DAS ROZADAS EN SAN XURXO DE O  CADRAMÓN

Sobre un plinto dun par de chanzos de forma tronco piramidal, levántase o Cristo do Campo das Rozadas,  nunha encrucillada de camiños. Segundo comentarios dos veciños foi feito polos canteiros da Escola de Santo Tomé, onde traballou Abel da Esqueira. Este Cristo está formado por unha base tronco piramidal e enriba a cruz florenzada e con cartela.. Esta cruz, de granito, ten forma octogonal sendo semellante a outras deste concello.No anverso leva a efixie de Cristo con trazos populares, brazos en forma de uve. O Cristo está apoiado nun supedáneo con un santo, cecais San Xoán ou san Xosé en lembranza do donante: Xosé Romeu. No reverso leva unha imaxe da Virxe en actitude orante  pouco definida. Foi doado pola familia de José Romeu Cortiñas e  a súa muller Dolores Vivero Gómez no ano 1906. Na base hai unha lenda en tres caras: EL ILMO. SR/OBISPO DE MON/DOÑEDO CON/CEDIO 100 DIAS DE/YNDULGENCIAS P/OR REZAR CREDO/…/DELANTE ESTAS/EFIGIES/ ANO DE 1906/.

FOTO 17. CRISTO DO CAMPO DAS ROZADAS

8.3.- CRISTO DE A LAXE EN SAN XURXO DE O CADRAMÓN

Trátase dun Cristo moi semellante ao do Campo das Rozadas. Comentan os descendentes da persoa que o doou que foi copiado polo canteiro José María “O Torno”, pedreiro de Santa Cruz. Está enriba dun plinto formado por dúas pedras de granito de forma cúbica dun metro de alto aproximadamente.  A base ten forma tronco piramidal cunha lenda na cara  Noroeste: “M.G.H.” que se corresponden con Manuel H. García. A cruz ten forma octogonal con  cartela e no reverso leva a efixie de Cristo sobre un supedáneo que representa un santo: Comentan os descendentes que pode ser San Xurxo, patrón da parroquia. No reverso aparece a imaxe da Virxe, con trazos sen definir, en actitude orante. Este Cristo foi produto dunha promesa ou devoción dunha familia  desta parroquia: Rosa García da casa do “Marico” alá polo ano 1963, segundo testemuñas dos veciños. O encargo fíxoo Manuel e Antonia García; pois dona Rosa García xe finara.

FOTO 18. CRISTO DE A LAXE

8.4.- CRISTO DO CARREGAL EN  SANTA MARÍA DE VILACAMPA

Este Cristo, que na actualidade está esquecido, está no antigo Camiño da Aldea, encrucillada do Camiño Real dende Ferreira a Viveiro e moi preto da estrada de Augarrío á igrexa de Vilacampa. Cabe lembrar que por este camiño hoxe “Rueiro”, coméntase, pasou Castelao cara as cruces de Os Cañizos e  Pau da Vella. Os veciños de Vilacampa, camiño da Misa, paraban a rezar polos anxiños soterrados ao seu carón e nos enterros era descanso obrigado para rezar polo defunto. Está enriba dunha rocha, moi irregular, que serve de plataforma e base. A cruz é de sección cuadrangular coas arestas rebaixadas, tipo floreado. No anverso efixie de Cristo, soldada á cruz, de estilo moi popular. Os brazos estendidos ao longo da cruz, os dedos non se distinguen, a cabeza con cara de neno e mirando ao fronte, perizoma moi alongado, pernas un anaco flexionadas e paralelas sobre unha peaña, fan desta efixie un retrato pouco común nesta bisbarra da Mariña Central.  No varal, en sentido vertical, podemos ler: “JUAN CAO”, persoa que o doou, mandou facer ou a lembranza de alguén. Datalo sería un atrevemento, mais se temos en conta os traballos na  pedra e a ornamentación poderíamos estar falando de finais do século XVIII, aínda que algúns historiadores o sitúan no século XVII (R. Reigosa). Comentan os veciños que serviu de pedreiro moitos anos e  de cemiterio pagán, posto que os nenos mortos sen bautizar, non tiñan acougo no cemiterio cristián.

FOTO 19. CRISTO DO CARREGAL

8.5.- CRISTO DA PRAZA EN SAN ESTEVO DE  MOUCIDE

Está situado á man dereita da estrada dende Ferreira a Cangas de Foz no lugar de A Praza. Trátase dunha pequena cruz de granito asentada  sobre unha base en dous tramos. O primeiro de sección cuadrangular e o segundo tronco piramidal. Na cruz distinguimos outros dous tramos. Un primeiro de sección cuadrangular e outro octogonal rematado en floróns con un roel no interior. No anverso hai unha efixie de Cristo de metal. Este cristo podería ser datado a mediados do século XX. A súa construción estivo relacionada coa celebración dunha misión nesta parroquia.

FOTO 20. CRISTO DA PRAZA

9.- CRISTO DE ESPECIAL TRATAMENTO  NO CONCELLO DE O VALADOURO

9.1.- CRISTO DA INDIANA  EN SAN XIAO DE RECARÉ

Como cristo de especial tratamento no Valadouro, estámonos referindo ao Cristo da Indiana situado á esquerda, nunha parcela, que nos leva dende a estrada de O Cadramón a Ferreira e a Santo Tomé. Este cristo, con base soterrada, está formado por dous tramos. O primeiro é de sección cuadrangular coas arestas rebaixada, seguramente posterior a todo o conxunto. A calidade da pedra non se corresponde co resto da cruz e por iso podemos afirmar que antes, este cristo, estaba enriba doutra plataforma, seguramente un valado. Isto estaría fundamentado na reforma dos viarios por razóns de mellora. O segundo tramo está formado por unha soa peza de sección cuadrangular, de moi sinxela feitura, dando a entender que o pedreiro que o fixo non reparou en adobíos de ningún estilo. Recibiu o encargo e fixo o traballo. No anverso, en auto relevo, amosa un Cristo, estilo grego quizais, con característica totalmente infantil. R. Reigosa fala dun Cristo tipo  medieval. A descrición podía ser a seguinte: Cristo con formas xeométricas e lineais, cabeza redonda;  pelo atado (modelo indiano quezais); brazos estendidos ao longo da cruz; as mans abertas e dedos moi pouco pronunciados; o corpo pechado á cruz; as pernas un pouco flexionadas, case en paralelo; os pés sobre un supedáneo case inapreciable e o perizoma anoado ao lado dereito. No reverso leva unha imaxe da Virxe,  posiblemente unha  Inmaculada coas mans xuntas, en actitude orante e chea de ledicia  enriba dunha peaña procesional. A cruz, neste lado, está adornada con rosetas nos brazos formadas por  dous círculos con adobíos de grandeza. A peaña está formada por tres partes ben definidas: unha sección triangular, outra circular cun roel no centro e dúas abrazadeiras que protexen á Virxe.

Algunhas persoas consideran este Cristo como o cruceiro do Pazo do Escorial e outras fan referencia a unha cruz situada ao carón do mesmo. Nun sentido ou noutro o que hoxe sabemos é que aquí, moi preto deste Cristo, houbo un pazo e unha capela que desapareceron alá polo ano 1960, segundo testemuña dos veciños de Recaré. Nun sentido xeral, mirando esta obra, podemos definir  ou clasificar este Cristo como un dos mellores de O Valadouro tendo en conta a feitura (sentido artístico e xeracional); mais por outra lado é ,cecáis, un exemplar único merecente dun estudo máis polo miúdo. Comentan que fai tempo serviu de pedrón para separar propiedades e hoxe parroquias.Algúns autores como A. Canoura Quintana en “ Alfoz y Valadouro. Historia dun Valle” chámalle Cruz do Pazo  e segue falando: “talla totalmente popular, nos muestra en un lado a un Cristo aniñado y arcaizante adornado con motivos florales que denotan un estilo, incluso se podía decir céltico, que utiliza líneas concéntricas, en elotro lado un relieve formado por líneas dibuja una imagen de la Virgen triunfante que transmite felicidad”.

Bibliografía:

 

InventarioArtístico de Lugo e a súa Provincia, tomo IV, pax. 290, G-731.André Canoura Quintana, “Alfoz y Valadouro. Historia de un Valle.

FOTO 21. CRISTO DA INDIANA

10.- OUTROS CRISTOS NO CONCELLO DO VALADOURO

10.1.- CRISTOS DA SELFA  EN SAN XURXO DO CADRAMÓN

No lugar da Selfa, moi preto da igrexa de O Cadramón achamos o que podemos sinalar como o “Cemiterio dos Cristos”. Despois de preguntar por certos Cristos no lugar da Selfa, unha familia de O Esteleiro informa de que neste lugar houbera un Cristo coñecido como Cristo da Selfa. Despois de buscar e informarnos achamos restos polo menos de tres Cristos totalmente rotos e diferentes en tamaño. Consérvanse dúas base  o que nos dá resposta a todo o que afirmamos. Un deles parece ser que sempre estivo alí e despois de roto puxeron un novo. O que non sabemos é se o terceiro se corresponde cunha cruz ou cristo que desapareceu no lugar da Veiga nesta parroquia. Un caso ou noutro seguiremos chamando a este lugar como o “Cemiterio dos Cristos. O cristo meirande tiña unha plataforma no valado e unha base cuadrangular e no centro un furado onde estivo o Cristo da Selfa e despois unha cruz de madeira. A segunda base tronco piramidal é máis pequena  tivo un cristo de pequenas dimensións. Do terceiro quedan restos difíciles de comentar. Comentan os veciños que eran da casa da Selfa, hoxe totalmente abandonada. O Cristo máis recente dise que foi derrubado no ano 1990. Datalos sería complicado, mais os veciños din que un xa estaba alí a comezos do século XX.

FOTO 22. RESTOS DO CRISTO DA SELFA

10.2.- CRISTO DA LAPA  EN SANTA CRUZ

Está situada á man esquerda, na entrada dun camiño, da estrada dende O Cadramón a Ferreira, no lugar da Lapa, moi preto da casa do Cabaleiro. A base é unha pedra grande moi irregular e enriba había unha cruz de granito tipo florenzada e baixa, de sección cuadrangular e arestas rebaixadas. No anverso efixie de Cristo non exento da cruz, con cartela, brazos en forma de V, mirada ao fronte e pé esquerdo sobre o dereito. Este Cristo da Lapa desapareceu non hai moito tempo, quizais alá polo ano 1985 segundo testemuñas. Hoxe, no mesmo lugar, a base soporta unha cruz de madeira cun Cristo de metal. Neste lugar morrera un home debaixo dun carro con mulime. Os veciños e familiares colocan flores en lembranza daquela morte por devoción.

Andrés Canoura Quintana nomea como a Cruz do Portelo pola proximidade; mais isto non debe ser certo xa que no Portelo había outra cruz que desapareceu alá polo ano 2000. Outras testemuñas falan deste Cristo como  Cruz de Pormaio relacionada coa bendición dos campo no mes de Maio. O que podemos sinalar é que moi preto, nas cavadas con froito, colocábase unha cruz de madeira polos veciños para protexer as colleitas. Esta información foi recollida no lugar de Zaragoza.

FOTO 23. CRISTO DA LAPA

10.3.- CRISTO DE CAMONDE  EN SANTA CRUZ

Este Cristo desaparecido dende o ano 1995 e estaba ao carón do camiño de Villao á Grela, hoxe desaparecido co galo da concentración. Era coñecido tamén como “Cruz dos Limbos”. Neste lugar enterráronse nenos nacidos mortos  sen bautizar. Era moi dado que sempre tivera flores; mais a xente foise esquecendo del e deixárono ir. Uns veciños comentaban que se cambiou de sitio e ninguén fixo nada por retelo. “Cosas do esquecemento polo paso do tempo non deixan cova “ – din polo miúdo-. Tratábase dunha cruz de granito con un Cristo en relevo sobre unha base tronco piramidal e esta sobre un plinto.Esta información foi recollida en Camonde e facilitada por dona Teresa Pomares Sixto deste lugar.

11.- CRUCES DO  CONCELLO DE O VALADOURO

No  Concello de O Valadouro podemos achar vinte seis cruces espalladas por todas as parroquias. En canto a súa clasificación podemos ter en conta diferentes criterios. Así falaremos de cruces situadas en lugares onde morreu unha persoa de morte natural, por accidente ou provocada. Outras atópanse en lugares de termo separando lugares e tamén as achamos colocadas por promesas, devocións, lembranzas, fuxida do mal0,… Non imos a falar de todas senón daquelas máis significativas.

11.1.-  CRUCES EN SANTA MARÍA DE VILACAMPA

11.1.1.- CRUZ DAS TRAVES
11.1.2.- CRUZ DE FONTACUBERTA
11.1.3.- CRUZ  DAS COSTELAS
11.1.4.- CRUZ DO BURGO

Estas catro cruces están situadas no “Camiño da Aldea” coincidente nalgún tramo co Camiño Real. O Camiño da Aldea ía dende Augarrío á igrexa de Santa María de Vilacampa. Hoxe está practicamente esquecido. A colocación das cruces era algo estratéxico ao longo do camiño. A Cruz das Trabes estaba colocada á man esquerda, a de Fontecuberta á man dereita, logo a das Costelas á man esquerda e por último a do Burgo á man dereita. Tendo en conta o camiño da igrexa, todas gardan unha distancia uniforme entre elas. Hoxe só se conservan dúas: A Cruz das Trabes  e a Cruz de Fontecuberta . Estas cruces altas, de preto de dous metros, teñen unha semellanza coas cruces de Muras, concretamente da parroquia de Silán. Os canteiros seguramente foron os mesmos;  pois estas parroquias están moi preto. A construción é moi sinxela e está formadas por unha plataforma, base cuadrangular coas arestas superiores rebaixadas, un pé de cruz cuadrangular e arestas en chafrán,  moi alto e brazos e testeiro curtos.

FOTO 26. CRUZ DAS TRABES

FOTO 27. CRUZ DE FONTECUBERTA

11.2.- OUTRAS CRUCES DE SANTA MARÍA DE VILACAMPA

11.2.1.- CRUZ DO LUGAR DA CRUZ
11.2.2.- CRUZ DOS CANIZOS
11.2.3.- CRUZ DA MOA NO LUGAR DO MUÍÑO
11.2.4.- CRUZ DO LIMPADOIRO
Falar destas cruces ten un sentido de devoción ( Cruz do Lugar da Cruz) no Camiño da Aldea, de orientación e protección ( Cruz dos Canizos) no Camiño Real), sentimental (Cruz da Moa) polas lembranzas do Muíño e de agarda (Cruz do Limpadoiro), moi preto da igrexa. Da Cruz do Lugar da Cruz e da dos Canizos só se conserva a base e tiveron unha cruz de madeira e a dos Canizos unha cruz baixa de granito desaparecida alá polo ano 1950, comentan os veciños de Vilacampa. En acanto a Cruz da Moa está protexida por refugallo dun muíño da zoa e a Cruz do Limpadoiro desapareceu sen deixar novas alá polo comezo do século XX.

FOTO 28.

FOTO 29. CRUZ DA MOA

FOTO 30.

11.3.- CRUCES DE SANTA CRUZ

11.3.1.- CRUZ DE LODEIROS
11.3.2.- CRUZ DE ANTONIA EN LAMAS
11.3.3.- CRUZ DAS QUINTAS EN CASELAS
Estas tres cruces só teñen interese testemuñal polo que representan e non pola súa estrutura.  A Cruz de Lodeiros é de madeira renovada na actualidade e está colocada enriba dunha moa dun muíño. Segundo testemuñas dos veciños fora colocada en lembranza dunha morte. Ten flores case todo o ano.
A Cruz de Antonia está no cumio dun pozo e fora colocada para protexer os froitos e a auga. É de granito de sección hexagonal e remates florenzados. A base está formada por dúas seccións. A data, comentan os veciños, sería  no primeiro terzo do século XX.
A Cruz de Quintas, hoxe totalmente esquecida, moi preto da capela de Caselas, no cruce de Cabanela. Esta cruz ten unha base moi irregular cun furado no cumio para colocar unha cruz. Na actualidade, ano 2014, ten unha cruz de madeira moi rudimentaria feita con material de desfeita. Ao seu carón foron enterrados nenos sen bautizar.

FOTO 31. CRUZ DE QUINTAS

11.4.- CRUCES DE SAN XIAO DE  RECARÉ
11.4.1.- CRUZ DE VILAS  NOS FORNOS
11.4.2.- CRUZ DE PURO O CHAIREGO
Nesta parroquia hai estas dúas cruces.  A Cruz de Vilas só conserva a base preto da casa de García no lugar dos Fornos e a cruz, que é de madeira, está gardada na mesma casa. Antes estaba ao carón do regato; pois nese lugar morrera unha persoa á comezos do século XX. En canto á Cruz de Puro comentar que foi traída do cemiterio cando se renovou e hoxe está no lugar do Pazo.

FOTO 32. CRUZ DE VILAS

FOTO 33. CRUZ DE PURO O CHAIREGO?
11.5.- CRUCES DE SAN XURXO DE O CADRAMÓN
11.5.1.- CRUZ DO CAMPO
11.5.2.- CRUZ DE ESTELEIRO DE ARRIBA
11.5.3.- CRUZ DA PONTE NO ESTELEIRO DE ABAIXO
A Cruz do Campo está situada ao carón da estrada dende Abadín  a Ferreira, á man esquerda no lugar do Campo, cruce da estrada ao Porto do Río, preto da capela de Santa Filomena. Consta dunha plataforma, un plinto con lenda: PROPIEDAD DE/GENEROSO CAO/AÑO 1950/, cruz cuadrangular e outra de mármore incrustada. Foi colocada pola familia de Generoso Cao por devoción. O canteiro foi Jesús do Campo. Pola festa de Santa Filomena a procesión chega ata este lugar.
Na Esteleiro de arriba , preto da casa de Gumersindo, atopamos esta cruz. A plataforma está formada por un chanzo, base cadrada, un plinto cuadrangular e unha cruz de sección cuadrangular coas arestas rebaixadas. Na cruz, en dous sentidos, hai unha lenda: En horizontal: /PDAD./DE/GUMERSINDO/FERNANDEZ/ e en vertical:  /Y/CAR/MEN/PER/NAS/. Foi colocado a finais do século XIX, por devoción da familia de Gumersindo.
Moi preto do río Furna, no Esteleiro de abaixo e ao carón da ponte está situado a Cruz da Ponte do Esteleiro ou da Beira do Río. Está formada por unha  plataforma soterrada, un plinto formado por dúas pedras de granito de sección cúbica, unha base en dous tramos ( un en forma de capela cunha cruz  en rebaixe  e outro en escaleira no cumio). A cruz, de granito, desapareceu alá polo ano 2009 comentan os veciños e fora colocada a finais do século XIX por unha promesa dunha familia da Liñarega.

 

 

 

FOTO 34. CRUZ DO ESTELEIRO DE ARRIBA( GUMERSINDO E CARMEN PERNAS)

 

FOTO 35. DETALLE DA CRUZ DE ESTELEIRO DE ARRIBA

FOTO 36. CRUZ DA PONTE NO ESTELEIRO DE ABAIXO

11.6.- CRUCES DE SAN ESTEVO DE MOUCIDE
11.6.1.- CRUZ DA PENA
Esta Cruz da Pena non ten ningún valor artístico só a devoción que a xente do lugar ten nela. Trátase dunha cruz de ferro, con adobíos, ao carón do camiño da igrexa: Foi colocada pola familia de Amadora da Pena en lembranza dun neno que morrera neste lugar segundo testemuña dos veciños.

FOTO 37. CRUZ DA PENA

11.7.- CRUCES DE SANTA EULALIA DE BUDIÁN
11.7.1.- CRUZ DO VEDREIRO
En Santa Eulalia de Budián, entre outras cruces desaparecidas, achamos esta do Vedreiro feita con refugallo doutras. Está situada na estrada do Calvario ao Vilar, á man dereita. Estaba no medio do Camiño Real, con paso a ambos lados, e foi cambiada polo arranxo da estrada por Claudio Legaspi de Moucide e outros obreiros. Ten como base a moa dun muíño e unha cruz moi rústica. Foi colocada en lembranza da morte dun home do Vedreiro e despois serviu de lugar de enterramento de nenos sen bautizar. Segundo os veciños data de finais do século XIX.

FOTO 38. CRUZ DO VEDREIRO

11.7.2.-  CRUZ DO PAU DA VELLA
Esta cruz está situada no monte Buio. Segue sendo marco divisorio dos concello de Xove, Cervo, Viveiro e O Valadouro. Considérase unha cruz, aínda que polas características sinálase como unha estela funeraria. Ten estrutura cruciforme con brazos moi curtos semellante a Cruz da Panda na parroquia de Oiras (Alfoz). Castelao en (As Cruces de Pedra na Galiza) di que se trata dunha estela antropomorfa ou estatua menhir. Historiadores din que se “pau da vella” é sinónimo de “fuso da bruxa” ou de “fuso da moura” pode ser un elemento prehistórico tipo pedra fita. Carlos Nuevo Cal, no segundo libro de Actas do Congreso dos Cruceiros, dinos que esta cruz servía para reunións e asembleas como nos conta a lenda. Os alcaldes e cregos celebraban unha reunión co obxecto de posibles discordias entre os mandatarios.
FOTO 39. CRUZ DO PAU DA VELL
11.8.- CRUCES DE SANTA EULALIA DE FREXULFE
11.8.1.- CRUZ DO MONTE OU CRUZ DE AMPARO
11.8.2.- CRUZ DE MONTEIRO
No lugar das Extremas, ao carón da pista aos Penidos dende Freixide, achamos a Cruz de Amparo, tamén coñecida como a Cruz do Asasinato. Trátase de dúas cruces, unha de pedra derrubada e outra de cemento colocada posteriormente. Na base lemos: /AMPARO HERIMA./FACIO./EL 9-6-57 ASESINADA/POR LA PECHINA/RECUERDO DE SU FAMILIA/. Ambas cruces lembran o pasamento de Amparo Hermida Folgueira, morta neste lugar por unha muller, por razón de celos. A cruz foi mandada poñer polo marido de Amparo no ano 1957.
Unha cruz de desgraza, das moitas que hai neste concello do Valadouro, é a Cruz de Monteiro situada  na ladeira do Chao da Pena que Fala, preto do Penido Vello. Está formada por unha plataforma cúbica, mesa tronco piramidal invertida, base cuadrangular e tronco piramidal, plinto cúbico e unha cruz de granito cuadrangular. Foi colocada en lembranza da morte dun señor debaixo dun carro de mulime. Algúns anos tivo unha cruz de madeira e despois colocouse a actual. É conservada por Luís de Monteiro, fillo do finado.

FOTO 40. CRUZ DO MONTE OU CRUZ DE AMPARO

FOTO 41. CRUZ DE MONTEIRO?

11.9.- CRUCES DE SANTO TOMÉ
11.9.1.- CRUZ LATERAL DA IGREXA DE SANTO TOMÉ
11.9.2.- CRUZ DE SOUTONOVO
11.9.3.- CRUZ DA ESTIVADA
11.9.4.- CRUZ DA ESQUEIRA
No lateral dereito da igrexa de Santo Tomé hai unha cruz  enriba dunha base cuadrangular. A cruz de granito do tipo de cruz botonada, duns sesenta centímetros de alto,  ten outra cruz en rebaixe. Aos lados hai dous obeliscos en tres tramos. O inferior, de forma cúbica; o mediano, cunha moldura cóncava en “escocia”; e o superior tronco piramidal.
A Cruz de Soutonovo antigamente estaba enriba dunha pedra grande en Novás e hoxe está apoiada nun valado. Trátase dunha cruz pequena de cemento feita por Abel da Esqueira e colocada nunha encrucillada de camiños con fins de protección dos camiñantes, do gando e dos carros segundo testemuñas  dos veciños de Novás.
Unha das cruces, quizais máis coñecidas de Santo Tomé, sexa a Cruz da Estivada. Está situada ao carón da estrada camiño de Ferreira, nunha encrucillada. Trátase dunha cruz alta, de sección cuadrangular, colocada enriba dunha pena. Comenta os veciños que esta cruz ía para Cendemil, en Santa Cruz e un señor que estaba enriba do carro, sentado na cruz dixo: “ Din que Deus está alá arriba no ceo e neste momento eu estou enriba del”. Naquel intre partiuse o carro e acordaron deixala neste lugar para perdoar o pecado. Nos “Contos do Valadouro”  é coñecido como o “Cruceiro Asasino” de X.Pisón, M. Lorenzo, I. Ferreira.
No lugar da Esqueira, casa de Abel, o Canteiro de Santo Tomé, achamos restos de cruces. Dentro deste conxunto hoxe consérvase unha base en forma de plinto que serviu  para colocar unha cruz, hoxe desaparecida. Foi derrubada no ano 2004.

 

FOTO 42. CRUZ LATERAL DA IGREXA DE SANTO TOMÉ.

 

 

FOTO 43. A CRUZ DE SOUTONOVO

 

 


FOTO 44.  CRUZ DA ESTIVADA

FOTO 45. RESTOS DUNHA CRUZ

 

11.10.- CRUCES DE SAN XOÁN DE ALAXE
11.10.1.- CRUZ DAS PENAS NO MURADO DO CEMITERIO
11.10.2.- CRUZ DE SOUTO VELLO OU DE BENITO
11.10.3..- CRUZ DE VILAGABE
A Cruz das Penas no murado do cemiterio de A Laxe procede do lugar das Penas da Raspa. Trátase dunha cruz de sección cuadrangular e arestas rebaixadas, tipo cruz flordelisado. Está no murado do cemiterio e faise o comentario de que procede dun antigo cruceiro, segundo testemuñas dos veciños.
No lugar de Mansián, pista que leva a Cabras Figas, á man dereita achamos a Cruz de Souto Vello ou Cruz de Benito. Esta cruz foi derrubada e cambiada de lugar. Hoxe está formada por unha base en forma de plinto e enriba unha cruz, pouco traballada, de sección cuadrangular. Ao seu carón viviu moitos anos un mendigo, coñecido como “Benito de Atuxo” que vivía nunha choza, e de aí o nome de Cruz de Benito.
Na Costa de Vilagabe, na estrada de Ferreira a Budián, atópase a Cruz de Vilagabe. Está enriba dun murado dunha casa particular. Antigamente era de madeira e despois fixeron unha de granito e , de vez en cando, colócanlle un Cristo de bronce. Procede dunha Misión celebrada na igrexa de A Laxe. A cruz de madeira fora feita por Alexandre López Pumares, veciño desta parroquia. E segundo informa Estrella García Lorenzo, dona da cruz, a actual foi colocada no ano 1985. Diante esta cruz paraban os cadaleitos.

FOTO 46. CRUZ DAS PENAS

FOTO 47. CRUZ DE SOUTOVELLO OU DE BENITO


FOTO 48. CRUZ DE VILAGABE

12.- CRUCES DE SANTA MARÍA DE FERREIRA

12.1.- CRUZ DE GUILLERMITO NO VILLARAO
Trátase dunha cruz recente colocada no ano 1960, segundo testemuñas,  por unha promesa (curar un neno) dunha familia que tivo un fillo enfermo. Ten unha lenda coas iniciais: “ J.L.”. Foi feito por José María López Expósito. A cruz é de sección cuadrangular e coas arestas rebaixadas por tramos sobre unha base tronco piramidal. Na base hai un rebaixe onde se atopa a leda “J.L.”. No anverso hai outro rebaixe e no centro achamos unha custodia e no cumio unha cruz.


FOTO 49. CRUZ DE GUILLERMITO

 

13.- CRISTOS E CRUCES  DESAPARECIDAS NO CONCELLO DE O VALADOURO

No Concello de O Valadouro podemos afirmar que  desapareceron dous Cristos e dezaseis cruces segundo comprobamos coa información dos veciños.
13.1.- CRISTOS DESAPARECIDOS NO CONCELLO DO VALADOURO
13.1.1.- CRISTO DE CAMONDE EN SANTA CRUZ
13.1.2.- CRISTO DA LAPA EN SANTA CRUZ
13.2.- CRUCES DESAPARECIDAS NO CONCELLO DO VALADOURO
13.2.1.- CRUZ DE TANÍN EN SANTA MARÍA DE FERREIRA
13.2.2.- CRUZ DOS PRADOS DE GATOI EN SANTA CRUZ
13.2.3.- CRUZ DO PORTELO EN SANTA CRUZ
13.2.4.- CRUZ DAS QUINTAS EN SANTA CRUZ
13.2.5.- CRUZ DOS LIÑARES EN SANTO TOMÉ
13.2.6.- CRUZ DA ESQUEIRA EN SANTO TOMÉ
13.2.7.- CRUZ DO REQUEIXO EN SANTA EULALIA DE BUDIÁN
13.2.8.- CRUZ DO CAMIÑO DA GRANDA EN A LAXE
13.2.9.- CRUZ DE PERICO EN CABRAS FIGAS EN A LAXE
13.2.10.- CRUZ DO LUGAR DA CRUZ EN SANTA MARÍA DE VILACAMPA
13.2.11.- CRUZ DOS CAÑIZOS EN SANTA MARÍA DE VILACAMPA
13.2.12.- CRUZ DO BURGO EN SANTA MARÍA DE VILACAMPA
13.2.13.- CRUZ DAS COSTELAS EN SANTA MARÍA DE VILACAMPA
13.2.14.- CRUZ DO LIMPADOIRO EN SANTA MARÍA DE VILACAMPA
13.2.15.- CRUZ DE VILAS NOS FORNOS EN SAN XIAO DE RECARÉ
13.2.16.- CRUZ DA VEIGA EN SAN XURXO DO CADRAMÓN
13.2.17.- CRUZ CAMIÑO DA ESCOLA EN SAN ESTEVO DE MOUCIDE
13.2.18.- CRUZ DE LEIRADO EN SANTA EULALIA DE FREXULFE
13.2.19.- CRUZ DE CERDEIRAS EN SANTA EULALIA DE FREXULFE

14.-PETOS DE ÁNIMAS NO CONCELLO DO VALADOURO

14.1.- PETO DE ÁNIMAS EN SANTO TOMÉ

Este peto de ánimas está situado diante da igrexa de Santo Tomé. Coñécese este peto como “ O Santísimo Cristo da Providencia”. A construción é de estilo neoclásico e está formado por unha base con moldura, columnas dóricas, frontón clásico triangular,… O Cristo está acompañado pola Virxe das Dores e San Pedro. Foi costeado polo crego da parroquia de Santo Tomé don Fernando Bocelo no ano 1863. Diante destas efixies son moitas as persoas que depositan flores ao longo do ano.

FOTO 50. PETO DE ÁNIMAS DE SANTO TOMÉ

FOTO 51. DETALLE DO PETO DE ÁNIMAS

15.- VIACRUCIS DO CONCELLO DO VALADOURO

15.1.- VIACRUCIS DE SANTO TOMÉ

O Viacrucis de Santo Tomé está formado por catorce estacións. Nun principio as estacións eran de madeira. Saía o Viacrucis da Cruz de Liñares, cruz de granito, que desapareceu alá polo ano 1963 cando se fixo o actual . Esta cruz  sinalaba o comezo  do Viacrucis e databa do ano 1863. Se temos en conta o Inventario Provincial de Lugo dinos que se trataba dun cruceiro con Cristo e un Santo. O Viacrucis actual foi cambiado, restaurado ou feito por Abel da Esqueira. Todos os anos faise unha representación por Semana Santa.

FOTO 52. CRUZ DO VIACRUCIS

 

Outro Viacrucis é o situado no lugar de Riobó na feligresía de Santa María de Vilacampa. Está nunha finca privada, mais os donos deixan visitalo sobre todo o día da Inmaculada.

FOTO 53. MARIO, AUTOR DO ARTIGO, TENTANDO COLOCAR UNHA CRUZ NA BASE.

 

 

16.- BIBLIOGRAFÍA

1.E. Valiña Sanpedro, N.Rielo Carballo, San Cristobal Sebastián e J.M. González Reboredo, Inventario Provincial de Lugo
2.A. Canoura Quintana, Alfoz y Valadouro. Historia de un Valle e Arqueoloxia do Valadouro. Prehistoria
3.X. Pisón, M. Lorenzo, I. Ferreira, Contos do Valadouro
4.R. Reigosa Méndez, As cruces do Valadouro (inédito)
5.Pilar Barciela Garrido e Eusebio Rey Seara, Xacementos Arqueolóxicos de Galicia
6.R. Castelao, A Cruces de Pedra na Galiza
7.Fariña Jamardo, Os Concellos Galegos
8.Actas do II Congreso Galego sobre Cruceiros e Cruces de Pedra, Carlos Nuevo Cal
9.F. Arribas, J.M. Blanco e Mario Saavedra, Cuceiros, Cristos e Cruces do Concello de Muras
10.Veciños do Valadouro: J. Manuel Prieto López de Frexulfe, J. Antonio Rodríguez González do Cadramón, Maruja de Lodeiros de Santa Cruz, Emilio de Lamas de Santa Cruz, José Blanco López de Adelán,Terresa Pomares Sixto de Santa Cruz, José Antonio Rodríguez González, Dolores e José Díaz Romero do Cadramón, Castor Pérez Franco de A Laxe Estrella García Lorenzo de A Laxe, Carmen Miguez Pedreira de A Laxe, Consuelo Franco de Mansián, Juán García de A Laxe, Anselmo García do Requeixo, Julio dos Maestros do Escourido,… e outros moitos veciños deste concello.