MOTIVOS ORNAMENTAIS E ICONOGRÁFICOS NAS BASES DOS CRUCEIROS DA TERRA CHÁ (LUGO).

 

MOTIVOS ORNAMENTAIS E ICONOGRÁFICOS NAS BASES    DOS CRUCEIROS DA TERRA CHÁ (LUGO).

     FERNANDO ARRIBAS ARIAS   

     PUBLICADO EN ACTAS DO IIº CONGRESO GALEGO SOBRE ” CRUCEIROS E CRUCES DE PEDRA”. COLECCIÓN HISTORIA E ETNOGRAFÍA GALEGAS. VOL. LV. PONTEVEDRA.2010. EDITOR: ESTANISLAO FERNÁNDEZ DE LA CIGOÑA.

  Revista de Investigación “ETNOGRAFIA”,  nº3, 2011. I.S.S.N. 1989 – 8541.

  Web, https://mesondoforno.com.

     Aínda que na Terra Chá podemos atopar cruceiros coa base asentada directamente sobre o chan, o normal é que esta peza vaia sobre unha plataforma cun número variable de chanzos. A base, tamén denominada calvario ou pedestal,  é o elemento no que se suxeita o fuste ou varal do cruceiro. Por iso contan na súa parte superior cun burato ou caixeado cuadrangular no que se mete o mastro, asentándoo despois con cuñas de ferro para que quede ben dereito e aplicándolle despois unha argamasa (recentemente con cemento) ou chumbo derretido para tapar todo e que non se note a unión. José Andrés Castro Castaño e Estanislao Fdez de la Cigoña din no seu libro Vidas labradas en pedra. Os Santeiros de Chave-Lousame,  que para o axuste das diferentes pezas en algúns dos cruceiros desta zona empregábase xofre derretido, que unha vez seco se convertía nun forte adhesivo, mentres que noutros o pegado se facía con area mesturada con cera, técnicas das que non temos constancia da súa utilización na Terra Chá.

     As bases dos cruceiros chairegos teñen como denominador común o ser monolíticas, é dicir, están realizadas nun só bloque de pedra. Practicamente na súa totalidade son de granito e, como constitúen a parte do cruceiro que ofrece unha maior superficie lisa, son o lugar no que se sitúan preferentemente a maioría das inscricións ou epígrafes. Se ben os seus tamaños son moi semellantes, pola contra as súas formas son moi variadas, aínda que predominan as de forma paralelepípeda, frecuentemente coas arestas superiores achafranadas ou biseladas, e as troncopiramidais, case sempre cun tramo recto, separado ou non por unha escocia, na parte inferior. Son tamén abundantes as bases de dous corpos, nas que o inferior é de forma paralelepípeda e o superior está moldurado en talón ou cima reversa. Máis escasas son as circulares, normalmente asociadas a cruceiros de recente construción.

     MOTIVOS ORNAMENTAIS E ICONOGRÁFICOS

     En Galicia son abundantes as bases ornamentadas con caveiras, tibias cruzadas, píntegas, lagartas, serpes, etc., tal como podemos apreciar  nos cruceiros do Fondo da Vila e de Longais, os dous no concello de Padrón,  do Cristo da Agonía de Porriño, etc., case todos anteriores ao século XVIII. Na provincia de Lugo destacan especialmente o cruceiro de Ligonde en Monterroso, obra de 1674, cuxo pedestal presenta varios relevos que reproducen unha caveira entre dúas tibias cruzadas (símbolo da morte) así como os símbolos da paixón, e o cruceiro de San Miguel de Paradela, cunha serpe (símbolo do pecado) perfilando a parte superior da base.

RELEVOS DA PAIXÓN REALIZADOS POLOS “CARBOEIRA”, CANTEIROS VILALBESES DOS SÉCULOS XIX E XX. 

     Polo que respecta ao cruceiros chairegos, deixando á parte a decoración moldurada, nas súas bases atopamos os seguintes motivos ornamentais:

     1. ESCENAS DA PAIXÓN.
     2. FIGURAS DE SANTOS.
     3. SAGRADOS CORAZÓN.
     4. VIEIRAS.
     5. ESCUDOS.
     6. ESTRELAS E FORMAS XEOMÉTRICAS.
     7. IMAXES DE VULTO REDONDO.

     1. ESCENAS DA PAIXÓN.

         Están presentes só en 13 cruceiros desta comarca: Casa da Pena, Curro, Reximil, Muíños, Vilamel, A Pontenova, adro da igrexa de Santa Cristina, Cainzada, Lamas, Queimosas, adro da igrexa de Trobo, casa dos Carboeira e igrexa de Sancovade. Cómpre resaltar que agás os tres últimos, o resto se corresponden co tipo de cruceiro que denominamos Ornamentado 2, característicos dun obradoiro aínda non identificado que desenvolve a súa actividade dende comezos dos anos vinte do século XIX ata o primeiro terzo do XX, tipoloxía na que son frecuentes os cruceiros con número de serie. Os seus capiteis, que constitúen o elemento máis diferenciado con respecto aos de outros cruceiros da Terra Chá, presentan as seguintes particularidades:

       – Ábaco máis ancho e sen apenas beiril.
       – Volutas dunha soa espiral e unidas entre si por unha faixa continua máis ancha que nos capiteis de tipo Carboeira.
      – Querubíns coa cabeza tamén resaltada pero coas ás menos marcadas rectas, aínda que son frecuentes os casos sen querubíns.
       – Tramo na parte inferior formado por unha lixeira escocia e un acusado bocel.

         Atendendo a diversas características comúns e a unha serie de diferenzas notables (como poden ser a dos capiteis que comentamos anteriormente) estes cruceiros os podemos dividir en dous grandes grupos.

         O primeiro estaría formado polos seguintes:

       • CRUCEIRO DA PENA (CANDAMIL- XERMADE).

         Trátase das escenas da paixón máis antigas que coñecemos da Terra Chá, xa que o cruceiro data do ano 1823. Ocupan as catro caras da base e a primeira reproduce o momento en que un romano desviste a Cristo e outro lle amosa un cáliz, símbolo da paixón que se lle avecina. No segundo podemos ver a flaxelación de Xesús, na que o Redentor aparece espido e atado a unha pequena columna e flanqueado por dúas figuras que representan ós seus verdugos.

        No terceiro relevo vemos a Cristo vestido con túnica  e coa cruz ás costas precedido dun romano, mentres que no cuarto aparece caído no chan detrás dun romano. Cómpre resaltar que nestas últimas imaxes só aparecen dous personaxes: o Redentor e un dos seus verdugos.

        

ESCENA DA PAIXÓN. DESVESTINDO A CRISTO.

 

ESCENA DA PAIXÓN. FLAXELACIÓN

     

      • CRUCEIRO DO CURRO (ANSEMAR – CASTRO DE REI).

        Fíxose no ano 1865 ou 1886 e carece de número de serie. O relevo que figura na cara principal da súa base representa a Xesús, no centro da composición, levando a cruz entre dous romanos. Leva unha corda atada ao pescozo da que tira o romano que lle precede e que porta unha lanza, mentres que a figura situda á esquerda da escena parece querer axudar ao Redentor a portar o madeiro, se ben descartamos que se trate de Simón o Cireneo pola lanza que aparece ás súas costas. Cómpre reseñar que todas as figuras aparecen de perfil.

ESCENA DA PAIXÓN. XESÚS LEVANDO A CRUZ ENTRE DOUS ROMANOS.

 

      • CRUCEIRO DE REXIMIL (XUSTÁS – COSPEITO).

        Trátase do primeiro cruceiro con relevos na súa base no que, ademais do ano de construción (1878) aparece na cara principal do extremo superior do fuste un número de serie, concretamente o  Nº 36. As escenas da paixón atópanse repartidas polas catro caras da base.Amosan o desvestimento de Cristo, a flaxelación, a Xesús levando a cruz e a caída camiño do Calvario.

       Na primeira Cristo aparece de fronte, no centro da composición, mentres que o romano situado a súa esquerda o espide e o da dereita, cunha lanza ao seu carón, amósalle un cáliz. No segundo  aparece espido, atado a unha columna baixa e que presenta un acusado éntase na súa parte inferior, entre dúas figuras que o azoutan, se ben o desgaste da pedra non nos permite apreciar  máis detalles agás que unha delas parece estar de fronte. No terceiro relevo Xesús, vestido con longa túnica e coa cruz no ombro esquerdo, está flanqueado por dous soldados romanos: un deles portando unha lanza e o outro suxeitando  a corda ou ramal atada ao pescozo do Redentor. Na cuarta imaxe podemos ver a Cristo no chan baixo a cruz e, nun dos lados, un romano cun casco adornado cun penacho e cunha lanza, se ben ao estar esta situada por detrás da cruz, permite darlle unha certa profundidade á composición. En canto á figura do lado contrario, aínda que está moi deteriorada pola erosión, pode tratarse do romano que, na terceira escena, suxeitaba a corda atada ao pescozo de Cristo.

 

 

 

 

ESCENAS DA PAIXÓN. CAIDAS DE XESÚS CAMIÑO DO CALVARIO.

 

     • CRUCEIRO DOS MUIÑOS (ROÁS – COSPEITO).

       Trátase dun cruceiro realizado en 1879 e, segundo unha inscrición situada no extremo superior do fuste, fai o Nº 37. Como no caso anterior, catro son os relevos situados nas caras da súa base.

       No primeiro podemos ver a Cristo de fronte e diante da cruz entre dous romanos: un deles o desviste e o outro amósalle o cáliz. O segundo reproduce a flaxelación de Cristo que, situado no centro da escena, aparece de perfil, espido e atado a unha columna baixa con acusado éntase na parte inferior. As figuras que o flanquean visten falda curta e portan un látego ao tempo que apoian un dos seus brazos sobre o Redentor.
Na terceira escena Xesús leva a cruz entre dous romanos, un dos cales suxeita a corda que Cristo leva atada ao pescozo; mentres que a cuarta representa o momento da caída baixo o peso do madeiro.

     • CRUCEIRO DE VILLAMEL (OUTEIRO – CASTRO DE REI).

       Co Nº 67, este cruceiro data do ano 1907.  A súa base está ornamentada con catro relevos que reproducen a flaxelación, a Cristo levando a cruz, a caída de Xesús e a axuda que lle presta o Cireneo. A particularidade destas imaxes radica en que na primeira delas a figura de Cristo non aparece de perfil nin atado a unha columna, senón de fronte e vestido; mentres que na última a particularidade estriba na presenza de catro personaxes en vez dos tres habituais.

     • CRUCEIRO DA PONTENOVA (OUTEIRO – CASTRO DE REI).

       Este cruceiro é unha obra do ano 1906 /08 (?), se ben carece de núnero de serie. So á cara principal da base deste cruceiro está ornamentada cun relevo de Xesús levando a cruz sobre o ombro esquerdo e axudado por Simón o Cireneo, mentres que un romano portando unha lanza pecha a comitiva. A súa particularidade está en que a figura de Cristo aparece ao principio da composición e non no centro como é o habitual. En contraposición aos outros personaxes que levan faldra curta, Xesús viste longa túnica que só permite verlle os pés.

     • CRUCEIRO DO ADRO DA IGREXA DE STA. CRISTINA (SANTA CRISTINA – COSPEITO).

       Construído en 1909 e o seu número de serie é o 79 . Presenta relevos en tres das caras da súa base e que representan o momento da flaxelación, a caída de Xesús e ao Cirenero axudándolle a levar a cruz.

     • CRUCEIRO DA CAINZADA (BAZAR – CASTRO DE REI).

        Trátase dun cruceiro de 1912 co Nº 78 da serie. Ten tres caras da súa base ornamentadas con relevos que reproducen o ofrecemento do cáliz, a Xesús levando a cruz e a caída do Redentor, imaxes todas elas moi semellantes ás existentes noutros cruceiros.

     • CRUCEIRO DE LAMAS (LAMAS – COSPEITO).

       Cruceiro realizado en 1913 que constitúe o número 79. Os relevos deste cruceiro só aparecen en tres das caras da base, quedando libre a do reverso. Secuencialmente representan o momento do ofrecemento do cáliz, do carreo  da cruz e da caída de Cristo.

       Nos tres o Redentor aparece flanqueado por dous romanos, mentres que unhas lanzas situadas aos extremos contribúen  a delimitar a composición. Como noutros casos, Xesús viste túnica longa e as outras figuras unha faldra máis curta e un casco na cabeza, o que nos permite identificalas como romanos.

     • CRUCEIRO DE QUEIMOSAS (RIOAVESO – COSPEITO).

       Descoñecemos a data da realización deste cruceiro que carece de número de serie. A escena que podemos ver na cara principal da súa base representa a caída de Xesús. Nela, a figura de Cristo levando a cruz no ombro esquerdo aparece moi inclinada e a punto de bater co chan. Viste unha túnica que lle chega aos pés, se ben parece ter o torso espido aínda que este detalle é difícil de precisar polo desgaste da pedra. Detrás do Redentor e xunto a unha lanza hai un romano cun látego fustrigando a Cristo, mentres que unha terceira figura que non puidemos  identificar encabeza a comitiva. 

ESCENA DA PAIXÓN. XESÚS LEVANDO A CRUZ.

 

       A nivel xeral observamos nos relevos deste primeiro grupo as seguintes características:

    – As figuras están representadas sempre de perfil, agás nas escenas nas que se lle amosa o cáliz a Cristo (nestas só o Redentor aparece de fronte) e no momento da flaxelación do cruceiro de Vilamel.
    – Hai unha ausencia de tamaño xerárquico e todas as figuras presentan a mesma altura.
    – En canto ás vestimentas, Xesús leva sempre túnica longa (agás nos relevos da flaxelación en que aparece espido) mentres que o resto dos personaxes leva falda curta.
    – Xeralmente Cristo ocupa a parte central da composición, agás no caso do cruceiro da Pontenova onde aparece encabezándoa.
    – Cada escena está composta por tres personaxes: Cristo entre dous romanos ou ben o Cireneo e un romano. As excepcións as constiúen o relevo da cara E do cruceiro de Vilamel, no que podemos ver catro figuras, e os dous do cruceiro da Casa da Pena, no que aparecen dous personaxes.
    – As escenas representadas (de lectura de esquerda á dereita) forman unha secuencia: a historia da paixón de Cristo, centrada fundamentalmente nunha serie de momentos dramáticos: o desvestimento e ofrecemento do cáliz que anuncia o comezo de todo o proceso, a flaxelación, o acarreo da cruz e a caída baixo o peso da mesma e a axuda que lle presta o Cireneno. Nos cruceiros nos que só hai un relevo, ofrecen os motivos seguintes motivos: Xesús levando a cruz (cruceiro do Curro) e a caída de Cristo (cruceiro de Queimosas). 
   – Estes relevos teñen unha función ornamental pero tamén didáctica, xa que queren amosar os padecementos de Cristo antes da súa crucifixión. Nos cruceiros que presentan estes motivos, o relato, en conxunto, estructúrase do seguinte xeito: na base podemos ver as escenas previas á crucifixión, no fuste os símbolos da paixón e na cruz o momento da morte que, nalgúns casos, vese complementada coa Piedade no reverso, iconografía na que vemos a influencia da igrexa e a pervivencia do discurso da Contrarreforma.
   – Trátase de relevos moi sinxelos e toscamente realizados, pero non exentos da gracia que caracteriza estas obras de feitura popular e que nos lembran á escultura románica. Convén tamén destacar a ausencia de expresividade das figuras. Observamos unha certa desproporción en algúns elementos (lanzas moi grosas en comparación coas figuras) que quizáis se deba á dificultade de traballar un material tan duro como é o granito desta zona que non permite unha maior estilización.
   – Outra característica é a ausencia de perspectiva (que a inexistencia de fondos contribúe a resaltar) pois todas as figuras están no mesmo plano. Podemos albiscar un intento de crear profundidade nas escenas nas que a cruz aparece por detrás da efixie de Cristo.
   – Estes relevos están presentes en tres tipos de bases, se ben son máis frecuentes naquelas que constan dun primeiro tramo recto seguido doutro de forma troncopiramidal (cruceiros de Vilamel, Pontenova, Cainzada, Lamas e Queimosas). As bases dos de Reximil, Muíños e Santa Cristina contan tamén cun primeiro tramo recto, pero o superior está moldurado en nacela invertida; mentres que nas dos cruceiros da Casa da Pena e do Curro hai que destacar a presenza dun bordo redondeado moi acusado no comezo do tramo moldurado.
   – Tendo en conta as datas de realización dos cruceiros e nas analoxías estilísticas que presentan entre eles, atreveríamonos a afirmar que estes relevos son obra dun obradoiro aínda non identificado que desenvolve a súa actividade dende comezos dos anos vinte do século XIX ata o primeiro terzo do XX, se ben a observación  dalgunha característica diferenciadora (presenza de numeración) nos leva a pensar na existencia de dous momentos diferentes neste obradoiro ou ben na existencia dun segundo rexentado por un discípulo. Ao primeiro pertencen os relevos dos cruceiros da Casa da Pena e do Curro, os dous carentes de numeración e coa particularidade de ser os máis antigos, mentres que no segundo situaríamos os de Reximil, Muíños, Santa Cristina, Vilamel, Cainzada e Lamas. Precisando máis, coidamos que estes cruceiros e os seus correspondentes relevos son obra dunha mesma man, afirmación que sustentamos tanto nas semellanzas estilísticas como na numeración correlativa e, no caso dos tres primeiros,  tamén na coincidencia de marcas (un círculo gravado con catro diagonais).
   – Este ou estes obradoiros (quizáis só se trate dun no que traballan dúas ou tres xeneracións) estaría localizado nunha zona que abrangue as parroquias colindantes de Castro de Rei e Cospeito, se ben nos inclinamos por situalo neste último concello.

       O segundo grupo estaría formado polos cruceiros seguintes:

     • CRUCEIRO DO ADRO DA IGREXA DE TROBO (BEGONTE).

       Os catro relevos da base deste cruceiro foron realizados en 1899 por Benito Rifón Corral, o único canteiro da Terra Chá que deixou constancia do seu nome nunha obra da súa autoría.

       No primeiro podemos ver a Xesús, vestido con túnica, levando a cruz no ombro esquerdo. Nos seus lados están as figuras de dous romanos, un deles de fronte e portando unha lanza na man esquerda e na outra unha corda atada ao pescozo de Cristo. A segunda imaxe representa a caída de Xesús con dous soldados nos extremos. Nela hai un intento de dar unha maior sensación de profundidade situando a un dos romanos nun plano posterior á cruz, efecto que non se consegue ao ter a figura o mesmo volume que as situadas en primeiro termo. No terceiro relevo Xesús aparece tirado no chan coa cruz encima e fustrigado  por dous soldados. Un deles crávalle unha lanza e o outro dalle cun látego ao tempo que o ten suxeito por unha corda atada ao pescozo. No último Simón o Cireneo axuda a Cristo a levar a cruz, completando a imaxe un terceiro personaxe que non acertamos a identificar.

     • CRUCEIRO DOS CARBOEIRA (ROMÁN – VILALBA).

       Os seus relevos foron realizados en 1918 por Andrés Seoane, membro da dinastía dos Carboeira da parroquia vilalbesa de Román. Ocupan tres das caras da base e recollen tres momentos certamente inéditos neste tipo de representacións.

       Así, na primeira asistimos ao prendemento de Xesús e na segunda ao momento da crucifixión, mentres que na terceira Cristo está crucificado entre os dous ladróns (Dimas e Xestas) coa particularidade de que os tres teñen as mans cruzadas sobre o ventre e non cravadas na cruz. Nas tres escenas o redentor aparece sempre de fronte e as outras figuras de perfil. Esta frontalidade é máis forzada na da crucifixión, xa que obriga a colocar a cruz nunha postura pouco usual. Apreciamos tamén unha certa xerarquización nos relevos do prendemento e da crucifixión que, non obstante, desaparece no que representa a Cristo entre os dous ladróns.

      Os personaxes visten todos longas túnicas e, agás o Redentor e os dous ladróns  que son facilmente recoñecibles, o resto carece de atributos (lanzas, espadas, látegos, etc.) que nos permitan identificalos como os seus verdugos. Trátase de representacións que denotan unha certa inxenuidade e, en ocasións, falta de pericia (apreciable nos brazos pegados ao corpo no momento da crucifixión) e de rigor (as mans sobre o ventre das tres figuras na cruz), o que nos fai dubidar se un artista da talla de Andrés Seoane, capaz de realizar imaxes con maior dificultade, foi o autor destes relevos ou se son obra dun discípulo menos avezado.

 

 

                                RELEVOS DA PAIXÓN REALIZADOS POLOS “CARBOEIRA”

 

 

    • CRUCEIRO DA IGREXA DE SANCOVADE (SANCOVADE – VILALBA).

      Realizado en 1977 por Manuel da Carboeira (?), este cruceiro presenta catro caras da base ornamentadas con esceas da paixón que imitan as que xa levamos vistas pero con algunhas particularidades.

      Así, na do lado E. podemos ver a Xesús levando a cruz e axudado polo Cireneo e a dous romanos, mentres que o situado na cara N representa a caída de Xesús, escena na que un romano lle clava unha lanza ao Redentor, imaxe que nos trae á mente a do cruceiro do adro da igrexa de Trobo. Os outros dous relevos amosan a Cristo levando a cruz, en ambos axudado polo Cireneo, xunto a dúas figuras femininas (unha delas axionllada  e que ben puidera tratarse da Virxe María e de María Magdalena) no caso do que ocupa a cara S e dun home e dunha muller (a Virxe e San Xoán?) no caso da escena do lado W. Cómpre resaltar que nestes relevos aparecen sempre catro personaxes e que no caso dos últimos a lectura realízase de dereita á esquerda.

      Como carácterísticas dos relevos deste segundo grupo de podemos dicir que se trata de obras de autor coñecido que reproducen, agás no caso do cruceiro da casa dos Carboeira, os temas xa coñecidos da paixón de Cristo sen aportar nada novo nas formas.

     2. FIGURAS DE SANTOS.

         Estes motivos só os podemos atopar no cruceiro de Lanzán (Tardade-Vilalba) realizado conxuntamente  por Andrés Seoane Fernández e o seu fillo Marcelino Seoane Leiras en 1906.

         Ocupando toda a cara principal da base, orientada ao SW, hai un impresionante Santiago Matamouros, vestido de peregrino e coa espada na man dereita, montado a cabalo e cun sarraceno aos seus pés que trata de protexerse levantado o brazo dereito. Nas caras SE e NW están os relevos de San Xosé e de San Roque. O primeiro viste capa e longa túnica que lle deixa ver os pés, levando nas mans cruzadas sobre o ventre un  lirio, un dos seus atributos. Pero, por se houbese algún tipo de dúbidas, ao seu carón  púxose a epígrafe SAN JOSÉ. Polo que respecta a San Roque, este santo aparece representado na súa forma máis habitual: levantando a túnica para amosar as chagas dos xeonllos e acompañado dun can.
Estas dúas últimas figuras, máis toscamente labradas, contrastan notablemente co xa citado Santiago Matamouros no que observamos a man dun canteiro que coñece ben o seu oficio e que fan deste relevo o mellor dos existentes nas bases dos cruceiros chairegos.

SANTIAGO APÓSTOLO

 

       3. SAGRADO CORAZÓN.

           Trátase dun motivo certamente novidoso nos cruceiros chairegos que só o localizamos no situado no Muíño Rañego (Sancovade-Vilalba), obra relativamente recente xa que foi realizada no ano 2000. Son catro imaxes iguais do Sagrado Corazón repartidas en cada unha das caras da base.

IMAXE DO SAGRADO CORAZÓN

 

       4. VIEIRAS.

           Este motivo en forma de relevo en oco é exclusivo do cruceiro do cemiterio da parroquia vilalbesa de Árbol, onde aparece na súa cara NE, que se corresponde co anverso.

 

VIEIRA

 

       5. ESCUDOS.

           O cruceiro de Regotraveso (Codesido-Vilalba), realizado en 1995 por desexo de Arturo Bermúdez Grandío e a súa dona María Orosa Souto, presenta como motivo ornamental no lado W da súa base o escudo de Galicia timbrado cunha coroa.

           Obra máis recente, concretamente do ano 2002, é o cruceiro da nova capela de San Urbano (Goá-Cospeito) que na cara SE da súa base amosa un escudo con tres estrelas de seis puntas.

 

         

ESCUDOS

 

        6. ESTRELAS E FORMAS XEOMÉTRICAS.

            Na parte central do cruceiro de Vilargabín (Os Vilares-Guitiriz) pódense ver unhas estrelas de oito puntas en relevo, así como tamén unhas formas xeométricas en oco, mentres que a cara SW da base dun dos cruceiros laterais do calvario dos Vilares presenta unha roseta.

            Na base do cruceiro da Casa do Cordal da parroquia vilalbesa de Román , concretamente nas súas caras NW e SW, hai uns relevos de difícil interpretación e que constitúen un motivo único nos cruceiros da Terra Chá. Representan círculos e un acróstico coas letras AM (Ave María?), ademais de dúas cruces e a data de construción: 1929.

 

DECORACIÓN XEOMÉTRICA

 

        7. IMAXES DE VULTO REDONDO.

           Colocar imaxes de santos de vulto redondo por encima das bases nos cruceiros chairegos non é unha práctica habitual. Proba delo é que só as atopamos no cruceiro da igrexa de Sancovade (Vilalba) que amosa dúas figuras de vulto redondo que representan ao Sagrado Corazón e a Virxe María.

 

       BIBLIOGRAFÍA

ACTAS DO I CONGRESO GALEGO SOBRE CRUCEIROS E CRUCES DE PEDRA. Poio, 11 e 12 de setembro de 2009. Vigo: Asociación Galega para a Cultura e a Ecoloxía, 2009.

ARRIBAS ARIAS, F., CUBA RODRÍGUEZ, X.R. e REIGOSA CARREIRAS, A. “As cruces e cruceiros da Terra Chá” en El Progreso. Lugo: 20-8-87, páx.7.
 
ARRIBAS ARIAS, F. e BLANCO PRADO, J. M. Catálogo de Cruceiros da Terra Chá. Cruceiros de Castro de Rei e Outeiro de Rei, Sada: Cadernos do Seminario de Sargadelos, nº 76, Ediciós do Castro, 1998.

ARRIBAS ARIAS, F. e BLANCO PRADO, J. M. Catálogo de Cruceiros da Terra Chá. Cruceiros de Guitiriz, Sada: Cadernos do Seminario de Sargadelos, nº 81, Ediciós do Castro, 1999.

ARRIBAS ARIAS, F. e BLANCO PRADO, J. M. “Os cruceiros da Terra Chá. Algunhas tipoloxías dos cruceiros de Castro de Rei (Lugo) (Diócese de Mondoñedo-O Ferrol)”, en el Legado Cultural de la Iglesia Mindoniense, I Congreso do Patrimonio da Diócese de Mondoñedo, Ferrol, 1999, páxs. 497-506.

ARRIBAS ARIAS, F. e BLANCO PRADO, J. M. Catálogo de Cruceiros da Terra Chá. Cruceiros de Begonte, Cospeito e Rábade, Sada: Cadernos do Seminario de Sargadelos nº 87, Ediciós do Castro, 2000.

ARRIBAS ARIAS, F. e BLANCO PRADO, J.M. “Algunhas tipoloxías dos cruceiros de Guitiriz”, Os Canteiros. (Actas das xornadas celebradas en Parga –Lugo). Lugo: Brigadas en Defensa do Patrimonio Chairego, 2000, páxs. 21-41.

ARRIBAS ARIAS, F., BLANCO PRADO, J. M e SAAVEDRA PÉREZ, M. . Catálogo de Cruceiros da Terra Chá. Cruceiros, Cristos e Cruces da Pastoriza,  Sada: Cadernos do Seminario de Sargadelos, nº 92, Ediciós do Castro, 2002.

ARRIBAS ARIAS, Fernando e BLANCO PRADO, José Manuel Catálogo de Cruceiros da Terra Chá. Cruceiros, Cristos e Cruces de Xermade,  Sada: Cadernos do Seminario de Sargadelos, nº 94, Ediciós do Castro, 2004.

ARRIBAS ARIAS, F. e BLANCO PRADO, J.M. “Os Cruceiros da Terra Chá. Algunhas tipoloxías dos Cruceiros de Cospeito” en Cadernos de Estudios Chairegos, nº 1. Vilalba (Lugo): Instituto de Estudios Chairegos, 2002, páxs. 100-117.

ARRIBAS ARIAS, F., BLANCO PRADO, J.M. e SAAVEDRA PÉREZ, M. “Os Cruceiros da Terra Chá. Algunhas tipoloxías dos Cruceiros da Pastoriza” en Cadernos de Estudios Chairegos, nº 2. Vilalba (Lugo): Instituto de Estudios Chairegos, 2004, páxs. 125-146.

ARRIBAS ARIAS, Fernando e BLANCO PRADO, José Manuel. “Os Carboeira, unha saga de canteiros de Román (Vilalba)” en Boletín do Museo Provincial de Lugo, tomo XI, volume 1, 2004. Páxs. 197-219.

ARRIBAS ARIAS, F. e BLANCO PRADO, J.M. “Os Cruceiros da Terra Chá. Algunhas tipoloxías dos Cruceiros, cruces e cristos de Xermade” en Cadernos de Estudios Chairegos, nº 3. Vilalba (Lugo): Instituto de Estudios Chairegos, 2006, páxs. 77-112.

ARRIBAS ARIAS, F., BLANCO PRADO, J. M e SAAVEDRA PÉREZ, M. . Catálogo de Cruceiros da Terra Chá. Cruceiros, cristos, cruces e esmoleiros de Abadín,  Sada: Cadernos do Seminario de Sargadelos, nº 96, Ediciós do Castro, 2007.

ARRIBAS ARIAS, F., BLANCO PRADO, J.M. e SAAVEDRA PÉREZ, M. “Os Cruceiros da Terra Chá. Algunhas tipoloxías dos Cruceiros do concello de Outeiro de Rei” en Cadernos de Estudios Chairegos, nº 4. Vilalba (Lugo): Instituto de Estudios Chairegos, 2008, páxs. 59-74.

ARRIBAS ARIAS, FERNANDO. “Os cruceiros lucenses, testemuñas de devoción”, en Trasluz-Lukus. Lugo, nº 2, primavera de 2009, páxs. 55-62.

ARRIBAS ARIAS, FERNANDO. “Patrimonio lucense: O cruceiro de Lanzán, peza excepcional”, en Trasluz-Lukus. Lugo, nº 3, verán de 2009, páxs. 87-88.

ARRIBAS ARIAS, FERNANDO. “Cruceiro do adro da igrexa de Trobo: Peza singular e única”, en Trasluz-Lukus. Lugo, nº 5, inverno 2009-2010, páxs. 50-51.

ARRIBAS ARIAS, F., BLANCO PRADO, J. M e SAAVEDRA PÉREZ, M. . Cruceiros, cristos e cruces de Muras.  Vilalba: Instituto de Estudios Chairegos, 2009.

BAAMONDE, A. e CASTRO, A. “Cruces, cruceiros, ermidas e capelas da bisbarra chairega”, en El Progreso. Lugo: 22-8-87, páx. 7.

CENDÁN FRAGA, A.: “Os cruceiros de Vilalba”, en El Progreso. Lugo: 31-8-88, páx. 33.

LAREDO VERDEJO, José M.: Os nosos cruceiros, A Coruña: Ed. Boreal-Xuntanza.  1993.

PERNAS BERMÚDEZ,  Carmen. “O cruceiro dos Catro Camiños de Vilalba (Lugo) (I), Diario El Progreso de Lugo, 30-IV-1998, páx. 16.

PERNAS BERMÚDEZ, Carmen. “ O cruceiro dos Catro Camiños de Vilalba (Lugo) (e II)”, Diario El Progreso de Lugo, 1-V-1998, páx. 16.

RODRÍGUEZ CASTELAO, A. As cruces de pedra na Galiza. Madrid: Akal, 1975 (Ed. Facsímile).

RODRÍGUEZ SÁNCHEZ, M. e  BLANCO PRADO, J.M. Cruces y cruceros del municipio de Begonte. Lugo: Deputación provincial, 1988.

TRAPERO PARDO, José. “Os cruceiros”, en Lucus, nº 27, 1974, páxs. 25-40.

 

         ILUSTRACCIÓNS REALIZADAS POR FERNANDO ARRIBAS ARIAS.

 

         RELEVOS DA PAIXÓN                 

 

           

XESÚS LEVANDO A CRUZ 

 

          

CAÍDA DE XESÚS 

 

          

DESVESTINDO A XESÚS 

 

        

CAIDA DE XESÚS 

 

       

FLAXELACIÓN. 

 

      

XESÚS LEVANDO A CRUZ 

 

     

 CRUCIFIXIÓN

 

    

PRENDEMENTO DE XESÚS 

 

    

 XESÚS ENTRE OS DOUS LADRÓNS.

 

DECORACIÓN VARIADA

            

 

DECORACIÓN XEOMÉTRICA 

 

IMAXES DO SAGRADO CORAZÓN 

 

SANTIAGO APÓSTOLO 

 

ESCUDOS 

 

VIEIRA