AS ALFOMBRAS FLORAIS NO CORPUS E NOUTRAS FESTIVIDADES.

 

  

            AS ALFOMBRAS FLORAIS NO CORPUS E NOUTRAS FESTIVIDADES.        

 AUTORES: JOSÉ MANUEL BLANCO PRADO  

                     CARMEN MONTES PRADO.

        Revista de Investigación “ETNOGRAFIA”,  nº1, 2009. I.S.S.N. 1989 – 8541.  

       WEB: https://mesondoforno.com.

 

 

    FONSAGRADA
       O Corpus celébrase en toda a igrexa como un acto de homaxe e veneración a Cristo, presente na Eucaristía. Con respectos aoa seus orixes temos referencia que desde o século V tiña lugar unha festa do “Natalis Calicis” o 24 de marzo. Mais como coincidía co tempo da Paixón viuse como máis conveniente trasladar a súa celebración, como queda reflectido na bula Transiturus, que data do 8 de setembro de 1264 (1).


       Na instauración da festa nova influíu a devoción ó Sacramento da beata Xuliana (1193-1258) na diócese de Liexa (Bélxica), onde comezou a celebrala o bispo Roberto Thorete no ano 1246. Logo foi instituída polo papa Urbano IV no ano 1264, fixando o carácter xeral da festa e a súa data sesenta días despois da Pascua. A súa morte non hai interese en fomentala ata que o papa Clemente V dispuxo a súa celebración no concilio de Viena (1311). O papa Xoán XXII engádelle a procesión no ano 1317. A partir desta data os pontífices impulsaron a festividade con indulxencias. Posteriormente, a mediados do século XVI, celébrase o Concilio de Trento onde se declara que o costume introducido pola igrexa de conmemorar con veneración un día festivo ó Sacramento é moi pía e relixiosa. Ademais o regocixo dos fieis debe servir para que os herexes teñan envexa e vergoña, provocando a súa volta á fe.”Declarat praeterea sancta Synodus, pie et religiose admodum in Dei Ecclesiam inductum fuisse hunc morem, ut singulis annis peculiari quodam et festo die praecelsum hoc et venerabile sacramentum singulari veneratione ac solemnitate celebraretur, utque in processionibus reverenter et honorifice illud per vías et loca pública circumferretur. Antiquissimum est enim, sacros aliquos statutos esse dies, cum Christiani omnes singulari ac rara quadam significatione gratos et memores testentur animos era commumen Dominum et Redemptorem pro tan ineffabili et plane divino beneficio, quo mortis eius victoria et triunphus repraesentatur. Atque sic quidem oportuit victricem veritatem de mendacio et haeresi triunphum agere ut eius adversarii, in conspectu tanti splendoris et in tanta universae Ecclesiae laetitia positi, vel deabilitati et fracti tavescant, vel pudore affecti et confusi aliquando resipiscant” (2).

         Esta festividade introdúxose en España no século XIV, sendo Barcelona a primeira cidade onde se celebrou no ano 1319, logo en Vich (1330) e Valencia (1355). En Galicia as testemuñas da súa celebración son do século XIV e XV. “As primeiras noticias de Puga Brau referentes a Allariz son do século XIV e nun documento do 27 de maio de 1437, transcrito por Ferro Couselo, ordéase ás Cofradías de Ourense como debían de andar no día do Corpo de Deus” (3). Hai pensadores como Vicente Risco para quen a celebración do Corpus en Galicia no vai mais alá do século XVI. Tratábase dunha festa cívico-relixiosa, na que tiñan moito interese os concellos e na que interviñan o clero, os gremios e maila nobreza (4). Esta solemnidade adquiriu importancia no século XVI co arcebispo de Santiago Gaspar de Zúñiga e Avellaneda, quen publicou unha Pastoral na que dicía:Considerando ser necesario conforme a los Sagrados Concilios, razón e buena costumbre que el Sanctisimo Sacramento esté perpetuamente en el reliquario, e cuanto daño e peligro de las ánimas se sigue de lo contrario, no sin grave tristeza hemos sido informados que en muchas yglesias de nuestro Arçobispado no ay Sacramento, e donde lo ay no está con la limpieza, la decencia e la honorificación que a tan alto Señor se debe. Por tanto, queriendo proveer de rremedio, nos a parecido ser cosa conveniente ordenar una Cofradía del Santísimo en todo nuestro Arçobispado, como la instituyó nuestro muy sancto padre Paulo tercio en Roma e exorta encarecidamente se instituya en toda la Christiandad, e concede innumerables indulgencias e perdones a todos los confrades de la dicha Cofradía, como parece por su Bula; la qual mandamos imprimir juntamente con las reglas que han de guardar los dichos cofrades; e exortamos e mandamos a todos los Rectores, curas e sus tenientes hagan leer muchas veces esta bula en sus feligresías, no dexen de ayudar a tan sancta obra e ganar tantas indulgencias e perdones… (5).

        Desde o século XVI en adiante a festividade do Corpus soía consistir no seguinte: “A mañá a Procesión, na que figuraban todalas Irmandades piadosas e todolos Gremios, levando as imaxes dos seus santos patronos e cada unha coa súa comparsa de danzantes e figurantes, e dediante ou no medio os Xigantós, chamados en Galiza Cocas, Almazonas ou fantasmas” (6).Despois da procesión ou noutro intre do día tiña lugar a representación de autos sacramentais nun lugar sacro, como a catedral, ou profano, como a praza. Se o auto celebrábase pola maña, os seus personaxes ían normalmente na procesión, vestidos para realizar a representación.
         Na actualidade segue habendo determinadas manifestacións do Corpus que é mester sinalar. Na cidade de Lugo, aparte de celebrarse a procesión, que percorre as súas principais rúas, segue habendo o costume de que ó domingo seguinte acuda unha representación de cada un dos sete concellos, que constituíron o antigo Reino de Galicia, presidida polo seu alcalde. Tódolos alcaldes, segundo o seu torno anual, levan a cabo a ofrenda do Reino de Galicia a Xesús Sacramentado; esta ofrenda data do ano 1669 por decisión da Xunta do Reino (7).
         Outros importantes restos do antigo Corpus encontrámolos noutras vilas galegas, como Redondela (Pontevedra), Allariz (Ourense), Betanzos (A Coruña) etc… En Redondela aínda se conserva a Coca, as Penlas e a Danza de Espadas. A Coca é unha figura, que simboliza a un dragón de témera cara, gran boca e dentes de madeira; tiran por ela dous cintulos que venden copras humorísticas (8). Este dragón está composto de partes de cobra, crocodilo e de aguia, que son os depredadores máis perigosos dos tres medios naturais; terra, auga e aire (9). Trátase dunha representación plástica do demo que é vencido e dominado por Deus. As Penlas son dúas nenas moi ben adobiadas con roupas brancas e con pequenas ás, que bailan na procesión, apoiadas non ombreiros de dúas mulleres (“as burras”); a súa orixe é anterior ó Corpus, conservándose documentación delas noutras localidades como Santiago de Compostela, Pontevedra, Baiona, etc… (10). A danza de espadas é levada a cabo por danzaríns, que visten con roupas brancas no transcurso da procesión, executando figuras coreográficas, que representan cruces, estrelas etc…(11)
         En Betanzos a Coca desapareceu a causa de que o rei Carlos III prohibiuna o 20 de febreiro de 1777, máis rexurdiu hai algúns anos, saíndo unicamente na festividade do S. Roque, que se celebra a mediados do mes de Agosto (12). A primeira Coca galega da que temos documentación é a de Ourense, que saía a finais da primeira metade do século XV. Hóuboas tamén nas cidades de Pontevedra, Santiago de Compostela, a Coruña etc. Fora de Galicia aínda sae en Granada, Berga (Barcelona), Jaén, Tortosa etc… (13).
         En Allariz (Ourense) aínda pervive a tradición da “festa do boi”. Segundo Vicente Risco “o víspora e mailo día de Corpus, corren por todalas rúas da vila un boi bravo, atado polos cornos cun sedeño moi longo, que levan agarrado varios homes, os cuales déixano correr ou turran dil,asegún conveña” (14). Tamén nesta vila ourensán realizan bonecos de palla, que simbolizan a Xan de Arzúa. Este personaxe, segundo a tradición local, foi na súa orixe un cristián, que subido enriba dun touro bravo, tentou espantar ós xudeus que presenciaban a procesión dunha maneira irreverente (15). Este costume presente en diferentes lugares de España representa para algúns pensadores unha pervivencia de ritos agrarios (16). Segundo outros a evocación ritual dun que simboliza a forza e a valentía da natureza, mais que se ve dominado polos homes nun acto de afirmación da cultura sobre a forza bruta (17).
         A festividade do Corpus está moi vinculada ó emprego de flores e outros vexetais na procesión do Santísimo, que percorre baixo palio as principais rúas das cidades e vilas galegas, así como o perímetro de moitas igrexas parroquiais. Desde hai moitos anos os veciños de bastantes entidades de poboación enfeitan as súas rúas con espadanas, fiúncho, flores etc… Algúns, desde os balcóns das súas casas, botan por riba da custodia, na que vai o Santísimo, flores de diferentes cores. Ó rematar a procesión, algúns devotos recollen flores e outros vexetais e lévanos para as súas casas cunha finalidade profiláctica. “No hay una sola parroquia que no tenga su custodia de plata dorada para hacer el recorrido procesional con el Señor bajo palio y con todo el camino cubierto de rosas, flores, hierbas etc. Hierbas y flores que los vecinos recogían y llevaban a sus casas, una vez que había pasado el Santísimo” (18). “A xente cobre de flores e de ramas os camiños por onde vai pasa-la procesión; mesmo se botan espigas de trigo ou centeo no camiño…”(19). “En Arzúa, despois de pasa-la procesión…a xente recolle os ramallos e flores, sacralizados polo Santísimo, para utilizalos como defensa simbólica contra o mal” (20). Nalgunhas freguesías do municipio de Begonte, como Damil e Felmil…colócanse ó redor das igrexas un considerable número de espadanas. Estas quedan sacralizadas cando pasa o Santísimo, o que motiva que un importante número de fregueses destas comunidades, ó rematar a procesión, adoiten levar algunhas para as súas casas coa finalidade de protexer a facenda (21). Tanto o fiúncho como as espadanas son vexetais non exclusivos de Galicia, senón que se empregan tamén nas procesións do Corpus de Granada, Toledo, Valencia, etc… (22).

         Con respecto as alfombras florais é digna de mención, fora de España, a da l’infiorata de Genzamo (Roma), e a nivel do estado español hai que distinguir as da Orotava (Tenerife) e Sigtes (Barcelona) (23). En Galicia teñen moita sona as de Ares (A Coruña), Redondela e Ponteareas (Pontevedra). Estas últimas comezaron a realizarse sobre o ano 1850 na rúa de Abaixo, empregando serraduras tinguidas.“Hoxe os veciños armana por barrios, comenzando quince días enantes a apañar fiúncho e retamas de buxo pra perfiar os dibuxos. Nas vísperas do Corpus recóllense as frores, desfollándoas e poñendo en cestos distintos cada coor. Colócase na rúa una plantilla de cartón, feita por un diseñador local e o dibuxo rechéase con axeitada combinación de coores…” (24). Nestas alfombras florais emprégase unha gran variedade de flores e outros materiais vexetais, que permiten realizar importantes grecas, escudos, paxaros e debuxos alegóricos. Foron declaradas de interese turístico nacional no ano 1968, debido a que constitúen unha verdadeira obra de arte.
          Na provincia de Lugo imos distinguir unha serie de alfombras florais ligadas ás festividades do Corpus e do Carme.

   

                         CHANTADA

 

 I.  ALFOMBRAS FLORAIS VINCULADAS Á FESTIVIDADE DO CORPUS.

   1. A FONSAGRADA.

        Nesta vila, as alfombras florais comezaron a realizarse a finais da década dos oitenta. Ó principio, algunhas pequenas da localidade ían botando espadanas e flores nas rúas, polas que ía pasa-la procesión do Santísimo. Anos despois, algunhas mulleres da vila empezaron a realiza-las alfombras florais, sendo Dª María Luz Fernández a coordinadora deste labor. Teñen unha influencia, segundo comentarios dalgúns veciños da vila, das que se fan na mariña, e preferentemente das da vila asturiana de Figueras. Nos preparativos e na súa elaboración hai que distinguir unha serie de fases:
        1ª fase.- Desde hai uns tres anos, algúns veciños da vila levan a cabo reunións periódicas na casa do concello, onde organizan o traballo en grupos.
        2ª fase.- Unha semana antes da festividade do Corpus, un bo número de veciños da localidade recollen flores de xestas, margaridas, rosas, plantas do S. Xoán, follas de mirto, area, pousos de café, e serraduras, que tinguen de diferentes cores.
        3ª fase.- Faise unha selección daqueles materiais, que se van empregar.
        4ª fase.- Na madrugada do día do Corpus, desde as catro da mañá ata as oito ou nove, máis de cen veciños da vila, distribuídos en grupos, elaboran diferentes alfombras florais. Para este labor, dispoñen, desde hai algúns anos, duns modelos que lles permiten face-lo traballo con máis precisión, aínda que hai persoas como Xabier de Amador, Víctor o Pintor, e Amador de Laureano, entre outras, que seguen facendo os debuxos directamente na rúa. No ano 1998 realizáronse nesta vila seis alfombras florais, que tiñan unha superficie de máis de douscentos cincuenta metros cadrados. Os seus motivos variaban desde grecas, de cores diferentes, ata temas florais, zoomorfos, relixiosos, etc… Unha delas simbolizaba un pequeno altar, que presentaba os seguintes elementos: motivos florais no centro, xeométricos nos seus extremos, o símbolo da cruz, ornado con pétalos de cor vermella, e as siglas de Jesucristo (JHS) con pétalos de cor branca. Outra representaba un copón decorado con area, serraduras tinguidas de cor escura e pétalos de cores branca e vermella (25). 
        No ano 1999, coincidindo co Ano Santo Compostelán, fixéronse tamén varias alfombras florais. A máis significativa foi a que representaba o camiño primitivo, que constaba de tres elementos: 
        1º. A espada do apóstolo Santiago adornada con caraveis, rosas e sabugueiro.
        2º. O camiño primitivo ó seu paso polas seguintes localidades do concello da Fonsagrada: O Acebo, Cabreira, Fonfría, Barbeitos, Silvela, Paradanova, A Fonsagrada, O Padrón, Puebla de Burón, Xestoso, Pico do Hospital, Hospital e Paradavella. Foi ornado con area e serraduras tinguidas de marrón escuro; os seus extremos foron decorados con grecas e rosas de cor branca. 
        3º. Ó remate do camiño, a cruz de Santiago enfeitada con flores de sabugueiro e sanxoáns (milicroques).

       FONSAGRADA.


        O resto das alfombras representaban motivos diferentes, desde grecas, decoradas con pétalos de distintas cores, ata motivos florais, relixiosos, zoomorfos etc. Entre os relixiosos distinguimos preferentemente dous: A.- Un copón decorado con area, serraduras tinguidas de marrón escuro e normais. Na parte superior tiña as siglas de Xesucristo (JHS), ornadas con pétalos de cor vermella. B.- Preto da igrexa, construíuse un altar, decorado no chan con motivos florais, grecas, enfeitadas con flor de xesta, e unha custodia, que tiña un anxo a ámbolos dous lados. Tanto a custodia como os dous anxos estaban ornados con flor de xesta e con outras flores de cores branca, rosa e vermella (26). 
        As alfombras florais cubrían o percorrido da procesión do Santísimo, que incluía as seguintes rúas: avda. de Galicia, praza de España, parte da rúa Maior e Rosalía de Castro. Na procesión, interviñan os seguintes elementos: tres fregueses da vila, levando o crucifixo e dúas lámpadas; algúns pequenos, que fixeron a primeira comuñón; o Santísimo levado por un crego nunha custodia e baixo palio; outros cregos concelebrantes da misa do Corpus e algúns devotos en xeral.

         2. SARRIA.

          No ano 1996, as confrarías do Santo Enterro e da Soidade comezaron a planifica-la elaboración dalgunhas alfombras florais na vila. A coordinación das tarefas estivo a cargo da profesora Dª Violeta Bernardo, que contou co asesoramento dalgunhas persoas da vila pontevedresa de Ponteareas. Na súa preparación e realización hai que distinguir, como na localidade da Fonsagrada, varias fases claramente ligadas entre si. En primeiro lugar, algúns veciños da vila recollen, con bastantes días de antelación, materiais básicos: flores, de variados tipos, follas de mirto, xestas, serraduras, pousos do café etc.; nesta fase participan non só algunhas mulleres da vila, senón tamén da súa zona rural que envían flores dos seus xardíns; tamén colaboran algúns colexios da localidade. Logo un grupo de mulleres da vila traballa na igrexa do Rosario ou na casa do Marqués, facendo unha selección das flores, atendendo ó seu tamaño e cor, así como das follas de mirto e outros materiais de tipo vexetal. Finalmente, o sábado anterior ó Corpus, un relevante número de veciños da vila, de tódalas idades e sexos, realizan, desde as nove ou dez da noite ata as catro da mañá, varias alfombras florais entre a igrexa do Salvador e a de Sta. Mariña. 
         No ano 1997, as fortes treboadas caídas naqueles días motivaron que houbese que pintar dúas veces as guías ou modelos para a colocación das flores. Nese ano as alfombras florais, situadas na rúa Maior, cubriron unha extensión de trescentos metros cadrados.

  PROCESIÓN DO CORPUS.
         Pola contra, no ano 1998, cubriron unha superficie de catrocentos metros cadrados. Neste último ano, houbo que distinguir cinco tipos de alfombras florais:
         1ª. Unha alfombra floral, situada entre a igrexa do Salvador e a de Sta. Mariña, composta de motivos florais de cores amarela, branca, rosa, verde e vermella, nunha sucesión alternante co céspede e cadrados de flores de cores branca, rosa e vermella.
         2ª. Na praciña do Salvador, unha alfombra, representando motivos de tipo xeométrico, ornados con pétalos de cores branca e vermella.
         3ª. Ó carón da praciña do Salvador, unha alfombra, representando unha custodia, decorada con pétalos de cores amarela, branca e negra. No centro da custodia, unha cruz e as siglas “JHS” de cor negra. Ó redor da custodia, unha representación de pombas, decoradas con pétalos de cor branca, o céspede e unha sucesión alternante de motivos florais e xeométricos nos extremos da alfombra, adornados con pétalos de cores branca e vermella. 
         4ª. Unha alfombra floral, situada na praza da Constitución, na que se indicaba o nome da vila e a data do evento en cor negra. Nos extremos da alfombra, unha serie de grecas, decoradas con pétalos de cores amarela e branca.
         5ª. Fronte á igrexa da Sta. Mariña, unha alfombra, simbolizando o rostro de Cristo, ornado con pétalos de cores amarela e branca. Ó redor da figura, círculos de cor amarela. Logo céspede e unha sucesión alternante de motivos florais e xeométricos nos extremos da alfombra, decorados con flores de cores amarela, branca e vermella.
         No ano 1999, coincidindo co Ano Santo Compostelán, tamén houbo que distinguir cinco modelos de alfombras florais, que cubriron unha superficie aproximada de catrocentos metros cadrados. Estas distribuíronse do seguinte xeito:
         1ª. Entre a igrexa do Salvador e a de Sta. Mariña, unha alfombra floral, constituída por dezaseis peregrinos en alternancia con outros tantos lazos da amizade. Os peregrinos estaban decorados con serraduras tinguidas de cor marrón escura, borras de café e labras. Os lazos da amizade de pétalos de cores vermella, branca e amarela. O resto da alfombra amosaba herbas e follas de mirto.
         2ª. Fronte á igrexa do Salvador, unha alfombra floral, que representaba un rosetón, adornado con pétalos de cores branca, rosa e vermella.
         3ª. Ó carón da igrexa do Salvador, unha alfombra floral, composta dos seguintes elementos: un copón e dous anxos no interior dunha especie de mandorla (27). No resto da alfombra había un debuxo xeométrico, que se repetía ó longo da mesma. Na súa elaboración utilizáronse os seguintes materiais: serraduras tinguidas de cor amarela, labras de cor branca, margaridas brancas, borras de café, pétalos de cor vermella e follas de mirto (28). 
         4ª. Unha alfombra floral, situada na praza da Constitución, na que se facía referencia, con pétalos de cor vermella, ó nome da vila e a data do evento. Nos seus extremos había catro vieiras, enfeitadas con margaridas de cor branca.
         5ª. Fronte á igrexa da Sta. Mariña, unha alfombra floral, formada polos seguintes elementos: unha representación de Cristo no interior dunha mandorla, rodeada de vintedúas vieiras. Nos seus extremos catro figuras xeométricas similares. Na súa feitura foron usadas as seguintes substancias: serraduras tinguidas de varias cores, labras de cor branca, margaridas brancas, pétalos de cor vermella e follas de mirto. 
         O día do Corpus a procesión percorre o espacio comprendido entre ámbalas dúas igrexas, volvendo ó seu punto de partida. A disposición dos seus elementos e moi similar á da Fonsagrada.
         Noutras vilas da provincia, algúns veciños realizan na véspera ou madrugada do Corpus algunha alfombra floral ó carón do cruceiro da praza, como acontece en Monforte, onde os veciños do barrio do S. Antón cobren unha extensión duns sesenta metros cadrados, ou elabóranas nos accesos á igrexa parroquial, como é o caso da vila de Chantada, onde no ano 1998 construíron unha alfombra, que constaba dos seguintes elementos: unha custodia, un cáliz, unha hostia, unha pomba e diversidade de grecas; os materiais utilizados foron serraduras e pétalos de cores branca, rosa e vermella.
         Hai anos, os veciños de Triacastela botaban polas rúas espadanas, fiúncho e flores, de cores variadas, para o paso da procesión do Santísimo, que chegaba ata a “Casa de Pardo”, situada no campo da Feira, onde fora construído un altar cheo de flores; alí a procesión detíase un intre e logo voltaba á igrexa parroquial.


II. ALFOMBRAS FLORAIS LIGADAS Á FESTIVIDADE DO CARME.

 

           1. BURELA.

          A comezos da década dos noventa comezaron a realizarse unha serie de alfombras florais con motivo das festas do Carme de principios de xuño. Con anterioridade, algúns veciños da vila facían ó carón das súas casas algunhas alfombras pequenas. Na actualidade a realización das alfombras require unha organización, que recae nun pequeno grupo de veciños da localidade, coordinados por Dª Anxeles Santalla Fernández, sendo apoiados neste labor por bastantes persoas da vila. Os preparativos comezan con dous meses de antelación, período no que se levan a cabo varias reunións para elixi-los diferentes debuxos das alfombras, elabora-los patróns ou modelos -primeiro sobre papel e logo en cartón-, realizar copias, repartilas entre aquelas persoas, que se van responsabilizar de cada unha delas, escolle-las cores, que van leva-los diferentes debuxos etc… Varios días antes da festividade grupos de veciños da vila proceden a recoller diferentes flores, herbas, follas de mirto, serraduras, labras, pousos de café etc. A véspera do día principal das festas é cando se leva a cabo a elaboración das distintas alfombras, que cobren o traxecto desde a igrexa parroquial ata o porto pesqueiro.

                 BURELA
         No ano 1999, con motivo do Ano Santo Compostelán, as alfombras florais de Burela estiveron adornadas cos seguintes motivos:
         1º. A Virxe do Carme, representando a unha peregrina, que realizaba o camiño de Santiago.
         2º. O escudo de Burela, situado ó carón da igrexa parroquial, onde comezan as alfombras florais. Logo, nos cruces da rúas, amosábanse os escudos de Abadín, Alfoz, Arzúa, Ferreira do Valadouro, Mondoñedo, Vilalba e os nomes das vilas de Melide e Sobrado dos Monxes. Tratábase de vilas galegas relacionadas co camiño Norte de Santiago.
         3º. Unha serie de elementos ligados directamente coa peregrinación: a vieira, o Santiago Peregrino, o bastón coa cabaza, o botafumeiro, unha ponte sobre un río, unha imaxe de Santiago a cabalo, un peregrino andando, etc… 
         4º. Algúns elementos vinculados coa natureza: cogomelos, espigas de trigo, flores silvestres, uvas etc.
         5º. Finalmente, no porto pesqueiro da localidade, fíxose a catedral de Santiago e o mosteiro do S. Martín Pinario (29).
         Na elaboración das alfombras empregáronse diferentes materiais: rosas de distintas cores, hortensias, margaridas, milicroques e outras flores silvestres, ciprés picado e outras herbas, serraduras tinguidas de varias cores, pousos de café -bordes das figuras-, restos de caolín, sementes de cabaza, lentellas tinguidas de dourado -escudo de Mondoñedo- etc…

         2. FOZ.

         Nesta vila lévanse a cabo unhas importantes alfombras florais desde o ano 1981 con motivo da festividade da Virxe do Carme, que se celebra o 16 de xullo. “De uns años a esta parte, las calles por las que transcurre la misma se cubren de artísticas alfombras” (30). Estas comezaron a realizarse na rúa do mar e ó ano seguinte na rúa do Xesús Nazareno, ámbalas dúas situadas no barrio mariñeiro. Para a súa elaboración é mester unha planificación axeitada, levada a cabo por un grupo de veciños da vila, que deciden os motivos decorativos, que van leva-las alfombras, con bastantes días de antelación á festividade (31).

          

                                                                                                                                                                          

     Logo dispoñen os diferentes modelos nos que se van reflecti-los distintos motivos propostos. Finalmente algúns días antes da festividade, persoas de tódalas idades da vila, incluídas un bo número de veraneantes, buscan flores e plantas de diversa índole: rosas, margaridas, milicroques, hortensias, ciprés, espadanas… e outros materiais diversos: serraduras tinguidas de varias cores, area, pousos de café…Todo este material gárdase ata a noite do día 15, que é cando se confeccionan as diferentes alfombras florais, labor que remata ó mencer. Ó mediodía sae en procesión a imaxe da Virxe do Carme, levada en andas por pescadores da localidade, que percorren varias das súas rúas, pasando un ano pola rúa do mar e ó seguinte pola de Xesús Nazareno -ámbalas dúas, como dixemos, no barrio mariñeiro-. A procesión detense na praza dos Condes de Fontao, onde se reza un responso polos doce pescadores mortos no naufraxio do barco da vila “O Xesús Nazareno”, que tivo lugar no ano 1945; logo do responso bótase ó mar un ramo de flores como ofrenda. “En la dársena del puerto, se realiza la ofrenda floral a los náufragos, ceremonia de gran emoción, al tiempo que se canta la Salve Marinera” (32). Outra parada lévase a cabo na Cofradía de Pescadores, onde se canta a Salve mariñeira, ritual que se volve a executar no interior da igrexa parroquial (33).
         Os motivos das alfombras son moi variados. No ano 1992 referíronse ó descubrimento de América. No 1995 ó naufraxio do barco de Foz “O Xesús Nazareno”. Nos anos 1993 e 1999, con motivo dos Anos Santos Composteláns, houbo diversidade de temas xacobeos: o bordón e a cabaza, a vieira, Santiago peregrino etc…


BIBLIOGRAFÍA .

1.  CARO BAROJA, Julio. El estío festivo. Madrid:  Ed. Taurus, 1984, páx. 52.
2.  CACHEDA VIGIDE, Eduardo-Aurelio. La Religiosidad Popular en Galicia. El Municipio de Arzúa. Santiago: Edicións e Deseño, 1991, páx. 147.
3.  TABOADA CHIVITE, Xesús. Etnografía Galega. Cultura Espritual. Vigo: Galaxia, 1972, páx. 70.
4.  RISCO, Vicente. ” Etnografía. Cultura espiritual“, en Historia de Galiza dirixida por Ramón Otero  Pedrayo.  T.I.  Ed, Akal. Madrid, 1979, páx. 665.
5.  FRAGUAS FRAGUAS, Antonio.  Palabra “Corpus”, en  G. Enciclopedia Gallega, t. VII, Silverio Cañada, Gijón, páx. 160.
6.  RISCO, Vicente.  Ob. cit., páx. 665.
7.  GONZÁLEZ REBOREDO, X.M. Guía de Festas populares de Galicia. Vigo: Galaxia, 1997, p.65.
8.  TABOADA CHIVITE, Xesús. Etnografía Galega. Cultura Espritual. Vigo:  Galaxia,1972. p. 71.
9.  MARIÑO FERRO, X.R.: Antropoloxía de Galicia. Vigo:  Xerais,  2000, páx. 484.

10.GONZÁLEZ PÉREZ, Clodio.: As Festas Cíclicas do Ano., Santiago de Compostela: Manuais do Museo do Pobo Galego, nº 2, 1991, páxs. 96-97.
11.GONZÁLEZ REBOREDO, X.M. Ob. cit., páx. 66.
12.GONZÁLEZ PÉREZ, Clodio. Ob. cit., páx. 94.
13.GONZÁLEZ PÉREZ, Clodio. Ob. cit., páx. 96.
14.RISCO, Vicente. Ob. cit., páx. 670.
15.TABOADA CHIVITE, Xesús. Ob. cit., páx. 70.
16.TABOADA CHIVITE, Xesús. Ob. cit., páx. 70.
17.GONZÁLEZ REBOREDO, X.M. Ob. cit., páx. 67.
18. FRAGUAS FRAGUAS, Antonio. Palabra “Corpus”. Ob. cit., páx. 161.
19. MANDIANES CASTRO, Manuel. Loureses. Antropoloxía dunha parroquia galega. Vigo: Galaxia,1984, páx. 39.
20.MARIÑO FERRO, X.R. Ob. cit., páx. 147.
     CACHEDA VIGIDE, Eduardo-Aurelio. Ob. cit.. páx. 147.
21.BLANCO PRADO, José Manuel.: Religiosidad Popular en el Municipio de Begonte. Lugo: Diputación Provincial de Lugo, páxs. 45 e 246.
22.GONZÁLEZ PÉREZ, Clodio. Ob. cit., páx. 94.
23.GONZÁLEZ PÉREZ, Clodio.: Ob. cit., páx. 94.
24.TABOADA CHIVITE, Xesús.: Ob. cit., páx. 71.

 25. FERNÁNDEZ, MARÍA LUZ. Informante da Fonsagrada.
26. ARIAS RODIL, Alicia.  Informante da Fonsagrada.
27. A mandorla é unha auréola mística, en forma de amendoa, que envolve a Cristo ou á Virxe en maxestade na iconografía artística medieval.
28.VILA, Elvira.. Informante da vila de Sarria.
29.SANTALLA FERNÁNDEZ, Ánxeles. Informante da vila de Burela.
30.FERNÁNDEZ, Suso.: Foz. Un lugar de ensueño. Everest, León, 1991, páx. 63.
31.NIÑÉ FERNÁNDEZ, Antón. Alfombras para a Virxe do Carmen, Foz, 1993.
32.FERNÂNDEZ, Suso. Ob. cit., p. 63.
33.NIÑÉ FERNÂNDEZ, Antón.: Ob. Cit..

    

  ILUSTRACCIÓNS

   

    

                                      

                                    ALFOMBRA FLORAL DE CHANTADA.  

      

 

 

                                           ALFOMBRA FLORAL DE BURELA

 

                                      ALFOMBRA FLORAL DE FONSAGRADA.

 

 

 

                                          ALFOMBRA FLORAL DE SARRIA..

 

 

 

                                         ALFOMBRA FLORAL DE BURELA.

 

 

                                    ALFOMBRA FLORAL DE FONSAGRADA.

 

 

                                         ALFOMBRA FLORAL DE SARRIA.

 

 

                                                ALFOMBRA FLORAL DE FOZ.

 

 

 

                                     ALFOMBRA FLORAL DE FONSAGRADA.

 

 

 

                                           ALFOMBRA FLORAL DE SARRIA.

 

 

 

                                             ALFOMBRA FLORAL DE FOZ.

 

 

 

 

                                                ALFOMBRA DE SARRIA.

 

 

 

 

 

                                           ALFOMBRA DE FONSAGRADA.

 

 

 

                                    PROCESIÓN DO SANTISIMO EN SARRIA.

 

 

 

 

                                                 ALFOMBRA DE SARRIA.

 

 

 

 

 

 

 

 

                        

 

 

 

I. ANO 2009. ALGUNHAS CLAVES SOBRE A FESTA PARROQUIAL

   ALGUNHAS CLAVES SOBRE A FESTA PARROQUIAL

         AUTOR: JOSÉ MANUEL BLANCO PRADO

         Revista de Investigación “ETNOGRAFIA”,  nº1, 2009. I.S.S.N. 1989 – 8541.  

       Web, https://mesondoforno.com

        A celebración das festas do santo patrón-oa en calquera parroquia galega teñen un senso de festa relixiosa, na que a misa maior e a procesión cos santos da comunidade xamais poden faltar. Trátase da pertenza dos individuos a unha comunidade que celebra a súa unidade conmemorando aos que a representan.  “La fiesta tiene un sentido de comunidad territorial cuyos miembros se reunen en la fraternidad filial alrededor de su padre espiritual, el santo patrón…” (1). Continúa leyendo I. ANO 2009. ALGUNHAS CLAVES SOBRE A FESTA PARROQUIAL